CASTROS DE GALIZA/GALICIA (PROVINCIA DE OURENSE)

CASTROS DA PROVINCIA DE OURENSE

ALLARIZ
O Castelo (Allariz); O Mourello (entre Nanín e Vilaboa-Allariz); San Salvador (O San Salvador-Allariz); Cidade de Armea (Armea-Augas Santas); Pena do Couto (Turzás-Augas Santas); Monte da Moura ou Rubiás (Os Espiñeiros); Folgoso (Folgoso); Outeiro do Castro (Valverde-Requeixo); Castrelo, San Paio (San Martiño de Pazó); O Castro (Santa Baia de Urrós); Boa Madre (no monte de Boa Madre, no lindeiro dos concellos de Allariz e Taboadela); Cima de Vila ou Castrelo (lindeiro co concello de A Merca); Coto das Picotas.
O Castelo: Situado á beira do río Arnoia, no Castelo sitúase o nacemento de Allariz. Neste cumio ergueuse un Castelo medieval no século XII.
Cidade de Armea: De planta ovalada con dous redutos defensivos formados por murallas pétreas de aparello irregular. Estivo ocupado entre os séculos IV a.C. e IV d.C., xa moi romanizado. Atopáronse máis de medio cento de pedras de forma circular con esvásticas, pedras de xambas ornamentadas, cerámicas lisas e decoradas con incisións, cravos de ferro, dúas estatuas de guerreiros galaicos adobiados con cintos e brazaletes e dúas cabezas humanas, tamén de granito. Segundo a lenda hai unha gran pena chea de ouro. Na última fase de escavación do castro no ano 2011, dirixida por David Pérez e Celso Barba, descubríuse unha vivenda, unha muralla e a imaxe inédita dun guerreiro con espada e honda gravada nun pequeno anaco de cuarcita. Nas escavacións do verán de 2014 descubriuse unha domus romana con habitacións e un patio exterior cuberto, datada nos séculos I, II e III d.C. Tamén se atoparon pezas de vidro galaico-romano, cerámica fina e obxectos dun tear. A zona elixida para esta nova actuación foi a coñecida como Finca da Atalaia que xa fora escavada a mediados do pasado século por Conde Balvís.
Guerreiro de Armea (Augas Santas): S. I a.C. ou I d.C., consérvase no Museo Arqueolóxico de Ourense. No castro de Armea servía de tapadeira a unha pequena corrente de auga. Antes estivo no pretil da solaina dunha casa de Outeiro da Laxe. Trátase dun torso de guerreiro galaico cortado por debaixo da cintura. Sábese que perdeu a cabeza no século XX cando foi reaproveitado para tapar a canle de auga. Leva brazais, caetra, cinto e espada tipo parazolium empuñada sobre o peito. Este tipo de guerreiros galaicos suscitou abundante bibliografía. Uns cren que foron estatuas de término ou xenios tutelares das cidades, estatuas ctónicas e funerarias, heroes epónimos ou endeusados, espíritos protectores, pezas votivas honoríficas, representacións dun deus bélico, monumentos erixidos a soldados dos castros ao servizo de Roma, sacralización da función guerreira ou representacións de príncipes. Son bastantes as estatuas que aparecen por parellas nun mesmo xacemento, o que se explica pola súa colocación nas entradas do mesmo, e este torso tamén tiña compañía noutra peza, moito máis mutilada, da mesma procedencia e localización.  
Forno de Armea: Agochado nunha cripta baixo unha igrexa inacabada do século XIII. A lenda sitúa aquí unha das esceas do martirio de Santa Mariña (a outra sitúaa xunto a igrexa baixo a advocación da santa). Xaquín Lorenzo Fernández publicou un detallado informe sobre o forno que asocia ao castro de Armeá. Don Xaquín interpretouno como unha cámara ritual vencellada a ritos de incineración. Conde Balvís inclinouse por unhas termas de orixe castrexa, cunha entrada tipo "Pedra Formosa".
Castro Outeiro do Castelo: Sobre el construíuse o castelo medieval de Allariz.
Castro Pena do Couto: Castro localizado nun outeiro de pouca altura. Non se atopan murallas aínda que si cachotes con caras alisadas nos muros de peche dos valados que separan as propiedades anexas. Hai unha pena de enormes proporcións.
Tríscele de Aira Vella: Labrado en pedra de granito, atópase no muro dunha casa.
Santuario de Armea: En marzo de 2011 deuse a coñecer un importantísimo achado no lugar coñecido como Monte do Señorito, próximo ao castro da Cidade de Armeá. O artífice foi o señor Manuel Losada, cando andaba na procura dun marco dunha súa propiedade. O profesor da Universidade de Vigo, Adolfo Fernández, que está a preparar un proxecto de investigación arredor do citado castro e o conxunto histórico, etnográfico e mitolóxico de Santa Mariña de Augas Santas, catalogou o descubrimento como de tremenda importancia. Aínda que a maior parte do xacigo aínda se atopa baixo terra, pódese apreciar un conxunto de escadas monumentais, distribuídas en socalcos, e un gran banco de pedra tallado na rocha, rodeado e delimitado por canles, tamén labradas na pedra. Losada, aínda que cauteloso, sinalou a semellanza co santuario portugués de Panoias (Vila Real), e o profesor Marco Garcia Quintela co tamén portugués da Pía dos Mouros, en Argeriz. Malia o anterior, José Ramón Seara e José Manuel González, da Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas, din que podería tratarse dunha instalación anexa ao castro de Armeá ou parte dunha vila de tipoloxía e datación romana. Cómpre salientar que xusto ao día seguinte do descubrimento por don Manuel Losada, os investigadores citados rexistraron na Dirección Xeral do Patrimonio en Ourense o achádego. O alcalde de Allariz xa adiantou que se realizarán unhas escavacións de urxencia para sacar á luz o conxunto monumental.
Castro de San Paio: Ovalado. Sobre el construíuse unha capela adicada a San Paio. 
Castelo de Mouresiños (San Salvador dos Penedos): No PXOM do Concello de Allariz, este xacemento está catalogado incorrectamente coma un castro, con ocupacións romana e logo designado como xacemento funerario de época medieval. Estudos recentes están a demostrar que se trata dun castelo cunha ocupación entre os séculos IX e XI. (Para máis información ver a entrada adicada aos castelos).


 

 

 

 

 

 

AMOEIRO
Castro do Roeiro (Abruciños); Os Chaos (Amoeiro); Monte da Eirexa (Cornoces); O Castro (As Carballas-Fontefría); Coto do Castro, Coto de Marmán e Formigueiro ou Coto do Castelo (Trasalba); Coto da Zarra (Albeiros-Trasalba).
Castro Coto de Marmán: Aprécianse restos das estruturas arquitectónicas. Apareceron fragmentos cerámicos e tégulas.
Coto do Castro: Desaparecido pola explotación dunha canteira.
Castro de Formigueiro ou Coto do Castelo: Castro sobre un outeiro con boas defensas naturais sobre o río Formigueiro. Conserva restos de posibles murallas. Atopáronse algúns esvásticas, un muíño de man, fragmentos de terra sigillata e o anaco dun molde para agulla. A tradición di que baixo o monte atópase unha trabe de ouro e outra de alcatrán. Tamén se cre que sobre primitivo asentamento ergueuse unha torre na Idade Media, quizais o coñecido como castelo de Alba de Búbal. No mes de xullo de 2016, con recursos do Concello de Amoeiro e un convenio coa Universidade de Vigo, baixo a dirección de Ladislao Castro e no que colabora o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, iniciáronse os traballos de excavación do asentamento que deixaron ao descuberto os primeiros vestixios de cultura castrexa, romana e medieval. Nos primeiros días atopáronse anacos de vasillas castrexas e tellas de época medieval e romana.   
Castro Monte da Eirexa: Agás as pronunciadas pendentes que arrodeaban o recinto castrexo, só se conserva algún resto do que puideron ser as murallas. O castro atópase totalmente alterado pola constución dunha igrexa de orixe románica do século XII, o cemiterio e a reitoral, hoxe en día en ruínas. 
Castro do Rodeiro (Abruciños): Apareceu unha lápida que na súa cara anterior, a xeito de cartela, presenta unha inscrición nunha liña sobre un campo escavado onde se le: Orius. 
Castro de Zarra: Apareceron fragmentos cerámicos. Nunha as ladeiras do outeiro do castro localizáronse unhas rochas con petroglifos. 
Relevo do Formigueiro (Trasalba): Utilizado primeiro como altar, un relevo da Idade do Ferro decora na actualidade a fachada da capela de Formigueiro. Presenta motivos xeométricos e un friso de cabalos, un deles con xinete. Outro relevo, con motivos xeométricos semellantes, foi colocado no lavadoiro da parroquia de Fontefría. 
Fontefría: No lavadoiro podemos ver outra pedra decorada con motivos semellantes ao de Formigueiro. Nunha casona, hoxe en día abandonada, consérvanse as esculturas de dúas caras ciceladas nunha columnas, coñecidas como os Cabezóns das Casas das Tías Casildas, de posible adscrición castrexa. Na capela de San Xiao, unha ara adicada aos Lares Viais utílizase como pía de augan bendita. 
Igrexa de San Pedro de Trasalba: Nun muro da igrexa consérvase a escultura, disque, dunha cabeza castrexa. Eu teño as miñas dúbidas canto á súa adscrición cultural. Se ben é evidente que foi reaproveitada, o burato que parte da boca continúa cara a parte superior posterior da cabeza (comprobeino cun arame) o que pode ser indicio de que se puido utilizar como un cano por onde pasaba a auga.






A ARNOIA
O Coto da Cidá (Carnós-A Arnoia); Coto do Castro (Lapela-A Arnoia); Capela (Remuíño).
Castro da Capela: Sobre a croa hai uns grandes penedos con pías naturais. Ata non hai moitos anos mantívose a tradición de levar ao lugar a imaxe da Virxe en procesión e poñela sobre unha pía. Sobre unha das penas ergueuse unha cruz, sen dúbida para cristianizar o sitio. 
Castro de Lapela: Vense dúas pías megalíticas na acrópole. 
Coto do Castro: Situado sobre un outeiro rochoso. No cume hai unha cruz de pedra.
Castro O Coto da Cidá ou da Cibdade: A 366 metros de altitude. De forma circular. Na parte superior instalaron un repetidos de TV, tamén está afectado por camiños e terras de cultivo. Apareceron cantos e lascas de cuarcita.

AVIÓN
Coto dos Mouros (Casar do Nabo-Abelenda); Coto do Castro (Avión); O Castro (Barroso); O Cruceiro ou Coto de Santa Uxía (Beresmo-Avión); O Castro (Barroso); Rodela ou A Roda (Taboazas-Couso).
Coto do Castro: Dende o seu emprazamento dominábase o val do río Avia. Moi achandado, consérvanse restos dun foxo e dun parapeito de terra e pedras. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) di que aquí había un altar druídico.
Castro da Rodela: De grandes dimensión, asenta sobre un esporón na marxe esquerda do río Couso. Posúe un único recinto delimitado por parapeito e foxo.

BALTAR
San Martiño (San Martiño dos Peros-Abades); Sabucedo ou A Coroa (Sabucedo dos Peros-Abades); Outeiro (Baltar); Outeiro da Cruz (Garabelos-Garabelos do Bouzo); Outeiro, da Muradella ou Muralla dos Mouros (Tosende); Outeiro do Crasto ou Santo Antoniño (Santo Antoniño-Vilamaior da Boullosa); A Boullosa ou Outeiro do Demo, O Castriño (Vilamaior da Boullosa).
Castro da Muradella: Apareceron restos cerámicos. Aprécianse restos dun foxo.
Castro de Outeiro (Baltar): Na Serra de Gomariz. Atopáronse pezas de bronce do século I d.C. 
 


 

BANDE
O Crasto (Seoane-Bande); Sarreaus e Vilela (Bande); Lobosandaus (Os Baños); Pena Maior (Vilela-Os Baños); Rubiás (Rubiás-Cadós); Fervenza (Fervenza-O Ribeiro). 
O Castro (Seoane): Situado nun outeiro, está defendido por un profundo foxo que o arrodea no sector E e NE. Atopáronse materiais cerámicos. 
Castro de Lobosandaus: De grandes proporcións, ten unhas medidas de 450 por 200 metros. Situado nunha dorsal paralela ao río Limia. Aprécianse dous foxos paralelos con parapeito entre ambos. Polo oeste a rocha está cortada a pico. A coroa está formada por un afloramento granítico. Na terraza vense construcións redondas e cadradas, e buratos de poste escavados na rocha.  
Castro de Penamaior: Posúe unha ampla visibilidade sobre o entorno, controlando os vales dos ríos Limia e Cadós. O cumito está rematado por un afloramento granítico sobre o que colocaron un vértice xeodésico.  
Castro de Rubiás: De forma ovalada, ten unhas medidas de 350 por 300 metros Algúns autores sitúan aquí a capital do Querquernos. Polo sector NO está definido por un foxo. Unha das terrazas está ocupada por construccións tradicionais (hórreos, palleiras, etc.).   
Guerreiro ou Cabeza de Rubiás: Peza galaico-romana do s. I d.C. Cabeza na que o autor procurou tallar todos os elementos anatómicos e un torque no pescozo. Vexamos un pouco a historia desta escultura. A primeira referencia a unha escultura humana en pedra no castro de Rubiás é de Castellá (1609) que realiza unha descrición dun guerreiro galaico e di que no escudo tiña a inscrición "ADRONO/VEROTI F". No 1733 recolle isto Huerta y Vega, e repíteo no 1832 Cea Bermúdez. Mais López Ferreiro publica no 1898 un documento de Odino do ano 982 no que se fai doazón de Santa Comba ao mosteiro de Celanova e, ao sinalar os lindes, aparece unha efigiem ominis sculpta in petra. Cuevillas, que descoñece este documento, sitúa o castro de Rubiás no Monte das Neves de Celanova e di que alí apareceu o Adrono. Bouza, descoñecedor da zona mais non do documento, menciona esta localización errada en Cuevillas e apunta que a efigiem ten que ser a mesma de Castellá. No 1935 a Comisión Provincial de Monumentos de Ourense descobre o verdadeiro castro de Rubiás e atopa a cabeza que axiña relacionan co Adrono. Tres anos despois, Cuevillas e Lorenzo Fernández escriben un artigo no que intentan demostrar contra Bouza que a efigiem do século X e o Adrono de Castellá non poden ser a mesma, pois a primeira estaba en campo aberto e a segunda dentro do castro, o que non convence xa que dende o ano 982 ao 1609 puido ser trasladada. En definitiva, aínda non se sabe a ciencia certa se houbo tres estatuas (a efigiem, o Adrono e a cabeza de Rubiás) ou se a efigiem foi levada ao lugar de Rubiás, logo partida e hoxe só se conserva a cabeza. Pódese ver no Museo Arqueolóxico de Ourense.
 
 
 

BAÑOS DE MOLGAS
A Acea (Ambía); Outeiro dos Touciños (Alvite-Baños de Molgas); Formigoso (Baños de Molgas); Outeiro das Tapadas (Vilariño-Lama Má); Ciadella, entre Presqueira e Guamil; A Ciradella (Vide).
Castro da Acea: Protexido por un terraplén e varias zonas de muralla. Polo sur apréciase algún foxo. Segundo José Antonio Gavilanes semella que as pedras do castro foron reaproveitadas nos camiños próximos.
Castro da Ciadella: Pequeno castro situado preto dunha vía romana.
Castro da Ciradella: Atopáronse restos cerámicos, escouras de fundición e un muíño naviforme.
Altar: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), di que na parroquia de Almoite había un altar druídico.

BARBADÁS
Os Castros (nos montes da Vaqueriza): Situado na marxe esquerda do río Miño sobre un cume puntiagudo e rochoso onde se pode observar unha construción circular posta ao descuberto por escavacións furtivas. Con motivo dos traballos dunha canteira saíron á luz fragmentos de cerámica castrexa. 

O BARCO DE VALDEORRAS
O Castillo (Raxoá-Alixo); Buraco da Moura (Outeiro do Xardoal-O Barco); O Castro (O Castro de Valdeorras); Outeiro do Xirimil (Éntoma); Casteliño Redondo e O Xardoal (Forcadela); Os Lombos e Millarouso (Millarouso e Santurxo); A Pobra (A Pobra); O Pendón (Santa Mariña do Monte); Boca do Regueiro (Albar-Santigoso); O Castrillón e Santigoso (Santigoso); Soutariz (Soulecín-Santigoso); O Cavaxón (Vilariño-Santigoso); A Escrita (Viloira); Moucido (Xagoaza); As Torres.
O Castro: Sobre o primitivo asentamento castrexo ergueuse un castelo que xa existía no século XII. Durante a restauración da torre medieval comezadas a mediados do ano 2012, saíron á luz os restos do asentamento castrrexo coa aparición de cerámica que vai dende época prerromana ata o século IV. A aparición dos restos non sorprendeu a Santiago Ferrer, responsable da escavación, xa que noutras escavacións máis pequenas relacionadas coas obras de casas xa se atoparan restos das orixes desta vila de O Castro. Unha das buscas clásicas da historia de  Valdeorras é a localización de Calúbriga, o principal asentamento da zona durante a romanización lugar que, para a maioría dos investigadores, estaría asentada en O Castro.
Castro da Escrita: Alterado pola estrada que vai a Santigoso.
Castro dos Lombos: Nun esporón que se adentra no río Sil. Apareceron tégulas.
Castro de Millarouso: Presenta un recinto, tirando a circular, con tramos de murallas.
Castro do Pendón: No Alto de San Pedro, entre o río Sil e o regueiro do Real. Foso desfigurado polos labores agrícolas.
Castro de O Xardoal: Circular, arrodeado por unha muralla de pranchas de lousa e pedras calcarias. Ten dous foxos escavados na rocha. Vense pedras unidas con morteiro o que indica posiblemente a existencia dunha torre medieval.
Castro do Xirimil: Controlaba as cuncas dos ríos Sil e Cigueño. Ten forma ovalada defendido por foxos escavados na rocha de lousa.
 

 

BEADE
Beade, A Forxa e A Mourisca (Beade);A Portela (A Portela-Beade); Coto do Castro (As Teixeiras-Beade). 
Castro de Beade: A 217 metros de altitude. Vense moitas rochas con pías, tanto dentro como fóra do recinto. Apareceu abundante material cerámico e unha basa de época romana. 
Coto do Castro: Nun outeiro granítico. Posible foxo e terraplén. Nas inmediacións apareceron restos dunha vila romana. 
A Forxa: Sobre un afloramento rochoso. Non se aprecian restos construtivos. 
Castro da Mourisca: Situado nun altorelo a 220 metros de altitude. Apareceron restos cerámicos de época romana e unha basa dunha columna. Alterado por roturacións e construcións.


BEARIZ
Garfián e Magros (Beariz); Os Liñares e Ventelas (Lebozán).
Castro de Garfián: Conserva parte da muralla e un alxibe. Na cro poden verse unhas rochas con petroglifos de época prehistórica e medieval.
Castro de Magros: Situado a 728 metros de altitude. Apenas son visibles as súas defensas. Atopáronse restos de muíños de man, cerámica e escouras de metais.

OS BLANCOS
O Santiño (A Aspra-Aguís); Ouvigo (Os Blancos); Aguiar (Covas); O Castro (Guntín); Outeiro de Almeide (Nocedo).
Castro do Santiño: Situado nun esporón, boas condicións defensivas e dominio visual da contorna. Croa ovalada arrodeada por terraplén e foxo. Apareceron tégulas e pezas de muíños.
Outeiro de Almeide: Situado nun outeiro con boas defensas naturais. Identificado no ano 1991 como resultado da prospección arqueolóxica levada a cabo por Nieves Amado, Isabel González e Cristina Varela. Boa visibilidade da contorna. Posúe dous recintos, o superior de forma elíptica protexido con terraplén e foxo. Apareceron restos de cerámica común romana e restos de tégula.
Escultura de Guerreiro galaico (Nocedo): Parte inferior das pernas dun guerreiro galaico do século I a.C. Custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense.

BOBORÁS
Monte do Coto (O Igrexario-Albarellos); Astureses (Astureses); A Teixeira (Brués); Outeiro do Castro (Figueiroa-Cameixa); Meimón (Vilachá-Feás); Moldes (Moldes); Souteliño (Xurenzás).
Castro de Cameixa: Foi escavado por López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández entre os anos 1944 e 1946. Proporcionou a primeira secuencia estratigráfica nun castro da provincia de Ourense. Atopáronse restos cerámicos da Idade do Ferro e de época romana.
Castro de Meixón: Segundo a lenda hai dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán custodiadas polos mouros.
Castro de Moldes: Catalogado por López Cuevillas no 1920. Na súa croa ergueuse a igrexa románica e o cemiterio. Disque aquí estiveron os templarios. 
Castro de Souteliño: A 645 metros de altitude. Consta dun recinto central defendiso por terrapléns e foxos. Lenda onde os mouros sacaban a asollar o millo, e mentres termaban del, peiteábanse cos seus peites.


 

 

A BOLA
Monte do Castro (Berredo); O Forriolo (San Martiño de Berredo); Fechas (Fechas-Sorga).
Castro do Forriolo: Presenta forma ovoidal. Moi arrasado.
Monte do Castro ou castro de Berredo: A 750 metros de altitude sobre o nivel do mar. De forma elíptica, sitúase no cume dun pico rochoso con excelentes defensas naturais polas acusadas pendentes que o circundan e rodeado por un cercado que orixinalmente puido ter sido unha muralla pétrea xa que hai moita cachotería de granito e rebaixes e cazoletas nas rochas para apoiar a muralla. No ano 999 está documentado aquí o Castellum Berreti, mandado construír polo rei portugués Afonso Henriques.
 

 

O BOLO
Castro dos Bois (Cambela); Anta (Chao do Castro); Alto da Abada (As Ermidas); O Casquete e Tastaravás (Fornelos); O Cabezo (Lentellais); O Souto (Santa Cruz); Alto do Pendón (San Pedro dos Nabos-Teixido); Vilaseco (Vilaseco). 
Castro dos Bois: A 986 metros de altitude.  
Chao do Castro: Nas inmediacións da igrexa apareceu un epígrafe que Rodríguez Colmenero (1997), despois de traducido, di: "Marco Sigiro fixo esta dedicatoria a Anodio". Sobre a inscrición hai unha figura antropomorfa que pode ser a representación dalgunha divindade. Mais, segundo Silvia Alfayé (2013), cando se desprazou ao lugar no ano 2010, a peza desaparecera, descoñecéndose o seu paradoiro actual. Pero si tivo acceso a varias fotografías e un debuxo realizados por un veciño. Á vista das imaxes puido comprobar que non se trata dunha peza romana, senón moderna, onde o suposto teónimo indíxena Anodio débese ler en realidade como AN(n)O D(e), e a figura sería a representación esquemática dunha cruz cristiana.

 

CALVOS DE RANDÍN 
Penas Altas (Calvos); A Cidade (Castelaus); O Castro ou A Torre (Paradela-Randín); Outeiro da Cerca (Lumear-Rioseco). 
O Castro ou A Torre: Situado nun outeiro rochoso, ocupando a posición central dentro do curso alto do río Salas, dominando visualmente as terras de cultivo deste val. Presenta un gran complexo defensivo constituído por un foxo así como un gran número de terrazas discontínuas executadas por medio de murallas construídas con grandes bloques graníticos.   
Castro da Cidade: A maior parte da superficie do castro pertence a Calvos de Randín, só as ladeiras septentrionais atópanse en Porqueira. Situado nun outeiro rochoso dunha pequena dorsal entre dous cursos de auga. Presenta planta ovalada. A croa está delimitada en parte por pedras graníticas. Contaba con muralla pétrea reforzada cun foxo na parte máis accesible. Atopáronse fragmentos de cerámica castrexa. 
Castro do Outeiro da Cerca: Control visual sobre os vales do río Mestas, tributario do Limia no concello de Porqueira, así como do río Salas. Presenta un complexo sistema defensivo composto por un foxo que corta a comunicación deste recinto co resto do monte polas partes norte, leste e sur. As murallas serven de elemento diferenciador das distintas terrazas..
 

 

CARBALLEDA DE AVIA
Coto da Cidá (Abelenda das Penas); Sucastro (Beiro); Coto da Moura (Carballeda); Coto do Castro (Muimenta); Man da Moura (Santo Estevo-Novoa); Monte do Castro (Vilariño-Carballeda). 
O Sucastro: Trátase dun monte rochoso coa cima achairada e con dúas plataformas cara o norte. Forma tirando a elíptica co eixo maior duns 70 metros. Defendido por fortes terrapléns naturais. Apareceron fragmentos cerámicos en superficie. Segundo a lenda, comunícase co castro da Cidá de Abelenda.    
Castro Coto da Cidá: A 376 metros de altitude. Forma elíptica. Na cima hai grandes penas graníticas. Defendido por dúas murallas pétreas. O recinto inferior presenta unhas boas defensas formadas por grandes penas verticais e o resto protexido por unha muralla. Nunhas rochas escavaron o que semellan uns lagares. 
Castro Coto da Moura ou Man da Moura: Coñecido tamén como castro de Orxás. Situado a 400 metros de altitude, apareceron estruturas habitacionais. Na croa hai varias penedas cuns sucos ou pías gravados que semellan se utilizaron para asentar algún tipo de edificación. Citado no Tombo do mosteiro de Melón. 

 

CARBALLEDA DE VALDEORRAS
Candeda (Candeda); Castrillón (Domiz); Viladequinte (Viladequinte); Portela (A Portela do Trigal).
Castro de Candeda: Hai unha cova que, segundo a lenda, se agochaban os mouros.
Castrillón: Segundo a lenda viviron os mouros ata que foron expulsados polos cristiáns.

O CARBALLIÑO
Coto do Mosteiro (O Mosteiro-Lobás); Mesego (Mesego); Mudelos (Mudelos).
Castro Coto do Mosteiro: As últimas intervencións arqueolóxicas, realizadas baixo a dirección de Orero Grandal, datan dos anos 1984-85. Ao non dispor de boas defensas naturais, está protexido por catro recintos defensivos, tres xustapostos ao central. A muralla que circunda o primeiro e segundo recintos pola súa parte occidental amosa algúns treitos en forma de socalcos de considerable anchura. Tamén se poden ver estruturas habitacionais. Entre outros obxectos, apareceron fíbulas e útiles líticos; L. Orero atopou un gancho de madeira que servía para atar monllos de herba. A pesares de ser un dos castros máis espectaculares da provincia de Ourense (agora proposto como BIC), o seu estado de conservación é lamentable, as árbores e a matogueira inzan todo o xacemento.
 

 

CARTELLE

A Cividade (Cartelle); Domiz, Outeiro de Pazos, Outeiro de Vimieiros e A Rodeliña (Espiñoso); Sabucedo (Sabucedo de Montes); Monte do Castro (Sande); Monte do Santo (Vilar de Vacas).
Monte do Castro: Non se aprecian restos visibles no impresionante outeiro granítico situado sobre o río Arnoia. Sobre o castro construíuse a fortaleza medieval de Sande.
Castro Monte do Santo: Forma ovalada. Boas defensas naturais sobre un esporón do río Arnoia.
Castro de Outeiro de Pazos: Presenta unha forma ovalada. Atopáronse restos cerámicos e tégulas de época romana.
Castro de A Rodeliña: Pequeno castro de forma ovalada.
Castro de Vilar de Vacas: Forma ovoidal, construído nun esporón sobre o río Arnoia. 
 

CASTRELO DE MIÑO
Santa Lucía (Astariz); Castrelo e Outeiro (Castrelo); O Castro (Ramirás-Macendo); Outeiro (Ponte Castrelo).
Castrelo (Padreiro-Castrelo): Castrelo de Miño aínda era coñecido na Idade Media como o Castrum Minei. Sobre o castro ergueuse a igrexa paroquial de Santa María. Ao parecer, na decáda dos oitenta do século XIX, atopáronse moedas e algunhas lápidas de época romana.
O Castro (Macendo): Presenta forma elítptica. Apareceron restos cerámicos de época castrexa e cerámica e tégulas romanas.
Castro de Outeiro (Castrelo): Situado nun pequeno saínte cara o encoro de Castrelo. Moi alterado pola proximidade ás instalacións da central eléctrica.
Castro de O Outeiro (Ponte Castrelo): No lugar de Pousadoiro, na zona denominada O Valebo. Presenta forma ovoidal; apareceu cerámica castrexo-romana.
Castro de Santa Lucía: Castro que foi romanizado. 
 

CASTRELO DO VAL
Cabanca (Casteliños-Castrelo do Val); Pena Boeira ou Alto do Xestil (Monteveloso-Piornedo).
Castro de Pena Boeira ou Alto do Xestil: Un cortalumes danou seriamente o castro. Ampla panorámica sobre o val de Monterrei. Cóntase que os mouros saían debaixo da terra a fregar nun penedo que hai no castro, que é de todo seixo, para que se vira dende lonxe.
Castro de Cabanca: Escavado a mediados do século XX por Xoaquín Lorenzo e Taboada Chivite. Castro moi romanizado, sobre el erixiuse unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño.Apareceu a escultura dunha cabeza de porco e muíños circulares de man. Foi dividido en dous cando a construción da estrada a Laza. 

CASTRO CALDELAS
Castriño da Cerca (Seoane-Alais); O Burgo (O Burgo); Outeiro da Torre (San Martiño-Camba); Castro Caldelas (Castro Caldelas); O Castriño (Os Espiñeiros-Mazaira); Sequeiros (Sequeiros-Paradela).
Castro do Burgo: Castro con boas defensas naturais. Sobre el construíuse o cemiterio.
O Castriño: Sobre un pequeno outeiro que domina unha zona de terras chás transformadas polos traballos da concentración parcelaria. A ladeira oeste presenta un amplo dominio sobre o río Sil.
Castro de Castro Caldelas: Posible asentamento castrexo sobre o que co decorrer do tempo se levantou o castelo e a vila.
Castro de Outeiro da Torre: Moi modificado polo cemiterio. 
 

 

CELANOVA
O Castrillón (Bobadela); Outeiro de Rubiós (Cañón); Castromao (Castromao); Monterredondo (Monterredondo-Celanova); Carballeira (Mourillós); Monte do Castro (Outeio de Mandrás-Mourillós); Rodela (Rabal).
Castro da Carballeira: Nun pequeno outeiro situado nunha zona de terras chás. Protexido en parte polo cauce dun regueiro que actuaría como foxo natural; un parapeito protexíao en todo o seu perímetro.
O Castrillón: Pequeno castro con bo control visual dos castros da contorna situado nun pequeno outeiro. Moi alterado, conserva unha pequena plataforma. Nas proximidades atopouse material cerámico de época romana.
Castro de Castromao: Estivo habitado entre os séculos VI a.C. e II d.C. Foi capital dos coelerni. Sitúase no cumio dun outeiro arrodeado parcialmente por uha muralla. No interior acolle construcións circulares e rectangulares con vestíbulos e anexos. Apareceron cerámicas, moldes de fundición, obxectos metálicos, vidros e un tesouriño composto por 63 denarios e un aureo de Claudio. No ano 1993, o equipo de arqueólogos dirixidos por Orero Grandal, descubriu unha figura zoomorfa, tipo simio, que pouco ten que ver co coñecido ata o de agora na plástica castrexa. Na campaña de escavacións do ano 2008 exhumáronse tres estruturas aparentemente domésticas, entre as cales se atopou un pequeno acubillo que gardaba unha xerra con sete moedas de ouro envoltas por un tecido que se conservaou parcialmente e que é unha das mostras de tear máis antigas do mundo castrexo. Cóntase que unha veciña da aldea de Castromao tiña un porco que todas as mañás, en canto lle abrían a porta, marchaba para o castro e non regresaba ata a noite; a veciña desconfiaba se os mouros lle daban mantenza. Mais, cando chegou a matanza, o porco desapareceu da corte. Preto do castro había unha familia que tiña trato cos mouros, quen lles mantiñan os porcos e ao chegar a matanza pedían a proba e os donos dábanlle a entrecostela.  
Torso de Guerreiro (Castromao): Século I d.C. Fragmento dunha estatua de guerreiro galaico, de tamaño menor ca o natural, o que a emparenta coa do castro de Santa Ádega (Vilamarín). Formaba parte dun muro dunha finca que existe na parte baixa do castro. Tipoloxicamente é unha representación máis dos coñecidos como guerreiros. Está en mans particulares.
Castro Monte do Castro (Outeiro de Mandrás): A finais do ano 2010, nas obras da autoestrada entre a A-52 e Celanova, apareceu este castro. As primeiras prospeccións sacarón á luz os restos dunha vivenda e pezas cerámicas.
Castro de Monterredondo: Nun outeiro de forma amendoada. Aprécianse restos de parapeitos.
Tríscele calado de Castromao: Datado entre os séculos I a.C.-I d.C., foi descuberto no ano 1966. Ten unha superficie de 1,5 ha. Trátase dunha peza realizada en granito, con raios destroxiros, que ten a particularidade de ter ocos os espazos entre os raios. Deste tipo só se coñecen os dos castros portugueses de Briteiros e Santa Luzia, se ben existen fragmentos de pezas do mesmo tipo en Santa Tegra, Armeá, Santomé e no portugués de Monte Mozinho. Canto á súa función, barállanse, se desbotamos as fantasiosas, dúas hipóteses: que se colocaran no muro da vivenda para permitir o paso da luz e o aire (conxectura pouco probable debido ás reducidas dimensións, pouco máis de 40 cm de cada lado), ou unha función relixiosa marcada pola representación do tríscele, de xeito que a escasa luz que o traspasa sería abondo para provocar un efecto máxico, quizais vencellado a cultos heliolátricos ou, tamén, relacionado co sol en movemento, a xeito das esvásticas.  
Tabula de Castromao: Atopada nos anos setenta durante os traballos de escavación dirixidos por Ferro Couselo e Lorenzo Fernández. Trátase dunha prancha rectangular de bronce, con marco moldurado e cun apéndice a xeito de lingüeta na parte superior, no que se recolle un pacto de hospitalidade (acordo de amizade) celebrado no ano 132 d.C. entre os coelernos e o prefecto romano Gneo Antonio Aquilo e os seus descendentes. Traducida, lese: "Sen cónsules Gneo Xulio Augurino e Gneo Trebio Sergiano, os Coelernos da Hispania Citerior e do convento bracarense, realizaron un pauto de hospitalidade con Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da Cohorte dos Celtíberos, cos seus fillos e co último deles. Gneo Antonio Aquilo fixoo un pauto de hospitalidade cos Coelernos, os seus fillos e o último deles. Actuou como legado Publio Campanio Gemino". 


 

 

CENLLE
A Pena (Cenlle); Coto do Castro ou Coto do Mouro (Esposende); O Castelo (Laias); Os Castros (Razamonde); Monte do Castro ou Castro de Sanín (Sanín-Trasariz); Areas (parroquia dividida con Ribadavia).
Coto do Castro (Esposende): Situado nun outeiro con aterrazamentos, domina unha ampla panorámica. Muros defensivos e foxo. 
Cova da Moura e Castelo (Laias): Chamoso Lamas, en colaboración con Xaquín Lorenzo e López Cuevillas, escavou o xacemento no ano 1949. A aparición de restos cerámicos, muíños de man circulares, fíbulas, pendentes, utensilios de bronce, contas de colar e unha pedra decorada cunha esvástica amosaron que o lugar fora habitado antes da chegada dos romanos. De época romana son, entre outros, as construcións habitacionais, os lavadoiros de mineral, un túnel, as canles de auga, un pozo e a boca dunha mina. O xacemento, adicado á explotación de ouro, calcúlase que mantivo a actividade entre os séculos IV a.C. e III d.C. Antes de seren arrasado definitivamente pola autovía A-52, xa sufrira a extracción de pedra para a construción dunha pista forestal. A escavación de urxencia foi dirixida por Luis López, datándose entre os séculos IV a.C. e comezos do III d.C., confirmándose a superposición de ocupación prerromana e romana.  
Os Castros (Razamonde): Nun pequeno promontorio á beira do río Miño. Presenta un recinto oval protexido con muros de pedra. As defensas complétanse con terrapléns artificiais e naturais que aproveitan o desnivel do terreo. Posible antecastro polo norte. 
Monte do Castro (Sanín): Sobre un pequeno outeiro. Recinto fortificado de planta oval dunha muralla con terraplén e foxo nas partes máis accesibles. Adaptado á orografía do terreo. Apareceron fragmentos cerámicos en superficie. 
 

COLES
A Madanela e San Xoán (Coles); Adro Vello (Paradela-Coles); Seoane (Seoane-Coles); Ferreiros (Ferreiros); San Lourenzo (Melias).
Castro da Coroa: Castro lindeiro entre os concellos de Coles e A Peroxa.
Castro de Ferreiros: Sobre un alto no que se edificou unha igrexa de orixe románica (século XIII). Moi alterado polo templo, cemiterio, camiños e casas.
Castro da Madanela: Catalogado no ano 1925 por Florentino Cuevillas. Situado a 450 metros de altitude presenta un único recinto tirando a circular, terraplén e foxo. No ano 1870 abriuse unha explotación mineira que apenas estivo en funcionamento pero que afectou ao xacemento. Atóparonse restos de fogares e cerámicos.
Castro de San Lourenzo: Segundo Rivas Fernández presenta indicios de ocupación prerromana, romana, altomedieval e posterior ata os nosos días. No lugar destaca unha ermida de orixe altomedieval moi modificada que conserva algúns elementos prerrománicos.

 


 

CORTEGADA
Castro de Abelenda (Abelenda-Valongo): Sobre un outeiro defendido por afloramentos rochosos de gran tamaño. Ten un recinto principal que foi moi alterado por unha canteira. Tamén se ve un gran corte que seccionou o xacemento.
 


CUALEDRO
Paredes (Atás); Cidade de Carzoá (Carzoá); O Castelo (Cualedro); Santa Ana (As Casas dos Montes-A Granxa); Os Cortizos, Igrexiña dos Mouros, Montecelo e Saceda (Lucenza); Montes (Montes); Os Mallos (Rebordondo); Cidá do Castro (San Millao); Xironda (A Xironda); Grou (na fronteira con Portugal). 
Castro dos Castelos: Entre Monterrei e Oímbra. Utilizado dende a Idade do Ferro ata a Idade Media. Apareceron tégulas, ladrillos, cerámica común romana e medieval. Na parte de Oímbra defínese claramente un recinto castrexo, na de Monterrei a base dunha torre-fortaleza. Tamén apareceron materiais do Neolítico.  
Castro de San Millao: Coñecido tamén como a Cidá do Castro, foi estudado por Taboada Chivite e Bouza Brey no ano 1952. O recinto está arrodeado por impresionantes murallas ciclópeas reforzadas con pedras fincadas no chan. Atopouse un instrumento metálico de ferro interpretado coma un pico para traballar a pedra que, xunto cun aparecido en Portugal, son os únicos, polo de agora, que se coñecen. Tamén saíu á luz unha phalera do século IV d.C. Ten unha superficie de 2,7 ha. Declarado BIC.
Castro de Santa Ana: Sobre o pequeno castro levantouse unha capela.
Castro de Seceda: Escavouse entre os anos 1982 e 1988. A súa ocupación abrangueu dende o s. IV a.C. ata o I d.C. Situado a 800 metros de altitude, domina todo o val. A muralla que arrodea o castro, ademais de cumprir unha función protectora, actuaba como contención do terreo na parte máis accesible. A croa está circundada por unha muralla de forma ovalada construída con grandes blocos graníticos á que se accede por unha porta formada por dúas pedras fincadas. Predominan as vivendas circulares. Atopáronse útiles de ferro, cerámica, unha perna en granito do que semella ser un guerreiro e tres moedas de prata, dúas do s. I a.C. e outra do s. I d.C. Declarado como Ben de Interese Cultural.
Castro de Santa Marta: No xacemento de Santa Marta (Lucenza), ademais da evidente romanización, detectouse un nivel ocupacional relacionado co Bronce Final.
 

 


ENTRIMO
Monte dos Castelos, Penedo da Facha e Monte Lumiares (Entrimo); Asperelo, Este e Pías dos Castelos (Galez); Pía da Moura (Monte Regueiro-Galez); O Gargalado ou O Convento, Quinxo e Tapada do Rei (A Illa).
Monte dos Castelos: Situado nun outeiro, presenta un recinto fortificado con muralla pétrea nalgún tramo; tamén se aprecia un aterrazamento cun parapeito defensivo. Apareceron fragmentos de cerámica castrexa. 
Castro do Gargalado: Coñecido tamén como do Convento. Sobre un afloramento granítico, coa croa arrodeada por un aterrazamento separado do monte por un foxo.  
Castro Pía da Moura: No ano 1922 Hixinio Rodríguez fixo algunhas prospeccións no xacemento. Conserva restos da muralla defensiva e un foxo, hoxe en día practicamente destruído. Apareceron restos cerámicos. Recibe o nome por unha pía natural que hai nas inmediacións, vencellada a lendas de mouros.
 

 

ESGOS
Castro de Litoria ou Penedos do Castro (Arcos-Rocas): O castro estaba defendido por unha muralla pétrea coas caras alisadas que nalgúns tramos acadaba un grosor de dous metros. Posuía boas defensas naturais. No interior do recinto hai unha rocha de forma case circular, coa cara superior lisa, coñecida como A Mesa dos Mouros, sobre a que se poden ver tres pías cadradas. Noutra rocha hai gravado un cruciforme. Un privilexio de Ordoño II do ano 921 di que o mosteiro de Ribas de Sil, que restaura, sitúase subtus Castello Litoria e ao demarcar o couto sinala deinde per illa vereda maiore que discurrit de Astorica ad castrum Litorie que sería unha importante vía romana. Tamén se poden ver uns banzos escavados nunha pena para subir á cima da mesma.
 

 

GOMESENDE
Outeiro da Moura (O Viñal-O Pao); O Outeiro (Vilacoba-San Lourenzo de Fustáns); Coto de Seoane ou Sabane (Serra do Seixo-O Val); Monte Pigarzas (O Val).
Castro Coto de Seoane: Presenta unha forma ovoidal. A simple vista non se aprecian defensas. Atopáronse tégulas de época romana. Preto das minas do Seixo.
Castro Monte Pigarzas: Romanizado. Atopáronse tégulas.
Castro do Outeiro: Pequeno castro de forma elíptica.

A GUDIÑA
O Castro e Muradellas (Barxa); A Riveira, Petada e O Val da Cal (A Gudiña); Casares (Parada da Serra); O Castelo, Ermelo, Pentes, Tralocastro e Valdefrades (Pentes); San Lourenzo (San Lourenzo de Pentes); Carvizas, O Circo e Urdiñeira (O Tameirón). 
Asentamento de Bouzas: Asentamento galaico-romano de chaira. Atopouse cerámica común galaico-romana, tégula e escoiras de ferro, tamén un sillar.  
O Castro (Barxa): Con tres recintos de forma elipsoidal defendidos por tres foxos. Na croa hai unha construción circular. Apareceron fragmentos de cerámica castrexa e común romana, tégulas, unha peza de bronce e escouras de fundición de ferro. 
Castro das Muradellas: Apareceu cerámica común romana, pedras procedentes de construción, un pondus e a pedra de entrada dun forno. Segundo a lenda, o castro foi destruído polos seus habitantes para fundar Pentes. 
Castro de Pentes: Restos de construcións e un foxo. Apareceron frgamentos cerámicos castrexos e común romanos, parte dunha vasilla, un pondus e varios muíños de man. 
Castro da Ribeira: Castro de ladeira de grandes dimensións organizado en dúas terrazas. Na inferior aprécianse restos de muralla e na croa restos de vivendas de xisto. O sector oeste está defendido por un foxo. Apareceron anacos de cerámica común, escouras de ferro e vidro e tres muíños de man.  
Castro de Tralocastro: Nun esporón sobre o río Pentes. A croa está cultivada de videiras. Atopouse escoura de fundición de ferro, restos cerámicos e tégulas. Apareceu un sártego exento, posiblemente de época medieval o que pode sinalar a súa reocupación. Lenda dun cuco de ouro que refulxe ao dar o primeiro sol da mañá. 
Castro do Val da Cal: De pequenas dimensións está situado sobre un outeiro. Ten un único recinto protexido por un terraplén de terra e pedras. Atopáronse fragmentos de cerámica común de época romana.   
Castro de Val de Frades: Situado na confluenza dos regueiros de Val de Frades e Riveira. Aprécianse restos das defensas. Apareceron restos cerámicos e tégulas. Romanizado. 
O Circo: Dubidoso castro dun único recinto de forma circular de reducidas dimensións sobre abundantes afloramentos rochosos.

 

O IRIXO
O Cardedo e Esfarrapa (Campo); A Cidá (Irixo de Arriba-Campo); Orros ou da Cidá (A Cidá); Monte dos Ollos (entre A Cidá e Corneda); Corneda (Vilameá-Corneda); Souteliño (Corneda); Loureiro (A Rúa-Loureiro); Pedroso, Reádigos e Santiso (Reádigos), San Cosmede ou da Igrexa (O Castro-San Cosmede de Cusanca); Zacarade (San Cosmede de Cusanca); Monte dos Ollos (entre Ribela, parroquia de Riádigos, e Vilameá, parroquia de Corneda).
Castro da Esfarrapa: Sobre o castro levantouse a ermida adicada a San Roque. 
Castro do Monte dos Ollos: A tradición sitúa aquí unha feira que tiveron os mouros nos anos que alí habitaron. (Recollida da páxina Arredor de Lámbrica).  
Castro de San Cosmede: A igrexa parroquial asenta sobre o castro. 
Castro de Souteliño: Segundo a lenda, no castro sacan as mouras a asoellar o millo, mentres terman del peitéanse con peites de ouro. Unha vez pasou por alí un porco que foi meter o fuciño no soalleiro e entón unha moura, para tornalo, guindoulle un peite que se lle prendeu nas serdas. Fuxiu o porco para a corte, e cando chegou viron os donos que o peite que traía era de ouro. 
Castro de Zacarade: Castro citado en documentos de mediados do século XVIII: 
Arracada do castro de Cardedo: Foi descuberta no ano 1905. Deuna a coñecer Xaquín Lorenzo Fernández no ano 1943. Custodiada no Museo de Pontevedra. 
Altar: No lugar coñecido como O Foxo, preto do Monte Cabrón, conservábase ata época recente nha pena furada en forma de animal, disque vaca ou cabalo, onde, segundo a lenda, se celebraban ritos paganos.
 

 

 

LAROUCO
O Pombal (Freixido); Alto do Viso, O Castrillón e O Poulo (Larouco); Cabanelas (Seadur); Alto do Vizoso, preto do Alto da Ermida.
Castro de Cabanelas: Sobre o río Sil, domina os vales de Petín e A Rúa. Na parte máis accesible está defendido por unha muralla, un foxo e un parapeito formado por grandes rochas graníticas.
O Castro ou Alto do Viso: Situado  a uns 200 metros ao sur do Alto do Alto da Ermida, sobre un outeiro dende o que se divisa unha ampla panorámica. Presenta unha muralla defensiva. Os restos que se poden ver na superficie son na súa meirande parte da ermida que se construíu sobre o poboado, agás algúns framentos de tégulas. Dende o castro pódese ver a calzada de Nemetóbriga (Mendoia), a capital dos Tiburos.
Castro do Castrillón: Con foxos escavados na rocha de pizarra e un parapeito formado polos escombros estraídos dos foxos. Está defendido por forte pendente cara os ríos Bibei e Xares. Tamén se poden ver pedras fincadas de pizarra, puntiagudas e con esquinas cortantes. Apareceron fragmentos de cerámica e de granito. Segundo a lenda, os mouros soterraron no castro unha estatua de ouro que representaba un macho cabrío.
Larouco quedaría, entón, entre a mansión VII Nemetóbriga e a VIII mansión Forum Gigurrorum identificada coa Cigarrosa, en Petín.
A información sobre estes xacementos foi recollida de Yacimientos arqueológicos en el municipio de Larouco, de José Fernández Pérez.
José Fernández Pérez informoume de que o que eu teño como o castro do Poulo pode tratarse máis ben dun xacemento tipo villae.
 

 

LAZA
O Castro (Alberguería); A Picota (Camba); A Cidadella (A Cabeza-Carraxo); A Coroa (Carraxo); Castro dos Mouros (Soutelo Verde-O Castro de Laza); A Coroa (O Castro-O Castro de Laza); Lombo do Castrillón (Laza); Matamá (Laza); Lombo da Cerca (Trez).
Castro da Alberguería: Situado nun outeiro, presenta forma ovalada. Ten un antecastro. A liña defensiva está formada por un terraplén.
A Cidadella: Nun monte próximo hai unha explotación mineira relacionada co castro.
O Castro de Laza: Segundo Taboada Chivite atopábase a carón da Vía IV (secundaria) que uniría Baños de Molgas con Chaves e enlazaría coa Vía XVIII. Tese da que tamén participaron Manuel Fernández e Manuel Fuentes. 
O Castro dos Mouros: Na ladeira do monte Carraxó. Arrodeado por un foxo.
 

LEIRO
Berán (Berán); O Castro (O Casar-Lamas); Lebosende (Lebosende).
Castro de Berán: Situado a 280 metros de altitude, no monte coñecido como Castro dos Mouros. Case circular, está delimitado por un parapeito en todo o seu perímetro.
O Castro (O Casar): Forma ovalada, moi alterado polas repoboacións forestais.
Castro de Lamas: Situado sobre un outeiro. Atopáronse restos cerámicos e tégulas de época romana.
Castro de Lebosende: Situado a 355 metros de altitude. De forma ovalada delimitado por un terraplén de grande altura, documentándose un tramo de muralla na parte norte e oeste. Na croa hai numerosos batolitos graníticos. Apareceu tégula de época romana en superficie.

LOBEIRA
O Castro e Coto do Castro (A Fraga); Coto da Vila (A Vila-Lobeira); Croa de Santa Cristina e Xulleira (Monte Longo); A Coroa (San Xes de Vilariño); Coto de Adrao (Cabaleiros-San Martiño de Grou).
Castro Coto de Adrao: Unha terraza do castro foi cortada para transportar unha torreta de alta tensión.
Castro Croa de Santa Cristina: Atopáronse restos cerámicos.
Castro de Xulleira: No castro construíuse a igrexa parroquial no ano 1732. 
Castro de Nosa Señora do Viso: Segundo Xaquín Lorenzo Fernández, a ermida de Nosa Señora do Viso, de afamada romaría, levantouse sobre un primitivo asentamento castrexo.
 

 

LOBIOS
O Castelo e As Quintas (Grou); Padrendo (Río Caldo).

MACEDA
Asadur (Asadur); Malamao (Castro de Escuadro); Outeiro do Castro (Vixueses-Foncuberta); Outeiro da Torre (Maceda); Os Castrillós (Calveliño-Santiso); Santa Marta (Tioira); A Casarella (Xinzo da Costa-Vilardecás); Monte do Castro (Lamas do Monte-Zorelle); Ventoso, na Serra de San Mamede.
Monte do Castro: De forma elíptica, estaba protexido por unha muralla de pedra miúda. Boas defensas naturais con fortes pendentes. Atopáronse fragmentos cerámicos.
Castro de Malamao: Conserva restos de estruturas habitacionais e defensivas. Apareceron fragmentos cerámicos. De aquí é a lenda do "Facho do Castro", unha enigmática luz que se ve brillar no seu cume. As xente do lugar, asisadas, din que é unha ánima en pena; os demais, incautos, un afloramento de radio (o elemento químico radioactivo).
Outeiro do Castro: Pequeno castro duns 60 metros de diámetro onde apareceron fragmentos cerámicos.
Castro de Santa Marta: Ocupa todo un outeiro de superficie arredondada con antecastro practicamente arrasado cando a concentración parcelaria. Cerámica castrexa e romana e muíños de man. Moi preto del pasaba a Vía XVIII de Braga a Astorga.
En Xinzo da Costa está o "Penedo do Tesouro", celebre pedra que viu Barros Silvelo no ano 1859.

MANZANEDA
Castelaioso e Fraga da Moura (Cernado); A Madroa (Cesuris); O Castrillón (Manzaneda); A Medorra (Raigada); O Castrellón e O Castro (Soutipedre); A Escrita (Alto da Escrita-Soutipedre); O Castelo de Requián (Requián-Soutipedre).
O Castrellón: De reducidas dimensións, situado a media ladeira do río Bibei.
O Castrillón: Situado a media ladeira, entre dúas valgadas no val do río San Lázaro.
Castro de Requián: Case destruído, sitúase nun outeiro rochoso que domina un amplo meandro do río Bibei. Restos de edificacións e tégula. Romanizado. 

 

MASIDE
Amarante (Dacón-Amarante); Canedo (Canedo-Garabás); Listanco e Santa Mariña (Listanco-Armeses); Monte do Castro (Maside); Coto da Circa (San Baínto-Piñeiro); O Castro (Piñeiro). 
Castro do Coto da Circa:  Vense restos da muralla que nalgúns tramos acada os 3,5 metros de altura. Nos anos setenta do paasado século XX dise que se atoparon restos cerámicos. As pedras foron utilizadas polos veciños para construír os valados das fincas.  
Castro de Piñeiro: No lugar coñecido como O Castro, sobre un promontorio a 440 metros de altitude.  Divísanse os castros do San Trocado e do Coto da Circa. Aprécianse parte dos muros. Na croa hai unhas penas con coviñas.   
Castro de Santa Mariña: Presenta dous recintos a distintas alturas, delimitados por terrapléns e unha muralla pétrea.
 

MELÓN
Cima de Vila (Melón); Penavaqueira (Melón); Man da Moura (Barcia-Quins): Coto do Castelo (Moces-Quins).
Castro de Cima de Vila: De pequenas dimensións sobre un outeiro próximo a Cima de Vila, na marxe dereita do río da Cortella. Presenta un recinto de forma alongada delimitado de forma natural pola pendente do terreo.
Castro Coto do Castelo: Asentamento de pequenas dimensións situado sobre un outeiro próximo ao núcleo de Noces.
Castro Man da Moura: Castro cunha terraza superior. Non se aprecian estruturas defensivas artificiais.
Castro de Penavaqueira: Situado sobre un esporón que domina o val e delimitado de forma natural pola acusada pendente do terreo. No ano 1998 a empresa construtora dunha minicentral no río Cerves, ante a desidia da Xunta de Galicia e do Concello de Melón, causou estragos no castro ao atravesar coas máquinas o xacemento.

A MERCA
Outeiro do Castro (Corvillón); Rodela (Faramontaos); Pena da Lebre (Vilar de Paio Muñiz-A Merca); Outeiro de San Marcos (Compostela-A Mezquita); Monte Castrelo e Outeiro de Fontefría (Proente); Monte do Castro (Olás de Vilariño); Outeiro do Castro (Ponte Ermida-Zarracós).
Monte do Castro (Olás de Vilariño): Non se aprecian defensas. Apareceron restos cerámicos castrexos.
Outeiro do Castro: Amosa toda unha secuencia arqueolóxica de ocupación dende época castrexa ata a Baixa Idade Media. Apareceron materiais romanos e ao seu pé un asentamento de época romana, tardorromana-altomedieval e con perduración ata o século X-XII, necrópole de cronoloxía altomedieval, posible fortificación Baixomedieval e unha ermida, quizais altomedieval con permanencia ata finais da Baixa Idade Media que sería o derradeiro vestixio desta secuencia de poboamento.
Castro Outeiro de San Marcos: Apareceron fragmentos cerámicos, algúns decorados, tégula e muíños circulares de man. No lugar houbo unha capela posta baixo a advocación de San Marcos. Atopouse un amarradoiro para o gando.
Castro de Pena da Lebre: De forma ovalada, con dous recintos amurallados. Sobre o castro existiu unha pequena ermida posta a advocación de San Amaro.
Castro da Rodela: Domínase unha ampla panorámica sobre os castros da zona e as vías romanas XVIII e secundarias. Presenta forma ovoidal. Defendido por un só recinto construído en lousa. Lindeiro entre os concellos de Celanova e A Merca.


A MEZQUITA  
A Cabeza, A Cabeciña, A Madorra, A Cabeciña do Souto, A Touza, O Castelo, O Carballarego e O Cabezo.
Segundo as investigacións da arqueóloga Nieves Amado Rolán, todos os castros das Mezquita atópanse a máis de 1.000 metros de altitude, cunhas dimensións que van das 3 ás 10 hectáreas. Todos os asentamentos están próximos uns dos outros.  
Castro de Monte Castelo ou Castelo Pequeno de Santigoso: A 1.250 metros de altitude. Ocupa unhas 10 hectáreas. Posúe un sistema defensifo formado por varios foxos, parapeitos e pedras fincadas. Contaba con torres perimetrais.  Segundo Neves Amado Rolán, este castro podería ter a orixe noutro anterior, quizais do bronce final. Apareceron fragmentos cerámicos esparexidos polo lugar. Nun outeiro hai varias pías, tirando a cuadrangulares, feitas pola man do home, destinadas, sen dúbida, a recoller a auga da choiva.

MONTEDERRAMO
O Castrelo (Leboreiro-Seoane Vello).

MONTERREI
Eidos do Castro (Albarellos); Outeiro do Castro (Flariz); Outeiro de San Pedro (A Eirexa Vella-Flariz); O Castro (Guimarei-Infesta); O Forte (A Madanela); Búbal, Medeiros e Muro da Cidade (Medeiros); Montecelo (Medeiros); Baronceli (Monterrei); San Cristovo (San Cristovo); Os Castelos, Lobarzán e Outeiro da Ponte (Vilaza). 
Nesta etapa histórica a comarca estaría habitada polos Tamagani (de aí, entre outros, o río Támega), unha cividade que segundo Dasairas ocuparía as terras medievais de Capraria e Lobarzán.   
O Castro (Guimarei-Infesta): Nun outeiro sobre o río Pontín. Forma ovalada. Conserva parte das murallas.
Castro de Búbal ou Muro da Cidade: Na parroquia de Medeiros. Non se observan restos visibles. Identificado co Forum Bibalorum dos romanos, hipótese defendida por Florentino López Cuevillas e Taboada Chivite que tomou como referencia o Padrao dos Povos, a Columna Honorífica situada na portuguesa ponte de Chaves erixida baixo a dirección técnica da Legio VII Gemina e baixo o mandato do emperador Vespasiano como agradecemento ás civitas do Convento Bracarense (aeibisocios, aequaesios, aquaflavienses, aubrigenses, bibalos, coelernos, interanmicos, limicos, quaerquernos e tamaganos). A hipótese anterior semella verse confirmada polo achádego de Elixio Rivas e Marino González que atoparon o denominado Burato da Cidade, unha pala (gruta) duns sete metros de longo cuberta por unha pena; o seu interior está delimitado por unha pequena parede. Dise que durante a dominación romana, os Bibalos ou Bubalos opuxeron unha feroz resitencia polo que foron obrigados a traballar como escravos na construción da ponte de Chaves. 
Castro de Baronceli: Aínda que non se atoparon restos, crese que ocupaba o lugar onde despois se levantou o castelo de Monterrei.
Castro Eidos do Castro: Situado nun outeiro próximo ao núcleo de Albarellos. Datado nos séculos IV-III antes de Cristo, obsérvase a simple vista restos dunha muralla pétrea e algunhas pedras que puideron pertencer a construcións habitacionais. Hai catro fontes coñecidas como As Fontes do Castro. Dise que un pombal que había no lugar, que funcionou entre os anos 1500 e 1650, foi construído coas pedras do primitivo asentamento castrexo. 
Castro do Forte (A Madanela): Presenta un recinto de forma arredondada, protexido por unhamuralla en todo o seu perímetro.
Castro dos Castelos: Entre Monterrei e Oímbra. Utilizado dende a Idade do Ferro ata a Idade Media. Apareceron tégulas, ladrillos, cerámica común romana e medieval. Na parte de Oímbra defínese claramente un recinto castrexo, na de Monterrei a base dunha torre-fortaleza. Tamén apareceron materiais do Neolítico.
Castro do Outeiro da Ponte: Coñecido tamén como Val do Millo: Descuberto cando as obras da autostrada das Rías Baixas. Recinto de forma ovalada. Datado no século I a.C. 
Castro do Outeiro de San Pedro: Coñecido tamén como A Eirexa Vella. No lugar apareceron pedras traballadas que foron reaproveitadas para facer os muros das fincas. Tamén unha escultura de granito bastante fragmentada, tosca e de feitura sinxela onde se aprecia o torso con parte da cabeza e brazos levantados. Nunha das leiras apareceu unha gran columna de granito. Os veciños falan dun antigo cemiterio situado no outeiro. 
Outeiro do Castro: Coñecido tamén como O Tallo e A Malladoira. Ao pé apareceron fragmentos de tégulas e restos cerámicos.
Explotación mineira: En Medeiros existen vestixios dunha explotación mineira de estaño de época castrexa, logo reaproveitada polos romanos. Na súa obra Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones del reino mineral (1783), José Cornide Saavedra comeza o seu repaso pola historia da mineiría en Galicia co comercio dos fenicios para dar conta de que na Illas Atlánticas había estaño, só era necesario observar a costa para ver a terra arenisca "semellante á que hai onde se cría estaño no val de Monterrei". De feito, dende o século II antes de Cristo, os romanos teñen coñecemento dunha ruta que os fenicios de Gadir (Cádiz) coñecen e gardan en secreto; é a ruta das Cassitérides (Illas de Estaño), identificadas coas anteditas illas galegas, citadas polos escritores do século I a.C. Diodoro de Sicilia, Posidonio e Mela.
 






MUÍÑOS
Castelo de Taboadela (Barxés); Muíños, Picós e San Pedro (Muíños); O Corisco (O Corisco-Muíños); Outeiro de Cela (Mugueimes-Muíños); Ferreiro e Parada (Parada de Ventosa); Santa Mariña do Castro (Guntumil-Requiás).

NOGUEIRA DE RAMUÍN
Bouza Fría (O Covelo-Armariz); Outeiro do Castro (O Outeiro-Faramontaos); Torres da Cidá (Valdopereiro-San Miguel do Campo); Penedos do Castro (Pombar-Santo Estevo de Ribas de Sil).
Penedos do Castro: Pequeno outeiro rochoso cuxas pedras das construcións, ao parecer, foron reaproveitadas nos peches de fincas que se atopan nas inmediacións. Trátase dun castro de finais da Idade do Bronce que permanece ocupado durante a Idade do Ferro pero non en época romana. Nas penas situadas sobre a croa vense varias pías, algunha de grandes dimensións, que semellan de factura natural. Rodríguez Colmenero descubriu aquí dúas inscrición rupestres, unha na cara interior dunha rocha onde se le Leovigildus dux que segundo Freire Camaniel podería corresponder a un duque deste rei visigodo en torno ao 585 ou 586 que son as datas entre a conquista de Gallaecia por este rei e a súa morte.  e na outra, a uns vinte metros da anterior, figura a inscrición (---) Viripoa (---), ao parecer de época romana.  
Castro Torres da Cidá: De grandes dimensións, foi refortificado durante a Idade Media.
 

OÍMBRA
Cerca e Castelo das Chás (As Chás); O Castelo (O Rosal-Oimbra); Vamba (San Cibrao).
Castro Castelo das Chás: Entre os ríos Bubal e Azureiro, con dobre recinto amurallado que circunvalaban unha área de máis de 2.500 metros cadrados de superficie. Citado por Ptolomeo e Plinio o Vello. Ocupado posiblemente entre o Calcolítico e a Idade Media. Dentro do propio castro hai ao menos 78 penas con petroglifos. Está documentado un castelo que aínda estaba en pé no século XV. Tamén apareceron varias tumbas altomedievais e os restos dun posible templo. Dise que había un túnel que comunicaba con Medeiros, os mouros utilizábano para roubar os cabalos e secuestrar ás mozas.

OURENSE
Madrosende (Beiro); Beiro (O Castro de Beiro); San Pedro de Outeiro (Cudeiro); Val de Gola (Eiroás-Cudeiro); Reza (Monte Loureiro-Reza); Oira e Peliquín (Ourense); O Castelo (Seixalbo); Santomé.
Castro de Oira: Forma oval, defendido por unha muralla en todo o seu perímetro, cinguida por un terraplén que chega a acadar uns dez metros de altura. A cima é aplanada, algo alombada. Ten unhas medidas aproximadas de 100 por 80 metros. Atopáronse fragmentos cerámicos. 
Castro de Peliquín: Nas ourelas do río Miño. Está formado por un recinto principal que aproveita unha elevación natural, arrodeado por un parapeito ao que está asociado un pequeno foxo perimetral.  
Castro de San Pedro de Outeiro: Atopáronse tégulas, ladrillos, restos cerámicos e un tríscele de pedra. Apegado á N-525, nunca foi escavado. Na actualidade, o lugar está ocupado por unha plantación de videiras e prados. 
Castro de Santomé: As primeiras referencias achégaas Manuel Blanco Guerra, que entre os anos 1969 e 1974 realiza unha serie de catas no castro e a súa contorna. Será a partir do 1983 cando dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense se comecen as escavacións sistemáticas do xacemento, datando a súa orixe no século I a.C. e mantendo a súa ocupación ata mediados do s. II d.C. Ao poboado castrexo, asentado nun curuto, accédese a través dunha rúa empedrada. O río Loña actúa por unha parte como defensa natural e pola peor defendida con foxo, terraplén e murallas concéntricas que acolle as distintas estancias. Polas ladeiras do castro observánse restos doutro poboado do que apenas se conservan restos debido a que sobre el se levantou un asentamento tardorromano composto por dúas unidades construtivas. A maior está distribuída en tres estancias precedidas dunha galería, cunha escaleira que daba acceso ao piso superior, cunha solaina sustentada por piares de madeira apoiados no muro. Nunha das estancias consérvase o sistema de calefacción. En torno a este núcleo distribúense outras estancias destinadas a obradoiro, almacén, etc. A segunda unidade construtiva está formada por catro estancias artelladas por medio dunha galería na fachada á que se abre un patio rectangular. No lugar atópase o Centro de Interpretación do castro. Proposto como Ben de Interese Cultural.

 

 

PADERNE DE ALLARIZ
Coucieiro (Coucieiro); Figueiroá (Figueiroá); Mourisco (San Salvador de Mourisco).
Castro de Coucieiro: De forma ciruclar. Sobre a croa construíuse a igrexa parroquial e o cemiterio.
Castro de Figueiroá: Situado a 657 metros de altitude sobre o nivel do mar. De forma irregular tendente a oval duns 100 x 50 metros. Non se aprecian estruturas. Dende aquí distínguese o castro de Trelle, en Toén.

PADRENDA
Desteriz e San Miguel (Desteriz); Monte Redondo (Monte Redondo); Ponte Barxas (Padrenda); Os Castros (San Pedro da Torre).
Os Castros: Presenta forma ovalada. Sobre o castro levantouse a igrexa parroquial. Romanizado, apareceron restos de tégulas.

PARADA DO SIL
Santa Cristina (Caxide); Barxacoba (San Lourenzo de Barxacoba).
Castro de Santa Cristina: Segundo información recollida do Facebook de Breogán Arqueoloxía, no mes de decembro comezaron os traballos no castro. Polo de agora, ademais de documentar distintas estruturas construtivas, localizaron abundante material cerámico.
Espada de Forcas: Da Idade do Bronce, atopada no ano 1905 nunha cova. O lugar deu o topónimo A Pena da Espada. Custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense. 
 

O PEREIRO DE AGUIAR
Chaodarcas (Chaodarcas); Covas (Covas); Melias (Melias); Sabadelle (Sabadelle); O Castro (Outeiromeau-Santa Marta de Moreiras).
O Castro (Outeiromeau): Duns 100 metros de diámetro, sitúase nun promontorio duns 500 metros de altitude sobre o nivel do mar. Boas defensas naturais. Cuberto pola matogueira e árboreda.
Castro de Melias: Moi humanizado polas vivendas do pobo e o aproveitamento agrícola.
Castro Monte do Castelo: Segundo algunhas hipóteses, neste monte da parroquia de Vilariño sitúan outra das ubicacións do lendario Medulio baseándose, para elo, nunha inscrición (dada a coñecer no seu momento por Bouza Brey) que hai nunha peneda ao pé dun antigo camiño real coñecido polo nome de Portocarro: Sicenata Pacata ("quietos e pacificados"), insculpida en caracteres indíxenas e latinos.
Castro de Sabadelle: Situado nunha elevación granítica aterrazada ocupada por vivendas, un depósito de auga e hortas onde se pode atopar fragmentos cerámicos en superficie, tanto castrexos como romanos. 
 

A PEROXA
Fontelas (Regolevado-Armental); Mugariza (Armental); A Croa (Santa Baia-Beacán); Bouza Longa (Mirallos); Fontearcada (A Peroxa); A Peroxa (A Peroxa Vella-A Peroxa); Monte dos Castros (Vilanova-A Peroxa); A Cidadella (San Xes); Redondelle (Redondelle-San Xes). 
A Cidadella: A Cidadella é unha pequena aldea que ocupa un outeiro. O nome é evocador, se ben non teño coñecemento de que se atopara algún resto que nos poida indicar a existencia dun primitivo asentamento.  
Castro da Coroa: Castro lindeiro entre os concellos de Coles e A Peroxa. Castro de forma elíptica deendido por unha muralla en todo o seu perímetro e cinguida por un terraplén duns cinco metros; boas defensas naturais. 
A Croa (Beacán): De forma alongada e estreita con boas defensas naturais, entre outras a que constitúe o río Quintela. Alterado por muros das fincas e bancais. 
Castro de Fontearcada: Hai uns vinte anos, cando se construíu o novo Concello, destruíron o castro na súa totalidade, erixindo logo naves, casas, etc. Un veciño faloume que ao castro semicircundábao un foxo duns dous metros de fondo, e que tamén había un túnel que, ao parecer, comunicaba co castelo da Peroxa, e por onde baixaban os cabalos a beber ao río. Apareceron fragmentos cerámicos. 
Castro da Peroxa: Sobre o primitivo asentamento castrexo ergueuse un castelo en época medieval. 
 

 

 

PETÍN
Mones (Mones); O Ferradal (Portomourisco); O Castrillón (San Miguel de Mones); Carballal e Santa María (Santa María de Mones).  
O Castrillón: Romanizado. Atópase situado a media ladeira da montaña con ampla visibilidade do val do río Sil, situado a unha altitude de 675 metros por riba da poboación de Mones. Presenta planta ovalada defendida por un gran foxo tallado na rocha de lousa e un parapeito-muralla de laxas de xisto. Posto en relación coas explotacións mineiras romanas. 
Castro do Ferradal: Emprazado nun esporón rochoso de gneis que se interna na canle do río Xares, afluente do Bibei, a uns 425 metros de altitude. Trátase dun recinto con forma indeterminada adaptado á propia configuración do terreo que se desenvolve en varias terrazas desfiguradas por distintos socalcos de cultivo de viñedos. Grandes defensas naturais reforzadas por defensas artificiais na parte sudeste desfiguradas pola trincheira da antiga estrada.   
Castro de Santa María: Levantábase nun outeiro dominante sobre cuxa croa se edificou unha igrexa de orixe románica do século XII. A croa está arrodeada por plantacións de viñas. Un dos perpiaños da igrexa presenta unha inscultura do xogo dos "tres en raia", posiblemente de época romana.
 
 
 

PIÑOR DE CEA
Outeiro do Castro (Guimarás-A Canda).
Outeiro do Castro: Castro de pequenas dimensións sobre o río Mirela que actúa como defensa natural. 
 

A POBRA DE TRIVES
Cova (A Cova); O Pendón (Barrio); O Castelo (O Castro-Cotarós); O Modorrón e O Mouro (Mendoia); Navea (Navea); A Cigadoña e San Vitor (Pareisás); Castrelo (Piñeiro); A Cividá e Santo Estevo (Sobrado); Trives Vello (Trives).

PONTEDEVA
A Senra (Pontedeva); O Valiño (Trado). 

PORQUEIRA
Castro da Cidade (Xocín-San Martiño de Porqueira): A maior parte da superficie do castro pertence a Calvos de Randín, só as ladeiras septentrionais atópanse en Porqueira. Situado nun outeiro rochoso dunha pequena dorsal entre dous cursos de auga. Presenta planta ovalada. A croa está delimitada en parte por pedras graníticas. Contaba con muralla pétrea reforzada cun foxo na parte máis accesible. Atopáronse fragmentos de cerámica castrexa.

PUNXÍN
O Outeiriño (Vilamoure).
Castro de San Cibrán de Las: Aínda que toma o nome da parroquia de San Amaro, o xacemento colle parte do municipio de Punxín. (Ver San Amaro).
Castro de San Trocado: Situado a 550 metros de altitude no monte de San Trocado, parroquia de Barbantes, domina o castro de San Cibrán de Las. As primeiras ocupacións datan dos séculos VII-VI a.C. Atopáronse útiles mineiros e moedas. Tamén saíu á luz un puñal de bronce con lingüeta calada e nervadura central. Dende aquí partía unha calzada que o comunicaba con San Cibrán. Cada 15 de maio reúnense no castro os veciños da parroquia da contorna para asistir á beizón das terras por parte do párroco.
 

 

QUINTELA DE LEIRADO
Castro de Redemuíños: De grandes dimensións, sitúase nun lugar dominante. Apareceron muíños de man e restos cerámicos. Romanizado. Apareceu unha xarra con moedas imperiais romanas. No ano 1803, o corrixidor de Milmanda (Celanova) informou de que enviou as moedas a través de Marcos Alonso á Academia de Historia, quen decidiu mercalas, mais descoñécese o seu paradoiro actual. Aquí erixiuse posteriormente unha fortaleza medieval.

 

RAIRIZ DE VEIGA
San Miguel (Congostro); Guillamil (Guillamil); Lampaza (Candás-Lampaza); Castrelo (Lampaza); Rosén (Rosén-Guillamil).
Castrelo: Sobre un esporón, ten forma ovalada. Arrodeado por unha muralla e terraplén. As defensas, na parte máis accesible, refórzanse cun profundo foxo. Apareceron fragmentos cerámicos de época castrexa. Segundo a lenda, no cumio había unha porta que levaba a uns pasadizos onde vivían os mouros, e baixo o castro había unha trabe de ouro.
Castro de Lampaza: Presenta forma ovalada e conserva restos de muralla.
Castro de Rosén: Castro de forma oval situado nunha cimeira a 770 metros de altitude sobre o nivel do mar. Hai abundantes pedras graníticas e pedra miúda. No castro hai un lugar que recibe o evocador nome de O Foxo. Ao seu pé discorre o río Rosén.


RAMIRÁS
Grixó (Grixó); Marnotos (Marnotos-Penosiños).
Castro de Marnotos: Situado nun outeiro de forma arredondada.

RIBADAVIA
Areas (parroquia dividida con Cenlle-Esposende); Esposende (Esposende); O Castelo (Esposende); O Castelo (Sanín); Santa Cristina e Veiga ou Boubou (Ventosela). 
Castro de Esposende: Nunn outeiro a 373 metros de altitude. Nun documento do ano 1096, nunha doazón ao mosteiro de San Clodio (Leiro) por María Monina fai alusión ao Castro da Penitencia.   
Castro da Veiga ou Boubou: Situado a 275 metros de altitude. Apareceron seis moedas de época romana. Foi Rubén García Álvarez que identificou, grazas a varios documentos dos séculos XII e XVII, o Castro da Veiga co Boubou. Demostrou que no lugar onde asenta o castro non houbo ningún castelo, torre ou calquera outro asentamento medieval, como defendían algúns. Aparecía confundido por algúns autores locais co Castrum Minei da Historia Compostelana, sendo considerado por moitos historiadores como unha fortaleza medieval, escenario de inexistentes acontecementos acaídos no século XII, como unha fábula histórica relativa ao "Castillo de Vega". 
O coñecemento de boa parte dos castros da comarca do Ribeiro debémosllo ao médico e historiador Rubén García Álvarez quen realizou, entre outros, numerosos traballos sobre a Historia de Galiza. A súa obra, xunto con outros títulos, doouna ao Museo de Ribadavia.
 

RIÓS
Cabanca dos Mouros e Fraga da Moura (Castrelo de Abaixo); O Castelo (O Navallo); As Cabarquellas (Pousada-Progo); Pedroso (Pedroso-Trasestrada); A Caneira (Trasverea-Trasestrada); Florderrei (Riós); Pedroso e Valmedo (Trasestrada).
Castro Cabana dos Mouros: Consérvase os restos da muralla que arrodeaba a croa.
Castro das Cabarquellas: Apareceu cerámica común castrexa, un puñal, restos dun muíño romano e moedas. Nun esporón do castro, coñecido como Os Mouros, aprézase unn enorme foxo dun catro metros de profundidade. 
Castro da Caneira: Sobre un outeiro ovalado, obsérvase un amplo horizonte, cunha boa comunicación visual co castro de Pedroso.  
Castro de Fraga da Moura: Taboada Chivite cita os restos dunhas murallas. Ao pé do castro hai unha cova que puído funcionar como refuxio natural. 
Castro de Pedroso: Situado nun outeiro dende onde se divisa unha ampla panorámica, defendido de forma natural por unha das ladeiras e por murallas na parte máis vulnerable. As pedras das estruturas habitacionais foron utilizadas para a construción de casas nos pobos dos arredores. Segundo a lenda, no castro había unha fonte onde se vía unha moeda de ouro, indicios dun tesouro, mais ninguén se atreveu a buscalo porque podería sufrir unha desgraza; xunto a fonte peiteábase unha moura. 
Cova das Choias: Localízase na Fraga das Choias, preto do lugar de Pedroso. Cova natural formada por arcos de oito metros de altura por catro de ancho. Atopáronse dous brazaletes de ouro. 
 

A RÚA
O Castrillón (Fontei-A Rúa); A Coroa (A Rúa Vella-A Rúa); A Capela (Vilela-A Rúa). 
Castro da Capela: Nos monte de Cereixido, a 586 metros de altitude. Recinto de planta ovalada con defensas artificiais de foxos tallados na rocha pizarrosa, tamén se ve un gran parapeito. Segundo a tradición albergaba unha ermida posta baixo o padroado do San Lourenzo. Romanizado, en relación coas explotacións auríferas da zona.  
O Castrillón: Situado nun pequeno outeiro amesetado que se sitúa nunha terraza do río Sil, a 367 metros de altitude. Presenta un único recinto de planta ovalada, defendido por unha muralla. O xacemento está cortado pola metade pola estrada N-120.  
Castro da Coroa: Próximo á Vía XVIII e á explotación aurífera da Pala. Apareceron restos cerámicos de época romana e vidros. Tamén saíu á luz unha estela de forma cónica con rostro humano. 
Igrexa de Santo Estevo de A Rúa: Nun muro da igrexa pódese ver unha cabeza humana esculpida en granito, evidentemente reutilizada, da que se descoñece a procedencia. Mais non cabe desbotar que viñera, como outras pezas, do castro da Coroa.


 

RUBIÁ
O Castelo (O Barrio de Cascallá); Covas (Covas); Coto da Cabeza (Serra da Enciña da Lastra-Oulego); Pardollán (Pardollán); Quereño (Quereño).

SAN AMARO
Casar do Mato (Beariz); O Castro (Beariz); Martiño (Xinzo-Eiras); San Cibrán de Lás (Lás e o Concello de Punxín); Monte dos Castros (Navío); Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica. 
Castro Martiño: Na ladeira suroeste do San Trocado, mirando ao val do río Miño. A espesa matogueira impide facerse unha idea do que foi o xácigo que posúe grandes defensaws naturais. Nalgúns tramos adivíñans o que puído ser unha muralla. Nalgunhas rochas vense petroglifos con coviñas. (Información recollida do blogue Arredor de Lámbrica).
Monte dos Castros: En San Fiz de Navío. Cando o visitei hai anos, apenas se apreciaban restos. Segundo información achegada por Santi López, o lugar atópase moi achandado polos traballos de instalación dunha liña de alta tensión, no mesmo castro ergueron unha torreta. Preto do castro hai un lugar coñecido como o Toco do Lobo dende onde, segundo os máis vellos, se botaba o folión das festas, tradición que pode vir dun antigo culto ao lume. 
Castro de San Cibrán de Las: Cunha ocupación que iría dende o s. II a.C. ata o II d.C. Ocupaba unha superficie de 9 ha. Os primeiros en realizar escavacións foron López Cuevillas e Vicente Risco no ano 1922 que deron como resultado a aparición da muralla da croa e construcións de planta circular, ovalada, elíptica, cadrada e rectangular, ademais dun alxibe. No 1948 faise cargo das escavacións Xaquín Lorenzo Fernández. No 1953 Ferro Couselo denuncia a extracción de pedra do xacemento que se estaba a utilizar para empedrar as rúas do Carballiño. Dende o 1980 lévanse a cabo labores de consolidación e novas escavacións que destapan gran cantidade de estruturas habitacionais e outros materiais. Situado nun lugar de difícil defensa natural, os seus construtores necesitaron construír fortes e complexos sistemas de defensa. Ten dous recintos amurallados de forma elíptica case concéntrica, o exterior reforzado cunha muralla, foxo e parapeito. A croa está delimitada por unha muralla na que se abren dúas portas defendidas por cubos. O poboado, un dos máis grandes de Galiza, salienta polo seu urbanismo case octogonal, concibido para acoller entre dúas e tres mil persoas. Atopáronse adicacións a catro deuses diferentes: unha ao deus romano Xúpiter realizada sobre unha rocha pouco traballada e cunha grafía primitiva, e as outras tres a deuses de tradición local, entre elas unha ara a Bandua Lansbricae, ademais doutra a Navia. Interpretouse coma un espazo reitual un recinto situado no interior do castro. A finais do mes de outubro de 2016, apareceu unha escultura de granito que representa unha cara e que, pola técnica construtiva, os expertos datan no século II a.C. Pode ser dun guerreiro castrexo ou dunha deidade. É a terceira que se atopa neste sitio arqueolóxico. En Galicia existen unhas vinte cabezas castrexas documentadas, e no castro de San Cibrán de Las é a terceira. A primeira localizouse na década dos anos sesenta do pasado século XX, e a segunta, coñecida como "A Dama de Punxín", saíu á luz durante as escavacións do ano 2009 e que foi levada para o Museo Arqueolóxico de Ourense (no centro de interpretación de San Cibrán de Las hai unha reprodución). 
Trisquel pintado: Se é bastante habitual atopar trisqueis esculpidos na pedra, ata o presente non se coñecía en Galicia ningún exemplar pintado na pedra. Sorpresa recibiu o equipo que está a escavar na antiga Lansbrica cando localizaron a primeira representación pictórica desta forma no noroeste. Aínda que a casa onde apareceu está datada no século I-II d.C., os investigadores cren que pertence a unha tradición anterior.


 

 

 

 

SAN CIBRAO DAS VIÑAS
Castroverde (Noalla); Cova da Moura (Calvos-Santa Cruz da Rabeda); Costa dos Mouros (Soutopenedo).
Castro Costa dos Mouros: Apareceron restos de tres construcións rectangulares e unha arredondada. Nunha rocha hai gravadas tres cruces.

SAN CRISTOVO DE CEA
San Fagundo (San Fagundo); Martiñá (Vales); Monte do Piñeiro (Viña). 
Castro de San Fragundo: Nieves Amado Rolán localizou nunha casa particular unha peza decorativa de plástica da Idade do Ferro decorada con cordados.
 

SAN XOÁN DO RÍO
Os Biocos (As Cabanas); A Medoña (A Touza-Castrelo); Val de Miotos (Castrelo); Pena dos Castros (Mouruás-San Xoán do Río).
Castro da Medoña: O castro levántase nun outeiro dominante, non moi lonxe da igrexa parroquial. Presenta un pequeno recinto tirando a ovoidal con restos de murallas. Atopáronse restos cerámicos.
 

SANDIÁS
O Castrón, A Coroa e Monte Pendón de Santa Mariña (Piñeira de Arcos); A Torre do Castro (Sandiás); O Montiño (Santa Ana-Sandiás).
O Castro: Sobre o primitivo asentamento castrexo levantouse un castelo na primeira metade do século XII do que só se conserva a arruinada Torre da Homenaxe. Hai un pozo escavado na rocha; disque está encantado, que no seu fondo hai unha entrada que vai dar a unha estancia onde hai un tesouro; para desencantalo cómpre levar unha pita negra e un ovo posto por ela. Tamén se conta que dende o pozo vai un túnel que emboca na torre da Pena, en Xinzo de Limia.
Castro Monte Pendón de Santa Mariña: O castro aproveitou o enfesto do terreo. Apareceron restos cerámicos e tégulas. Di a lenda que hai un penedo que semella unha fiestra que chaman "O peinador da Moura", e tamén unha pía na que se bañaba. 
 

 

SARREAUS
Os Castros (Codosedo); O Penedo (Cortegada); Outeiro das Mozas (Freande-Freixo); A Cibdá (Nocelo da Pena); Perrelos (Perrelos); Tarrazo, Gándara e Rocha (Sarreaus).
Castro da Cibdá: Unhas lápidas honoríficas, datadas no s. II d.C., levaron a Marcelo Macías, a finais do século XIX, a identificalo co Forum Limicorum, relación que foi reconsiderada a partires dos achados das estatuas sedentes de Xinzo de Limia, documentadas por Ferro Couselo no 1972. Hoxe en día crese que o Forum estivo no actual Xinzo, ao pé do río Limia. Segundo Rodríguez Colmenero, o castro remóntase á Idade do Bronce, con continuidade da actividade mineira do estaño ata á época romana. As primeira noticia sobre estas inscricións proporciónaa o cura de Chamosiños, Pedro González de Ulloa, no ano 1777. No ano 1835 colocáronnas na base dun cruceiro que é como logo as atopa Barros Silvelo. No 1897 lévannas para o Museo de Ourense. Nunha delas pódese ler: "A cidade dos límicos ao emperador César, fillo do divino Hadriano, neto do divino Traxano Parthico, neto do divino Nerva, Traxano Hadriano Augusto, pontífice máximo investido dezaseis veces da potestade tribunicia, cónsul por terceira vez, pai da patria".
Os Castros: Segundo a lenda, debaixo do castro vive un rei que garda un tesouro.


TABOADELA
Abeledo (Santiago de Rabeda); Outeiro de Boa Madre (no lindeiro dos concellos de Allariz e Taboadela).
Castro do Outeiro de Boa Madre: Mal chamado de Boa Nai. O composto pouco ten que ver do que unha muller é para os seus fillos, ou a femia dun animal para as súas crías. Deriva do latín matre que significa canle ou presa de auga. No terreo da mitoloxía pode facer alusión a unha das tres Matres Gallaeciae célticas. Dende o castro dominábase unha ampla panorámica. Na croa hai un petroglifo de forma cuadrangular.
 

A TEIXEIRA
Os Castros (Celeirós-Pedrafita); Castelo dos Mouros. 
Os Castros (Celeirós): Entre Pedrafita e Celeirós. Ademais do monte e o topónimo, non se observan restos estruturais nin se coñece a aparición de materiais.
Estatua sedente de Pedrafita: Atopada no cemiterio de Pedrafita no ano 1995. Trátase dunha figura granítica sentada nun trono á que lle falta a cabeza e o pé dereito. Adornada con pulseiras, entre as mans sostén un recipiente. O trono está decorado con dentes de lobo nos traveseiros laterais e un tríscele no respaldo. Aínda que caben outras interpretacións, quizais estivera asociada ao culto aos mortos.

 

TOÉN
Louredo (Mugares), no límite co concello de Barbadás; Trelle (O Castro-Trelle).
Castro de Louredo: Lindeiro co concello de Barbadás. Presenta unha gran croa de forma irregular cunha terraza pola parte occidental. Non se conservan restos de murallas. Apareceu tanto cerámica castrexa como romana e dúas aras, unha adicada a deusa Diana. Sobre unhas rochas vense unhas pías, posibles muíños naviculares. 
Castro de Trelle: Descuberto no ano 1956. Situado a 600 metros de altitude, divísase unha ampla panorámica dos vales do Miño e do Arnoia. Aprécianse dous recintos en forma de terrazas ovaladas, superpostas e concéntricas das que parten uns terrapléns. No ano 2009, no ensanchamento dun camiño para retirar madeira, sufriu a agresión dunha máquina escavadora. Moi alterado polas repoboacións forestais, pistas, unha torreta de incendios e un vértice xeodésico. 

 

TRASMIRAS
A Costa ou A Ermida (Chamosiños); A Cigueñeira ou A Touza, Escornabois (Escornabois); Vilaseca (Monte do Viso-Vilaseca); O Castelo e Os Formigueiros (Vilar de Rei); O Muro ou O Penedo do Mouro (Vilaseca); A Igrexa (Zos).
O Castelo: Sobre o castro levantouse unha ermida.
Outeiro do Castelo: Sobre un outeiro cun amplo dominio visual e defensas naturais. Apareceron tégulas, ímbrices e cerámica medieval. Na ladeira oeste hai unha pía rectangular escavada na rocha onde din se lavaba a Santa. Moi preto, noutra rocha, hai unha fornela onde disque naceu a Santa. Na aba NO do outeiro hai uns penedos graníticos cunha gruta onde se ve un burato chamado O Forno dos Mouros. O asentamento foi ocupado dende a Idade do Ferro ata Idade Media, pasando por época romana.

A VEIGA
O Castelo (Castromao); Castromao (O Castro-Castromao); Castromarigo (O Castro-Castromarigo); Corbaceiras (Corzos); Mourinallas (Espiño); Lamarredonda (Lamalonga); O Picouto (A Ponte);  A Espenuca e Mallada (Prada); As Caborcas (Requeixo); A Cabeza (San Tirso de Santa Cristina); A Canda (Valdín); Xares (Xares).
Castro da Canda: Presenta dous recintos superiores e un antecastro de forma elíptica, defendidos por terrapléns e a orografía do terreo.
Castromao: Situado nun altorelo, presenta unha pequena croa arrodeada por un antecastro. Conserva restos dunha muralla terreira, terraplén, foxo e parapeito.
Castromarigo: Con croa arrodeada por un antecastro. Moi alterado pola construción de vivendas modernas.
 

 

VEREA
Santa María (Cexo); A Cividá ou San Vicente (Ourille); Outeiro (Sanguñedo).
Castro da Cividá: De forma ovoidal con dous recintos. Romanizado, atopáronse moedas.

VERÍN
Fraga do Zorro (Ábedes); Baixada de San Xosé ou A Viña (Cabrreiroá); Igrexa dos Mouros (Bouzadoiro-Cabreiroá); Alto do Circo, Castro Grande, Castro Pequeno, Sobrañal (Feces de Cima); Moreiroá (Mandín); Outeiro da Cruz (Tamaguelos).
Castro da Baixada de San Xosé: Tiña moi boas defensas naturais, só se accedía por un paso moi estreito. Restos dalgunha vivenda e anacos cerámicos. Segundo conta Bruno Rúa, no ano 1936 os veciños de Cabreiroá, baseándose no Ciprianillo, escavaron no castro; dise que atoparon unhas xarras de cerámica pero dentro non había tesouro ningún.
Castro da Igrexa dos Mouros: Moi romanizado como o testemuña a presenza de pedras cilíndricas a modo de fustes e fragmentos de tixolo tipo testae, entre outros. 
Castro Grande: No límite con Vilardevós.
Castro de Moreiroá: Citado por Taboada Chivite que cando o visitou viu un par de construcións redondas. Apareceron restos de tégula e cerámica común en superficie. Tamén é coñecido como O Castro dos Mouros.
Castro do Outeiro da Cruz: Limita con Oímbra. No lugar estaba o Penedo da Moura onde se agochaba un tesouro; foi destruída cando a autovía a Portugal.
Castro Pequeno: No límite con Vilardevós. Presenta forma ovalada, adoptando a forma natural do emprazamento. A muralla está precedida dun foxo. Apareceron restos de tégulas. Romanizado.
Castro do Sobrañal: Posible castro mineiro onde en época moderna se explotaron unhas minas de estaño. Consérvanse algúns restos das murallas, terrapléns e foxos.
Nesta etapa histórica a comarca estivo habitada polos Tamagani (de aí os nomes de Tamagos, Tamaguelos ou o mesmo río Támega), unha cividade que segundo Dasairas ocuparía as terras medievais de Capraria e Lobarzán. No ano 1226, o rei Afonso IX comprométese co mosteiro de Celanova a prohibir a reconstrución do "Castro de Berín", ratificado no 1232 en Ourense por Fernando III, e no 1255 por Afonso X en Valladolid o que fai pensar que no lugar se practicaba algún tipo de ritual considerado pagán.
 

 

VIANA DO BOLO
O Eirexario (Bembibre); O Castelo (Fornelos da Cova-Covelo); A Fraga do Castrillón (Covelo); Fradelo (Fradelo); Fornelos (Fornelos de Filloas); O Castro (Grixoa); Torre dos Mouros (O Castro-Pexeiros); O Castrillón (Pinza); O Castelo (Pontón-Pinza); O Castelo (Punxeiro); O Castrillón (Quintela de Hedroso); O Castrillón e A Devesa do Portelo (Quintela do Pando); O Castelo (San Agostiño-Rubiais); Buraco do Amaro ou Ladeira (Viana do Bolo).
O Castro (Grixoa): Na bacía do río Bibei, con croa ovalada protexida por uns aterramentos que caen cara o regato de Pradocín e con foxos escavados na rocha. Unha canteira afectou gravemente ao xacemento.
O Castelo (Pontón): Na marxe dereita do río Bibei, nun meandro moi pronunciado. Planta tirando a circular, está arrodeado pola auga agás polo norte onde presenta un foxo duns seis metros de ancho escavado sobre a rocha.
O Castelo (Punxeiro): Defendido por fortes desniveis sobre o encoro do Bao. Presenta unha croa con construción circulare protexida por unha muralla.
O Castelo (San Agostiño): Encaixado nun esporón sobre un meandro do río Bibei. Ten planta lixeiramente ovalada e defendido por terrapléns e un foxo natural.
O Castrillón (Quintela de Hedroso): Presenta unha coroa de planta ovalada defendida por un parapeito de pedra e terra e taludes. Ten un segundo recinto onde se poden ver varias estruturas pétreas. Apareceron fragmentos de tégula. Romanizado.
Castrillón (Quintela do Pando): Xunto o encoro do Bao. Con croa ovoidal onde aínda se poden ver restos da muralla granítica. Alterado polos bancais de videiras.
Fraga do Castrillón (Covelo): A media ladeira, sobre un esporón, na parte alta do regueiro do Porto Buxán. De planta ovalada, pódense ver varios foxos escavados na rocha. Posteriormente romanizado.

VILAMARÍN
O Coruxal (O Coruxal-Boimorto); Castriño de Orbán e Marce (Marcelle-Orbán); Frameán (Toldavia-Orbán); Santa Águeda (Reádegos); Aira dos Mouros (O Río); Outeiro dos Infernos (A Eirexa-Tamallancos); Baínte (Vilamarín).
Castro Aira dos Mouros: Conserva restos dunha ancha e alta muralla de pedra cuberta de terra. Apareceron vestixios de construcións habitacionais e unha cabeza de pedra. No interior atopáronse restos dunha mámoa.
Castro de Frameán: Achandado polos labores agrícolas.
Castro de Orbán: Rodeado por un muro de terra e pedras do que parte un terraplén. Pódense ver parte de dous foxos. 
Castro de Santa Ádega: Situado no alto dun outeiro, entre os ríos Miño e Barbantiño, a unha altitude de 660 metros sobre o nivel do ma, e entre os concellos de Coles, A Peroxa e Vilamarín. Aínda se poden ver os restos da muralla que o arrodeaba, un terraplén e un enorme foxo. No interior conserva algúns restos dunha antiga ermida posta baixo a advocación de Santa Ádega. As primerias escavacións correron a cargo de Taboada Chivite e López Cuevillas. Este último deu a coñecer unha urna cerámica con cinsas e unha punta de lanza de bronce. Tamén se localizaron amarradoiros para o gando, un machado puído e outras pezas. Quizais o achado máis famoso é o coñecido como Guerreiro de Santa Ádega. Segundo a lenda, os mouros agocharon no castro un tesouro. Di a tradición que a imaxe da Santa Ádega ocasionou o litixio entre dúas parroquias que querían posuíla. 
Outeiro dos Infernos: Promontorio rochoso cunha pequena palataforma que se eleva sobre unha meseta sobre o río Formigueiro. Tras a caída dunha árbore provocada polo furacán Hortensio, un veciño da zona, don Miguel Carballo Álvarez, recolleu das raíces da árbore numerosos fragmentos cerámicos que foron depositados no Museo Arqueolóxico de Ourense. Existen dúbidas canto á súa adscrición cronolóxica, da Idade do Bronce ou da Idade do Ferro.
Guerreiro de Santa Ádega: Torso en granito dun home que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense; mutilado e moi erosionado, dificulta precisar os detalles; leva un cinto con baquetóns lisos e paralelos; un leve abultamento na parte central fai pensar que levara un escudo tipo caetra; si se apreza un ancha banda cruzando o peito dende o ombro esquerdo ata o cinto polo lado dereito que continúa polas costas. Podemos emparentalo con outro torso atopado en Castromao (Celanova). No castro de Santa Ádega, López Cuevillas deu a coñecer o achado dunha urna cerámica con cinsas e unha punta de lanza de bronce.

 

 

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS 
Arcos (Arcos); Alto de San Pedro ou O Pendón (Arnado); A Aira do Castro (Córgomo); San Miguel (San Miguel de Outeiro); O Castelo (Valencia do Sil); A Madalena, Valdegodos e Vilamartín (Vilamartín). 
Aira do Castro: Utilizado polos romanos. Relacionado coa explotación aurífera das Barreiras. Emprazado nunha plataforma que na actualidade presenta forma de outeiro achandado e illado por un pequeno foxo que hoxendía serve de camiño que da acceso ás fincas de cultivo. En superficie vense anacos de tegula e restos de escoiras de ferro.   
Castro da Madalena: Situado nun pequeno esporón delimitado polo curso do río Leira polo leste. Atopábase defendido por un foxo situado na cara norte, actualmente ocupado por unha pista que comunica as estradas locais do Cernego e O Mazo. O resto do asentamento atópase totalmente destruído polas grandes remocións e explanacións efectuadas no ano 1963 para a construción do Pazo dos Cabaleiros e os distintos aterrazamentos adicados ao cultivo de viñedos. No cumio había unha capela adicada a Santa María Madalena que foi destruída. 
Castro do Pendón:  Emprazado a 536 metros de altitude, nun outeiro situado nun esporón que cae de forma acentuada sobre a poboación de Arnado, entre o río Sil e o regato do Real. Consta dunha croa e varios aterrazamentos agrícolas. Aparece separado do resto por un gran foxo actualmente desfigurado polos labores agrícolas. Ten unhas dimensións aproximadas de 120 por 90 metros. En superficie vense gran cantidade de tegulas.  
Castro de Valencia do Sil: O castro foi ocupado durante moitos anos por unha antiga viña, hoxe abandonada. De forma irregular emprázase na ladeira do monte ocupando unpequeno esporón rochoso. Na parte superior conta cun complexo sistema defensivo composto por tres foxos consecutivos tallados na rocha pizarrosa. As súas dimensións aproximadas son de 137 por 205 metros. Moi romanizado, atopáronse restos cerámicos, tégulas e varias moedas entre as que se encontran unha de Antonino Pío a nome de Faustina "A Xoven" e outra e Marco Aurelio a nome da súa filla Lucila. Na súa faldra atopouse un capitel de mármore suevo-visigótico, de estilo corintio que segundo Rodríguez Colmenero pertencería a unha sinxela construción paleocristiá ou xermánica no lugar. Asociado a unha lenda medieval na que intervén o cabaleiro franco Roldán. 
O Cemiterio ou Capela do San Lourenzo (Arcos): Posible poboado mineiro relacionado coas explotacións auríferas, tanto primarias como secundarias de Cova dos Mouros, As Barreiras e Val de Vacas. O xacemento localízase no entorno do cemiterio de Arcos e recibe tamén o nome de San Lourenzo por estar emprazado no lugar onde había unha capela posta  baixo a advocación deste santo. Ten as características dun castro, presentando un recinto circular ou croa defendido por dous foxos tallados na rocha de natureza pizarrosa. Apareceron anacos de cerámica común, terra sigillata, tegulas e anacos de muíños de man, pode que empregados para a moenda de mineral aurífero. O material ergolóxico mostras unha cronoloxía moi ampla que abranguería dende o século I d.C. (terra sigillata galica) ata o século III d.C. (terra  sigillata hispánica).
  
 

VILARDEVÓS
Penas Libres e Florderrei Vello (Arzádegos); Mouraciños e O Teso (Osoño); A Praza (Santa María de Traseirexa); A Ciadella (Tomonte-Soutochao); Castelexón ou Outeiro do Castelo, Castro Grande e Castro Pequeno (Vilarello da Cota). 
Castro do Castelexón ou Outeiro do Castelo: Situado nun outeiro. Preto, unha empresa portuguesa construíu un parque eólico. O castro puido ser utilizado como castelo en época moderna, coincidinco coas guerras con Portugal.    
Castro da Cidadella: Próximo á fronteira con Portugal. Situado nun promontorio rochoso a cuxo pé hai unha pequena fervenza. Restos de edificacións, cerámica común, fibelas de metal provenientes de monturas. Ao parecer, o propietario da vivenda que se atopa dentro da zona de respecto do xacemento atopou un lagar de pedra romano, escouras de fundición, dúas columnas graníticas e tégula. Alterado por dúas vivendas. Trátase dun castro romanizado habitado tamén en época medieval. 
Castro de Florderrei Vello: Situado sobre un outeiro dominante, atopáronse estruturas habitacionais, fornos, lareiras, canles e fontes de uso colectivo, restos cerámicos, un falo de pedra, dúas lápidas e moedas de época romana. Tamén se atopou un verraco, hoxe en día desaparecido, que foi colocado nun cruce de camiños. Sobre o castro, logo cristianizado cunha ermida ermida posta baixo o padroado de Nosa Señora das Portas Abertas, celebrábanse ritos paganos. Na contorna descubríronse restos dunha fortificación romana, así como dúas aras, unha está na capela de San Roque e a outra desapareceu. Asociado a varias lendas, entre outras unha que fala dunha procesión de formigas que chegaron aquí para morrer. 
Castro de Mouraciños: Lenda de dúas trabes, unha de ouro e outra de veleno. 
Castro da Praza: Situado entre o río do Porto e a Cabanca dos Enxames. Conserva restos de muralla. Apareceron fragmentos cerámicos e un muíño circular de man. Deste lugar tamén procede un muíño xiratorio que Manuel Reigada Gallego vendeu na década de 1980. Dise que unha moura levou ata aquí sobre a cabeza unha lousa grande de pizarra para facer un pontillón. Nunha casa do castro disque apareceu unha casa con restos de comida polo que se cre estaba habitado polos mouros. 
Castro do Teso: Identificado coma un castro. Apareceron tégulas, ladrillo e cerámica común romana, muíños de man e varios epígrafes. Os veciños din que antigamente a aldea de Osoño estaba aquí. 
Epígrafe do Val de Castiñeiros (Enxames): Inscrición nunha rocha granítica cuxos caracteres foron lidos como: "S (tatuerunt) T (erminum) P (onere)/(gentes) In (ter) Como (cios) I (inter)... L"; "decidiron fixar a divisoria os dous grupos xentilicios dos Comocios e dos Lesocos (?)". Serían as dúas comunidades indíxenas veciñas as que se poñen de acordo para dirimir as desputas territoriais á marxe da autoridade romana, mais utilizadon o latín e as súas normas xurídicas.
 

 

 

VILARIÑO DE CONSO
Pradoalbar (Pradoalbar); Entrecinsa e Sabuguido (Sabuguido); San Cristovo (San Cristovo); Hedrada (San Mamede de Hedrada).

VILAR DE BARRIO
Folón de Penadiz (Arnuíde); Bóveda (Bóveda); Porto (As Maus); Monte Castelo (Padreda).
Castro de Bóveda: Situado sobre un esporón que controla a aldea de Bóveda e a chaira da lagoa de Antela. Non presenta estruturas visibles nin restos de materiais en superficie. Alterado por pistas, un depósito de auga e un cruceiro cun altar.
Castro Folón de Penadiz: Na ladeira dun monte, presenta unha forma cuadrangular con catro liñas de foxos. Apareceron tres sepulcros de época romana.
Monte Castelo: Mide arredor dun quilómetro e medio de longo. Apareceron pezas cerámicas castrexas, romanas e medievais. Segundo a lenda foi construído polos mouros e baixo del agochan valiosos tesouros; disque foron furando no monte e fixeron un túnel de cinco quilómetros. Tamén hai unha peneda que ten a figura dunha muller; a rocha tróuxoa á cabeza unha dona, metade cobra e metade muller. Na Idade Media houbo un castelo coñecido como Castellum Sancti Iohannis; aínda se poden apreciar os alicerces dalgún muro escavado na rocha.
Castro de Porto: Nun outeiro, forma un esporón sobre o río Arnoia. Boas defensas naturais e restos dun foxo. 
 

 

VILAR DE SANTOS
Laioso (Parada de Outeiro); Mosqueiro, Saa e Vilar de Santos (Vilar de Santos).
Arracada de Vilar de Santos: Séculos III-II a.C. Colgante de forma triangular, plano, feito a base de láminas de ouro, decorado con aves acuáticas e granulados que debuxan un sogueado e espirais. Atopada no lugar de Albariño no ano 1924 por don Benito Saburido, regaloulla ao cura párroco de Vilar de Santos quen, no 1979, lla vendeu ao Museo Arqueolóxico de Ourense.
Castro de Vilar de Santos: Situado preto do cemiterio parroquial, onde se levantaba a igrexa. Circular, estaba protexido por un recinto amurallado e un terraplén.
 

 

XINZO DE LIMIA

Cabreira (Baronzás); O Santiño (Cima de Ribeira); A Cerquiña (Damil); Penedo da Moura (O Castelo-Ganade); Outeiro do Medio (Gudes-Guntumil); A Cidá (Morgade); O Castro (Mosteiro de Ribeira); Novás (Novás); O Castro (Parada de Ribeira); Laroá e Outeiro de Almeide (San Pedro de Laroá); Outeiro da Cruz (Seoane de Oleiros); O Couto (Baronzás-Xinzo de Limia).
O Castro (Mosteiro de Ribeira): Coñecido tamén como Os Netos e O Regueiral. Apareceu un machado de talón que se atopa no Museo de Ourense, e unha espada que desapareceu.
Castro da Cerquiña: Romanizado. Apareceron fragmentos cerámicos. Producíronse escavacións furtivas, ademais de estar alterado por unha canteira nunha das ladeiras que foi explotada durante anos.
Castro da Cidá: Sobre un enorme esporón, cunha ampla visibilidade. Presenta un dobre anel defensivo, un foxo e unha forte pendente a modo de terraplén. Na croa pódense ver restos de construcións habitacionais.
Castro do Couto: Protexido por terrapléns.
Castro de Novás: A 760 metros de altitude, na confluenza dos regueiros Pichos e Alboriz, tributarios do río Faramontaos. Escavado nos anos setenta do pasado século por Covadonga Carreño. Exhumouse abundante cerámica castrexa e tégulas romanas. Na mesma década tamén foi estudado por Rodríguez Colmenero. Na croa poden verse construcións circulares e un muro que une dúas rochas. Presenta dúas fases de ocupación, a principal durante o século I d.C., evidentes nos seus tres recintos habitacionais e nas murallas defensivas. O castro voulveu quedar ao descuberto por un lume no verán de 2015.
Castro do Outeiro de Almeide: Croa de forma circular con dous recintos amurallados. Cando se abriu a pista (hoxe estrada asfaltada) apareceu parte dunha figura exenta dun guerreiro galaico-romano, custodiado no Museo de Ourense.
Castro Outeiro da Cruz: Na croa atopouse cerámica común romana, tégulas e ímbrices.
Estatuas sedentes de Xinzo de Limia: Datadas no século I d.C. Atopadas á beira do río Limia e documentadas por Ferro Couselo no ano 1972. Representa unha figura á que lle falta a cabeza, con torgue no pescozo e sentada nunha cadeira de travesas. O vestido e as viriae dos brazos son idénticos aos dos guerreiros galaicos, e nas mans leva dous vasos en actitude oferente. A carón desta peza atopouse outra moi semellante, aínda que peor conservada, que se diferencia da anterior porque no canto de vasos semella suxeitar unha pátera ou quizais unha cartela. Rodríguez Colmenero pensa que se trata dunha figura masculina e outra feminina, comparándoas coas deusas-nais, se ben non desbota que se trate de oferentes. Silva cre nunha relación do culto funerario co da terra-nai, e Tranoy que delimitarían un santuario. No Museo Arqueolóxico de Ourense.

 

 

 

XUNQUEIRA DE AMBÍA
A Capaceira (A Abeleda); A Chaira ou A Medorra (Bustelo-A Abeleda); A Bariña (Armariz); Outeiro do Castro (Merí-Armariz); O O Castelo, Castrillón e Cerdeira (A Graña); Outeiro do Castro (Covelo-Xunqueira de Ambía); A Acea, limítrofe co concello de Baños de Molgas.
Castro de A Bariña: Forma elíptica, defendido por fortes pendentes e muralla pétrea en toda a súa contorna. Apareceron fragmentos cerámicos. Romanizado.
Castro de Cerdeira: Situado sobre un outeiro rochoso, a 724 metros de altitude sobre o nivel do mar,nunha contorna de monte baixo. Pódense ver restos do recinto amurallado e construcións habitacionais moi alteradas. Atopáronse muíños de man, couzóns, restos cerámicos, cravos e unha moeda romana da época do emperador Marco Aurelio. Totalmente abandonado, non son infrecuentes as escavacións furtivas. Segundo a lenda, preto do castro hai uns penedos que soan ao metal, coma se batera cun badalo nunha campá. Varias rochas con petroglifos bordean o castro. E no límite unha gran pía megalítica que cumpriría, segundo Elixio Rivas Quintas, unha función máxico-relixiosa de sauna.
Capela de San Lourenzo (Fondo de Vila-Cima de Vila): Nunha lumieira da ermida hai unha pedra con decoración castrexa en SSS. Citada por Rivas Quintas no seu artigo Influxos precristiáns na arte. (Información achegada por J. Antonio Gavilanes).
Castro de A Chaira: Nun outeiro pizarrozo. Mencionado nun documento no ano 1150 do mosteiro de Xunqueira de Ambía. Presenta forma ovalada con dous recintos amurallados.
Castro de A Medorra: Trátase dun castro, alterado parcialmente, de forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 200 metros no eixo máis longo e 150 no menor. Consta de dous recintos defendidos por murallas de pedra e de terra e pedras, foxos e o desnivel do terreo. Apareceron anacanos cerámicos lisos e tégulas. Domínase unha ampla panorámica. Segundo a lenda hai unha cova cun becerro de ouro encantado, e para desencantalo ha que entrar co libro dos Evanxeos. Citado nun documento do século XII do mosteiro de Xunqueira de Ambía: "...ad castrum de Medorra...". Segundo a información achegada por J. Antonio Gavilanes, a espesa matogueira impide ver se no interior se observan outro tipo de estruturas.
Castro de Merí: Disque hai un penedo que soa a bandullo de ovella; preto, nun lameiro, hai dúas trabes, unha de lume e outra de óso que, se se xuntan, haberá unha gran catástrofe.
Outeiro do Castro (Covelo): Nun esporón sobre o río Arnoia. Divisorio entre Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas. Apareceron anacos cerámicos.



XUNQUEIRA DE ESPADANEDO 
Castro de O Castelo (Niñodaguia): Nun meandro do río Maceda. Defendido por un dobre foxo traballado na rocha e unha muralla que o aillan do resto do monte. Achegado por José Antonio Gavilanes, de Ponte Ambía (Baños de Molgas) e Juan José Ferreño, de Pardeconde (Esgos).



Xabier Moure
Castros de Galiza/Galicia (Provincia de Ourense)
o noso patrimonio