MOSTEIROS E CONVENTOS DE GALICIA (PROVINCIA DE PONTEVEDRA)

O monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se ben xa existía en Galicia unha certa vida monacal, foi con Froitoso de Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición visigótica (Regula Monachorum). Mais, será a partires dos séculos IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron baixo a regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano 1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito, con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos, mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares, organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola comunidade.

As desamortizacións dos bens e terras "non produtivos" remataron co seu poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e "a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder, riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que adoitamos crer.

Nesta recompilación achego, distribuídos polas catro provincias galegas, preto de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número real dos que alfrombraron Galicia. José Freire Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media (1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos; nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184, estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desapareceran totalmente.

MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
 
AGOLADA
Mosteiro de Baíña: Segundo Álvarez Lameses, na súa Geografía General del Reino de Galicia (1936), e Freire Camaniel en El monacato gallego en la Alta Edad Media (1998), no século XV existía en Baíña un mosteiro, por cuxas encomendas percibía cuantiosas rendas a casa de Moscoso. Agregado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. 
Mosteiro de Basadre: No ano 1119, os esposos Joahnnes Didaci e Maria Luci ofrecen ao bispo de Lugo, Pedro III, "...portionem nostram monasterii de Vasadria cun aeclesiis et villis subdites et familia". Se houbo un mosteiro, tal como se deduce da doazón, non quedan restos.
Mosteiro de Santo André de Órrea: Monxas bieitas. O primeiro documento da existencia dun mosteiro en Órrea data do ano 747, no testamento outorgado por Odoario. No 1171 a abadesa e o mosteiro venden unhas herdades á abadía cisterciense de Sobrado. No 1368, nunha venda, cítase como Mosteyro de Santandre D´Orrea. No ano 1486 a súa abadesa é Aldara López de Figueroa. É suprimido no ano 1498. A pesares de pasar á observancia bieita dependente de Valladolid, a congregación tivo problemas con el debido a frei Pedro de Roade que se titulaba abade de Órrea e que no 1509 aparece como presidente de Aciveiro. O preito co cisterciense Roade prolongarase no século XVI, e os bens de Santo André non pasarán a San Paio de Antealtares ata ben entrado este século. Consérvase a igrexa románica con fachada barroca dunha nave, dividida en cinco tramos, rematada nunha ábsida semicircular. A portada principal ten dobre arquivolta con capiteis de figuras xeométricas e tímpano liso sobre mochetas de aresta. A porta lateral comunicaba o templo co mosteiro. Os canzorros adornan o tellaroz. Sobre o frontis érguese unha espadana de dous vans rematados por pináculos. As pedras das dependencias monacais utilizáronse na construción das casas próximas.
Igrexa de Ventosa: No Museo Arqueolóxico de Ourense consérvanse unha lápida e un sartego antropoide. Na coñecida como lápida do abade Argivito, do século X, figura gravada a seguinte inscrición. Na vertente dereita: "OBIIT F(a)M(u)LO D(e)I ARGIVITO ABBATI (et) C(on)F(ess)I/(die) VIII KA(len)D(a)S D(e)C(em)B(ri)S IN HERA (hedera)". Na vertente esqueda: "DCCCC LX VIIa (nonagentesima sexagésima sétima) SVB/SANCyO RES", ("Faleceu o servo de Deus Argivito, abade e penitente, o día 8 das calendas de decembro do ano 929 baixo o mandato do rei Sancho"). O museo tamén custodia un sartego antropoide do s. IX-XI da mesma igrexa. No Museo de Pontevedra hai unha imaxe anómina do San Gregorio en granito do ano 1525.
 



 
 
ARBO
Convento de San Cristovo de Mourentán (Mourentán): Citado no 1156 como monasterium no reparto das mesas episcopal e capitular da catedral de Tui. Non volve a citarse ata principios do século XV, cando aparece a "casa de Morantán" como propiedade da orde de San Xoán. No 1457 está asociado á encomenda de Ribadavia, pero mantendo a súa autonomía. Do antigo conxunto conventual só se conserva a igrexa de época barroca con torre de tendencia neoclásica. Na fachada salienta unha portada con arco de medio punto coroada por unha fornela con frontón semicircular que acolle a imaxe dun santo. No interior destaca a bóveda de cachotaría do presbiterio.
 

BAIONA
Mosteiro dos santos Cosme e Damián: Nas estribacións da serra da Groba, na aldea de San Cosme (Baíña), vense as ruínas dunha capela que, ao parecer, formaba parte dun pequeno cenobio (posiblemente un eremitorio) que se conservou ata o ano 1785 en que as súas imaxes foron trasladadas ao mosteiro de Santa María de Oia, de quen dependía. Narciso Peinado (1949), citando a obra Antigüedades de Tuy de Saldóval, fala, ao narrar a invasión de Galicia por Almanzor, que os árabes atravesaron o Miño, preto de Salvaterra, chegando ata Dayr-Kurtan (mosteiro de San Cosme e San Damián), máis tarde nomeado San Colmado. Na igrexa de Santa Liberata consérvanse dúas tallas de madeira de San Cosme e San Damián portando uns instrumentos de menciñeiro. Este pequeno cenobio estaría no camiño que dende Chan da Lagoa vai a Belesar. 
Convento da Anunciada: Dominicas. Fundado por dona Mayor Fernández Acuña e confirmado polo papa Paulo IV no ano 1547, sendo bispo de Tui Xoán de San Millán, e abade da colexiata de Baiona Sebastián Varela.  Construído sobre un edificio anterior. 
Colexiata de Santa María de Baiona: No 1482 o bispo Diego de Muros II reforma a súa clerecía, pero aínda sen darlle o título de colexiata, reformando os costumes da igrexa debido ás queixas que lle chegan por parte dos racioneiros de Santa María que protestan pola arbitrariedade dos abades que lles pagan o que queren. Baiona estaba dividida entón en dous núcleos (a mesma Baiona e o Monte do Boi) e por isto hai dous abades. Don Diego manterá a dualidade e ordena que as dúas igrexas teñan cadanseu abade quen, á súa vez, presidirá sete racioneiros, o que demostra a vitalidade da vila, capaz de manter tal número de cregos. A categoría de colexiata chegou no 1492, e foi dada polo bispo Pedro Beltrán. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).  


BUEU
Mosteiro de Santiago de Ermelo: Bieitos. Segundo unha lápida que se conserva na igrexa, o templo foi reedificado no ano 1104 por mandato do bispo Xelmírez (consérvase a inscrición), destruído posiblemente por unha incursión normanda. En 1485 era abade de Ermelo frei Xoán de Mandaio que no 1487 pasa a ser abade de San Pedro de Fóra, en Santiago, mentres que o abade deste, Afonso de Mosqueira, pasa a selo de Ermelo. Morto Mandaio no 1488, o arcebispo Fonseca fíxose cos bens de Ermelo; no 1491 consta que estes xa estaban anexionados a San Xoán de Poio. Hai tradición de que no lugar morreu un arcebispo que estaba de visita e que foi enterrado alí mesmo; na tampa do sepulcro (a mesma que debeu ver Fr. Martín Sarmiento no ano 1745) hai unha inscrición coa Era de 1140 (ano 1102) que despois serviu de sepultura a unha vella. 
A Illa de Ons: Conta Hipólito de Saa Bravo que á illa retirábanse os monxes de Poio. No século XVIII uns monxes recoletos solicitaron á Congregación de Valladolid fundar unha Casa independente do mosteiro de Poio, solicitude que lle foi rexeitada; entre os asinantes había un monxe que con outros vivía na illa: "Petrus monacus qui in Ionis insula cum fratibus degentibus...". Di De Saa Bravo que os monxes, xunto cos habitantes da illa, tiñan un pequeno comercio de polbo como así o testemuñan varios documentos que falan de intercambios comerciais entre os monxes de Tambo, Ons e o Priorado de Marín. Nun pequeno illote fronte á praia dos Cans, coñecido como Laxe do Abade ou Laxe do Crego, hai unha tumba antropomorfa que puído pertencer a un membro da comunidade monacal que se instalaría na illa no século XV. A tampa do sartego foi levantada polo mar a mediados do pasado século XX e que un home trasladou para a súa casa.
 


 
CALDAS DE REIS
Mosteiro en Arcos da Condesa: Parece ser que os Traba reconstruíron un antigo mosteiro fundado polos condes Froila Vermúdez e Elvira de Faro. A metade do mosteiro quedaría en mans de Munia ou Munina Froilaz quen llo entregou á súa sobriña Ilduara, filla do conde de Traba. Segundo a Historia Compostelana (s. XII), a metade de Ilduara, o seu esposo Arias Pérez doábao no 1128 á Mitra compostelá: "Medietatem cuiusdam monasterii, nomine Archos in Salinensi". Aparece citado no 1154 nunha bula do papa Anastasio IV, e no 1178 nunha bula de Alexandre III. No 1371, o rei Henrique II doaba os bens "ordinis templi de Arquos de Condesa et Moraña ete de Caldas de Reys in Salnes", ao deán e Cabido de Santiago, doazón que foi confirmada despois polo seu fillo Xoán I no ano 1379.
 

CAMBADOS
Convento de San Francisco: Franciscáns. Unha inscrición sitúa a fundación no ano 1588 por orde de Juan Doval e María Pérez. A igrexa actual, con trazas renacentistas e neoclásicas,  substituíu á antiga de Santa Mariña onde se atopan os enterramentos dos fundadores do convento.
Priorado de Serantellos (Castrelo): Dependía de Armenteira. Nos xardíns dos Salesianos hai unha mesa e un banco onde segundo a tradición de hai catro séculos, os monxes do priorado de Serantellos cobraban os impostos aos labregos. No edificio actual, do ano 1948, consérvase unha lápida na que figura a data de 1666 cando se concluíu un edificio anterior. 
 

CANGAS 
Colexiata de Santiago de Cangas: Durante a maior parte do Medievo, Cangas fora só un lugar máis da freguesía de Santa María de Darbo que na Baixa Idade Media vai aproveitarse do crecemento da costa galega ao redor do seu porto. López Carreira di que no 1472 hai xa un crego no dito porto que estaría para servir espiritualmente aos veciños, posiblemente nunha pequena capela non documentada. No 1479 a vila sepárase da súa matriz Darbo. A reforma do seu clero e o ascenso á categoría de colexiata foi no ano 1542, cando Santiago de Cangas foi dotada cunha comunidade de seis racioneiros e un prior á fronte, absorvendo á antiga de Darbo. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008). 

A CAÑIZA
Mosteiro-Santuario de Santa María da Franqueira: Císter. O primeiro documento (pouco fiable segundo F. J. Pérez Rodríguez, 2008) que fai mención ao cenobio data do ano 1063, nunha doazón outorgada por Fernando I. No 1144 recibe de Afonso VII as posesións que tiña nesa freguesía e na de Lueda. No 1293 uníuse á Regra do Císter, comezando a construción dun novo templo sufragado por Xoán Fernández de Soutomaior, bispo de Tui. quen ordenou poñer o seu brasón na portada. A entrada dos cistercienses salvará á Franqueira de seren suprimido. No 1496 viven no cenobio o abade, o prior e ao menos un monxe. Pasou á Congregación de Castela no 1521, despois de chegar a un acordo co abade que recibiría unha renda vitalicia. Consérvase a igrexa de fachada gótica con pegadas románicas. A planta, rectangular con catro tramos separados por arcos apuntados, está unida a unha capela de ábsida rectangular cuberta con bóveda de media laranxa. No tímpano figura a Adoración dos Reis Magos coa Virxe sentada co Neno sobre os xeonllos. Detrás do altar maior atópase a imaxe pétrea de Nosa Señora da Franqueira datada no século VII ou VIII, imaxe que se pon en relación coa fundación do cenobio. A afamada romaría que se celebra no lugar ten a orixe na reaparición da escultura da Virxe logo de estaren catrocentos anos agochada no lugar coñecido como o Coto da Vella para preservala dos árabes.
 

COTOBADE (Forma parte do Concello de nova creación Cerdedo-Cotobade)
Mosteiro de San Pedro de Tenorio: Bieitos, séculos X-XVI. Dise que é un dos peor documentados da Galicia medieval. Aínda que non hai constancia da súa fundación, parece que a súa orixe remóntase ao século X. A primeira noticia data do ano 1073, cando o seu abade aparece como testemuña nun documento do veciño de San Salvador de Lérez. Do cenobio consérvase un claustro de século XVI de planta cuadrangular acaroado á igrexa, as adegas e un lagar. No século XV foi conquistado por Pedro Madruga, conde de Soutomaior. No 1535 ingresa na Congregación de Valladolid, feito non aceptado polo daquelas abade Francisco de Ourense quen, xunto cos monxes, decide ir para Portugal con toda a documentación. Máis tarde pasa a depender do mosteiro de Lérez, en Pontevedra. Durante a Guerra da Independencia foi fortaleza dos guerrilleiros de Cotobade e contorna, feito que levou ao exército napoleónico a asaltar o cenobio e logo queimalo. Coa desamortización chegou o abandono. A igrexa ten unha soa nave de planta rectangular e ábsida. No ano 1745 estivo nel Fr. Martín Sarmiento lendo os seus pergameos. 
 

O COVELO
Mosteiro de Barcia de Mera: Os únicos vestixios que perduran do mosteiro bieito do século XI achegánolos a tradición e quizais unha pequena capela reconstruída (que sustituiría a outra anterior do século XII) nos primeiros anos do século XVIII pola Inquisición no lugar de San Xoán do Mosteiro (foi igrexa parroquial ata a construción da actual). Nun lateral hai unha inscrición gravada nas pedras que di: "Hizo esta capilla a su costa el excelentísimo Don Alberto Bello, comisario de la Santa Inquisición en el año de 1709". Cóntase que no século XIX a Igrexa prohibiu celebrar actos relixiosos na ermida debido a que no lugar continuaban a practicarse rituais pagáns. Non moi lonxe, despois de cruzar a ponte sobre o río Alén, está a Fonte Santa onde podemos ver ducias e ducias de cruces de madeira; segundo a tradición, hai que deixar unha cruz xunto a fonte e ao beber hai que pedir un desexo.
Mosteiro de San Estevo de Casteláns: Século XII. Monxas bieitas. O único documento que se coñece é transmitido por Francisco Ávila y Lacueva onde di que o bispo Diego de Muros o incorporou no ano 1481 a Santa María da Franqueira, estando entón o cenobio "despoboado de relixiosas". A principios do século XX outros restos foron trasladados ao concello de Mondariz-Balneario, expostos no lugar coñecido como O Bosque. Ata nós só chegaron os restos dos muros da ábsida de cuarto de esfera da igrexa románica que ocupa o lugar dunha antiga ermida posta baixo a advocación de Santa Clara. O mosteiro dependía de Santa María de Melón.
 
  




CRECENTE
Mosteiro de San Paio de Albeos (Albeos): Séculos X-XII. Monxas bieitas. Estivo baixo o padroado de San Salvador. Cóntase que en Albeos naceu San Paio, martirizado en Córdoba no ano 925 cando contaba con trece anos de idade. O seu corpo foi trasladado a León e logo a Oviedo, onde repousa no mosteiro de monxas bieitas. O cenobio mandouno construír Hermoixio, bispo de Tui, en honra de Paio, seu sobriño. O primeiro documento data do ano 1071, cando a metade de Albeos figura entre os bens que doou a infanta dona Urraca Fernández á sé de Tui, bens que aínda estaban en mans da catedral no ano 1231, cando unha das súas monxas fai unha doazón, co permiso da abadesa e do convento. Ata o século XV foi rexentado por monxas beneditinas, logo trasladadas a San Paio de Antealtares. Coa desamortización, o mosteiro converteuse en vivenda particular. Do primitivo edificio só quedan algúns restos nun estado de conservación lamentable, utilizado como alpendre, o que amosa, outra volta, o desinterese das autoridades polo noso patrimonio. Os propietarios actuais, residentes en Valencia, puxéronno á venda nun portelo da Internet por 300.000 euros. O Concello solcitou da Xunta que lles esixa aos donos a limpeza e conservación. A asociación O Sorriso de Daniel xa reclamou en varias ocasións a súa posta en valor.
Mosteiro de San Pedro de Crecente: Desaparecido, sobre as súas ruínas levantouse a igrexa románico-gótica, dise que construída coas pedras do cenobio. Hai quen conxectura que pertenceu á orde do Temple ata o 1312. De posible orixe altomedieval, converteuse en sé dun grupo de cregos. O primeiro documento data do 1217 onde se fala dos clericis Sancti Petri de Crecente. No 1223 diríxeo un capelán. A categoría abacial non se documenta ata o século XIV, cando era controlado polos Soutomaior. A mediados do século XV a comunidade é reformada polo bispo de Tui. No 1466 a comunidade estaba formada polo abade e cinco racioneiros que darán orixe ás parroquias actuais de Ribeira, Quintela, Freixo, Sendelle e Arrabal, quedando a de Angudes para o abade.
 
 

 

CUNTIS 
Mosteiro de Santa María de Termis: Por unha inscrición que se conserva na igrexa parroquial de Santa María de Cuntis, construída sobre os alicerces deste cenobio, sábese que o abade Adaúlfo desenvolveu o control da vida regular do mosteiro ata a súa morte no ano 1078. O epitafio di: "Era milessima centessima decima sexta, et tertio idus Martii memoriam celebris abbatis Adaulfi, fecimous", ("Na Era 1116 (ano 1078) tres días antes dos idus de marzo fixemos memoria ao célebre abade Adaúlfo"). Por outro documento sábese que a raíña dona Urraca entrégalle ao bispo Xelmírez o templo de San Xiao de Caldas de Cuntis, pero non a igrexa de Santa María coa súa casa de monxes. Disto último conclúese que o mosteiro era de propiedade laica, non suxeito á realeza. O declive constátase trala doazón de Fernando II ao arcebispo compostelán Martiño Martínez (aquí a igrexa é denominada como Sancta Mariam de Caldas de Contenes) das terras e demais posesións. O mesmo rei asina no 1168 un documento polo cal permuta varias igrexas de Cuntis pola cidade de Coria que era do arcebispo de Santiago e que lle quería entregar aos templarios; as freguesías a cambiar eran a de Santa María de Caldas de Cuntis, San Breixo de Arcos de Furco, San Miguel de Couselo, San Mamede de Piñeiro, San Fins de Estacas e Santa María de Troáns. As modificacións levadas a cabo por Anacleto Fentáns na primeira metade do século XVIII son as que podemos observar na actualidade. En outubro de 1700 bautizaron na igrexa á beata María Antonia  de Andrade, coñecida como a Monxiña do Penedo. Despois de que as tropas napoleónicas queimaran toda a vila no ano 1809, tállanse novas imaxes e recupéranse outras. Eiquí recibiu sepultura no 1819 o deputado das Cortes de Cádiz Vicenzo Xosé de Castro Lira e Lavandeira.
Mosteiro de San Martiño e San Breixo de Arcos de Furco: López Ferreiro situouno, erradamente, en Arcos da Condesa. Quedan pegadas na cercanía da igrexa, nalgunhas casas e no lugar da Manguela. Habitado, aló polo ano 898, por monxes e monxas (dúplice) que profesan a regra de San Froitoso de Braga (o documento consérvase no Arquivo Histórico Universitario de Santiago. Trátase dunha acta dun pactum monachorum asinado, entre outros, polo bispo de Iria, Sisnando I, no que ademais do seu abade Adaúlfo aparecen relixiosos de ambos sexos. No ano 1038 pasa a depender de San Paio de Antealtares. Na primeira metade do século XII, o templo aínda é concibido como mosteiro, época en que varias reformas lle dan unha faciana románica. Coas pedras do primitivo templo ergueuse o actual. Nun muro do adro consérvanse tres linteis dun baldaquino do século XVI onde se representan a Natividade, a Adoración dos Reis e a Crucifixión; tamén hai unha lápida conmemorativa, unha pía bautismal e un altar cos símbolos do martirio de San Breixo. A vida monástica neste mosteiro debeu de manterse durante o século XII xa que é mencionado nos privilexios pontifícios confirmatorios da sé, recibindo manda no testamento de dona Urraca Fernández de Traba no 1199. Aquí conviviron dúas comunidades distintas, unha de homes e outra de mulleres. Durante a segunda metade do século XV a maior parte dos bens serán controlados por dúas monxas do convento compostelán de Santa María de Belvís. Significativo disto foi a denominación polo que se coñece o lugar de Furco: Furco de Vilar Donega (este último termo provén do latín Dominica ou Dominicata) que fai alusión ás súas posuidoras, as mulleres ou donas. No cemiterio parroquial salienta un cruceiro barroco e un cemiterio subterráneo iluminado por claraboias.
Mosteiro de San Miguel de Couselo: Bieitos. Descoñécese a data da fundación. O P. Yepes, no ano 1609, escribiu: "San Miguel de Couselo, monasterio antiquísimo que según dizen fue de los primeros que huvo en Galizia. Está media legua de Caldas de Rey, y tres leguas de Pontevedra, en una montaña asperísima. Anexose a San Martín el año de mil y trezientos y noventa. Está aora la Yglesia en pie, y veense las ruynas de los claustos que está haziendo demostración de una grande antiguedad". O primeiro documento é do ano 1064 no que Ansilano, abade do mosteiro, adquire varias propiedades preto da Ría de Arousa (San Miguel de Deiro e Santa María de Caleiro). Unha lápida sepulcral, que ata a segunda metade do século XIX estivo na fachada da igrexa de San Miguel, lembraba o falecemento do abade Ordoño, morto o 16 de abril do 1098; no ano 1909 foi levada a Santiago de Compostela para formar parte da Exposición Regional Gallega: "(Mi)serere Famulo: Dei/Ordonus abbas. E qui obbiit/XVI K. Mas. Era. ICXXX.III", ("Apiadádevos do servo de Deus Ordoño, abade, que faleceu o 16 de abril do ano 1095"). Non se volveu saber do seu paradoiro. No 1206 Afonso IX concédelle carta de couto (Portela, San Mamede de Piñeiro e Arcos de Furco), e estendeu as súas propiedades ata o mar. No 1303 o seu superior é un prior que dependía de San Martiño Pinario. A finais do século XIV está sen comunidade, aparecendo o abade de Pinario aforando os bens de Couselo. En 1791, a fachada románica da igrex é substituída por outra neoclásica. No 1877 o templo é derrubado, erixíndose a actual igrexa parroquial.
Mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis: Citado nunha doazón de dona Urraca ao bispo Xelmírez no ano 1116, onde di que era de propiedade real. Non se volven ter noticias del ata o século XVIII, onde nun documento estudado por Filgueira Valverde dise  que do antigo templo só se conservaban os nichos dalgunhas sepulturas e que pasou a formar parte da orde do Temple. Na actualidade só se conservan algunhas pedras que serven de entrada dun carreiro que hai no centro urbano de Cuntis e que levan o nome de Portelo e Camiño de San Xoán, forma deturpada do seu antigo nome San Xiao ou San Xulián.
(A información sobre o mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis foime facilitada por Isaac González García).
 


 





 

DOZÓN
San Pedro de Vilanova (O Mosteiro): Séculos XII-XIII. Consérvase a igrexa románica que pertenceu a un mosteiro de monxas bieitas fundado por dona Guntrode Suárez, viúva de Paio Martínez, no ano 1154, tal como figura tanto no pergameo como na inscrición en pedra que se conserva no templo. En San Paio de Antealtares consérvase un documento do 31 de xaneiro de 1409 do nomeamento do capelán de San Pedro de Vilanova. Ata o 1499, en que a comunidade ingresou en San Paio de Antealtares, dependía de Oseira. Abadesas e monxas pertenceron ás máis importantes familias da bisbarra, coma os Rodeiro e os Ulloa. Durante a Baixa Idade Media mantivo preitos co Concello pola posesión do seu señorío. A finais do século XV a súa abadesa, Isabel de Ulloa, tamén o era de Ansemil. No ano 1498, a abadesa foi convocada por frei Rodrigo de Valencia, enviado dende San Bieito de Valladolid, para comunicarlle a absorción do cenobio, non comparecendo a abadesa polo que foi declarada rebelde. Á súa morte, na primeira metade do 1499, a Observancia fíxose co mosteiro que foi entregado a frei Rodrigo pola prioresa de Vilanova, Eldara López. De todos os xeitos, as súas rendas foron a parar a don Suero de Oca, arcebispo de Tarso e abade de Oseira para que renunciase aos seus dereitos para acceder ao abadengo de Santo Estevo de Ribas do Sil. Á morte deste, o patrimonio do mosteiro pasou ás bieitas de Antealtares. O templo, construído no primeiro terzo do século XIII, ten nave rectangular, dividida en tres tramos, que remata nunha ábsida semicircular. Na fachada occidental, con espadana de dous vans, salienta a porta con arco apuntado e arquivoltas que se apoian en capiteis decorados con motivos vexetais e dúas columnas de fuste monolítico. No tímpano pode verse unha cruz patada sobre un disco. A setentrional consta de dous panos e un corpo resaltado no que se abre unha porta. A cornixa está decorada por arquiños de medio punto sobre canzorros. O historiador Daniel González Alén informou da desparición dun capitel labrado que pertenceu ao desaparecido cenobio que xunto co escudo foi a parar a un muro dunha casa próxima. Agora xa non está. Di González Alén que aínda que o capitel non apareza, hai que evitar que pase o mesmo co escudo.
 





A ESTRADA 
Mosteiro de San Miguel de Barcala: Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando. Neste documento menciónanse os monasterium saqueados polo bandoleiro, entre outros do de Sanctus Michaelis de Barcala.   
Mosteiro de San Xurxo de Codeseda: Tamén chamado de Augas Santas. Foi fundación altomedieval, quedando baleiro nalgún momento xa que no 1124 foi cedido por Afonso VII a Munio Pérez. Este e a súa muller Maior Eáns doáronno ás monxas bieitas dependentes da igrexa compostelá; sería unha das súas fillas, Urraca, a primeira abadesa segundo consta no ano 1170. Foi un dos cenobios que recibiu a reforma do arcebispo Lope de Mendoza na diócese de Santiago. Foi suprimido no ano 1410 e os seu bens pasaron á catedral compostelá. A igrexa data do ano 1175 da que só se conserva a cabeceira de estrutura pentagonal con varios canzorros. A nave románica desfíxose no 1851 para edificar o templo actual. A cabeceira componse dun tramo recto e unha capela semidecagonal articulada con arcadas con columnas e fiestras; o segundo nivel de columnas é para recoller os nervios que reforzan a bóveda. Tamén se conserva, segundo o panel informativo que hai diante da igrexa, o frontal de pedra románico do primitivo altar que foi reutilizado na balaustrada do campanario onde se ven esceas dos Reis Magos e o Agnus Dei. Malia isto, Gumersindo Mosteiro Díaz, cando colguei a información no facebook, aclarou que non é frontal nin románico, que é moi posterior, "trátase do resto dunha antiga capela ciborio acaroada tan propia de moitas igrexas galegas do entorno do 1500, especialmente no Ribeiro, Salnés-Pontevedra e camiños de comunicación entre ambas áreas. En concreto esta peza é un friso mutilado ao que lle falta a parte inferior co arco conopial. Colocábase baixo o remate piramidal e estaba soportado o conxunto por un ou dous esteos, ademais de ménsulas nas paredes, ocupando na súa gran maioría o espazo en ángulo inmediato ao arco do presbiterio. O máis vello que teño rexistrado na documentación é da década de 1430 e os máis novos son da década de 1540".
Mosteiro de Santa María de Paradela: Hai dúbidas se existiu este mosteiro dúplice no propio lugar de Paradela ao que o presbítero Letimio ofreceu unha doazón no ano 947. A identificación do lugar coa parroquia de Paradela realizouna López Ferreiro pois non se menciona no documento. Letimio ofrecía os seus bens aos "frates et sorores qui in ipsa ecclesia perseuerantes fuerint in uida sancta". Entre as doazóns figura a igrexa de San Salvador situada debaixo do castro Barbudo, doazón confirmada polo bispo de Iria xunto con varios diáconos e presbíteros.
Ermida de Castrotión (Oca): En Castrotión, no entorno dun primitivo círculo lítico, había unha capela (permaneceu en pé ata principios do século XX) que, segundo o cardenal del Hoyo, no ano 1607, chamaban de Nosa Señora de Quiñóns ou de Castro. Hai autores que cren que no lugar ou nas proximidades puido existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de San Froitoso de Braga, nun lugar chamado Castrumm Leonis. Hipólito de Sá Bravo identifica o lugar con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de transcricións antigas como Castropheon ou Castroveon. A capela, cuxas ruínas vemos na actualidade, foi mandada erixir no mes de novembro do 1589 por Bertomeu Reimóndez Figueroa e Castro, veciño de Santiago, quen a dotou cos lugares de Outeiro e Moimenta de Arriba, ademais doutros bens. O solar foi escavado nos anos oitenta do pasado século XX, accedendo os arqueólogos á lauda sepulcral do fundador e quizais da súa muller.




FORCAREI
Mosteiro de Santa María de Aciveiro: Císter. Século XII. O mosteiro foi fundado no ano 1135 por monxes bieitos tal como sinala unha inscrición que se conserva nun dos muros, hoxe mutilada e que foi copiada en época moderna onde se dicía tamén que nese ano chegaran alí doce monxes, reunindo máis adiante ata cento seis que vivían baixo a regra do San Bieito. Noutra inscrición que tamén hai no templo aparece o ano 117o que se ten interpretado como o da súa consagración e como a entrada no Císter. A primeira mención documental data do 1154. No ano 1277, o papa Xoán XXI pide ao arcebispo de Santiago que confirme a elección de Lopo Rodríguez como abade. No ano 1519, por decreto promulgado polo papa Xulio II no 1505, queda integrado na Congregación de Castela, perdendo a condición de abadía e converténdose en priorado. Malia o anterior, F. J. Pérez Rodríguez (2008) recolle que no ano 1375, nun pagamento que se fai no bispado de Ourense, Aciveiro figura xunto ás casas bieitas e non entre as cistercienses, e no 1403, no rótulo dado por Benedito XIII para favorecer os estudantes da Universidade de Salamanca, concédese a Vasco Lourenzo, presbítero da arquidiocese compostelá, a espectativa dun beneficio que debe ser colación do mosteiro de Santa María de Aciveiro, ordini Sancti Benedicti. Aciveiro entraría no Císter no século XV. Tiña os seus dominios na Terra de Montes, Tabeirós, Deza e Ribeiro de Avia, ademais de catro granxas afastadas, unha en Petín e tres fóra de Galicia, en Mayorga, Urrones e Gordoncillo. Santa María de Aciveiro foi visitado polos membros da Congregación de Castela no ano 1493, estando á súa fronte frei Álvaro de Colmeiro. O cenobio foi suprimido no 1505, as rendas producidas polo seu patrimonio foron destinadas a sufragar os gastos do colexio que a congregación estaba a facer en Salamanca, o que non supuxo a desaparición da comunidade xa que consta que no 1534 vivían alí catro monxes e o prior. As perdas documentais sobre este mosteiro foron enormes debido a un grande incendio no ano 1649. Despois da exclaustración dos monxes, o edificio románico sufriu de novo varios incendios e reconstrucións polo que só queda unha parte dos edificios conventuais erixidios a partir do s. XVI. O cenobio, acaroado á igrexa, é irregular. Ao redor dos claustros abríanse as dependenzas dos monxes. Restaurado parcialmente, na actualidade está destinado a hotel. A igrexa é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas, poligonal a central e semicirculares as laterais. A bóvéda da capela maior é gótica do s. XVI. Na fachada norte, modificada no século XVIII, salienta a portada románica do s. XII cunha arquivolta con rosetas. A porta sur é oxival pola que se accede á sancristía do s. XIII. Na fachada occidental destaca a portada neoclásica cun frontón coroado por unha imaxe da Virxe. No interior consérvase un retábulo barroco, atribuído a Miguel de Romai, con dous corpos superpostos divididos en treitos por columnas.

 
FORNELOS DE MONTES
San Paio (Castro): Templarios, século XII. (?)

GONDOMAR

Santa Olaia de Donas (Donas): Monxas bieitas. Fundado no 1149 por Aurea Bellide mediante unha doazón de Afonso VII. Pouco se sabe sobre este cenobio, agás que as monxas habitáronno durante os séculos XIII e XIV. A mediados do século XV xa debía de estar baleiro. No 1474 estaba en poder do cabido de Tui e no 1482 tíñao o bispo Diego de Muros que o entregaba aos seus coengos. A igrexa conserva a portada románica.   


A GUARDA
Convento de San Bieito: Monxas bieitas. Construído entre 1558 e 1561 (carta fundacional do 7 de setembro), inaugurándo no 1567. Recibiu o nome de mosteiro da Transfirugación do Señor. Fundado Álvaro, García, Isabel e María Ozores de Soutomaior, sobriños e sobriñas de Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga). A igrexa foi reformada no sécujo XVII. Convertido en hotel, as monxas trasladáronse a Trasmañó, en Redondela, no ano 1984.
 

LALÍN
Mosteiro de San Martiño de Lalín: O investigador e párroco de Lalín entre o 1905 e o 1914 redescubriu este cenobio dúplice sometido á regra bieita, esquecido dende a segunda metade do século XVIII. No ano 1763, o P. Rodríguez dá noticia nuns pergameos do Arquivo da Catedral de Lugo da fundación e dotación feita por Adosinda Gudesteiz, descendente dos condes de Deza e de Lugo. Sábese que aínda existía no ano 1239, mais no século XV xa desaparecera, pasando as terras a mans do mosteiro de Oseira. Na actualidade non quedan restos, e a igrexa non é a primitiva senón outra que se construíu no mesmo lugar, reaproveitando os materiais da antiga. Debaixo dunha ventá ten unha inscrición que, traducida por Ramón Aller, di: "Era de 1485. Cara o 980 fundou o mosteiro de San Martín de Lalín o bispo don Arias Peláez, segundo testamento da súa sobriña dona Adosinda, datado no 1019". A igrexa mantívose como parroquial ata o ano 1893 en que foi substituída pola actual de Nosa Señora das Dores. 
Mosteiro de Moneixas: Santo Adrao de Moneixas é unha parroquia de Lalín. Elías Valiña, no Catálogo de los Archivos parroquiales de Lugo (1972) di que segundo a tradición foi un mosteiro de monxas, daí o topónimo Moneixas, e que en Moneixiñas, a tiro de pedra da cabeceira da parroquia, estaban as aspirantes ou novicias, as moneixiñas. Segundo esta hipótese, sinala Ares Vázquez (2012), o nome de Moneixas sería unha acomodación do greco-latino tardío monachicas que se pode traducir por monacais. No Libro de Confirmados, que se formou por mandato do bispo de Lugo Juan Sáenz de Buruaga (ocupou a diócese entre o 1762 e 1768), sendo cura Pablo de Verea y Aguiar, dise: "No ano 1773 fabricouse na igrexa de Moneixas a capela de Santa Lucía... en cuxo sitio, no ano 1737, atopei un colateral de pedra, e a adega, e no sitio que fora un antigo sepulcro, atopouse unha lápida pequena, cuns caracteres romanos, que indican ser da Era de cento trinta e nove...". Desta inscrición romana, do ano 101 d. C., ao menos que eu saiba, non se volveu a saber. O párroco tamén cita unha "cripta" que non se sabe onde está (nunha visita anterior, en xaneiro de 2015, o sacristán contoume que o mosteiro tiña un pasadizo por onde accedían as monxas á igrexa). D. Luis López Barredo, párroco de Moneixas, dixo que no interior da igrexa, xunto a base dereita do arco, había unha pedra que atopou no horto da reitoral, que pola parte de atrás tiña unha cornamenta dunha cabra, e pola dianteira unha carroza romana con algunhas letras ilexibles, algún anagrama e nas catro esquinas unha estrela moi desgastada (o sacristán díxome que desapareceu hai anos). Tamén contou D. Luis que a casa reitoral foi mosteiro no século XV, habitado por monxas Clarisas que abandonaron o cenobio cando a Revolta Irmandiña, sendo ocupado por uns relixiosos. A igrexa, de orixe románica do século XII, conserva elementos da época no arco (con columnas con capiteis decorados) de acceso á capela maior. No século XVIII foi reformada nas súas capelas, retábulo e sancristía. E no 1960 foi desfigurada totalmente coa construción da capela dedicada á Terceira Orde Carmelita. Cando as obras, nun muro interior da ábsida, apareceron unhas pintura murais, datadas a finais do século XV ou principios do XVI, que representa a Flaxelación de Cristo (foron restauradas arredor do ano 2000).
Mosteiro de Lebozán ou O Convento: Interesante información recollida de Antonio Presas que reproduzo parcialmente: No ano 2008 entrou en funcionamento o Parque Eólico Singular de Lalín, situado na parroquia de Santiago de Lebozán, entre o Alto do Estorniño e O Convento, pero a construción do citado parque levou por diante o pouco que quedaba del. Non está moi claro cando se fundou e a que orde pertencía. Segundo a tradición, dependía do mosteiro de Aciveiro e que funcionaba como lugar de castigo para os monxes que se desviaban dos principios da orde: eran separados da comunidade para purificar o seu espírito por medio do illamento, frío, fame, mortificacións, etc, para poñer a proba a súa vocación. Pero engade Antonio Presas que no val da Ramisca, no curso alto do Toxa, preto de Suapica, vense varias pezas de cantaría reulizadas no Casal de Cheda, traídas de O Convento tras o abandono a raíz da Desamortización de Mendizábal do ano 1836. O Convento estaba moi cerca dun vello camiño que viña do Ribeiro en dirección a Ponte Orneiros e Ponte Taboada, pasando antes por Soutolongo onde estaba asentada a Orde dos Cabaleiros de Malta (Soutolongo era priorado da encomenda de Beade). Nas pedras do Casal de Cheda vense cruces de Malta, un sabre, símbolos relixiosos, un arco conopial, etc. que pouco teñen que ver coas representacións de Aciveiro. 







A LAMA
Priorado-granxa de Santa Ana da Barcia do Seixo: Coñecido como Casa dos Frades. Dependeu do mosteiro de Armenteira de onde era, segundo a tradición, o frade que fundou o priorado no século XIII. Dise que conseguiu que un arcebispo de Santiago lle dera un terreo coma un coiro de touro que, cortoado, en tiras, puido arrodear unha legua que comprende a actual freguesía da Barcia do Seixo (consérvase o topónimo a Légua do Frade). O documento fundacional, traducido, di: "A Légua do Frade está delimitada por catro mámoas, dúas no Seixo, situada na Campa da Mámoa, outra no Campo de Seistido, a terceira na Portela da Cruz, e a última no Suído, debaixo do Outeiro dos Ramos". Nun documento do mosteiro de San Clodio de Leiro de 1666 reséñase a vacante do beneficio da igrexa de San Xoán de Laxas (Boborás), onde figura o nome dun freire procedente da Barcia do Seixo: "Dentro del monasterio de San Clodio paresció... el P. Frai Francisco Dayala Pinoi de la granja de Barcia do Seixo que es del monasterio de Armenteira, ... e de la otra del P. Frai Cristoval de Peralta archivero y procurador del monasterio de San Clodio...". Cistóbal de Peralta foi abade do mosteiro de Oseira entre o 1672 e 1674.
 

MARÍN
Mosteiro de Santo Tomé de Piñeiro: Pouco se sabe sobre o seu emprazamento, crese que a igrexa, románica do século XIII, foi levantada sobre os seus restos. Unha bula do papa Atanasio IV certifica a súa existencia no ano 1154.
O Priorato (Marín): Edificio que pertenceu aos monxes de Oseira, situado preto da igrexa parroquial. Demolido no ano 1958, o Concello non fixo caso, entre outros, aos informes históricos para protexelo de Filgueira Valverde, director do Museo de Pontevedra. As súas pedras foron reutilizadas na Praza de Abastos.
 

MEIS
Mosteiro de Santa María de Armenteira: Monxas cistercienses. A fundación atribúese a Don Ero (da soada lenda do paxariño), un cabaleiro da corte do rei galego Afonso VII, tal como nos relata a lenda transcrita no ano 1654 por frei Basilio Duarte. Aínda que o primeiro documento data do ano 1151, parece ser que o cenobio xa existía na Alta Idade Media. No 1162 pasa ao Císter, se ben a primeira noticia segura é do 1190, cando o Cabido Xeral condenaba ao abade de Armenteira por non ter acudido a el, confirmando que o cenobio tiña que levar varios anos pertencendo aos bernardos. No 1171 o mosteiro pasa, coa terra do Salnés, a formar parte da Terra de Santiago ao serlle concedido o castelo de Lobeira por Fernando II á Igrexa compostelá. No 1380, o mosteiro denunciou ante o tribunal de Medina do Campo aos irmáns Alvar Páez e Diego Álvarez de Soutomaior, familia que continuará protagonizando os conflitos na bisbarra tamén no século seguinte. A entrada na Observancia non se produce ata ben entrado o século XVI pola reticencida do seu abade frei Gonzalo de Saavedra. A Congregación de Castela asinou con ela avinza no 1523, e a confirmación papal é do 1536. No ano 1523 incorpórase á Congregación de Castela. Logo da exclaustración e desamortización veu a decadencia. No ano 1961, Carlos Valle-Inclán, fillo do famoso escritor galego, funda a asociación Amigos de Armenteira, iniciándose o labor de reconstrución. No ano 1989, un grupo de monxas chegadas de Alloz, en Navarra, restauran a vida cenobítica. O edificio monacal é de estilo renacentista e barroco. O claustro, con elementos renacentistas e neoclásicos é de planta cadrada con seis arcos de cada lado. A igrexa é da segunda metade do século XII. Ten planta basilical con tres naves de catro tramos rematada en tres ábsidas semicirculares. A central cóbrese con bóveda de canón apuntada, sostida por arcos feixóns, e as laterais con bóveda de aresta. A fachada principal conserva a face románica, con contrafortes dobres. A portada, abucinada, con arquivoltas semicirculares apoiadas en seis pares de columnas e coroada por un gran rosetón calado. As monxas manteñen unha hospedaría.
Mosteiro de Santa María de Nogueira: Coñecido hoxe en día como a Capela de Mosteiro. Existen varias teorías canto a súa pertenza. Uns din que foi propiedade dos bieitos, pasando aos Hospitalarios de San Xoán no século XVI. Para outros pertencería ao mosteiro de Carboeiro e logo aos sanxoanistas. Unha terceira conxectura apunta a que puideron existir dous mosteiros, o de San Lourenzo de Nogueira, de Carboeiro, e o de Santa María, primeiro templario e despois hospitalario. Para F. Javier Pérez Rodríguez foi da Orde do Santo Sepulcro. Para este autor aparece por primeira vez no 1128, estando xa nese ano en mans do Santo Sepulcro de Xerusalén. No 1131 o patriarca de Xerusalén e o seu cabido escribíanlle ao arcebispo Xelmírez para lle recomendaren ao seu coengo Aimerico e para que lle dese a posesión da igrexa de Nogueira con todas as súas dependenzas e as esmolas que "nos dan no voso territorio". A súa vida como mosteiro está testemuñada ao longo do século XII, amplamente citado nos privilexios confirmatorios pontificios concedidos a esta sé. Nogueira estaba baleiro no 1391, ano no que os coengos do Santo Sepulcro do convento de Toro -a súa casa principal no occidente da Península- aforaba a Álvaro Páez de Soutomaior e á súa muller dona Maior, o couto de Nogueira. A Capela do Mosteiro é románica do século XII; no arco triunfal lese a data de 1150.
 


MOAÑA
Igrexa de San Martiño de Moaña: Conserva parte da fábrica románica. Foi ampliada no século XVIII. Figura, entre outros, nunha doazón ao mosteiro de Lérez no ano 1327 (cítase como Sci Martini de Moania). No ano 1399, Roi Mouriño, abade do mosteiro de Ermelo, en Bueu, concedía en foro a Roi Lourenzo, escudeiro de Moaña, unha propiedade na parroquia de San Martiño. O que chama a atención é que no ano 1414, Roi Lourenzo dispón no seu testamento que o enterren no mosteiro de San Martiño de Moaña. Houbo eiquí un mosteiro?
   

NIGRÁN
Priorado de San Xoán de Panxón: Dependía de Oia. Consérvase un arco prerrománcio do século X que despois foi reutilizado para o acceso á igrexa de San Xoán. Consérvase un mosaico do século III con temas mariños, ánforas, muíños, etc., e tamén a tampa con estola dun sartego que confirmaría a existencia dunha comunidade cristiá que, segundo Día y Díaz, estaría baixo a regra de San Froitoso.
 

OIA
Mosteiro de Santa María de Oia: Císter, século XII. Disque a fundación veu da man de Martiño de Dumio no ano 569, aínda que o primeiro documento coñecido data do 1137 cando o rei de Galicia, Afonso VII, dona a ermida de San Cosme aos beneditinos. No 1187 pasa á orde do Císter que levantan a igrexa e o cenobio á beira do mar. Acada o máximo esplendor nos séculos XII e XIII. No s. XV, a outrora poderosa comunidade ten que enfrontar unha imparable decadencia que non se detería ata a súa incorporación á Congregación de Castela en que o arruinado cenobio é reconstruído e ampliado, obras que se estenderán ata o s. XVIII. No último terzo do século XVI construíuse o claustro, o refectorio e a sala capitular. Do 1624 é unha historia que narra a odisea dunhas naves cristiás, perseguidas por piratas turcos, que conseguen fuxir grazas á intervención dun canón accionado polos monxes. Durante a invasión francesa tampouco se librou da rapina dos soldados napoleónicos. Coa desamortización de Mendizábal, a comunidade abandona o cenobio que pasa a mans particulares. No 1910 o propietario alúgallo aos xesuítas portugueses que o ocupan ata o 1932 en que a Compañía de Xesús é expulsada de España. Durante a Guerra Civil utilizáronno os fascistas como campo de concentración e tortura, chegando a acoller a máis de 3.000 prisioeiros. Ao remate da guerra é devolto ao propietario anterior que o pon en venda. No devir dos anos ten pasado por distintos propietarios o que non ten evitado o estado ruinoso no que se atopa. A Xunta de Galicia e o Banco Pastor teñen un proxecto para construír nel un hotel de luxo, un xeito de desposuír ao gran público do acceso ao noso patrimonio, proxecto, por certo, que leva anos parado. A igrexa, de fins do século XII, é de planta de cruz latina con tres naves separadas por piares. A primitiva fachada foi substituída pola actual, barroca do 1720. No interior ábrense cinco capelas rectangulares. Bóvedas de canón no cruceiro e nas ábsidas da cabeceira, o coro está cuberto con bóveda de estrela. No interior conserva un retábulo no altar maior vencellado á aparición, no 1581, de Nosa Señora do Mar, unha venerada imaxe atopada atada a unha cadea á beira do mar, cuxo orixinal se atopa no convento cisterciense do Xesús de Salamanca; a de Oia é unha reprodución. A principios do mes de abril do ano 2013, Lorena González descubriu a primeira lápida sepulcral dun abade que funciona como lintel dun galpón próximo ao mosteiro. Francisco Javier Goberna, da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, constatou que a identificación do báculo abacial non deixa lugar a dúbidas. No ano 2022, durante a restauración da igrexa, saíu á luz unha antiga capela trasaltar, coetánea da igrexa, que adoitaban estar dedicadas á Virxe. O arquitecto Rodrigo Pintos, cuxa empresa é a adxudicataria da intervención, dixo que fora unha sorpresa marabillosa, ademais dun achado inesperado. Ao baleirar a cimentación da torre barroca, do século XVIII, tamén descubriron o paso que comunicaba a antiga sancristía coa torre primitiva da igrexa.


POIO
Mosteiro de San Xoán de Poio: Bieitos-mercedarios, séculos VII-X. A fundación do mosteiro atribúese a Froitoso de Braga no século VII, se ben hai quen cre que en realidade foi un dos seus discípulos que atendía polo nome de Teodosio. O primeiro documento que se conserva data do 942. Os privilexios e doazóns realizados ao longo dos séculos XII e XIII dótanno dun enorme poder e riqueza. No ano 1548 o emperador Carlos V autorizou aos monxes a inauguración dun Colexio Maior de Teoloxía, contando como mestre a unha das mentes máis espelidas de Galicia, a do Padre Feixóo. Coa desamortización os bieitos abandonan o cenobio. A finais do século XIX instálanse no edificio os mercedarios que emprenden a reconstrución e restauracción das dependenzas. Dende a súa chegada, os monxes da orde da Mercé conseguiron manter a actividade cultural coa organización de xornadas e congresos, e a creación da afamada Escola de Canteiros, sen esquecer a conservación e ampliación da Biblioteca que acolle máis de 100.000 exemplares. O mosteiro ten dous claustros, o do Cruceiro, barroco, e o das Procesións, renacentista, cunha fonte barroca cuxa auga vén dende o monte Castrove (a uns 2 km de distancia) a través dunha tubería de pedra. A carón do mosteiro érguese un hórreo, que compite co de Carnota canto a súa grandiosidade, con dezasete fileiras de tres patas cada unha. A fachada da igrexa é barroca, dividida por columnas dobres, con esculturas de San Xoán, Santo André e Santiago. Dúas torres barrocas álzanse sobre o frontón. Conta con museo e cunha hospedaría situada nun edificio anexo.
Illa de Tambo: No século VI Martiño de Dumio funda unha ermida que San Froitoso de Braga transformaría en mosteiro vencellado a San Xoán de Poio. Di o P. Yepes na súa Crónica General de la Orden de San Benito (1615) que en Tambo houbo un eremitorio. Logo pasaría a priorado posto baixo o padroado de Santa María de Graza cuxa imaxe foi guindada ao mar polo pirata Drake despois de asolar o cenobio no ano 1589. A imaxe foi rescatada por mariñeiros de Combarro quen a agocharon entre as redes, construíndo un santuario no lugar da Renda onde se lle segue a render culto. Cando no ano 1745 o visitou Fr. Martín Samiento, subsistían as paredes da igrexa, do claustro e de habitacións, hortas, viñas, prados, etc. A illa foi asaltada en numerosas ocasións por árabes, normandos e no 1589 polo inglés Francis Drake que a arrasou por completo. No ano 1865 comezou a funcionar en Tambo un lazareto.
Priorado de San Gregorio de Raxó: Dependía de Armenteira.



PONTEAREAS
Mosteiro de San Pedro de Angoares: Bieitos. Os primeiros datos sobre este mosteiro datan dunha doazón do ano 1299. No 1435, o papa Uxío IV autoriza á Igrexa de Tui a súa anexión, manténdose aínda independente ata o 1482, documentándose o seu derradeiro abade no 1490. Consérvase a igrexa de finais do século XII. Ten planta de cruz latina coa particularidade de que remata nunha cabeceira con ábsida cuadrangular o que fai pensar nunha influencia visigótica. Tamén resultan curiosos os canzorros que adornan a cornixa, con figuras de homes e monos en actitude pensativa e cabezas de animais. No interior salienta un capitel con sete personaxes realizados toscamente.
Convento de San Diego de Canedo: Franciscáns. É no século XVIII cando os franciscáns acondicionan o pazo de Canedo, do s. XV, doado polos condes de Salvaterra, para utilizalo como convento. Do primitivo edificio aproveitaron, ademais das pedras dalgunha parede, a porta principal, do século XVI, pola que se accede aos apousentos dos frades, e os escudos que adornan os muros pertencentes aos antigos propietarios. A igrexa conventual, do 1777, é de planta de cruz latina con lanterna montada sobre pechinas. Expulsados os freires no 1835, o edificio véndese en poxa pública. No ano 1895, os franciscáns mércanllo ao seu propietario, don Severo Pesqueiras, iniciando a reconstrución que rematan no 1897.
Mosteiro de Santa Locaia (A Encostada-Guillade): Mosteiro documentado no ano 963. Logo pasou a depender de Melón do que foi priorado ata a exclaustración. Algúns estudos levan a fundación ao ano 569, na época do I Concilio Lucensis, no final do Reino Suevo de Galicia. Vese unha pequena construción de planta rectangular, posiblemente dunha capela. Unha pedra rectangular podería corresponderse co altar.
 


 

PONTEVEDRA
Mosteiro de San Salvador de Lérez: Bieitos, séculos IX-XVI. Será o abade Guntado quen, supostamente, reciba do rei de Galicia, Ordoño II (910-914), o couto para fundar un mosteiro. No 1169 a Igrexa de Santiago recibía de Fernando II o castelo de Cedofeita e a súa terra, na que ía a iurisdictione et reverentia monasteri Sancti Ihoannis de Podio et monasterii Sancti Salvatoris de Lerze, o que marca o paso de Lérez á propiedade da Mitra compostelá. O mosteiro posuirá intereses na vila de Pontevedra. Os observantes de Valladolid renunciaron á abadía no 1540 a cambio dunha renda vitalicia, mais á morte do derradeiro abade, frei Xácome de Lérez, a congregación de San Benito de Valladolid volve á carga, facéndose co derradeiro mosteiro bieito de Galicia. A igrexa mosteiral que podemos ver na actualidade é neoclásica con fachada barroca do século XVIII, coa imaxe pétrea de San Bieito inserida nunha fornela. Apegado ao muro do templo consérvase unha á do claustro do s. XVI con signos lapidarios e inscricións pertencentes á antiga construción románica. É tradición pasar de xeonllos por debaixo do altar de San Bieito. No s. XVI créase un Colexio de Humanidades e Filosofía onde destacaron como mestres o Padre Feixoo e Frei Martiño Sarmiento. No Arquivo Histórico Nacional de Madrid consérvase un documento, escrito enteiramente en galego, datado o 17 de abril de 1237.
Convento de San Francisco (Pontevedra): Franciscáns, séculos XIII-XV. A tradición apón a fundación ao propio San Francisco de Asís cando peregrinou á tumba do Apóstolo Santiago no ano 1274. O convento, que forma un ángulo recto coa igrexa, acolle as dependencias da Delegación de Facenda. O claustro gótico foi substituído cando a ampliación do convento no século XVIII. A igrexa, construída entre finais do s. XII e principios do XIII, presenta planta de cruz latina cunha nave rematada por tres ábsidas poligonais, a central máis grande ca as laterais e cubertas con bóveda de crucería. A parte máis antiga é a portada con arco apuntado e arquivoltas (outrora cuberta cun pórtico) sobre a que destaca un enorme rosetón. No interior salientan os sepulcros medievais, entre outros o do trobador Paio Gómez Charino, pinturas murais dos séculos XVI e XVIII e unha talla do Nazareno do s. XIX.
Convento de San Domingos (Pontevedra): Predicadores, século XIII, ruínas. Os predicadores chegaron a Pontevedra a finais do século XII. A principios do s. XIII encomezaron a construción do templo gótico. No XVIII tentaron reconstruílo pero a obra ficou inacabada, como tamén quedou sen concluír a derrubada ábsida gótica da primeira igrexa. Na actualidade só se conserva a cabeceira, con cinco ábsidas poligonais con bóvedas nervadas sobre columnas, e un muro lateral cunha pequena porta sobre a que se abre un gran rosetón. Dende o 1927 acolle a Sección de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra.
Convento de Santa Clara (Pontevedra): Clarisas. A data de fundación do convento foi no ano 1271, sendo a súa primeira abadesa sor Leonor Rodríguez. Por mor da invasión da cidade polos ingleses, as monxas tiveron que fuxir para Santiago no ano 1730. O mesmo aconteceu no 1809 cando as tropas napoleónicas arrasaron o convento. Sufriron outro traslado para Tui no ano 1868, regresando sete anos despois, permanecendo alí ata a actualidade pechadas na clausura. A igrexa dunha soa nave é de estilo gótico, s. XIV, con reformas posteriores. Salienta a ábsida poligonal, máis alta ca a nave. No muro norte ábrense dúas portas con arquivoltas apuntadas, e no muro sur unhas fiestras oxivais. No ano 1730 fíxose o retábulo do altar maior, de estilo churrigueresco, coa sepultura xacente e as reliquias de San Vicenzo debaixo do altar.




O PORRIÑO
Mosteiro de San Salvador de Budiño ou Budanense (O Mosteiro-Budiño): En terras de Coronato ou Cornado. Nuno Budanense, co seu irmán Froilán, o seu tío materno Diego Dulcitii, e outros parentes fixo cesión deste mosteiro altomedieval á Igrexa de Santiago coa condición de que se algún da descendencia dos donantes chegase a recibir Ordes sagradas, puidese posuír o mosteiro en dita forma. Diego Xelmírez recolleu todos os documentos referentes ao mosteiro e á súa facenda, e depositounos no Tesouro da Igrexa de Santiago (Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, de López Ferreiro). A orixe estivo nun mosteiro familiar con trazos herdados dos cenobios visigóticos (segundo recolle o P. Yepes, e deste Flórez, no 1092 visítao Dalmacio de Cluny que foi bispo de Compostela). No século XII pertencía a Gómez Núñez, conde de Toroño, que co seu irmán Fernando llo cedeu a Cluny no ano 1126. Fernando II ponno baixo a súa protección fronte aos usurpadores dos seus bens. O bispo de Tui pretendeuse facer co cenobio no 1292, o que conseguiu no 1314 coa condición de que mantivera nel o prior e dous monxes. Dúas décadas máis tarde liberáronse da tutela de Tui pero vivindo en medo constante polas accións que puideran chegar dende a catedral, como manifestan os visitadores da congregación no ano 1335 ao contar ao Cabido Xeral que "predicta domus est posita in terra ubi non habitnt homines sed demones" ("A dita casa é en terra onde non viven homes, senón demos"). A casa foi asaltada polos arcediagos de Tui de Alabruxa e Miñor. O asedio e logo a peste deixaron baleiro Budiño no ano 1348. No 1392, os visitadores atoparon un prior do que din "simplex est et idiota". Logo da supresión do mosteiro cluniacense no ano 1436 (as súas contas agregáronse á Mesa Capitular de Tui), foi derruído. Da antiga igrexa románica só se conserva, case intacta, a ábsida, o resto sufriu varias reconstrucións ao longo do tempo debido, entre outras causas, a un raio que no 1752 destruíu gran parte do edificio, ou ao debastador incendio acontecido no século XX.
Mosteiro de San Miguel de Cans: Císter, ano 1151. Consérvanse documentos que fan mención as doazóns realizadas por Afonso VII ao mosteiro de San Miguel que se erguería na coñecida como "Casa dos Curas". No 1156 o abade asinou unha avinza co de Melón que supoñía a extinción do seu cenobio e o paso ao Císter á súa morte. Mais cando morreu, aos monxes de Cans non lles agradou o decidido polo seu abade e Melón tivo que asinar con eles un novo acordo no 1165 que establecía a conversión de Cans nunha graxa de Melón, condición que aínda tiña no século XV. No 1516 Melón cambiouno ao bispo de Tui. Consérvanse as ruínas dunha capela, quizais a orixe do desaparecido cenobio.


PORTAS
Mosteiro de San Cristovo de Briallos: A antiga igrexa pertenceu a un antigo cenobio dependente de San Paio de Antealtares, logo anexionado como priorado a San Martiño Pinario, en Santiago. Igrexa do século XV, reformada no ano 1727 segundo consta na fachada principal. Consta dunha nave rectangular cuberta en tella a dúas augas. O presbiterio, cuberto a catro augas, é máis alto ca nave. Espadana de tres vans. No interior acolle uns retábulos do século XVIII onde se pode ver a imaxe do patrón San Cristovo. Tamén hai un retábulo de pedra que ben puido pertencer ao templo anterior. Frei Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia no ano 1745, cita un priorado de Barosa, na mesma parroquia de Briallos.
Mosteiro de Lantaño: Bieitos. A fundación débese, probablemente, á familia do conde don Gonzalo. Está documentado un preito do ano 960 no que intervén o bispo Sisnando que remata coa repartición dunhas salinas nuns terreos usurpados a Dona Aragonta e ao conde Don Paio. Pasou a depender de Armenteira a mediados do século XII. Os documentos falan dos viños que cultivaban os monxes. Ao parecer emprazábase no lugar do Rial. 
 

REDONDELA
Convento de San Antonio de Agrelo: Franciscáns. Desruído polas tropas napoleónicas o día 14 de abril de 1809.
Convento de Vilavella: Ano 1551. No ano 1574 estableceuse nel a orde de clausura de San Lourenzo Xustiniano tomando o nome de Nosa Señora da Purificación. Na actualidade funciona como restaurante.
Illa de San Simón: Ao parecer, no ano 1517 existía un mosteiro pertencente á orde dos Pascualinos. 
Priorado de San Amaro de Rande: Dependía de Armenteira.
 

RIBADUMIA
Mosteiro de Santo André de Barrantes: A igrexa, con ábsida semicilíndrica por dentro e rectangular por fóra, pertencen a un desaparecido mosteiro bieito fundado no ano 1138 polo bispado de Tui.
 
 
 
RODEIRO
A Granxa (O Salto): Foi granxa do mosteiro de Samos. Quizais a este lugar se refira a denominación "grangia de Togio/Togo/Toju" (M. Romaní, 1989-2003). 
Mosteiro de Pedroso (Negrelos): Romaní Martínez, na súa obra Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira (1989-2003), cita un documento do ano 1235 en que Rodericus Fernandi de Camba manda no seu testamento: "monasterium Ursarie habeat medictatem unius casali in Petroso".  

O ROSAL
Convento das Carmelitas Descalzas: En uso. Fundado no ano 1934 por María Teresa de Jesús Sacramentado.
Priorado de Santa Mariña do Rosal: Dependía de Oia. Consérvase o topónimo O Priorato.
 
 
SALCEDA DE CASELAS
Mosteiro de Santa María de Salceda: Despois de ser repudiada polo rei Ordoño II, Aragonta construíu no ano 922 un mosteiro no lugar de Saliceta (Salceda), a unhas dúas leguas de Tui. Reuniu monxas, fixo consagrar a igrexa e dotou a casa. Despois da morte de Aragonta, a súa nai Teresa Eriz puxo o cenobio, que pertencía á orde bieita e era dúplice, baixo a custodia de Ramiro II e retirouse a vivir nel. A Historia Compostelana recolle que grazas á intermediación do bispo Sisnando, Aragonta e o seu irmán Pelaio conseguen parte do proveito das salinas na comarca do Salnés para que o seu beneficio se destinase ao mosteiro. Perdeu o título de mosteiro no 1215, cando Afonso IX o entregou ao bispado de Tui. A igrexa actual foi reedificada no ano 1768 sobre a fábrica dun antigo templo e o mosteiro. Salienta a porta norte, coñecida como a Porta da Raíña. No interior hai unha inscrición funeraria do ano 943 co seguinte texto: "in hoc tvmvlo requiescit famvlvs dei Hermenegildus qui obiit die quinta feira nonas novembris era DCCCCLXXXI fratres et sorores ortate pro nos", ("Neste sartego xace o servo de Deus Hermenexildo que faleceu o día 2 de novembro do 943. Irmáns e irmás pregade por nós").
 
 

SALVATERRA DE MIÑO
Convento dos Franciscanos: Os franciscáns fundan un convento na praza forte de Salvaterra no ano 1603 por doazón realizada por Diego Sarmiento de Soutomaior. Por causa da guerra con Portugal, é destruído no ano 1642, as súas pedras foron utilizadas para levantar as murallas. 
 
 

SANXENXO
Priorado de San Amaro de Arra: Dependía de Armenteira, administrava as rendas da freguesía que polos décimos, segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, percibía 740 reás de vellón. Consérvase a casa do Priorado. Na capela do San Amaro celébrase unha romaría.

SILLEDA
Mosteiro de San Pedro de Ansemil: O cenobio dúplice xa existía no ano 1087. Entre os séculos XIII e XVI estivo habitado por monxas bieitas. A finais do século XV estaba en total decadencia, sendo a súa abadesa Isabel de Ulloa, que tamén o era de San Pedro de Vilanova de Dozón. Á morte de Isabel foi incorporado a San Paio de Antealtares. Consérvase a igrexa, edificada entre os séculos IX e X. Ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas separadas por arcos forneiros semicirculares dispostos sobre dúas columnas. A nave principal ten un arco triunfal peraltado sobre columnas e cuberta con bóveda de canón semicircular. A portada principal é de dobre arquivola tórica sobre columnas, con lintel con catro raias horizontais e perpiaños no tímpano. Os capiteis están profusamente decorados, e no aleiro destacan os canzorros. Acaroada á igrexa atópase a capela dos Deza do s. XIV, chamada así polo sepulcro que se conserva do cabaleiro Diego Gómez de Deza, do ano 1341. Sobre a porta principal está a imaxe da Virxe do Leite, nome que lle vén polo xeito de dar o peito ao Neno.
Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro: Bieitos, ano 936, se ben algúns investigadores sitúan a fundación no 968, data que se opón a unha escritura de dotación referida polo P. Yepes, e tamén nun documento do que se conserva o orixinal e que figura nos Fondos do antigo mosteiro de San Martiño Pinario, que di que un Buguto doa a Félix, abade de Carboeiro, unhas viñas en Xuvencos; este Félix é o mesmo da carta de fundación do citado Yepes. No lugar onde se levantou o mosteiro existía unha ermida, adicada a San Lourenzo, onde moraba o ermitán Egica, dono dunhas terras destinadas á cría do gando. Mercadas polos condes de Deza, Gonzalo e Tareixa, fundan un mosteiro que acolle aos ermitáns e monxes da bisbarra. Destruído por Almanzor no 996, é consagrado por San Pedro Mezonzo trala reconstrución do ano 999. No século XII o arcebispo de Santiago reclamou ao papa o padroado de San Lourenzo, petición que lle foi recoñecida como figura nun documento do ano 1199 da Igrexa compostelá dado por Inocencio III. O seu derradeiro abade foi frei Manuel Sánchez que figura á fronte del no 1496. A súa influencia rematou cando foi suprimido e anexionado como priorado a San Martiño Pinario no 1500. Coa desamortización tamén chegou a ruína. Os escasos restos do cenobio que se conservan sitúanse no lado norte da igrexa. Na súa Guía de Galicia, Otero Pedrayo dálle tamén o nome de Gargueiro; nun diploma polo que Vermudo II restaura o mosteiro no ano 999 chámalle Algalí ao lugar onde se edificara; un documento do 1075, e noutros do século XII, dise Retorta, posible alusión ao semicírculo e península que forma alí o río Deza. Nos documentos latinos do cenobio noméase como Carbonario, que foi o que prevaleceu. Nos documentos en Galego figura como Carboeiro e Carbueiro. Escribe García Conde (1957): "Los pedantes de Galicia y los ignorantes de fuera de Galicia le llamaron Carbero y Carbuero". O templo, do románico galego, foi proxectado polo abade Fernando no 1171, tal como reza unha inscrición que se conserva no interior. É de planta de cruz latina con tres naves de tres tramos no brazo maior e outra nave que forma o cruceiro, cara o que se abren dúas capelas semicirculares. A cabeceira dá acceso, mediante arcos de ferradura, ás entradas das capelas. Na fachada salienta unha portada formada por catro arquivoltas sobre columnas circulares. Nunha das arquivoltas sobresaen os vinte e catro anciáns da Apocalípse cos seus instrumentos musicais, e no tímpano a figura do Salvador, obra dun discípulo do Mestre Mateo coñecido como o Mestre de Carboeiro. No ano 1980, o Museo Marès de Barcelona mercou a Ericka Birk, viúva do empresario e coleccionista de orixe alemana, Franciso Birk, dúas esculturas que ao menos ata os anos trinta adornaban o tímpano da igrexa mosteiral de Carboeiro. No mes de xaneiro de 2023, o museo iniciou un informe para aclarar se proceden de Carboeiro tras coñecerse a existencia de documentos do Arquivo de Galicia e o Arquivo Xeral da Administración do Estado que proban a substración ilegal das pezas. Nos últimos anos, os investigadores Alfredo Abeledo e Antonio Vidal Neira teñen publicados varios artigos sobre estas e outras pezas que desapareceron de Carboeiro.
 





TOMIÑO
Mosteiro de San Vicenzo de Barrantes (Barrantes): Bieitos. Desaparecido. Consérvase a igrexa que, segundo unha inscrición existente nun muro, estaría rematada no ano 1139. Foi fundación de varios herdeiros, entre ouotros Paio Méndez, bispo de Tui, e o seu irmán Suero. Foi suprimido no 1435 por bula do papa a petición do cabido catedralicio de Tui, se ben hai constancia de que a comunidade de Barrantes aínda existía anos despois, desaparecendo definitivamente no ano 1482, sendo bispo de Tui Diego de Muros. Da antiga construción románica do templo só pervive a ábsida e os muros laterais. A ábsida é semicircular no interior e de dous corpos escalonados no exterior. Na fachada poden verse varios motivos románicos no aleiro con esculturas de canzorros decoradas con motivos vexetais, zoomorfos e antropomorfos. O arco triunfal é de medio punto disposto sobre columnas con capiteis con motivos vexetais. Unha gravura na fachada principal co "José Antonio Primo de Rivera" e unha cruz con "Caidos por la Patria, presentes" lembra ao réxime fascista que asolou Galicia e España durante corenta anos. O día 12 de setembro de 2014 envieille un correo ao Concello para que inicie o procedemento para reparar semellante tropelía. 
Mosteiro do Hospital ou de Santa María de Tomiño (O Hospital-Tomiño): Consérvase a igrexa mosteiral de monxas bieitas, posiblemente familiar, cuxas primeiras noticias documentais datan do ano 1149. No ano 1199 Urraca Fernández de Traba faille unha doazón. A mediados do século XV vivían nel dúas monxas, abadesa e prioresa, sendo a primeira a un tempo abadesa de Santa Baia das Donas. Deixou de ser mosteiro entre os anos 1453 e 1474 en que os seus bens pasaron á diócese de Tui, suprimíndose o cenobio por orde do bispo Diego de Muros II. Como no caso anterior, na fachada principal da igrexa fachendea aínda a simboloxía fascista. 
Priorado de San Lourenzo de Goián: Dependía de Oia. 
 


TUI
Mosteiro de San Miguel de Pexegueiro (Pexegueiro): Bieitos. Nada queda das antigas dependencias monacais. Consérvase a igrexa románica do s. XII. A portada occidental presenta tres arquivoltas semicirculares con xambas e columnas de fustes monolíticas con capiteis decorados. O tímpano está ornamentado con dous leóns enfrontados e dúas aves que se interpoñen na loita. A portada norte presenta capiteis decorados con motivos vexetais. A portada sur ten arquivoltas con botóns e tímpano sobre mochetas que reproducen cabezas de bóvidos. No interior conserva cinco interesantes retábulos, tres barrocos do século XVIII: o da Virxe das Dores, o da Virxe do Carme e o do Santo Cristo. Foi nesta igrexa cando San Telmo anunciou, durante un sermón pronunciado no 1249, a súa morte.
Mosteiro de San Miguel de Rebordáns: Algúns autores levan a súa fundación a época tardorromana, coa chegada do cristianismo a Tude, ou visigoda, mais o primeiro documento que se coñece data do ano 965. No ano 1071 o rei galego García trasladou aquí a sé espiscopal de Tui, período no que se celebraron dous concilios. No século XII estaba habitado por monxes bieitos, logo pasou aos Coengos Regulares de San Agostiño. No 1435 pasou a depender da catedral de Tui, suprimíndose o mosteiro mediante bula do papa Uxío IV. A igrexa, erixida sobre unha vila romana e unha necrópole romano-sueva, conserva pegadas prerrománicas e románicas, agás na portada que é do século XVIII. Unha tampa dun sartego ten unha inscrición do século VI que, traducida do latín, di: "Eiquí xace Modesta". Chaman a atención os capiteis historiados onde podemos observar a decapitación de San Xoán Bautista e a cea de Herodes. Salientan tamén as pinturas murais da ábsida, do século XVI, que representan diversas esceas da Pasión de Cristo e que corresponden ao obradoiro de pintores tudenses da familia Serveira. 
Convento de San Domingos: Dominicos. O primeiro convento solicitado polo Concello no ano 1272, contestado polo Cabido, situábase xunto as murallas da cidade; o papa Gregoria XIII permitiu a súa execución no ano 1283. No ano 1328 foi trasladado á ubicación actual. Nas antigas dependenzas conventuais hai un relevo funerario e fundacional en cuxa primeira parte identifica aos persoaxes falecidos e o ano de inicio da obra no 1330 por iniciativa de frei Domingo de Valença, en sufraxio da alma de seus parentes, a teerciaria dominica Durancia Pérez e frei Martín de Valença, provincial, representados coa Orde do santo sepulcro aberto (Carmen Manso Porto, 2016). A igrexa conventual é gótica do s. XIV. Ten planta de cruz latina e nave central de tres tramos que rematan en tres ábsidas poligonais cubertas con bóvedas nervadas iluminadas por vans xeminados. No interior salienta o retábulo da Virxe do Rosario, do 1741, coñecida como da "Batalla de Lepanto" pola curiosa presenza da famosa batalla ocupando todo o ático. O cruceiro é gótico, con sepulcros dos Soutomaior do mesmo estilo.
Convento das Clarisas: Coñecido como o das "Encerradas", nidia alusión á clausura. O convento data dos séculos XVII e XVIII, edificado sobre un lugar que acollía a desaparecida igrexa románica de Santa María da Oliveira. Durante as guerras con Portugal sufriu importantes desperfectos polo que tivo que ser reconstruído en varias ocasións. A igrexa, do s. XVII, é dunha nave. No interior hai un retábulo do s. XVII, obra do escultor Domingo de Fornelos.
Convento de San San Francisco: Século XVI. Na orixe formou parte do convento franciscán de San Antonio, reconstruído entre o 1682 e o 1728. Ten dous claustros. A igrexa, de tres naves, é neoclásica. Conserva no interior un retábulo barroco do 1741, obra de artistas portugueses, os retábulos laterais, unha cúpula de media laranxa e un amplo coro. No lado súr ábrese a capela da "Venerable Orde Terceira" contruída en 1777. Na actualidade acolle o Seminario Menor diocesán dende o ano 1850, con dous claustros, un barroco e aberto.  



VALGA
Mosteiro de Santa Comba de Cordeiro ou de Louro: Do século V serían os restos dunha pequena igrexa de planta rectangular, asociada ás primeiras exhumacións escavadas no pavimento tardorromano. Tamén se documentou unha etapa xermánica e altomedieval. Primeiro foi convento de monxas bieitas e priorado dos coengos regulares de San Agostiño a partires do s. XIII. No século XIV este priorado secularizouse. A finais do século XV dicíase que en Santa Comba houbera un mosteiro de monxas que pola súa vida deshonesta fora suprimido polo arcebispo de Santiago. No 1479 foi suprimido polo arcebispo Alonso de Fonseca, anexionándoo á colexiata de Iria. Nos últimos tempos estanse a realizar escavacións destinadas a atopar vestixios sobre a súa ubicación exacta. Na primeira fase dos traballos saíron á luz a planta dun edificio eclesiástico e sepulturas correspondentes a varias épocas. A actual igrexa barroca, do ano 1773, ten unha nave e carece de cruceiro, con campanario acaroado á fachada e fornela decorada con volutas sobre a porta alintelada, para a súa construción utilizáronse as pedras do antigo cenobio. Debaixo da primeira igrexa apareceron restos tardorromanos, coma tumbas de tella, un forno, tégulas, unha estela con inscrición reutilizada como zólcolo nun muro da igrexa, terra sigillata, etc.
 


VIGO
Convento de San Francisco: Un faraónico proxecto inmobiliario rematará coa andaina deste convento fundado no século XVII.
Mosteiro de Santa María de Castrelos: Sanxoanistas. Contaba con hospital, tamén desaparecido xunto co cenbio. Consérvase a igrexa románica. No interior hai unha inscrición co ano 1216, pero non se sabe se e a data de construción ou de remate. Coñécense dúas referencias documentais, unha do 1309 en que María Eanes deixa unha manda para o templo, e outra do 1499 en que Ramona Gómez doa un barril de viño.  Ten unha nave e unha ábsida semicircular na que se abren pequenos rosetóns e canzorros na cornixa. Conta con tres portadas axedrezadas. Tímpanos con cruces e columnas con motivos vexetais, decoración que tamén se observa nas ventás. A parroquia cítase como Castrelis no século XII en alusión ao castro que había nas inmediacións.
Mosteiro de San Salvador de Coruxo: Bieitos. Xa existía no século XI. Acoutado por Afonso VII, foi entregado ao Salvador de Celanova no 1152, onde tamén se incluía na doazón e privilexio a illa de Santo Estevo das Cíes. No 1218 aparece á súa fronte o prior Pedro Mídiz. No ano 1230 o bispo de Tui fai unha avinza entre o mosteiro de Celanova e o bispado en que queda en mans do abade do primeiro a capacidade de nomear ou depor ao prior de Coruxo. Logo Celanova doálle ao bispo os décimos sobre os bens de Coruxo, parte dunha igrexa e os dereitos sobre outras da diócese de Tui. A súa decadencia e extinción da vida monacal corre vencellada ao apoxeo de Santa María de Oia. Do templo románico consérvase a cabeceira, o resto é posterior. Ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas semicirculares, a central máis ancha e alta ca as laterais.
Mosteiro de San Estevo (Illas Cíes): No ano 1745, Fr. Martín Sarmiento fala dun ruinoso mosteiro na illa da Area de Roda (Illa de Faro) posto baixo o padroado de Santo Estevo. No ano 1152, por doazón de Afonso VII, pasou a depender de Celanova, que logo foi confirmada no 1228 por Afonso VIII, e no 1213 por Fernando III. No 1378 pasa á Igrexa de Tui que no século XV o cedeu a dez relixiosos franciscáns para que viviran na antiga ermida posta baixo o padroado de Santo Estevo. Pouco duraron os freires xa que no ano 1505 o papa Xulio II dispuxo que o oratorio fora entregado ao arcediago de Trastámara, Pedro de Ben, tomando este posesión dous anos despois do "oratorio llamado monasterio de Sant Stevan de Sías de las Ysllas de Bayona". O edificio actual, que chaman O Convento, nada ten que ver co medieval, foi construído coas pedras do primitivo onde se poden ver algunhas inscricións.
Mosteiro de San Martín (Illas Cíes): Na illa do mesmo nome. Fala del Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Nun documento de Afonso VIII do ano 1228 fálase dunha granxa dependente do mosteiro de Oia.




VILA DE CRUCES
Mosteiro de San Bieito de Brandariz: Dúplice. Fundado nos séculos X-XI. A primeira referencia documental data do ano 1087, cando a infanta Elvira fai unha doazón á igrexa de Santiago. Puído depender do veciño de Piloño, e logo do de Camanzo. En Brandariz hai unha iglesia posta baixo o padroado de San Miguel; na cabeceira hai un escudo cunha cruz patada.
Mosteiro de Santa María de Piloño: Orixe altomedieval. A Historia Compostelana di que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre eles o de Piloño que foi doado pola infanta Elvira. O couto deste cenobio abranguía dende a terra de Carrio ata o río Ulla. A igrexa actual é do século XV, erixida sobre outra máis antiga. 
Mosteiro de San Salvador de Camanzo: Primeiro de monxes e logo de monxas bieitas. O mosteiro fundouse sobre unha antiga igrexa prerrománica no século X polos condes de Deza, Gonzalo e Tareixa. No 1115, Dona Urraca doouno á igrexa compostelá. No ano 1516 as monxas pasaron a San Paio de Antealtares, en Santiago. A finais do século XV será un dos mosteiros que o arcebispo compostelán Alonso de Fonseca pretenderá salvar da reforma observante de Valladolid, outorgándollo como préstamo a Diego de Saldaña, bispo de Beirut. O derradeiro abade foi Vasco Escochado, documentado no ano 1491. No 1495 os bens deste mosteiro xa estaban en poder de San Martiño Pinario, quen o cederon vitalicamente a Lopo Gómez de Marzoa para que puidera manterse coas súas rendas. Do estado no que se atopan os restos monacais fala o derruído clausto, con restos da arcada gótica utilizado como alpendre; un sártego antropoide úsado como bebedoiro do gando; unha lápida, arrincada do seu emprazamento, está tirada xunto un muro; pedras labradas esparexidas por aquí e acolá; restos dun retábulo amontoados como se de leña se tratara, imaxes... A igrexa é de planta basilical con tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares. A porta principal ten arquivoltas semicirculares, con semicolumnas de perfil tórico con anxos cos brazos abertos e unha figura impartindo a beizón. No tímpano vai esculpida a figura do Salvador en acción de bendicir. As ábsidas son semicirculares por fóra e de ferradura polo interior, cubertas con bóvedas de cascarón. 
Mosteiro de San Salvador de Toiriz: Só consta como mosteiro nas doazóns das partes que varias persoas fan a Sobrado entre o 1164 e o 1258. Preto da igrexa parroquial atópase a aldea de Mosteiro.






VILAGARCÍA DE AROUSA
Convento de Vista Alegre: Forma conxunto xunto co pazo do mesmo nome polo que se comunicaba por medio dun pasadizo. Fundado a mediados do século XVII por Fernando de Andrade, arcebispo de Compostela. Unha das torres laterais do pazo trasladouse ao convento no XVII, século cando se construíu a igrexa de estilo neoclásico. Habitado por monxas agustinianas. Conserva unha escultura de Santa Librada, obra de Mateo de Prado, do ano 1642, encargada polo bispo Fernando de Andrade y Sotomayor que rexía a diócese de Sigüenza, en cuxa catedral era venerada. O culto a esta santa no chegou a callar en Galicia.
 


VILANOVA DE AROUSA

Mosteiro de Cálago (Cálago): Ruínas, edificado sobre un castro. A fundación do desaparecido cenobio atribúese a San Froitoso de Braga no s. VII. As primeiras noticias documentais datan do ano 929, cando Afonso IV acota os seus límites. Aínda que ten pasado por priorado de San Martiño Pinario, Rubén García Álvarez afirma que boa parte da súa historia discorreu como mosteiro independente, estimando que a unión ao mosteiro compostelán faríase despois do 1150 (Manuel Lucas di que a anexión tería lugar a mediados do século XIV, cando desapareceu). Tiña abades propios, e non priores. No 1199, dona Urraca, que posuía o castelo de Lobeira, fixo unha doazón ao mosteiro. Os seus restos, dos que só se conserva o campanario, forman parte dos alicerces da antiga igrexa conventual. Hai quen conxectura que foi destruído polos normandos no século IX ou X. Tamén que no lugar existiu unha fortaleza nos século XV ou XVII como parte defensiva das terras de Compostela. Nas catro catas realizadas no mes de agosto de 2017 non apareceron restos do antigo cenobio o que non quere dicir que non existira, será cuestión de seguir escavando. O que si saíron á luz foron anacos de cerámica castrexa, unha ánfora romana, restos dun morteiro, terra sigillata, cerámica común, tégula e restos de metal. 
Priorado de Vilanova: Fala del Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. A casa do prior estaba na Illa de Arousa.

o noso patrimonio
Mosteiros de Galicia (Provincia de Poontevedra)
Xabier Moure