* Agresión aos petroglifos do Pé da Mula (Mondariz)

Os petroglifos do Pé da Mula sitúanse nos montes do Costal, parroquia de Sabaxáns (Mondariz). Trátase dunha das superficies graníticas con arte rupestre máis importantes de Galicia, ocupando unha superficie de 200 metros cadrados onde se poden ver zoomorfos, círculos concéntricos,  unha posible esvástica, coviñas, cruces e outros motivos, salientando no conxunto dous labirintos, un deles de 1,70 metros de diámetro o que o convirte, ata o momento, no máis grande de Galicia de todos os que están documentados. 

Lamentablemente, a pesares de gozar da máxima protección legal (BIC), o día 15 de abril de 2017, cando me acheguei ata o sitio, comprobei que os milenarios petroglifos sufriron unha brutal agresión. Recentemente, uns desaprensivos resaltaron os erosionados motivos, non xa con xiz (que tampouco se pode facer) senón cunha pedra, ocasionándolles serios danos.

 

Durante máis de dez anos, os gravados sufriron bastante desgaste xa que sobre as pedras pasaba maquinaria agrícola e gando dunha granxa colindante que ao menos ata o 2012 carecía de licencia.

Nese mesmo ano procedeuse ao seu cercado para protexer as gravuras pero a día de hoxe a cerca atópase comida pola maleza o que fai difícil o acceso ao interior.  Sobre o panel, mesturado coas gravuras, tamén se insculpiron inscricións modernas.

 

A única sinalización existente é de hai varios anos, e non foi nin o Concello nin a Xunta de Galicia quen a colocou senón a asociación cultural Nova Xesta tal como figura nos paneis.

 

O día 17 presentei no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia senllos escritos, un dirixido ao Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e outro ao Concello de Mondariz para comunicarlle as agresións e poñan en valor as gravuras.