* Machados neolíticos e punta de lanza en Baralla

O día 12 de marzo de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a aldea de Mazaílle, en Baralla, para falar con don Guillermo Frey Lamela quen se puxo en contacto con nós para amosarnos unhas pezas de “forma curiosa” que garda na súa casa dende hai moitos anos, tantos que xa estaban en poder, ao menos, dende a época dun seu avó. Nada máis velas axiña as identificamos como dous machados de pedra puída do Neolítico, feito que nos produciu unha enorme alegría, tanto polas pezas en si como por tratarse duns exemplares pouco frecuentes na comarca dos Ancares e na mesma provincia de Lugo. Ata o presente, deste período só tiñamos documentadas nos seis concellos da comarca dúas pezas, unha en Padornelo (Cervantes) e outra en San Martín de Neira de Rei, tamén en Baralla, que demos a coñecer no mes de xuño de 2015.

 

O proceso de elaboración dun instrumento de pedra puída requiría moitas horas de traballo, primeiro había que labrar e lascar a pedra para darlle a forma desexada, continuando logo co puído da superficie frotándoa contra outras rochas. A Idade da Pedra Puída (como tamén se coñece o Neolítico) é un período en que as sociedades nómadas dos cazadores-recolectores se converten en sedentarias, en que practican a agricultura e a gandería, nacendo aquí os primeiros asentamentos estables o que propiciou o traballo da pedra puída, a cerámica e os tecidos. Foi esa técnica utilizada na confección dos instrumentos a que deu nome a este período da prehistoria en que se pasa da pedra lascada á pedra puída.  

Entre os machados puídos distínguense, fundamentalmente, dous tipos. Ao primeiro pertencerían os que presentan unha forma tirando a cuadrangular e de grande espesor. Ao segundo os que presentan unha forma xeralmente trapezoidal ou tendente a triangular, maior anchura e menor espesor, cunha sección transversal rectangular ou oval. 

 

O señor Guillermo descoñece en que sitio da aldea foron atopados, se ben cremos que é probable que proveñan da necrópole megalítica coñecida como O Queimado, a uns 600 metros de Mazaílle, onde están documentadas cinco mámoas, lugar onde a súa familia sempre traballou a terra.

O primeiro machado, de sección tirando a cuadrangular, ao que lle falta unha parte, mide 9 cm de longo, 5 cm de ancho na parte central, 4 cm na parte superior, e 5,5 cm no fío lixeiramente curvado; ten un espesor máximo de 2,5 cm e o seu peso é de 250 gramos. 

O segundo machado é de sección triangular, mide 15 cm de longo, 4,5 cm de ancho na parte central, e 4 cm no fío lixeiramente curvado; na parte superior, en punta, presenta un burato que se utilizaría para suxeitar un mango de madeira; ten un espesor máximo de 1 cm e un peso de 240 gramos. 

Ambos os dous machados están moi ben puídos. Entre todos os obxectos do Neolítico, os machados deben ser incluídos no horizonte máis antigo, período que abrangue, aproximadamente, dende o 6.000 a.C. ao 2.800 a.C. É dicir, o machado atopado en Baralla pode ter unha antigüidade de entre 6.000 e 7.000 anos. 

Polas pequenas dimensións das pezas e a boa factura, cremos que, máis que ser utilizadas para realizar algún traballo, deberon formar parte do enxoval funerario que se enterraría xunto co morto, quizais para amosar o seu status social. As pezas semellan que están realizadas nunha rocha de orixe metamórfica que non existe na zona, polo que chegarían ao lugar debido a un intercambio ou troco con outros pobos. 

Segundo os datos que manexamos, na provincia de Lugo atopáronse machados neolíticos nos concellos de Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guntín de Pallares, Lugo, Meira, Monterroso, Outeiro de Rei, Pantón, Vilalba e Xermade, exemplares que podemos ver nos museos do castro de Viladonga, Lugo e Vilalba.

 

Pero a cousa non quedou aí. Hai uns 50 anos, o señor Guillermo, cando andaba coas vacas nun castro que hai en Mazaílle, coñecido como das Croas, atopou varios anacos cerámicos e unha peza de singular importancia. Trátase dunha punta de lanza de bronce. De pequenas dimensións e partida na punta, mide 10 cm de longo, 3 cm de ancho máximo, e ten un peso de 125 gramos. Presenta forma romboidal, cunha perforación circular na base onde se introduciría o mango.

O castro onde apareceu a lanza atópase a 800 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun outeiro dominante, presenta forma ovalada, defendido en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras e foxo. Hai tempo contáronnos que un home descubrira unha especie de “cuña” de ouro que vendeu en Lugo.  

Pola tipoloxía da punta de lanza, e a falta dun estudo máis pormenorizado, cremos que pode datarse no Bronce Final, cunha antigüidade mínima de 700-800 anos antes de Cristo. Por referencias recollidas noutras ocasións, tamén apareceron muíños circulares de man, algunha peza de ferro, anacos cerámicos e tégula, feito que podería levar a pensar nunha longa ocupación do sitio, como pouco dende o 800 a.C. ao século I d.C., se ben isto non deixa de ser, polo de agora, unha hipótese xa que a aparición dun só obxecto da Idade do Bronce no castro puído deberse a outros factores.  Hai algúns anos, os do noso colectivo documentamos parte dunha construción circular e unha construción cadrada coas esquinas redondeadas.