ARTIGOS/PRENSA II

Neste apartado pódense ver os artigos publicados no seu  momento como apéndice ás entradas xerais do blog. En primeiro lugar as achegas máis recentes.

> Os enigmáticos gravados da Punta Nariga, en Malpica
> Xeolocalizamos e acabouse o problema
> Novas mámoas en Outeiro de Rei
> Os primeiros petroglifos do Corgo
> Agresión a un BIC e novas mámoas en Outeiro de Rei
> Atentado a unhas mámoas en Ferrol
> Gravados inéditos no Incio
> O Alto do San Cibrao (A Bola): 7.000 anos de historia
> Nova desfeita no parque empresarial de Friol
> Novas sobre a torre de Caldaloba
> Novas agresións a mámoas en Friol
> Agresión a unha mámoa en Oza-Cesuras
> O dolmen de Vilalvite, en Friol, xa foi descuberto no ano 1992
> Agresión a unha mámoa en Friol
> A Pena Castrela e A Pena das Verrugas
> Mámoa inédita en Negueira de Muñiz
> Agresión aos petroglifos do Pé da Mula
> O campamento romano da Cortiña dos Mouros
> Petroglifos inéditos en Pontedeume
> A figura de Martul 
> Agresión a unhas novas mámoas en Ferrol
> O Marco da Gándara (Sober)
> Novo castro no Incio
> Mámoa, petroglifos e castro inéditos en Monforte
> Mámoas abandonadas en Miño
> Os primeiros petroglifos da Fonsagrada
> SOS pola ara de Eiras (San Amaro)
> Mámoa e petroglifos inéditos en Outeiro de Rei 
> Agresión a mámoas en Oza-Cesuras e Ferrol
> Petroglifos inéditos en Lugo
> Petroglifo do Paseo Fluvial (Friol)
> Castro sen catalogar no Corgo 
> Curiosidades na igrexa de Moreda (Monforte)
> Unha estrutura circular en A Brea (Bascuas-Lugo)
> Ruínas arruinadas en Cospeito
> Petroglifos inéditos en Lugo
> O petroglifo trampolín do Agro do Pepe (O Incio)
> Monforte: Mouras, corvos, santos e tesouros
> Unha torre medieval camuflada

OS ENIGMÁTICOS GRAVADOS DA PUNTA NARIGA, EN MALPICA

No concello de Malpica de Bergantiños, entre a punta do Roncudo, as illas Sisargas e o cabo de San Hadrián, sitúase, a 50 metros de altitude, a Punta Nariga, unha impresionante atalaia sobre o Océano Atlántico, o Mare Tenebrarum dos antigos onde "as bestas nadan violentamente por medio de todo o ponto e un pavor intenso mora nestas augas a causa dos monstros". Un lugar case inhóspito e abrupto, onde a raquítica maleza apenas lambe as colosais penas graníticas de fantásticas formas moldeadas pola choiva e o vento.


Escribe Carré Aldao no ano 1921 que as Sisargas serían as famosas e discutidas Cassiterides citadas polos clásicos Heródoto, Diodoro Sículo, Mela e Plinio o Vello. E Schulten, na súa Hispania, sitúa na Punta Nariga o Promontorium Celticum.
 

Durante séculos, a Punta Nariga foi testemuña de numerosos naufraxios, de amigos e inimigos. As crónicas destes tristes sucesos son especialmente abundantes a partir de mediados do século XIX. "Andar o mar é moi sacrificado: prendes o motor, arrías a raxor as cadeas do morto, saes do porto e xamais sabes cando vas volver a acoderar o barco á rampla para descargar o peixe", son palabras do poeta-mariñeiro Alexandre Nerium, falando do dura que é a vida no mar.
 

Na Punta Nariga levántase o faro máis moderno da costa galega que entrou en funcionamento no ano 1998. Obra do arquitecto César Portela, semella un barco de pedra que encara o mar, co faro que reproduce o mastro. Como mascarón de proa figura O soño do emigrante, unha escultura en bronce de Manolo Coia, con forma entre humano e paxaro a punto de alzar o voo. 
Este mes de decembro de 2017, Victor Paradela, Jose Salgado máis eu achegámonos ata a engaiolante paraxe. Hai tempo, Victor, nas súas andainas pola zona, entrou nun pequeno acubillo rochoso que lle chamou a atención. A sorpresa xurdiu cando, no interior, viu o que parecían uns gravados insculpidos na cara case vertical dunha longa pena que apenas sobresaía un metro do chan, protexida por colosais penedas. Ante os seus ollos apareceron varias cruces latinas, unhas liñas e unha inscrición; noutra pedra próxima, tamén no acubillo, había unha coviña artificial gravada na parte horizontal.
 

Para realizar os gravados, o artífice non o tivo nada fácil, a escasa altura desta parte do acubillo e o angosto do sitio impedían traballar con relativa facilidade. Puidemos comprobalo ao limpar de terra o panel e ao facer as fotos: Jose tivo que deitarse no chan para coller un ángulo que só podemos considerar, moi lonxe de aceptable, como sumamente incómodo.
 

Pero, que era aquilo? Un lugar considerado como pagano e logo cristianizado? Non moi lonxe, a 136 metros de altitude, está o castro da Barreira, un promontorio rochoso protexido pola propia morfoloxía do terreo. Terían relación? Desbotamos esa posibilidade, de ser un castro o asentamento da Barreira, as cruces e a inscrición eran moi posteriores, e as liñas semellaban coetáneas daquelas. Só a illada coviña podería ser anterior, pero polo de agora só son conxecturas. Un eremitorio?, apuntou Victor. A profusión de cruces e o sitio onde se atopan fanno probable. Ademais, á altura do castro, no único terreo chairo que hai na Punta Nariga, consérvase o topónimo de Campo da Ermida, e xa se sabe que a toponimia adoita ser precisa.
 
 

Máis, ao analizar as fotos, as liñas tomaron forma, e o que nun principio eran trazos sen aparente conexión debuxaban unha figura que, por unanimidade, axiña identificamos cun barco. Si, un barco con seus mastros e esporón (punta en que remata) ou o mascarón de proa.
 

Agora queda casalo todo: cruces, barco, coviña, inscrición... e algo máis.
 
XEOLOCALIZAMOS E ACABOUSE O PROBLEMA
No DOG do día 7 de marzo de 2018, sae unha resolución da Xunta de Galicia anunciando a licitación, por máis de 1.000.000 de euros, para xeolocalizar os xacementos arqueolóxicos da Comunidade Autónoma. 
Por lóxica, supoñemos que para xeolocalizar un ben arqueolóxico, de calquera característica e atope onde se atope, a empresa que se faga ca contrata terá, primeiro, que visitar cada un dos xacementos para verificalo sobre o terreo. A verdade é que o prazo para realizar o traballo, cinco meses, se pisan o sitio, non nos parece moito, agás, claro, que os cartos dean para manter durante ese tempo, ao menos, un técnico en cada concello do país. Nin con esas! 

 

Ou é que só se van adicar a plasmar as coordenadas nun mapa? Se é así, que metodoloxía van a seguir? Utilizar a fotografía aérea, o LIDAR, PNOA ou drones para localizar algún castro ou algunha mámoa? E os que non se ven con estes medios, é dicir, a maioría?
Ou é que van a facer un copia e pega das coordenadas que lles facilite a propia Xunta de Galicia? Pois, se é dese xeito, vaiche boa! Abonda darse unha volta polo PBA (Plan Básico Autonómico) para caer da burra, cunha porcentaxe enorme de xácigos mal situados, sen contar aqueles que, simplemente, a pesar de estar catalogados, bluf, esfumáronse. E non nos referimos só a un insignificante pedrolo cunha insignificante coviña, non!, tamén se esvaeron monumentos lixeiramente máis grandes, como igrexas ou castelos. 
Entón? Pois a verdade é que xa estamos un chisco fartos de tanta orde, decreto, lei... que, ao final, non valen para nada, que sempre quedan en papel mollado. Neste país, cando se trata do idioma ou do patrimonio, barra libre, machucalos sae gratis.
Cantos sitios arqueolóxicos, catalogados e xeolocalizados, sufren agresións cada ano? Cantos desaparecen? En cantos se aplica a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia? E cando se aplica, as menos das veces, en que queda o conto? 
Non, pero eiquí os malos non son os que lle meten unha pa escavadora a unha mámoa, nin os que pasan cunha máquina de cadeas por riba da muralla dun castro, nin os que impiden que se visite un BIC durante os míseros catro días ao mes que marca a lei, nin os que poden traficar cunha peza arqueolóxica mentres Patrimonio decide se é ou non catalogable, nin os que arrasan cun buldozer un petroglifo, nin... 
Eiquí os malos malísimos somos os que por sacar unha palla dunha cazoleta cun pau podemos ser multados, os malos malísimos somos os que denunciamos as continuas e premeditadas agresións a xacementos, os malos malísimos somos os que descubrimos sitios arqueolóxicos porque miúdo encordio para o propietario do terreo e o Concello... 
No Colectivo Patrimonio dos Ancares temos as carpetas ateigadas de comunicacións de novos sitios arqueolóxicos e denuncias pendentes de contestación, algunhas dende hai anos. Que o persoal que hai nos servizos de Patrimonio da Xunta son insuficientes? A nós que nos contan, que creen prazas. E non dicimos que “creen máis prazas”, non, senón que as creen. Cantos lustros hai que non se convocan oposicións para arqueológos da Xunta de Galicia?
E non será por non facilitarlles as cousas á Administración. Sabemos que para chegar a moitos sitios, sobre todo na montaña, non é unha tarefa doada. Nós, sempre que descubrimos algo en lugares de difícil acceso, poñémonos ao dispór dos técnicos da Xunta para acompañalos e levalos, cos nosos medios, ata o pé do xácigo. Pero nin así, as carpetas de “pendentes” non baixan. 
No noso colectivo case nos arrepentimos de facerlle o traballo á Administración, de facer centos de alegacións para que inclúan e corrixan a situación de centos de bens. Se non fora polo que é! Pero si, anóxamos que denunciemos unha tala sen permiso realizada por Unión-Fenosa no castro, catalogado, de Vilar de Ousón, en Becerreá, e a xefa do servizo de Patrimonio en Lugo nos mande unha carta dicíndonos que lle temos que indicar en que parcela se produciu a desfeita. Ou que despois de seis meses de denunciar o arrase dunha mámoa, catalogada, no parque empresarial de Friol, e que dende Cultura en Lugo nos comunicaran que xa lle enviaran a Santiago a proposta do inicio do procedemento sancionador, aínda non saibamos nada. Ou de que vaia para dous anos en que pedimos que se catalogara o relevo de Salcedo, na Pobra do Brollón, e que nos mareen dicíndonos, primeiro, que llo enviaron a estudar á Universidade de Santiago, e logo ao Museo do Castro de Viladonga; mentres, a peza continúa en mans privadas a pesares de que foi mercada con cartos públicos a principios dos anos setenta para o daquelas mesón do Cebreiro (cando pechou o mesón, os que o atendían, leváronna como “herencia”). Ou...
Iso si, se damos con algunha peza chamativa axiña nos cominan a que a entreguemos no centro de referencia da Xunta de Galicia. Vale, é o que facemos. Pero, para que? Para metela nunha caixa e que non se volva saber dela? E que pasa cos centos de pezas, que ben saben os de Patrimonio onde se atopan, que están en mans particulares e dese xeito? 
Por iso, e por moitísimo máis, cremos que as solucións aos gravísimos problemas que ten o Patrimonio en Galicia non pasa por poñer o carro antes ca os bois. Por moito que se xeolocalicen os sitios arqueolóxicos nada vai mudar se non se toman as medidas necesarias para protexelos. Se as Administracións Públicas non crean conciencia entre a poboación (e entre eles mesmos) da necesidade de valorar o noso, de defendelo, todo vai seguir igual. Se non se toman medidas para preservalos, nuns anos o único que estará xeolocalizado será o sitio onde antes houbo un monumento. Como quedar, non vai quedar nin a moura.

NOVAS MÁMOAS EN OUTEIRO DE REI

 
 

OS PRIMEIROS PETROGLIFOS DO CORGO
 



AGRESIÓN A UN BIC E NOVAS MÁMOAS EN OUTEIRO DE REI



ATENTADO A UNHAS MÁMOAS EN FERROL

GRAVADOS INÉDITOS NO INCIO

O ALTO DO SAN CIBRAO (A BOLA): 7.000 ANOS DE HISTORIA
Vémonos de pascuas en ramos, ou mellor dito, de Nadal en Nadal. De aí, cando todos durmen os excesos da Noiteboa, Xose, Rafa máis eu quedamos, insultantemente cedo, no bar "San Pedro", na rúa Celso Emilio Ferreiro, para despexar a testa co mellor café de Ourense. A noite anterior deseñamos o plan a seguir que, coma sempre, incumprimos nun noventa e cinco por cento. Xose, por estar farto do seu monótono horario como ensinante; Rafa, porque sempre foi así, laiándose, iso si, de que teña que exercer a súa profesión de arqueólogo fóra dun país onde case todo está por facer; e eu, porque me aburre a rixidez. En definitiva, os planos que o día anterior confeccionamos para Xunqueira de Ambía e Paderne trocámolos, nun segundo, polo da Bola e ata o que nos dera tempo ata a hora de xantar.
A primeira parada foi na igrexa mosteiral de San Munio de Veiga. Por sorte atopámola aberta. A visita foi rápida, xusto para sacarlle unha foto á ara romana que se custodia, dende non hai moitos anos, no interior, a que tiña subida no blog, de 2014, apenas se lle adiviñaba a epígrafe.  Empotrada na casa reitoral, foi descuberta por Manuel Blanco Guerra. Está adicada por Ligarius Sabinus a Xúpiter. Lese: "I(ovi) O(ptimo) M(aximo)/LIGARIUS/SABINUS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)".
 

Demos media volta e dirixímonos cara a parroquia de Pardavedra para encarar o Alto de San Cibrao. A última visita fora no ano 2004. Lembramos a impenetrable néboa que nos recibiu aquel xélido día. Non sei se nos viu alguén mentres subiamos, pero se foi así de seguro que se persignou unhas cantas veces ao ver aos encarapuchados da Santa Compaña na procura dalgún infeliz para engordar a lúgubre comitiva. Pero destas acompañounos a climatoloxía, mañá fría si, pero sen choiva nin néboa, así que encaramos o camiño de terra que nos levaba ata o cume, a 914 metros de altitude. 
Atacamos os últimos metros ata o cume de San Cibrao que actúa como divisorio entre os concellos de Allariz, A Bola, A Merca e Rairiz de Veiga.   
Os primeiros trazos da presenza humana neste monte achégannolo as cinco mámoas (unha atópase a uns 50 metros do conxunto), todas violadas, que hai na elevada chaira, dúas coa cámara megalítica con oito esteos cada unha pero sen tampa cobertoira; apareceron restos cerámicos, puntas de frecha e microlitos. A simple vista, nada cambiara, ata os antiestéticos e enferruxados ferros que suxeitan unhas pranchas coa lenda "dolmen" continuaban alí. Nas inmediacións hai dúas grandes pedras fincadas nas que algúns queren ver os chantos dunha anta ou, incluso, uns menhires prehistóricos. Nin os uns nin os outros, as pedras foron cortadas e chantadas en tempos recentes, cando se acondicionou o lugar para a romaría que se celebra a finais do mes de agosto. Tamén se ergueron unhas grandes cruces de nulo valor artístico.
 
 

Percorremos a pouca distancia que hai ata a ermida. No Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cítase a capela ao delimitar a parroquia de Seoane (Allariz), e o marco que aínda se ve ao seu carón ao marcar os límites da parroquia de Corvillón (A Merca): "subiendo al lugar de Forxás hasta dar con la piedra fita". En efecto, detrás da ermida hai unha pedra fincada con tres cruces gravadas, dúas en cadansúa cara e a terceira na parte alta. Trátase dunha pedrafita contemporánea da necrópole megalítica logo reutilizada como marco? En dúas das caras a pedra foi desbastada, e non na prehistoria, o que non quita que noutro momento cumprira unha función distinta. 
 
 
 

Pero volvamos á capela. Hai quen leva a súa fundación ao século VIII, se ben o vestixio máis antigo é un ventanal xeminado empotrado nun muro que non vai máis alá do X, século en que, disque, San Rosendo mandou edificala. Despois sufriu varias reformas, a última importante no XVIII.  Aquí practicábse o ritual para curar a tangaraño (diaño maligno que ataca os nenos deixándoos raquíticos ou deformes). Curábase pasando as criaturas debaixo do altar por tres veces mentres se recitaba unha letanía. Dependendo da xente coa que se fale, a orixe deste rito varía substancialmente pero, invariablemente, os primeiros en practicalo foron os da súa parroquia.
 

A poucos metros do edificio hai un cemiterio. Cóntase que neste pequeno camposanto repousan os fundadores da ermida, un deles o dun tal San Cibrao tal como reza a inscrición que gravaron sobre un monolito pétreo no ano 1988. Pero, que San Cibrao? O santoral católico fala de dous persoeiros con este nome: San Cibrao de Cartago, morto no século III, e San Cibrao de Antioquía, o mago, finado no século IV. A este último apónselle a autoría do coñecido como Libro de San Cibrán ou O Ciprianillo, libro de ensalmos, rituais e esconxuros para curar determinados males e, sobre todo, para atopar os tesouros agochados polos mouros, entre outros sitios, en mámoas e castros. Pero está claro que este San Cibrao, que morou neste monte bautizado co seu nome, non pode ser o mesmo xa que, tal como indicamos máis arriba, fundou a ermida no século VIII; e, ademais, ningún dos santos citados estivo, que saiba, por Galicia.
 

Falando do santo de eiquí, non elevado aos altares oficialmente, en Corvillón (A Merca), unha das parroquias que lindan no citado marco, un home contounos que antes da construción da capela o bo Cibrán xa vivía neste monte, na capilla do santo. Onde quedaba?, preguntamos, dando por sentado que desaparecera. "No dolmen", e no outro o seu compañeiro", foi a sucinta resposta. Lembreime da "Capela do Vieiro", en Friol, mais coñecido como dolmen da Moruxosa, onde, segundo a tradición, acolleu un eremita.
Rematamos a visita diante da fachada principal da ermida. Unhas inscricións modernas que hai sobre a porta fan que para a maioría pase desapercibida unha pedra máis pequena situada á esquerda. Trátase dunha epígrafe de época romana que foi reutilizada na reconstrución. Desgastada e regravada, a interpretación non resulta doada. Rivas Quintas, no 1999, leu:    ".../FLAV(ius) UBAICI/BOVITA/L(ucius) FLAVIUS AG/EI N".
 

Deixamos o monte de San Cibrao. Dende abaixo, unhas antenas de telefonía é o único que destaca no cume. Quizais, dentro duns centos de anos, os visitantes se pregunten que relación tiñan aquelas agullas metálicas coas mámoas, os petroglifos, a inscrición romana, o marco e a ermida. Vai ti a saber! 
De volta para Ourense, na Manchica, desviámonos cara outro San Cibrán, pero das Viñas, para ver se destas continuaba a acompañarnos a sorte e a igrexa románica do Santo Cristo estaba aberta. Pois non, coma en anos anteriores permanecía pechada. Pero si, estabamos de sorte: unha muller asomou pola porta da súa casa. Ao preguntarlle cando abría a igrexa respondeunos que só pola semana. Mágoa. "Pero, se queren vela, eu teño a chave". Deixe que lle dea un abrazo (pensei). Por fin podía ver e quitarlle a foto ao miliario reaproveitado como pé do altar. Descuberto no ano 1972 no interior do templo, reza: "M(arc)O AUR(elio)/CARINO/NOB(ilissimo)/CAE(ari)", "Dedicado a Marco Aurelio Carino, nobilísimo César".

NOVA DESFEITA NO PARQUE EMPRESARIAL DE FRIOL
A principios do mes de setembro de 2017, os colectivos Patrimonio dos Ancares e ADEGA presentamos denuncia ante Patrimonio e o SEPRONA pola agresión con maquinaria pesada dunha mámoa da necrópole megalítica denominada Monte da Gándara-Monte das Tenzas, onde está o parque empresarial de Friol, catalogada coa clave GA27020050. 
O día 8 do mesmo mes, nunha nova visita ao sitio, atopámonos con outra desfeita recente. Trátase da mámoa catalogada coa clave GA27020049, situada a carón de onde se prevé construír unha pista. Neste caso non é que o enterramento fose alterado como o anterior, simplemente fixérono desaparecer, xa non queda absolutamente nada, só un cacho de terra perfectamente aplanado. Mesmo cremos que puidera contar con cámara funeraria formada por varios esteos de pedra. Segundo a ficha confeccionada cando a súa catalogación pola Xunta de Galicia, este túmulo tiña unhas medidas de 30 metros de diámetro e 0,40 de altura. Agora monte raso. 
No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) figura unha modificación puntual para a nova localización do parque empresarial (publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo no ano 2004) onde se aprecia claramente nos planos do propio Concello que na zona hai catro túmulos catalogados, entre eles o alterado gravemente e o desaparecido.
Está máis que claro que aquí non cabe alegar descoñecemento, si premeditación, quen ordenou facer desaparecer a mámoa era consciente do que había.   
Lamentablemente, xa nada se pode facer por estes importantísimos bens patrimoniais, pero a Administración debe actuar de forma inmediata e con contundencia, e así llo requirimos, contra o responsable ou os responsables dos atentados e, de ser o caso, de quen os permitiron. Con independencia das responsabilidades penais que puideran derivarse, a Xunta de Galicia, despois de comprobar os danos, debe aplicar o procedemento sancionador previsto na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, considerando isto como unha falta moi grave que conlevaría unha sanción que vai dende 150.001 a 1.000.000 de euros.
O mércores día 13 enterámonos de que a Consellería de Cultura abrirá dilixencias para esclarecer os feitos que "inclúen valoracións dos informes existentes, facer informes propios e contrastar os feitos". Ademais terase en conta as alegacións dos interesados para, con todos os datos, "valorar as circunstancias que concorran para ben abrir un proceso sancionador ou ben dalo por pechado".
 
NOVAS SOBRE A TORRE DE CALDALOBA
O día 12 de agosto de 2016 diriximos uns escritos ao Concello de Cospeito e aos grupos municipais con representación no mesmo (PP, BNG e PSOE) alertando da deterioración e do estado total de abandono en que se atopa a torre de Caldaloba e o seu entorno. Ante a falla de resposta, o 26 de maio de 2017 solicitamos unha entrevista co alcalde para tentar buscar unha solución para salvar emblemática fortaleza e a súa posta en valor. O 30 de agosto Óscar Rego Felpeto, en representación de numerosos veciños do concello, máis eu mantivemos a devecida entrevista co alcalde.
 

A arruinada torre presenta, no seu conxunto, numerosos derrubes e gretas, ademais de estar invadida pola maleza. O camiño de acceso resulta practicamente intransitable pola falla de mantemento, con silveiras, toxos, ortigas, etc. que nin siquera permiten un mínimo achegamento. Resulta incomprensible que o monumento máis emblemático do concello (figura no seu escudo), declarado Monumento Nacional por decreto do 22 de abril de 1949 e Ben de Interese Cultural no 1994, se atope en tales condicións. Dentro do réxime xeral de protección do patrimonio histórico, as torres, castelos e pedras heráldicas obstentan o maior grao de protección (decreto do Ministerio de Educación Nacional de 1949, Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985, e Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016).
 

No seu artigo 3, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia di que as entidades que integran a Administración local, en relación aos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, debendo adoptar, en casos de emerxencia, como este, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ameazados, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran. No artigo 32 refire que as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Ao tratarse dunha propiedade privada, o artigo 37 obriga aos titulares a comunicarlle á consellería competente calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
Para salvagardar os restos da torre, propuxémoslle ao alcalde que o Concello se faga con ela, ben sexa por medio da compra, cesión ou doazón. Mentres tanto urxímoslle a necesidade de acometer uns elementais traballos de consolidación, limpeza da contorna e sinalización. A pesares da cativa restauración de finais do pasado século XX, a torre mostra un estado máis que deplorable e a ruína e o abandono apoderáronse do lugar. 
Dixémoslle ao alcalde que, aínda que non se trata da fortaleza máis espectacular de Galicia, si é unha das máis emblemáticas xa que foi o derradeiro baluarte da resistencia da nobreza galega en contra dos intereses e pretensións centralizadoras dos Reis Católicos. Entre os seus muros resistiron Constanza de Castro, filla do decapitado mariscal Pardo de Cela, e o seu marido Fernán Ares que se enfrontaron ao ataques do gobernador Diego López de Haro, enviado polo rei para poñer orde en terras galegas. 
Para salvagardar os restos da torre, propuxémoslle ao alcalde que o Concello se faga con ela, ben por medio da compra, cesión ou doazón. 
Mentres tanto falámoslle da necesidade de acometer uns elementais traballos de consolidación, limpeza da contorna e sinalización. A pesares da consolidación que se realizou a finais do pasado século XX, a ruína e o abandono apoderáronse do lugar.
 

Despois de máis de unha hora de conversa en que analizamos a situación deste importantísimo ben patrimonial, o alcalde comprometeuse ao seguinte: 1. De forma inmediata limpar a maleza que invade o camiño que vai cara a torre e sinalización do acceso. 2. Solicitar permiso a Patrimonio en Lugo para limpar a maleza que invade a torre e outros elementos defensivos (foxos e parapeitos). 3. Dirixirse á Dirección Xeral do Patrimonio en Santiago para tratar sobre a consolidación da torre. 4. Iniciar as conversas cos actuais propietarios da fortaleza para que pase a titularidade do Concello, ben sexa por unha cesión a longo prazo ou unha doazón.
Tamén lle propuxemos poñer en valor a necrópole megalítica do período Neolítico da Millarada formada por 32 mámoas e onde levan aparecido machados, aixolas, trapecios de sílex e outras pezas que formaban parte do enxoval funerario dos enterramentos. Gran parte deste material custódiase no Museo Provincial de Lugo. Este tema da necrópole e outros tratarémolo en próximas reunións. 
Para rematar, dicir que saímos esperanzados da reunión co alcalde que en todo momento se mostrou sensible e disposto a axilizar as xestións para a limpeza, sinalización e consolidación da torre, ademais de poñer todos os medios para que pase ao Concello. Tamén quedamos en facer de forma conxunta un seguimento dos traballos, mesmo nos invitou a acompañalo nas reunións que manteña con outras administracións e cos propietarios da torre.
NOVAS AGRESIÓNS A MÁMOAS EN FRIOL
Hai uns días, dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo comunicáronnos que propuxeron á Dirección Xeral do Patrimonio en Santiago a incoación de tres expedientes sancionadores pola realización de obras no Parque Empresarial de Friol sen o previo e preceptivo control arqueolóxico. A apertura destes expedientes obedece á denuncia que o pasado mes de setembro presentamos os do Colectivo Patrimonio dos Ancares pola agresión a dúas mámoas e a destrución total doutra con maquinaria pesada, todas catalogadas. 
Lamentablemente as desfeitas non paran aquí. Noutra visita que vimos de realizar ao concello comprobamos que outros dous túmulos foron agredidos.
 

A primeira é unha mámoa, catalogada, da necrópole megalítica dos Pedrouzos, na parroquia de Santalla da Devesa. Ten unhas medidas aproximadas de 14 metros de diámetro e unha altura de case 2 metros. Está situada nas inmediacións dunha pista que foi asfaltada non hai moito (que por certo, xa presenta numerosísimos baches) e que leva ás instalacións dunha empresa inauguradas a principios deste mes de decembro. Na cara que dá á pista obsérvase un longo corte producido por maquinaria pesada, ocasionado ao limpar de árbores e maleza o sitio, non sabemos se con motivo dos labores de asfaltado ou para a instalación dos postes que levan a electricidade para as devanditas instalacións.
 

A segunda mámoa agredida, tamén catalogada, é a da necrópole de Reigosa, na parroquia de Lamas, un enorme túmulo duns 5 metros de altura. Con motivo da limpeza do monte, unha máquina pesada pasou sobre a mámoa producíndolle profundos sucos coas rodas e depositando sobre ela terra e cascallos.
 
 

E por último, na necrópole megalítica de Monteirón ou das Gándaras de Narla, onde se atopa o túmulo catalogado co número 1, de 55 metros de perímetro e 4 de altura, a sinalización foi derrubada. Un indicador de dirección foi tirado por un camión ou tractor tal como evidencian as rodeiras, e tamén o panel que informa sobre a necrópole.
 
 

Dende o noso colectivo xa vimos de presentar as novas denuncias. Esperamos que as propostas de sanción en curso sexan exemplarizantes, e que as novas denuncias sigan o mesmo camiño para, dunha vez por todas, os agresores caigan na conta de que atentar contra o noso patrimonio non pode saír gratis. 
No concello de Friol había unhas 250 mámoas das que máis de 50 foron destruídas nos últimos anos. Este municipio é o que conta cunha das maiores densidades de túmulos por quilómetro cadrado de Galicia. Tamén é onde atopamos os enterramentos megalíticos máis grandes, con exemplares que pasan dos 60 metros de diámetro (hai castros que non teñen esas dimensións). Das 32 parroquias, 29 contan con este tipo de monumentos.
AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN OZA-CESURAS


O DOLMEN DE VILALVITE, EN FRIOL, XA FOI DESCUBERTO NO ANO 1992
O pasado día 9 de outubro de 2017 enterámonos polos medios de comunicación de que persoal de incendios de Medio Rural descubriran un dolmen nos montes de Vilalvite, en Friol, uns dos enterramentos do Neolítico, segundo os arqueólogos da Xunta de Galicia, mellor conservados da provincia de Lugo. Antes de continuar queremos aclarar que con esta achega non pretendemos, nin de lonxe, restarlle mérito aos traballadores de Medio Rural nin aos arqueólogos da Xunta, pola contra, grazas a eles cabe a posibilidade de que se realicen unha serie de actuacións para poñelo en valor, evitando, como acontece coa maior parte dos enterramentos megalíticos do concello de Friol, que se atopen nun estado lamentable de conservación ou, como denunciamos recentemente nunhas mámoas do parque empresarial, se destrúan. Mais, dito isto, tamén queremos que se coñeza quen foron os seus descubridores. 
O mesmo día que saíu a noticia, chamoume o compañeiro Brais Rodríguez Romero para comunicarme a boa nova, mais axiña engadiu que ese dolmen non lle era descoñecido. Foi entón cando nos puxemos máns á obra para tentar saír de dúbidas. Se ben é certo que coñecemos a maioría dos enterramentos do concello, tamén o é que este nunca o visitaramos, pero soar soábanos. De que? Foi a raíz dunhas fotos feitas recentemente por integrantes da asociación A Castronela, de Friol, cando saltou a lebre. 
No ano 1992, Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela fixeron un traballo titulado “Prospección e inventario de túmulos megalíticos do concello de Friol (Lugo). 1ª parte. Zona oriental”, que logo extractaron no ano 1996 en Croa número 6 (o boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga) baixo o título “Prospeccións no concello de Friol (I): mámoas e folclore arqueolóxico”. Desas xa escribiron que este dolmen era un dos máis interesantes do concello de Friol, situado no monte de Santa Marta e coñecido como Medorna da Zanca, o Zancón ou Forno dos Mouros. 
Ao ver as fotos da asociación A Castronela e dos autores citados, as dúbidas esvaéronse, comprobando que se trata do mesmo enterramento. A única diferencia está en que cando o visitaron F. Núñez Jato e Laura Rodríguez a tampa aínda pousaba sobre os esteos (agora atópase desprazada), e que o sitio, que na actualidade está plantado de pinos, daquelas estaba inzado de maleza. 
Nunha ficha confeccionada pola Xunta de Galicia no ano 1997 á que tivemos acceso (clave de identificación GA27020REF13) di que non se puido localizar, facendo constar, iso si, que se trataba dunha referencia de Núñez Jato e Rodríguez Varela. É posible que os técnicos que naquel momento se achegaron ata o lugar non deran con el pola mesta matogueira e porque as coordenadas dos autores estaban lixeiramente erradas. 
E ata eiquí a nosa pequena achega, cuxa única intencionalidade é a de recoñecer o labor de Juan F. Núñez  e Laura Rodríguez hai xa 25 anos. 
A continuación achegamos as fotos da asociación A Castronela feitas recentemente, e as de Núñez Jato e Rodríguez Varela de hai 25 anos.
AGRESIÓN A UNHA MÁMOA EN FRIOL


A PENA CASTRELA E A PENA DAS VERRUGAS 
A PENA CASTRELA atópase no monte do Pedrido, preto da aldea de Montecelo, parroquia de Narla (Friol). Trátase dun gran afloramento granítico cunha altura aproximada de 12 metros. Ao pé ábrese un grande acubillo cuhna altura máxima de 1,60 metros. Nunha pedra inclinada, que pola dereita pecha parcialmente a entrada, vense gravadas dúas profundas coviñas das que parten uns longos sucos, e xusto ao seu carón outras cinco coviñas, motivos todos de factura claramente artificial. Na cara oeste do afloramento hai unha rocha con cinco entalladuras de forma navicular realizadas artificialmente sobre a rocha, catro delas perfectamente aliñadas, cunhas medidas de 30 por 20 centímetros. Tamén se ve unha cazoleta artificial de sete centímetros de diámetro. Estas enigmáticas e singulares formas representan unha manifestación moi especial dentro da arte rupestre galega, crese que se poderían utilizar como muíños en prácticas rituais onde se realizarían moendas para obter pinturas, beberaxes, etc. Chama poderosamente a atención que as cinco entalladuras teñán idénticas medidas. Catro foron documentadas hai uns 25 anos por J. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, a quinta e a coviña por nós.
 

E agora a lenda que nos fala de como se produciron as marcas que vimos de sinalar. Hai non se lembra canto tempo, unha moura ía camiñando coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite (tamén se fala de que a ola ía con auga), e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaron ao sitio onde hoxe en día se atopa a Pena Castrela, a moura esvarou e ao caerlle a pedra da cabeza matou á filla e rompeu a ola. A moura, chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela,/rompíchesme a ola/matáchesme a nena/heiche fender dende o rabo á orella" (outras versións rematan: "o demo te fenda/dende o rabo á orella", ou "malo raio te fenda/do rabo á orella"). A pena quedou partida tal como a podemos ver na actualidade. As entalladuras das que falamos máis arriba dise que son as pegadas dos pés que deixou a moura cando rachou a pedra, as coviñas das que parten os sucos que son as unllas cando, rabiosa, arrabuñou a pedra, e as pequenas cazoletas que hai ao seu carón as marcas dos dedos. Tamén se conta que debaixo do acubillo rochoso había unha cova onde vivía a moura.
 

Tamén en Friol, preto da aldea de Romá, na parroquia de Vilafiz, atópase a coñecida como PENA DAS VERRUGAS. Trátase dunha rocha situada xunto o rego de Guimarei á que se accede por medio de tres escalóns realizados artificialmente sobre a pena. Na parte alta, horizontal, ten dous buratos de forma circular. Un ten unhas medidas de 20 centímetros de diámetro e 39 de profundidade, e o outro 29 centímetros de diámetro e 38 de profundidade. Segundo a tradición, un permanece con auga e o outro baleiro, mudando dun burato ao outro cada ano. Ao parecer a auga alí depositada posúe propiedades medicinais que curan as verrugas. A persoa debe meter a man na pía que naquel momento teña auga e lavar a verruga ao tempo que se recita o seguinte ensalmo: "Verruguiñas traio, verruguinas vendo. Déixoas eiquí, e voume correndo". Para que produza o efecto desexado, acostúmase a deixar algunha moeda na pía. Para rematar o ritual, deberase marchar do lugar sen volver a cabeza cara atrás.
 

Solicitamos a Patrimonio da Xunta de Galicia que a Pena Castrela sexa incluída no cátalogo de bens culturais como xacemento arqueolóxico, e a Pena das Verrugas como sitio de valor cultural tal como recolle a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016.


MÁMOA INÉDITA EN NEGUEIRA DE MUÑIZ

AGRESIÓN AOS PETROGLIFOS DO PÉ DA MULA
Os petroglifos do Pé da Mula sitúanse nos montes do Costal, parroquia de Sabaxáns (Mondariz). Trátase dunha das superficies graníticas con arte rupestre máis importantes de Galicia, ocupando unha superficie de 200 metros cadrados onde se poden ver zoomorfos, círculos concéntricos,  unha posible esvástica, coviñas, cruces e outros motivos, salientando no conxunto dous labirintos, un deles de 1,70 metros de diámetro o que o convirte, ata o momento, no máis grande de Galicia de todos os que están documentados.
Lamentablemente, a pesares de gozar da máxima protección legal (BIC), o día 15 de abril de 2017, cando me acheguei ata o sitio, comprobei que os milenarios petroglifos sufriron unha brutal agresión. Recentemente, uns desaprensivos resaltaron os erosionados motivos, non xa con xiz (que tampouco se pode facer) senón cunha pedra, ocasionándolles serios danos.
 

Durante máis de dez anos, os gravados sufriron bastante desgaste xa que sobre as pedras pasaba maquinaria agrícola e gando dunha granxa colindante que ao menos ata o 2012 carecía de licencia.
Nese mesmo ano procedeuse ao seu cercado para protexer as gravuras pero a día de hoxe a cerca atópase comida pola maleza o que fai difícil o acceso ao interior.  Sobre o panel, mesturado coas gravuras, tamén se insculpiron inscricións modernas.
 

A única sinalización existente é de hai varios anos, e non foi nin o Concello nin a Xunta de Galicia quen a colocou senón a asociación cultural Nova Xesta tal como figura nos paneis.
 

O día 17 presentei no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia senllos escritos, un dirixido ao Servizo do Patrimonio Cultural en Pontevedra e outro ao Concello de Mondariz para comunicarlle as agresións e poñan en valor as gravuras.
PETROGLIFOS INÉDITOS EN PONTEDEUME
O día 9 de abril de 2017 localicei dous petroglifos inéditos no concello de Pontedeume. O primeiro foi no monte das Aveeiras, na aldea da Regueira, parroquia de Ombre, a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dunha pía de forma ovalada (17 por 12 centímetros), con canle de saída, situada na parte superior dunha rocha granítica. Nas inmediacións hai varias mámoas catalogadas moi alteradas pola maquinaria pesada utilizada para a plantación de eucaliptos sen control arqueolóxico.
 

Os segundos petroglifos atopeinos no monte coñecido como A Chousa do Conde, parroquia de Andrade, a uns 300 metros do castelo da Nogueirosa e a uns 30 metros do límite co concello de Vilarmaior. Trátase dun pequeno afloramento rochoso que apenas sobresae do chan onde se ven tres coviñas de 9, 11 e 13 centímetros de diámetro. Da última cazoleta, situada na parte máis alta da pedra, parte unha canle. A pena estaba tapada case na súa totalidade. A maleza e os eucaliptos inzan o sitio.
 

Ata o momento, segundo figura no PXOM aprobado o 27 de maio de 2016, no concello de Pontedeume había dous petroglifos inventariados non moi lonxe dos que veño de documentar: o petroglifo da Regueira cunha coviña de 7 centímetros de diámetro (catalogado co código GA15069REF1), e outra pena con dúas coviñas de 5,5 e 9 centímetros de diámetro na Chousa do Conde (catalogado co código GA15069REF2). 
O día 10 de abril comuniquei os achados ao Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña para que proceda á súa catalogación. A descuberta tamén foi comunicada ao Concello de Pontedeume.
O 11 de maio, dende o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña comunicáronme que os petroglifos da Chousa do Conde, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, xa foron catalogados.

A FIGURA DE MARTUL
Na parte baixa da fachada sur-oeste da casa reitoral de Martul situada nas inmediacións da igrexa de orixe románica de San Pedro, no concello de Outeiro de Rei, hai unha pedra de granito de 48 por 40 centímetos que foi reaproveitada para tapar unha ventá. Nesta pedra foi gravada en baixorrelevo a imaxe dunha figura humana, de 40 por 20 centímetros, con trazos ben definidos e profundos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza, apreciándose tamén a boca e os ollos. A única e breve referencia a esta singular peza débese ao sacerdote e director do Museo Diocesano de Lugo D. Jesús Guerra Mosquera, publicada no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1976. Di Guerra Mosquera que podería tratarse dunha divindade, quizais unha versión céltica da deusa da fecundidade, tal como semellan indicalo os seus trazos marcadamente femininos e a posición das súas mans sobre o ventre. 
Descoñécese cando foi trasladada para a reitoral, pero segundo nos contaron uns veciños sempre se dixo que a atoparan nunha mámoa do cordal de Acevedo, montes que se localizan na mesma parroquia. Si formara parte dunha mámoa, a súa antigüidade habería que situala no Neolítico, o que resulta bastante improbable. A figura, en efecto, semella a representación dunha divindade feminina espida, quizais relacionada coas Matres Gallaiciae célticas, as deusas nais, unha das formas do principio feminino da natureza e baixo cuxa protección se colocaban os nosos antepasados, deidades que eran avogosas da fertilidade e da prosperidade con virtudes sandadoras, vencelladas en moitos casos aos mananciais mineiro-medicinais. Esta peza de Martul rondará os 2.000 anos de antigüidade. A pedra parece que foi cortada nalgún momento, advertíndose unhas marcas que ben puideron pertencer a outro debuxo.  
Trátase dunha representación pouco común, non só na provincia de Lugo, senón no resto de Galicia, polo que nos chamou poderosamente a atención que estea sen catalogar. Xa no seu momento o señor Guerra Mosquera lamentaba que esta peza arqueolóxica non merecera máis atención por parte dos organismos competentes para poñela a bon recaudo, exposta a ser destruída e a desaparecer para sempre. 
No Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo presentamos un escrito para que se proceda á súa catalogación, instándoos a que se poñan en contacto co Bispado de Lugo, propietario da casa reitoral, para que asegure a protección do baixorrelevo e que sexa trasladado ao Museo Catedralicio ou, no caso de non facelo, que sexa a propia Xunta de Galicia quen traslade a figura para o Museo Provincial.
AGRESIÓN A UNHAS NOVAS MÁMOAS EN FERROL

O MARCO DA GÁNDARA (SOBER)
O Marco da Gándara atópase a uns 400 metros á dereita da estrada local que vai dende a cabeceira parroquial de Neiras ata a estrada comarcal CP-3201 que comunica Sober con Monforte de Lemos, a carón dun vello camiño que discorre entre prados e monte baixo.
 

Trátase dunha pedra de granito de forma prismática cunha altura á vista de pouco máis dun metro e un ancho na base duns 65 centímetros. Na cara sur ten gravado un símbolo en forma de zigue-zague seguido dunha pequena coviña; na parte oposta outro símbolo de difícil interpretación e outra coviña situada por riba. Na cara oeste vese unha cruz latina duns 20 por 10 centímetros nos brazos, e na leste outra cruz latina duns 15 por 7 centímetros.
 

Díxonos un veciño que antigamente actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Neiras e Refoxo, polo que o zigue-zague podería ser interpretado como un "N invertido e o outro símbolo a letra "r" minúscula.
 

As cruces son bastante comúns nos marcos de término, mais estas, segundo o noso informante, están asociadas a unha vella historia. Remarcou que se estaban gravadas en caras opostas non era cousa do azar, pola contra, fixérase así de forma premeditada. Un xove pegureiro que acostumaba levar o gando para os montes da Gándara auxiliou un bo día a unha fermosa rapaza que caera do cabalo. A partir de entón víanse con frecuencia. E namoráronse. O conde de Lemos, tío da moza, cominouna a que abandonara ao pastor, mais esta negouse e continuaron véndose. O señor feudal, enfurecido, mandou a uns soldados para que mataran ao ousado pegureiro. Cando os soldados chegaron á Gándara atoparon á parella e desenvaiñaron as espadas para acabar co mozo, mais a rapaza púxose diante do seu amado para protexelo e tamén resultou ferida de morte. Entón, o conde ordenou enterrar no mesmo sitio aos amantes. Para que non se puideran ver nin tocar despois de mortos, un corpo foi enterrado mirando cara o leste e o outro cara o oeste, e no medio de ambos o fito que podemos ver hoxe en día.
 

Pola lenda, podemos situar a orixe do marco nalgún momento da Idade Media. Pero hai un par de detalles, ademais da forma da pedra, que nos chaman a atención: son as dúas pequenas coviñas semiesféricas gravadas nas caras norte e sur. Pode tratarse dunha pedrafita prehistórica logo reutilizada?
NOVO CASTRO NO INCIO
Hai uns días, uns veciños da parroquia de San Salvador do Mao (O Incio) puxéronse en contacto conmigo para falarme da existencia dun castro nun monte da aldea de Valbón, a uns 200 metros en liña recta das últimas casas. O día 18 de xaneiro de 2017 achegueime ata o sitio e comprobei, efectivamente, que se trata dun asentamento castrexo.
Atópase a 859 metros de altitude sobre o nivel do mar. Consta dun único recinto de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 110 por 70 metros. Estaba defendido polo nor-leste por unha fortísima pendente, case vertical , que cae cara o río Mao e unha pequena muralla que se vai elevando a medida que avanza pola parte máis vulnerable, o sur-oeste, con tramos que acadan os tres metros de altura. Polo oeste obsérvase un pequeno antecastro. A entrada estaría polo sur.

O castro está cuberto pola maleza, non moi alta, e por carballos. No interior, no oeste do asentamento, vese parte dunha estrutura rectangular inserida no chan formada por unhas grandes laxes dispostas verticalmente, moi ben traballadas e perfectamente unidas entre si, que asentan sobre outra gran laxe horizontal polo que, creo, podería tratarse dun gran recipiente ou alxibe para recoller a auga.
 

Dise que no castro habitaban os mouros e que hai enterradas xoias de ouro. Ao menos en dous sitios realizáronse escavacións furtivas. Os prados que hai ao pé do castro reciben o nome de Balacastro. Cando lle preguntei aos meus informantes se non quererían dicir Valcastro, respondéronme con contundencia: Non, o nome é Balacastro, polas balas que disparaban os habitantes do castro.
Dende o asentamento domínase todo o Val do Mao, e mantén unha inmellorable comunicación visual co castro de Formigueiros, situado a 4,3 quilómetros en liña recta.

Nas inmediacións do castro están as coñecidas como Penas da Ribeira. No ano 1911, uns veciños mataron a un home por unha cuestión de distribución de augas para as terras de labor.
Cando mo comentaron, chamoume a atención que non estivera catalogado xa que o lugar onde se ubica recibe o nome de O Castro, e a súa configuración non admite dúbidas, en poucas letras “é de manual”. Para asegurarme consultei o PXOM do Concello, constatando que non figura nin no inventario nin nas fichas. O único castro inventariado na parroquia de San Salvador é o de Cereixido, a 1,6 quilómetros en liña recta do de Valbón.
No PXOM figuran 27 castros inventariados, se ben catro, aínda que nos límites co Incio, xa pertencen aos concellos de Sarria, Samos e A Pobra do Brollón.
Por outra banda, obsérvanse outras anomalías no PXOM. Co número 306 figura “Castro da Roda-Castro de Rendar” que ubica en Treimonte, na parroquia de Sirgueiros, cando en realidade queda en Romariz, parroquia de Rendar. O que si está en Treimonte é o da Pena da Roda, sobre os regos da Ribeira e da Rodeira e que, pola descrición da ficha, debe corresponderse co mal denominado “Castro da Roda-Castro de Rendar”. En Sirgueiros tamén está a Agra do Castro que si consta no Plan.
O PXOM do Incio foi aprobado definitivamente o 7 de decembro de 2005, e publicado no DOG o 21 do mesmo mes.
Tanto o castro de Valbón como as anomalías do PXOM xa llo comuniquei por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello do Incio.
O día 24 de febreiro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo comunicáronme que, despois da visita dos técnicos, o castro foi catalogado coa clave de identificación GA27024078.
MÁMOA, PETROGLIFOS E CASTRO INÉDITOS EN MONFORTE
O día 19 de novembro de 2016 achegámonos ata o monte da Medorra, en Susao, na parroquia de Sindrán (Monforte de Lemos), para ver se o chamativo topónimo facía alusión a un antigo enterramento megalítico ou se o nome viña dado pola forma do monte, a xeito dunha mámoa. No catálogo da Xunta de Galicia só figura como topónimo, co código GA27031TOP06. A curta pero forte subida (pouco máis dun quilómetro) mereceu a pena. Antes de coroar a cima, nunha penichaira situada a 655 metros de altitude (a vista sobre o Val de Lemos e a cidade de Monforte é espectacular), localizamos os restos dunha mámoa que debido aos labores agrícolas perdeu case toda a súa masa tumular, cun diámetro aproximado de 11 metros e unha altura que non chega aos 0,20 metros. Sobre ela vense gran número de pedras de xisto e cuarzo que deberon formar parte da coiraza pétrea. Nas inmediacións localizamos o que puido ser un esteo da cámara funeraria onde se ve un suco ben marcado e moi suave ao tacto, posiblemente de factura artificial.
 
 
 

Na nosa teima por atopar os primeiros petroglifos do concello de Monforte, continuamos ata a cima do monte, a 665 metros de altitude, onde hai varios afloramentos de xisto. Aínda que a maioría das pedras están cubertas por abundante lique, localizamos (por fin!) tres rochas cunha cazoleta cada unha de clara factura humana. Teñen un diámetro duns cinco centímetros e unha profundidade de dous. Nas proximidades demos cunha pedra que foi cortada cunha gravura de forma navicular de 10 centímetros de longo por 3 de ancho e, como no caso do posible ortostato da mámoa, moi suave ao tacto. 
Unha muller de Susao comentounos que cando era pequena ía coas ovellas ata a Medorra. Díxonos que non moi lonxe da cima hai unha pedra moi lisa (e fermosa) onde xogaban. Ao parecer tamén hai coviñas. Mágoa que non demos con ela, posiblemente, como nos avisou a muller, porque actualmente debe estar tapada pola abundante maleza.
 
 
 

Pero a cousa non quedou aí. Ao baixar falamos cos moradores da casa que está ao pé do camiño que sobe cara o monte da Medorra para saber se nos podían ampliar a información. O home de máis idade díxonos que na Medorra vivían os mouros e que por unha cova baixaban cara o río de Covos e o castro. O castro? Que saibamos, no rexistro da Dirección Xeral do Patrimonio non hai ningún castro catalogado en Susao, nin sequera na parroquia de Sindrán. Preguntámoslle onde quedaba e ata o lugar nos diriximos. En efecto, xusto no vértice onde se xuntan a pista asfaltada que vai a Susao e a estrada local a Liñares (A Pobra do Brollón), apréciase o que semella foi un antigo asentamento. A pesares da maleza e os piñeiros que o inzan, observase un recinto de forma ovalada protexido por terrapléns en todo o seu perímetro, o pronunciado desnivel do terreo polo nor-oeste e un foxo defensivo polo leste, a parte que sería a máis vulnerable. O interior do recinto está totalmente achairado. As súas medidas aproximadas son de 125 metros no eixo norte-sur e de 85 metros no eixo leste-oeste.
 
 
 

Os achados xa foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Monforte.
Hai uns anos, en Susao atopáronse varios artefactos do Paleolítico.
E por último, xa como curiosidade, cando aparcamos o coche en Monforte para ir a xantar, no aparcadoiro do Parque dos Condes, acercámonos ata a fonte que hai xunto a lagoa artificial para limpar un pouco o barro das botas. Foi a compañeira Pilar a que se fixou en algo que ata ese momento nos pasara desapercibido. Para facer a fonte utilizaron unha pedra granítica con grandes pías naturais, ignorando de onde a trouxeron. Mais na parte superior esquerda, por riba do caño, hai unha coviña de factura case seguro que feita pola man do home. Ao longo de Galicia non é infrecuente atopar coviñas artificiais asociadas a pías naturais.
 
MÁMOAS ABANDONADAS EN MIÑO



OS PRIMEIROS PETROGLIFOS DA FONSAGRADA 
 
SOS POLA ARA DE EIRAS (SAN AMARO)
MÁMOA E PETROGLIFOS INÉDITOS EN OUTEIRO DE REI
O día 29 de outubro de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos preto da aldea de Province, na parroquia de Aspai (Outeiro de Rei), na coñecida como Pena Serrada, nun gran afloramento granítico situado a 532 metros de altitude, varios petroglifos formados por un grupo de 15 coviñas cunhas medidas que oscilan entre os tres e dez centímetros de diámetro, unha combinación formada por tres círculos concéntricos e varias figuras con forma de ferradura. Sobre estas últimas recollemos a lenda de que se trata das pegadas do cabalo de Santiago. As coviñas e os círculos concéntricos poderían datarse na Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos, e as ferraduras quizais en época medieval. No mes de marzo de 2017, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, foron catalogados.
 
 

No municipio de Outeiro de Rei, con estes, hai documentados cinco grupos de petroglifos, catro dos cales foron localizados por nós.
Na contorna atópanse varios enterramentos megalíticos, adscritos cronoloxicamente ao período Neolítico, hai uns 6.000 anos.
No coñecido como Pico das Mallas, a 544 metros de altitude, hai unha mámoa duns 14 metros de diámetro e dous de altura. Nun momento indeterminado, posiblemente a raíz da cédula real concedida no século XVII ao fidalgo Vázquez de Orxas para buscar tesouros nas tumbas dos "gentiles galigrecos", o túmulo foi violado. Do cráter que fixeron para saquear o enterramento sobresaen tres chantos que formaban parte da cámara mortuoria. Pois ben, curiosamente esta mámoa, moi evidente na paisaxe (coroa a parte máis alta do monte), está sen catalogar polo que, como no caso dos petroglifos, tamén llo comunicamos por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Outeiro de Rei.

Pola documentación e as referencias orais, a principios dos anos oitenta do pasado século XX, o concello contaba con máis de 240 mámoas. No curto período de tempo que vai dende aqueles anos ata o presente desapareceron máis de 70, destruídas, principalmente, polos labores forestais. Os túmulos que quedan, case todos catalogados e polo tanto protexidos, atópanse nun estado de conservación de regular a malo, e a acción incontrolada do home e a desidia das Administracións públicas, que permanentemente incumpren a Lei, van destruír os que aínda permanecen en pé. Todos os túmulos están sen valorizar e sen sinalización, nin sequera o catalogado como número 1 da necrópole do Cordal de Acevedo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e que polo tanto goza da máxima protección legal.
O día 3 de agosto de 2017 saíu publicado no DOG unha Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en que procederon a incluír estes petroglifos no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

AGRESIÓN A MÁMOAS EN OZA-CESURAS E FERROL
PETROGLIFOS INÉDITOS EN LUGO 

PETROGLIFO DO PASEO FLUVIAL (FRIOL)
No ano 2013, o veciño de Friol, Diego Viñas Santos, cando paseaba o seu can, sentouse nunha pena granítica que hai a carón do paseo fluvial de Friol, próxima ao río Narla e á piscina municipal. Foi entón cando, casualmente, reparou no que semellaban uns gravados na pedra. Sacoulle unha foto e envioulla ao Concello e a Patrimonio para que se interesaran polo achado, pero non volveu a ter noticias. Días atrás, José Antonio Paz Ben, tamén de Friol, mandoume a foto que daquelas lle enviara Diego. O pasado luns, 25 de xullo de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu quedamos con José Antonio e achegámonos ata o sitio.
Trátase dunha pena lixeiramente inclinada e case rente ao chan, cunhas medidas aproximadas de 5 x 5 metros. A metade foi cortada. Obsérvase que é máis grande pero atópase tapada. Debido á forte erosión das insculturas, situadas na parte máis alta e lisa, non resultou doado dar con elas. Despois de limpar a pedra superficialmente localizamos as seguintes gravuras:
Combinación de catro círculos concéntricos con coviña central. O círculo maior ou exterior ten unhas medidas de 32 centímetros de diámetro. É o mellor conservado.
Combinación de tres círculos concéntricos con coviña central. O círculo exterior ten unhas medidas de 30 centímetros de diámetro.
Combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. O círculo exterior ten unhas medidas de 22 centímetros de diámetro.
A poucos metros hai outra pena granítica de 3 x 1,70 metros con oito cazoletas cuxo diámetro oscila entre 7 e 20 centímetros. Algunhas semellan naturais.
 

Canto ao significado, como acontece coa meirande parte dos petroglifos galegos, é un tema moi complexo e na maior parte dos casos indescifrables, mesmo para as formas máis básicas da arte rupestre, interpretándose como símbolos solares, espazos simbólicos ou por motivacións relixiosas, entre outras. Xunto coas coviñas, son os máis característicos da arte rupestre galega. Pola súa semellanza con conxuntos doutras zonas da costa atlántica europea, téñense formulado hipóteses de relacións entre Galicia e outros países atlánticos durante o Megalitismo e a Idade do Bronce. Os círculos concéntricos poden ir sós ou formando parte doutros conxuntos, e hainos con coviña central, como é o caso, e sen ela.
 

Despois de comprobar que non estaban catalogados, púxenno en coñecemento do Concello de Friol e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Como sinala a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada o pasado mes de maio, as gravuras rupestres gozan da máxima protección legal e teñen a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural) polo que as administracións públicas teñen a obriga de protexelas e divulgalas.

CASTRO SEN CATALOGAR NO CORGO
O día 19 de setembro de 2016, unha persoa do Corgo chamoume para amosarme unha moeda que cría romana. Quedamos ao día seguinte en Vilachá, na parroquia onde a atopara para, de paso, botarlle unha ollada ao sitio. Despois de limpala comprobamos que non era romana, tratábase dun cornado de cobre acuñado durante o reinado de Filipe IV. Foi entón cando dende o camiño onde estabamos observei entre a maleza o que me pareceu o parapeito dun castro do que non tiña coñecemento. Despois de percorrer o lugar xa non nos quedou dúbida algunha, tratábase, efectivamente, dun castro.

Ao chegar á casa consultei o PXOM do Concello do Corgo, aprobado definitivamente no mes de maio de 2015 e publicado no DOG o día 2 de xuño seguinte, comprobando que non figuraba no mesmo. Que non o recollera o PXOM chamoume bastante a atención debido a que se trata dun castro moi evidente. Ademais, preguntados os veciños (entre eles un dos propietarios dunha parte do asentamento), todos coñecían a súa existencia dende sempre.
Atópase entre a parroquia de Vilachá e a cercana aldea de Marce, esta xa na parroquia de Coeo, no concello de Lugo. Está situado nun terreo practicamente chan, a unha altitude de 470 metros. De forma ovalada, consta dun único recinto, cunhas medidas aproximadas de 120 por 90 metros, defendido en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras de bo tamaño que nalgúns tramos acada unha altura de máis de dous metros. A muralla estaba arrodeada por un foxo cunha anchura duns sete metros. Parte do foxo viuse afectado pola estrada local que pasa ao seu carón. En tempos, o interior do castro foi utilizado para labores agrícolas; na actualidade, unha parte está con piñeiros e a outra con eucaliptos, estes plantados recentemente o que provocou profundas gabias no terreo.
O castro recibe o nome de Margarida. Aquí, máis que descuberta trátase de documentalo xa que, como sinalei, é un castro de sobra coñecido polos veciños.
Ao día seguinte, por medio duns escritos presentados no rexistro da Xunta de Galicia, púxenno en coñecemento do Concello do Corgo e do Servizo do Patrimonio Cultural para que procedan á súa catalogación.

CURIOSIDADES NA IGREXA DE MOREDA (MONFORTE)
O sábado, 27 de agosto de 2016, na nosa teima por atopar algún petroglifo no concello de Monforte de Lemos, achegámonos ata O Regueiro, unha pequena aldea da parroquia de Moreda, lugar elixido na Baixa Idade Media para erguer unha igrexa posta baixo o padroado do Salvador. Ao seu carón discorre o Camiño de Inverno cara Santiago de Compostela, se ben, como nos contou un veciño, o tramo entre A Lagoa e a igrexa apenas se utiliza na actualidade debido a que, cando chegan as choivas, o camiño que comunica os dous lugares está moi enlamado, optando os peregrinos por continuar pola estrada cara Pacios.
  
 

Frei Martín Sarmiento, na súa viaxe a Galicia do ano 1745, cita aquí un priorado que ao parecer pertenceu á encomenda dos monxes do Hospital de San Xoán de Xerusalén que entre os séculos XVI e XVII habitaron no castelo de Torrenovaes que no século XII se levantou nas terras de Quiroga.
Do templo románico pouco queda, só unha portada no lateral dereito, marcas de canteiro e algunha que outra pedra incompleta con indescifrables motivos que aínda se poden ver en varias pedras da primitiva fábrica. Entre as pezas reutilizadas está unha cruz de Malta situada por riba da porta principal.
 
  
 

Aínda que só como conxectura, baixo o lintel da portada románica vese gravada unha flor de lis. O símbolo da orde de Santiago, creada no século XII, é a Cruz de Santiago e tres das súas puntas están rematadas coa representación desta flor. Foi tamén a igrexa propiedade dos santiaguistas?
 

Á dereita da igrexa hai unha fonte moderna de fundición. Para que bote auga hai que presionar co pé un aparello que se atopa rente o chan. A calor (arredor de 35º) animounos a refrescarnos na, de seguro, fresquísima auga. Fugaz ilusión, do bico da fonte non saíu nin unha mísera pinga. 
 Foi aquí cando reparamos nunha pedra medio soterrada que hai ao pé da fonteseca. Máis ca pedra en si, o que nos chamou a atención foi o material. Mármore? Coa axuda da paleta e do cepillo limpamos toda a superficie, e si, en efecto, era mármore. Pero había algo máis. Sobre a prancha rectangular de 1,80 por 0,70 metros había gravado un escudo bastante esvaído. No primeiro cuarto vimos o que semellaba un cáliz; no segundo cinco barras (o que en heráldica chaman estacas); no terceiro outras cinco barras máis; e no último un animal rampante, posiblemente un león. Buscamos algunha epígrafe debaixo da pedra armeira pero estaba máis lisa ca palma da man. Tratábase, sen dúbida, dunha lápida cuxa inscrición fora borrada ou, simplemente, non chegara a facerse por calquera motivo. Pero que pintaba alí? A resposta déunola un matrimonio da aldea. A lápida estaba no interior do templo, pero hai uns vinte e cinco ou trinta anos, cando se realizaron unhas obras no edificio, levantáronna e trasladáronna para o lugar onde a podemos ver hoxe en día. Así, sen máis.
 

Pero, quen era a familia propietaria do escudo? Os Balboa, os Quiroga? En Lama de Franco, na mesma parroquia, está a casa-torre de Moreda. A fortaleza orixinal, que lle dá nome, foi destruída polos Irmandiños, dela só queda a torre na fachada oeste. Orixinariamente contaba cunha pedra armeira que foi levada para a Casa da Lama, en Novelle. Dise que no interior da igrexa había un sepulcro pertencente aos señores da Torre de Moreda. Formaba esta lápida parte do sepulcro. 
A ambos os lados da porta principal da igrexa do Salvador de Moreda hai uns bancos de pedra practicamente iguais. Cada un está formado por unha prancha granítica ben traballada apoiada sobre dúas pedras de boa feitura que lle serven de apoio. Por non perder o costume centrámonos neles. Na parte á vista do primeiro non observanos nada chamativo, pero ao apaxar as mans por debaixo da pedra notamos algo. O tacto non nos enganara, na parte biselada vimos unha pequena inscrición formada por dúas palabras (cada palabra separada por tres puntos aliñados verticalmente). Da inscrición, moi deteriorada, polo de agora só puidemos interpretar, dunha forma máis ou menos fiable, a última palabra: DEO. Comprobamos que o resto da superficie inferior fora totalmente repicada.

 

O Camiño de Inverno aproveitou varios tramos dunha vía sencundaria romana que partía de Dactonium, a capital do pobo prerromano dos Lemavos, e cuxa ubicación non está clara, aínda que todo apunta a que ocuparía o monte de San Vicente do Pino, onde na Baixa Idade Media se ergueu o mosteiro bieito e o castelo dos poderosos condes de Lemos. Esta pequena introdución ben a conto para falar doutro elemento do segundo banco que, como dixemos máis arriba, é practicamente idéntico ao primeiro. Aquí non descubrimos ningunha inscrición pero si nos chamou a atención un dos pés en que apoiaba a prancha utilizada para sentarse (para nós a peza máis significativa, quizais por ser a máis desexada). Ao contrario dos outros, que son de forma rectangular e tosca, este presenta, de fronte, unha sección redonda, duns 30 centímetros de diámetro. O anaco dunha columna destinada a suxeitar algunha estrutura? Puidera ser, pero desbotámolo cando observamos que outra parte tiña sección cadrada e que, ao contrario da parte cilíndrica, fora traballada de forma bastante tosca, tal como acontecía cos miliarios romanos en que a parte á vista traballábanna mellor que a parte destinada a ser soterrada. Non percibimos ningunha inscrición (agás que figure na parte apoiada no chan), pero a característica anepígrafa atopámola en moitos miliarios galegos que non forzosamente tiñan que ser gravados cunha inscrición, as letras tamén se podían pintar, borrándose a pintura co paso do tempo.
 

Na comarca da Terra de Lemos só teño noticia dun posible miliario que estaba xunto unha capela próxima ao castro de Castillón, en Pantón. O miliario máis próximo á comarca é un que na actualidade se atopa tirado xunto a casa de don Luciano Tourón, en Lamaigrexa, parroquia de Farbán (Sarria), a carón da estrada a Monforte, que segundo Rodríguez Colmenero confirmaría a existencia que o Itinerario de Barro anuncia entre Lucus e Dactonium.
As persoas coas que falamos descoñecían a procedencia das pedras dos bancos. 


UNHA ESTRUTURA CIRCULAR EN A BREA (BASCUAS-LUGO)
O pasado 23 de xullo de 2016 colguei no facebook un artigo deste meu blogue titulado Unha torre medieval camuflada onde falo dunha torre que se levantaba no lugar da Eirexe, na parroquia de Bascuas (Lugo). Ao pouco, Elixio Vieites envioume a imaxe do relevo dun círculo situado na Brea, unha aldea da mesma parroquia, a un quilómetro de distancia en liña recta da citada fortaleza. Entre un sitio e outro só se interpón unha polémica canteira. Contesteille a Elixio que cando me fora posible iría ver de que se trataba.¡
 

O 30 de xullo, ao regreso de Meira (por certo, con néboa e chuviscando), Pilar máis eu achegámonos ata A Brea. As indicacións de Elixio eran precisas así que non tardamos en dar co sitio, situado nas inmediacións da aldea. Ao non dar cun carreiro que nos levara directamente ata onde se debía de atopar o círculo, salvamos un muro de pedra que dá a un pastizal. Pilar sinaloume unha mámoa que apareceu ante nós. Sería ese túmulo o que se vía na imaxe enviada por Elixio? Desbotámolo axiña xa que o círculo era moito máis grande, e ademais a morfoloxía non se correspondía cun enterramento megalítico. Medimos a mámoa: 17 metros de diámetro e 1,5 de altura. De seguro que era máis alta pero notábase que perdera parte da masa tumular debido, seguramente, aos labores agrícolas.
 

Despois da mámoa só se vía unha carballeira. Adentrámonos nela. Apenas tivemos que buscar, o sitio, bastante limpo de maleza, permitiunos ver o que agochaba. En efecto, alí estaba o círculo: un lugar totalmente chan arrodeado en todo o seu perímetro por un parapeito (como eses que vemos nos castros) feito con terra e pequenas pedras, cunha altura máxima dun metro e mínima duns trinta centímetros. Polo interior do recinto observamos abundantes pedras, algunhas de boa factura. O diámetro do círculo aproxímase aos 50 metros.
Esta estrutura atópase á mesma altura que os montes circundantes polo que nos fixo pensar nun castro agrícola ou de chaira pero, claro está, non son máis que conxecturas.
 

Á volta puidemos falar cun veciño da Brea que coñecía ben o sitio. Si, na aldea sempre lles chamara a atención aquel círculo obra, aseguraban, dos propios mouros, os mesmos que construíran a medorra próxima. O seu pai, de 95 anos, lembraba que o parapeito tiña case a mesma altura en toda a contorna, pero debido aos traballos agrícolas e o aproveitamento da madeira para leña fora rebaixándose. Aparecera algún tipo de material, instrumento, etc.? Resposta negativa, o único que se sacara dalí foran as pedras cortadas para a construción de muros de peche das fincas.
 

Mais isto non rematara. Ao día seguinte, despois de colgalo no blogue, o sempre informadísimo Brais Rodríguez Romero díxome que o círculo estaba catalogado, feito que tanto Elixio coma eu descoñeciamos. Busquei no PXOM do Concello de Lugo e, efectivamente, alí estaba recollido. Lin: "Recinto de forma case circular defendido por un pequeno parapeito duns 8 metros de ancho (semi-aplanado) e unha altura que oscila entre 1 e 1,5 metros. Atopábase moi deformado por causas dos labores agrícolas. Non se coñecen evidencias ou noticias de ningún tipo de achádego no lugar, nin tampouco existe a evidencia dun topónimo alusivo á posible existencia dun castro ou similar. Non obstante, cando menos chama a atención a súa disposición, lembrando outros xacementos de similares características".
Aínda que a descrición do PXOM non coincide exactamente coa información obtida por nós, tratábase da mesma estrutura.
Un día máis tarde, Elixio achegoume outra ligazón ao PXOM onde fala da mámoa citada máis arriba: "Posible túmulo funerario de forma elíptica situado a uns 30 metros ao NL do asentamento GA159 (é dicir, o círculo), co cal tamén podería estar relacionado. As súas dimensións son de 20 metros no eixo L-O e 18,40 metros no eixo N-S, cunha altura de 1,6 metros".
Se fora así, é dicir, que o círculo estivera asociado ao túmulo, teriamos que desbotar a existencia do castro e tentar buscar algún paralelismo con outros xacementos similares. Con cales? Só se me ocorre a hipótese dun lugar ritual, de que esteamos diante dunha especie de círculo cerimonial, pero que no canto de pedras fincadas tipo Prado das Chantas (O Valadouro) ou do Monte Lobeira (Vilanova de Arousa), os seus construtores utilizaran terra e pequenas pedras. Nalgúns campos de mámoas galegos téñense documentado pequenos círculos interpretados como "pozos" onde logo irían os enterramentos pero que non chegaron a rematarse como é o caso, que eu coñeza, do Galiñeiro (Aranga), Alto da Arma (Castro Caldelas), Pena dos Mouros (Cervantes) e Seixos Brancos (Viveiro). No caso do Alto da Arma, o círculo, co interior totalmente aplanado e unha "coroa" terreira ao redor, ten unhas medidas duns 25 metros de diámetro, e no círculo do Galiñeiro, duns 20 metros de diámetro, as características son semellantes. 

RUÍNAS ARRUINADAS EN COSPEITO
O día 11 de agosto de 2016 achegámonos ata a parroquia do Pino, en Cospeito. O panorama que nos atopamos en dous dos seus principais monumentos non merece outro cualificativo que o de desolador.

A TORRE DE CALDALOBA 
Propiedade privada. De época baixomedieval (Hervés dátaa no séculoXIII, e Vázquez Seijas no XIV). Nalgúns documentos tamén aparece citada como de Vilaxoán. Levántase no Coto do Mato, un outeiro situado a 467 metros de altitude. Destruída polos Irmandiños, foi reconstruída por Fernán Ares, xenro do decapitado Pardo de Cela, quen, xunto coa súa muller e filla do mariscal, Constanza de Castro, rexeitaron os ataques das tropas dos Reis Católicos ata que tiveron que renderse ao podrecer a auga do alxibe. Os reis, despois da conquista, puxéronna á venta para sufragar os gastos do asedio. No ano 1646 aparece como propietario o conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira, Álvaro Pérez de Viveiro. No ano 1755 foi vendida a Gabriel María Montenegro, do pazo de Caldaloba, situado a uns poucos centos de metros (conta a lenda que un túnel comunicaba a torre e o pazo). Para construír o castelo escolleron o emprazamento dun primitivo castro da Idade do Ferro, aproveitando os foxos que o defendían. Consérvase unha arruinada torre de 25 metros de altura, de planta cadrada, con 10 metros de lado e muros de máis de 2,5 metros de espesor, construída en pizarra e cadeirado de granito nas esquinas. Tiña catro andares (planta baixa e tres niveis máis), rematada por unha bóveda de canón da que só se conservan os arranques dos arcos rematados en ménsulas. Durante séculos sufriu varios asedios. Na parte inferior aínda se aprecian os impactos dos bolaños (pedras de forma redonda) lanzados con catapultas ou con primitivos canóns.
 

O abandono da torre prodúcese no século XVII, con referencias documentais sobre a venta de escombros procedentes da mesma. A presenza de vexetación e a exposición á choiva contribuiu á súa deterioración. A parte superior da torre desapareceu por completo e o resto está cortado por grandes gretas verticais. Máis da metade do terzo superior desapareceu (muros posterior e laterais), incluídas as xambas e arcos da porta e ventá principáis (crese que roubadas para a utilización noutras construcións). A fábrica, no seu conxunto, presenta numerosos derrubes e gretas. A parte superior estaba coroada por ameas. Hai uns 30 anos colocouse un andamio arrodeando a torre para retirar as pedras en peor estado pero non se acometeu ningunha obra de consolidación. Dise que o andamio estivo alí durante nove meses, a 1.000.000 das antigas pesestas por mes.
 

A pesares de que a torre foi declarada Monumento Nacional por decreto de 22 de abril de 1949, o seu estado é de completa ruína. Para que se manteña en pé urxiría asegurar a fábrica para evitar o desprendemento das grandes pedras (algunha de 500 quilos) que están a piques de caer e repoñelas nas zonas máis degradadas.
 

Aínda que é o monumento emblemático do concello de Cospeito (unha das torres do seu escudo representa a de Caldaloba), o seu estado de conservación é de completa ruína e está totalmente invadida pola maleza, facéndoa case invisible ao ollo humano. É tanta a matogueira que a arrodea que resulta imposible achegarse ata os muros. E non falemos do acceso para chegar ata ela. O camiño resulta practicamente intransitable. E quen desexe subir ata o altorelo onde está emprazada ten que mentalizarse para sufrir os ataques dos toxos, silvas e ortigas que actúan como unha impenetrable muralla vexetal, quizais para impedir que os visitantes observen aquela ruína arruinada. Se se quere ver arodeándoa polo foxo perimetral, o visitante terá que conformarse con distinguir só o 25% da torre xa que o resto está comido pola maleza. 
 

Dentro do réxime xeral de protección do Patrimonio Histórico, as torres, castelos e pedras heráldicas obstentan o maior grao de protección (decreto do Ministerio de Educación Nacional de 1949, Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985 e Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016). A lei galega di que os Concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens que se ubiquen dentro do seu termo municipal, correspondéndolles en caso de urxencia, como é este de Caldaloba, adoptar as medidas cautelares necesarias para salvagardar os que se visen ameazados. E os propietarios, posuidores e demais titulares de bens integrantes do noso patrimonio teñen a obriga de conservalos, coidalos e protexelos para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, estrución ou deterioración. O incumprimento destas obrigas conlevará unha multa, e mesmo a expropiación.
En Galicia, as fortalezas arruinadas superan, con moito ás conservadas. Na nosa terra "adórnanse" castelos con alpendres de bloques mentres que outros, din, non teñen dono, sen que as administracións responsables de velar para que se cumpra a lei fagan nada por evitalo.
Serve para algo que un monumento goce da máxima protección legal? Teñen algunha responsabilidade os Concellos e particulares por non protexer o patrimonio tasl como os obriga a lei? Á vista do que hai as respostas non precisan de moita análise: non e non. Como se adoita dicir: papel mollado. Está máis que comprobado que non todas as leis se teñen que cumprir. Hai leis de primeira, de segunda e as que están adorno.

A PONTE DO PORTO 
Atópase tamén na parroquia do Pino. É do século XVII pero de posible orixe romana. Catalogada pola Xunta de Galicia no ano 1991.
 

Ata principios do actual século XXI aínda era utilizada polos veciños como paso para salvar o río Támoga. Foi nos primeiros anos deste século cando o Concello solicitou un obradoiro de emprego subvencionado pola Xunta de Galicia para limpala e consolidala. E aí comezou a desfeita. Os alumnos do obradoiro (que non tiveron culpa) limparon a maleza e arrincaron as pequenas árbores que medraban entre as pedras. Quedar quedou limpa, pero resulta que ao responsable das obras "esquecéuselle" asegurar as pedras polo que na primeira enchenta dese inverno un dos arcos de medio punto veuse abaixo, e do que quedou en pé comezaron a desprenderse as pedras. Todo isto foi a parar ao leito do río o que ocasionou que a auga se fora estancando. E todo isto foi feito sen control arqueolóxico. Para tentar subsanar a desfeita, varios anos despois a asociación de veciños, logo de sortear non sei cantos atrancos, conseguiu permiso para retirar as pedras que atascaban o río e que apilaron nun lugar próximo, traballo inútil porque as pedras continúan a caer e, debido á conxestión producida polos derrubes, fai que aquelas augas sexan totalmente insalubres tal como reza un cartel que colocaron ao efecto. No entorno da ponte acondicionouse hai anos un terreo como área recreativa que ninguén visita, non só porque está inzada pola maleza, senón porque as augas non son aptas nin para bañarse nin para pescar.
 

En definitiva, na actualidade o único que se ve da outrora fermosa ponte é como caen as pedras, uns aramios adosados que ninguén sabe para que serven e a plataforma por onde transitaba a xente cuberta cunha capa de formigón.
 

O día 12 de agosto de 2016 presentamos uns escritos dirixidos ao Concello e aos grupos municipais con presenza no mesmo para que se tomen as medidas urxentes para evitar a desaparición, tanto da torre de Caldaloba como da Ponte do Porto, e tamén no Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que obrigue ao Concello e aos propietarios da torre a preservalos, e no caso de que pasen se lles aplique o réxime sancionador que estipula a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

PETROGLIFOS INÉDITOS EN LUGO
Localiceinos a mediados do mes de xullo de 2016 na aldea Daquelcabo, parroquia de Bascuas, no concello de Lugo. Atópase no medio dunha finca particular, a carón dunha pista asfaltada por onde discorría, antes do seu extraño desvío, o Camiño Primitivo de Santiago.
Trátase de 21 coviñas insculpidas na parte superior e lisa dunha gran pena granítica, cunhas medidas que oscilan entre os cinco e sete centímetros de diámetro, entre dúas grandes pías naturais.
O propietario descoñecía a existencia das cazoletas, enterouse cando llas mostrei. Contoume que a pena estaba cuberta de terra e maleza e foi el mesmo quen a puxo á vista. Parte da pena aínda está tapada. A parte que está á vista obsérvase que foi cortada, posiblemente para utilizar as pedras nalgunha vella construción.
O achado foi posto en coñecemento do Concello de Lugo e do Servizo do Patrimonio Cultural. O día 13 de outubro de 2016, dende Patrimonio comunicáronme que, despois da visita dos técnicos, o petroglifo xa foi catalogado.
O PETROGLIFO TRAMPOLÍN DO AGRO DO PEPE (O INCIO)
 


MONFORTE: MOURAS, CORVOS, SANTOS E TESOUROS
O sábado, 2 de xullo de 2016, volvemos a Monforte (a última visita produciuse hai quince días). Pola mañá achegámonos ata o Castelo Pequeno, nome que recibe un altorelo que se ergue na parte baixa e chá do Val de Lemos. Nos terzos nor-oeste e sur-leste presenta dúas pequenas elevacións que se erguen sobre dous cavorcos de pouca altura. Pola súa localización (controla o acceso leste a Monforte) e o seu carácter amesetado pode tratarse dun castro ou dunha vixía de adscrición romana ou medieval. En superficie apareceron anacos cerámicos de época medieval. O motivo que nos levou ata o Castelo Pequeno foi o de comprobar, alertados por un veciño, se nos últimos tempos se realizaron movementos de terra que puideron afectar ao xa moi alterado asentamento.
 

Despois de xantar encamiñámonos ata O Freixo, unha aldea case abandonada (só vive un veciño de forma permanente) situada na parroquia de Ribas Altas, á beira do río Cabe. A elección non foi casual, débese á nosa teima por documentar o primeiro petroglifo do municipio, pretensión, despois de varios intentos, que non conseguimos materializar. Pero, nin moito menos, nos damos por rendidos. Nesta ocasión o noso obxectivo foron varios afloramentos rochosos situados entre os castros do Cornado e da Parte que se atopan a unha distancia, en liña recta, de 1,5 quilómetros aproximadamente. A nosa busca, unha vez máis, resultou infrutuosa.
Pero o noso cometido non rematou aí, os nomes das penas que pisaramos chamáronnos demasidado a atención para dar por finalizada a xornada. Así que, baixo un sol que torraba os miolos, puxémonos a buscar información entre os veciños da zona. A verdade é que non quedamos defraudados. 
Velaquí o que nos contaron.

A PENA DAS MOURAS 
Atópanse por riba dun antigo camiño que comunicaba as parroquias de Ribas Altas e A Parte. Ademais de para outros cometidos utilizábase (algúns veciños aínda o usan) para asistir á concorrida romaría que o día 21 de setembro se celebra na honra do San Mateo. Sobre algunhas rochas do chan aínda se poden ver as rodeiras que os carros gravaron ao longo dos séculos. O nome do afloramento débese a que alí vivían unhas fermosas mouras que custodiaban un tesouro fabuloso. Baixo dunha das penas hai un pequeno acubillo onde se gorecían os nenos cando ían co gando.
 

O PENEDO DO SAN ROQUE
Situado no mesmo cordal montañoso, a uns 750 metros en liña recta da Pena das Mouras. Leva o nome porque alí houbo unha capela posta baixo o padroado deste santo. Ao parecer, a principios dos anos sesenta do pasado século XX aínda quedaban algúns restos, hoxe en día desaparecidos. Cóntase que o motivo que levou aos veciños a erguer a ermida foi porque no lugar apareceu unha imaxe deste santo. Para darlle o acubillo que se merecía ao protector contra a peste e outro tipo de andazos, leváronno para a igrexa da Parte, mais uns corvos, por indicación do propio santo, volvían a repoñer a talla no sitio onde aparecera. Foi entón cando a xente se decatou de que o San Roque desexaba vivir no penedo.
 

A PENA DOS CORVOS 
Está a uns 1.250 metros do Penedo do San Roque, na outra marxe do río Cabe e ao pé do castro do Cornado. Trátase dunhas penas duns vinte metros de alto, cunhas fendas onde se di que vivían os corvos que devolvían a imaxe do San Roque ao lugar onde aparecera
Se imos á etimoloxía, na súa orixe latina Roque significa "Como unha rocha", mais a forma medieval rochus quizais sexa unha latinización da forma xermánica bruc/brokc, "choia, corvo", ou rôque, "aturuxo de guerra". Curioso.
 

A PENA DO OURO 
Atópase a uns 150 metros da Pena dos Corvos. Trátase dunha gran pena con forma cúbica que semella foi modelada por man humana. Asegúrase que no seu interior agocha un tesouro. Se non foi destruída é porque sábese que quen ousen fendela sufrirán a ira das mouras que vixían dende o outro lado do Cabe. 
 

OS CASTROS DO CORNADO E DA PARTE 
Dise que un túnel comunica os dous asentamentos. Cóntase que dunha antiga canteira que hai preto do castro da Parte sacaron as pedras que serviron para construír os Escolapios. Unha persoa asegurounos que viu pedras que estaban pintadas.
 

UNHA TORRE MEDIEVAL CAMUFLADA
Poucos escoitaramos falar dunha torre medieval na parroquia de Bascuas, no concello de Lugo. As escasas referencias que había sobre ela situábanna preto do lugar da Eirexe. As informacións levábanna para o lugar onde se ergue a coñecida como Casa da Torre, xusto enfronte da igrexa parroquial. Pero se alí estivo, non quedaban restos, ao menos á vista. Incluso había quen negaba a súa existencia, asegurando que se trataba dunha confusión coa aldea de Bascuas, na parroquia de Montecubeiro (Castroverde), onde está documentada unha torre medieval que pertenceu aos Díaz de Neira.
A principios do mes de xullo de 2016 achegámonos ata o lugar, tomando como referencia unha escritura dos anos vinte do pasado século que falaba do lugar de A Torre. Pouco tivemos que buscar, uns veciños lembraban o sitio onde se erguía, cando cativos adoitaban xogar xunto os seus muros. Ata alí nos levaron.
Só vimos un pequeno montiño cuberto de maleza, mais ao achegarnos e remexer un pouco na terra demos con parte do lenzo dun muro que os nosos guías axiña recoñeceron. Contáronnos que lembraban perfectamente as catro paredes da construción, asegurándonos que nas inmediacións, hai moitos anos, apareceran restos de sillares e tellas. Nos vimos pedras de boa feitura e anacos de ladrillos e tellas esparexidos polo lugar. 
Segundo as nosas estimacións (moi provisionais), a torre era de planta cadrada, duns oito metros de lado e estaría adicada á vixiancia, quizais do Camiño Primitivo de Santiago que pasa ao seu carón. 
Pouco despois, outra persoa contounos que os propietarios, aos poucos, foron tapando con terra o que quedaba da torre para borrar os restos. Polo de agora só podemos imaxinarnos o porqué.
O estado en que se atopa xa o puxemos en coñecemento do Servizo do Patrimonio Cultural e do Concello de Lugo. Lembremos que ao tratarse dunha fortaleza goza, segundo a lei, da máxima protección legal polo que os propietarios teñen a obriga de preservar os restos, non podendo alteralos.