CASTELOS DE GALICIA (PROVINCIA DA CORUÑA)

 

ABEGONDO
O Castelo (Torrente-Abegondo): Posible asentamento fortificado medieval. A mesta vexetación impide ver se hai restos. 
Castelo (Souto-Meangos): Pequeno recinto de planta rectangular e coas esquinas arredondadas, defendido por un parapeito que está arrodeado por un foxo. 
Castelo da Arxila (Meangos-Abegondo): Situábase no extremo septentrional do monte Castelo, sobre a igrexa parroquial de Santiago de Meangos. Organizábase en torno a unha mota central de terra que se elevaba uns tres metros sobre o terreo circundante, a parte alta constituía un recinto achairado, tiña planta rectangular e medía uns 50 metros de lado. É posible que estivera cercado por unha muralla de pedra protexido por un foxo duns dous metros de ancho. A ubicación desta fortaleza entre os ríos Gobia e Fontaos, tributarios do Mero, permitíalle controlar dende o alto e na distancia o tramo do camiño entre Presedo e Limiñón, dende o que se dominaban os vales circundantes. Jerónimo del Hoyo no ano 1607 afirma que o solar da casa dos Montotos é a torre que chaman de Agilda, sita nos arredores de Betanzos. Martínez Santiso cita unha historia manuscrita inédita das familias ilustres de Betanzos da que extrae a mesma información. Pérez Constantí tamén menciona a fortaleza. (Información de Xosé Troiano en patrimoniogalego.net). 
Castelo de Porcas (As Covas-Guillade-Limiñón): Posible asentamento fortificado medieval. Trátase dunha elevación rochosa feita de forma artificial tras a escavación dun foxo na rocha. Declarado BIC. 
Cruz da Beira ou Monte dos Matos (Cruz de Beira-Sarandóns): Asentamento fortificado medieval con restos de estruturas concéntricas que defenden un pequeno recinto interior de forma rectangular, con dúas liñas de muralla separadas por un foxo. Cuberto pola matogueira. 
Torre (Currás-Vilacoba): Posible asentamento fortificado de época medieval. Trátase dunha pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome da Redonda. 
A Torre (Torre-Leiro): Dise que no lugar houbo unha torre, hoxe en día destruída. Trátase dun pequena elevación coa superficie achandada que recibe o nome de Grovias e Redonda. Este topónimo aparece mencionado nun documento como Castellum de Leiro no ano 1112. Segundo López Ferreiro, este castelo tiña ao seu cargo un dominio administrativo que cubría a metade occidental do territorio de Nendos, chegando ata o mar e limitando co territorio do castelo da Espenuca. 
Torre de Peito Bordel (Bordel-Sarandóns): O edificio actual, habilitado como vivenda particular e parcilamente restaurado, data do s. XVII. Unha desafortunada intervención, con galerías de formigón na parte traseira, desvirtúa o conxunto. A construción máis antiga é unha torre do s. XII totalmente arruinada, cuberta pola matogueira e á que lle falta a parte superior. Segundo a lenda aquí eran recluídas as mozas cristiás destinadas aos haréns dos musulmáns ata que eran embarcadas cara o seu destino. Era o coñecido como "Tributo das cen doncelas" ou de "Peito Bordel". No ano 765, cinco fidalgos, fartos de semellante aldraxe e armados só con ramas de figueira, puxeron en fuxida aos moros de Abderramán. Sobre un arco de medio punto que dá acceso á edificación, hai un escudo cadrado coas armas dos Figueroa e Andrade e, debaixo, a cabeza dunha muller. Declarada BIC. 
Torre de Figueroa: Forma parte do pazo do mesmo nome. Acaroada ao edificio érguese unha torre gótica de planta rectangular do s. XII ou XV (segundo versións), reformada no XVII á cal acaroaron posteriormente outras edificacións. nos muros aparecen dous escudos coas armas dos Gaioso, Puga, Freixomil e Moscoso, e un perpiaño con inscricións que fan alusión aos Figueroa. Os fidalgos da lenda anterior morarían aquí, segundo a lenda recibirían o apelido de Figueroa polo das ramas de figueira que utilizaron como armas. No lintel da porta do muro sur hai unha inscrición que di: "Reparose esta casa antiquísima del solar de los Figueroa el año 1621, siendo señor de ella Ares Pardo de Figueroa, caballero de la Orden de Santiago". Privada. Bo estado de conservación. 
Torre de Cerca (Cullergondo): Forma parte do pazo do mesmo nome.
    
 

AMES 
Castelo do Monte de San Marcos (Castelo): A 349 metros de altitude sobre o nivel do mar. Catalogado como posible fortificación medieval por Rodríguez Resino (2008). Existen referencias tardías á reutilización do castro na véspera da batalla de Altamira-Augapesada no 1471 (Aponte, 1986). 
Pena da Mira (O Outeiro-Buceleiras-Bugallido): A Pena da Mira é un outeiro rochoso que sobresae no monte Picón e domina unha ampla visual sobre o Val da Amaía e a zona de Santiago, xunto coas súas contornas. Está situado a 207 metros de altitude e a 300 metros ao sur do antigo camiño real que comunicaba Bertarmiráns, dende a ponte da Condomiña, ata a entrada na cidade de Santiago pola zona de Vidán. O lugar, na topografía, coincide co descrito por López Ferreiro no ano 1884 sobre o estudo histórico do que fora arcebispo de Compostela entre o 1451 e 1460, Rodrigo de Luna. Fala das manobras de control sobre o territorio do tenente da Rocha Forte de Santiago, o cabaleiro Álvaro Sánchez Dávila, en tempos deste arcebispo. Nun texto lese: "Más Álvaro Sánchez no se contentaba con ser leal guardador de la Rocha; si no que desde allí con sus continuas salidas y rebato dejaba punto de reposo a los rebeldes. Por la parte sud y del Oeste tenía cortada las comunicaciones con Noya, Muros y la rica comarca de la Amaía. Prestábase a ello la situación del castillo que se erguía empinado y escueto sobre un altozano en la margen izquierda de un riachuelo afluente del Sar, como a unos cuatro kilómetros de Santiago, y entre las carreteras de Noya y Padrón". O "riachuelo" ao que se refire pode ser o Rego de Paradmuíño, afluente do Sar, e o altozano A Pena da Mira. O lugar está protexido arqueoloxicamente pola existencia dun petroglifo na zona suroeste do propio penedo e dunha mámoa na zona sur do outeiro. O posible castelo estaría no afloramento granítico que amosa rebaixes e regularizacións para escuadrar unha liña de rocha e facer o que podería ser o asentamento de muros. Tamén se aprecian ocos redondos escavados na pedra que asentarían pontóns de madeira e outros rebaixes que configuran pías. Estas características son as que se aprecian noutros lugares no que estivo construída unha pequena torre ou castelo roqueiro, usados a miúdo para vixiancia e control de camiños. (A información e a foto débolla a Elixio Vieites, publicada en patrimoniogalego.net).
 

ARANGA
Castelo de Hermanzón, Barmanzón ou Aranga (Ponte Aranga): Situado na confluenza dos ríos Cambás e Mandeo, nun outeiro de inmellorables condicións de defensa natural. Accedíase a través dun estreito e escarpado paso situado ao norte. A crista está formada polo afloramento de grandes laxes de lousa. A defensa reforzouse artificialmente cortando a rocha para formar dous foxos. Consérvanse os restos dun muro realizado en cachotería. Luengo Martínez informa de que se atoparon dúas seteiras. O recinto interior presenta unha planta tirando a ovalada cunha medidas de 39 metros de longo no eixo maior e 10 metros no menor, construída en dúas alturas comunicadas a través dunha escaleira de cinco chanzos escavados na rocha. No espazo superior puído existir unha torre. Atopáronse varios restos materiais: cerámica medieval, tellas e unha punta de lanza. Luengo data a fortificación entre o século X e comezos do XII. A primeira testemuña documental é do ano 966, cando o bispo Sisnando II de Iria -curmán e opositor de San Rosendo- acompañado do seu irmán Rodrigo e a esposa deste, Elvira, realizou unha doazón a favor do mosteiro de Sobrado, incluíndose "Nostro castelo de Aranga cum omn sua prestantia". No 995, o bispo de Iria San Pedro de Mezonzo restaura o mosteiro de Santa Baia de Curtis que fundara o seu antepasado Placencio. Entre os bens que doa menciónase a igresa de Santo Uincentio de Naimaia da que se indica que se atopa iuxta castellum de Aranga. No século XII, ademais da constancia documental do castelo, testemúñase a existencia dun mosteiro co seu correspondente couto e dunha xurisdición de Aranga que, como a fortificación, aparece vinculada aos Traba ou a membros de linaxes próximas. A continuidade da fortificación rastréxase na segunda metade do século XV, no coñecido como preito Tavera-Fonseca onde se di que foi derrubada polos Irmandiños, debido a que se tiña convertido en niño de malfeitores e, ante a súa propiedade, as testemuñas non se poñen de acordo: uns din que pertencía á linaxe dos Vilarullo, outros ao conde de Monterrei (algunha hipótese pouco fundamentada fala de que foi destruído durante a batalla dos Campos Congostranos contra as forzas de Almanzor). Hai quen sitúa aquí aos templarios que tamén ocuparían un mosteiro nas terras de Aranga, hipótese en absoluto fabulosa se temos en conta que Fernando de Traba os introduciu en Galiza o mesmo ano da fundación do Temple (1119), doándolles do burgo de Faro (Betanzos). Santiago Fernández, de Aranga, achegoume a seguinte historia: O señor do castelo era bastante "amigo" dos campesiños, apoiándoos contra os abusos da Igrexa e doutros caciques da comarca polo que a fortaleza non foi atacada polos Irmandiños. Declarado BIC. (A maior parte da información foi recollida do traballo de Carlos Andrés González Paz, Catro exemplos de fortificacións altomedievais galegas do século X: Castellum de Aranga, Castellum Minei, Castellum Berreti e Castellum de Citofacta, publicado en Rudesindus no ano 2007). 
Castelo de Teodomiro: Santiago Fernández dime que no concello había un castelo coñecido como de Teodomiro, no monte do Gato (O Barreiro), do que non quedan restos. Tamén hai indicios de, polo menos, outras dúas torres, dunha das cales se conservan uns posibles perpiaños reutilizados na construción dunha vivenda. Declarado BIC. 
A Torre (Muniferral): Posible existencia dunha torre medieval. 

ARES
Forte de Punta Segaño: Construída na Punta de Segaño, a uns 30 metros de altitude sobre o nivel do mar, na bocana da Ría de Ferrol. Data do ano 1739. Posteriormente sufriu varias modificacións e anexináronlle outras construcións nos anos 1754, 1764 e 1774, e tamén ben entrado o século XX. Configúrase como unha batería cara o mar e unha fronte de terra. A finais do século XVIII contaba con dezaseis canóns. Dise que debaixo houbo un castro, e que para facer os túneles reaproveitaron os primitivos foxos. En ruína progresiva.
 

ARZÚA 
Castelo de Fruzo (Fruzo-Oíns): Fortaleza militar transformada en pazo, sufriu varias reformas nas que perdeu a metade da súa estrutura, capela incluída. A Xunta de Galicia tenno declarado como BIC. 
O Outeiro (O Outeiro-Santa María de Arzúa): Asentamento que se configura como un pequeno outeiro de forma cónica que se eleva do terreo circundante cun pequeno espazo aterrazado a media altura e unha superficie amesetada na parte superior duns 25 metros de diámetro. Está rodeado pola canle do río de Brandeso pola zona norte. O corte do terreo por onde corre o río parece que foi ampliado, dirixido en curva e pegándoo ao recinto, para elevar as súas características defensivas. Obsérvase outro desvío artificial da canle pola zona sur, partindo do mesmo punto que a primeira, pero está moi colmatada polos entullos do río. Aprécianse no terreo dous foxos en forma de curva e concéntricos que están máis visibles cara a zona sudés. Van dende o ró cara os prados que ten ao seu carón, esmorecendo a medida que se adentran neles ata chegar a desaparecer. Está a 75 metros ao sur dunha ponte sobre o río de Brandeso, e a 600 metros ao norte doutra ponte por onde está marcada a ruta do camiño de Santiago polo Concello de Arzúa. (Información achegada por Elixio Vieites, e publicada en patrimoniogalego.net).
 

A BAÑA
Castelo de Gosende (Gosende-A Ermida): Está recollido como un castro na bibliografía arqueolóxica dende o ano 1984, sendo catalogado no ano 1994. Pola análise da fotografía aérea localizáronse dúas estruturas de forma semicircular dispostas concentricamente, se ben nas prospeccións levadas a cabo non foi posible localizalas. Segundo información achegada por Elixio Vieites, o asentamento semella moi pequeno para tratarse dun castro, amosando unha pequena croa elevada duns trinta metros sobre un meando do río Abuín. 
O Castrallón (Xasoso-A Baña): Medieval. Asentamento fortificado. Presenta unha estrutura circular duns 60 metros de diámetro e unha altura de dous a tres metros con respecto ao exterior. No centro hai un pequeno outeiro con restos de pedras. 

BERGONDO
Castelo de Corbeiroa: Atópase na parte sur da baía que protexe a ría de Sada. Edificado no século XVIII como batería defensiva para, entre outras, garantir a seguridade de varias industrias textiles. Xunto do de Fontán, forman parte do escudo da vila. En novembro de 2016, os muros das ruínas quedaron ao descuberto grazas aos traballos de limpeza e sinalización.
 

BETANZOS
Murallas da vila (Betanzos): Séculos XIII-XV. Arrodean o casco vello da cidade. A finais do século XVI comezáronse a construír casas apegadas aos muros, costume que se xeralizou a partires do XVIII. A entrada ao recinto efectuábase a traves de catro portas e un portelo, a máis coñecida a desaparecida Porta da Vila, derrubada a principios do século XX para construír a estrada. Moitos veciños derrubaron parte da muralla para ampliar as súas vivendas. Consérvanse tres das catro portas, todas do século XV. 
 

BOIMORTO 
Torre de Andavao: Non se trata dunha torre, senón dun pazo. Se existiu unha torre non quedan restos. Declarada BIC. 
 

BOIRO 
Castelo de Vitres (Monte Vitres): A 70 metros de altitude. Dende aquí contrólase parte da Ría de Arousa. Datado posiblemente na Alta Idade Media para se defender de normandos e sarracenos. Orixinariamente trataríase dunha torre ou atalaia situada no cume. Na actualidade só son visibles as pegadas deixadas polos perpiaños da cimentación. López Ferreiro di que acolleu un destacamento da Legio VI Victrix. 
Outeiro da Torre: No mes de agosto de 2015 deuse a coñecer o achado dunta torre altomedieval na Serra do Barbanza, no lugar coñecido como Outeiro da Torre dende onde se controla a Ría de Arousa. É de planta circular, de pequenas dimensións pero situada estratexicamente. Segundo Victor Barbeito, arqueólogo do Concello de Boiro, utilizaríase para facer lume nela e así avisar ao resto dos puntos de vixiancia da chegada de invasores por mar.      
Torre de Goiáns (Lampón): Século XVI. O pazo de Goiáns foi unha antiga fortaleza reconstruída por Domingo de Andrade, construtor da Torre da Berenguela, na catedral compostelá. A torre é rectangular coroada por un miradoiro abalaustrado. Ao longo do tempo pasou por varios propietarios. No ano 2010 o Pleno do Concello acordou mercar o pazo. 
Asentamento (Moimenta-Macenda): Segundo información aparecida na prensa o día 29 de maio de 2016, no lugar coñecido como Chans do Cerqueiro apareceu un hábitat da Idade do Bronce. Crese que pode existir unha relación deste sitio e a riqueza que a zona ten en estaño. Dous días despois, co inicio das tarefas de sondaxe, fotogrametría e localización GPS, Ramón Fábregas e Carlos Rellán matizaban que tamén podería tratarse dunha atalaia medieval ao situarse nun punto estratéxico dunha zona de paso natural.
  
 

BOQUEIXÓN
Castelo do Pico Sacro: Destruído polos Irmandiños no século XV, foi mandado reedificar, segundo López Ferreiro, polo arcebispo Alonso de Fonseca para se defender da casa de Altamira asentada na torre de Cira. No século XIX as súas pedras foron utilizadas para outros fins. Hoxe en día só se distinguen os restos da planta e do alxibe. 
Monte Castelo (Vigo): Restos dunha posible torre altomedieval de 28 metros de diámetro e tres de altura, situada a 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cume do monte coñecido como Alto do Castelo, cun bo dominio visual so o val o río Ulla. Atopáronse restos cerámicos, fragmentos metálicos e escouras de ferro.   
Torre de Lestedo: Parece ser que se atopaba nalgún punto da contorna do Pico Sacro; dise que as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. Aínda que inexistente, figura declarado BIC pola Xunta de Galicia. 
 

BRIÓN 
O Castelo de Rubial ou do Oleirón (O Rubial-Bastavales): Promontorio rochoso con restos esparexidos polo lugar que puideron pertencer, segundo Manuel Gago, a un castelo altomedieval con función de refuxio ou control. Ao pé deste monte había unha capela en honra de Santa Icía onde nos anos sesenta do pasado século se efectuaron algunhas prospeccións, saíndo á luz unhas ménsulas e unha escultura bifronte prerromana, hoxe en día no Museo das Peregrinacións de Santiago. 
A Costolla (O Rubial-Bastavales): Podería tratarse dun asentamento de vixilancia ou atalaia con características moi semellantes pola súa situación xeográfica a outros existentes na zona e que controlaban o val da depresión meridiana e a ruta entre Iria e Compostela, tendo un longo alcance visual sobre o territorio e os cumes dos montes que o flanquean. Está a unha altitude de 317 metros, nun prominente outeiro rochoso que se eleva pola zona leste do monte Oleirón, preto da aldea do Rubial e a 1,3 quilómetros en liña recta da pequena fortaleza, nomeada como altomedieval, asentada na súa ladeira, o Castelo do Oleirón ou do Rubial. Atopámonos nunha zona onde abundan este tipo de asentamentos de refuxio e control nos cumes dos montes e a ambos lados deste val, como Pena Angueira, Castelo REdondo e Monte Castrelo (Padrón), Castelo do Oleirón (límite Rois-Brión) e Monte San Marcos (Ames), nomeando soamente aos máis cercanos deste e de características semellantes cos que ten contacto visual. Ademais tamén se poderían divisar o Pico Sacro (Boqueixón) e a fortaleza de Castromaior (San Xoán de Fecha-Santiago). O microtopónimo A Costolla proviría posiblemente de costoia (custodiam), que fai referencia ao que algúns autores definen como un indicativo do lugar de vixilancia que se exerce sobre unha ruta. O afloramento de pedra no que se atopa cíngueo un muro duns 80 centímetros de ancho pola cara oeste, feito a base de dúas fileiras de perpiaños recheos de cachotería que aínda son moi visibles, sobresaíndo da maleza. A pesar das evidencias de extracción de pedra, na parte superior do afloramento aínda se aprecian na superficie intacta da pedra os rebaixes escuadrados que se practicaban para asentar as estruturas. Podemos ver polo lado sur os restos dos muros dun pequeno recinto, duns 2,5 metros de lado, que aínda ten fileiras en pé e que semella recente. Un veciño afirma que aquí se celebraba unha pequena romaría e noutro tempo podería existir unha capeliña. Este espazo da zona sur está construído nun lugar de voa visibilidade, e polo de agora non podemos relacionalo coa capela nin coas funcións de pastoreo ou do traballo dos canteiros. Na parte máis alta do outeiro está gravada unha cruz na rocha, con traza de antiga, atendendo á erosión dos bordos dos seus sucos. Pola cara oeste hai un muro, inaccesible pola maleza, pero posiblemente feito de cachotería, duns 100 metros de longo que serve de contención a unha terraza duns 800 metros cadrados, cunha anchura de 20 metros, case chan e con moita menor pendente que o resto do monte. (Información achegada por Elixio Vieites e publicada en patrimoniogalego.net). 
Torres de Altamira (Brión): Séculos IX-XV. O primeiro castelo erixiuse sobre un primitivo castro. Foi arrasado por González de Moscoso no 1073 (no século XVI trasladáronse ao próximo pazo de Trasouteiro). As torres foron levantadas ao longo da Baixa Idade Media. Destruídas polos Irmandiños, foron reedificadas de novo. No ano 1471 sufriron o asedio das tropas do arcebispo Fonseca. Hoxe en día só quedan as ruínas de dúas torres e o basamento do edificio. No século XIX as súas pedras foron utilizadas para outras construcións, entre outras a igrexa de Santa Minia de Brión. Nos perpiaños aínda se poden ver as marcas feitas polos canteiros.
 

CABANA DE BERGANTIÑOS 
Castelo de Borneiro (Borneiro): Asentamento datado como pertencente á Idade do Ferro e como recinto altomedieval. A 355 metros de altitude, no cume dun monte cun gran afloramento granítico que lle confire unhas boas defensas naturais. Ten unha croa de forma ovoide de 95 por 60 metros delimitada por un terraplén natural no que abundan os afloramentos rochosos. Os espazos entre os penedos están tapados con grandes bloques de pedra extraídos das proximidades. A croa aparece circundada por tres antecastros situados ao sur, leste e oeste, potenciando o sistema defensivo e ampliando a superficie habitable. (Información de Elixio Vieites en patrimoniogalego.net).  
Chousa da Torre (Barcia-Riobó): Asentamento fortificado de época medieval. 
Súa Torre (A Margarida-Cundis): Asentamento fortificado de época medieval. 
Torre de Corcoesto: Asentamento fortificado de época medieval. Non se conservan restos. 
Torre da Penela (Silvarredonda): Século XIV. Só se conserva unha das tres torres, coroada por ameas, e parte do sistema defensivo que tiña o castelo fundado por Lope Bermúdez, da familia dos Traba. Logo pasou aos condes de Priegue, donos das Torres de Celas de Peiro, en Culleredo. No s. XVII transformouse en pazo. A torre, de planta cadrada, consta de dous andares e soto cunha porta con arco de medio punto. Na fachada hai unha pedra armeira dos Castro, Riobó e Bermúdez. Na actualidade pertence a unha familia de labregos. A parte baixa utilízase como alpendre, e a media como graneiro e pombal. Deficiente estado de conservación. Existe unha lenda dunha moza asasinada polos soldados do castelo que lleu nome ("Pena... dela"). 
 

CAMARIÑAS 
Castelo do Soberano: Na Punta do Castelo. Coñecido tamén como Batería do Soberano. A súa construción comezou durante o reinado de Felipe V e rematou na época de Carlos III (de aí o nome) para defender Camariñas dos piratas ingleses. Constaba dun recinto amurallado cun baluarte, dous medios baluartes e un foxo entre eles. Para a defensa da parte que daba ao mar, construíuse unha batería con dezasete troneiras. Nos anos corenta do pasado século as súas pedras serviron para construír o porto actual. 
 

CARBALLO 
Castro da Torre: Elixio Vieites envioume este asentamento situado en A Ramiscosa, na parroquia de Sofán. Di Elixio que aínda que no PXOM do Concello do ano 2015 aparece catalogado como Castro de Gundián, polas pequenas dimensións do recinto fortificado (uns 22 metros de diámetro na parte central da croa), semella responder á estrutura dunha fortificación altomedieval sobre a que non hai moita documentación. A zona central elevada sería o sitio indicado para levantar unha atalaia ou pequena torre de control do territorio e as rutas pertencentes ao seu couto ou xurisdición. A croa está protexida polo NO polos noiros que caen en forte pendente cara o río Carral. De NO a S artéllanse dous parapeitos de 1,5 e 4 metros respectivamente. O sistema está reforzado cun dobre foxo. Ten tres portas, a de maior interese é a do NL, entre dúas moreas de pedras. Presenta un poderoso sistema defensivo debido á especial morfoloxía do asentamento. Segundo a lenda, na zona vivían os "xentís", persoas de grandes dimensións que non se relacionaban coa veciñanza. 
A Torre Pardiñas (Razo): Tamén me informa Elixio deste lugar que pertenceu á linaxe dos Pardiñas. No PXOM do Concello figura coma un castro aínda que pola descrición semella que foi reutilizado na Idade Media para construír unha torre circular.  
Torre de Vilardefrancos (Artes): Orixe medieval. Reconvertida en pazo. 

CARIÑO 
Garita da Herbeira ou de Vixía Herbeira (A Porta): A 611 metros de altitude, sobre uns impresionantes cantís da Serra da Capelada. Trátase dunha garita construída no século XVIII utilizada como zona de vixiancia ante as invasións foráneas, protexida por unha pequena muralla e deseñada polos enxeñeiros reais e levantada polos veciños. Reformada no ano 2003. 
 

CARNOTA
Castelo de Canedo: Castelo roqueio situado nun promontorio coñecido como Bico do Santo. Fortificación do século X pertencente á Mitra. 
Castelo do Pedrullo (Monte Pindo-Carnota): Situado no lendario Monte Pindo, o castelo era coñecido no século XII como de Sant Jiurgium. Hai quen remonta a orixe aos tempos da raíña Lupa. Ao parecer pertencía a Rodrigo Pérez de Traba que, segundo a tradición, converteu a fortaleza nun niño de malfeitores. Excomungado por Xelmírez polos seus excesos (prendera ao arcediago de Trastámara, Arias Muñiz), o Traba solicitou o perdón do arcebispo compostelán doándolle a Torre de Hércules ao Apóstolo Santiago. O decreto da excomuñón foi gravado en pedra, unha polémica inscrición que se atopaba no monte Penafiel (outros cren que a inscrición foi gravada para cristianizar un lugar adicado ao culto pagán). A principios do mes de setembro de 2011 descubriuse que a inscrición foi pintada de vermello, un novo atentado contra o noso patrimonio. 
Castelo de Penafiel: Castelo roqueiro situado sobre a fervenza do Ézaro. Derrubado polos Irmandiños. 
 

CARRAL 
O Castelo (Fócanos-Paleo): Citado por Sánchez Pardo e Fumadó Ortega (2013). Pouco se sabe deste xácigo. Podería tratarse dun castelo medieval edificado sobre un primitivo castro. Apareceron restos cerámicos.  

CEDEIRA
Castelo da Concepción (Cedeira): Ano 1747. Situado na punta Sarridal, á entrada da ría de Cedeira. O castelo construíuse por mor das incursións dos corsarios durante o s. XVI e o saqueo da ermida de Corveiro polos ingleses. Chegou a ter quince canóns a cargo de trinta soldados. A planta é un hexágono irregular, con rexos muros ameados nos adarves que miran ao mar. No interior acubillaba as dependencias dos soldados e o polvorín. No 1809 a artillería do castelo fustrigou ás tropas napoleónicas. Na actualidade pertence ao concello e acolle o Centro de interpretación histórica de Cedeira. 
 

CEE
Castelo do Príncipe (Ameixenda): Ano 1755. Construído durante o reinado de Carlos III coa misión de protexer, xunto co castelo do Cardeal, en Corcubión, a entrada da ría. Tiña doce canóns e oitenta e oito soldados. Dispón dun patio central e unha edificación en forma de U. Nel reuniuse a xunta de defensa da zona no 1809 para coordinar a loita contra os franceses. Na actualidade está en mans particulares.
 

CERCEDA 
Castelo das Encrobas: Está documentado que no ano 1282 pertencía á mitra compostelá. Na metade do século XV o arcebispo deullo en préstamo a Xoán Becerra do Val de Veiga quen logo llo doou a Fernán Pérez de Andrade. Destruído polos Irmandiños. 
Torre do Boedo (O Boedo-Queixas): Formaba parte dun pazo que padeceu unha gran transformación. A fachada conta con restos de aluminio e a pedra foi cuberta en gran parte con cemento. Aínda que apenas quedan restos, está declarada como BIC dende o ano 1994. 
 

COIRÓS 
Torre da Espenuca: Sobre o primitivo castro da Espenuca construíuse unha torre medieval documentada no ano 868. O conde Rodrigo doouno á Mitra no ano 1130. Atopáronse tégulas romanas, muíños de man e lápidas con motivos xeométricos. No lugar existiu un mosteiro do que aínda se conserva a igrexa e un campanario románico que é onde puido estar a fortaleza. 
Castelo da Mota ou Mota de Ois (Ois): Ruínas, só se conservan restos dos muros. Situado sobre un outeiro a uns 230 metros de altitude e sobre un primitivo castro. Data do século XII. Tiña unha planta duns 30 por 35 metros. Construído en sillería de granito de aparello irregular. Cara o NO é onde se conserva a maior altura. Tamén se ven restos dos alicerces doutras construcións que cinguen a torre. O castelo pertenceu a Pedro Fernández de Andrade, fillo de Fernán Pérez de Andrade. Foi derrubado durante as guerras irmandiñas polo Arcebispo Alonso de Fonseca. Parece que foi reconstruído de novo, pero foi outravolta derrubado polo gobernador de Galicia Fernando de Acuña, por mandato dos Reis Católicos. Na zona había outros dous castelos que semellaban dominar e protexer en puntos estratéxicos situados no cauce do río Mandeo e, polo tanto, o acceso á cidade de Betanzos por esa vía. Estes eran os da Epenuca e o outro estaría en Aranga. Segundo a lenda foi unha fortificación de mouros, había un túnel secreto que partía dos sotos do castelo e ía ata o río polo onde se levaban os cabalos a beber, ademais de actuar como camiño de fuxido para os morarodos en caso de seren atacados. Tamén se di que na mota había un gran tesouro agochado e algunhas persoas andiveron na súa procura. No lugar do Casal utilizáronse as súas pedras para construír as casas. (Información de Óscar Franco en patrimoniogalego.net).
 
 

CORCUBIÓN
Castelo do Cardenal (Punta Pión-Redonda): Ano 1741. As obras comezaron no 1741 e remataron no 1757. Dispoñía de 12 canóns gardados por 96 soldados. Xunto co do Príncipe, defendía a ría. É propiedade particular.
 

CORISTANCO
Torre de Nogueira (Seavia): Ano 1369. Estilo gótico de planta rectangular cunha altura de trece metros. Conserva unha das dúas torres que tiña en orixe. Formaba parte dun pazo-fortaleza propiedade dos Bermúdez. Escudos dos Moscoso e Bermúdez. 
 

A CORUÑA 
Torre de Hércules: O faro máis coñecido durante a época romana, foi utilizado como fortaleza na Alta Idade Media. Coñecido como Castelo Vello ou Torre do Faro, estaba arrodeado por un pequeno foxo e un parapeito. Foi no século XVII cando recuperou de novo a súa función de faro. 
Muralla medieval: Ten a orixe no século XIV. Consérvanse restos do recinto murado e tres portas. No Paseo do Parrote atópase a Porta de San Miguel, con tres escudos no lintel, entre eles un da orde do Toisón de Ouro; a Porta do Cravo está fronte aos xardíns de San Carlos; e a da Cruz ou do Parrote sitúase fronte a Capitanía Xeneral. 
Castelo de Eirís: No mes de xullo de 2015, arqueólogos da empresa Argos comprobaron que este non era o forte de Valparaíso, tal como se pensaba ata entón. O castelo de Eirís é do século XVI, na súa fachada locían unhas pedras armeiras cuxo paradoiro se descoñece; tamén tiña un arco de medio punto mediante o que se accedía á casa, hoxe desmontado. Ao longo do tempo, o edificio sufriu moitas modificacións para acabar converténdose en casa de labranza, abandonada nos anos sesenta do pasado século. Ao seren confundido coa fortaleza de Valparaíso foi declarada BIC. Malia iso, esta casa foi escenario de dous importantes acontecementos na historia da Coruña: O cerco realizado polos ingleses de Drake no ano 1589, e o combate entre as tropas napoleónicas, galegas e británicas na famosa Batalla de Elviña no 1809. Posuía unha ampla vista da baía coruñesa. No mes de agosto de 2015, a asociación de veciños de Eirís denunciou in situ a pintada que un grupo de persoas estaban a facer nun dos muros. O presidente da asociación chamou á policía local no mesmo momento en que se estaba a realizar a pintada, pero a policía ignorou o aviso. O Concello recoñeceu a existencia da chamada e informou de que se vai abrir un expediente interno para aclarar os feitos. Segundo os arqueólogos a eliminación do grafiti é case imposible pola gran cantidade de pintura utilizada. 
Castelo de San Amaro: Hoxe en día non quedan restos, no seu lugar levántase o Club del Mar. Ao parecer era o máis antigo, crese que foi construído entre os séculos XIII e XIV (González Garcés cría que foi durante os reinados de Sancho IV ou Enrique III). A súa estrutura principal era un torreón orientado cara o leste, ubicado no lado sur da enseada de San Amaro, onde existiu unha capela do mesmo nome. Sábese que o castelo xa existía no ano 1386, cando desembarcou o duque de Lancaster. Xunto coa Torre de Hércules actuaba como vixía e defensa contra as expedicións que pretendían atacar a cidade. A mediados do século XVII autorízáronse reformas. Desta fortaleza tamén fala José Cornide. Tres lustros despois, o enxeñeiro militar Carlos Augusto Girau di que o Castelo só tiña os muros e atopábase en moi mal estado. No século XX estaba totalmente arruinado. Durante a Guerra civil os fascistas utilizáronno como lugar de execución. (Información achegada por Alberto Vidal). 
Castelo de San Antón (A Coruña): Érguese sobre o que foi un pequeno illote na ría da Coruña, no lugar onde había unha capela adicada a San Antón destinada a acoller aos navegantes aqueixados do mal gangrenoso, o "Lume de San Antón". O illote utilizouse tamén como lazareto. O castelo comezou a construírse no ano 1587. Ficaba inacabado cando Drake atacou a Coruña. Filipe II dispuxo entón que se remataran as obras. No 1639, durante o asedio á cidade por unha escuadra francesa, os canóns dos castelos de San Antón e San Diego protexeron a baía. Durante o reinado de Filipe IV reformouse a fortificación, engadíndoselle a Casa do Gobernador e unha capeliña. Na década dos anos corenta do s. XX, o illote quedou unido a terra. No ano 1960, logo de ser utilizado como prisión militar entre os séculos XVIII e XIX, o Estado cedeullo ao concello. Dende o ano 1964 acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. Presenta unha fronte con dous semibaluartes flanqueando a entrada, patio de armas e plataforma superior onde asentaba a artillería, con planta de estrela irregular. Chama a atención o alxibe do soto onde se recollía a auga da choiva. 
Fotaleza de San Diego (A Coruña): Foi bastión defensivo e cárcere militar. Que fora declarado Monumento Nacional no 1949, non impediu que o derrubaran no 1965 para construír un peirao. 
Castelo de Valparaíso (Eirís): No mes de xullo de 2015, os arqueólogos da empresa Argos demostraron que ata o presente tíñase confundido esta fortaleza co coñecido como Castelo de Eirís. Da de Valparaíso pouco se sabe, créndose que podería ubicarse na zona coñecida como O Montiño.
  
 

 

CULLEREDO
Torre de Celas ou da Vinseira (Peiro): Situado aos pés do monte Xalo, formou parte dun castelo baixomedieval. Derrubada polos Irmandiños, foi levantado de novo a finais do século XV. O episodio máis coñecido é o do preito que o Concello da Coruña mantivo con Martín Becerra, dono da fortaleza, que conservaba un señorío feudal nun couto de xurisdición municipal, chegando a cobrar peaxe polo paso de mercadorías e transeúntes. O preito saldouse a favor do concello, obrigando ao dono a derruír o ameado, murallas, etc., achandando o terreo onde se levantaban os edificios. Anos despois contruíuse un pazo acaroado á torre que foi derrubado hai poucos anos; os brasóns que adornaban os seus muros foron trasladados ao pazo de Anceis, en Carral. O edificio, un cubo, está realizado en cadeirado granítico. No ano 1992 foi restaurado. Dende o 1994 acolle o Museo Etnográfico. 
As Torres (Sésamo): Aínda que non se conservan, están documentados os restos de dúas torres.
 

DODRO 
Castelo de Monte Vilar (Monte de San Gregorio-Dodro): Asentamento romano/altomedieval. Parece ser que se trata dun castro refortificado durante a Idade Media. Apareceron fragmentos cerámicos.  
Torres de Lestrove: Coñecidas tamén como Pazo dos Hermida. A fachada principal presenta un corpo central e dúas torres de planta cuadrangular en cada extremo. Nunha fachada hai un escudo do século XVIII coas armas dos Luaces, Mosquera, Bermúdez e Bolaño. Nun extremo hai un patio onde semella que houbo unha torre. Orixinariamente tiña dúas torres defensivas, ao parecer do século XII, que debido a distintas incursións resultou moi danada, reconstruíndose no século XVIII, uníndoas a través dun corredor. Manuel Murguía documentou fragmentos de tellas, ladrillos e pedras de época romana que, segundo o historiador, pertencían a un primitivo castro romanizado. As torres cítanse na lírica galaico-portuguesa e nas Cantigas de Santa María. No ano 1930 celebrouse aquí o coñecido como Pacto de Lestrove, promovido pola Organización Republicana Gallega Autónoma, onde se asinou a alianza das distintas forzas republicanas; o dono do pazo, José Vázquez Batalla, ofreceuno para celebrar a reunión; dise que mentres se celebraba a xunta, o propio Vázquez Batalla subiuse a unha das torres para vixiar por se se achegaban elementos non desexados e facilitar a fuxida dos presentes cara os montes do Barbanza. Declarada BIC.
 

DUMBRÍA
A Casa Forte (Olveiroa): Torre de defensa que o bispado compostelá tiña na Idade Media para controlar o paso do río Xallas. Pertenceu a Leonor González de Saz no século XIV. A súa familia tamén controlaba o paso do Xallas por Brandomil. Esta dona, casada en segundas nupcias con Roi Soga, cedeu a casa forte ao arcebispo Berenguel de Landoira. Dona Leonor fixo doazóns á capela da Trinidade de Santiago polo que foi insculpida en pedra no tímpano da entrada que na actualidade pode verse no museo da catedral compostelá; aparece de xeonllos ao pé da Virxe e o Neno. Citada por Vasco de Aponte. 

FERROL
Castelo de San Carlos (Doniños): Trátase dunha batería costeira de defensa construída entre os anos 1731 e 1739. Formaba parte dun proxecto de fortificación na entrada da ría de Ferrol que servía de apoio aos castelos de San Filipe, da Palma e de San Martín. De gran tamaño, ten dúas frontes, unha cara a ría e outra cara a enseada. 
Castelo de San Felipe (Brión): Século XVI-XVII. Mandada construír por Felipe II para a defensa do porto de Ferrol, punto estratéxico para o aprovisionamento da Armada Real. Xunto cos outros castelos que resgardaban a ría, o de San Felipe xogou un importante papel no ano 1594 cando a armada inglesa tentou apoderarse do Ferrol. O mesmo aconteceu no 1639, neste caso nun ataque da marina francesa. No ano 1800, máis de cen barcos e 15.000 soldados ingleses, comandados polo contraalmirante Warren, foron derrotados nas batallas de Brión e Doniños onde as baterías dos castelos foron determinantes. Posuía unha planta de punta de frecha, dirixindo cara o mar unha dobre liña de lume organizada en dous pisos. Entre o castelo de San Felipe e o de San Martín tendíase unha cadea para empecer a entrada de naves inimigas na ría. Na actualidade pertence ao concello do Ferrol. 
 

FISTERRA
Castelo de San Carlos (Fisterra): Ano 1757. Contaba con tres frontes e unha nave interior onde se atopaba o cuartel e o polvorín. Durante a Guerra da Independencia foi incendiado polas tropas napoleónicas no ano 1809. Restaurada, acolle o Museo da Pesca.
 

IRIXOA 
A Torre (Ambroa): Ao parecer, no lugar do que aínda se conserva o topónimo, había unha torre medieval da que non se conservan restos das súas estruturas, pero si aparece material cerámico vencellado á antiga fortaleza. 

A LARACHA
Torre da Granxa (Caión). 
Torres do Viso (Montemaior): Medieval, totalmente arruinadas, só se conservan os restos da base cadrada da antiga construción. Pertenceron aos Bermúdez de Castro. Declarada BIC. 
Torre de Cillobre (Torás): Medieval. Os seus primeiros propietarios foron os Andeiro. En 1988 as súas pedras foron reutilizadas na construción dunha ponte o que provocou a desaparición do portón, as torres e a muralla. Consérvase unha pedra armeira no pazo de Oca. Conserva a capela románica. 
 

LAXE
Castelo de Sueiro (Monte Chans-Soesto): Coñecido tamén como Castelo da Estrela e Castelo de Capeludos. Trátase dun posto vixía entre penedas Entre os séculos XI e XIV existiu unha fortificación chamada castelo de Sueiro. A torre aproveitaba a situación estratéxica e a orografía rochosa do lugar dominando o val de Traba e de Soesto. A destrución do castelo probablemente ocorreu no século XIV. Ao pé do castelo uns rebaixes do terreo facilitarían o acceso dos señores ao mesmo. Aos lados pedras sólidas garantirían a seguridade do castelo (Cal de Moreu). Dende a súa ubicación pódese apreciar a redonda unha paixaxe de alto valor estético e paisaxístico. A praia de Traba, Soesto, lagoa de Traba e a paisaxe protexida Penedos de Pasarela-Traba. A propiedade pertence aos herdeiros da familia Blanco-Rajoy, donos do Pazo de Soesto, vencellado ao lugar que un día foi residencia de Afonso IX, rei de León e Galicia que se criou baixo a tutela do conde de Traba no mosteiro de Moraime.  
Torres de Xallóns: Na parroquia de Sarces. Só queda unha pedra armeira que se colocou na casa de Parga Pondal, en Laxe. A pesares disto, a Xunta de Galicia tenna como BIC. 

LOUSAME
Monte Castelo (Fruíme): Sobre un outeiro, conserva parte dos muros. Apréciase un recheo a modo de contraforte feito de terra e cachote que arrodea o penedo. O estado de conservación é moi malo, o roubo continuado de pedra e actividades de canteira estragaron o xacemento. 
Castelo de San Mamede (Tállara): Situaba entre dous grandes penedos en cuxo espazo se atopa un recheo de pedra e terra que servía de cimentación da torre. Arredor dos penedos e a modo de contraforte hai un parapeito de terra que apoia contra as rochas. Moi alterado. 
Monte Muralla: Entre Fruíme (Lousame) e Araño (Rianxo): A 674 metros de altitude. Sérvelle de liña divisoria e a súa relativa proximidade á costa fai deste lugar unha poderosa rampla montañosa dende onde se divisa unha gran panorámica. Polo norte domina sobre as terras do concello de Lousame e Rois, ao leste ten o monte Treito e un fito ou marco de catro caras que fai de división dos concellos de Dodro, Rianxo, Rois e Lousame. No cume, onde se instalaron unhas casetas de vixiancia dos lumes e telecomunicacións, aínda se pode apreciar entre as penedas unhas murallas esborralladas con gran cantidade de cachotería. (Información achegada por Elixio Vieites).  

MALPICA
As Torres de Mens (Mens): Século XV. Pertenceu aos Moscoso de Altamira. Foi destruída durante a Revolta Irmandiña. Na actualidade consta de vivenda e tres torres de planta cadrada que perderon as ameas. A entrada realízase a través dun arco oxival situado nunha das torres. Noutra torre salienta un balcón corrido de madeira, apoiado sobre ménsulas de pedra. Foi restaurada no ano 1988. Cóntase que un túnel comunicaba coa igrexa mosteiral de Santiago, na que perdura a lenda dunha moza secuestrada polo señor do castelo. Cando os veciños liberaron á rapaza, o conde fuxiu polo pasadizo, manobra que de pouco lle valeu porque os veciños plantáronlle lume ás dúas bocas de onde non puido saír o malfeitor.
 

MAÑÓN
Torre de Lama (As Ribeiras do Sor): Orixe no século XV. Coñecido tamén como Finca das Camelias. Pazo construído sobre un antigo castelo medieval do que se conservan algúns perpiaños na parte inferior dos muros e un arco de pedra no interior da casa. O edificio foi restaurado nos anos corenta do século XX. Uns escudos adornan a fachada principal. O pazo conta cunha das maiores plantacións de camelias de Europa. 
 

MAZARICOS 
Castelo de Brandufe (Colúns): Situado no monte da Ruña dende o que se divisa unha ampla panorámica. De cronoloxía descoñecida, consérvanse algúns alicerces. 

MELIDE 
Castelo de Grobas: Pertenceu á mitra compostelá. A pesares de non quedar rastro da súa construción, a Xunta de Galicia tenno como BIC. Foi erixido polo conde Munio no límite da terra de Santiago. Na Historia Compostelana conta como o prelado compostelán recibe o encargo da raíña dona Urraca e do seu fillo para destruír a fortaleza, e faino para atender a demanda da raíña e defender os seus intereses posto que a fortaleza resultaba ameazadora pra o señorío de Santiago, non só polos atropelos que dende alí puideran cometer contra a Igrexa de Santiago e os seus dominios, senóncomo escarmento exemplar para todos aqueles cabaleiros que se atreveran a desafiar a preponderancia episcopal. A Crónica de don Berenquel de Landoira relata como Xelmírez e as súas hostes derruban a fortaleza. A finais do século XIV, Xoán García Manrique, como un novo Xelmírez, retirou a Gonzalo Ozores de Ulloa a propiedade da fortaleza xunto coa terraria das freguesías cercanas pertencentes á Igrexa de Santiago por certos "deservicios" cometidos polo citado cabaleiro. A fortaleza fora probablemente construída con permiso arcebispal nas terras concedidas en préstamo a esta liñaxe, a dos Ulloa. O arcebispo permitía a propiedade dunha fortaleza no amplísimo coto xurisdiciónal da Igrexa de Santiago, aínda que non sempre era requirida a supervisión catedralicia para a construción dun castelo. En 1402 o arcebispo Lope de Mendoza, considerando que a acción do seu predecesor se debera a "malquerías, odios y rancores", devolveu a fortaleza aos Ulloa. (Información de Elixio Vieites). 
Castelo de Melide: Levantábase no lugar coñecido como O Castelo onde asentaba un primitivo poboado castrexo. No ano 1467, os Irmandiños derrubaron as murallas da vila e destruíron o castelo cuxas pedras foron reutilizadas na construción do convento do Sancti Spiritus. 
 

MESÍA
Castelo de Mesía (A Pobra-Bascoi): Século XII-XV. Levántase por riba do río Samo. Construído (ou reconstruído) por Gonçalvo Días de Mesía nunha propiedade doada por Henrique de Trastámara. No 1407 foi destruído polos Irmandiños. Reconstruído despois da Revolta polo arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, a torre mántivose en pé ata mediados do século XIX en que foi derrubada polos veciños para reaproveitar as pedras nas súas casas. A torre estaba arrodeada por unha muralla de forma ovoidal protexida por un foxo con tres torreóns adosados. Preto do castelo, no lugar da Torre, atópanse vestixios dunha fortificación dependente do castelo onde se pode ver unha pedra armeira dos Mesía. Segundo a lenda, o castelo foi erixido polos "mouros" que construirían uns pasadizos secretos. Lenda da Infanzona.
 

MOECHE
Castelo de Moeche (San Xurxo de Moeche): Século XIV-XV. Pertenceu aos Andrade. Ten planta poligonal, arrodeado por un foxo escavado na rocha. A Torre da Homenaxe, de planta cadrada, ten 18 m de altura. Ao camiño de rolda accédese por unha escalinata helicoidal que arrinca do patio de armas. Foi atacada polos Irmandiños; o seu defensor, Nuno Freire de Andrade, tivo que fuxir para o castelo que os Andrade tiñan en Pontedeume. 
 

MONFERO 
Castelo da Pluma (As Lamelas-San Fiz de Monfero): A 489 metros de altitude. Posible asentamento fortificado de época medieval, defensivo ou de vixiancia. Dende o cume vese o castelo dos Andrade na Nogueirosa, dise que dun ao outro facíanse sinais. Cóntase que do lugar foron sacadas pedras de granito traballadas que se utilizaron na reconstrución do mosteiro de Monfero, así como que apareceron anacos de tella e ladrillo. Nas proximidades consérvanse os topónimos A Cruz do Castelo, Chousa Grande do Castelo, O Castelo, Chao do Castelo e Chousa do Castelo. Neste monte hai un campo de mámoas.
 

MUGARDOS
Castelo da Palma (A Readonda-Mugardos): Xunto co de San Felipe, gardaba a ría de Ferrol Nas orixes chamouse de Nosa Señora da Palma, construído no 1597. O edificio actual é do ano 1869. As ameas engadíronse no s. XVIII. Tomou parte activa durante a invasión inglesa da vila de Mugardos no ano 1596. Foi utilizado como prisión militar. Abandonado, está á espera das prometidas obras de restauración. 
 

MUROS
Murallas da vila: Da muralla que cercaba a vila falouse no preito Tabara-Fonseca no 1527 (un dos achádegos documentais máis interesantes para estudar a Revolta Irmandiña) onde se afirmaba que A Pobra do Muro era unha das vilas mellor cercadas de todo o arcebispado de Santiago. Descubríronse restos da muralla inicial, do século XIV, xunto a igrexa de Santa María do Campo. As torres de Muros non foron asaltadas polos Irmandiños que facían excepción cos núcleos urbanos posto que era onde mantiñan maior apoio. 
Castelo de Esteiro ou da Laxe: Ver concello de Outes.   
Castelo de Serres (Serres): Non se conservan restos visibles. 
Baluarte de Santo Antón (Laxeiras-Abelleira): Estrutura de planta rectangular da que se conservan os alicerces. Posiblemente se tratara dun posto de vixia de época moderna. 

MUXÍA 
Illote do Castelo (Cabo Touriñán): Hai quen sitúa aquí un castro que en época romana foi utilizado para construír unha torre, ou quizais un faro. Adivíñanse algúns alicerces que puideron acoller algún tipo de construcións. 

NEGREIRA
Castelo-Pazo de Cotón (Negreira): Século XIV. Vencellado aos Luaces e aos Mariño de Lobeira. Conserva os cubos das antigas murallas. Salienta a galería de pedra, que atravesa a rúa principal, antigo camiño real, con tripla arcada ameada, balaustradas e miradoiro. Sufriu importantes modificacións entre os séculos XVII e XX. No corpo central presenta unha escaleira que dá acceso á planta superior, conectando coa chamada galería de Pedra. Torres cilíndricas dos séculos XVIII e XIX nos ángulos. Unha ducia de pedras armeiras dos Mariño de Lobeira, Luaces, Saavedra, Figueroa, Bermúdez de Castro e Trastámara, adornan a fachada. 
Fortaleza de Barcala (Broño): Xa estaba edificada en tempos de Paio Martiño de Lobeira, pai de Ruy Soga, que tivo fortaleza arredor de setenta anos, feito que permite afirmar que xa existía a mediados do século XIV. A súa importancia vén da súa ubicación a respecto das vías de comunicación con Brandomil e Vimianzo, e a proximidade ao camiño de Negreira e os vados e cruces practicables do río Tambre. Arasado polos Irmandiños. (Información recollida de Arquitectura militar y aspectos constructivos de las fortalezas  bajomedievales. Origen, función, contexto y evolución de las fortalezas de Altamira, Vimianzo y Cira, de C. J. Galbán Malagón. 2011). 
O Monte do Castelo (Broño): Preto do castelo de Broño está o que queda dun pequeno castelo localizado nun outeiro que domina o val na marxe dereita do río Barcala. Segundo a tradición oral, atopouse gran cantidade de tella e outros restos cerámicos. Ten unha estrutura semellante a unha mota, en tronco de forma de cono e un foxo ao redor. No cume vense uns pequenos muros de cachotaría que conforman unha estancia cadrada. A pouca distancia discorría unha importante vía de comunicación pola que aínda pasa o Camiño a Fisterra. Podería estar en contexto histórico co castelo de Broño, utilizado como complemento do mesmo. (Información achegada por Elixio Vieites).
 

NOIA
Murallas da vila: As primeiras referencias datan do ano 1168. Foron rematadas no ano 1326. Nun documento do ano 1469 cítase unha torre ao aforar unha herdade. O plano de Simancas, do 1597, é unha das fontes de información sobre a muralla de Noia. No mes de abril de 2010, durante as obras de canalización da rede de cable, descubríronse restos da muralla. No ano 2008 xa apareceran máis restos nas rúas do Comercio e da Porta da Vila. Como no caso de Muros, as murallas da vila de Noia cítanse no preito Tabara-Fonseca onde se di que posuía unha torre coñecida como o Tapal de Noia, utilizada plo arcebispo de Santiago. A torre utilizouse tamén como prisión e lugar de execución. A muralla tiña doce portas, a principal, a Porta da Vila, estaba formada por dous corpos de planta cadrada. 
Castelo de Nimo (Roo): Posible castelo altomedieval. Hai algunha rocha granítica insculpida con cazoletas. 
 

OLEIROS 
Torre de Lorbé (Dexo): Ano 1703. Mandada construír por Alberto de Otero. A torre actual carece de interes artístico. Nunha das paredes do pazo hai unha pedra armeira. O pazo foi convertido en restaurante. 
Castelo de Santa Cruz (Illa de Santa Cruz): Situado no illote de Santa Cruz, accédese por unha ponte de madeira para peóns. Na actualidade pertence ao concello de Oleiros. Do século XVI. Mandouno construír o capitán xeneral Diego das Mariñas para completar a defensa da baía, insuficientemente defendida polos castelos de San Antón e San Diego, como demostrou Drake no 1589 quen, á fronte da Armada inglesa, conseguiu desembarcar en Oza dos Ríos para iniciar o asalto á Coruña. As obras rematáronse no ano 1640, dotando ao castelo con potentes canóns. Un deles, coñecido como o canón do Barranco, alcanzaba 10 km. No século XIX mercouno o xeneral Cavalcanti, casado cunha filla de Emilia Pardo Bazán, que construiu un pazo no corpo central; tamén foi residencia de verán de orfos de militares. Na actualidade acolle o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. 
O Castelo (Serantes): Había unha torre, desaparecida, construída no século XVII.
Segundo información achegada por Alberto Vidal, preto do Monte Branco, na punta de Mera había unha fortaleza que figura nun plano francés da baía da Coruña datado arredor do ano 1764. No posible emprazamento hai un lugar coñecido como A Torre. Un pequeno illote en Mera chámase tamén Illa Castelo. 
 
 

ORDES
Torre de Buscás (A Rúa-Buscás): Elixio Vieites achega en patrimoniogalego.net esta nova torre baixomedieval situada no lugar coñecido como Agra da Torre, onde posiblemente se erixía a fortaleza de Buyocaz segundo información proporcionada por María do Rosario Valdés Blanco-Rajoy no seu traballo Las rutas medievales que jalonaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos. O lugar ten as características dos recintos que acollían unha mota, pero coa particularidade que a tendencia á forma circular do espazo, aquí revela unha superficie cadrada arrodeada dun gran foxo defensivo. Mide uns 30 metros de lado e remata nun gran terraplén polo leste ata a canle do Rego do Cabo. Compleméntase o recinto con outro foxo de menor profundidade que configura unha liña de defensa circular. Preto pasaba unha importante ruta medieval entre Santiago e Betanzos ao seu paso pola parroquia de Buscás, non moi lonxe da igrexa románica de San Paio e do castro que está ao seu carón. 
 

ORTIGUEIRA 
Castelo do Campo da Torre (Ortigueira): Existen referencias dunha antiga torre que formaba parte dun castelo medieval do século XII pertencente ao conde de Santa Marta de Ortigueira. Citado por Federico Maciñeira. Segundo a lenda, aquí vivían os mouros e había un pasadizo que comunicaba a igrexa de Santa Marta co castelo. 
Castelo do Casón (Veiga): Foi unha antiga torre de vixiancia na Alta Idade Media, de finais do século IX ou principios do X, datación que foi posible polos restos cerámicos atopados na primeira intervención do ano 1998. Levantouse en tempos do bispo Cresconio, de Iria, cando as costas galegas eran asoladas polos normandos. A segunda intervención, no ano 2000, serviu para definir o castelo de planta rectangular, con tres recintos amurallados, reforzados por torreóns de planta circular, un foxo e polo desnivel natural cara o río Casón. Dende aquí controlábase a ría dende Bares a Sismundi. No mes de agosto de 2015, un equipo de arqueólogos, dirixidos por Emilio Ramil, traballaron na porta de comunicación do exterior da fortaleza co partio de armas e na que vai deste ao recinto habitacional.
 

OUTES  
Castelo de Esteiro ou da Laxe: Lindeiro co concello de Muros. Coñecido tamén como Bico do Castelo Grande. Sobre un outeiro rochoso nun lugar estratéxico. Vense escalóns traballados na rocha. Apareceron anacos de tellas. Nunha pedra hai gravado un alquerque de nove.    
Castelo de Outes: Non existe constancia documental de que a igrexa de Santiago realizara algún tipo de arranxo despois do seu abandono no século XVI. Dise que as casas do lugar de Castelo foron levantadas cos restos desta fortaleza situada no monte da Torre. 
Castelo da Serra: Descríbese nun expediente de ingreso de don Antonio Mariño de Lobeira na Orde de Santiago. O castelo foi destruído polos Irmandiños. Só se conservan dúas paredes, unha porta con arco de medio punto e outra cun escudo sostido por unha serea. 
Torre de Insua (Insua-Cando): Actuaba como atalaia ou torre de vixiancia. Preto da engaiolante Pedra Serpal dende onde se divisa unha impresionante panorámica. Os poucos restos que se conservan foron esnaquizados pola construción dunha caseta de vixiancia. 
Torre da Torre de San Lourenzo (A Torre-Matasueiro): Elixio Vieites achega esta fortificación baixomedieval en patrimoniogalego.net. Coñecida tamén como A Torre dos Mouros e Torre do Barco, os seus restos están sobre un promontorio de espléndida panorámica dende onde se controla o val do río Tins e a súa contorna. Segundo Mariño Reino ten unhas medidas de 7,5 metros de ancho e 15 de longo, e a parede mellor conservada ten unha altura de 10 metros. No libro de Carré Aldao, Geografía del Reino de Galicia, di qeu sobre a ventá esquerda da porta de entrada, hoxe desaparecida, había unha inscrición na que se lía que a fortaleza foi construída "en era de Mil cuatrocientos". Está a 2,2 quilómetros en liña recta do Castelo de Outes. Segundo a propietaria da torre, o seu avó dicíalle que cando a fixeron, os traballadores falaban cos qeu traballaban na torre do Castelo de Outes para pedirse ferramenta, e cando a necesitaban tirábana polo aire dunha torre a outra. 
 

OZA DOS RÍOS 
O Castelo (Bandoxa): Parece ser que na parte superior deste monte houbo un castelo. Na parte inferior tamén se conserva o topónimo O Castelo de Abaixo. 

PADRÓN 
Atalaia do Outeiro do Medio: Outeiro situado a 445 metros de altitude onde puído exister unha atalaia de época altomedieval. Amoreamentos de terra e pedras.    
Castelo do Medio (Cruxeiras): Posible fortificación altomedieval. Sobre algunhas rochas vense piletas e buratos que puideron servir para asentar os postes das estruturas.     
Castelo da Rocha Branca: Século XIII. Unha descrición do castelo dánola o preito Tabera-Fonseca, cando o procurador do arcebispo reclama polos danos ocasionados polos Irmandiños. Serviu de base de operacións a Berenguel de Landoira cando Santiago cae en mans dos burgueses. No ano 1318, Fernando García de Ledesma, alcaide nomeado por Suárez de Deza, tivo nela prisioeiro a Sancho Pérez. Destruída polos Irmandiños no 1467, non foi levantada de novo. Os seus muros foron derruídos no ano 1600 por seren, ao parecer, acubillo de malfeitores. As súas pedras foron reutilizadas polos veciños para construír as súas casas. 
Castelo Redondo (Carcacía-Carcacía): Medieval. Levantábase nun outeiro rochoso a 435 m de altitude. Polas reducidas dimensións que servía á superficie habitable así como a súa configuración, fan pensar nunha torre de control das rutas terrestres e fluviais. Posuía un gran dominio visual. Na cima dun rechao do outeiro que ocupa o castelo hai unha mámoa. 
Castelo do Castro Valente (Herbón): A 350 metros de altitude. Contrólase o curso baixo do río Ulla, Padrón, os accesos á Ría de Arousa, ademais dun amplo control visual cara os vales de Teo, Vedra e Boqueixón. Trátase dun recinto amurallado de máis de 1.000 metros. A muralla atópase moi arrasada ao longo da ladeira. Aos pés do recinto consérvanse os restos da antiga ermida do San Xoán trasladada no século XVIII. A muralla presenta unha anchra media de 3,5 metros. Obsérvase abundante tella, na meirande parte de tradición romana ou trado antiga. (Fonte: J.C. Sánchez e C.J. Galbán, 2015).     
Casa das Meigas ou Pena de Angueira (A Angueira de Suso-Cruces): Medieval. Fortaleza encravada na terminal dun esporón rochoso a 285 metros de altitude sobre o nivel do mar. Circundada por unha muralla de grandes bloques graníticos que conserva unha anchura máxima de tres metros, apoiada sobre os batolitos que conforman o esporón. Aprécianse cazoliñas ou rebaixes que poden indicar a existencia dalgunhas construción. Foi un punto estratéxico na ruta que dende a foz do Ulla se dirixía a Santiago de Compostela. Comunicación visual c castelo de Oleirón, ao outro lado do val. Boa comunicación visual co castelo de Oleirón. 
Castelo de Roque (Cruxeiras de Abaixo): A 425 metros de altitude sobre o nivel do mar. Posible fortificación altomedieval. Nalgunhas rochas vense uns buratos que puideron servir para asentar os postes das estruturas.
 
 

A POBRA DO CARAMIÑAL 
Torre de Bermúdez: Do século XVI. Nela atópase o Museo de Valle-Inclán. 
Torre de Xunqueira (O Xobre): Século XIV. Pertenceu a Estevo de Xunqueiras, un fidalgo baixo as ordes do arcebispo de Santiago. Foi un dos poucos castelos que non conseguiron conquistar os Irmandiños. Consérvase a Torre da Homenaxe é un pazo renacentista construído por Gómez Pérez das Mariñas. Adicado a casa de turismo. 
  
 

PONTECESO 
Torre de Tallo: Tranformada en Pazo, atópase abandonada. O resto do edificio, debido ás reformas que sufriu, carece de interese. Segundo cita Martínez Barbeito, o vínculo da casa foi creado no ano 1572.
 

PONTEDEUME
Castelo dos Andrade ou da Nogueirosa (Pena Lobeira-Nogueirosa): Construído no 1369 por Fernando Pérez de Andrade "O Bo". Construción que o enfrontou co prior do mosteiro de Sobrado que non quería que se levantara. Asentado sobre unha pena que foi puída para empecer o seu asalto, tamén o arrodeaba un foxo. Dende a Torre da Homenaxe, de 20 m de altura, divisábanse as rías de Ares, Betanzos e Ferrol. A porta de entrada estaba defendida por dous pequenos torreóns prismáticos. Cóntase que ata non hai moito tempo, as xentes que pasaban a carón do castelo santigúabanse dicindo: "Que Deus teña na gloria aos que morreron no castelo", unha curta pregaria en lembranza de Mauro, fillo do conde de Andrade, e de Elvira, doncela da súa muller, unha parella de namorados que no ano 1389 foron encerrados polo alcaide, namorado da rapaza, nun lóbrego calabozo e que morreron de fame. De aí que o castelo tamén se coñeza como o "Castelo da Fame". Trala Revolta Irmandiña ficou practicamente arrasado. 
Torre dos Andrade (Pontedeume): Do antigo pazo do século XIV só se conserva a Torre da Homenaxe. Mide 18 m de altura, é de planta cadrada con catro andares. Resistiu a acometida dos Irmandiños. Propiedade do concello dende o ano 1911, acolle o Centro de Interpretación dos Andrade e a Biblioteca. 
Murallas da vila: A primeira notica dunha muralla data do ano 1284 en que a vila contaba con cercas e portas. Con Fernán Pérez de Andrade, o Bo, a vila deixa de ser reguenga para pasar a ser de señorío, mudando con elo o seu sentido de defensa territorial. Segundo o debuxo de Pedro Teixeira do século XVII, a muralla, con oito torreóns, arrodearía a vila en semicírculo, discorrendo ao longo da ribeira do mar e bordeando o pazo. A torre, coñecida como dos Andrade, actuaría como Torre da Homenaxe da vila á que se accedía polas portas da Ponte ou Arco de Maldonado, a de San Roque ou da Vila e a do Porto ou de San Miguel; logo abriríanse tres portas máis: a da Salga ou do Torreón, a do Pontigo e a da Carnicería ou Trabanca. No ano 1616 obrígase aos freires do convento de San Agostiño a pechar unha porta que abriran na muralla. No ano 1617 o Concello gasta na súa reparación 3.272 reais o que amosa a preocupación polos ataques dos piratas. Mais no 1666 e no 1702, neste caso temendo a invasión de ingleses e holandeses, xa se advirte a descomposición do recinto murado.
   
 

 

PORTO DO SON 
Castelo de Burleu (Xuño): Hai quen sitúa  un castelo medieval, contruído sobre un primitivo asentamento castrexo. A súa situación facíao practicamente inexpugnable. 
A Torre (Orseño-Nebra): César Oliveira Serrano (2000) di que preto da aldea de Orseño houbo unha torre medieval, erixida na marxe esquerda do río Quintáns, nun altorelo moi escarpado. Descoñécese se tería relación co Pazo de Nebra que pertenceu aos Caamaño e Sotomayor alá polos séculos XV e XVI, ou se sería da mitra compostelá. Ignórase tamén se estivo entre as fortalezas derrubadas polos Irmandiños. No lugar construíuse posteriormente unha casa de labranza, coñecida como A Torre. Tanto sobre a existencia desta torre como as fotos débollas a José Suárez Caamaño. 
 

RIANXO
Castelo da Lúa (Taragoña): Século XIII. Derrubado polos Irmandiños no ano 1465, foi reedificado por Sueiro Gómez de Soutomaior, bisneto do fundador Paio Gómez Charino. No ano 1480 foi destruído por mandato dos Reis Católicos. Redescuberto no ano 1999 durante a construción do paseo marítimo, as escavacións encomezaron no ano 2007, descubríndose parte das murallas, unha torre e un foxo. Dise que chegou a pertencer á orde do Temple. 
Monte Muralla: Entre Fruíme (Lousame) e Araño (Rianxo): A 674 metros de altitude. Sérvelle de liña divisoria e a súa relativa proximidade á costa fai deste lugar unha poderosa rampla montañosa dende onde se divisa unha gran panorámica. Polo norte domina sobre as terras do concello de Lousame e Rois, ao leste ten o monte Treito e un fito ou marco de catro caras que fai de división dos concellos de Dodro, Rianxo, Rois e Lousame. No cume, onde se instalaron unhas casetas de vixiancia dos lumes e telecomunicacións, aínda se pode apreciar entre as penedas unhas murallas esborralladas con gran cantidade de cachotería. (Información achegada por Elixio Vieites).    

RIBEIRA
Castelo de Palmeira: Situado a carón do porto, foi levantado na Baixa Idade Media. Pertencía ao arcebispo de Santiago. Pouco despois da súa conquista polos Irmandiños, unhas barcas transportaron as pedras para a construción do mosteiro de San Antonio do Xobre, na Pobra do Caramiñal. Só se conservan os penedos onde asentaba, no lugar coñecido como O Castelo. 
 

ROIS 
Torre do Pico do Porto (Rois): Entre os concellos de Dodro e Rois. Atalaia ou torre de vixiancia a 296 metros de altitude do que apenas quedan vestixios. Non se atopa recollido nos inventarios de bens arqueolóxicos, aínda que foi descrito por Manuel Gago como unha pequena elevación circular duns 25 metros de diámetro formada por terra e pedras. 
 

SADA 
Castelo de Fontán (Sada): Século XVIII. Ademais de defender a vila de Sada, formou parte do sistema defensivo do arsenal de Ferrol. A construción consistía nunha explanada orientada cara o mar e rematada con merlóns onde estaba instalada a artillería e un muro que pedchaba o recinto pola parte de terra, adosándo a ela varias edificacións auxiliares para o servizo e residencia da guarnición. Na actualidade vense dous lenzos de mampostería e sillería relacionados co acceso ao recinto. Segundo a memoria da escavación do ano 2008, o resto da edificación desapareceu nos anos cincoenta durante a construción do actual porto de Sada. Noutra parte da vila había outra batería chamada da Corbeiroa. 
Torres de Meirás (Meirás): Trátase dun pazo formado por tres torres ameadas unidas por un corpo de edificio máis baixo. Foi propiedade de Emilia Pardo Bazán quen, no 1893, mandou que se erguese o pazo sobre unha casa forte destruída polo exército napoleónico no 1809. No ano 1938, os aduladores do fascismo mercáronno para agasallar a Franco quen o utilizou como residencia de verán. Na actualidade segue en mans, para escarnecemento do pobo de Sada, dos descendentes do arrepiante ditador. Para a compra do pazo, descontóuselles aos funcionarios do concello da Coruña e da Deputación Provincial unha porcentaxe dos seus soldos, imprimíndose, ademais, uns bonos de aportación "voluntaria". No interior agóchanse pezas arqueolóxicas, cruceiros, fontes, escudos, etc. froito de "regalos" e do espolio ao que tan afeccionada era a "Señorísima" Carmen Polo. O día 24 de marzo de 2011 "abriuse" o pazo ao público, cativo agasallo que non resolve o problema de fondo: a devolución do conxuno ao pobo de Sada. 
Fortaleza de Punta Corbeiroa (Sada): Batería construída no século XVIII, vinculada ao sistema defensivo de Ferrol-Coruña. Consistía nunha plataforma orientada cara o mar coa artillería disposta nun sistema de merlóns. Pola documentación dos arquivos militares despréndese o estado de abandono en que se atopaba na década de 1830. Declarado BIC.
 
 

SAN SADURNIÑO
Castelo de Naraío: Situado ao pé do río Castro. Pertenceu a Gonzalo Piñeiro, un nobre galego que tomou partido por Pedro I nas súas loitas con Henrique de Trastámara. Castelo baixomedieval, foi abandonado no século XVII. Da primitiva construción consérvase a Torre da Homenaxe, de catro andares, e os muros do patio de armas. 
 

SANTA COMBA
Torre de Randufe (Santa Comba). Totalmente arruinada, a Xunta de Galicia tenna catalogada como BIC. 

SANTIAGO DE COMPOSTELA
Castelo da Rocha Forte (Conxo): Século XIII. Refuxio emblemático dos arcebispos de Santiago e do cabido. Ademais de actuar como vangarda defensiva de Compostela ante os ataques chegados a través da Ría de Arousa e do río Ulla, era un lugar ideal, situado a carón do camiño principal, para cobrar os trabucos aos comerciantes que querían vender as súas mercadorías na cidade. O 16 de setembro do 1320, o francés Berenguel de Landoira, nomeado arcebispo de Santiago polo papa Xoán XXII, que se refuxiara na Rocha Forte porque a cidade se levantara en armas para defender o seu dereito a depender da Cora e non da Igrexa, cita no castelo aos representantes do burgo para negociar. Mais, no canto diso, os soldados pechan as portas e asasinan aos once representantes composteláns. As tropelías dos soldados do arcebispo (roubos, asasinatos, violacións...) gañoulle a xenreira dos labregos. Foi un dos primeiros castelos derrubados polos Irmandiños. A principios do ano 2014 deuse a coñecer o posible achádego dos restos dunha capela adicada a Santa Eufemia situada ao oeste do castelo. 
Castelo de Vigo (Sabugueira): A 490 metros de altitude. Aquí puído asentarse unha fortificación roqueira en época medieval, dada a existencia dunha elevación artificial do terreo na parte máis alta do cume (Rodríguez Resino, 2008). Gran visibilidade sobre comarca e o val do río Ulla, salientando a súa visibilidade directa sobre o Pico Sacro. 
Castromaior (Fecha): A 518 metros de altitude sobre o nivel do mar. Sobre o castro, atípico segundo García Martínez (1971), construíuse un castelo na Alta Idade Media (Rodríguez Resino, 2008). Debeu ter unha función defensiva e de control. Conserva parte das defensas exteriores. 
Murallas: Consérvanse algunhas partes, a maioría ocultas polas edificacións modernas, mais outras están á vista. As primeiras noticias sobre as defensas de Compostela datan do ano 968 en que Sisenando II amurallou a zona onde estaba a igrexa onde logo se levantou a catedral, o coñecido como Locus Sancti Iacobi.
 

AS SOMOZAS
Torre das Mestas (Vilachave-As Somozas): Medieval. Segundo o PXOM do Concello, a zona está totalmente cuberta de vexetación polo que resulta difícil definir o xacemento. Na parte alta dun esporón consérvanse restos dunha estrutura circular feita con pedras e aproveitando o afloramento rochoso, cun diámetro interior duns catro metros, cun furado no centro que semella obra de expoliadores. Nunha plataforma inferior ao cume hai unha estrutura que semella un parapeito. No extremo leste hai un gran corte realizado sobre a rocha que actuaría como foxo defensivo. Polo lugar pódense ver restos de pedras soltas de cuarcita, cuarzo, seixo e fragmentos de tella. 

TEO
Castelo de Paizás: Outeiro onde puído haber unha fortaleza altomedieval. 

VAL DO DUBRA 
Castelo de Portomeiro: A 400 metros de altitude sobre o nivel do mar. Castro ou castelo de forma ovalada (Agrafoxo, 1989). Sobre o castro ergueuse unha fortificación tardorromana ou altomedieval (Caramés, 1999). Trátase dun recinto fortificado no cume do Monte Maior, a 400 metros de altitude. Contrólase o paso do río Tambre. Moi alterado por canteiras de cuarzo e granito (J.C. Sánchez e C.J. Galbán, 2015). 
Os Castelos (Niveiro): Non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo. 
O Castrillón (O Burgo-Arabexo): Pequena elevación onde non se observa a presenza de estruturas defensivas nin habitacionais. Podería tratase dun asentamento medieval de carácter defensivo. Alterado por desmontes e por un campo de fútbol. 
Monte do Castrelo (Bascuas-Coucieiro): Pequena elevación onde non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Polas características morfolóxicas do emprazamento podería tratarse dun xacemento altomedieval de carácter defensivo. 
 

VEDRA 
A Torre (A Torre-Sales): Asentamento fortificado medieval. 
Prado de Torres (A Casanova-Sarandón): Asentamento fortificado de época medieval. Sen restos. 

VIMIANZO
Castelo de Vimianzo: Construído polos Mariño de Lobeira no século XIII. Pertenceu á familia dos Moscoso, emparentada cos Traba, que logo se convertirían en condes de Altamira. Foi destruído polos Irmandiños que, despois da derrota, foron obrigados a levantalo de novo polo arcebispo Alonso Fonseca II que estivera preso tralos seus muros. Pódense ver varias pedras armeiras, a maioría da época dos Martelo (de aí que tamén sexa coñecido como "As torres dos Martelo") que o mercaron a finais do século XIX. Trátase dun castelo defensivo con catro torres (a da Homenaxe e outras dúas de menor tamaño), patio de armas e demais dependencias. As murallas estaban arrodeadas por un foxo. Ao interior accédese a través dunha porta con arco apuntado. Dende o ano 1973 é propiedade da Deputación provincial da Coruña, acolle unha mostra de artesanía popular. Bo estado de conservación. 
Prado das Torres (Serramo): Posible fortaleza de época medieval. (Información achegada por Elixio Vieites).  
Torres de Cereixo (Cereixo): Século XVIII. Trátase dun pazo con dúas torres ameadas. A cor azul de portas e ventás que tanto chama a atención non é un feito caprichoso, o dono actual, don Santiago González, quixo manter as cores orixinais. En xaneiro do ano 2007 sufriu un incendio. Excelente estado de conservación.
 


ZAS
Castelo Grande do Allo (O Chamberín-O Allo): Segundo o PXOM de Zas, o núcleo principal do xacemento fórmao un outeiro granítico de forma tendente a ovoide, duns 30 metros no eixo N-S e 20 no L-O, que se eleva entre 10 e 20 metros con respecto á contorna circundante. Na parte superior do outeiro vense claras evidencias de que foi acondicionado para conseguir unha superficie tendente a horizontal: hai zonas nas que se observan afloracións graníticas desmouchadas, e nos bordos do outeiro hai algunhas pedras colocadas coa intención de nivelar o terreo que se pode deber á intención de facilitar a construción dalgún tipo de estrutura. Vense abundantes fragmentos de tella curva moi rodadas e fragmentadas e algúns anacos cerámicos moi erosionados. Cara o leste e oeste do outeiro hai un potente nivel de derrube, seguramente procedente dalgún tipo de construción existente na parte alta. 
Castelo Pequeno do Allo (O Chamberín-Baio): Segundo o PXOM, o núcleo principal do xacemento fórmao un outeiro tendente a ovoide, de aproximadamente 40 metros no eixo N-S e 30 metros no L-O, que se eleva entre 5 e 10 metros con respecto á contorna circundante. Na parte superior vense evidencias de que foi acondicionado para conseguir unha superficie tendente a horizontal para facilitar a construción dalgún tipo de estrutura. Na base do outeiro hai un potente nivel de derrube, seguramente procedente dalgunha construción que había na parte alta. Trátase de pedras graníticas de mediano tamaño pouco traballadas. A característica defensiva que lle confire ao xacemento a posición topográfica do outeiro sobre a que se asenta vese reforzada coa presenza na zona norte dun foxo traballado parcialmente na rocha. 
Torre do Allo (O Allo): Pazo da segunda metade do século XVI cosntruído sobre un antigo castelo destruído polos Reis Católicos. Acolle o Centro de Interpretación Turística. 
Torre do Sisto (Gándara): Medieval. Xacemento tipo mota, de pequenas dimensións, que conserva restos dunha torre de planta rectangular.


o noso patrimonio
Castelos de Galicia
Xabier Moure