* O relevo de Salcedo, ou como desentenderse do patrimonio

A principios dos anos setenta do pasado século, don Elías Valiña Sampedro mercoulle a un veciño de Salcedo, na Pobra do Brollón, un baixorrelevo en pedra que atopara reaproveitado nunha construción no ano 1951 (na parte superior esquerda figura gravado o ano 1952, cando foi recolocada no muro dunha casa). Como outros moitos obxectos, a peza foi adquirida por don Elías, con cartos públicos, para engordar o patrimonio do Cebreiro. Ata finais dos anos noventa estivo exposta na Hospedaría de San Xiraldo de Aurillac, reconvertida en mesón rexentado dende finais dos anos oitenta ata o seu peche por familiares do Cura do Cebreiro. Na actualidade a Hospedaría, propiedade da Igrexa, acolle os freires franciscáns que atenden o santuario.

 

Logo de varias pescudas para coñecer a procedencia exacta da peza e saber onde fora a parar despois do peche do mesón, enterámonos de que cando os familiares de Valiña Sampedro deixaron o negocio levaron o relevo canda eles, como se dunha herencia se tratara.

O día 8 de marzo de 2016 presentamos un escrito diante do Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para interesarnos se coñecían a súa existencia e se estaba catalogada. O 12 de abril recibimos contestación, indicándonos que si sabían do relevo pero que non figuraba no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

Ao día seguinte presentamos no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un informe coas nosas pescudas solicitando, ademais, a catalogación da singular peza. O mesmo día enviamos ao Bispado de Lugo o mesmo informe para que, como propietario, a reclamaran á familia.

Transocrridos seis meses dende a nosa petición sen recibir resposta da Xunta de Galicia, o día 8 de setembro requirímoslle se nos informara de como estaba o tema. Dende o Servizo do Patrimonio Cultural contestáronnos de que remitiran a nosa solicitude, xunto cun informe favorable dos seus arqueólogos, á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago.

Dende a nosa primeira solicitude pasou máis dun ano e a Administración continúa sen dar sinais de vida. Sabemos que os procedementos do catálogo son lentos pero non cremos que resulten tan complexos, máis cando coñecen onde se atopa o baixorrelevo e, sobre todo, porque no seu momento xa os advertimos do grave risco de "desaparición" que corre. Mesmo sabemos que a peza ocasionou, pola súa posesión, algunha desavinza entre os familiares de don Elías Valiña.

O día 24 de abril de 2017 presentamos no Rexistro da Xunta un novo escrito, dirixido á Subdirección Xeral do Patrimonio Cultural, para que, á máxima urxencia, cataloguen o relevo. Ao mellor, cando vaian, xa é tarde. Evaporouse.

Por certo, dende o Bispado de Lugo, nin mú. Para eles todo o relacionado co santuario do Cebreiro é un asunto tabú. Nada queren saber: Cristo gótico, Virxe románica, ourivería, imaxinería, libros...

Mellor non abanear isto, dinnos: "Pasou tanto tempo", "As vosas denuncias só crean mala imaxe para o Cebreiro", "Ollo onde vos metedes". Mea culpa.

Un mes despois da solicitude dirixida á devandita Subdirección, o día 11 de maio, recibín un escrito da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural comunicándome que solicitaron a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade do relevo e a procedencia da súa inclusión no catálogo. Tanto este informe como o realizado polos servizos técnicos da delegación territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, coinciden no carácter enigmático da peza e a dificultade da súa interpretación, mesmo os seus trazos estilísticos e os elementos iconográficos tampouco permiten establecer a adscrición cronocultural da peza, ademais da ausencia dun contexto arqueolóxico impiden a súa correcta valoración histórica. Ante esta circunstancia, a Dirección Xeral solicitou a colaboración do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga co fin de valorar a importancia do relevo polo que de momento estase á espera do seu informe.
 
 

Para saber máis sobre o relevo, ver:



* Premio de investigación do Concello de Cervantes 2017

O día 21 de abril de 2017, o Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do Día do Libro (adiantouse dous días por caer en domingo), fixo entrega do Premio de Investigación "Cervantes Saavedra" que convoca cada dous anos. Esta é a terceira edición. A convocatoria fíxose pública no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 19 de decembro. O prazo para entregar os traballos rematou o 28 de febreiro. 

O traballo tiña que incluír, ao menos, a descrición xeográfica e hidrográfica do término municipal de Cervantes, os monumentos megalíticos, petroglifos, castros, asentamentos, minas e vías de época romana, o monacato, o feudalismo, os foros, a desamortización, a Guerra da Independencia, as Guerras Carlistas, o agrarismo, a emigración, a represión da ditadura franquista, a arquitectura civil e relixiosa, etnografía, folclore, lendas, tradicións, toponimia, actividade socio-económica, etc. Moita tea para prazo tan cativo.

Malia dificultade para facer unha Historia de Cervantes (diso se trataba), a documentalista Pilar Carpente máis eu decidimos poñernos mans á obra. Os centos de quilómetros percorridos ao longo de cinco anos polo municipio resultara frutífero.

Uns días antes de expirar o prazo rematamos, sorprendidos polos case 500 folios que conseguiramos encher. Non fora unha tarefa fácil, pero aínda que non resultaramos gañadores, merecera a pena.

O día 11 de abril comunicáronnos que o xurado, por unanimidade, decidira outorgar o premio á obra Cervantes, un concello con historia. O noso traballo. Traballo que quedaría orfo se non for polas persoas que ao longo dos anos nos acompañaron e guiaron ata os sitios, contáronnos historias, facilitáronnos documentación... Vaia para elas o noso agradecemento.

Nos vindeiros meses publicarase o libro.

  

* Agresión aos petroglifos do Pé da Mula (Mondariz)

Os petroglifos do Pé da Mula sitúanse nos montes do Costal, parroquia de Sabaxáns (Mondariz). Trátase dunha das superficies graníticas con arte rupestre máis importantes de Galicia, ocupando unha superficie de 200 metros cadrados onde se poden ver zoomorfos, círculos concéntricos,  unha posible esvástica, coviñas, cruces e outros motivos, salientando no conxunto dous labirintos, un deles de 1,70 metros de diámetro o que o convirte, ata o momento, no máis grande de Galicia de todos os que están documentados. 

Lamentablemente, a pesares de gozar da máxima protección legal (BIC), o día 15 de abril de 2017, cando me acheguei ata o sitio, comprobei que os milenarios petroglifos sufriron unha brutal agresión. Recentemente, uns desaprensivos resaltaron os erosionados motivos, non xa con xiz (que tampouco se pode facer) senón cunha pedra, ocasionándolles serios danos.

 

Durante máis de dez anos, os gravados sufriron bastante desgaste xa que sobre as pedras pasaba maquinaria agrícola e gando dunha granxa colindante que ao menos ata o 2012 carecía de licencia.

Nese mesmo ano procedeuse ao seu cercado para protexer as gravuras pero a día de hoxe a cerca atópase comida pola maleza o que fai difícil o acceso ao interior.  Sobre o panel, mesturado coas gravuras, tamén se insculpiron inscricións modernas.

 

A única sinalización existente é de hai varios anos, e non foi nin o Concello nin a Xunta de Galicia quen a colocou senón a asociación cultural Nova Xesta tal como figura nos paneis.

 

O día 17 presentei no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia senllos escritos, un dirixido ao Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e outro ao Concello de Mondariz para comunicarlle as agresións e poñan en valor as gravuras.

* Petroglifos inéditos en Pontedeume

O día 9 de abril de 2017 localicei dous petroglifos inéditos no concello de Pontedeume. O primeiro foi no monte das Aveeiras, na aldea da Regueira, parroquia de Ombre, a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dunha pía de forma ovalada (17 por 12 centímetros), con canle de saída, situada na parte superior dunha rocha granítica. Nas inmediacións hai varias mámoas catalogadas moi alteradas pola maquinaria pesada utilizada para a plantación de eucaliptos sen control arqueolóxico. 

 

Os segundos petroglifos atopeinos no monte coñecido como A Chousa do Conde, parroquia de Andrade, a uns 300 metros do castelo da Nogueirosa e a uns 30 metros do límite co concello de Vilarmaior. Trátase dun pequeno afloramento rochoso que apenas sobresae do chan onde se ven tres coviñas de 9, 11 e 13 centímetros de diámetro. Da última cazoleta, situada na parte máis alta da pedra, parte unha canle. A pena estaba tapada case na súa totalidade. A maleza e os eucaliptos inzan o sitio. 

 

Ata o momento, segundo figura no PXOM aprobado o 27 de maio de 2016, no concello de Pontedeume había dous petroglifos inventariados non moi lonxe dos que veño de documentar: o petroglifo da Regueira cunha coviña de 7 centímetros de diámetro (catalogado co código GA15069REF1), e outra pena con dúas coviñas de 5,5 e 9 centímetros de diámetro na Chousa do Conde (catalogado co código GA15069REF2. 

O día 10 de abril comuniquei os achados ao Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña para que proceda á súa catalogación. A descuberta tamén foi comunicada ao Concello de Pontedeume.

O 11 de maio, dende o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña comunicáronme que os petroglifos da Chousa do Conde, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, xa foron catalogados.