CÍRCULOS LÍTICOS E PEDRAFITAS DE GALIZA/GALICIA

Ata non hai moito, só se consideraban pertencentes ao Megalítico as pedrafitas da Lapa de Gargantáns, en Moraña, e, cada vez con menos dúbidas, a do Carrizo, en Vilalba, a Pedra Alta, na lagoa de Antela, e a Pedrafita de Cristal ou da Agra, en Ribeira. O resto interpretáronse como pedras de termo ou marcos xeográficos polo único feito de carecer de gravuras (coviñas, etc.). Malia isto, a función que cumprían moitos destes "marcos" (conmemorativos, de culto, situados xunto necrópoles megalíticas...) non permite desbotar a súa pertenza a aquel período da Prehistoria. Na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos... O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parochiale Suevorum do século VII (neste período, debido ás ordes terminantes dos Concilios, encamiñados a extinguir os cultos paganos, moitas pedrafitas foron derrubadas e destruídas, ou foron cristianizadas colocando sobre elas cruces e outros símbolos cristiáns). A abundacia de menhires debeu ser grande a xulgar pola frecuencia con que se citan ao demarcar coutos en escrituras e privilexios da Idade Media, sen que sexa posible confundilos cos miliarios, pois os primeiros citábanse como petra fita e os segundos como pedra scripta. Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados en Galicia a mediados do século XVIII, cítanse un bo número de fitos. Ferro Couselo e López Cuevillas, entre outros, xa constataron que mámoas e pedrafitas foron utilizados como punto de referencia nas demarcacións ao longo da historia. Sería desexable que, debido ao importante número de achados que se están a producir nos últimos tempos (moitos de espléndida factura e con gravuras), a investigación arredor destes monumentos tomara novos azos. 

Estou convencido de que aínda quedan por descubrir moitas pedrafitas prehistóricas, pero a súa supervivencia é cada vez máis difícil, por unha parte porque a intervención humana sobre o medio onde se poden atopar é cada volta máis agresiva, e pola outra porque a memoria sobre a súa existencia e ubicación vaise perdendo coa desaparición dos máis vellos.

Malia o anterior, cómpre ser prudentes, tanto no tocante á tipoloxía como á cronoloxía de moitos destes fitos. Non é necesario lembrar que Galicia é un país de canteiros, aquí podemos ver, por citar algún exemplo, fileiras de fitos esplendidamente traballados, medievais, modernos e contemporáneos, que pechaban herdades ou delimitaban coutos. Tampouco podemos esquecernos da acción da natureza á hora de modelar as pedras o que pode levarnos a erradas interpretacións.

De todas as pedrafitas que achego, nun bo número manteño serias dúbidas canto á súa adscrición cronolóxica ou a encadralas tipoloxicamente, ao que temos que engadir que moitas se atopan descontextualizadas (traslados do lugar orixinal, reaproveitamentos...). Se as inclúo aquí é porque espero que aos poucos se vaian despexando esas incertidumes, limitándome a achegar as teorías formuladas polos distintos investigadores coas que non sempre coincido. Como acontece cos círculos líticos, tamén fago mención a pedrafitas que xa desapareceron ou se cre desaparecidas, pero que coido é importante deixar constancia da súa existencia. 

Canto aos círculos líticos, a maioría dos que relaciono téñense por desaparecidos (só se documentan con seguridade o do Freixo, en As Pontes, o Prado das Chantas, no Valadouro, e o hai poucos anos redescuberto do monte Lobeira, en Vilanova de Arousa) e de cuxa única existencia só nos quedan as testemuñas de investigadores como Saralegui, Murguía, Villaamil, Maciñeira ou Monteagudo. Obermaier (1923), López Cuevillas (1959) e Filgueira Valverde e García Alén (1977) tamén se fixeron eco destes monumentos. Os cromlech constitúen unha manifestación propia da fachada atlántica de Europa, cunha cronoloxía que os ubica nas Illas Británicas ao longo do cuarto e terceiro millenio a. C. Na Península concéntranse na cornixa cantábrica e ao sur do Douro, en Portugal. Máis esas, nos últimos tempos estanse a localizar algunhas estruturas que se poderían corresponder con primitivos círculos líticos, polo que non resultaría estraño que, ao menos en parte, aínda se conserven algúns.
Xabier Moure

CÍRCULOS LÍTICOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DA CORUÑA

ABEGONDO
Pedrafita Marco de Presedo: No lugar da Bouza Nova, lindeira co concello de Betanzos. Desaparecida. Medía 1,6 metros de altura. Citada por Monteagudo.

ARTEIXO
Pedrafita Marco da Anta, Pedra do Guicho, Marco Grande ou Marco do Ramallal: Actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Erboedo (A Laracha) e de Loureda (Arteixo). Citada por Carré no 1945. Monteagudo, que a visitou no ano 1950 e 1981, considéraa como fálica. Ten unha altura de 2,05 metros. Pola forma, tamén é coñecida como Pedra do Carallo; a pedrafita sería o falo e as pedras que o calzan os testículos. A principios do mes de marzo de 2016, o Pleno do Concello da Laracha acordou por unanimidade a aprobación dunha modificación do PXOM para a súa protección. Hai anos a parte alta foi pintada de cor rosa.  
Pedrafita de Barrañán (Barrañán): Segundo Alberte Alonso, é de tipoloxía posiblemente fálica. 
 

ARZÚA
"Pedrafita" do Castro Curbín: En principio, ao falar desta pedrafita, escribín: "No Monte da Roda. Situada á entrada do castro Curbín. Descontextualizada, descoñezo a procedencia e a cronoloxía". Pois ben, o día 21 de abril de 2015, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, enviáronme un correo que achega luz sobre a orixe desta "pedrafita". Cando visitaron o lugar, pareceulles, ao vela de lonxe, unha pedrafita, mais as dúbidas comezaron cando se achegaron a ela. Se ben a cara sur se asemellaba a un menhir, a cara norte (a que mira cara o castro) fixolles desbotar a súa pertenza a un momento prehistórico ou protohistórico, baseándose en que a superficie da pedra pola parte norte semella que foi arrincada do terreo (está sen traballar) e que pola súa feitura foi colocada no sitio a xeito de reclamo do castro, feito que ao pouco foi confirmado por un veciño de Arzúa que fora testemuña directa da colocación do monolito no ano 1995 para inaugurar a obra da posta en valor do castro e o adecentamento da propia contorna. A pedra, segundo o veciño, procede da Serra do Bocelo, en concreto da parroquia de Folladela. Atopáronna ao abrir un camiño na estrada Melide-Sobrado. Xunto con esta, baixaron para Arzúa outras pedras, situando unha delas no polígono industrial onde lle colocaron un letreiro de bronce conmemorando o paso do Camiño de Santiago. Coincido con Cristina e Xurxo consideran que non se deben incorporar xunto os sitios arqueolóxicos elementos que poden confundir aos visitantes. Para evitar os malentendidos, o Concello de Arzúa debería colocar na pedra unha prancha ou panel inaugural, ou se non retirala.
A BAÑA
Estela-menhir de Troitosende: Antropomorfa. Non hai consenso canto á súa adscrición cronolóxica. Foi atopada na Eira de Vilacoba, mide 142 cm de alto e 40 cm de ancho. Decorada por unha soa cara a base de barras horizontais, aspas e triángulos. O extremo superior está rematado por unha cabeza discoidea na que se aprecian os rasgos faciais. Cabré, no 1915, considerouna como unha escultura humana de época neolítica, Octobón, no 1931, atribuíuna ao Calcolítico, Breuil, no 1935, tamén ao Neolítico, López Cuevillas déulle unha cronoloxía posterior, e Anati, no 1966, adscribíuna á Idade do Bronce. No ano 2001, J. L. Maya González e Ramón Álvarez (Departamento de Prehistoria de la Universitat de Barcelona), no seu traballo La estatua-pilar de Santa María de Tarañes (Ponga-Asturias) y su relación con la de Troitosende dátanna en época tardo-romana ou alto-medieval. Custodiada no Museo de Pontevedra. 
Pedrafita de Pedra Alba (Emes-Barcala): Duns 90 cm de altura, sitúase na marxe dun camiño. Foi fracturada pola base. Na parte superior que dá ao camiño ten gravada unha cruz latina de clara factura histórica. No lado oposto obsérvanse dúas coviñas. Tamén se aprecian unhas liñas semicirculares e unha cazoleta na parte central o que lle dá aspecto dunha figura antropomorfa. 
Monolito de Troitosende: O arqueólogo turolense Juan Cabré Aguiló (1882-1947) fala dun monolito "con petroglifos e incisiones alargadas de una funeraria celto-gallega" que apareceu en Troitosende. Descoñezo o seu paradoiro, só se conserva unha foto de 9 por 12 cm que foi tirada entre o 1908 e o 1947. Segundo información que me enviou Pablo Sanmartín, Alonso Braña (1996) indica na súa tesina que foi destruída polo seu propietario.
 

 

BOIMORTO
Pedrafita de Andavao I e Pedrafita de Andavao II (Fontiñas-Andavao): Atópanse no lugar de Fontiñas, non moi lonxe da igrexa de San Martiño de Andavao. Parece ser que as pedras apareceron deitadas, mais como ao propietario do terreo lles pareceron curiosas, decidiu colocalas ergueitas nas estremeiras das fincas. Interpretadas como fálicas, aínda que tamén puideron cumprir unha función agro-benéfica onde se realizarían unha serie de rituais encamiñados a propiciar as boas colleitas. 
Pedrafita de Andavao III: Tiven coñecemento dela polo traballo As pedras fitas ou menhires de Andavao, publicado no número do ano 2011 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses, e cuxos autores son a arqueóloga Cristina Vázquez Neira e o arqueólogo Xurxo Broz Rodríguez. Situada no medio dun prado, xunto a pista que vai á igrexa parroquial, a carón dunha charca artificial para o regadío. Sobresae do chan 2,26 metros e, aínda que tamén ten feitura cónica, presenta unha forma menos elaborada ca as anteriores polo que xera moitas dúbidas.
 
 
 

BOIRO
San Ramón (Bealo): Preto da ermida de San Ramón atoparónse tres petroglifos exentos, un deles destaca polas súas peculiares características. Trátase dunha pedra chantada no chan, adornada con cazoletas, que foi reaproveitada nun muro. Nas inmediacións tamén se atoparon dúas mámoas.
Círculo lítico entre os castros do Neixón Grande e do Neixón Pequeno (Cespón).
Círculo lítico da Cota da Moureira (Enseño): Só se conserva parte do círculo.
 

CABANAS
Castro de Cabanas: Monteagudo fala dunha pedrafita situada no castro, a dous quilómetros e medio de Pontedeume. Di que aínda polos anos cincoenta do pasado século, as mulleres resfregábanse no moxón do castro para fecundar.
Marco do Salto (Salto de Riba): Lindeiro entre as parroquias do Salto, Laraxe e Irís. Segundo a tradición posúe propiedades para curar o meigallo e o mal de ollo. Para elo cómpre ter en conta unha serie de condicións: Ir e volver do lugar en silencio antes da medianoite; levar un obxecto da persoa pola que se fai o ritual; dar tres cuadas (dúas segundo outras versións) no marco e nove voltas ao seu redor, dicindo: "Meigas e meigos, envexosas e envexosos, encantadoras e encantadores, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que vou a tirar", poñendo logo a moeda por riba do marco ou tirala ao seu carón. 
 

CAMBRE
Pedrafita Marco de Presedo: Desaparecida. Hai quen a sitúa no concello de Abegondo, no lugar da Bouza Nova. Mais este topónimo non o atopamos neste concello, senón no de Cambre, na parroquia de Bibres, lindeira coa parroquia de Orto (Abegondo).

A CAPELA

Pedrafita: Situada preto do cemiterio da Capela, entre os evocadores lugares de As Mouriñas e A Pena da Cruz. Segundo me achegou un veciño, a pedra foi reutilizada como marco divisorio dunhas herdades dende, ao menos, os tempos dun seu bisavó. Mais cóntase que con anterioridade estaba no lugar da Cruz da Moa e que, segundo a tradición, a ela acudían as mulleres que non podían procrear. Dise que foi o cura da parroquia, para evitar que se continuaran a practicar eses rituais, quen mandou desfacerse dela, mandato que, polo que se ve, non conseguiu de todo. Na actualidade atópase tirada no chan. De forma cónica, ten unha altura aproximada de 1,30 metros.
Pedrafita: Situada nun lugar totalmente despexado, preto da igrexa de Nosa Señora das Neves. Érguese, solitaria, no medio de varias leiras adicadas ao cultivo. Polo de agora descoñezo se cumpría algunha función, se ben me aseguraron que non actúa como lindeira de ningunha herdade.
 
 

CARBALLO
Círculo lítico da Eira das Meigas (Monte Neme): Ver Malpica. 

CARRAL
Marco de Fonte Salgueiras ou Fonte das Meigas (ver Culleredo). 

CEDEIRA
Pedrafita do Campo da Armada (Serra da Capelada-Santo André de Teixido): Citada por Federico Maciñeira. Na actualidade sobresae arredor dun metro do chan, mais segundo testemuñas orais ten máis dun metro e medio soterrado. A pedrafita foi arrincada en varias ocasións xa que se dicía que debaixo había un tesouro que agocharan os mouros. O investigador Alberte Alonso Fernández di que pode pertencer ás pedrafitas denominadas de observación astronómica, na parte superior esquerda obsérvase un semicírculo que identifica como un axexadoiro que serviría para observar os equinoccios no solpor da primavera e do outono. 
Pedrafita da Capelada: Descuberta por Fidel Méndez, non se pode asegurar a súa adscrición cultural. Semella que foi utilizada como fito demarcador. Atópase no medio dun muro de mampostería, evidencia do seu reaproveitamento.  
Pena do Sol ou Pena Bendición (Montoxo): Atópase nas abas da Serra da Capelada, no lugar coñecido como Chaos dos Agüeiros, onde cara os anos 1919 ou 1920 un labrego atopou o denominado "Torque da Capelada" que foi estudado por Federico Maciñeira. Contan que por ela discorría a auga (ao parecer o manancial foi desviado posteriormente a uns depósitos) e que a xente acudía a ela para rezar. En tempos, a pena destacaba na paisaxe, mais hoxe en día os ecucaliptos e a matogueira parece que a tapan totalmente. Polo de agora descoñezo máis detalles, a información recollinna de Óscar García Vuelta e Xosé Lois Armada nun seu artigo publicado en Brigantium no ano 2003 titulado Documentación y arqueología del oro castreño: acerca de F. Maciñeira y el torques de Capelada (San Xiao de Montoxo, Cedeira, A Coruña). Tamén fai alusión a ela José Álvaro Porto Dapena en Estudio toponímico del ayuntamiento gallego de Cedeira (España) publicado no ano 1985.
Amilladoiros: Citados xa en textos do século VI. Para algúns investigadores teñen a orixe nun primitivo culto aos mortos. Este tipo de monumentos non son exclusivos de Galiza, tamén aparecen en zonas do Mediterráneo, África e América do Sur. En época romana denominábanse "Montes de Mercurio", neles rendíaselle culto a distintas divindades. A Igrexa, ao non poder desfacerse do seu culto, situou cruces sobre eles para cristianizalos. A. Fraguas di que se erixirían no lugar onde morría alguén de forma violenta. Esta concepción ten a súa base na filosofía platónica que sostiña que cando alguén era asasinado a súa alma perseguiría ao asasino durante toda a eternidade. 
 
 
 

CERCEDA
Pedrafita Pedra de Santa Marta: No coto de Santa Marta, divisoria entre os concellos de Cerceda e A Laracha. Segundo me informou Masús, da Laracha, o monolito agochouno un veciño de Soandres na súa casa por medo a que o roubaran.
O Marco Deitado ou Pedra da Envexa: Levantábase entre os concellos de Carral, Cerceda e Ordes. Utilizábase para curar o mal da envexa. Ao quedar dentro da zona expropiada por "Lignitos de Meirama" foi destruído, colocándose no seu lugar unha columna de cemento. 

CERDIDO
A Pedra Chantada (A Pedra Chantada-Os Casás): A Pedra Chantada é unha pequena aldea do concello de Cerdido, a 260 metros de altitude. Dise que aquí houbo unha pedrafita da que, ao parecer, non quedan restos. 

CESURAS
Marco do Monte Medela: No Monte Medela ou Coto de San Xoán, entre as freguesías de Paderne, Probaos, Figueiredo e Loureda, a 397 metros de altitude, érguese unha ermida construída, segundo figura sobre a porta principal, no ano 1793, onde se celebra unha romaría na honra do San Xoán Bautista. Ao seu carón consérvanse dúas laxes provenientes, probablemente, dunha anta, unha a ras do chan e practicamente tapada, e a outra fincada, segundo deixou escrito don Francisco Vales Villamarín, por térense considerado un marco divisorio entre as parroquias de Loureda e Paderne. Ao parecer, outros esteos foron reutilizados no adro, e a tampa crese que pasou a enlousar o piso do palco da música próximo, pechado na actualidade e convertido nunha caseta. O marco foi utilizado como obxecto de culto ao que se lle atribuían propiedades milagreiras, práctica que levou á Igrexa a erixir a ermida.
 

CORCUBIÓN
Círculo lítico do Monte Lourado: Entre Dumbría e Corcubión. Citado por Saralegui no ano 1918.

A CORUÑA
Pedrafita de Nostián (Nostián-Visma): Na actualidade atópase no exterior do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Trátase dunha pedra de planta tirando a rectangular coas arestas arredondadas. Na parte superior amosa unha fendedura. As caras están bastante traballadas e puídas. Na parte máis lisa adivíñanse o que puideron ser unhas coviñas. 
Menhir de Elviña: Publicado no ano 1895 por Santiago de la Iglesia: Informe acerca de unas supuestas inscripciones fenicias o púnicas en el litoral de la Coruña. Este informe menciona varios vestixios que o seu pai investigara durante máis de vinte anos.
 
 

CULLEREDO
Marco de Fonte Salgueiras ou pedrafita da Fonte das Meigas: Recibe o nome de Fonte das Meigas por unha fonte pertencente á parroquia de Sueiro. De forma fálica, fai de límite entre os concellos de Cambre, Carral e Culleredo e as parroquias de Anceis (Cambre), Tabeaio (Carral), e Castelo e Sueiro (Culleredo). Sobresae 1,20 metros do chan. Na súa cara sur ten un L gravado. Situada xunto a necrópole megalítica de Arteaga, relacionada con lendas de mouros. 
 

FENE
Marco de San Lourenzo (Campanario-Limodre): Lindeiro coas parroquias de Maniños e Limodre (Fene) e Porto e Laraxe (Cabanas). Trátase dun rectángulo de granito coas arestas moi desgastadas, duns 30 centímetros de altura. Na actualidade o lugar onde está situado pertence administrativamente ao concello de Fene. Érguese preto da desaparecida ermida posta baixo a advocación de San Lourenzo, destruída por unha explosión de foguetes. Aínda hoxe en día lle seguen a depositar ofrendas para curar unha enfermidade propia ou dun familiar, contra o mal de ollo ou a consecución dun desexo. Debido á súa desfiguración provoca moitas dúbidas canto a consideralo de época prehistórica.   
Marco-pedrafita da capela do San Marcos (Sillobre): Entre as parroquias de Regoela (Cabana) e Sillobre (Fene). No século XIX construíuse unha capela no lugar que ocupaba un antigo marco que diferenciaba distintos coutos xurisdiccionais e logo os concellos de Fene e Cabanas; por isto a ermida era coñecida como a "Capela do Marco". Mais esas, hai motivos para pensar que a pedra tivo con anterioridade outras funcións. Na actualidade atópase inserida no muro posterior da sancristía engadida á ermida a mediados do século XX. 
Pedra da Arca (Barallobre): Situada a uns cento cincoenta metros do novo cemiterio municipal, no monte da Capacheira. Pola construción dun depósito de auga foi desprazada da súa posición orixinal. O fito ía ser demolido, segundo me contou un veciño salvouse grazas á intervención dun exeñeiro de Madrid que conseguiu que a fincaran de novo. No lugar había un campo de mámoas, dúas das cales, ao menos, desapareceron cando as devanditas obras. Nas inmediacións consérvanse outros túmulos, un deles moi achandado por unha plantación de eucaliptos. Dolores González, no seu blog Arqueotoponimia, di que na delimitación de Barallobre é posible que atopemos unha referencia a esta pedrafita: "desde aquí al Seixo Blanco de la Brea, desde este a la peña de Remariz, siguiendo el marco que se alla en la Cueva del Thesorero. Desde este a otro que llaman de Vilar de Codo". En efecto, a Pedra da Arca ou Marco da Cova do Tesoureiro atópase entre Romariz e Vilar do Colo.
 
 
 

FERROL
Pedrafita do Alto do Curuto (A Cabana): Citada por Vicetto. Situada, ao parecer, sobre a aldea de Montecuruto.
Pedrafitas de Chamorro: Citadas por Saralegui. Di que se trataba dun grupo de pedrafitas erixidas xunto unhas mámoas destruídas cara o ano 1850.

FISTERRA
Cromlech do Monte de San Guillelme: O profesor Alonso Romero cita un círculo lítico que foi destruído por un cortalumes.
Pedrafitas no monte Veladoiro (Duio): Citadas por Carré. Formaban un semicírculo, unha delas medía 8 m de alto. Esta última parece que foi identificada por Monteagudo no ano 1981, no Cabo da Nave, e que calificou como un monolito natural moi irregular e duns oito metros de alto. Utilizadas como lindeiro nunha doazón de Afonso VII ao mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 1135. 

IRIXOA 
Marco das Catro Parroquias: Desaparecido. Dividía as parroquias de Ambroa e Mántaras (Irixoa) e de Adragonte e Vigo (Paderne). 
Fito no monte do San Antón: Algúns investigadores din que se trata dunha pedrafita prehistórica de observación astronómica. Pode ser, pero cómpre aclarar que segundo a información que recollín no ano 2015, este fito, xunto con outras pedras, foi traído para o lugar onde se atopa (nun campo de mámoas) hai uns corenta anos para utilizalo como peche dunha finca. Pasado o tempo o peche de pedras foi substituído por vigas de pau e arame, si o propietario o mantivo neste no sitio foi para que actuara como marco. Tal como se aprecia na foto, a pedra segue a liña do resto do peche. A mesma versión foi confirmada por uns veciños de Adragonte. As outras pedras do vello peche foron apiadas nun piñeiral próximo.
      
A LARACHA
Pedrafita do Guicho, Marco da Anta ou Marco do Ramallal (Loureiro-Erboedo): Citada por Carré no ano 1945. Monteagudo, que a visitou no 1950 e no 1981, considéraa como fálica debido ao rebaixe que arrodea na parte máis alta, rebaixe que semella natural nalgunha zona (veta de cuarzo), mais noutras partes parece intencionado. Actuaba como marco divisorio co concello de Arteixo. Pedrafita de granito de 2,05 metros de altura. A parte inferior é máis ancha ca superior. O espesor da pedra oscila entre os 35 e 48 centímetros. Preto da parte máis alta un rebaixe arrodea a pedra o que lle dá o aspecto fálico, se ben semella natural. Asemade podería tratarse dun marco levantado en época histórica. Tamén é coñecida como Pedra do Carallo; a pedrafita sería o falo e as pedras que o calzan os testículos. A principios do mes de marzo de 2016, o Pleno do Concello da Laracha acordou por unanimidade a aprobación dunha modificación do PXOM para a protección da pedrafita. Hai anos a parte alta foi pintada de cor rosa. 
Pedrafita de Pena Gaiada (Montemaior): Foto recollida do blogue de Moncho Boga, dolmensedemaisfamilia. Non dispoño de datos sobre a mesma.

 

MALPICA
Pedrafita do Fuso da Moura: No Monte Nariga, entre Mens (Malpica) e Niñóns (Ponteceso). Dise que recibe o nome porque alí houbo unha anta que tiña a figura dun fuso onde fiaba unha moura. Na zona pervive a crenza de que hai covas con tesouros. Aquí levaban ao gando que padecía algún mal, facéndolle dar voltas ao redor da pedrafita para que curase. Hai tempo que o fito orixinal foi partido por un canteiro que o colocou como sustento dun portal. Arrepentido, ergueu no mesmo sitio a pedra chantada que vemos na actualidade. Forma parte dunha necrópole megalítica.
Círculo lítico do Circo de Xogos (Monte Neme): Feito con pedras de cuarzo. Citado por Saralegui, Murguía e Monteagudo.
Círculo lítico da Eira das Meigas (Monte Neme): Entre Carballo e Malpica. Citado por Saralegui, Murguía e Monteagudo, e no ano 1977 por Filgueira Valverde e García Alén. Foi destruído non hai moitos anos polas empresas que extraían o wolfram. Tiña uns catro metros de diámetro. Segundo a tradición, en cada fito da Eira das Meigas sentábanse as bruxas de Bergantiños en asemblea na Noite do San Xoán para celebrar os seus rituais. Conta Xosé Couñago Ribeira que a xente maior lembra perfectamente como era o círculo orixinal xa que xogaban no seu interior ás "sillas" das meigas, como así lle chamaron sempre. Tal como llo describiron a Xosé, o círculo de pedras estaba feito co seixo branco que tanto abonda na montaña, mesmo lembran as formas e tamaño que tiñan, e no centro había dous pelouros, tamén de seixo branco, de case dous metros de altura cada un. A principios do mes de novembro de 2015, o colectivo Senda Nova denunciou a destrución dunha reprodución do cromlech por maquinaria pesada que transita sen control pola zona.
 
 
MAÑÓN
Pedrafitas e aliñamento da Faladoira (Serra da Faladoira-As Grañas do Sor):Barros Silvelo, a finais do século XIX, cita unha pedrafita de demarcación na serra da Faladoira, pero Maciñeira cre que se trata dun moxón. Situada no coñecido como Camiño dos Arrieiros e xunto unha necrópole megalítica, atópase tirada no chan. Ademais da citada pedrafita,  de case 4 metros de altura, hai outra, tamén tumbada, de máis de 2 metros de alto e de boa feitura. Ambas as dúas forman parte dun aliñamento formado por 16 chantos, dos que catorce non sobrepasan o metro de alto, situadas ao NL da necrópole. (Ver na entrada Arquivo Apéndices: Aliñamento lítico prehistórico na Faladoira?) 
Pedrafita do Cristo de Mouraz: Situada no coñecido como Camiño dos Arrieiros, nunha encrucillada onde hai unha necrópole megalítica. Actuaba como marco divisorio das parroquias de Grañas do Sor e Mañón e de Devesos e O Couzadoiro (no concello de Ortigueira). Segundo a tradición, alí reuníanse os curas das catro parroquias. A mítica cruz foi derrubada e esnaquizada, conservándose só a pedra que facía de columna e algúns restos illados do pedestal. No seu lugar colocaron unha estraña construción moderna de pedra sobre unha mesa arrodeada de bancos, en vez de restaurar a vella cruz.
 



MAZARICOS 
Pedrafita Marco das Letras (Beba): Con gravuras. Citada por Monteagudo. Situado a 377 metros de altitude temos o microtopónimo O Marco das Letras.

MELIDE
Círculo lítico do Monte Leboreiro ou Libureiro: Citado por Filgueira Valverde e García Alén (1977). 
Pedrafita do Casal (Campos): Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, achéganme información sobre esta nova pedrafita. Foi localizada no ano 2012. Trátase dun enorme megalito, con feitura de menhir e dimensións de ortostato de anta. Está realizada en gneis, ten base redondeada, extremo apuntado e sección ovalada. Mide arredor de 5 metros de alto (3,30 metros visible e o resto enterrado) e 2 de ancho máximo. Ten forma típica de menhir, con deseño moi coidado, polo que non teñen dúbidas da súa adscrición prehistórica.
 

MONFERO
Marco de Cartelida: Marca o límite entre as parroquias de Queixeiro, Taboada e Vilachá (Monfero) e Grandal (Vilarmaior). Segundo a tradición, cúrase o meigallo e todos os males que poida provocar a envexa e o mal de ollo. Sobresae do chan arredor dun metro. Non hai moito, o marco foi derrubado por unha máquina ao preparar a terra para a plantación de eucaliptos; foi reposto no mesmo lugar polo señor Manuel cuxa nai naceu na Casa da Cartelida. Manuel contoume que cando era cativo, nunha ocasión non paraba de chorar, entón a avoa colleuno e levouno ao marco; despois de dar unhas voltas ao seu redor, tranquilizouse. Tamén me relatou que na zona había unha muller que era moi pobre polo que, cando ninguén a vía, achegábase ata o marco e collía os patacóns que a xente adoitaba depositar xunto del; para que non lle caera a ela a desgraza por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un home de Gulpilleira contoume que cando unha persoa andaba de mal humor, dicíanlle: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver se acougas". Non moi lonxe localízase a necrópole megalítica de A Anta, no monte do Francés, entre Cartelida e Gulpilleira, formada por trece túmulos. En Cartelida hai dúas mámoas, dunha das cales sobresae un esteo granítico.
Marco de Torres ou do Seixo: Situado no medio dun cruce de camiños, fai de marco divisorio entre os concellos de Monfero e Vilarmaior, e tres parroquias (Torres, Vilachá e San Fiz de Monfero). O nome de Torres dállo a parroquia citada, e O Seixo o da aldea próxima do mesmo nome, na parroquia de San Fiz de Monfero. Atópase preto dunha necrópole megalítica. Ten unha altura máxima de 1,20 metros. Na cara sur aparecen dous cruciformes, na leste as letras "M" e "F" que puideran aludir ao concello de Monfero; na cara sur presenta cazoletas, cruces e unhas gravuras lineais, posiblemente prehistóricas. O marco utilizábase para curar varias enfermidades, tanto para o gando como para as persoas.
 
 

MUGARDOS
Francisco Vales Villamarín, no seu El marco del Monte Medela (Anuario Brigantino, 1999), no concello de Cesuras, recolle unha cita do cardeal Del Hoyo cando visitou a ermida do San Vitoiro no ano 1607, erixida sobre o castro de San Vitoiro na parroquia de Santiago de Franza: "Hay otra hermita del Señor San Vitorio. Está esta hermita entre unas heredades que dicen que fueron castros de moros y dan señales de haber sido fortalezas". Tamén conta Jerónimo del Hoyo que no interior había unha pedra fincada ou marco (desaparecido na actualidade) que dividía as xurisdicións do conde de Lemos e o Cabido de Compostela. Vales Villamarín di que máis ca un marco que dividía as xurisdicións era unha pedrafita que fora cristianizada xa que non tiña ningún sentido chantar un marco no interior da ermida. Cóntase que a imaxe do San Vitoiro apareceu milagrosamente na croa do castro, no lugar onde estaba a antiga capela, logo substituída pola actual.
 

MUROS
Pedrafita do Outeiro das Capas (Torea): Situada no parque eólico "Pedregal Tremuzo", preto dun vello camiño Actuou como marco de término entre as freguesías de Coiro (Mazaricos), Torea (Muros) e Valadares (Outes). 

NARÓN
Fitos da canteira de Nenos (Monte de Nenos-Narón): Trátase de dúas laxes de gran tamaño, de máis de tres metros de lado e varias toneladas de peso, chantadas verticalmente. Proceden da canteira prehistórica do monte de Nenos. Semella que foron traballadas para un dolme que non se chegou a construír. Están no medio dunha plantación de eucaliptos.  
Marco da Areosa Branca (Sedes-Narón): Situado no monte do Seixo xunto unha mámoa. Segundo Luis Monteagudo sería unha probable pedrafita. (Foto recollida de Narón, un concello con historia de seu, de André Pena Graña). 
Marco de Portonovo: Posible laxa megalítica reutilizada como pontiga. Divide os concellos de Narón, Valdoviño e San Sadurniño. Ten unha pegada de tipo plantae pedum, a pegada do pé de Xesucristo cando asulagou a cidade de Portonovo de Valverde. (Información e foto recollida de Narón, un concello con historia de seu, de André Pena Graña). 
A Pena Molexa (O Val). Situada preto do castro de Vilasuso. Trátase dun enorme penedo granítico, duns cinco metros de alto. Semella estar encaixado entre outras penas de gran tamaño. Apunta ao lugar polo que cada 19 anos sae a lúa no solsticio de verán. Coincidencia ou foi colocado a propósito? Asociada a varias lendas e tradicións.
 



 

NEDA
A Pedra Curvada: Na aldea da Rabadeña, dividida entre as parroquias de Santa María de Neda (Neda) e Sillobre (Fene). Trátase dunha gran pena de forma irregular abeirada por dúas máis pequenas que semellan suxeitala. O nome quizais lle veña pola especie de arco que presenta pola parte inferior. Tamén se coñece como Pedra da Mámoa, pode que debido á súa analoxía cun enterramento prehistórico en forma de anta, se ben coido que non se trata dunha tumba megalítica (nas inmediación si hai unha mámoa). Antano, o lugar estaba adicado a pasto para o gando, na actualidade atópase plantado de eucaliptos e cuberto pola matogueira. Un veciño da Rabadeña, que amablemente me acompañou ata a pena, contoume que de nenos adoitaban xuntarse xunto a pedra para ver unha moura que agochaba un tesouro. Non moi lonxe está a Fonte da Rabadeña asociada, tamén, a mouros e tesouros. Aínda que hai quen di que se trata dunha pedra colada expresamente no sitio, eu coido que é unha formación natural. (A foto, lamentablemente, non é moi boa, foi tirada cando anoitecía e no momento que sobre o lugar descargaba o que semellaba o diluvio universal).
 

NEGREIRA
Círculo lítico no Monte Corzán: Citado por Murguía no ano 1888.
Pedrafita Marco do Cornado (Bugallido): Divisoria entre os concellos de Santa Comba e Negreira. Citada por Murguía no ano 1888. Destruída a principios do século XX.
Estatuas-pedrafitas do Castro de Logrosa: Proceden, ao parcer, do castro inmediato á vila de Negreira, e foron trasladadas ao lugar da Chancela. Trátase de dúas efixies cortadas á altura do ventre, esculpidas de forma tosca. Florentino L. Cuevillas, nun artigo titulado Las estatuas de Logrosa, publicado en Cadernos de Estudos Galegos no ano 1957, compáraas con estatuas-menhir. G. López Monteagudo (1989) di que poden ter unha vinculación coa divindade galaica Cosus.  Tamén hai quen as relaciona con Xúpiter. Custodiadas no Museo do Pobo Galego. 
 

NOIA
Círculo lítico do Monte Faxildre: Citado por Saralegui. Reproduzo, como curiosidade, a información aparecida na revista Galicia: Guía para el turista, editada no ano 1917 pola Asociación de Hosteleros y Fondistas de Galicia: "A unos tres kilómetros de Noya hállase el Monte Barbanza, y en él está la Coba da Moura..., y está también la Colina de Faxildre en que se ven pequeños menhires formando hileras o segmentos de círculos desde la falda hasta la cima". López Cuevillas e Bouza Brey (1931) falan dun círculo lítico no outeiro de Xavilde que ben se podería corresponder co mesmo.

ORDES 

Pedrafita en Mámoa (Ardemil): Moncho Boga desta pedrafita situada no lugar de Mámoas, no Camiño Inglés ou de Faro, roteiro vencellado a túmulos megalíticos, castros, etc. A pedra mide pouco máis dun metro de altura. Di Boga que descoñece se é megalítica, mais si que é o único elemento que lembra o pasado prehistórico da aldea.
 

OUTES
Pedrafita do Outeiro do Flaire (Esperante-Valadares): Desaparecida.
Pedrafita da Cabana Moura (San Ourente de Entíns). 

PADERNE
Marco das Catro Parroquias: Desaparecido. Dividía as parroquias de Ambroa e Mántaras (Irixoa) e de Adragonte e Vigo (Paderne).   

PADRÓN
Pedrafita do Agro de Naia (Queiruga-Cruces): A finais do ano 2001 e principios do 2002, Jorge Guitián Castromil e Xoán Guitián Rivera localizaron tres interesantísimos marcos con inscricións medievais preto das aldeas de Pedrouso, Queiruga e Pazos, no concello de Padrón. O que traigo aquí ten na parte inferior ten varias coviñas. Na parte superior vese unha cruz latina, o trazo vertical está cortado por un arco e cruzado por un trazo horizontal. Na cara norte ten unha inscrición medieval en latín. Semella que esta pedrafita foi reaproveitada, a fenda que ten na parte superior, segundo Alberte Alonso Fernández, indica que cumpría funcións astronómicas. Está nas proximidades dunha canteira, hoxe en día abandonada; foi derrubada e posteriormente chantada de novo polo que é moi probable que perdera a posición primitiva. 
Marcos de Lampai (Cruces): Dous fitos de orixe medieval. O coñecido como Marco do Couto foi doado por Afonso VII no ano 1156 a Sancho Eanes. Descubriuse no ano 2002, e mide sobre 1,80 metros de altura. Posúe unha inscrición que di: "No ano 1156, o primeiro de setembro, colocouse este pedrón coa autoridade do Emperador e de todos os intervinientes". Atópase nun inestable outeiro artificial que quedou despois da explotación dunha canteira; ademais ten unha fenda que o percorre de arriba abaixo o que pode provocar que rache.
 

A POBRA DO CARAMIÑAL
Aliñamento de pedrafitas: Citado por Manuel Murguía na súa Historia de Galicia, situado, segundo di, a unha legua da Pobra do Caramiñal. Trataríase dun conxunto de pedrafitas de pequeno tamaño, unhas cravadas e outras tumbadas.

PONTECESO
Círculos líticos da Illa da Estrela ou Tiñosa (Corme Aldea): Citados por Saralegui no ano 1918. Non quedas restos. Tamén acolleu un castro e unha ermida.
 

AS PONTES
Círculo lítico do Bidueiral: Entre o Freixo e Somede. En perigo pola construción dun parque eólico. Citado por Maciñeira, Murguía e Villaamil. Pequeno círculo lítico feito con pedras de cuarzo branco, duns 10 metros de diámetro, situado nun lugar dominante.
Círculos líticos da Mourela: A primeira referencia atopámola na obra de Saralegui Estudios sobre la época céltica en Galicia (1894) onde se fai eco das investigacións de Federico Maciñeira, citando a existencia de cinco mámoas e dous círculos líticos. No 1895, será o propio Maciñeira quen anuncie os seus achados na revista La Ilustración artística de Barcelona. No ano 1929 publícase Notable grupo de círculos líticos y túmulos dolménicos de la cuenca del Eume que recolle o froito da súa investigación. Nos anos noventa realízanse unha serie de escavacións, dirixidas por Eguileta Franco, antes de que se produza a destrución parcial do conxunto por mor da construción dun polígono industrial. No ano 2007 un dos círculos foi intervido no contexto dunha obra pública, identificándose unha estrutura circular de 30 metros de diámetro, delimitada por un anel de pedra e terra; ao sur documentouse outra estrutura de planta cuadrangular conformada por un zócolo de mampostería, cun pavimento de terra e un fogar de arxila, identificada  como os restos dunha cabana datada entre os séculos XV e XVII d.C. Tamén se documentaron fosas, buratos de poste e material lítico e cerámico. As datacións na estrutura circular e as fosas van do século VIII ao XVI d.C., concluíndose que o círculo serían os restos dun chozo medieval abandonado en época moderna ou dun curro onde se gardaría o gando. No ano 1902, un círculo lítico é desmantelado das súas pedras, utilizadas no firme dun camiño. O círculo lítico que quedaba foi destruído cando a construción da autostrada As Pontes-Ferrol. O día 23 de xaneiro de 2010 presentouse nas Pontes o libro de Andrés Bonilla e Ramón Fábregas, Círculo de engaños. Excavación del cromlech de A Mourela onde os autores rexeitan a súa orixe neolítica, situando a construción en época medieval; trataríase, segundo os autores, dunha cabana ou curro para o gando situado nun contexto prehistórico. Hoxe en día, do conxunto da Mourela só se conservan tres mámoas que compartían espazo cos cromlech.
 
 
 

PORTO DO SON
Pedrafitas da Picota (Portosín): Moncho Boga fala de dúas pedrafitas situadas preto do petroglifo da Picota (de aí lle deu o nome) e que recolleu de José Luis Yela. Na pedra máis alta, de 1,80 metros de altura e de forma cadrangular, obsérvanse dous buratos rectangulares. A pedra máis pequena ten forma troncocónica cun rebaixe lonxitudinal a xeito de mediacana na cara á vista; na cima semella amosar unha especie de fendedura.
 

RIBEIRA
Pedrafita de Cristal ou da Agra (Axeitos-Oleiros): Atópase no xardín dunha casa, a uns 100 m. do seu emprazamento orixinal. Descuberta a mediados dos noventa, mide 2,5 metros de altura e 0,50 de anchura máxima. Presenta algunhas cazoletas. Pódese ver unha reprodución no Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galiza situado no Parque Natural de Corrubedo. Declarada BIC.
Pedrafita de Bretal (Bretal-Olveira): Atopábase xunto a anterior, de semellante feitura pero de menor tamaño. Desaparecida.
 

SANTIAGO
Pedrafita de Fecha: Citada por Saralegui, non indica se na parroquia de San Xoán de Fecha ou de Santa Cristina de Fecha. 

SANTISO
Pedra da Pontenova (A Ponte de Arcediago): O día 18 de xaneiro de 2015, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, achéganme información dun ortostato dun enterramento megalítico realizado en gneis, de feitura amendoada, caras aplanadas, base redondeada e remate apuntado. Ten unha altura de 2,50 metros e de 1,75 de ancho máximo. Na superficie presenta estrías paralelas motivadas polo seu labrado.
 

SOBRADO DOS MONXES
A Ciadella: Benito Vicetto fala dunha pedrafita. Balsa de la Vega (1909) cita un terminus cun falo en relevo.

TEO
Marco da Agrela (A Agrela-Lampai): Pedra de granito de forma regular que sobresae do chan 1,30 metros, na base mide 0,50 metros e 0,35 na parte superior. Nunha das caras presenta gravada a letra "R".
 

TORDOIA
A Pedra Longa (Seixán-Cabaleiros): Segundo a lenda, a pedra tróuxoa Nosa Señora. Tamén se di que no lugar respousaban os cabaleiros da Orde de Santiago e, na Noite de Fin de Ano, fala: quen a toca coas mans nota as súas vibracións.
 

VILARMAIOR 
Penedo da Garda: Marco que actuaba como lindeiro entre as parroquias de Goimil e Vilamateo. Só se conserva unha terceira parte do monolito. Presenta unha cruz gravada. Segundo a lenda, no penedo "había uns furados onde os celtas sacrificaban os carneiros, e polas canaletas de pedra corría a graxa". Información recollida do traballo O mosteiro de San Cremenzo de Vilamateo, publicado polo Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos no Anuario Brigantino (2002). 
Marco de Cartelida: Marca o límite entre as parroquias de Queixeiro, Taboada e Vilachá (Monfero) e Grandal (Vilarmaior). Segundo a tradición, cúrase o meigallo e todos os males que poida provocar a envexa e o mal de ollo. Sobresae do chan arredor dun metro. Non hai moito, o marco foi derrubado por unha máquina ao preparar a terra para a plantación de eucaliptos; foi reposto no mesmo lugar polo señor Manuel cuxa nai naceu na Casa da Cartelida. Manuel contoume que cando era cativo, nunha ocasión non paraba de chorar, entón a avoa colleuno e levouno ao marco; despois de dar unhas voltas ao seu redor, tranquilizouse. Tamén me relatou que na zona había unha muller que era moi pobre polo que, cando ninguén a vía, achegábase ata o marco e collía os patacóns que a xente adoitaba  depositar xunto del; para que non lle caera a ela a desgraza por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un home de Gulpilleira contoume que cando unha persoa andaba de mal humor, dicíanlle: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver se acougas". Non moi lonxe localízase a necrópole megalítica de A Anta, no monte do Francés, entre Cartelida e Gulpilleira, formada por trece túmulos. En Cartelida hai dúas mámoas, dunha das cales sobresae un esteo granítico. 
Marco de Torres ou do Seixo: Situado no medio dun cruce de camiños, fai de marco divisorio entre os concellos de Monfero e Vilarmaior, e tres parroquias (Torres, Vilachá e San Fiz de Monfero). O nome de Torres dállo a parroquia citada, e O Seixo o da aldea próxima do mesmo nome, na parroquia de San Fiz de Monfero. Atópase preto dunha necrópole megalítica. Ten unha altura máxima de 1,20 metros. Na cara sur aparecen dous cruciformes, na leste as letras "M" e "F" que puideran aludir ao concello de Monfero; na cara sur presenta cazoletas, cruces e unhas gravuras lineais, posiblemente prehistóricas. O marco utilizábase para curar varias enfermidades, tanto para o gando como para as persoas.
 
 
 

VILASANTAR
Pedrafitas de Présaras: Citadas por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia.
"Pedrafita" de Santa María de Mezonzo: O día 3 de xuño de 2015, recibín un correo de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, a respeito deste fito situado nas inmediacións da igrexa románica. Ata ese día, dicía dela o seguinte: "Presenta un pequeno rebaixe cara o cumio, o que lle confire un lixeiro aspecto fálico". Despois de visitala, Cristina e Xurxo chegaron á conclusión de que a pedra ten escaso valor arqueolóxico, ao menos no tocante á tipoloxía dos elementos que achego neste blogue. Comprobaron que o fito actuou como xamba ou soporte dun lintel, dunha porta ou dalgunha outra edificación, posiblemente antiga, xa que presenta unha sección basicamente rectangular, coas caras aplanadas. Nunha desas caras planas pódese ver un rebaixe cadrado, e nunha das esquinas ten unha aplicación de cemento, para conformar un ángulo recto, propio da cara interna dunha porta. O feito de que o remate sexa apuntado non é de todo raro xa que nestas áreas do interior o lintel ou pousadoiro de portas de vivendas tradicionais e de palleiras, ás veces é de madeira. Conclúen que non se trata dunha pedrafita reutilizada como xamba, senón dunha pedra traballada toscamente para ser xamba.
 

VIMIANZO
Pedra do Frade (Berdoias): Pedra do Frade é unha aldea da parroquia de Berdoias. Segundo a lenda debe o seu nome a un frade que subíu ao alto dunha pena para escapar do lobo, mais sen éxito xa que foi devorado. Sobre a pena obxecto da referida lenda ergueuse un cruceiro que dise ocupa o lugar da desaparecida pedrafita, de seguro considerada coma un símbolo pagano.

CÍRCULOS LÍTICOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Manuel Rivas Cortiñas, de Labrada (Abadín), envioume a mediados do mes de novembro de 2013 a foto dunha pedra granítica en posición vertical con  coviñas que, en principio, semellan naturais. Segundo me informou o propio Manuel, a chanta está nunha elevación rochosa coñecida como Penas do Castro onde, ademais desta pedra chantada, hai outras, tamén con cuncas, esparexidas polo lugar.
 
 
BARREIROS
Círculo lítico do Monte das Fachas (San Xusto de Cabarcos): Citado por Villa-Amil y Castro no ano 1873, por Manuel Murguía na 2ª edición da Historia de Galicia de 1901, e por Vázquez Seijas no Boletín da Comisión provincial de Monumentos de Lugo no 1943. Villaamil fala de dous círculos, un moi destruído e outro formado por sete grosos chantos dun metro de altura. Segundo Marcelino Menéndez Pelayo, no seu traballo Historia de los heterodoxos españoles. Apéndice II: España antes del cristianismo (1880), dubida de que neste último círculo interviñera a man do home, aínda que deixa entrever que o lugar si puído ser utilizado para algún tipo de culto. No mes de abril de 2016 realizáronse varias catas arqueolóxicas, dirixidas por Francisco Hervés, para determinar si aínda se conservaban restos do cromlech e mámoas. O resultado foi negativo. Segundo a tradición, no lugar un veciño atopou un puñal e outros materiais. No inventario que se realizara no ano 1990 para delimitar o trazado do Camiño de Santiago localizáranse restos dunha mámoa que foi destruída, ademais de catro cistas que correron a mesma sorte.

 

BECERREÁ
Marco de Vilouta: Situado entre os castros de Vilouta de Abaixo e Vilouta de Arriba e próximo ao dolme coñecido como A Pedra Cobertoira. Quizais actuou como marco divisorio entre ambas as dúas aldeas que pertenceron ao mosteiro cisterciense de Penamaior. Trátase dun fito de xisto e cuarzo de feitura regular que presenta sección cadrada e caras sen labrar cunhas medidas en cada lado duns 25 centímetros e de pouco máis dun metro de altura. Na actualidade atópase tirado á beira dun regato pero no mesmo lugar onde estivo chantado. Segundo me contou o señor Vicente de Vilouta de Abaixo, falta parte da pedra que antes de seren derrubada tiña unha altura aproximada de 1,5 metros. Como apuntei, é probable que actuara como marco, mais chamoume a atención a lenda que circula ao seu redor. Dise que foi chantado no lugar por unha moura e que os mouros que habitaban no túnel que comunica os castros de Vilouta de Abaixo e Vilouta de Arriba ataban ao marco os seus cabalos. Tamén foi unha moura a que colocou a tampa do dolme da Pedra Cobertoira que trasladara sobre a súa cabeza dende o monte que aínda hoxe en día se coñece como A Moura, situado a uns dous quilómetros en liña recta, nas abas da Serra do Pico. Non moi lonxe está A Ponte da Moura, e tamén a Pena de Pascua, unha rocha onde se poden ver unha especie de banzos; ademáis de que no lugar se xuntaban antano os pegureiros para xantar, e en tempos non precisados os mouros facían sacrificios humanos. 
 

BEGONTE
Pena do Mouro (Donalbai): O conxunto está formado por tres enormes piares de seis metros de alto sobre o que asenta unha pedra en forma de ril. Seguindo unha liña recta, chégase ata as Penas das Rodas, no concello limítrofe de Outeiro de Rei que, segundo algúns investigadores, se utilizarían como observatorio astronómico. David Outeiro contoume que a pena foi dinamitada en parte nos anos vinte do pasado século por mor dunhas desputas familares. Antes diso había un gran abrigo baixo o que se facía o magosto. Tal como lle contou unha muller, o penedo en si é unha moura e dentro habitaba unha gran cobra que podía devorar á xente. Tamén se fala da aparición dunha muller que vivía na pena e que se adicaba a coller a la das ovellas para tecer. Mesmo se asegura que no lugar os mouros agocharon un tesouro que roubaron nun castelo, nin máis nin menos que durante a I Guerra Mundial! Dise que a Pena do Mouro está en conexión coas Penas das Rodas, no concello de Outeiro de Rei. Parece ser que durante os solsticios o sol atravesa as Penas das Rodas e logo penetra na Pena do Mouro.
 

CASTRO DE REI 
Estatua-menhir de Orizón (Quintela-Orizón): Datada na Idade do Bronce, atopada nunha pista no ano 2012, preto da necrópole tumular de Cinza da Moura. Foi estudada polo arqueólogo Paco Hervés. Trátase dunha estatua-menhir realizada en lousa con cubetas decorativas que se colocaría preto dun túmulo ou dun espazo funerario adicado a unha figura de relevancia social, posible representación dun heroe. Ten 60 cm de alto, 57 cm de ancho na parte superior e 38 cm na inferior que pode indicar a reprodución dun torso humano. Exposta no Museo do Castro de Viladonga.
 

A FONSAGRADA 
Pedrafita de Pedrafitelas ou Marco de Pena Labrada (O Padrón): Na actualidade érguese a carón do Camiño Primitivo, entre Pedrafitelas e o Hospital de Montouto. Hai anos foi arrincada do seu emprazamento orixinal, derrubada e parcialmente mutilada. Pouco podo achegar sobre a súa cronoloxía. Hai anos contáronme que actuaba como marco divisorio pero que tamén indicaba a proximidade do Hospital de peregrinos fundado por Pedro I o Cruel no ano 1357 e logo trasladado máis abaixo a finais do século XVII. Malia o anterior é probable que, ao estar nas proximidades dun campo de mámoas, sexa prehistórica e anunciaría a necrópole megalítica. Ten unha altura á vista duns 2 metros e 0,50 enterrados.
 

FRIOL 
Pedrafita do Agro do Castro (Trasmonte): Nas inmediación do castro de Trasmonte localizamos no mes de marzo de 2016 unha pedra chantada no medio dun prado. Ten unha altura dende a base de 1,10 metros e 0,45 metros de ancho. Polo de agora descoñezo que función cumpría, se ben me aseguraron que non actúa como marco de nada. Os propietarios consérvanna porque, como xa dicían os seus antepasados "sempre estivo aí e non molesta". 
Pedrafita do Vieiro (Cotá): Chanto de pouco máis dun metro de alto situado nun cruce de camiños xunto a Casa do Vieiro. Nas inmediacións hai varios enterramentos megalíticos. O día que a vin non había ninguén por alí polo que queda pendente de recoller algunha información ao respecto, así como a súa procedencia xa que hai anos non se atopaba neste lugar. 
Pedra das Cazolas (A Ferreira-Serén): Hai algún tempo, o amigo Brais Rodríguez Romero achegoume unha foto dunha pedra fincada situada no interior dun prado, á beira da estrada local ao seu paso pola aldea de A Ferreira. O día 10 de marzo de 2015 achegámonos ata o lugar para vela. Na parte visible ten unha altura de algo máis de tres metros; din que a parte soterrada anda arredor dos dous metros. Na base da cara principal, onde se ve unha pía duns 40 centímetros de diámetro, mide arredor de 1,35 metros, e o lado máis ancho uns 0,70 metros. Vese claramente que o fito perdeu gran parte da cara posterior (quizais pretenderon rachalo nalgún momento). Na parte superior chama a atención unha fendedura en forma de U aberta, cos bordos totalmente lisos. Hai quen di que se trata do esteo dun enterramento megalítico, mais nas inmediacións non hai constancia da existencia de ningún. Nun primeiro momento dixérannos que cando os actuais propietarios mercaron a finca, xa hai anos, a pedra estaba tumbada e foron eles quen a puxeron en pé. O día 14 volvemos polo lugar e tivemos a sorte de atoparnos cun dos donos quen nos asegurou que o fito sempre estivo ergueito e nese mesmo sitio. Na parte superior esquerda ten gravada unha pequena aspa. A fendedura ten unha orientación leste-oeste. En definitiva, permanecen as dúbidas se se trata dunha pedrafita ou o esteo dunha anta. E dous apuntamentos máis: non moi lonxe atoparon unha pedra, exenta, con varias coviñas que levaron para o xardín da súa casa; ao parecer, nun momento non precisado, o afloramento rochoso onde localizaron as coviñas fora utilizado como canteira. E segundo: hai anos, unha persoa interesouse por unha gran pena granítica que tiña gravada unha especie de calivera; os donos accederon a que a levara, utilizando para levantala unha grúa e para o seu transporte unha pa escavadora, o que nos pode dar unha idea das dimensións da pedra; lamentablemente non sabemos onde se atopa na actualidade.
Pedrafita das Ferrerías (Vilalvite): Fito de 3,30 metros de altura á vista, e outros tantos soterrados. Foi colocada no lugar polo señor Cesáreo. Atopouna hai uns 20 anos enterrada na finca que estaba a acondicionar para pasteiro. Situada preto dun campo de mámoas. (Ver en Apéndices: Un menhir nas Ferrerías, en Friol?) 
 

 


 

GUNTÍN DE PALLARES
Pedrafita de Penalonga (Xoaine-Entrambasaugas).
Pedrafita da Veiga: Linda coas parroquias de Pradeda e Vilameá. De forma tosca, sobresae do chan 1,50 metros. Presenta gravuras de liñas horizontais que corta a unha vertical. Citada por Vázquez Seijas no Boletín da Comisión provincial de Monumentos de Lugo no ano 1943. Dende aquí quero salientar o interese de Ignacio Senín, arqueólogo da Delegación de Cultura de Lugo, por localizar esta pedrafita; logo facilitarlle a situación achegouse ata o lugar. Dende o mes de xaneiro de 2012 xa figura debidamente inventariada. 
Pedrafita da Goia: Linda coas parroquias de Entrambasaugas, Pradeda e Vilameá. Citada por Barros Silvelo. Presenta cinco coviñas. Atópase no medio dunha necrópole megalítica formada por unha vintena de mámoas. Declarada BIC.
 
 

LUGO
Nicandro Ares, ao falar do castro de Bacurín, di que no lugar de Herreal localizou un marco cilíndrico de granito fincado na terra, do que sobresae un metro, tendo na base superior un pequeno baleiro como se se tratase dun focus votivo, barallando a hipótese de que fose unha pedrafita (por non conter letras) ou dun miliario.
Pedrafita de Adai: Situada no mesmo lugar onde se atopa a anta de Adai, no lugar coñecido como A Penela. Trátase dunha pedra chantada de 1,60 metros de altura que semella foi fincada intencionadamente. Di Moncho Boga que pode adscribirse á Idade do Bronce ou a principios da Idade do Ferro. Eu teño as miñas dúbidas.
 
 

MONDOÑEDO
Pedrafita (A Couboeira): A única referencia achégaa Villaamil y Castro en Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia (ano 1873) que a sitúa entre A Couboeira e Masma. Benito Vicetto fala dunhas pedrafitas que "se ven dende o alto de Lindín". Ningún achega datos para a súa localización. 
Pedrafita da Toxiza: A primeiros do mes de outubro de 2015, Abel Vigo, do servizo municipal de Arqueoloxía do Concello de Mondoñedo, deu a coñecer o achado dunha pedrafita preto do Pico da Toxiza. Trátase dos restos dun menhir de case tres metros de altura. A descuberta xa foi comunicada ao Servizo do Patrimonio Cultural quen xa a catalogou.
 

MONTERROSO
Pedrafita de Sirgal (Sirgal): Aínda que tiña noticias da existencia dunha pedrafita na parroquia de Sirgal dende hai anos, a información sobre ela era nula. A principios do mes de xuño de 2015 entereime de que se atopaba ao pé do monte onde na Idade Media houbo un castelo. Erguíase xunto unha desaparecida ermida (cuxas pedras, disque, foron reutilizadas para construír a igrexa parroquial) e unha pía que sempre estaba chea de auga e que era utilizada polas mozas na Noite do San Xoán para botarlle flores e lavarse coa auga aromática á mañá seguinte. O fito, que ao parecer tiña unhas letras gravadas, parece ser que tamén foi reaproveitado para edificar a igrexa. 

NAVIA DE SUARNA 
Atópase á beira da pista asfaltada que vai dende a Braña do Pandozarco ata o límite coa provincia de León. Aínda que na cartografía oficial consta como Marco de Xunquiñas ou do Pozo, os veciños, tanto de Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (O Pando-Cervantes) e de Balouta e Suárbol, no Bierzo, coñécenno como Marco do Camín ou de Xunquiñas (este último topónimo dá nome a un monte e a un regueiro). Mais a esta denominación xeral hai que facer un engadido xa que algúns habitantes de Poso tamén se refiren a el como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de aí que o cualificativo de "Pozo" sexa unha deturpación do nome da aldea. Trátase dun monolito de granito que sobresae do chan 1,55 metros que delimita o monte da Cespedosa, en Cervantes, e o monte de Murias, en Navia de Suarna, e polo tanto os dous concellos galegos. Como confirmación de que o nome que figura na cartografía está errado, ademais das testemuñas dos veciños, podemos botar man da documentación escrita. O amigo de Murias, José Fernández ("José de Vilarín"), gran coñecedor da zona e que garda unha ristra importantísima de documentos, facilitoume unha escritura datada no 1788 (rexistrada no ano 1838) que fala do Marco de Xunquiñas, tal como xa o reflectían os Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. Por outra banda, O Marco do Pozo (quizais lle deba o nome ao sitio coñecido como Pozo do Tesouro) delimita na actualidade as provincias de Lugo e de León, mais ata non hai moito marcaba os lindes das aldeas de Poso e Moreira (Cervantes), Murias (Navia de Suarna) e Suárbol, xa en León. Este primitivo fito de granito desapareceu, sendo substituído por outro de cemento. O Marco de Xunquiñas leva anos anunciando un coto de caza: "Coto N. de Caza" por unha cara, e "Coto de Caza LU 1022_" pola outra, a pesares de estaren prohibido pola Lei.
 

AS NOGAIS 
Marco da Casa de Chancia (Nullán): Aínda que non se trata dun fito prehistórico, senón medieval, tráigoo aquí pola curiosidade da súa ubicación. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, na Casa de Chancia, onde naceu e viviu ata a mocidade, consérvase un marco que dividía as xurisdicións de Doncos e de Torés. Luis dime que o topónimo Casa de Chancia pode facer alusión a unha "Casa do Chanto" ou "Casa Chantada". Os seus pais tínanlle contado que o fito non se podía sacar (estaba na cociña), mesmo lle tiñan advertido os seus antepasados que facelo era un delito. A Casa de Chancia é citada nun documento do mosteiro de Samos do ano 1450, onde os monxes aforan a casa a un veciño de A Alence. Esta casa xa non pertence aos antigos propietarios e atópase totalmente arruinada. No mes de abril de 2015 achegámonos ata alí para tratar de ver de novo o marco, misión imposible xa que o teito e un dos muros derrubáronse, impedindo a súa localización.

OUTEIRO DE REI 
Pedrafita de Candai, Pedrafita de Parada e petroglifo de Santa Comba, tres gravuras no concello de Outeiro de Rei: O día 14 de marzo de 2015, o amigo Brais Rodríguez Romero, que leva anos investigando o patrimonio arqueolóxico de Outeiro de Rei, Pilar Carpente e máis eu documentamos varios petroglifos inéditos nese concello. A saber, varias penas con coviñas no monte de Bravos, parroquia de Vicinte, e unha pena, tamén con cazoliñas, na coñecida como Pena Marela, entre as parroquias de Aspai e Vicinte, que actuaba como límite das dúas freguesías; na pena tamén se observa unha cruz de termo.
Pero o máis chamativo atopámolo preto da aldea de Santa Comba, na parroquia de Aspai. Nunha pena granítica localízase a gravura dunha figura formada por un círculo superior de 17,5 cm de diámetro do que sae unha liña vertical de 18 cm, e da que parten, a xeito de brazos, dúas liñas de 9,5 e 10 cm respectivamente. Xunto o círculo, na parte esquerda, hai gravadas tres coviñas. Noutra pena próxima tamén hai insculpidas tres coviñas máis, claramente de feitura artificial.
Fóra do concello de Outeiro de Rei, este tipo de representacións non teñen paralelismo con outras da provincia de Lugo, e que eu saiba de Galicia, pero si cunhas figuras que apareceron neste mesmo concello e que as fai aínda máis singulares.
Guerra Mosquera, no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1976) fala dunha pedra exenta situada xunto unha mámoa nos montes da parroquia de Parada que ten unha gravura formada por un círculo superior de 16 cm de diámetro do que sae unha raia vertical cruzada por unha semicircunferencia. Esta mesma pedrá é citada por Núñez Jato e Rodríguez Varela nun artigo de Croa do ano 1995, Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos. Estes autores din que nestes montes de Parada había outras dúas pedras con similares motivos, unha delas sen relación con ningunha mámoa.
Pero hai máis. Hai algúns anos, un veciño da parroquia de Candai trasladou para o xardín da súa casa outra pedra exenta que atopou xunto unha mámoa nos montes de Candai e que a propietaria da casa tivo a amabilidade de amosárnola para estudala. Como as anteriores, posúe un círculo superior de 21 cm de diámetro do que sae unha liña vertical de 8 cm, con dous "brazos" de 11 e 12 cm respectivamente, e dúas "pernas" de 13 cm cada unha; a pedra onde figura a gravura mide 1,27 m de altura e 8,75 m de ancho.
Núñez Jato e Rodríguez Varela, referíndose á pedra dos Montes de Parada, din que podería actuar como sinal ou marco de término se ben as fontes que consultamos non indican que ese lugar actuara como lindeiro. Para as gravuras de Candai e de Santa Comba, ademais da información oral, tamén recorremos aos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, correspondentes ás parroquias de Aspai e de Candai onde fala da extensión e límite de cada freguesía, comprobando que ningún dos lugares onde aparecen os motivos actuaban como límite de ningún territorio.
Canto ao significado dos gravados só podemos, polo de agora, aventurar algunha hipótese. O citado Guerra Mosquera, cando se refire ao debuxo da pedrafita dos Montes de Parada, ao atoparse xunto unha mámoa (a máis grande da necrópole) di que podería ser interpretado como que o túmulo pertencería á tumba dun xefe, e que a raia situada baixo o círculo, así como a semicircular, podería representar a unha divindade e aos danzantes asistentes a un baile sagrado. Tanto o círculo da figura de Candai como o de Santa Comba (a de Parada non a vimos) foron repicados posteriormente para resaltar as figuras. Quen foron os autores? Descoñecémolo. O certo, e isto é moi importante, é que as tres figuras atópanse dentro ou próximas a enterramentos megalíticos. As gravuras de Candai e de Santa Comba distan uns tres quilómetros en liña recta, e a de Santa Comba e a dos Montes de Parada outros tres quilómetros.
Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo quen os visitaron aos poucos días e xa os incluíron no inventario. 
Pedrafita de Pascuais (Parada): O día 24 de xullo de 2016, o amigo Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata o lugar de Pascuais, na parroquia de Parada, para visitar unha finca particular que acolle varias dependenzas destinadas, puntualmente, a servizos de hostalaría. O motivo non foi o de admirar o conxunto de casas restauradas, nin o pombal, nin o cruceiro, nin o hórreo... Non, o noso interese era moito máis limitado. Acompañados polo amabilísimo propietario, percorremos un espazo axardinado onde se poden ver varias pedras fincadas traídas das inmediacións. Mais foi unha a que concentrou toda a nosa atención e que destaca, maxestuosa, do resto. Trátase dun enorme monolito granítico de forma tirando a cónica cuxa parte á vista ten unha altura de 2,60 metros. O perímetro é de 3,90 metros que se vai estreitando cara a cima. A parte soterrada no chan non chega, segundo nos dixo o propietario, ao metro. Calcúlaselle un peso de sete toneladas. Estivo sempre alí? Non, respondeu, tróuxoa hai anos dun sitio próximo que se atopa dentro da enorme finca, erguíase xunto un manancial. Agás algunhas marcas producidas cando o seu traslado, non observamos ningún motivo inscultórico pero a súa feitura, dun "equilibrio" case perfecto, fainos sospeitar a intervención humana. Ademais levántase nunha zona densamente poboada de mámoas. A uns poucos centos de metros hai unha declarada BIC. É a mámoa número 1 do Cordal de Acevedo, de cuxo cráter de violación saen varios esteos, un deles gravado cun enigmático símbolo que atopamos noutros fitos esparexidos polo municipio, pero non formando parte dunha cámara megalítica. A gravura está formada por un círculo do que parte unha raia vertical cruzada por unha semicircunferencia e sobre cuxo significado, polo de agora, só podemos formular hipóteses. Neste enterramento apareceu un vaso de borde revirado. O día 17 de marzo de 2017, dende Patrimonio comunicáronme que, despois da visita dos técnicos, esta pedrafita foi catalogada.   
Penas das Rodas: Trátase de dúas enormes penas graníticas en forma de esfera. Segundo algúns investigadores a súa creación, en contra do que se cre, débese á man do home e terían relación cun lugar de culto que marcaría o inicio dos solsticios. Ao parecer, no solsticio de verán, dende unha grade de pedra que se conserva, o sol sitúase xusto entre os bolos. As penas utilizaríanse como estación astronómica para a predición de datas do ciclo agrícola. Seguindo a liña recta que dende este punto marca o sol, chégase ata a Pena do Mouro, no concello limítrofe de Begonte, formada por tres enormes piares de seis metros de alto sobre o que asenta unha pedra en forma de ril. 
O Marco da Barra: O día 29 de outubro de 2016, cando o amigo Brais Rodríguez Romero máis eu subiamos cara o Pico das Mallas, nos montes de Province, na parroquia de Aspai, vimos tirado a carón do camiño unha pedra de 2,60 metros de longo. A base, de sección tirando a cuadrangular e coas arestas lisas, ten unhas medidas de 1,10 por 0,80 metros que vai estreitándose cara o bico de feitura arredondada. A pedra, que estaba fincada verticalmente xunto unha fonte natural que hai ao outro lado do camiño, foi arrincada do seu lugar hai poucos anos polos madeireiros ao acondicionar o terreo para plantar piñeiros. Segundo nos contaron unhas veciñas, antigamente utilizábase para "rañar as vacas que tiñan o proído", un picor intenso que case as volvía tolas o que lles impedía dar un bo leite e mesmo lles podía ocasionar un mal parto. Non existe memoria de que o fito actura como marco. Na parte máis estreita, no bico, ten unha fenda semellante a algúns fitos interpretados como pedrafitas de "observación astronómica". Eu non dispoño de datos para afirmar tal cousa, pero o que si me chama a atención é que se erguera xunto un manancial e unha necrópole megalítica formada por unha ducia de mámoas. 
 

 




 

PALAS DE REI
Marco do Hospital: Divisorio entre os concellos de Palas de Rei e Toques, érguese sobre unha mámoa da necrópole do Marco. Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz, do Museo da Terra de Melide, achegáronme novos datos. Ademais de Marco do Hospital tamén recibe o nome de Marco da Mámoa e Marco das Cruces. Citado en documentos medievais e modernos, serve de divisorio entre as provincias de Lugo e da Coruña. Atópase a poucos metros do Camiño Primitivo ou de Oviedo. Ten forma triangular, moi aguzada, e presenta unha cruz de termo na cara leste e dúas máis na cara oeste. Na segunda foto, ao lonxe, vense os Penedos de San Nicolao, un antigo castelo roqueiro do que non se conservan restos; a tradición fala de que alí houbo unha capela adicada a este santo.
Marco de Lama Grande (Covelo), Marco da Pallota (Vilar de Donas) e Marco do Rosedo (Vilar de Donas): Nalgunhas partes lese que son tres pedrafitas prehistóricas que foron reaproveitadas, hipótese, dende o meu parecer, un tanto fantasiosa. Trátase de antigos fitos de pedra medievais, coa Cruz de Santiago en baixorrelevo nunha das súas caras. Os tres marcos están situados no perímetro do couto medieval de Vilar de Donas, tal como foi definido por Novo Cazón no seu libro El priorato santiaguista de Vilar de Donas en la Edad Media. O couto estaba formado polos terreos explotados directamente polo mosteiro, froito dunha doazón de 1194. O couto forma un polígono tirando a trapezoidal, situándose os marcos no centro dos lados norte, leste e sur, coas cruces mirando cara o interior. Estudados polos arqueólogos do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo, foron inventariados no ano 2012. Segundo información proporcionada por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, o Marco do Rosedo está colocado por riba dunha mámoa (atravesada por un cortalumes), atopándose moi inclinado e ten un cartel do Tecor Societario amarrado cun arame.
 


A PASTORIZA 
Pedrafita da Cruz (Seselle-Bretoña): Trátase dun chanto vertical que polas súas características puído formar parte da cámara megalítica dunha mámoa. Na actualidade utilízase como soporte da entrada a un pasteiro. Mide 1,70 de alto, 0,50 na parte superior, 0,70 na media, e 0,95 na inferior. O espesor oscila entre os 0,15 e 0, 30 metros. Sitúase preto de varios túmulos.     
Pedra do Encanto (As Amoras-Loboso): Pedra de cuarcita, de cor escura de aspecto moi puído. Nun dos laterais presenta un rebaixe circular en forma de aro de aspecto antrópico. O tipo de material é infrecuente no monte onde se atopa. Existen numerosas lendas asociadas á pedra pola súa forma de trono.
 
 
 

SARRIA
Bolo de Betote: Durante as obras da autostrada entre Nadela e Sarria, escavouse o entorno dunha enorme rocha granítica (bolo) que contiña varias cazoletas gravadas na súa superficie. Ademais, outras estruturas arqueolóxicas aparecían vencelladas a este Bolo, encadradas, segundo os seus escavadores, no Calcolítico, destacando un anel peristalítico arrodeando a rocha. Unha vez escavada esta rara estrutura, posiblemente de tipo simbólico e ritual, procedeuse ao seu traslado, optándose por cortar o bolo, de 112 toneladas, en varios anacos. A reinstalación fíxose tendo en conta a recuperación de toda a morfoloxía da pedra, así como a súa orientación orixinal. A escavación foi dirixida por Juan A. Cano Pan, e as súas conclusións aparecen reflectidas na revista de informes arqueolóxicos da Xunta de Galicia do ano 2006.

O SAVIÑAO
Pedrafita das Maceiras (antes coñecida como de Toalde): Hoxe en día está situada en Buxán, parroquia de Louredo, xunto o peche da finca do seu descubridor. Trátase dun monolito duns tres metros de altura e sen gravuras, que na base ten un perímetro aproximado de dous metros. Descoñécese a súa adscrición cultural. O lugar de orixe é As Maceiras, estaba abatida e medio cuberta de terra, a carón dun sendeiro ou camiño de ribeira, a 400 metros en liña recta do río Miño, sendo zona de pendente. A uns 60 metros do lugar das Maceiras atópase unha fonte onde atoparon restos arqueolóxicos relacionados con asentamentos humanos prehistóricos.Na mesma finca pódense ver outras esculturas realizadas polo propietario con pedras de distinta procedencia.
 

SOBER 
O Marco da Gándara (Roxos-Neiras): Prisma sobre soporte granítico cunha altura á vista aproximada dun metro. Ten unha anchura máxima de 65 centímetros. Nunha cara ten gravada o que semella un "N" e unha coviña, e na oposta un "r" e outra coviña; nas outras dúas caras vense dúas cruces latinas. A parecer actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Neiras e Refoxo. Tanto a forma como as pequenas coviñas non desbota a posibilidade de que se trate dunha pedrafita-menhir prehistórica reutilizada. Asociada a unha lenda. Ver en Apéndices: O Marco da Gándara (Sober).  
Pedrafita/Marco da Pena Longa: Actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Canaval, Neiras e Refoxo (Sober) e Mañente (Pantón). Segundo a tradición, tamén sinalou o límite entre as antigas posesións dos Andrade e da Bastida, e o pazo de Tor. Foi atopada cando as obras dun paso da vía do ferrocaril polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo. Ten unha altura aproximada de 2 metros e pódense ver gravadas varias coviñas. A parte superior dálle unha fasquía fálica. No ano 2011, a asociación cultural O Colado do Vento pediu ao Concello que iniciase os trámites para que o mehir fora devolto ao municipio, solicitude, segundo se pode ver na prensa do día 17 de marzo de 2017, que recibiu o visto e prace de Patrimonio para que sexa trasladado para a oficina de turismo de Sober. Atopábase nos xardíns do Museo Provincial de Lugo.
 

 

TRABADA
Pedrafita/Marco da Pena Verde (A Fórnea): Na confluenza dos concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada, citada nun documento do rei Silo do ano 775. Situada nas inmediacións da necrópole megalítica das Pallaregas. Dise que foi unha vella quen a chantou no lugar mentres comía castañas asadas. O seu entorno foi limpado recentemente. 
 

O VALADOURO
Círculo lítico do Prado das Chantas (San Tomé de Recaré): Xunto o Chao da Veiga e Pena Teixeira, nunha chaira ben delimitada por esteos situados a curta distancia. Na actualidade mantéñense en pé unhas 250 pedrafitas de granito que ocupan un perímetro de máis de 300 metros e que conforman unha estrutura tirando a ovalada. Na parte oeste do círculo presenta restos dunha estrutura cadrangular. Non é doado establecer a súa cronoloxía, aínda que é probable que o círculo orixinal tivera unha adscrición prehistórica xa que algúns dos esteos aparecen moi traballados. Non falta quen di que se trata dun curro para o gando. 
Círculo lítico de As Pedragosas (Chao de Lamoso, entre as parroquias de O Cadramón e Frexulfe): Formado por dous círculos concéntricos feitos con pedras de xisto e cuarzo, descuberto no ano 2004 por Indalecio García Paz, Xesús Pisón e Isaac Ferreira. Para algúns investigadores trataríase da estrutura dun enterramento megalítico, mais para Xesús Pisón (opinión coa que concordo) presenta unhas características distintas xa que se trata de dous círculos concéntricos, con algún esteo fincado no chan. O círculo maior ten unhas medidas aproximadas de 9,3 metros no eixo N-S e 9,5 no eixo L-O. O círculo menor acada 3,8 metros no eixo N-S e 4,2 no L-O, cunha abertura orientada cara o leste. No centro xeométrico do círculo hai unha pedra plana de 1,15 metros de lonxitude e 0,78 de alto. 
Círculo lítico do Prado do Xesto: Xunto a Fraga das Lerias, entre as parroquias de Frexulfe e O Cadramón. Na actualidade utilízase como cercado para o gando. Sen datar. 
Pedrafita: A pedrafita que vemos na primeira foto atópase ao pé do monte do Penido. De forma cónica, está abeirada por outras pedras de menor tamaño que semellan formar un círculo lítico. 
Pedrafita do Outeiro das Parañoas (O Padorno-San Tomé de Recaré). 
Pedrafita da Serpe (Chao do Padorno-San Tomé de Recaré). 
Pedrafita da Veiga Mol: Trátase dun gran bloque de granito con forma cadrangular tendendo ao círculo, da que se descoñecen as medidas, se ten algún tipo de gravura, etc. Segundo refire Moncho Boga, e á vista dunha fotografía que insire no seu blog, pódese afirmar que se trata dunha peza traballada polas mans do home. 
Pedrafita de A Esqueira: Ubicada á beira do Camiño Vello do Mosteiro.  
Aliñamento do Chao do Padorno: Xunto o curro de Santo Tomé de Recaré, nas inmediacións da necrópole megalítica, hai un aliñamento de pedras que non sobresaen do chan máis de medio metro de altura. A súa situación á beira da necrópole pode facer pensar nunha estrutura prehistórica, mais non se pode precisar con exactitude.
 


O VICEDO 
Pedrafita da Cruz do Campo: Situada na aldea de O Campo, parroquia de Cabanas. Cando andaba a realizar o inventario e catalogación das cruces e cruceiros do concello de O Vicedo no ano 2007, xa me chamou a atención esta traballada pedra de granito cunha cruz latina insculpida. Mais, daquelas, o único dato que puíden comprobar é que estaba descontextualizada e que anteriormente se atopaba no antigo camiño que levaba cara a igrexa de Santa María de Cabanas. A finais do mes de novembro de 2012, cando ía de paso cara O Ferrol, desvieime da estrada para tirarlle unhas fotos á igrexa de San Paulo de Riobarba e, de paso, ver como se atopaba a cruz coñecida como Cristo do Chao que no ano 2010, durante uns traballos de desbroce, fora mutilada. Estaba neste labor de visita cando un home parou o coche ao meu carón. Despois de intercambiar uns saúdos, preguntoume se eu non era o mesmo que había anos andaba a "sacarlle fotos ás cruces". Reparando máis polo miúdo no rostro do home, lembrei que, en efecto, resultábame cara coñecida. Si, fora el quen me informara dunha cruz na Capariña, que estaba agochada nunha casa, e tamén da Cruz do Campo. Contoume que esta cruz, que cando a visitei se atopaba tirada no chan, aínda permanecía no lugar onde eu a colocara de novo, por riba dun valado. Falando e falando, saltou a sorpresa. O meu informante sempre escoitara que a cruz fora gravada por un home natural do Canto do Muro, había uns setenta ou oitenta anos, reaproveitando esa prancha de granito que "toda a vida" estivera chantada no vello camiño real e á que antigamente, segundo escoitara contar aos seus pais e avós, se achegaban os veciños co gando que estaba enfermo para que sandase, atando o animal á pedra. Descoñécese de cando vén tal tradición, mais resulta evidente que dende tempo inmemorial a pedra cumpría outras funcións.
 

VILALBA
Pedrafita A Pedra Chantada (O Carrizo-Santaballa): Dada a coñecer por E. Ramil. Situada no medio dunha necrópole megalítica formada por máis de vinte mámoas, mide máis de 2 metros. Ten un gran número de cazoletas que máis semellan feitas pola erosión que pola man do home. Declarada BIC.
Pedrafita Marco das Catro Aldeas (Vilapedre).
Trilito de Funcasta (Funcasta-San Simón da Costa): Un trilito está formado por dúas grandes pedras verticais sobre as que apoia unha horizontal. Os trilitos, do grego trilithos, tres pedras, adoitan estar asociados a contextos megalíticos. Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1950), di que o señor Cuba Restrebada lle comunicara que o mellor dos monumentos megalíticos da parroquia de San Simón da Costa, e quizais o máis artístico de Galicia, atopábase preto da pequena aldea de Funcasta. Estaba constituído por unha pedra de granito plana de tres metros de longo, tallada e puída pola cara inferior, que descansaba sobre dous fitos en forma de tesoira. Respectado durante milenios, fora voado con dinamita. 
Despois desta descuberta bibliográfica, comenteillo a Cristina Vázquez Neira e a Xurxo Broz, arqueólogos do Museo da Terra de Melide, por se tiñan coñecemento dalgún monumento deste tipo. Foi entón cando Cristina quedou de falar cun seu tío, natural de San Simón da Costa. Para facelos máis identificables, Cristina e Xurxo fixéronlle un croquis de como eran estes megalitos. Despois de preguntar a varias persoas, si lembraban o vello trilito de Funcasta, mesmo o tío de Cris, que marchou de moi novo dalí, lembraba algo semellante. E como sinalaba Vázquez Seijas, constataron que fora destruído. Tamén lle dixeron que no Monseivane existe aínda un "bilito", segundo el mesmo o denominou, pois quitáronlle a pedra horizontal superior, quedando só os dous chantos verticais. Incluso saben o veciño que levou a pedra para a casa e a utilidade que lle deu: reutilizouna como pedra de cheminea. Salientan Cristina e Xurxo que cando lle falaron do tema ao tío e preguntou, a ninguén lle resultou estrano ese elemento, polo que se pode confirmar que os trilitos, practicamente descoñecidos no resto de Galicia, si están ou estiveron presentes nesa zona.
 

VIVEIRO
Pedrafita de Catarou (Galdo): Citada por Federico Maciñeira. Trátase dun seixo case liso que sobresae 1,15 metros do chan.
O Pau da Vella: Actuaba como lindeira entre os concellos de Cervo, O Valadouro, Viveiro e Xove. Dise que o nome lle vén de cando os concellos estaban sinalar os seus lindes sen poñerse de acordo. Un día apareceu polo lugar unha vella cun pau na man, e sinalando un sitio dixo de poñer alí unha cruz. Tamén se conta que xunto a cruz está enterrada unha vella que adoitaba visitar o lugar apoiada nun pau. Interpretada como cruz, estela antropomorfa ou estatua-menhir. Recollida por Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza do ano 1949.
 



CÍRCULOS LÍTICOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DE OURENSE

AVIÓN
Pedrafita do Touzo (Serra do Suído): Ten, ao menos, unha cruz gravada. En bo estado de conservación. A foto, facilitada por Alberte Alonso Fernández, é dos anos oitenta, quen a interpreta como fálica. 
Pedrafita da Touza: Estremeira entre as provincias de Ourense e Pontevedra (Serra do Suído). Informante: Xosé Alberte Alonso Fernández. Segundo información recollida de Moncho Boga, ambas as dúas pedrafitas eran nun principio unha soa pedra. O Touzo posuía forma fálica e A Touza formas máis ou menos sólidas. Para este investigador, as pedrafitas son o símbolo por antonomasia da fecundación, neste caso dos campos e polo tanto, o elemento masculino debe estar erecto. Sen embargo, se chove de máis, as colleitas pódense perder, por iso é necesario retirar a pedra e deitala no chan. Aquí estaríase diante dun curioso caso de pedrafitas "móbiles". 
Lapa de Valdohome: Situada entre os concellos da Lama, Fornelos de Montes e Avión. Descrita por Alberte Alonso no seu blogue Catalogación de pedrafitas de Galicia. Foto de Galicia Máxica. Utilizada como marco, vese unha cruz moderna gravada nunha das caras.
 
 
 

BANDE
Marco-Pedrafita das Catro Cruces (Corvelle): Debe o seu nome ás catro cruces gravadas nas catro caras do monolito que actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Calvos e Corvelle (Bande) e Cexo e Banqueses (Verea). Na parte superior ten unha fendedura, semella que artificial. Os veciños de Corvelle mesmo teñen conmemorado as batidas que na Idade Media se facían para cazar o lobo e así reivindicar a protección tanto do marco como dos dous foxos de lobo que aínda se conservan nas inmediacións. Tanto pola súa tipoloxía como por estar próximo a un campo de mámoas, apunta a que se trata dunha pedrafita prehistórica que logo foi reutilizada, tradición que pervive entre a veciñanza. O día 26 de agosto de 2014, Pablo Corujo, que está a xeolocalizar varias necrópoles megalíticas, achegoume unha mala nova: a pedrafita foi derrubada e medio soterrada por unha máquina escavadora, feito que xa foi denunciado no Servizo de Patrimonio en Ourense e do Concello de Bande. O día 11 de xaneiro de 2015, a arqueóloga do Servizo de Patrimonio Cultural de Ourense comunicoume que a pedrafita xa fora reposta no seu sitio por persoal da Consellería do Medio Rural que foron os que, ao parecer, derrubaron o marco de forma fortuíta cando estaban facendo labores de mantemento nun cortalumes. Non é a primeira vez que a Consellería do Medio Rural é a responsable directa dun bo número de agresións contra o noso patrimonio, que non sexa de forma intencionada non a exime de responsabilidades, e sobre todo tendo en conta que se trata dun organismo público polo que aínda con máis motivo, se se quer, debería extremar as súas actuacións nun medio tan sensible como son os nosos montes que, de todos é sabido, están ateigados de vestixios do noso pasado.
Pedrafita do Monte das Motas: Citada por Barros Silvelo.
Pedrafita: Situada no Centro de Interpretación de Aquis Querquernis, en Porto Quintela. Atopouse no ano 1992 no leito do río Limia, á beira dun muíño. En principio semellaba un miliario mais, analizada, puidose describir unha gran pedra con forma cilíndrica e moldurada no primeiro terzo da súa lonxitude; interpretada como fálica.
 
 
 

BAÑOS DE MOLGAS
Pedra gravada en Marzás (Ponte Ambía): Segundo José Antonio Gavilanes, a pedra pode que estea desprazada do seu lugar orixinal xa que se atopa na beira da pista que se fixo hai poucos anos. Pensa que ao mellor puido vir do monte da Medorra que era comunal. Polo tanto descoñécese se se trataba dunha pedrafita ou dunha pena con gravuras que foi cortada.
 

A BOLA
Pedrafita do Monte de San Cibrao (Pardavedra): No sitio hai varias mámoas, escavadas hai anos. Tamén hai unha ermida de afamada romaría.
 

CASTRELO DO VAL
Estela-menhir: A principios do mes de maio de 2011, o veciño de Castrelo do Val, José Luis Lozano Rúa, descubriu esta estela granítica cando traballaba nunha finca. Datada na Idade do Bronce, trátase dunha peza de granito duns 800 quilos de peso, de 175 cm de altura e 63-70 cm de ancho. Presenta as gravuras dun guerreiro armado con escudo, espada, lanza e arco, e un carro (en mal estado de conservación). Ata o de agora este tipo de estelas só seran coñecidas nun territorio que abranguía Estremadura, o suroeste andaluz, sur de Portugal e Francia. O lugar onde apareceu coñécese como A Pedra Alta. Dende o primeiro momento tanto o amigo Nipis como o Concello querían que permanecese no lugar, habilitando unha zona para que poidera ser visitada. Mais no mes de xaneiro de 2012, a Xunta de Galicia notificou ao seu descubridor que si non entregaba a estela ao Museo Arqueolóxico de Ourense sería multado. Na actualidade atópase na dependenza que o museo, pechado hai máis de 10 anos por obras, ten no convento de San Francisco.
Pedrafita de Pena Boeira: No Monte de Pena Boeira. 
 

CASTRO CALDELAS
O día 11 de maio de 2014, cando despois dalgúns anos nos achegamos de novo ata os montes da parroquia de Mazaira, a case 900 metros de altitude sobre o nivel do mar, unha pedra de forma curiosa situada nunha penichaira e medio tapada polos toxos chamounos a atención. Acercámonos e comprobamos que non formaba parte de ningún afloramento, senón que fora fincada por man humana naquel sitio. A súa feitura, a primeira vista, debuxaba unha cruz, iso si, moi tosca, mais cremos que se podería interpretar como unha estela antropomorfa ou estatua-menhir, hipótese nada descabelada se temos en conta que se atopa dentro dun campo de mámoas. Sobresae do chan case un metro, e nos "brazos" da cruz, de punta a punta, mide 0,84 metros. No pé do fito observamos varias pedras de cuarzo enterradas. Pouco máis sabemos polo de agora, só que non delimita nin delimitou nunca ningunha herdade por se se puidera interpretar como un marco divisorio.
 

CENLLE
Marco da Eira dos Mouros: A aldea de Eira dos Mouros, deshabitada dende xa hai moitos anos, Pertence a Santo André de Camporredondo, do concello de Ribadavia, pero o marco ou pedrafita queda máis arriba, a curta distancia, pero xa en territorio de Cenlle. Ao pasar as viñas de Eira dos Mouros, subindo cara Cenlle, á esquerda hai un anaco de estrada vella sen saída, e o marco está enfronte. Case seguro que é a petra scripta que figura nos lindes entre Santo André de Camporredondo e San Paio de Ventosela, na doazón da primeira parte dos reis de Galicia, Sancho Ordóñez e Dona Godo, ao mosteiro compostelán de Antealtares no século X: "inde ad illa mamula ubi iacet petra scripta, et inde in directo ad montem de Rege et inde Area de Maurus", "a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei - coto de San Cibrao, antes denominado San Cibrao de Monterrei- e Eira dos Mouros". Trátase dun bloque de xisto de escasa consistencia, no que están gravadas dúas espirais e varias fochas (así é como denominan aquí as coviñas). (Información e foto de Clodio González Pérez).
 

CUALEDRO 
O Marco das Ferraduras (A Caridade-Flariz): Entre Flariz (Monterrei) e Montes (Cualedro). Quizais reciba o nome pola representación moi esquemática dunhas ferraduras que hai nunha peneda próxima. Posible marco divisorio de adscrición indeterminada que ten unha cruz insculpida. Mais o que chama a atención é unha palabra que ten gravada e que non logro identificar: ARABIGOUS. (Ver foto no concello de Monterrei).
Marco do Madorriño (A Saceda): Situado a carón dunha pena con petroglifos e dunha necrópole megalítica. 
Pedrafita de Baldriz (Baldriz): De dous metros de altura e uns corenta centímetros de diámetro. Na parte traseira ten unha acanaladura que dende o alto ocupa dous terzos da pedra. Nos anos setenta do pasado século o cura mandou poñer enriba unha cruz de cemento. Os veciños coñécena como parafita. Documentada por Bruno Rúa.

ENTRIMO
Estrutura circular: Preto da Casa da Moura, en Queguas. Segundo Miguel Moreno Gallo trátase dun posible círculo lítico ou outra construción de difícil adscrición pero vencellado ao fenómeno megalítico; tampouco desbota que se trate do resto dun muro pertencente a unha construción para o gando. 
 

ESGOS
Pedrafita do Marco Novo: Na confluenza dos concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo e Esgos. Segundo a lenda, o cabalo de Santiago saltou a esta pedrafita dende O Marco Vello, no concello de Xunqueira de Espadanedo. Informantes: José Antonio Gavilanes, de Ponte Ambía (Baños de Molgas) e Juan José Ferreño, de Esgos. 
Pedra do Xigante (San Pedro de Rocas): Citada por Barros Silvelo no 1875. Trátase de catro penedas superpostas de orixe natural aínda que quizais estivera asociada a antigos rituais.
 
 

GOMESENDE
Pedrafita do Val (O Val): Na Serra do Seixo. Medieval. 

A GUDIÑA
Estatua-menhir do Cichón (O Tameirón): Atopada no ano 1992 por un veciño nunha súa propiedade e dada a coñecer no ano 2002. Presenta un motivo surectangular. Na actualidade atópase no xardín das escolas vellas do Toural, preto do albergue de peregrinos da Gudiña.
 
 
O IRIXO
Pedrafita de Brañas de Lagorzos (Lagorzos-San Cosmede de Cusanca): Situada á dereita da estrada local que vai dende O Irixo a Dozón, xusto no límite entre os dous concellos e as provincias de Ourense e Pontevedra. De 1,50 metros de altura á vista, ten gravados un D na cara norte e un I na cara sur, nidia referencia aos concellos de Dozón e O Irixo. Na cara oeste pódese ver unha gravura de feitura indeterminada e na cara que dá ao leste unha cruz tipo pometeada. Aprécianse, ao menos, dúas pequenas coviñas. Sen inventariar. A raíz dunhas fotos que colguei no Facebook no mes de novembro de 2014, Lino Gorgoso López apuntou, atinadamente, que chama a atención que tanto Xaquín Lorenzo e Bouza Brey, ou Filgueira Valverde e García Alén que pasaron pola zona, falen das mámoas que hai nas inmediacións e non desta pedrafita polo que non hai que desbotar que orixinariamente se atopara noutro lugar.
En novembro de 2012 recollín unha información sobre a descuberta de varias mámoas e petroglifos no concello de O Irixio polo Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro, de O Carballiño, e tamén dunha pedrafita. Descoñezo onde está localizada esta última.
 

LAZA
Estela-pedrafita do Rebordiño (Soutelo Verde): Localizada por Bruno Rúa e dada a coñecer o día 10 de abril de 2015, non moi lonxe do Castro dos Mouros. Ten máis de dous metros de alto, 0,70 de ancho e un perímetro de máis dun metro. De granito, semella representar unha figura humana cos brazos pegados ao corpo. Aínda que falta por facer un estudo pormenorizado da pedra e da contorna, ten moita semellanza coa estatua pedrafita de Vilar de Santos.
 

LOBIOS
Barros Silvelo cita unha pedrafita na Serra do Xurés.
 

MACEDA
Pedrafita O Menhir Escrito (Xinzo da Costa): Con gravuras. Citada por Barros Silvelo. Bloque granítico en forma de tronco de pirámide de 2,5 m de altura, con gravuras dun escutiforme, coviñas e un círculo arrodeado por unha ducia de cazoletas.
Pedrafita do Couso: A uns 700 metros do Alto do Couso. Reutilizada como marco divisorio entre os concellos de Esgos e Maceda. Trátase dunha pedrafita que presenta varias cazoletas e unha acanaladura na parte superior. José Antonio Gavilanes, o seu redescubridor, di que foi removida da súa posición orixinal.
 
 

MELÓN
Pedrafita de Marco Padrón: Divisoria entre os concellos de Melón e A Cañiza, e das provincias de Ourense e Pontevedra. O seu descubridor, Alberte Alonso Fernández, di que está ben conservada e que na cima presenta unhas concavidades que cumprirían a función de observación astronómica. Situada a carón dun camiño, actúa como poste no peche dunha finca, mide preto de 1,60 metros de altura e ten gravada unha cruz, posiblemente medieval.
 

A MEZQUITA
Marco do Carriñal (As Cortiñas-O Pereiro): Pilar Fernández Pintos, arqueóloga de Desenrolo e Obras de Arqueoloxía S.C. achegoume este marco localizado durante o seguemento de obra (trazado LAV Canda-Vilavella) que ía ser afectado polo trazado, polo que se recomendou o seu traslado. Os arqueólogos fixeron no seu momento os traballos para facer o seu levantamento, escavando a zona inmediata. Na actualidade atópase nas dependenzas da empresa á espera da súa reubicación definitiva. Durante a escavación non se localizou ningún outro resto relevante. Trátase dunha pedra de granito de forma piramidal, de 1,52 metros de altura visible, cunha anchura que vai aumentando dende os 30 cm na parte superior ata a 60 cm a ras do chan, e un grosor que vai aumentando dende os 12 cm na parte superior ata os 26 cm a ras do chan, se ben o seu grosor sería maior xa que está fragamentada. Posible marco xurisdicional de época medieval-moderna.
 

MONTEDERRAMO
Fito da Virxe da Ribeira Sacra: Situado xunto a estrada que vai de Leboreiro a Montederramo. Monumento ornamental promovido pola asociación Amigos de Montederramo que lembra ás vítimas do 11M. Na cara principal abriuse unha fornela que acolle á Virxe da Ribeira Sacra. Na coroa vese un rebaixe cóncavo, deseño característico, apunta Alberte Alonso, das pedrafitas de observación astronómica. A foto é de Mónica Parente.
 

MONTERREI
O Marco das Ferraduras (A Caridade-Flariz): Entre Flariz (Monterrei) e Montes (Cualedro). Quizais reciba o nome pola representación moi esquemática dunhas ferraduras que hai nunha peneda próxima. Posible marco divisorio de adscrición indeterminada que ten unha cruz insculpida. Mais o que chama a atención é unha palabra que ten gravada e que non logro identificar: ARABIGOUS.
Marco do Seixo Branco: Entre Albarellos e Pacios. Trátase dun marco cilíndrico de 40 cm de diámetro cunha letra "O" gravada. Posiblemente medieval. 
Albarellos e Vilaza aparecen citados en dous documentos do ano 950, na desputa por unhas lindes entre o bispo Rosendo e a condesa Trudile. O motivo de traer aquí estes textos é porque neles faise mención a grandes rochas, muros de terra, archae, marcos, petrae fictae e penas con gravuras que podemos interpretar como arcas megalíticas, pedrafitas, petroglifos ou miliarios de época romana. Achego parte do texto redactado polos inspectores encargados de dirimir o conflito: "Nós os sobreditos inspectores ascendemos primeiro ao monte seguindo os sinais ata onde estaba unha rocha grande e branca; mirando cara abaixo dende alí descubrimos dous montes de pedras na divisoria entre San Fiz e Albarellos, camiñando dende alí xunto dous muros de terra atopamos da parte de Albarellos un marco fixado no camiño e, da parte de San Fiz, dúas columnas, unha das cales aparecía incisa con indicación do termo. Despois continuamos cara abaixo, cara Zacoys onde atopamos unha arca de pedra e logo outra arca de pedra moi preto do río Malage (identificado co regueiro de Vilaza), onde o límite deixou de continuar a liña recta con que se iniciou. Cruzamos o Támega e atopamos unha arca de pedra. Dirixíndonos dende alí cara á parte de Santa María, atopamos unha pedra con burgarios gravados; cruzamos de novo o Támega guiados polos sinais e achamos outro marco xunto a calzada; subimos directamente e atopamos unha arca de terra e, xunto a ela, unha pedra dereita. E dende alí seguindo os muros de terra, non lonxe do castro, achamos noutra pedra burgarios gravados e, acehgándonos máis ao castro, atopamos amontoamentos de dúas rochas naturais esbrancuxadas; e así continúa o mesmo muro de terra por sinais evidentes ata o cume do monte; onde iniciaramos a delimitación e concluímos a delimitación da vila de San Fiz e Baroncelli polos sobreditos sinais e magníficas arcas".
 

NOGUEIRA DE RAMUÍN
A Pedra Longa: O único dato do que dispoño é o sacado da páxina de Moncho Boga dolmensedemaisfamilia que, ao mesmo tempo, tirou do blogue, dolmentierraviva, onde non se achega outra información máis ca unha foto e a situación aproximada: nas inmediacións da necrópole megalítica de Moura. Na parte de comentarios de dolmentierraviva, unha veciña di que segundo a lenda o topónimo Moura vén duns antigos guerreiros que se agochaban nas rochas e que soían pintarse co zume das amoras, curiosa lenda que, dende o meu parecer, non debe ser moi antiga xa que, como ben sabemos, as nosas mouras e os nosos mouros adoitan identificarse cos seres sobrenaturais que custodiaban fabulosos tesouros.
A Pedra do Peón: Debido á néboa e á choiva que me recibiu a comezos do outono de 2014 non parei no lugar moito tempo. Non atopei a Pedra Longa citada máis arriba, mais si outra curiosa pena situada na parte máis alta da penichaira, formando parte dun afloramento granítico. Inclinada uns 60 grados, mide de longo máis de tres metros, arredor dun metro de diámetro na parte baixa e medio metro de diámetro na superior. Entre ambas as dúas partes, a pedra "adelgaza" semellando a figura dun peón do xogo de xadrez (de aí o nome que lle dei). Se ben a súa forma podería ser produto da natureza, chama a atención unha pía redonda, sen dúbida de feitura artificial, que presenta nunha das súas caras, e algunhas coviñas que se ven na parte inferior da pena. 
Pedrafita das Cabanas de Moura: Non moi lonxe da anterior atopamos outro monolito de 3,08 metros de altura. Na parte máis ancha dun dos extremos semella como se quixeran realizar algún tipo de representación, quizais unha cara ou cabeza de fasquía antropomorfa. Pódese ver toda a información sobre esta pedrafita no Apéndice deste blog: Pedrafita das Cabanas de Moura.
 
 

OÍMBRA
Estela-menhir de Oímbra ou Muíño de San Pedro: Atopada no monte Lodairo. Debido ao seu carácter antropomorfo e fálico pode tratarse dun monolito reutilizado con posterioridade no Bronce Final e en época romana cunha inscrición que di: "LATRONI/VS VELT/IATI F/H S E...", ("Latrono, fillo de Celtiatus, está enterrado aquí"). Na parte superior presenta unha cara con ollos e boca e que está delimitada por un círculo. Tamén aparecen representadas as orellas das que saen dúas liñas incisas e paralelas que circundan toda a cabeza. Datada a finais do século I d.C.
 

PEREIRO DE AGUIAR
Pedrafita de A Verea: Na aldea de Quintela, parroquia de Calvelle. Sábese que había unha pedrafita. Logo de preguntar a varios veciños, informáronme que, en efecto, si a lembran máis cren que foi destruída.
Marco da Medorra: Estaba situado na aldea de A Medorra, na parroquia de Moreiras. Desapareceu a mediados dos anos oitenta do pasado século, durante as obras da actual estrada comarcal.

RIBADAVIA
Monteagudo cita unha pedrafita da Pedra do Frade, sen especificar máis.

SARREAUS
Pedrafita da Pedra Alta (Lagoa de Antela-Cortegada): Dada a coñecer por Veiga Pato. Funcionaba como marco divisorio entre os concellos de Sarreaus, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia, preto do antigo camiño que unía Monterrei e Xunqueira de Ambía. Derrubada por un tractor no ano 1975, erguéronna de novo sobre un pedestal de cemento no ano 1986. Trátase dun menhir de granito de gran groso e sección irregular. Presenta varias inscricións, algunhas superpostas, proba da súa reutilización. Na cara principal vese unha cruz grega e un epígrafe de díficil lectura (Vega Pato fala dunha inscrición cristiá datada entre os séculos IX-XII) que diría: "IDNH WIMARA/E B VR O NI + ON", "In Domini Nostri Ihesu Wimara Eburoni"; na parte traseira vense tres cruces e a letra E.  A existencia e superposición das inscricións sinalan unha cristianización  e reutilización funcional da pedrafita. Pouco se sabe sobre a súa finalidade e situación primitivas. Declarada BIC.
  
TABOADELA
Pedrafita do Marco do Mato (O Mato-Rabeda): Na cima presenta unha cruz gravada. Tamén se ven varias coviñas nos laterais o que fai pensar que a chanta, antes de ser utilizada como marco, puído cumprir outras funcións.
 

VEREA
Pedrafita da Mota Grande: Tirada ao outro lado da pista que a separa do dolmen da Mota Grande polo que se pode afirmar que a mámoa atópase asociada á pedrafita. Trátase dunha gran pedra monolítica que se atopou tumbada á beira da base do túmulo e que logo foi removida do seu lugar orixinal. 
 

VERÍN
Pedrafita: O Caderno de Campo da Sociedade Antropolóxica Galega do mes de decembro de 2013 achega a descuberta dunha posible pedrafita na zona coñecida como O Pozo do Demo, no camiño que vai dende Cabreiroá á Veiga das Meás. Foi localizada por Rafa Castro que a viu tumbada á beira do camiño. De granito, obsérvanse varias coviñas insculpidas. Na contorna tamén localizou varias penas con cazoletas e unha pedra exenta, partida, con combinacións circulares. 
Marco do Souto Novo (Tamagos): Medieval, de 1,5 metros de altura. Segundo referencias orais, servía de lindeiro entre as terras administradas polo titular da Granxiña e o forestal propiedade dos veciños de Tamagos; ten gravadas distintas cruces gregas e latinas. Parece ser que é o único marco que se mantén en pé no concello de Verín, ds demais só quedan na memoria: Marco Rachado, Marco da Fenteira e Marco da Viña Grande. 
Toco das Cabras: Segundo Alberte Alonso trátase dunha pedrafita de observación astronómica. A foto é de Rafa Castro.
 


 

VILAR DE SANTOS
Estela-pedrafita: Da Idade do Bronce, vencellada a prácticas de protección e fecundación do gando. Ten unha altura de 1,56 metros. Na parte superior sobresae unha prominencia redondeada, a xeito de cabeza, que ten nunha das súas caras unha coviña, reforzando o seu aspecto antropomorfo. Ata o seu redescubrimento, no ano 1982, formaba parte do peche dunha finca. A pedra xa era coñecida na zona; segundo a tradición, cando pasaban as vacas que estaban preñadas pola súa beira ían resfregarse na pedra o que era bo síntoma para un nacemento venturoso. Atópase no Museo Arqueolóxico de Ourense.
 

XUNQUEIRA DE AMBÍA
Castro de Cerdeira (A Graña): No ano 1994, un veciño amosounos nas inmediacións do castro o que asegurou era a "cabeza" dunha pedrafita. Duns 40 centímetros, a pedra, de granito, presentaba unha forma arredondada, lisa, e cunha cazoleta. Cando aos poucos meses regresamos ao lugar, o mesmo veciño contounos que desaparecera.

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
Pedrafita O Marco Vello: No coñecido como Campo do Eirado, na confluenza dos concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadanedo. Informantes: José Antonio Gavilanes, de Ponte Ambía (Baños de Molgas) e Juan José Ferreño, de Esgos. Verbo da situación deste marco/pedrafita, Antonio G. Rodicio, na súa páxina De la Ribera Sagrada, precisa que asenta na confluenza dos concellos de Nogueira de Ramuín, Esgos e Xunqueira de Espadanedo correspondentes aos coutos xurisdicionais dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Xunqueia de Ambía e San Pedro de Rocas. O monolito, de 1,50 m de alto por outro tanto de contorna, presenta tres cruces gravadas. A ela fai referencia un privilexio do rei Afonso VII no ano 1153 como fito demarcador do couto do mosteiro de Rocas: "Cantum Sancti Stephani de Petraficta" e onde se di que xa figuraba chantada no lugar no ano 921. Ao seu carón discorría a vía que unía Ourense, o Castro de Litoria e Astorga. Ao seu redor hai unha lenda que di que unha marca que presenta na parte superior foi obra do cabalo de Santiago, saltando dende este marco ata outro que dista 1.400 metros do coñecido como O Marco Novo, no concello de Esgos.  
O día 27 de maio de 2013, J. Antonio Gavilanes achegoume unha foto na que se ve como a Consellería de Medio Ambiente cravou nela unha prancha de metal. O feito foi denunciado ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia en Ourense. Case tres meses despois de que denunciaramos a agresión, o Marco Vello xa loce sen a prancha de metal. Iso si, como me achega José Antonio Gavilanes, quedáronlle os buratos dos parafusos onde, precisamente, ten unha gravura en forma de N invertido feito nun rebaixe. A última foto xa amosa a pedrafita despois de "reparado" o atentado.
 

CÍRCULOS LÍTICOS E PEDRAFITAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

AGOLADA
Marco de Trabancas: Segundo información achegada por Anxo Forxán podería tratarse dunha pedrafita que había na parroquia de As Trabancas e que, ao parecer, foi destruída polas obras da estrada Agolada-Antas de Ulla. Actuaba como lindeira entre as provincias de Lugo e Pontevedra.
Pedrafita de Riba (Merlín): Fito que Alberte Alonso interprétaa como fálica.  

BAIONA

Pedra do Acordo: O nome lévao unha penichaira situada na Serra da Grova, entre Torroña, na parroquia de Burgueira (Oia) e Belesar (Baiona). No lugar, onde se documentaron penas con petroglifos, hai unha estrutura tirando a cuadrangular que puído acoller unha tosca cabana. Un pequeno monolito, que semella que non foi retocado artificialmente, érguese xunto a estrutura. Como acontece noutras partes de Galicia, no lugar puído existir unha pedra que sinalaba a confluenza de dúas ou máis freguesías, xurisdicións, etc., como acontece cos nomes de Tres Bispos, Pena dos Catro Cabaleiros, Catro Cruces, e outras de similar denominación como é o caso da Pedra do Acordo do Monte Aloia, unha pedra en forma de pentágono que sinalaba os límites das freguesías de Malvas, Pazos de Reis e Rebordáns (Tui), Morgadáns (Gondomar) e Chenolo (O Porriño), citada nunha doazón ao bispo de Tui dos condes de Galicia, Urraca e Raimundo, no ano 1095; no Catastro de Ensenada do 1753 fala do "Monte de Oia que chega ata a Pedra do Acordo". A menos de 1.000 metros en liña recta temos outro singular topónimo: O Foro. 
Pedrafita de Viseo: Na cima do monte Cresto, xunto o castro do mesmo nome. Citada por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra do ano 1977. Segundo estes autores podían verse restos de aliñamentos que se corresponderían cun círculo lítico estudado por Monteagudo no ano 1945.
 

BUEU
Pedrafita-marco do Couto de Bon (Bon-Beluso): Aínda que hai quen a ten como prehistórica, trátase dun marco medieval que sinalaba os coutos de Bon e Vilar.

 

CALDAS DE REIS
Pedrafita de Marco Carreiro: Situada no antigo Camiño Real, actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Estacas (Cuntis) e Santo André de César (Caldas de Reis). Vense gravuras modernas e coviñas. Pedra de granito de sección ovoide e forma troncocónica, cunha altura de 1,70 metros. Na parte inferior ten uns 70 centímetros de diámetro no seu eixo maior, e 60 centímetros no menor, sendo o perímetro de 2,10 metros. Na superficie obsérvanse varias gravuras modernas; na cara leste vense en tres liñas: MP/1/95; e na oeste as letras CR dispostas en vertical; ao redor delas hai gravadas catro coviñas de factura moderna. Posible menhir prehistórico.
 

CAMPO LAMEIRO
Círculo lítico da Chan de Marcos (Gargallóns-Fragas): Segundo algunhas informacións había un círculo lítico destruído no ano 1948 ao facer unha estrada. Citado por Filgueira Valverde e García Alénn no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra (1977). 
Pedrafita das Rozas: Atopada cando a escavación da necrópole das Rozas, na parroquia de O Couso, compartida coa parroquia de Santa Xusta de Moraña, hoxe en día custodiada na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte das pequenas pedrafitas atopadas en Galiza e que adoitan definirse como estelas-pedrafitas.
 

A CAÑIZA
Pedrafita da Chan do Marco: Na serra da Paradanta, lindeira entre os concellos da Cañiza e das Neves. Trátase dun marco con sona de posuír propiedades milagreiras relacionadas cos ritos de fecundidade. Forma un conxunto de dous esteos marcados con cruces. A súa forma é piramidal. A outra pedra atópase chantada verticalmente por riba doutra e en tres das súas caras amosa unha cruz gravada; tamén ten forma piramidal. Segundo Fernández de la Cigoña, a posición facía que cadrasen as cruces da pedra de abaixo coa pedra ergueira, feito absolutamente necesario se se precisaba o bo tempo. A pedra que está de pé atópase na Franqueira (A Cañiza), mais cando necesitaban choiva levábanna a un regato que se atopa na parroquia de Batalláns (As Neves). 
Pedrafita de Marco Padrón: Divisoria entre os concellos de Melón e A Cañiza (véxase o concello de Melón).
 

CATOIRA
Círculo lítico do Monte das Mámoas (preto das Torres do Oeste): Citado por Manuel Murguía no ano 1888 e por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra do ano 1977.

CERDEDO
Pedrafita do Campo do Marco (Cuíña-Quireza): Divisoria entre os concellos de Cerdedo e Campo Lameiro. Información facilitada por Calros Solla e Alberte Alonso Fernández quen a interpreta como un observatorio astronómico.
Pedrafita Marco do Feal (Monte de Laxoso-Quireza): Divisoria dos concellos de Cerdedo e A Estrada.
Pedrafita do Marco do Retortoiro: Divisoria entre as freguesías de Quireza e Tomonde.
Pedrafita do Marco do Vento ou Pedrafita do Seixo (Monte do Seixo): Na Serra do Cando, facía de linde entre dos concellos de Cerdedo, A Lama, Forcarei e Cotobade. Dada a coñecer por Calros Solla.
Pedrafitas da Porteliña de Tomonde: Coñecidas como "Os Santiños de Tomonde". Atópanse preto da igrexa de Santa Mariña de Tomonde, nas abas do monte da Porteliña. Trátase de dous curiosos "menhires" formados por pedras colocadas unhas por riba das outras, tipo amilladoiro, das que se descoñece a súa cronoloxía. As pedras asentan sobre unha gran laxe de forma case circular. Unha das pedrafitas está considerada como a femia e a outra como o macho. Relacionadas con ritos de fecundidade.
Aliñamento lítico do Castro (Monte do Seixo-Cerdedo): Hoxe en día abatido, a apertura dunha pista do parque eólico achandou parte do trazado.
A información sobre o aliñamento e as pedrafitas de Cerdedo foi subministrada polo escritor e investigador Calros Solla, do Colectivo Capitán Gosende.
  

 

COTOBADE
Pedrafita do Carballo Darxel: Estremeira entre as parroquias de San Xurxo de Sacos e Viascón, descuberta hai anos polo investigador Alberte Alonso Fernández que a interpreta como de observación astronómica. Esta pedrafita citábaa anteriormente como do Coto da Fontiña, nome que o propio Alberte comprobou no ano 2015 que estaba errado segundo lle dixeron uns veciños. 
Marco da Cova da Serpe (Carballedo): Da páxina de Moncho Boga, dolmensedemaisfamilia, recollo esta información que lle facilitou Tito Concheiro. Situado a uns 200 metros do castro de A Cruz do Castro, escavado por Tito Concheiro. O Marco non está asociado a ningunha necrópole megalítica e non fai de lindeiro con fincas nin con parroquias polo que podería estar asociado ao xacemento castrexo. Sobresae do chan 0,60 metros aínda que os veciños lémbranno máis grande. Nunha cara aparece gravada unha cruz de Malta. Situado nunha área de petroglifos, a poucos metros do da Cova da Serpe.
Marco da Anta (Carballedo): Como no caso anterior, recollo a información de Moncho Boga quen, a un tempo, lla facilitou tamén Tito Concheiro. Trátase dun marco de planta cuadrangular, de 1,5 metros de altura, con dúas cruces gravadas. O lugar de ubicación forma parte dun paso natural, tradicionalmente moi transitado, que comunica o Val do Lérez co Val de Almofrei e lindeiro coas parroquias de Santa María de Sacos e Carballedo. Tito Concheiro catalogouno como "marco epigrafiado" e di que pode tratarse do chanto dunha cámara megalítica moi retocado.
 

 

COVELO
Pedrafita de Paraños: Segundo información achegada por Jhonathan Zúñiga, autor do blog Ponteareas Historia Viva, a pedrafita parece que foi atopada nos arredores da igrexa cando pavimentaron as rúas da aldea. Ten gravadas unhas cruces. Na actualidade atópase nunha casa, situada ao lado da igrexa, que fai de centro de interpretación de Paraños.
 

CUNTIS
Pedrafita de Marco Carreiro: Situada no antigo Camiño Real, actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Estacas (Cuntis) e Santo André de César (Caldas de Reis). Vense gravuras modernas e coviñas.Pedra de granito de sección ovoide e forma troncocónica, cunha altura de 1,70 metros. Na parte inferior ten uns 70 centímetros de diámetro no seu eixo maior, e 60 centímetros no menor, sendo o perímetro de 2,10 metros. Na superficie obsérvanse varias gravuras modernas; na cara leste vense en tres liñas: MP/1/95; e na oeste as letras CR dispostas en vertical; ao redor delas hai gravadas catro coviñas de factura moderna. Posible menhir prehistórico.
 

A ESTRADA
Círculo lítico de Castrotión (Castrotión-Oca): Citado por Barros Silvelo no ano 1875 e por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra do ano 1977; no ano 1936 foi visitado por Bouza Brey. Hai algún tempo, Anxo Froxán informoume que, segundo o libro La capilla y el círculo lítico de Castrotión-Oca (1982), de Juan Andrés Fernández Castro, aínda eran visibles algúns chanzos que arrodeaban unha desaparecida capela. O día 2 de novembro de 2013 achegueime ata o lugar e, en efecto, preto do Centro de Saúde de Oca dei cos alicerces da primitiva ermida que se conservou ata principios do século XX, e que segundo o cardenal Del Hoyo (1607) chamaban de Nosa Señora de Quiñóns ou de Castro (sería porque nas inmediacións hai un castro). Hai quen cre que no lugar ou nas proximidades puído existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de Froitoso de Braga, no sitio denominado como Castrum Leonis, se ben Hipólito de Sá Bravo o identifica con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de transcricións antigas como o Castropheon ou Castroveon. Polo que eran a dianteira e a traseira da ermida érguense doce pedras fitas (seis por cada lado) que sobresaen do chan de entre 0,50 e 0,75 metros, polos outros lados hoxe en día xa non existen restos das pedras xa que foron totalmente alterados pola construción dun muro e dun colexio. Tampouco podemos determinar se os chantos ocupan o lugar orixinal ou foron reubicados; seis das pedras, máis que tirar a circular, semellan formar un aliñamento.

FORCAREI 
Pedrafita de Cachafeiro (O Cachafeiro-Forcarei): Monolito de xisto, de cronoloxía descoñecida, que ten unha altura de 3,20 metros.
    
FORNELOS DE MONTES
Marco do Valdohome: Na Serra do Suído, na confluenza dos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Avión. A noticia desta posible pedrafita deuma Alberte Alonso, por información extraída da páxina de galiciamaxica.eu. Polo de pronto, pouco máis podo achegar, a non ser a cruz gravada que se ve nunha das caras.
 

A GUARDA
Círculo lítico de Santa Tegra (Monte de Santa Trega): Citado por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos de la provincia de Pontevedra no ano 1977. Ao estaren fóra dun contexto arqueolóxico non permite atribuílo á etapa megalítica. Juan Dominguez Fontenla di que, duns cinco metros de diámetro, está formado por varias pedras labradas por ambas as dúas caras e cunha pequena moldura na parte superior convexa. Segundo a lenda, nel celebraban os mouros as súas asembleas.
Pedrafita do Couto (Camposancos): Medieval.
Pedrafita do Tegra: No sur do monte do Tegra. Comprobada por Monteagudo.
Pedrafita do Marco ou da Picota (Camposancos): Coñecida tamén como Pedra do Abellón. Actuaba como límite entre as parroquias da Guarda e Camposancos. Citada por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos de la provincia de Pontevedra no ano 1977. O investigador de pedrafitas, Interpretada como fálica. De 1,80 metros de altura, foi removida do seu lugar orixinal ao facer a estrada. Denomínase de A Picota porque nela adoitaban colgar as cabezas dos axustizados.
 

A ILLA DE AROUSA
Pedrafita de Punta Quilma: Segundo noticia aparecida no mes de xuño de 2012, os investigadores sospeitan que unha rocha duns catro metros de altura situada en Punta Quilma pode ser unha pedrafita prehistórica. O seu descubridor, o biólogo Juan Vicente Poza, que estaba a realizar un estudo das rochas de A Illa, detectou evidencias da intervención humana.
 

LALÍN
Marco de Lalín de Arriba (Lalín de Arriba-Lalín): O día 17 de xaneiro de 2015, mentres buscabamos unha inscrición de época romana, atopámonos con esta pedrafita en Lalín de Arriba. Está dentro do campo de tiro polo que nos foi imposible acercarnos ata ela. Pouca información podo achegar, non atopamos a ningún veciño a quen preguntar, só un home de Lalín que estaba a pasear polo lugar comentounos que cando fixeran o campo de tiro quixeran derrubala mais llo impediran os veciños porque "sempre estivo alí".
Pedrafita de Lalín de Arriba (Lalín de Arriba-Lalín): Situada a carón da estrada, sobre unha base de cemento, posiblemente descontextualizada. Descoñécese quen a levou para alí e tamén a súa cronoloxía. Segundo Alberte Alonso ten tipoloxía fálica.
Altar do Sol (Parada de Alperiz): Citado por Filgueira Valverde. Xunto a necrópole de Parada de Alperiz formada por seis enterramentos. Próximo a este grupo atópase unha colocación de pedras en forma de recinto, presidida por unha con dúas escavacións, á cal denominan os veciños Altar do Sol.
 


A LAMA
Pedrafita dos Marcos ou da Grifa (A Grifa-Xesta): O investigador e informante, Xosé Alberte Alonso Fernández, interpreta como de observación astronómica.
Pedrafita de Xende I (Xende): Pedrafita de máis de dous metros de altura situada xunto un camiño e preto duns túmulos megalíticos. Segundo Alberte Alonso cumpría funcións astronómicas. 
Pedrafita de Xende II: A pedrafita ten unha altura de 1,3o metros, situada a carón dun camiño, cumpriría, como a anterior, funcións astronómicas. Divisoria entre as parroquias de Antas e Xende. Información achegada por Xosé Alberte Alonso Fernández.
 


 

MARÍN
Pedrafita de Currás ou de Casas Vellas (Currás-Campo): De case dez toneladas. Afectada polas obras da circunvalación de Marín, desprazáronna da súa ubicación orixinal. No ano 1998, o Faro de Vigo publicou unha teoría do investigador Alberte Alonso Fernández quen a interpreta como un observatorio astronómico do Neolítico.
 

MEIS
Pedra de San Lourenzo (Ai-San Lourenzo de Nogueira): Dise que cando o mar chegaba ata o lugar arrivou a el San Lourenzo quen utilizou a pedra para amarrar a súa barca. Os habitantes quixeron movela porque lles estorbaba para labrar a terra, mais enfermaron. Conta a lenda que no día de San Lourenzo (o 10 de agosto), antes de saír o sol, aparecen brasas arredor da pedra. Na parte superior ten insculpidas nove cazoletas. Hai quen a identifica cun idiliforme, unha especie de pedrafita que pola metade presenta una fendedura artificial que a envolve. O estudo de impacto ambiental da autostrada entre Curro e Vilagarcía elaborado no ano 2008, recollía a salvagarda da pedra do San Lourenzo e doutros xacementos da zona.
 

MOAÑA
Pedrafita do Santo do Peón (Domaio): Segundo Monteagudo, estaba situada a 400 metros da igrexa de Domaio. Forma tosca, de feitura piramidal, e de tres metros de altura. Di que se chamou primeiro "peón" pola súa semellanza cun peón de xadrez, e cando se perdeu esta noción engadíuselle "O Santo" polo parecido da súa silueta coa dunha imaxe de igrexa con túnica longa.
Círculo lítico de Montenegro: Escavado no ano 2004 no marco do Programa de corrección do impacto arqueolóxico do corredor do Morrazo. Os traballos permitiron documentar un recinto circular megalítico, descoñecido ata entón. O círculo lítico ocupa a parte máis alta dun xacemento máis amplo no que se documentou un asentamento do Neolítico Final e unha ocupación medieval. Ten 20 metros de diámetro. O recinto aparece delimitado por unha gabia semicircular que presenta dúas interrupcións onde se une cun afloramento rochoso, interpretadas como lugares de acceso secundario ao recinto. No interior, nunha posición central, escavouse unha estrutura circular, duns catro metros de diámetro, formada por impostas de postes onde se recuperou preto de 2.300 pezas cerámicas e 1.032 líticas.
 

MORAÑA
Pedrafita da Lapa de Gargantáns (Gargantáns): Descuberta no ano 1958. Ata non hai moitos anos estaba considerada como a única pedrafita con clara adscrición ao Megalitismo. A principios de 1980 apareceu derrubada e trasladada varios metros (mesmo quixeron partila en dous). Coa colaboración do Concello de Moraña, voluntarios e arqueólogos do Museo de Pontevedra restablecéronna no seu lugar. Mide case 2 metros de altura e na súa superficie presenta unha vintena de cazoletas. A primeira foto é un documento excepcional, tomada cando se ergueu de novo no ano 1981, posiblemente no mesmo lugar. Arrodeado cun círculo podemos ver ao compañeiro Alberte Alonso Fernández que, xa daquelas (con 20 anos), andaba na procura do que co tempo se converteu na súa verdadeira pasión. Declarada BIC.
Pedrafita Cabeza de San Pedro (Monte Acival-Rebón): Descuberta no ano 1962 polo profesor Carlos Paratcha. Actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Amil e Rebón. Os ollos están reproducidos por dous buratos, o nariz por un suco en forma de ferradura, e a boca por outro suco. No ano 2006 a pedrafita foi derrubada cando unha tala de eucaliptos. Aínda que se considerou un accidente, o presidente da asociación O Arrieiro, José Casal, sinalou que este tipo de accidentes deberían evitarse, sinalando e protexendo o patrimonio da localidade.
  
 
 

POIO
Estela de Poio: Datada arredor do 2500 a. C. Peza granítica que actuaba como tampa sepulcral dunha tumba medieval de lousas da necrópole existente nas inmediacións da igrexa de San Salvador de Poio, descuberta cando unhas obras no adro. Os elementos decorativos de difícil interpretación levan a vinculala coas representacións aparecidas nos esteos verticais das cámaras megalíticas, aínda que hai quen defende que se trata dunha estela-menhir á que lle faltan partes nos extremos superior e inferior vencellada ao culto aos mortos. Presenta unha figura antropomorfa e outros motivos. Consérvase no Museo de Pontevedra. 
Pozo Ventura (Monte Liñares-San Xoán de Poio): Hai quen interpreta o petroglifo de Pozo Ventura como unha posible pedrafita polo feito de que semella unha rocha que non se atopa sobre un afloramento e que, ademais, todo parece indicar que non debe pertencer ao lugar onde foi atopado. Mais, para consideralo unha pedrafita, xurden moitas dúbidas xa que ao fincar a pedra no chan algunhas gravuras quedarían tapadas. Ten unha medidas de 3,68 metros de longo, e unha anchura que vai dos 1,50 aos 0,70 metros.
 

PONTEAREAS
Pedrafita da Encosta: Nas inmediacións do castro de Castromao, na aldea de A Portela, dividida entre as parroquais de Guillade e Oliveira. Presenta dous motivos insculpidos nas caras e unha cruz na cumieira. Pola situación, semella que foi utilizada como marco divisorio das parroquias citadas. De todos os xeitos, o amigo Jhonathan Zúñiga, que foi quen a localizou hai tempo, está a procurar máis información entre os veciños. 
Pena dos Namorados (Arcos): Citada por Álvarez Limeses en Provincia de Pontevedra do ano 1936, por Piñeiro Groba en Ponteareas. Noticias históricas y etimológicas, ano 1941, por Otero Pedrayo no ano 1958 e por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra no ano 1977. Trátase dun grupo de grandes penas graníticas superpostas. Consérvase a tradición de os namorados guindar tres pedras de costas á rocha. Se estas quedan enrriba, os esponsais serán en menos dun ano, se quedan dúas, en dous anos, e unha só, o casamento tardará máis tempo. Se ningunha pedra consegue o obxectivo, o enlace endexamais se celebrará. O costume vén dunha antiga e tráxica lenda medieval dun amor imposible entre a filla do señor do castelo do Sobroso, Aldina, e o humilde labrego Tristán.
 
 

PONTE CALDELAS
Pedrafita de Taboadelo ou Rañadoiro (Taboadelo): Citada por Monteagudo segundo noticia recollida de D. José Solla, de Arcade, no ano 1947. Mais convén precisar que Monteagudo sitúaa en Ponte Sampaio, feito que se contradí coa afirmación de que se atopa a 50 metros da Cama do Home (Taboadelo), lugar citado por Murguía e que, segundo a lenda, tiña a facultade de tornar fecundas ás mulleres estériles.
Pedrafita do Monte Pedreira (Xustáns): Acaroada á cruz de Cristorrei, erixida no ano 1917, érguese un monolito cun burato no medio. O día da inauguración do cruceiro serviu para colocar sobre el unha bandeira. Mais, ao parecer, o burato cumpría unha función ben distinta: nel verquíase auga bendita para demandar ao Ceo a auga da choiva para fertilizar os campos. Fomando parte do conxunto levántase unha capela construída a finais do século XIX.
Pedrafita Pé da Múa ou Pedra Afiadoira: O día 17 de decembro de 2014, o investigador Alberte Alonso Fernández achegoume nova información a respeito desta pedrafita. Despois de moitos anos de investigación, avaliou o seu carácter de observación astronómica, confirmando tanto o equinoccio de primavera (21 de marzo) coma o de outono (22 de outubro). A pedrafita foi reutilizada posteriormente para gravarlle unhas letras e unha cruz modernas.
 
 

PONTEVEDRA
Pedrafita de Cerponzóns (Cerponzóns): En orixe debeu ter tres metros de alto. Un canteiro aproveitouna para honrar a memoria do seu sogro representando un busto nunha das caras. Mais, por fortuna, deixou intacta a outra cara a cal loce unha serpe colosal que a percorre de arriba abaixo. Información achegada por Calros Solla. 
Pedrafita do Monte Lourado ou das Tres Cruces: Situada no Monte Lourado ou Monte da Fracha, na confluenza das parroquias de A Canicouva, Marcón e Ponte Sampaio que o investigador e informante, Alberte Alonso Fernández, considera que cumpría funcións astronómicas. No mes de marzo de 2015, di Alberte que confirmou os equinoccios de primavera (21 de marzo) e de outono (22 de setembro). O nome das Tres Cruces fai alusión ás tres freguesías. Esta pedrafita confirma os equinoccios. 
Pedrafita Chan da Parafita (Marcón): No alto do monte da Fracha. Fr. Martiño Sarmiento, na súa viaxe no ano 1745 escribiu: "Ao vir dende Xustáns a Pontevedra pasei pola faldra de dous montes moi altos que se ven, dende Pontevedra, ao surleste. Ao maior destes chaman Parafita ou Pedrafita, en en Pontevedra os montes de Loureda ou os montes de Marcón. Discurrín ao pasar que Marcón chamaríase así por aquela peña fita que parece marco o marcón, e de feito alí se dividen algunhas freguesías". Tamén fala das xuntanzas que alí se facían. 
Pedrafita do Monte das Croas (Birrete-Salcedo): Hai algúns anos, o investigador Xosé Alberte Alonso puxo en coñecemento das autoridades correspondentes o lamentable estado da pedrafita (tirada no chan). Transcorrido o tempo, o megalito segue a padecer o desleixo dos encargados de velar polo noso patrimonio.
 


 

REDONDELA
Nos traballos realizados durante o ano 2013 no xacemento megalítico do Monte Penide, para a súa promoción e posta en valor, catalogáronse cinco mámoas e seis petroglifos inéditos. O arqueólogo responsable do proxecto, Xurxo Constela, salientou entre os elementos máis singulares o achado dunha gran mámoa no Cabeiro, preto do monte Vixiador que foi localizada por Xosé Couñago, e tamén unha especie de pedrafita ou ídolo con gravados da Idade do Bronce cuxa simboloxía se descoñece, situado preto do castro de Negros. As actuacións foron impulsadas pola Asociación Alén Nós e o Concello de Redondela e dispón dunha ruta sinalizada que facilita o seu percorrido.   

SANXENXO
Pedrafita de Miraflores: Dada a coñecer por Alberte Alonso Fernández no seu libro O uso das pedrafitas no neolítico galego. Estudo das pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas fálica (2014). Tipoloxía de observación astronómica. Percíbese unha concavidade central na cima da pedra. Foi colocada na área axardinada de Miraflores no ano 2010 como elemento decorativo, con anterioridade estaba amoreada xunto con outras pedras nas inmediacións, cuberta polas silveiras.
Pedrafita de Padriñán, Pedra do Santo ou Pedra de San Xinés: Soterrada nun pequeno xardín de Padriñán, respectaron o sitio onde estivo sempre. Divisoria entre o lugar de Padriñán e Sanxenxo, mide un metro de altura e presenta gravuras de coviñas, ferraduras e cruciformes. Inventariada por Xosé Alberte Alonso Fernández que a considera como fálica.
Pedrafita de Silvoso (San Martiño de Meis): Dada a coñecer por Alberte Alonso Fernández no seu libro O uso das pedrafitas no neolítico galego. Estudo das pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas fálicas (2014). De tipoloxía fálica, ten unha altura de 1,57 metros. Non se observan gravuras. Apareceu nos anos oitenta do pasado século ao facer a escavación para a cimentación dunha vivenda. Os donos chantáronna a carón do valado, no exterior e preto da estrada. Co tempo "adornáronna" cun poste do tendido eléctrico e un contador da luz.
Círculo lítico do Monte Refulxe (Noalla): Situado preto do mar. Hai algúns anos visitouno Alberte Alonso quen o atopou practicamente estragado, a meirande parte das pedras que o formaban foron utilizadas polos veciños como marcos divisorios das súas herdades. Citado por Filgueira Valverde e García Alén no Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra (1977).
  

 

TUI
Pedrafita do Monte de Francos: No Monte Aloia. Trataríase dunha pedrafita fálica. Ao seu carón apareceron restos cerámicos e instrumentos de sílex. Citada por Taboada Chivite e Monteagudo. 
Luis Monteagudo tamén fala duns cipos antigos que actuaban como gardacantóns na baixada da rúa Nova, na vila de Tui.
 

VILA DE CRUCES
Marco de Oirós: Pedrafita situada ao pé do monte Carrio utilizada como marco divisorio entre as parroquias de Asorei e Oirós, preto dunha necrópole megalítica. Hoxe en día desaparecido, só se conserva o microtopónimo.
 

VILABOA
Pedrafita de Matos Campos (Postemirón): Di Alberte Alonso que confirma os equinoccios de primavera e outono. 

VILANOVA DE AROUSA
Círculo lítico do Monte Lobeira: Redescuberto no 1992 por Vicente Caramés, arqueólogo do Museo do Mar de Galicia. A primeira mención faina Manuel Murguía na 2ª edición da Historia de Galicia do ano 1901 ("...non só se ven menhires, senón que dende esta vila a Cambados atópanse curiosos aliñamentos..."), e logo Obermaier no ano 1922. Tamén o citan Filgueira Valverde e García Alén en Materiales para la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra do ano 1956. Formado por pedras de distinto tamaño, ten 18 metros de diámetro. No lugar hai tres mámoas. Segundo os veciños, nas proximidades existiu outro círculo lítico.
Altar: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), di que no Monte Lobeira había un altar druídico.

Xabier Moure
Círculos líticos e pedrafitas de Galiza/Galicia
o noso patrimonio