MOSTEIROS DE GALIZA/GALICIA

O monacato en Europa foi parello á difusión do cristianismo. Os mosteiros xogaron un papel fundamental na organización social e no ámbito cultural acadando, ademais e sobre todo, un enorme poder material. Se ben xa existía en Galiza unha certa vida monacal, foi con Froitoso de Braga cando se regulamentan as comunidades familiares de tradición visigótica (Regula Monachorum). Mais será a partires dos séculos IX e X cando xurdan as grandes fundacións que, co tempo, se acolleron baixo a regra de San Bieito de Nursia do século VI en que se difunde por toda a Europa carolinxia e que traen os monxes de Cluny a través do Camiño de Santiago, uniformando o monacato occidental a mediados do século XI coa reforma gregoriana. O monaquismo galego consolidouse coa chegada dos cistercienses, orde fundada por Roberto de Molesmes no ano 1098 para levar unha vida máis en consoancia coa regra de San Bieito, con orixe na abadía de Citeaux (Francia), que acadaou unha grande influencia grazas a Bernardo de Claraval. No século XIII instálanse no país as ordes mendicantes dos franciscáns e dominicos (en menor medida os Agostiños, entre outros), cuxa presenza adoita vincularse á peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago a principios do século XIII, que fundan os seus conventos en núcleos urbanos, fronte á localización rural dos mosteiros bieitos e cistercienses. Tamén tiveron certa presenza en Galicia as ordes militares que naceron en Terra Santa despois da conquista de Xerusalén no ano 1099 durante a Primeira Cruzada, sendo as máis coñecidas as do Temple, a dos Hospitalarios de San Xoán e de Santiago que pasaron a rexentar, en varios casos, mosteiros altomedievais que foran abandonados. As abadías segrares, organizadas pola sé diocesán, estaban ligadas ás catedrais, integradas por persoas que non forzosamente tiñan servizo no altar, pero si a obriga de participar nos demais oficios e actos marcados pola comunidade.
As desamortizacións dos bens e terras "non produtivos" remataron co seu poder. Entre o 1800 (reinado de Carlos IV) e o 1859, sendo ministro Pascual Madoz (no medio houbo as do ministro Mendizábal, no 1835, e uns anos despois a de Espartero), a Igrexa perdeu boa parte dos seus bens que, ademais de ao eido espiritual, tamén afectou ao material, entre eles os edificios mosteirais e conventuais. Segundo Vicente Risco, máis de 7.000 relixiosos foron exclaustrados. Malia o anterior, cómpre subliñar, en contra da crenza xeralizada, que antes do século XV a maioría dos pequenos mosteiros apenas posuían riqueza e poder. Como apunta F. J. Pérez Rodríguez (2008), "a historia do monacato galego pleno e baixomedieval está cheo de sombras e non sempre os mosteiros viviron na riqueza e opulencia nin se levou neles a vida estereotipada que se lles adoita atribuír como centros de espiritualidade e cultura", e "a meirande parte dos cenobios pouco teñen que ver coa idea de poder, riqueza e progreso que, polo xeral, se ten dos mosteiros galegos medievais", é dicir, que a realidade monástica galega, ata o século XV, a pesares do gran número de cenobios, foi moito máis modesta do que adoitamos crer.
Nesta recompilación achego, polo de agora, preto de 400 mosteiros, priorados e conventos, aínda lonxe do número real dos que alfrombraron Galicia. Sen ir máis lonxe, José Freire Camaniel, na súa obra El Monacato Gallego en la Alta Edad Media (1998), rexistra máis de 500 mosteiros que non sobreviron á Reforma Gregoriana, onde se estudan as distintas regras que seguiron os cenobios galegos así como as comunidades que vivían neles, habitualmente formadas por homes e mulleres (mosteiros dúplices) que desapareceron ou se integraron noutras comunidades a partires da reforma citada cuxa idea principal era acadar un poder independente dirixido polo papa. Outros pequenos cenobios transformáronse en granxas, ou mesmo foron suprimidos; nun capítulo xeral da orde do Císter, celebrado no ano 1184, estableceuse que en todas as abadías houbese, ademais do abade, doce monxes, e senón que se reducise a granxa ou que desaparecera totalmente.


  
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DA CORUÑA

ABEGONDO
Mosteiro de Vilacoba: Maxi Rei (Anuario Brigantino 2004) fai alusión a un posible cenobio situado no impreciso lugar de Vilacoba, baseándose nun documento do ano 935 do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Mosteiro de Sarandóns: Coñecido como O Convento. Frei Martín Sarmiento di que foi mosteiro e logo priorado. O reconstruído edificio actual data de principios do século XX. Sábese que no século XVIII o priorado de Sarandóns dependía de San Martiño Pinario. No ano 1821 ponse á venda, pasando a mans particulares. Co restablecemento da monarquía absoluta, no 1823, volve a mans do clero, séndolle retirada definitivamente a propiedade a raíz do decreto de Desamortización de Mendizábal no ano 1836. Ao parecer, o fundador do vínculo de Sarandóns foi Gómez de Barral, rexedor de Santiago de Compostela no ano 1547.
 

AMES

Mosteiro de Barantoño (Bertamiráns): Poucas referencias hai sobre este posible cenobio recollido no inventario da Xunta de Galicia do ano 1991.

ARANGA

Mosteiro de San Paio de Aranga: Posible orixe altomedieval. Vencellado aos Traba ou a membros da súa familia. Nun documento do 11 de abril de 1165, Suero Menéndez doa ao mosteiro de Sobrado dos Monxes "in monasterio de Aranga totum quod acquisiuit ibi auus meus dommus Roderycus Froyle cum total uoce ipsius loci per totas partes ubi uadit uox de Aranga" (Luengo Martínez). Nun documento sen data cítase a freguesía de Santa María de Uerines/Urines (Virís, en Irixoa), xunto coas aldeas de Lousada e Roibos como herdades do mosteiro de Aranga. Tampouco leva data a denominada Karta de Reuoredo, na que se di que aqueles freires haitaban Vilaúxe, o mosteiro de Aranga e Roibos ata Virís: "isti fratres habitant in uilla Uxi et in monasterium de Aranga et in Ruuios usque ad Uerinis"; ambos documentos non son posteriores ao século XIII xa que foron copiados entón nos Tombos de Sobrado. Hai quen sitúa aquí aos templarios, hipótese nada fabulosa se temos en conta que foi un Traba, Fernando, quen os introduciu en Galiza o mesmo ano da fundación da orde do Temple (1119), doándolles o burgo de Faro (Betanzos).

ARES

Convento de Santa Catarina de Montefaro: Franciscáns, fundado no ano 1393 por Fernán Pérez de Andrade "O Bo". Estilo románico cando xa encomezaba a impoñerse o gótico. No claustro gótico hai unha fonte cun xabaril, símbolo dos Andrade. A igrexa sufriu modificacións no século XVIII. Cando a desamortización de Mendizábal no ano 1835, o mosteiro pasou a mans particulares e logo ao exército ata o ano 2000 en que foi cedido ao Concello. Cóntase que no lugar onde se ergueu o edificio existía un altar romano adicado ao Sol.
 

 

ARTEIXO
Priorado de Santomé de Monteagudo: Bieitos. Do mosteiro de Monteagudo só se conservan catro documentos, todos do século XV. Foi priorado de Santiago de Mens. Aparece citado por primeira vez nun testamento de Urraca Fernández de Traba, filla do conde Fernando Pérez de Traba, no ano 1199. No século XV aparece baixo a dirección dun prior. Para non ser afectado pola reforma observante de Valladolid, o seu prior frei Rui Martínez aliouse con Fernando Vermúdez de Castro, arcediago de Nendos e abade de Cambre para anexionalo a Santa María da Coruña. Logo da supresión da casa, os bens de Santomé pasaron a San Martiño Pinario que os entregará a Santa María do Campo a cambio de Cambre. Consérvase a igrexa, románica, de planta basilical, con tres naves, a central máis ampla, rematada en tres ábsidas de planta semicircular. 
Mosteiro de Santo Estevo de Morás: Monxas bieitas. Os datos son escasos, e o que se sabe é pola documentación de Cambre. O mosteiro debeu ter a orixe na Alta Idade Media, estando en posesión da familia dos Traba. A finais do século XII converteuse en priorado de San Paio de Antealtares, en Santiago. A comunidade debeu desaparecer entre o 1275 e o 1352, ano en que o seu couto se dirixe dende San Paio, que o afora á casa de Montaos. Só se conserva a igrexa, construída no ano 1162 e reformada no século XVIII. Do templo románico pódense ver os canzorros zoomorfos e antropomorfos do aleiro.
 

 

ARZÚA
Convento agostiño: Século XII, consérvase a capela da Madalena, de mampostería de carácter popular con elementos que denuncian a súa orixe románica. Parte do antigo convento, hoxe en día adicado a albergue, foi hospital de peregrinos sostido polos Coengos Regulares de San Agostiño. 
Mosteiro de San Xiao de Frades: Denominado nalgún documento como de Corie. Dise que foi fundado nno século VIII, atopándose na marxe esquerda do río Iso.  
Mosteiro de San Xusto e Pastor de Cornado (Dombodán): Bieitos. A primeira noticia deste mosteiro data do ano 1084 cando Honorigo aparece nunha sentenza outorgada a favor de San Xián de Samos. Recibiu carta de couto de Afonso VII no ano 1138, confirmada no ano 1179 por Fernando II. Aparece citado por última vez como abadía no 1340, en en 1380 xa aparece como dependente do de San Pedro de Fóra. O derradeiro prior de San Xusto documéntase no 1450. Desapareceu como priorado a mediados do século XV.
 

BERGONDO
Mosteiro de San Salvador: Bieitos. O mosteiro construíuse no século XII, característico do románico galego. Os primeiros documentos datan do ano 1126 cando a condesa Guntrode Rodríguez doa unha herdade. López Sangil e Manuel Lucas cren que é unha nova fundación sen pasado altomedieval. Recibiu a carta de couto de Afonso VII no 1138. Do mesmo ano é outro documento citado por Carré Aldao que fala do "Abbas Recendus de Burgundio", confirmando unha doazón do conde Vermudo de Traba á súa filla Urraca do mosteiro das Cascas (Betanzos). No 1218 documéntase unha doazón de Afonso IX ao abade Munio, onde o cenobio aparece citado como mosteiro bieito: "Monaster Sancti Salvatores de Bergondo ordini Sancti benedicti compostellani diocesis". Debido a un incendio acontecido no ano 1338, perdéronse o arquivo e a biblioteca. O derradeiro abade foi Xoán de Manzaneda, renunciando ao cargo no 1509 a favor dos bieitos de San Martiño Pinario, anexión que será sancionada polo papa no 1517. Tanto a igrexa coma o mosteiro foron reconstruídos no século XIV pola casa dos Andrade que é cando se fai a capela de Santa Catarina e a casa reitoral. O cenobio que podemos ver xunto a igrexa data da segunda metade do século XVI. Arredor do mosteiro desenvolvíanse actividades produtivas relacionadas coa súa proximidade ao río Mandeo; a pesca e a explotación das salinas eran tan importantes que chegaron ao punto de teren que defender os seus dereitos sobre o arcebispado de Compostela como consta nun documento do ano 1140.
 

BETANZOS

Convento de San Domingos: Dominicanos, século XVI. O convento mantén as trazas renacentista e barroca no que destaca o claustro dos ventanais, os arcos e a escalinata que dá as celas. Actuou como centro de ensino. A igrexa levantouse sobre unha antiga capela. Trala desamortización pasou ao concello.
Convento de San Francisco: A igrexa é da segunda metade do século XIV, contruída grazas a Fernán Pérez de Andrade o Bo, que reedificou o cenobio que xa existía dende o século XIII. No seu interior conserva o sepulcro do propio Fernán.
Mosteiro das Cascas, das Donas ou de Santa María de Xanrozo (Xanrozo): Orixe altomedieval. No 1118 documéntase un abade. No 1122 pertencía a Vermudo Pérez de Traba, quen o inclúe na dote que lle daba a súa muller, a infanta portuguesa Urraca Henriques. No 1138, Vermudo dóallo á súa filla Urraca e á comunidade de monxas que nel vivía segundo a regra de San Bieito. A elección da abadesa correspondía ao arcebispo de Santiago e ao mosteiro de Antealtares. No 1138 o mosteiro muda de nome e advocación, pasando de San Paio de Xanrozo a Santa María das Donas, sendo sancionada a fundación por Afonso VII. A vida da comunidade de monxas foi breve xa que no 1142 o monasterium de Ianruzo forma parte da herdanza outorgada por Vermudo Pérez á súa filla quen logo lle doa aos cistercienses a igrexa no 1145, onde o mosteiro de Sobrado instalará unha das súas granxas. Segundo Carlos Pereira Martínez, no seu Os templarios, artigos e ensaios (2000), esta muller, Urraca, era denominada como soror templi ou soror militie templi, o que non quere dicir, continúa o autor, que pertencera a unha rama feminina da orde do Temple xa que non consta, a diferencia doutras ordes militares, que os templarios contemplasen esa posibilidade; o probable é que fose membro dunha confraría templaria. No ano 1145 pasou a depender de Sobrado dos Monxes.
Mosteiro de San Estevo de Piadela: No tumbo A da catedral de Santiago atópase un documento do ano 1020 polo cal Afonso V, por consideración de dona Fronosilde, acótase o mosteiro de San Estevo de Piadela: "Inter Liminionemm et Generozo...", en alusión á aldea de Limiñón, en Chantada. 
Mosteiro de San Martiño de Tiobre: A igrexa matriz de Tiobre foi consagrada polo bispo Diego Xelmírez. En Tiobre emprazábase o principal núcleo de proboación durante o Imperio Romano (Betanzos Vello). O templo é de planta rectangular dunha soa nave e ábsida tamén rectangular. Todo o conxunto é de cadeirado de granito. O tímpano ten unha cruz de entrenzado sobre a porta que se apoia en dous capiteis con decoración vexetal. Na fachada principal ten unha porta baixo chambrana decorado cun axedrezado. O tímpano presenta como decoración unha cruz inscrita nun círculo. Espadana de dous vans.

 
 
 

BOIMORTO
Mosteiro de San Cristovo de Dormeá: Monxas bieitas. O mosteiro foi fundado por Dona Lupa, filla do conde Pedro Froilaz no ano 1152. No 1157 recibía carta de couto de Fernando II. No 1352 a comunidade estaba formada por pola abadesa, a prioresa e dúas monxas. Unha das abadesas foi citada polo trobador do século XIII Fernán Páez nas súas cantigas de maldizer onde lle chama "coyrmaa" e amiga. A principios do século XV o arcebispo Lope de Mendoza di que está nunha penosa situación, cunha desastrosa xestión das súas propiedades e cunha comunidade que non gardaba a regra bieita. Debido a isto o prelado decide suprimilo e anexionalo cos seus bens a San Martiño Pinario no ano 1406. A igrexa, posta baixo a advocación de San Cristovo, consta dunha nave rectangular e bóveda de canón.

BOQUEIXÓN
Mosteiro de Ledesma: Orixe altomedieval do que non quedan restos. A Historia Compostelana indica que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre eles este de Ledesma. 
Mosteiro de San Breixo das Donas (Donas): Monxas bieitas. Jerónimo del Hoyo menciona unha inscrición medieval na actual igrexa de San Pedro de Donas que pertencería a este mosteiro. Dime Henrique Neira Pereira, quen tamén me achegou a información anterior, que non foi capaz de localizar a inscrición polo que pode que estea tapada pola pintura.   
Mosteiro de San Sebastián de Montesacro: Situado no lendario Pico Sacro. Bieitos. Dependente de San Martiño Pinario. De lendarias orixes vencelladas á tradición xacobea, este mosteiro vén, ao menos, dende a Alta Idade Media, se ben non se lle pode facer moito caso á documentación existente que se cre foi falsificada, en parte ao interese de San Martiño Pinario en demostrar que o cenobio lles pertencía. Dise que foi mandado construír polo bispo Sisnando I no 914, quen o puxo baixo o padroado de San Sebastián. Serviu como albergue aos peregrinos que escollían a Ruta da Prata. Pouco se sabe de San Lourenzo antes do século XIII, cando aparece como priorado de Pinario, documentándose algúns priores ata o ano 1476. A tranquilidade do cenobio viuse truncada pola construción dun castelo. Dito o anterior, Henrique Neira Pereira dime que no Pico Sacro hai dous templos. O que está máis alto é a capela de San Sebastián do Pico Sacro, e un pouco máis abaixo está a igrexa parroquial de San Lourenzo da Granxa. Aínda que os dous templos foron dos monxes, o cenobio propiamente dito sería o de San Sebastían. Antes desta achega de Henrique, eu tíñao como Mosteiro de San Lourezo de Montesacro ou da Granxa.
 

CABANA DE BERGANTIÑOS
Mosteiro de San Estevo de Anos: Do antigo cenobio só se conserva a igrexa de orixe románica reformada con elementos barrocos.
Mosteiro de San Xoán de Vilanova ou de Borneiro: Bieitos. Anexo a Moraime. Asociado a un hospital de peregrinos que dende Santiago continuaban a Fisterra, construído mercé a unha doazón que no ano 1095 fixo a condesa Argelona ou Arxilo Páez, emparentada cos condes de Traba, de acordo con don Paio, abade de Borneiro. No 1199, dona Urraca Fernández de Traba fai unha manda ao cenobio. A mesma condesa doa o seu mosteiro familiar de San Xoán Bautista, que se atoparía nun lugar chamado Vilanova, ao de San Xián de Moraime, en Muxía. O mosteiro deixou de ter actividade monacal no século XIII ou XIV, xa que a finais do 1380 menciónase só como couto, sen outra referencia. Como foi fundado por unha muller tense crido que albergou unha comunidade feminina, pero non hai datos que o confirmen, ademais no 1095 está á súa fronte un abade polo que tería unha congregación masculina ou en todo caso dúplice. 
Mosteiro de San Martiño de Canduas: Século X. Monxas bieitas. A primeia notica dáse no testamento de dona Urraca Fernández de Traba, redactado no ano 1199. Pouco máis se sabe sobre este cenobio ata o 1436, ano da súa desaparición, que foi decretada polo arcebispo de Santiago Lope de Mendoza para anexionalo a San Martiño Pinario. Daquelas só vivían en Canduas a abadesa e a priora que se opuxeron a que a súa casa fora anexionada, finalizando o proceso no 1441 por orde do papa ao abade de San Pedro de Fóra para que a consumase. Só se conserva a igrexa, edificada sobre os restos do primitivo mosteiro.
 

 

CAMARIÑAS
Priorado de Santa Mariña de Tosto (Cabo Tosto-Xaviña): Bieitos. Pouco se sabe deste pequeno mosteiro, tal vez herdeiro doutro altomedieval. Desaparecido, parece que se levantaba no lugar que ocupa unha pequena capela. Pasaría a depender como priorado de San Paio de Antealtares a finais do século XII ou principios do XIII. No ano 1380, con Sabardes, aparece como priorado de San Paio usurpado por Roi Soga. Destruído polos normandos, reedificouse a finais do s. XII no que o abade de San Paio lle concede diversas posesións en Muxía, Laxe e Vimianzo, se ben este documento, datado no ano 1194, é considerado falso por F. J. Pérez Rodríguez (2008), por crer que a súa restauración nos terreos que establece o diploma é bastante difícil de que así fose, pois sería un caso único na Galicia medieval, sen intervención de laico ningún así como sen a presenza da autoridade diocesana correspondente, o arcebispo compostelán.
 

CAMBRE

Mosteiro de San Cibrán de Bribes: Bieitos. Posibles raíces altomedievais. Pedro Tácito, cardeal compostelán e outros herdeiros doáronllo ao arcebispo de Santiago no ano 1182. Dise que foi fundado polo monxe Creconio Muñiz. Tiña liberdade para elixir o seu abade, que debía ser confirmado no cargo polo arcebispo. Foi un dos mosteiros que máis cedo aceptou  a reforma observante, sendo visitado por frei Juan de San Juan, prior de Valladolid, no ano 1494, mais conservando a súa independencia ata o 1499 en que é anexionado a San Martiño Pinario, coa confirmación papal un ano despois. 
Mosteiro de Santa María de Cambre: Bieitos. O primitivo mosteiro, fundado na segunda metade do século IX, era de carácter familiar. Erixido sobre unha antiga ermida, só se conserva a casa reitoral. A fundación debeuse ao conde Avito e aos seus irmáns. O primeiro abade debeu ser Don Munio. No ano 942 pasa a depender, ata finais do século XV, de San Paio de Antealtares (Santiago); ao parecer, estes documentos foron manipulados no século XII para demostrar a súa pertenza ao cenobio compostelán. No ano 1115 figuraba como abade Pedro. A mediados do século XII está en poder de dona Sancha González, esposa do conde Fernando Pérez de Traba, pasando logo á súa neta dona Urraca o que parece indicar que neste tempo non tiña monxes. Da igrexa, construída baixo o patrocinio dos Traba no ano 1194, sobresae a cabeceira formada por cinco ábsidas semicirculares.
 

A CAPELA

Mosteiro de San Xoán de Caaveiro: Bieitos-agostiños. Atópase nas Fragas do Eume. A tradición asegura que foi fundado como mosteiro bieito polo mesmísimo San Rosendo no ano 936, aínda que xa existía, ao parecer, dende o 742 (data considerada errada por López Ferreiro). No ano 1135 foi refundado por Afonso VII e a súa muller Dona Berenguela. A primeira referencia fiable data dun documento papal do ano 1154 xa que os anteriores foron adulterados polo que merecen pouca credibilidade. Na segunda metade do século XIII pasa aos Coengos Regulares de San Agostiño. San Xoán de Caaveiro herdaría o seu couto da súa etpapa altomedieval, a pesares de que no seu cartulario aparecen tres cartas nas que llo concede Afonso VII (Pérez Rodríguez, 2008), e será ampliado polos monarcas do século XII, e por última vez no 1238 por Fernando II que lle doaba ao mosteiro a igrexa de Santo Estevo de Eirís onde se incluía a freguesía de Cabanas. Caaveiro caerá na Baixa Idade Media no poder dos Andrade; no 1382 os monxes entréganlle a encomenda a Pedro Fernández de Andrade "sen embargo das cartas e privyllejos que avemos de noso señor el rey don Johan que ora he en que mandou que non ouvesemos comendeyro eno dito couto salvo o piror de dito mooesteiro". No século XVIII perde a súa condición de colexiata o que conleva o remate da vida monástica. Coa desamortización de Mendizábal pasa a mans particulares precipitando a súa decadencia. A igrexa é románica do século XII, ten unha nave rectangular e ábsida cuberta con bóveda de canón seguida doutra dun cuarto de esfera. Ao mosteiro accédese por unha escalinata que dá a un arco de entrada sobre o que se ergue unha torre barroca construída no século XVIII. No mes de febreiro do ano 2011 concluíron as obras de rehabilitación. Para as visitas permanecerá aberto os festivos, pontes e fins de semana cun servizo de visitas guiadas. 
 

CEDEIRA

Santo André de Teixido: Bieitos. A igrexa actual é dos séculos XVI e XVIII. Da primitiva construción só se conserva a porta norte. Segundo a lenda, Santo André chegou navegando ata os escarpados cantís da serra da Capelada, a súa barca afundiu pero non recibiu ningún auxilio por parte dos habitantes do lugar. A barca transformouse nunha rocha coñecida como "A barca de Santo André". Entón, ao santuario que Deus lle prometera, acudirían todos os homes, en vida ou despois de mortos: "Ao Santo André de Teixido vai de morto o que non vai de vivo". Preto hai unha fonte construída no ano 1781 que garda a tradición que consiste en botar un miolo de pan á fonte; se frota é símbolo de boaventura e a petición cúmprese, máis se afunde é sinal de mala sorte e a petición queda sen cumprir.
Pía ritual: No cemiterio apareceu unha peza (agora na igrexa) que nos pode levar aos primeiros tempos do cristianismo. Trátase dunha pía ritual de granito que en tres esquinas ten esculpida unha cabeza humana feita de forma tosca, e na parte inferior, inscrita nun círculo, unha esvástica de quince radios con dúas perforacións que A. Fraguas relaciona cun culto solar. López Loureiro dátaa entre os séculos III-VI.


 

CESURAS
Mosteiro de San Salvador de Trasanquelos: Nin sequera se sabe a que santo estaba adicado, se ben debeu ser a San Salvador. Documéntanse doazóns nos anos 1150 e 1160. Consta como mosteiro nas doazóns das partes do antigo mosteiro polos seus herdeiros en beneficio de Sobrado. Só se conserva a igrexa barroca dunha soa nave rematada nunha ábsida rectangular. A fachada principal, en cadeirado de granito, foi restaurada no século XIX. Destaca unha espadana dobre. 
 

COIRÓS
Mosteiro de Santa Baia da Espenuca: Bieitos. Sábese que o antigo mosteiro, desaparecido, foi reedificado no ano 841. Segundo a tradición había outro anterior que foi destruído polos suevos. Foi incorporado ao mosteiro de San Salvador de Cís no ano 1063 do que será priorado ata mediados do século XIV. No século XV aínda era priorado, pasando a igrexa a filial da de Coirós. A igrexa é románica do século XII, ten unha nave e unha ábsida semicircular cuberta con bóveda de canón. No interior conserva pinturas murais do século XV. Nas inmediacións ergueuse un castro e logo unha torre medieval. A fortificación cítase no ano 868 xunto á igrexa de Sancta Eulalia ad castellum Asperunti que por aquel tempo semella xa antiga pois foi restaurada en torno ao século IX.

CORISTANCO
Mosteiro de San Mamede de Seavia: Bieitos. As primeiras referencias documentais datan do ano 1130. Pequeno mosteiro bieito vencellado aos Traba, primeiro habitado por monxes e logo por monxas. Non ten pasado altomedieval coñecido, a vida monástica está testemuñada nos séculos XII e XIII nas bulas concedidas a Santiago de Compostela e pola actuación dos seus abades no 1194 e no 1229. A confirmación papal da súa anexión a San Paio de Antealtares foi por bula do ano 1516. Da igrexa consérvanse restos da primitiva construción románica.

A CORUÑA

Convento de Santa Bárbara: Clarisas de clausura. Fundado polo papa Alexandre VI no ano 1494 no lugar onde se levantaba unha capela posta baixo a advocación de Santa Bárbara. O cenobio foi ampliado nos séculos XVII e XVIII. Na porta de entrada ten representacións de relevos góticos do século XIV cunha representación do Xuízo Final, e no vestíbulo ten outro relevo da Virxe co Neno.
Convento de San Domingos: Dominicanos. O primitivo convento ergueuse no século XIII, extra muros da cidade. No ano 1589 foi utilizado como fortaleza por Drake durante o asedio da cidade e que logo arrasou cando a fuxida. No 1606 inícianse as obras do novo San Domingos, esta vez intra muros da Coruña. A parte do convento ampliouse no 1726 pero a igrexa foi derrubada case por completo e só se conservan as capelas do Rosario e dos Remedios. No 1775 comeza a súa reconstrución. No exterior salienta a torre do campanario, oblicua ao eixo do templo. 
Convento de San Francisco: A igrexa formaba parte do convento situado extramuros da cidade. Dise que foi fundado por Fr. Benicasa de Tuderto, enviado polo mesmo San Francisco de Asís dende Santiago. As primeiras referencias datan do ano 1262. No 1589 foi incendiado polos ingleses de Drake. No 1651 sufriu outro incendio pola voadura do polvorín de San Carlos. No 1835, tras a exclaustración, convértese en cárcere, e no 1937 funcionou como cuartel militar. 
Colexiata de Santa María do Campo: Acadou o título de colexiata no ano 1441 por graza do arcebispo Lope de Mendoña. O reitor da parroquia convértese en prior. O arcebispo deu as normas que debía seguir a congregación pero sen esixir vida en común. A finais do século XV a colexiata coruñesa medrará tanto en patrimonio como en dignidade debido a Fernando Vermúdez de Castro, arcediago de Nendos na Igrexa de Santiago. Don Fernando conseguirá anexionar a Santa María o patrimonio de varios pequenos cenobios bieitos próximos á vila, aínda que a colexiata se verá na obriga de pactar coa Congregación de San Bieito de Valladolid, xa no século XVI, polo que finalmente se quedou cos bens de Mens e de Monteagudo. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).
 

 

CURTIS
Mosteiro de Santa Baia de Curtis: Fundado polo bispo Placencio. O P. Flórez (1792), García Álvarez (1965) e P. Locertales (1976) citan un documento do ano 995 que fala da restauración do mosteiro polo bispo Pedro (San Pedro de Mezonzo), doándolle a igrexa de "Sancto Vicentio de Naimaia", en Aranga. Algúns autores cren que aquí pode haber restos arqueolóxicos relacionados cun proceso temperá da cristianización de Galiza. No ano 1157 era o seu abade un tal Afonso. Evitou a súa integración no patrimonio do mosteiro de Sobrado. A igrexa actual é de estilo neoclásico.

FERROL
Convento das Escravas: Adoratrices Escravas do Santísimo Sacramento e da Inmaculada. Edificio moderno con espadana fundado no ano 1958. Carece de interese artístico. 
Priorado da Cabana (Brión): No ano 1153 o deán e o Cabido de Santiago fixeron unha doazón á igrexa de Santo André de Brión ao abade Exidio e aos monxes do mosteiro de Sobrado; tanto o templo coma o seu termo foron as primeiras posesións que os monxes de Sobrado tiveron nas cercanías do Ferrol, poñendo á fronte do convento da Cabana a un monxe co título de "Magister Grangia de Brion", título equivalente ao de prior. Citado por Frei Martiño Sarmiento.  

A LARACHA
Mosteiro de San Pedro de Soandres: Bieitos, século X. As primeiras referencias documentais do mosteiro datan do ano 990 se ben a súa fundación debeu de ser anterior. No ano 1495 foi anexionado a San Martiño Pinario (Santiago), transformándose en priorado. Na actualidade só se conservan algúns vestixios na casa reitoral. Aínda que na igrexa predomina o gótico, consérvanse restos da súa orixe románica (canzorros e unha porta con lintel sobre mochetas). Ten planta basilical de tres naves divididas en catro tramos cada unha que rematan en tres ábsidas poligonais cubertas por cúpulas nervadas. A cuberta das naves resólvese mediante unha bóveda de canón apoiada sobre arcos feixóns que descansan sobre os contrafortes exteriores. Chama a atención unha figura de pedra policromada proveniente da derrubada capela situada no monte de Santa Marta. Recentemente apareceu destruído un sártego cunha inscrición en latín, catalogado por Patrimonio, de cuxa autoría nada se sabe.
Convento do Socorro (Caión): Agostiños, século XVI. Fundado por Fernando Bermúdez de Castro. Do antigo convento só se conservan algúns restos na reitoral na actualidade acolle a Oficina de Turismo.
 

 

LOUSAME
Mosteiro dos Santos Xusto e Pastor de Toxosoutos: Século XII, bieitos. Denominado tamén como de San Xusto de Avellanedo. Nos textos antigos lese Tojis Altis ou Tribulis Altis. A fundación débese a dous cabaleiros, Froila Alonso e Pedro Muñiz, que no ano 1129 asinaron unha carta de irmandade comprometéndose a vivir baixo a Regra de San Bieito. O ano 1132, Pedro Cresconiz trocou ao mosteiro de Antealtares (Santiago) a capela de San Xusto e Pastor por outra situada en San Pedro de Castro (Roo-Noia). Así naceu o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. A capela, da que non existen restos, transformouse en igrexa a carón da cal se ergueu a primeira casa monacal. Por doazóns, adquisicións e trocos, chegou a ser un dos máis ricos de Galiza, chegando a contar con propiedades en Galiza, León e Portugal. O final de Toxosoutos foi no ano 1475 cando o papa Sixto IV ordena a súa anexión ao mosteiro de Sobrado dos Monxes. Logo da desamortización e exclaustración do ano 1835, as propiedades foron vendidas polo goberno, arruinándose o edificio do que non queda máis que unha pequena parte que se acondicionou para casa reitoral, tamén abandonada. O claustro románico vendeuse ao vizconde de Santo Alberte que o trasladou ao pazo de Pena de Ouro, en Noia. Os numerosos libros e documentos da súa biblioteca perdéronse ou foron roubados, conservándose o denominado Tombo de Toxosoutos, conservado no Arquivo Histórico Nacional, e a documentación relativa aos foros e propiedades que se poden consultar no arquivo histórico da Universidade de Santiago. 
 

MALPICA
Mosteiro de Santiago de Mens: Coñecido na Idade Media como de Magna Salagia. Bieitos. O documento máis antigo data do ano 1078, referido a doazóns dos condes de Traba. Pouco se sabe del nos dous séculos seguintes. Tratábase dunha comunidade pequena, formada no século XV por dous monxes e o abade. No 1531 xa dependía de San Martiño Pinario, cando o cedían á colexiata de Santa María do Campo na Coruña a cambio de Santa María de Cambre. Segundo Xerónimo del Hoyo, no século XVII aínda se mantiñan en pé o claustro e as celas dos monxes. O P. Yepes, erradamente, di que estivo vencellado a Antealtares debido a un documento papal do 1509 en que aparece xunto a Portor. De Mens dependía o priorado de Monteagudo. Na actualidade só se conserva a igrexa mosteiral con cabeceira formada por tres ábsidas, a central pentagonal cuberta con bóveda de esfera, e as laterais, semicirculares, cubertas por bóvedas de semiesfera. No interior hai unha ara romana incrustada na ábsida dereita coa inscrición eliminada. A finais do século XIX a fachada románica do templo trocouse, lamentablemente, pola que podemos ver hoxe en día, sen valor artístico nin arquitectónico. 
 

MAZARICOS
Priorado de Cives de Abaixo (Colúns): Císter. Consérvase unha casa con vestixios do priorado onde se recadaban as rendas que posuían os monxes de Sobrado.

MELIDE

Convento do Sancti Spiritus: Franciscáns, consérvase a igrexa. As primeiras referencias ao convento do Santo Espírito datan do ano 1325, nunha doazón realizada por Álvaro Díaz de Deza. No ano 1498, o conde de Monterrei mandou construír a igrexa en memoria da súa nai, Inés de Castro (cuxo sártego se atopa no interior), empregando para a construción os perpiaños do antigo castelo do Castro. Na cabeceira exterior do templo pódense apreciar restos de pinturas que ben puideron adornar o antigo claustro do convento. A igrexa actual é de planta rectangular e unha nave con presbiterio rectangular cuberto por unha bóveda estrelada. Destaca a torre do campanario.

MIÑO
Mosteiro de San Isidro de Callobre: Fundado no ano 1088 polo presbítero Sentarius en terreos doados por Romano Didaz segundo figura nun documento de dubidosa autenticidade. A vida monacal foi breve. Abandonado o cenobio, o conde Fernando de Traba construíu cos seus restos un pazo xunto á igrexa que máis adiante se convertiría en Granxa do mosteiro de Monfero. 
Convento da Relixiosas de María Inmaculada (Bañobre).
 

 

 

MONFERO
Mosteiro de Santa María de Monfero: Císter. Segundo F. J. Pérez Rodríguez (2008), este mosteiro ten unha das historias máis difíciles de desentrañar do monacato medieval galego debido á documentación falsa ou interpolada ou das lendas que rodean a súa fundación e que relacionan con San Xusto de Toxosoutos, poñendo como mostra que ten nada menos que cinco cartas de couto, caso único en Galicia e posiblemente na Península, todas de Afonso VII, catro delas coa mesma data pero que non coinciden no texto. No lugar onde hoxe se atopa o cenobio atopábase nos primeiros anos (1112 ou 1114) a ermida de San Marcos, lugar elixido polos cabaleiros e irmáns Suero e Froila Vermúdez para agocharse tras asasinar ao mordono de dona Urraca. Esta ordenou a un terceiro irmán reconstruír a derruída ermida no 1114. Vinte anos máis tarde este cabaleiro xunto co seu sobriño Pedro Osorio funda alí o mosteiro de Santa María de Monfero. Nun primeiro momento foi ocupado por monxes cluniacenses ata que pasou ao Císter no ano 1201, quedando baixo a xurisdición de Santa María de Sobrado. As múltiples doazóns de que foi obxecto ocasionaron unha serie de desputas co bispado compostelán e con algúns nobres. A decadencia encomezou no século XV pola mala xestión dunha serie de abades, mesmo se ten constancia do asasinato de varios monxes a mans dos campesiños. No 1506, ao se incorporar á congregación de Castela, tomou novo pulo o que lle permitiu aos monxes erixir a actual igrexa barroca (1641-1643). No 1803 un raio destruíu o ciborio da igrexa que, por mor da invasión francesa, non se chegou a reconstruír. No ano 1820 os monxes foron obrigados a abandonar o cenobio. Cando regresaron no 1823 atpáronno en estado de total abandono. A reconstrución viuse truncada no 1835 polo decreto de desamortización do ministro Mendizábal. Na actualidade consérvase un claustro renacentista con pegadas da primitiva edificación románica, outro claustro do século XVI cunha fonte no medio, e os restos dun terceiro que se estaba a levantar cando a invasión do exército napoleónico. Tamén se conservan restos do refectorio e da biblioteca. A igrexa, erixida ao mesmo tempo que o mosteiro, é de planta de cruz latina dunha soa nave que aínda conserva restos románicos na fachada sur. A fachada principal destaca polo seu axedrezado mediante a alternancia de bloques de granito e pizarra e as grandes columnas. No interior sobresae a bóveda octogonal e a cúpula de comezos do século XVIII. Tamén se poden ver os sepulcros de Pedro, Diego, Fernán e Nuno Pérez de Andrade, alcumado "O Mao", que participou na Primeira Guerra Irmandiña.
 

 

MUROS

Convento de San Francisco (Louro): Franciscáns. Sobre un crematorio fundado no ano 1223 levantouse unha capela románica posta baixo a advocación de Santa Mónica do Rial que deu lugar ao convento no ano 1433. Logo da exclaustración do ano 1835, os franciscáns ocupáronno de novo no 1873 procedendo á súa reconstrución. O claustro foi construído no ano 1646. O adro, cun cruceiro no medio, está cercado por un muro. Nas proximidades, no monte Oroso, erixiuse un Via Crucis no ano 1877 que ten a particularidade de estar formado por quince cruces.  
Colexiata de San Pedro de Muros: A reforma da súa clerecía foi simultánea á súa elevación a colexiata e tivo lugar no ano 1500 por Diego de Muros III, bispo de Mondoñedo e despois de Oviedo. Destinou a dez coengos que tiñan que ser necesariamente presbíteros. O superior levará o título de prior. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).

 

MUXÍA
Mosteiro de San Xián de Moraime: Bieitos, séculos VI-XII. Vencellado aos condes de Traba e logo priorado dependente de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. Ademais da casa reitoral e un pombal, hai restos de sártegos e tuberías. Foron os monxes de Moraime quen impulsaron a cristianización de vellos cultos pagáns que se practicaban onde se ergue o santuario de Nosa Señora da Barca, como as pedras dos Cadrís e de Abalar relacionadas con ritos litolátricos que na simboloxía cristiá representan os restos da embarcación que trouxo á Virxe a Galiza. Documéntase por primeira vez nunhas doazóns do mosteiro de San Xoán de Borneiro no ano 1095. Foi destruído polos normandos no 1105, e logo polos sarracenos no 1115. Despois chegou o esplendor relixioso e económico. Segundo a tradición, os condes de Traba esconderon no mosteiro ao futuro rei Afonso VII da súa nai Dona Urraca. O propio Afonso VII confirmaba o seu couto no 1119. No 1345 o porto de Muxía conseguía separarse do couto do mosteiro e converterse en reguengo por obra de Afonso XI. A principios do século XV, a comunidade está formada por tres monxes, o prior e o abade, moi lonxe da que tivo en tempos precedentes. No ano 1494 o abade era frei Martiño Fernández de Ferrío quen, indignado pola supresión do cenobio marchou a Roma a protestar; e alí morreu, sen evitar que o mosteiro fora ocupado por monxes de San Martiño Pinario que nomearon a frei García de Lens, antigo prior de Portor. No 1497, o Capítulo Xeral de San Benito de Valladolid decidiu segregar o patrimonio de Moraime do de Pinario para destinar as súas rendas aos gastos xerais da congregación, feito sancionado polo papa no 1499. Frei Martín Sarmiento estivo nel no ano 1745, dicindo que entre os seus papeis se conservaban máis de cincoenta pergameos en latín, galego e castelán. Consérvase a igrexa de planta basilical con tres naves e tres ábsidas. Ten un adro cuberto con escalinata que descende cara á porta principal, flanqueada por tres pares de estatuas-columnas sobre as que descansan tres arquivoltas decoradas coas almas da Apocalípse e uns anciáns músicos. A porta lateral sur, descuberta no ano 1975, presenta capiteis e unha escea da Derradeira Cea no tímpano exterior e un Agnus Dei no reverso. No interior pódense ver restos de pinturas murais que cubrían todo o lateral que representan os sete pecados capitais e a morte. Na actualidade, a súa situación non se corresponde co valor histórico e artístico que posúe. As distintas intervencións levadas a cabo non resultaron suficientes para poñer a salvo o patrimonio que atesoura. Moitos dos seus elementos aparecen tirados pola contorna, constatándose o roubo de varias pezas. A reitoral, contruída no século XVIII, en parte sobre o primitivo cenobio, estivo moito tempo abandonada ata que unha empresa logrou a súa cesión por parte do arcebispado e restaurouna para uso hosteleiro, proxecto que se truncou co crise.
Mosteiro de Santa María de Ozón: Bieitos. Aínda que os primeiros documentos datan do ano 1302, parece ser que a súa fundación débese aos monxes de Santa María de Tosto, na parroquia de Xaviña (Camariñas), que logo se trasladaron a Ozón. No 1301 aparece como priorado de Antealtares. O Tombo de Toxosoutos recolle unha doazón do ano 1334. O derradeiro prior foi Diego de Viveiro no ano 1480, quen no 1487 é nomeado como abade de San Paio. As propiedades de Ozón pasan a San Martiño Pinario no 1498. Os únicos vestixios que se conservan son un arco oxival que se atopa entre o muro que pecha a casa reitoral e a igrexa, un arco tapiado que comunicaba o templo co cenobio e un lagar.
 

 

NARÓN

Mosteiro de San Martiño de Xubia (O Couto-Xubia): O mosteiro foi fundado como abadía dúplice no ano 1137 polos condes de Traba. No 1113 Pedro Froilaz de Traba e os seus irmáns Munio e Visclavara entréganllo á orde de Cluny o que co tempo obrigou ao cenobio a desfacerse de moitas posesións, conflito que rematou coa súa separación e posterior unión a San Salvador de Lourenzá. No 1259 o seu prior foi deposto polos visitadores de Cluny por ter fama de mulleriego e ter entre os seus monxes un homicida; anos despois foi acusado de que dilapidaba os bens da igrexa, vendía os obxectos sagrados e practicaba a simonía. No 1288 Xubía está en poder dun cabaleiro calificado de bandoleiro. No 1291 vivían no priorado sete monxes "de terrible impresión" segundo o Capítulo Xeral quen ordena ao camerario detención do monxe Domingo André por entregarse a desmedidos excesos coas mulleres. Nos séculos XIV e XV o panorama non mudara moito, cando os visitaron tanto os representantes do cluniacenses como os observantes de Valladolid, falan de prácticas simoníacas, mulleres que viven cos monxes no mesmo mosteiro, blasfemos, edificios descoidados, desidia na xestións dos bens, etc. Do antigo mosteiro só se conserva a igrexa románica do século XII e restos do claustro. A igrexa é de planta basilical dividida en tres naves rematadas en ábsidas semicirculares. A torre do campanario foi levantado durante unha reforma do século XVIII. No exterior hai un sártego de granito datado no século XI. Na casa reitoral, con tres corpos e un patio central con pozo e fonte, hospedouse Frei Martiño Sarmiento no ano 1735 cando se dirixía a Santo André de Teixido. 
Mosteiro de San Salvador de Pedroso: Coengos Regulares de San Agostiño. Fundado por María Froilaz, irmá de Pedro Froilaz, no ano 1111, substituíu a un mosteiro anterior; á súa morte foi doado a Diego Xelmírez. Foi edificado nun lugar coñecido como Vineola (viña pequena). No século XIV os monxes enfróntanse cos representantes do rei en Galicia, aquí encomeza a súa decadencia, pechándose definitivamente no 1492. No 1365 dise que estaba danificado et prove, situación ao que contribuirían os Andrade, cuxo conde, Pedro Enríquez foi denunciado polos coengos no 1380 ante o tribunal de Medina do Campo. No 1492 visita o cenobio Alonso Carrillo de Albornoz, bispo de Catania e responsable da reforma dos mosteiros en Galicia, comprobando que estaba habitado polo prior e dous coengos, atopándose cun edificio ruinoso e sen ornamentos sacros nin libros litúrxicos o que levou ao bispo a escribir que "allí no existe la menor observancia de las reglas". Carrillo de Albornoz suprimiu o mosteiros, anexionándoo a San Martiño de Mondoñedo pero permitindo ao prior e coengos vivir na casa ata a súa morte. O derradeiro prior de Pedroso faleceu no 1497. No ano 1544 foi vendido aos señores de San Sadurniño, e a finais do século XVIII xa non quedaban restos. 
Convento de Baltar (Baltar-O Val): Misioneiros Claretianos. Construído como pazo no século XVI, pertenceu aos marqueses de Lago-San Sadurniño. No ano 1910 foi doado aos Misioneiros Claretianos pola derradeira dona. Iniciou a súa actividade no ano 1914. Na actualidade só conserva dous brasóns da época.
 

NEGREIRA
Mosteiro de San Cristovo de Arzón: Bieitos, dependente do mosteiro de Toxosoutos. No 1137 Vermudo Pérez de Traba chegaba a un acordo co abade de Toxosoutos para restaurar a vida monacal en Arzón, resumíndose no documento a historia deste cenobio. Fora fundado polo seu bisavó, o conde don Paio, pero despois "quedou ermo e as herdades que o rodeaban foron despoboadas no tempo das guerras" cos vikingos. O fillo do conde Froila Páez restaurou o mosteiro e a vida nel. Nun preito entre os mosteiros da Nogueirosa (Pontedeume) e os de San Xusto de Toxosoutos (Lousame), o de San Cristovo de Arzón pasou a depender de Toxosoutos. A súa etapa como priorado foi breve, no 1172 documéntase o seu último prior, e en 1226 Afonso IX confirma o couto de Arzón a Toxosoutos. 
Mosteiro de Santa María de Portor: Bieitos. No ano 1162 ten un prior á fronte polo que xa debía pertencer a San Martiño Pinario de Santiago de Compostela; neste mesmo ano aparece citado como mosteiro de Santa María de Portus Hodoris. O derradeiro prior foi frei García de Lens. A igrexa é de orixe románica, conserva algúns elementos (uns arcos cegos, canzorros e capiteis con figuras humanas). A fachada actual e a torre datan do século XVIII.

NOIA
Convento de San Francisco: Franciscáns, ano 1522. O primitivo convento foi construído polos franciscáns cando se trasladaron á vila provenientes do lugar de Sueiro, na parroquia de Argalo. Consérvase o claustro que acolleu o cárcere e na actualidade as dependencias municipais. A igrexa, renacentista do século XVI, ten unha nave de planta de cruz latina e unha torre das campás de tres corpos.
Mosteiro de San Martiño de Corenza: Bieitos. Altomedieval, foi abandonado no século XVII. Citado no Tombo de Toxosoutos no 1200 como Corentia, como couto e freguesía baixo o padroado de San Martiño. No 1345 aparece un prior á súa fronte, cando xa dependía de San Paio de Antealtares. A súa desaparición produciríase a finais do século XV. O antigo núcleo de poboación de Corenza repartiuse entre os lugares de Nimo, Vilardante e Vilafabeiro, na actualidade pertencentes á parroquia de Roo. Polo de agora pouco se sabe sobre a súa ubicación, á beira do Tambre. Manuel Ces Canle, nun seu artigo titulado O Couto de San Martiño de Corenza no tempo, freguesía de Santa María de Roo e San Xusto, concello de Noia, aparecido no ano 2005 en Alameda, a revista da Sociedade do Liceo de Noia, di ter localizadas as ruínas deste cenobio.
 

ORTIGUEIRA

Convento de San Domingos: Dominicanos. Na actualidade acolle, ademais da igrexa, o concello e o Teatro da Beneficencia. O convento barroco foi construído na primeira metade do século XVI polos dominicos que se instalaran na vila no 1302, ano no que comeza a levantarse a desaparecida igrexa. O templo actual data do século XVIII, ten planta de cruz latina cunha nave á que se pode acceder a través da porta da fachada ou por un dos claustros.

 

OUTES
Mosteiro de San Ourente de Entíns: Na parroquia queda un núcleo denominado Mosteiro, que fai alusión a un antigo cenobio medieval baixo as grafías de Gentines nos anos 830 e 1110, Gentinis no 1138, e Intinis no 1177. 
Mosteiro de Sabardes (O Freixo de Sabardes): Bieitos. O cenobio, fundado no século XII, tivo a súa orixe nun primitivo oratorio que o conde Pedro Froilaz mandou reconstruír e que puxo baixo a autoridade do abade Austrario; consagrado polo arcebispo Xelmírez pasou a depender, anos despois, de San Martiño Pinario, en Santiago. No ano 1182 fora cedido polos seus padroeiros Fernando Arias e a súa muller Tareixa Vermúdez á orde de Santiago o que foi obxecto dun preito entre os cabaleiros santiaguistas e os descendentes do matrimonio. A mediados do século XVI estaba rexido por un prior, desaparecendo arredor do 1400. Do conxunto monacal só se conserva a igrexa, construída no s. XVII e reformada no XVIII, e parte da edificación que acubillaba aos monxes, hoxe convertida en casa reitoral. O templo ten planta rectangular con muros de mapostería e cachotaría, cunha porta de acceso enmarcada por un arco de medio punto. A torre das campás, de tres corpos, está decorada con piastras, molduras e pináculos. O escudo da doela central mostra a súa pertenza a San Martiño Pinario.
Mosteiro de Sta. María a Real ou de Santa Tasia (Entins): Monxas bieitas. A eccesia Sancta Talasie documéntase a mediados do século IX. O mosteiro feminino de Santa Tasia aparece documentado en Toxosoutos no ano 1153. A principios do século XII, o conde Vermudo dooullo ao arcebispo Xelmírez quen o agregou á freguesía de San Ourente de Entíns. Pouco se sabe deste cenobio, a non ser que no 1134 aínda estaba habitado segundo figura no testamento de Leonor Gonzáles de Saz. Debeu quedar baleiro a mediados do século XIV, sendo suprimido polo arcebispo de Santiago arredor do 1400 xa que no 1423 fálase do arcediago de Santa Tasia, membro do cabido compostelán. López Ferreiro di que os bens do extinguido cenobio foron cedidos á xudicatura de Villestro. Cóntase que San Campio, un militar romano do século III martirizado por se converter ao cristianismo e cuxo corpo fora depositado no cemiterio romano de San Calixto, foi trasladado a Santa Tasia no ano 1774 por mandato do arcediago de Trastámara. A igrexa actual data do século XVIII.

OZA DOS RÍOS
Mosteiro de San Salvador de Cís: Bieitos. Mosteiro dúplice (habitado por monxes e monxas) fundado polos condes Aloito e Paterna a finais do século IX e que máis tarde se puxo baixo a Regra de Bieito de Nursia habitado por monxes. No século XII figura como propiedade de Pedro Froilaz, conde de Traba, pertenza que supuxo un conflito co abade Pedro de Cís, contando este último co apoio de Xelmírez que querían que o mosteiro se constituíse en masculino, en contra das pretenxións do conde que quería instalar monxas. O papa puxo o caso en mans do arcebispo compostelán que lle deu a razón a Pedro de Cís. Afonso XI, fundador de Betanzos, outorgou a Cís parte das rendas reais que se cobraban na vila tal como o demostran os preitos que a finais do século XIII mantivo o cenobio co cisterciense de Sobrado, como a avinza suscrita co Concello de Betanzos no ano 1283. Entre os séculos XII e XV Cís será reitor dos pequenos priorados de Santa Baia da Espenuca e San Cremenzo de Vilamateo, ligados a este, quizais, dende a Alta Idade Media. A desamortización do ministro Mendizábal de 1835 supuxo a perda das súas propiedades e a desaparición das instalacións monacais. Actualmente só se conserva a igrexa gótica do século XIV, posta baixo a advocación de San Nicolás, levantada sobre outra mozárabe da que aínda podemos admirar un capitel de mármore e un modillón. Trátase dun edificio de planta basilical de tres naves de estilo oxival cunha cabeceira formada por tres ábsidas, unha central heptagonal e dúas laterais pentagonais. No interior os arcos das naves son apuntados que sustentan bóvedas nervadas que na cabeceira presentan forma de abano. Na fachada norte represéntase unha escea da adoración dos Reis Magos e na do oeste ábrese un rosetón. O antigo cenobio está ocupado na actualidade por unha casa de turismo rural.

PADRÓN
Convento de San Antonio (Herbón): Franciscáns. Fundado no ano 1396 por frei Gonzalo Mariño e frei Pedro de Nemancos. A reforma máis importante produciuse no 1767 afectando a toda a estrutura agás o comedor, o claustro e os apousentos. Dende o ano 1701 ao 1835 funcionou como colexio seminario de misioneiros que exercían o seu labor en latinoamérica. Foi saqueado no 1809 polo exército napoleónico, e dende o 1814 ata o 1823 funcionou como cárcere. Despois da desamortización pasou ao concello ata o ano 1884 en que o bispado de Santiago llo devolve aos franciscáns establecendo nel un seminario menor. Dise que foron os seguidores da Regra de San Francisco de Asís os que trouxeron a Herbón os famosos pementos. A igrexa, de estilo neoclásico, conserva restos da antiga románica que conta cunha inscrición do seu patrocinador, o arcebispo Xelmírez, e un púlpito gótico coa imaxe de Santiago peregrino do século XV.
Convento do Carme: Século XVIII. Primeiro dos carmelitas descalzos e logo dos dominicanos. Erixido no ano 1739 sobre a rocha ao pé do monte San Gregorio, na parte máis alta de Padrón, en terreos cedidos pola marquesa de Parga. A dirección das obras correron a cargo de frei Pedro de la Madre de Dios. Logo da desamortización de Mendizábal foi mercado polo comerciante Manuel García Pan que llelo cedeu aos predicadores de San Domingos. 
Colexiata de Santa María de Iria: Foi a primeira colexiata de Galicia, documentada a finais do 1392. A aparición do sepulcro do Apóstolo Santiago supuxo para a diócese o desprazamento dos bispos cara Compostela, quedando Iria relegada a un segundo plano. No 1095 a sé episcopal é transferida polo papa para Santiago. A pesares diso, Iria continuou mantendo un cabido catedralicio. O primeiro arcebispo de Compostela dáballe a Iria dúas sés: a antiga catedral e a igrexa de Santiago de Padrón, se ben os coengos continuaron a residr en Iria. Iria mesmo foi desvinculada do fenómeno xacobeo, o Códice Calixtino mesmo a combate e terxiversa a súa historia, mesmo afirmando que Carlomagno establecera bispos e presbíteros nas cidades, pero en Iria non porque non a tivo por cidade, mandando que fose vila suxeira á sé compostelá.  A pesares disto, Iria conservou un grupo de coengos que acadarán para a súa igrexa o título de colexiata.
 

 

A POBRA DO CARAMIÑAL
Convento da Misarela (Lesón): Franciscáns. Fundado no ano 1392 por frei Gonzalo Mariño na confluenza dos ríos San Xoán e Barbanza para formar o río Pedras, xunto a antiga ponte romana. Cando frei Martiño Sarmiento o visitou no ano 1745, os monxes xa se trasladaran a Santa María de Xobre no século XV; do antigo cenobio aínda permanecían en pé unha ruinosa igrexa e algunhas dependencias. O bieito fala dun dos sitios máis lóbregos, solitarios, escarpados e estreitos que se poida imaxinar para ermitáns; logo deuse aos franciscáns, pero non podendo subsistir alí, foron fundar á Pobra do Deán. Preto do lugar hai unha pedra que chaman da Barca que, segundo a lenda, trouxo a San Xoán a Galiza. Submido nun total abandono, resulta difícil atorpar os restos do que foi o antigo convento, a matogueira cubre todo o lugar e só se permite adiviñar a existencia dun muro e unhas escaleiras.
Convento de San Antonio (O Xobre): Os monxes que habitaban na Misarela trasladáronse ao Xobre no ano 1472, fundando un convento xunto a praia de San Antonio (que tomou o nome do cenobio) arrodeado por altos muros e con ramplas que permitían o acceso ao mar. Cóntase que os freires colocaron no lugar unha imaxe de granito do santo patrón, á que aínda hoxe en día se pode acceder cando vai marea baixa, moi venerada polas mozas solteiras que lle poñían candeas para lle pedir marido. Conta a lenda que ante tal devoción, máis pagana ca cristiá, os monxes quixeron trasladala a un lugar inaccesible, mais, cada vez que tentaban colocala no novo emprazamento, derrubábase o muro.


PONTECESO
Mosteiro de Almerezo: Fundado por San Rosendo no ano 867, non se conservan restos visibles. Sobre el asenta a igrexa de San Vicenzo da Graña. Figura nun preito do ano 1236 entre frei Pedro, mestre do mosteiro, que actúa en nome do mosterio de Sobrado, e Martín de Boén por unha herdade en Souto. O templo, do século XVII, é de planta rectangular organizada en dous módulos formados por capela e sancristía, ten ábsida cadrada e o portón da entrada está realizado en cadeirado. 
Mosteiro de Cospindo: Orixe altomedieval. Non quedan restos. A Historia Compostelana indica que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre outros este de Cospindo.    
Mosteiro de San Tomé de Nemeño (O Porto do Souto-Nemeño): Agostiños. A igrexa asenta sobre un antigo mosteiro logo incorporado ao priorado do Sar. Nun documento do ano 1105, Pedro Froilaz de Traba e a súa muller Guntrode dotan ao cenobio. Nomeado nas confirmacións pontifícias da diócese de Santiago do século XII. No 1385 está rexido por un prior. No 1443 foi anexionado a Santa María do Sar por mandato do arcebispo Lope de Mendoza. Malia o anterior, na finais do século XV aparece como casa independente, pasando a Santa María da Coruña ao redor do 1500 grazas ao arcediago de Nendos Fernando Vermúdez de Castro. A igrexa, do século XII, ten planta de cruz latina dunha soa nave con presbiterio e dúas capelas laterais. Na actualidade, os muros están branquexados, agás parte do cadeirado que enmarcan as portas e as ventás. Destaca unha espadana de dous vans rematada por un frontón triangular con pináculos. Foi parroquia propia, logo anexada a San Martiño de Cores. A sancristía sitúase detrás do altar maior cuxo acceso se realiza por dúas portas situadas na cabeceira leste.


PONTEDEUME
Mosteiro de Santa María da Nogueirosa: Bieitos. Non quedan restos, a tradición é a única fonte que permite emprazalo de forma aproximada. No ano 1145, Vermudo Pérez de Traba e a súa muller, a infanta portuguesa Urraca Enriques, confiaron ao abade do mosteiro de Toxosoutos, en Lousame, a construción do cenobio da Nogueirosa. As obras comezaron no ano 115o, en terras doadas por dona Urraca, esposa de Vermudo. O primeiro abade foi un tal don Rodrígo. No ano 1151 dona Urraca chegaba a un acordo coa comunidade segundo o cal os monxes se comprometían, no caso de que decidira tomar os hábitos, a admitila a ela e a catro mulleres maís, estipulándose que as donas poderían elixir ao seu gusto ser bieitas ou cistercienses, dándoselles para vivir unha das igrexas do couto do mosteiro e o mantemento que se precisase. No 1161, a infante ingresa na Nogueirosa pero, obviando o pacto citado anteriormente, quixo quedarse na casa central e non nunha das igrexas, polo que os bieitos foron obrigados a regresar para a súa casa nai de Toxosoutos, pero denunciando á infante ante a diócese de Santiago, preito que rematará cun acordo entre as partes no que a dona e don Vermudo facían unha importante doazón a San Xusto de Toxosoutos a cambio de quedar co mosteiro da Nogueirosa. Cambia entón a vida monástica masculina pola feminina e pasaba da dependenza de Toxosoutos á de Sobrado. A comunidade non durou moito máis alá da vida de dona Urraca, sendo desmantelado o cenobio polos herdeiros. Durante o resto da Idade Media pasará a ser unha granxa dos cistercienses de Sobrado. 
Mosteiro de San Miguel de Breamo: Agostiños, século XII. Segundo a inscrición que figura na fachada, a igrexa foi construída no ano 1187. Pertenceu a un convento agostiño abandonado no século XVI. A primeira noticia documental do cenobio data do ano 1169, estando á súa fronte Xoán Ovéquiz co título de prio. Outro documento do ano 1234 fala dun preito entre Breamo e o mosteiro de Sobrado. No 1235 o seu prior foi cesado (descoñécense os motivos) e a comunidade elixiu para substituílo a un coengo de Caaveiro. Consta que o mosteiro tivo propiedades na vila de Pontedeume que naceu no 1270. Ten planta de cruz latina con dúas naves, unha principal e outra transversal cubertas con bóvedas de canón e crucería. A cabeceira está formada por tres ábsidas semicirculares. Do interior sobresae a decoración dos capiteis con figuracións humanas e animais. No exterior conserva tres portas románicas. Sobre a entrada principal, enmarcada por dous contrafortes, destaca un rosetón cunha venerada lenda vencellada á orde do Temple. Nunha casa de Ventosa, na parroquia de Centroña, actuando como lintel da porta, hai gravados tres símbolos que, segundo a tradición, proceden de Breamo e pertencen ao Temple. Na casa que hai ao seu carón había outra pedra con motivos semellantes que desapareceu ou foi tapada cando a restauración. 
Convento de San Agostiño: Agostiños, fundado co nome de Santa María de Graza por Fernando Pérez de Andrade no ano 1538. O convento levántase no casco histórico da vila, é de planta prismática e carece de claustro. Na fachada principal amosa as súas características renacentistas; a porta principal, con moldura decorada con orelleiras, é propia do barroco. Na parte posterior ten unha escaleira que dá paso a un corredor sustentado na planta baixa por arcos de medio punto aberto ao xardín. No 1842 foi mercado polo concello quen o converteu en escola, cuartel e cárcere. Logo de pasar a mans particulares e utilizado como vivenda durante un tempo, volveu ao concello a finais do pasado século onde se instalou a Casa da Cultura. Na praza do convento estivo o primeiro cemiterio de Pontedeume.
 

 


 

SAN SADURNIÑO
Convento do Rosario: Situado nun pequeno altorelo, na marxe dereita do río Xubia. Fr. Aureliano Pardo Villar (1950) escribiu que era o convento de menos importancia que posuía a orde de San Domingos en Galicia, e o único erixido fóra de cidades ou de vilas principais. Tanto a igrexa coma o mosteiro erguéronse pola iniciativa de Fernán Pérez de Andrade no ano 1508 sobre un templo posto baixo a advocación de Santa Olaia e sobre un hospital, o de San Xoán de Xerusalén, propiedade dos cabaleiros da orde do Temple que chegarían a estas terras polo ano 1248. Arruinados os antigos edificios, reedificou a igrexa Fernando de Andrade no ano 1508, erixindo a colexiata, con cinco capeláns. O seu fillo, Xoán Freire de Andrade, transformou a igrexa colexial en conventual, substituíndo os capeláns por unha comuniade de Terciarios da Penitencia de San Francisco, composta por oito monxes, anos antes do 1548, mais coa reforma levada a cabo en dita orde polos anos 1564 a 1568, retiráronse dalí os relixiosos, volvendo outra vez os capeláns. Pedro de Andrade tratou de substituír aos capeláns por freires da orde de San Domingos, outorgando ao efecto unha escritura de fundación co Vigario Provincial do Reino de Galicia, Fr. Alonso de Santo Domingo e o prior do convento de San Domingos de Santiago, Fr. Pedro de Leguízamo. Foi aprobada dita escritura de contrato e a nova fundación polo Capítulo provincial celebrado no convento de San Pedro Mártir de Toledo o 13 de abril de 1573, seguindo a esta aprobación a da Diócese de Mondoñedo en xaneiro de 1576, e a do nuncio papal en xaneiro de 1577. Destaca o claustro de reducidas dimensións, con sete arcos de medio punto en cada lado e un xardín central. No exterior consérvase unha fonte, un hórreo e un cruceiro. Acaroado ao convento está a igrexa de Nosa Señora do Rosario. A parte máis antiga do tempolo data do século XVI e correspóndese coa zona da cabeceira, cuberta con bóveda nervada á que se accede a través dun arco oxival. Dentro da igrexa hai tres sártegos situados a ambos os lados do muro; as tumbas do lado esquerdo pertencen a Inés de Castro e Lanzós e ao seu esposo Fernán Pérez de Andrade, a tumba do lado dereito corresponde ao seu fillo Xoán Freire de Andrade. Tamén no interior salienta a escaleira de acceso ao piso superior para cuxa construción se empregou a chamada "Pedra de Moeche", caracterizada pola súa peculiar cor verdosa. O convento foi restaurado no ano 2008. O convento, por un acordo de cesión coa Diócese, acolle dependencias do Concello, da garda civil e do xulgado. 
 

SANTIAGO
Convento de San Domingos de Bonaval: Dominicanos. A fundación do convento atribúese a San Domingos de Guzmán que peregrinou a Santiago no ano 1219. No edificio monacal salienta a tripla escaleira trihelicoidal (de caracol), obra de Domingo de Andrade que tamén participou na fachada do convento e da igrexa. O claustro ten nove tramos en cada lado, con arcos de medio punto; sobre as piastras reprodúcese a decoración do barroco compostelán. Foi reedificado entre os séculos XVII e XVIII. Na actualidade acolle o Museo do Pobo Galego. A igrexa, da primeira metade do século XIII, ten planta de cruz latina, con tres naves, cruceiro e ábsidas poligonais. No arco do pórtico consérvanse tres imaxes románicas; tamén posúen elementos románicos as naves maiores coas súas capelas. Na ábsida central atópanse os sepulcros dos Altamira, e á esquerda da nave principal o Panteón de Galegos Ilustres. As modificacións practicadas na primitiva igrexa gótica fai que se poidan distinguir elementos góticos, barrocos e renacentistas. O seu corpo central, dos séculos XIII e XIV, é o único exemplo que se conserva en Santiago do gótico mendicante.
Mosteiro de San Lourenzo de Trasouto: Fundouse sobre unha ermida construída no ano 1216 por don Martiño, bispo de Zamora pero de orixe compostelá, para acoller nela unha reliquia do San Lourenzo que adquirira nunha das súas viaxes (por outra banda, Ambrosio de Morales conta que en tempos dos Reis Católicos un freire, de nome Frei Carlín, trouxera a cabeza do santo e que logo pasaría ao convento de Santa Clara). Obrigado a renunciar ao bispado de Zamora, don Martiño volveu para Trasouto no 1223, fundando unha pequena congregación á que lle deu unhas normas. A fundación sería vixiada por un familiar do fundador, e de non habelo polo cabido compostelán. Durante un longo período estivo sen comunidade, recuperando a vida relixosa a finais do século XIV grazas ao arcebispo Xoán García Manrique quen entregaba o templo aos frades de prove vida. Os condes de Altamira cedéronllo aos franciscáns no século XV quen no 1473 celebraron un capítulo xeral da orde. No 1718 está documentado o aloxamento dun peregrino chamado Giacomo Antonio Noia. Conta Bernardo Barreiro que se cría que no lugar aparecía a Santa Compaña, coas Ánimas vestidas de branco, mentres ían en procesión cantaban o oficio de defuntos e acendendo e apagando os cirios que alumaban o cadaleito que transportaban. No XVIII constrúese o claustro, a sancristía e o cruceiro, transformándose nunha igrexa de planta de cruz latina con nave en catro tramos e bóveda de canón. O claustro ten dúas alturas con arcadas de medio punto, un xardín de sebes de buxo con símbolos cristiáns e un manancial coroado por unha escultura da Virxe. Cando foi abandonado na década de 1850 o claustro converteuse nun cuartel de Carabineros. Da antiga igrexa consérvanse tres tramos da nave e a entrada con arcos abucinados. 
Mosteiro de San Martiño Pinario ou de Fóra: Bieitos. Descoñécese a súa orixe pero crese que está vencellada á aparición dos restos do Apóstolo Santiago, que nacería como consecuencia da reforma do clero xacobeo que fixo o bispo Sisnando I de Iria entre o 889 e o 920. Correspondía á igrexa da Corticela, orixe do cenobio, albergar aos diáconos. Escribe Francisco Javier Pérez Rodríguez (2008) que a destrución de Compostela por Almanzor no 997 cambiará profundamente os destinos do mosteiro, esquecendo o seu antigo papel no templo xacobeo para centrarse no edificio extramuros, onde a igrexa que se reconstruíu foi dedicada a San Martiño de Tours. Coa construción da muralla de Compostela polo bispo Cresconio (1037-1066) o mosteiro quedaba entre a nova e a vella, quedando co espazo mediante entre ambos os dous muros que constitúe o seu solar ata a actualidade. O século XI trouxo tamén para os monxes de San Martiño a regra de San Bieito que debeu adoptarse arredor do 1077. Encaixado entre a segunda muralla de Santiago, a catedral e o pazo episcopal, a influencia de San Martiño na vida urbana de Compostela basearíase nas súas propiedades espalladas pola vila, expandindo o seu dominio a partir de mediados do século XII e no XIII. A grandeza de San Martiño chegou a finais da Idade Media para perdurar durante toda a Moderna. Sábese que no mesmo lugar existiu un edificio románico, posiblemente unha capela, cuxas pedras foron reaproveitadas para a cimentación do edificio actual. A igrexa é de planta de cruz latina, con tres naves no brazo principal e unha no transversal percorridas por unha balconada. Varias capelas, comunicadas entre si, ábrense a cada lado do brazo lonxitudinal. Emprégase a bóveda de canón para enmascarar os nervios a xeito de falsos casetóns. No interior chaman a atención o fastoso retábulo barroco, deseñado por Fernando de Casas e executado por Romai, e o coro baixo, do século XVIII, con representacións da Virxe. A fachada da igrexa, á que se accede a través dunhas escaleiras barrocas, estrutúranse en tres corpos verticais e dúas torres laterais de planta cadrada. A porta principal está enmarcada por catro grandes columnas dóricas coroada por unha fornela coa imaxe de San Bieito. Sobre a cornixa hai catro pináculos, o escudo real e unha coroa calada, rematando o conxunto co San Martiño partindo a capa cun pobre. Un dos que propuxo a existencia de reis independentes en Galicia foi López Ferreiro, baseándose nun documento de San Martiño Pinario, de 788, que confirman Ramirus rex e Silon rex e noutros do século X, que se refiren a un rei silo, que non pode ser o de Asturias. 
Mosteiro de San Paio de Antealtares: Bieitos. Mosteiro fundado no ano 830 polo rei Afonso II. Destruído por Almanzor no 997, foi restaurado por Pedro Mezonzo. No ano 1077, o abade Faxildo e o bispo Diego Peláez asinan un documento que que o mosteiro quedaba con dereitos da nova basílica (altares da cabeceira) e coa terceira parte das esmolas que recibía o altar de Santiago. De San Paio dependían os pequenos cenobios e priorados de San Martiño de Corenza, San Martiño de Ozón, Santa María de Portor, San Xoán de Sabardes e Santa Mariña de Tosto. A construción do mosteiro actual pertence case na súa totalidade aos séculos XVII e XVIII onde chama a atención o impresionante muro que dá á Praza da Quintana. Na fachada oposta á praza está a portería, e no ángulo a Porta dos Carros ou da Borriquiña, que toma o nome pola representación da Fuxida a Exipto coa Virxe sobre unha burriña. Nas orixes habitáronno unha ducia de moxes bieitos encargados de coidar e dar culto ao Apóstolo Santiago. No ano 1495, Gómez de Marzoa crea nel un colexio para estudantes pobres que sería o xérmolo da Universidade renacentista de Galiza. Tras a súa marcha no ano 1499, ocupáronno monxas bieitas; non tardou en converterse no mosteiro feminino máis importante de Galiza. Puxéronno baixo a advocación de San Paio (en época Alto Medieval estaba baixo o padroado de San Pedro), santo galego do século X que sendo neno foi decapitado en Córdoba polos musulmáns; a súa imaxe preside a fachada da igrexa. No seu centro, unha lápida lembra o Batallón Literario organizado polos universitarios para se enfrontar ás tropas napoleónicas. A igrexa, de principios do século XVIII, é de cadeirado en granito, con planta de cruz grega prolongada aos pés para acoller o coro. No interior conta con cinco magníficos retábulos barrocos ateigados de relevos, pinturas e esculturas, así como a porta do relicario. Ten dous coros, alto e baixo, e un órgano do século XVIII. Na actualidade habítanno monxas bieitas de clausura. 
Mosteiro de San Paio de Circitello (Sabugueira): Orixe altomedieval do que non quedan restos. Propiedade de varios persoeiros localis dos que dependían vilas no val da Sionlla, como Villamaiorem (Vilamaior), Mourentán, Castrum Facto (Castrofeito), Salamiri, Cesar, Augeriz, Quintas, Vilar Rubi e Salimes, algunhas desaparecidas na actualidade. A partires do século XI o pequeno cenobio sofre un proceso de acaparamento pola diócese de Compostela a través de incautacións reais e doazóns que culmina no ano 1120 co reparto entre o bispo Xelmírez e unha familia de cabaleiros do lugar. Na actualidade existe no lugar unha aldea, atravesada polo Camiño de Santiago, cunha capela do século XIX que foi edificada, segundo a tradición popular, sobre a primitiva igrexa. 
Convento das Mercedarias: Ano 1674. Convento de clausura das Mercedarias Descalzas. O convento, de cantería de granito, levántase sobre unha plataforma con fronte en cadeirado. É de planta rectangular coa igrexa integrada no conxunto. A fachada é sobria onde resalta o enmarcado das ventás con orelleiras nos catro ángulos e canzorros e ménsulas con metopas na cornixa. A horizontalidade interrómpese pola verticalidade da igrexa, dunha soa nave con bóveda de canón, de tres corpos flanqueada por dúas piastras corintias e polo campanario do século XVIII.
Convento de Santa Clara: Franciscáns, ano 1269. É o primeiro convento que tiveron as clarisas en Galiza. Fundado por Dona Violante, muller de Afonso X o Sabio. Ampliado no século XVII, o convento actual é barroco. A fachada principal é do século XVIII, unha fachada-cortina que agocha a clausura e un pequeno xardín interior. Na igrexa, os únicos restos da primitiva construción son un púlpito de granito e os escudos dos fundadores. O retábulo maior é barroco destacando a imaxe da Inmaculada. Os retábulos do cruceiro están adicados á Virxe e a San Antón de Padua. Ten varios altares churriguerescos adicados aos santos franciscáns. Un enreixado oculta os dous coros, alto e baixo.
Convento de Santa María de Belvís: Do século XIV, foi reedificado en época barroca polo arcebispo mexicano Monroy, dos dominicanos. A igrexa é obra de Fernando de Casas y Novoa, autor da fronte da catedral de Santiago que dá ao Obradoiro. 
Mosteiro de Santa María de Conxo: Monxas bieitas. A fundación é coñecida grazas á Historia Compostelana onde se di que foi erixido por don Diego porque por entón non había nin en todo o seu bispado nin incluso en toda Galicia mosteiro nengún onde viviran as santas e relixiosas monxas. As monxas ocuparon o edificio no ano 1129. Foi suprimido polo arcebispo Alonso de Fonseca, estando no ano 1482 en mans de frei Diego de Saldaña, bispo de Beirut.  
Mosteiro de Santa María a Real do Sar (Santiago): Agostiños. Mosteiro situado na marxe dereita do río Sar, fundado no 1136 polo arcebispo Xelmírez, onde se instalou a primeira comunidade agostiña de Galiza. No século XVI converteuse en colexiata e no XIX pasou a ser unha das parroquias da arquidiócese compostelá. Na actualidade comparte a función parroquial co de Museo de Arte Sacra e colexio. A primeira restauración data do século XV. No ano 1723 reparouse a arruinada igrexa. No exterior destaca a fábrica románica á que lle engadiron uns grandes arcobotantes no século XVIII. Do claustro orixinal só se conserva a parte norte, o resto desapareceu ao erguerse o actual. Unha das características principais do conxunto monacal é a pronunciada inclinación de muros e piares, desviación ocasionada polo paso do tempo. A inclinación máis acusada obsérvase nos muros e piares cara o eixo da igrexa o que obrigou a substituír as columnas dos piares compostos case na súa totalidade. A igrexa é de tres naves separadas por piares compostos de sección cruciforme e arcos de medio punto con bóvedas de canón reforzadas por arcos torais que rematan en tres ábsidas.
Convento do Carme: Carmelas, século XVIII. Situado fronte ao convento de Santa Clara. Construído en perpiaño, foi fundado por María Antonia de Xesús sobre uns terreos pertencentes aos condes de Priegue. Na fachada destaca a imaxe da Virxe do Carme resgardada nunha fornela. A igrexa é de planta de cruz latina. No interior salienta o retábulo maior do século XIX, de tendencia neoclásica; os retábulos laterais están adicados a Santa Tareixa e a San Xoán da Cruz.


 

 

SOBRADO DOS MONXES
Mosteiro de Codesoso: Nos Tombos de Sobrado consérvanse dúas doazóns a este cenobio cisterciense feitas no ano 1206 por Pedro Muñiz de Codesoso e outra sen data por un tal "Michael, monachus de Codessoso... pro anime filii mei Petri Michaeliz quem sepelistis in Superaldo", ("Miguel, moxe de Codesoso... pola alma de meu fillo Pedro Míguez, que soterrastes en Codesoso"). F. J. Pérez Rodríguez (2008) di que monachus podería ser o apelido do tal Miguel, ou quizais un alcume sen querer significar que esa persoa fose un monxe; non cre que no século XIII existira vida monástica en Codesoso. 
Mosteiro de Santa María de Sobrado: Císter. Fundado como mosteiro dúplice (de monxes e monxas) no ano 952 polos condes de Présaras, incorporouse ao Císter no 1142. Logo dunha primeira etapa de expansión, acaeceu unha etapa de decadencia que se prolongou dende finais do século XIII ata a súa incorporación á Congregación de Castela no 1498, acadando unha nova etapa de esplendor o que propiciou a renovación da maior parte da súa fábrica entre os séculos XVI e XVIII que é cando se constrúen a maior parte das dependencias actuais. Do antigo cenobio só se conservan a románica sala capitular e a cociña. Ten tes claustos: o Regular acolle a sala capitular, a cociña e o refectorio; o da Hospedaría; e o coñecido como claustro Grande. A igrexa é de planta de cruz latina con brazo maior e tres naves. No interior salientan a capela do Rosario, obra dos irmáns Domingo e Pedro de Monteagudo, e a sancristía renacentista, de Xoán de Herrera. Na capela maior, situada no centro da cabeceira, destaca o cadeirado do coro renacentista proveniente da catedral de Santiago de Compostela. A fachada, flanqueada por dúas torres, presenta decoración barroca. A entrada ao conxunto mosteiral accédese por medio dunha porta sobre cuxo lintel repousa unha fornela cunha imaxe da Virxe abeirada por un dobre par de columnas salomónicas. Abandonado logo do decreto de Desamortizacón do ministro Mendizábal, os monxes regresaron ao cenobio a finais dos anos cincuenta, acometendo as obras da restauración. Un documento, escrito enteiramente en galego o 22 de xaneiro de 1255, recolle o foro feito por dona Marina Rodríguez, abadesa de Trives, a Xoán Cerdeira do casal que o mosteiro ten xunto á igrexa de Cerdeira.


TEO 
Os datos que posuía sobre o mosteiro de Lampai era moi escasos. Toda a interesantísima información que achego a continuación, tanto deste cenobio como doutros que había no concello débollos a Pablo Sanmartín, responsable do Arquivo municipal de Teo. 
Mosteiro de Santa María de Lampai: A igrexa parroquial de orixe románica (século XII) de Santa María de Lampai atópase nun pequeno val atravesado polo Rego do Tarrío, no lugar coñecido como O Mosteiro, nidio topónimo que fai alusión ao edificio e á comunidade monacal que houbo nestas terras. O templo sufriu importantes transformacións, a máis importante no século XVIII que foi cando se lle engadiu a espadana e a sancristía unida á ábsida no seu lado norte, modificándose así mesmo o corpo central da fachada coa colocación dun pequeno óculo e o escudo de armas dos Ulloa, familia que patrocinou a reforma barroca. Da construción orixinal son a capela maior e a portada occidental. Outros elementos atopámolos nas marcas dos canteiros e un canzorro (o único que sobreviviu dos que adornaban os aleiros do tellado) reutilizado no muro perimetral do adro. Segundo F. Javier Pérez Rodríguez, no seu Mosteiros de Galicia na Idade Media (2008), o de Santa María de Lampai é un dos mosteiros agostiños máis antigos do país. A súa fundación prodúcese arredor do 1150. Consta que tiña unha comunidade agostiña no 1165, cando o seu prior asina un pacto co mosteiro de Toxosoutos. No Tombo deste mosteiro atópase outro documento do 1185, nun pacto entre ambos os dous cenobios. A época de maior esplendor foi nos anos trinta do século XIII, residindo nel un prior e dous coengos. Non volve a documentarse ata o ano 1309, desaparecendo no século XIV ou coa reforma da diócese de Compostela a principios do século XV. Os seus bens pasaron á catedral compostelá que os anexiona en beneficio dunha das súas dignidades. Dise que o cenobio foi destruído polos labregos, como resposta aos excesos dos monxes. A igrexa aparece citada noutros documentos, como nas Memorias de Jerónimo del Hoyo (1609) e no Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII. Nas Memorias do cardenal Del Hoyo tamén fala dunha pequena residencia que o arcebispo de Compostela posuía en Lampai, da que non quedan restos pero que aínda conserva o topónimo: Vilar de Bispo. Non moi lonxe da igrexa atópanse os tres marcos do ano 1156 que delimitaban o antigo couto de Lampai-Pedrouso, un antigo terreo doado polo rei Afonso VII ao cabaleiro Sancho Eanes, doazón confirmada por un documento que se custodia na Catedral de Santiago, redactado no mesmo ano.
Outros mosteiros do concello de Teo: Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando Galiárez. Neste documento menciónanse, entre outros, varios monasterium, saqueados por Sisnando, que había no concello de Teo e dos que non fican restos: Sancta Maria de Badamundi (Santa María de Bamonde), Sanctus Vicentius (Santa Mariña de Lucí), Sanctus Michaelis (San Miguel de Rarís), Sanctus Christoforus de Reis (San Cristovo de Reis) e Sancta Maria de Talegio (Santa María de Teo). Do mosteiro de Rarís (no documento aparece citado como Ranariz) levou consigo o presbítero Aspadio e outros cinco monxes, dous cabalos, 32 bois e vacas, 100 cabezas de gando menor, 31 porcos, un colchón de palla, unha campá, un manto, dúas mantas... Pablo achégame outros dous cenobios. Un o de San Paio, que estaba entre as aldeas da Agrela e Veitureira, na parroquia de Lampai, na aba do monte da Agrela e a carón dun antigo manancial. Figura citado numerosas veces nunha antiga revista que forma parte dos fondos do Fondo Local chamada La Unión de Teo y Vedra, editada en Bos Aires durante os anos vinte aos setenta do pasado século. Na aldea de Coira, parroquia de Reis, preto da linde con Padrón, Pablo localizou unha laxe reutilizada nunha construción cunha curiosa inscrición da que non achego máis datos porque aínda a está a estudar. Logo de consultar os planos antigos que se gardan no Arquivo e de falar cos veciños, sinaláronlle a existencia dun pequeno cenobio, granxa ou capela que houbo nas inmediacións da aldea de Outeito, preto da actual estrada que vai de Pontevea (parroquia de Reis, en Teo) a Carcacía (Padrón). O propietario da inscrición contoulle que proviña dalí e que os monxes foran expulsados do mosteiro de Herbón. Outro veciño relatoulle que a capela estaba nunha finca que pertence á súa familia. Ata os anos cincoenta e sesenta do pasado século XX aínda se podían ver as laxes e estruturas da ermida pero os veciños de Outeiro e Coira levaron as pedras para facer peches, reparar casas, hórreos, alpendres, etc. Un home de Carcacía díxolle que cando foi abandonada a capela do San Bieito, levaron os santos para o mosteiro de Herbón. Remata Pablo Sanmartín que o mosteiro de Herbón ten gran tradición á advocación do San Bieito. De feito, a fonte que nun lateral representa a imaxe de San Francisco é considerada polos veciños como a do San Bieito. No interior do mosteiro hai varias imaxes do San Bieito o que pode avaliar esa relación entre ambos templos. 
 

 

TOQUES
Mosteiro de San Antoíño de Toques (A Capela): Descoñécese a fundación, mais sabemos que no ano 1067 o rei de Galiza, García, lle concede ao abade Tanoi unha serie de herdades que dan orixe á primeira colonización beneditina do país. No século XII, outro rei galego, Afonso VII, dóalle as freguesías de Vilouriz, Vilamor e Folladela (Melide). No século XV é anexionado por San Martiño Pinario (Santiago). No século XVIII, o mosteiro só estaba habitado por un monxe e catro criados. Coa desamortización, as dependencias monacais utilizáronse como fábrica de cravos, con capital e tecnoloxía francesa, cuxos restos aínda se poden ver sobre o río Tea. Do antigo conxunto mosteiral só se conserva a igrexa románica dunha nave de planta rectangular e ábsida. O exterior está rematado por arcos semicirculares adosados, e conta con zonas con friso decorado con motivos vexetais. Nas inmediacións hai unha espadana exenta.

 

TRAZO
Mosteiro de San Vicenzo de Vilón: No lugar da Igrexa, na ladeira do castro de Vilouchada, parece ser que existiu unha antiga vila chamada Lentrove que, debido a un incendio, pasou a denominarse no século IX Villa Ustulata ("vila queimada") que deu nome a Vilouchada. Nas inmediacións estaba a igrexa gobernada por unha pequena comunidade de relixiosos que se coñecía co nome de mosteiro de San Vicente de Vilón. O conde Alvite cedeulle a terceira parte desta vila ao mosteiro no ano 818. Crese que os monxes construíron a capela posta baixo o padroado de Santa Eufemia que foi ampliada a principios do século XVIII coas esmolas dos fieis. Do mosteiro non quedan restos.  Ao pé do castro hai un cruceiro onde figura a data de 1783.
 

VAL DO DUBRA
Mosteiro de Novallis: Orixe altomedieval. Pouco se sabe deste cenobio, que quizais estivo situado na freguesía de Novais. A Historia Compostelana indica que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre outros este de Novallis. 

VEDRA 
Mosteiro de San Xoán da Cova: Non se sabe con exactitude a data da súa fundación (García Álvarez di que foi fundado no século IX ou X polo bispo Sisnando I de Iria), pero si que foi saqueado polos normandos no século XI. A principios do século XII era propiedade dun tal Arias Alóitiz que o cedeu ao bispo de Santiago Diego Xelmírez que, á súa vez, o entregou a un coengo da catedral. No 1143 convértese en priorado dos agostiños, cando o arcebispo Pedro Elías o volve a dotar cos que probablemente fosen os seus bens altomedievais nos que se incluía un pequeno couto nas marxes do río Ulla. No 1165 o bispo Martiño entrégalle a illa da Toxa e a freguesía de San Pedro de Vilanova. Nomeado no testamento de Urraca Fernández de Traba no ano 1199. No 1398 foi suprimido polo arcebispo Juan García Manrique, quen lle entregou os seus bens aos monxes de Camanzo. F. J. Pérez Rodríguez (2008) di que no 1494 pasou a integrarse en Santa María do Sar. López Ferreiro sitúa a destrución do edificio no ano 1571, por mor dun temporal e a enchenta do río Ulla. Neira Pereira emprázao preto da actual ponte do ferrocarril, en Gundián, parroquia de A Ponte Ulla.  
Mosteiro de Santo André de Trobe: Posible orixe altomedieval. A documentación medieval fala dun mosteiro denomiando de Talobre. Carré Aldao refire una doazón de dona Urraca: "con todo canto posúe a ela pertenza entre os ríos Ulla e Tambre. Data de 1107". Henrique Neira Pereira dime que parece que durou varios séculos, e cando menos na última época era feminino. 
Mosteiro de San Miguel de Sarandón: Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando. Neste documento menciónanse os monasterium saqueados polo bandoleiro, entre outros do de Sanctus Michaelis de Sarandón. Henrique Neira Pereira achégame que no exterior da actual igrexa parroquial hai unha inscrición en pedra de orixe medieval que semella referirse a un mestre de obras de nome Martiño, que pode que veña dos tempos do mosteiro. Lese: "+ MAGI[S]TER/MA[SS]I FECI[T]/MARTINUS".   

VILARMAIOR
Mosteiro de San Cremenzo de Vilamateo: Bieitos, priorado dependente de San Salvador de Cís. O cenobio parece que xa existía a finais do século X. Que foi priorado consta en 1290 cando Pedro Vidal, prior de San Crimenzo, delcara como testemuña nun preito entre Cís e os herdeiros de San Martiño de Armentar pola presentación da igrexa. Dende o Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos crese que desapareceu como priorado independente na reforma de finais do século XV. Hoxe en día, a descrición coincide en gran parte coa realizada polo Padre Yepes hai 400 anos. Trátase dunha ermida románica do século XII e de pequenas dimensións, con nave rectangular e ábsida semicircular. Visitamos o lugar a principios do mes de marzo de 2014 e atópase totalmente arruinada e cuberta pola matogueira. Máis información no traballo publicado no ano 2002, no Anuario Brigantino, polo Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos.

VILASANTAR
Mosteiro de San Pedro Mezonzo (Vilasantar): Bieitos, séculos VIII-X. O cenobio foi independente ata o século X, pasando logo a depender de Sobrado dos Monxes. O personaxe máis relevante foi Pedro de Mezonzo que exerceu como abade dende o 948 ao 958, pasando logo a Sobrado. Un abade de Mezonzo aparece como testemuña nun documento do ano 1134. No 1183 o seu padroeiro era o rei Fernando II quen doa á catedral de Santiago a terra de Sobrado e o mosteiro de Mezonzo. Tamén recibe unha manda no testamento de dona Urraca Fernández de Traba no ano 1199. Nada se volve saber ata o ano 1380 nunha querela. No 1498 só vivían nel un monxe e o abade debido ao estado deplorable no que se atopaba. Do antigo conxunto mosteiral só se conserva a igrexa románica do século XII pero con elementos arquitectónicos prerrománicos reutilizados na fachada. A igrexa ten tres naves rematadas por ábsidas semicirculares. O arco de acceso á capela maior é apuntado con bóveda de canón. No presbiterio ten un gran rosetón ornamentado. Agás a porta norte labrada en mármore, o resto do edificio é de granito.
 

VIMIANZO
Mosteiro de San Antoíño (Baíñas): Bieitos, século XII. Escribe Pérez Rodríguez (2008) que o mosteiro de San Antoíño debe identificarse co Rivomalo que aparece entre os cenobios da diócese compostelá mencionados por Anastasio IV no 1154 e no resto de privilexios pontifícios posteriores. A primeira mención como Baíñas data do 1199, no testamento de Urraca Fernández de Traba, e o primeiro documento propio do cenobio do 1271. No 1416 queda anexionado ao compostelán San Pedro de Fóra ou de San Martiño Pinario, dándose como rematada a actividade relixosa no 1456. Consérvase a igrexa mosteiral.

 
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Mosteiro de Abadín: Segundo a tradición, hai restos dun antigo mosteiro preto da igrexa parroquial de Santa María do século XII.

ALFOZ
Mosteiro de Santa María de Bacoi. 

ANTAS DE ULLA
Mosteiro de  Penela (Penela-Cutián): En 1453 faise mención á "hermida e moesteiro de San Pedro de Penela, que así se deçia en outro tempo, que he anexa do dito moesteiro de San Salvador de Billar de Donas...". 
Mosteiro de Santiago de Amoexa: No 1943, Ramón y Fernández publicou na Revista de Arqueología un traballo titulado Jornadas románicas por tierras de Lugo onde fala da igrexa de Amoexa, substituíndo o nome de Amoexa polo de Monxa, deducindo que noutro tempo foi igrexa mosteiral de monxas. De finais do século XIII é un documento outorgado entre o bispo de Lugo, Fernando Pérez, e Urraca Fernández de Abancis en que lle doa, entre outras, a igrexa de S. Iacobi de Amoneia. Nesta época a igrexa xa non tiña carácter mosteiral xa que na escritura distínguese entre os beneficios ás igrexas mosteirais (Eiré e Cangas) das demais.   
Mosteiro de Vilane (Vilane-Antas de Ulla): Nun documento do 1390 figura unha herdade "que o dito noso moesteyro ha en Vilaane" (Novo Cazón, 1986).  

BALEIRA
Mosteiro de San Pedro da Esperela: Segundo a tradición, recollida por Amor Meilán, no ano 813, en tempos de Afonso II o Castro, librouse unha batalla entre moros e cristiáns nas inmediacións da parroquia, no sitio que aínda hoxe en día é coñecido como O Campo da Matanza. Dous documentos confirman a existencia do cenobio, un de Ordoño I ("In territorio Nera Monasterium S. Petri de Asperella") do ano 857 e outro de Afonso III do ano 900 ("In Gallaecia... Neyram cum possesionibus Sancti Martini de Esperella et Sancti Jacobi de Covas cum omnibus appenditiis earum"). A igrexa, de orixe románica, padeceu fortes transformacións no século XVIII. Segundo a lenda, construíuse no lugar onde deixou de correr o sangue que baixaba dende o Campo da Matanza.
 

BARALLA
Sobrado do Picato: Dise que houbo un pequeno mosteiro. 

BARREIROS
Santo Estevo do Ermo (San Cosme de Barreiros): Trátase dunha capela situada no medio dun eucaliptal, coñecida tamén como de Augas Santas, que quizais recibiu o nome polas augas ferruxinosas que manan nas inmediacións e que foron consideradas como milagreiras. Segundo a tradición, esta ermida substituíu a outra anterior, citada no Tombo do mosteiro de Lourenzá no século X e que estaba atendida por monxas; a súa derradeira moradora chamábase Dominga Salgueyra, falecida no ano 1699. No ano 958, Ordoño III dá ao conde Osorio o mosteiro de Sperantani, con dúas igrexas: Sancto Justo inter Maasma et Cibarchos, alia Sancto Georgio in valle de Laurenzana. E, unha vez máis, a tradición estaba no certo, os veciños, ao limpar o monte, atoparon os restos da primitiva ermida e dun cemiterio. A capela parece que dependía do mosteiro de Esperautano ou de Esperantón que, segundo un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, situaríase nas ourelas do río Eo, sen especificar máis. Polo momento descoñécese onde estaría ubicado este cenobio posto baixo o padroado de San Martiño, mais levantaríase, probablemente, nos actuais concellos de Ribadeo ou Trabada. Neste último, á beira do río Eo, na parroquia da Ría de Abres, temos a aldea de San Martiño. Haberá que esperar ao resultado das futuras investigacións nas ruínas da ermida de Santo Estevo para saber se hai restos doutras edificacións, quizais relacionadas cun pequeno mosteiro, granxa ou eremitorio.

BECERREÁ
Mosteiro de Santa María de Penamaior: Situado preto da Pena do Pico. Documentado a principios do século X como mosteiro dependente ou relacionado con Samos. A finais dese século parece que foi restaurado por unha comunidade procedente de Carracedo do Bierzo (algúns autores cren que esa restauración é unha invención), do que será priorado ata o século XIII. Dise que era o único cenobio que non dependía directamente da abadía francesa de Clairvaux. Á súa fronte aparece un prior no ano 1181, e no 1183 cítase como unha das propiedades da abadía de Carracedo nun privilexio pontificio confirmatorio dos seus bens. A integración de Carracedo na orde do Císter convertirá a Penamaior de priorado en granxa, denominación que recibe nunha carta pontificia datada o ano no que a abadía entrou no Císter no 1203, se ben continuará rexida por un prior, títulos que ostentan frei Pedro Calvo entre 1196 e 1203 e frei Fernando no 1217. Os conflitos xurdidos polas loitas que Carracedo por ser matriz de varios cenobios, enfrontándose a Sobrado e incluso a Claraval e Citeaux, propiciarán que no 1225 Penamaior adquira a categoría abacial no Cabido Xeral da orde. O seu primeiro abade documéntase no 1228. Santa María de Penamaior será a única casa cisterciense de Galicia da rama de Citeaux, pois as demais pertencen a Claraval. Pouco se sabe de como se desenvolveu en Penamaior a reforma observante, sábese que no 1506 a Congregación de Castela dispuña del para unir as súas rendas ao colexio de San Salvador de Salamanca ao tempo que a suprimiu como abadía. Das antigas dependencias só quedan algunhas piastras que daban ao claustro. As súas pedras foron reaproveitadas en outras construcións. Consérvase a igrexa mosteiral, románica do século XII. De planta basilical, conta con tres naves rematadas por tres ábsidas, a central hexagonal e semicirculares as laterais. A portada está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre o que figura o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. Nos laterais ábrense unhas ventás con dobre arquivolta sobre columnas. No tramo máis próximo á cabeceira, nun dos laterais, ábrese un óculo decorado con boceis, bólas e cabezas humanas. No tímpano aparece a data ERA MCC (1162).

 

BÓVEDA
Mosteiro: Mosteiro é unha aldea e parroquia. Di Nicandro Ares que aquí estaría ubicado un cenobio de monxas que tiñan por titular a San Paio. Sería este o mosteiro, segundo di Flórez tomando o dato do P. Yepes, anexo de Celanova. No tombo de Celanova do ano 1005 cóntase que unha tal Zacaria, posuidora do mosteiro de Santa María da Ribeira, na Limia, marchou de viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos, que chaman San Paio, e alí morreu. Outro documento do mesmo tombo, conta que no ano 1043 o abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o mosteiro de Ribeira, de tal xeito que se algún temerario ou soberbio ousaba inquedar ese feito, marchara a outros mosteiros que fosen así mesmo do seu avoengo, como é en Lemos o que nomean San Paio.
Priorado de Freituxe: Adxudicado ao mosteiro de Samos polo papa Paulo III no ano 1538. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. 
 

CARBALLEDO
Mosteiro de San Xoán de Cova (Piñarrostro-A Cova): A primeira mención á igrexa, Nicandro Ares parece vela no testamento do bispo lucense Pelaio no ano 998, onde menciona "in territorio Bembiz, eclesia Sancti Joannis media, quam sacavimus de fratres de Flauzani", e a ela semella referirse un documento do 1082 no que a monxa Marina Ovequiz, pola súa nai defunta, Gontroda, ofrece as herdades que tiña en Veascós á "ecclesia et monasterium Sancti Iohannis Baptiste, secus flumen Mineo". No 1226 cítase o "conventum Sancti Iohannis de Cova". No 1231 Mariña Pérez fai doazón duns bens a Oseira cum assesu ablatisse et totius conventus Sancti Iohannis de Fovea. As monxas que o habitaban opuxéronse firmemente a seren reformados, sendo adsorvido finalmente por San Paio no ano 1516. No arquivo de San Paio de Antealtares, en Santiago, consérvanse varios foros feitos pola comunidade nos séculos XIII, XIV e XV. A igrexa pertencía ao desaparecido mosteiro de monxas bieitas. Agás a parte alta do frontis e a espadana do século XVII, o resto da construción é do século XII. A nave é rectangular, con portada formada por un arco abucinado de medio punto e arquivoltas. A ábsida é semicircular, con ventá e seteiras. Fátalle a capela que tiña orixinalmente. Nun lateral exterior pódese ver o sártego dunha abadesa. Foi trasladada do seu emprazamento orixinal no ano 1952, cando a construción do encoro dos Peares.
Mosteiro de San Estevo de Chouzán: Século XII, consérvase a igrexa. Pertenceu a un antigo mosteiro posto baixo o padroado de Santo Estevo, rexentado por monxas bieitas. Malia o anterior, segundo o P. Yepes está documentada a súa existencia no século IX, xa que por unha escritura datada na era 906 (ano 868), un cabaleiro chamado Flaminio e a súa muller Remisila daban o lugar de Auzán con todos os seus términos ao abade e aos confesores e monxes que vivían no mosteiro dos santos Estéfano, Xacobo e Cristóforo, que está na ribeira do Miño, o castelo Burleu e o territorio do Búbal. É dicir, que antes foi mosteiro de monxes. A primeira noticia da súa conversión en mosteiro dúplice parte da era 1182, ano 1144, en que Afonso VII o doa a Oseira "para que poida ser poboado por relixiosos varóns e santas mulleres". Afonso IX, por documento asinado en Ourense o 11 de febreiro de 1213, exime de pedido o couto e os serviciais do mosteiro; o diploma vai dirixido á priora Dona María. O cenobio contaba con canles de auga que nutrían á comunidade relixiosa e aos veciños e, a un tempo, servían para transportar a auga que se utilizaba como forza motriz para os muíños e para regar as hortas do mosteiro. Como aconteceu con San Xoán de Cova, o templo foi trasladado cando a construción do encoro dos Peares o que culminou coa decadencia iniciada coa desamortización de Mendizábal. 
Mosteiro de Santiago de Lousada: As únicas noticias sobre o mosteiro achéganas uns documentos, un do ano 1293: "Iohan de Castro, notario iurado do moesteiro de Lousada", e outro do ano 1333, un testamento de Vasco Pérez de Temes cuxa sepultura se pode ver na igrexa románica, que manda enterrar a súa carne "no mosteyro de Santyago de Lousada". No 1361 figura "Afonso Alvarez, prelado del monasterio de Lousada". No 1296 estaba convertido en abadía segrar, vivindo nela ao menos dous capeláns e un crego. Hai quen sitúa aquí aos cabaleiros da Orde do Temple.
Priorado de Riazón (Veascós): Bieitos. Aquí detívose o P. Sarmiento na súa Viaxe a Galiza. Foi anexo de San Miguel de Oleiros e logo de Chouzán. O edificio actual da reitoral é de principios do século XVIII, con patio, solaina e portas con inscricións nos linteis. Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), sinala o carácter mosteiral da igrexa, e que o cenobio terminou por seren anexionado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago. 
San Miguel de Oleiros: Xunto a igrexa parroquial, de orixe románica, atópase un edificio en ruínas que foi casa reitoral. Mais, segundo algunhas fontes, polo seu aspecto e tamaño puido acoller un mosteiro. A Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira, de Romaní Martínez, recolle que aquí tivo unha granxa o devandito mosteiro. O mesmo di Nicanor Rielo en Cuadernos de Estudios Gallegos (1970).
Santa María de Temes: Onde se ergue a igrexa actual debeu existir, polas abundantes pezas reaproveitadas na mesma, un importante complexo paleocristián. Nunha doazón de Pombeiro do ano 964 fala do mosteiro de Temanes. Nun diploma do ano 997 faise mención a unha ermida que está no término do mosteiro de Temanes.
 

 

 

 

 

CASTRO DE REI
Mosteiro de San Salvador de Duarría: Nicandro Ares menciona un documento do ano 1128, conservado no Archivo Histórico Nacional (con copias no da catedral de Lugo), no que fala dun mosteiro familiar que estaría situado xunto a marxe dereita do río Rozas.
Mosteiro de Orizón: Un documento do ano 1032 fala dun mosteiro, posiblemente familiar, no lugar de Irizon como limítrofe da fortaleza de Labio (Lugo) que o rei Vermudo III doa á Sé Lucense e ao seu bispo Pedro. 

CASTROVERDE
Capela de San Martiño (Bolaño): Aparece mencionada nun documento do ano 897 como Monasterium Sancti Martini, que foi confirmado por Afonso III. Segundo López Ferreiro posuía unha ábsida bastante achatada. Os seus restos apenas son recoñecibles, reutilizados en tempos como alpendre que na actualidade se atopa totalmente arruinado. Dise que nas inmediacións había sepulcros de pedra, feito que non puiden comprobar porque o lugar está totalmente cuberto pola maleza. Nas paredes das casas da contorna poden verse fustes de columnas e elementos de granito reutilizados. 
Cellán de Mosteiro: Había un pequeno mosteiro edificado sobre un outeiro, posiblemente familiar. No ano 1133 cítase entre uns bens usurpados á igrexa de Lugo "a mans de homes impíos" a cuarta parte "de monasterium de Celain in territorio Bolanio". Citado tamén nun documento do ano 1160: "In territorio de Bolanio quartam partem Monasterii de Celain cun familiis...". Di Vázquez Saco (1959) que o mosteiro debeu ser modesto a xulgar polo que se conserva do antigo templo. A igrexa románica, abandonada no último terzo do século XX, atópase en estado ruinoso. A súa pía bautismal, do século XVII, foi trasladada á nada interesante igrexa moderna.
Mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro: Bieitos/Dominicos. Formado polo templo, un sinxelo claustro con linteis e trabes de madeira e as dependencias dos monxes. En pésimo estado de conservación, no arruinado claustro construíron uns alpendres con bloques de cemento. Na porta do patio exterior aínda se conserva unha artística aldraba de ferro, cun martelo en forma de can e a cruz dominca. Citado nun documento do ano 1179 como monasterium Sancti Cipriani de Monte, e noutro do ano 1185 nunha confirmación pontificia de bens e dereitos da sé episcopal. Un monxe de Montecubeiro foi nomeado abade de Lourenzá no ano 1375, e que o seu abade, no 1466, foi encomendado para visitar á fundación da casa franciscana de Santa María de Vilabade polo papa. A observancia de Valladolid conseguiu o apoio dos Reis Católicos quen lle ordenaron ao gobernador de Galicia que pusexe o mosteiro  poder de San Benito de Valladolid, ao que se opuxeron os frades de Lugo, conseguindo poñer a Montecubeiro en terzaría mentres non se solucionase a causa. No século XVI vencellouse ao de San Domingos de Lugo. No ano 1820, documento de exposición sobre un preito co mosteiro por pagamento de leña. A igrexa ten a orixe nos séculos XII-XIII. A esta época pertence parte da ábsida decorada con canzorros xeométicos e zoomórficos. Foi reconstruída no ano 1787, cunha ampla nave con teito de madeira a dúas augas, e un cabido frontal no que se conserva unha primitiva pía bautismal. No interior hai un retábulo con columnas salomónicas do século XVIII, con esculturas de San Cibrán, San Ramón Nonato e Nosa Señora do Rosario, e outros tres retábulos laterais.
Convento de Vilabade: Segundo a tradición, o desaparecido convento foi fundado polo mesmo San Francisco de Asís no ano 1214 cando viña de volta de Santiago cara a Oviedo polo Camiño Primitivo. Aínda que a construción da igrexa gótica dátase no ano 1457 (con reformas do século XVII baixo os auspicios do arcebispo de Puebla, en México, Diego Osorio Escobar), existe un documento do ano 1202 no que Vilabade xa era coñecida como "Sancta María de Villa Ablati", nidia referencia a un lugar baixo a dominación dun abade. Atendía aos peregrinos. A igrexa ten planta rectangular cunha nave dividida en tres tramos por arcos oxivais, presbiterio, sancristía e oratorio. Pórtico renacentista de cinco arcos e escalinata central; o frontón, co escudo dos Osorio, é triangular; frontis con porta gótica abucinada, de tres arquivoltas e columnas con capiteis vexetais, rosetón central e espadana de dous corpos con balconada exterior sobre ménsulas e balaustres. No interior destaca o retábulo maior, barroco do século XVII polo mestre compostelán de Francisco de Lens, presidido na súa parte central por unha imaxe de Santiago Matamouros. 
Mosteiro de Vilafrío (Barredo): Posible orixe altomedieval. No 1075 era propiedade de Enego Vermúdez quen marchou a Borgoña para profesar como monxe en San Pedro de Cluny, entregándolle a carta de doazón ao mesmo San Hugo. Despois debeu ser cambiado ou vendido xa que no ano 1076 xa non aparece na bula confirmatoria dos bens de Cluny que lle deu o papa Gregorio VII, evidencia que se confirma no ano 1126 cando a raíña dona Urraca o doa á Igrexa de Lugo, rematando aquí a súa existencia como mosteiro. Non se conservan restos. Disque o cenobio se atopaba onde a capela actual, no lugar apareceron varios enterramentos. Considerado como o primeiro mosteiro dos cluniacenses en Galiza. Citado no ano 1130 como "monasterium Sancti Salvatoris quod vulgo Villarfrigidum nuncupatur".
Mosteiro de Santa María de Moreira: Cenobio de monxas dependente do cisterciense de Santa María de Meira, contrastado dende o século XII. A súa fundación débese a dona Urraca que no 1183 solicitou a dona Sancha Fernández de Traba, muller do conde Rodrigo Álvarez de Arria, a súa herdade de Moreira para vivir nela como relixiosa. O modesto priorado logrou chegar ata finais da Idade Media, e no 1503 aínda residían nel a prioresa e dúas monxas. No 1504 só quedaba no cenobio unha monxa. A Observancia bernarda suprimiu o priorado, anexionando os seus bens no ano 1504.
Mosteiro de San Salvador Soutomerille: No ano 1122 aparece citado como monasterium de Sauto Maireli. Como aclara Nicandro Ares Vázquez, convén ter en conta que na Idade Media utilizábase ás veces monasterium como se fose eclesia. Na igrexa, abandonada na actualidade e en estado semirruinoso, queda como testemuña da súa orixe prerrománica a fiestra do testeiro leste da ábsida. Foi reedificada no ano 1619, época á que corresponde a súa fachada renacentista, con frontón recto e tímpado con escudo. Consta dunha nave rectangular abovedada en pedra, con arco triunfal de medio punto e retábulo policromado en pedra. No interior había unhas lápidas sepulcrais visigóticas. Ao seu carón está a arruinada Casa-torre de Abaixo.


 

 

CERVANTES
Mosteiro de Santa María de Dorna (Dorna): A primeira noticia dáse na confirmación que o papa Lucio III deu ao mosteiro de Carracedo, na que Dornam segue inmeidantamente a Penamaior o que amosa que nese momento era un priorado da abadía do Bierzo, feito que se confirma no 1203, cando Afonso IX se dirixe a el directamente como monasterio Sanctae Mariae de Dorna ao eximir as súas herdades en Vilaluz e Vilaver de fonsadeira e de todo foro rexio. O derradeiro documento coñecido data do 1319 en continúa como priorado de Carracedo, non volvendo a saberse nada del a partir de entón polo que é posible que fora suprimido, pasando os seus bens á casa nai. Para algúns autores a igrexa asenta sobre os restos dun antigo mosteiro pertencente ao Temple. Unha casona situada no lugar puido formar parte do primitivo cenobio. Na actualidade atópase en ruínas, con pegotes de formigón e bloques e teito de uralita. Segundo a tradición, preto da aldea de Estremar de Riba, tamén na parroquia de Dorna, houbo un primitivo mosteiro dependente do de Carracedo, no Bierzo, e do que non se conservan restos de ningún tipo.
San Xoán de Mosteiro: Freguesía que tivo templo documentado no século VII, na coñecida como "División" de Wamba. Tamén se cita no Liber Itacii e na Crónica Naxerenxe. No ano 915 o rei Ordoño II outorga escritura de doazón do territorio a favor da igrexa de León, feito que provocou un longo litixio entre as dióceses de Lugo e León e que ao parecer durou dende o século XI ao XIII. A igrexa actual, construída no ano 1830, disque asenta sobre un primitivo mosteiro templario.
Mosteiro do Salvador de Cancelada (San Tomé de Cancelada): Probable cenobio altomedieval que pasou á catedral de Lugo a mediados do século XII e que foi integrado no patirmonio do arcediago de Triacastela. Coñécese unha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír un mosteiro e unha igrexa no Val de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando, e para facer doazón dela aos monxes do Císter. Nun documento do ano 1066, depositado no Arquivo da Catedral de Lugo e citado por Cañizares na súa Colección Diplomática, o presbítero Pelagius Iuliani fai doazón da vila de Dumia ao mosteiro: "concedimus ibidem villam nostram que habemus hic in Dumia". De existir este mosteiro, posto baixo o padroado do Salvador, a data da fundación hai que situala entre os anos 1152 e 1181 en que o bispo Xoán, elixido polo cabido, estivo á fronte da diócese. Este prelado fora con anterioridade abade do mosteiro de Samos. O cenobio menciónase na España Sagrada, do século XVIII, dos PP. Flórez e Risco.


 

CHANTADA
Mosteiro de San Salvador de Asma: Bieitos. Fundado no século IX como dúplice, pasando á regra de San Bieito arredor do 1100. Escribe Vázquez Saco que dos fondos do antigo cenobio consérvanse no Archivo Histórico Nacional 322 pergameos e outros documentos que van dende o ano 1073 ata os primeiros anos do século XV, fundamentais para coñecer a súa fundación que enche o baleiro deixado pola desparición da escritura fundacional, que xa non existía en tempos do P. Yepes. A escritura o 1073 contén as doazóns outorgadas por dona Ermesenda (citada como Christi ancilla, serva de Deus), bisneta de Ero e Adosinda, consistentes en igrexas, xoias e libros. A fundación do mosteiro, dúplice en orixe, atribúese ao conde Ero Ordóñez e á súa muller Adosinda a finais do século IX aínda que hai quen a sitúa en épocas anteriores polo que Ero, máis ca o fundador, sería quen revitalizaría a xa existente vida monacal. No século XII pasa á orde beneditina que é cando acada o máximo esplendor. Os distintos monarcas (Afonso IX, Fernando III, Afonso XI, etc.) outorgáronlle múltiples privilexios, mesmo eximindo aos habitantes de Asma do pagamento de trabucos ou doándolle ao cenobio o beneficio do portádego da feira de Chantada. O Concello de Chantada, no ano 1323, cos seus alcaldes Lorenzo Martínez e Miguel Pérez, outórganlle unha carta de veciñanza (escrita en galego). A mediados do século XV, o mosteiro foi vítima dun espolio "por parte dalgúns fillos da iniquidade", como se deduce dunha Bula expedida polo papa Pío II no ano 1462 quen encomenda ao abade de Santa María de Pallares e ao prior de Pombeiro para que os responsables devolvan os bens roubados, baixo pena de excomuñón. Na actualidade, o que resta do ruinoso mosteiro está en mans particulares. A igrexa, de finais do século XII con reformas no XVI, está realizada en cadeirado de cachotería de granito. A nave é rectangular co presbiterio apegado. Ábsida heptagonal no interior e semicircular no exterior que se inicia cun arco triunfal de acceso, de medio punto, con ventás nos tramos que se separan por columnas, arquivoltas, molduras axedrezadas e capiteis con decoración zoomorfa e vexetal. No aleiro consérvanse algúns canzorros. Tamén conta cunha espadana de dous ocos.
Mosteiro de Santa María de Pesqueiras: Monxas bieitas. Do conxunto mosteiral só se conserva a igrexa que, segundo un epígrafe hoxe desaparecido, xa sufrira unha restauración no ano 1120 ou 1121. En documentos do ano 1266 a súa superiora intitúlase como prioresa. Di Pérez Rodríguez (2008) que a súa pequena entidade e a reducida comunidade impedíulle dar o salto á categoría abacial. Sobre o proceso de incorporación á observancia de Valladolid, no interrogatorio que se lle fixo á súa prioresa, Inés de Guitián, di que ela era a única monxa da casa, que estaba baleira cando a recibiu; di que vivía segundo a regra de San Bieito "y la guardaba lo mejor y más honestamente que ella podía", se ben, continúa, que "la regla nunca la vyo ni la leyó fasta que entró en el monasteryo de San Payo". En canto aos edificios de Pesqueiras, di dona Inés que non había dormitorio, nin refectorio, nin coro "salvo el que ésta que depone diz que hizo, que haze agora tres años, y que menos avía en el claustra...". Dona Inés foi encerrada na clausura de Antealtares a finais do 1498 e os bens do seu priorado pasaron a Antealtares. Foi anexionado a San Paio de Antealtares (Santiago) no ano 1515. A igrexa mosteiral consta dunha nave de dous tramos e unha ábsida cuberta con bóveda de canón. Son de grande interese as tres absidiolas da cabeceira, que non se perciben dende o exterior, e a porta sur con dúas arquivoltas. As distintas reformas tiveron como consecuencia a perda da fachada principal. No interior consérvase unha imaxe románica da Virxe co Neno datada no ano 1215. Na cabeceira presenta unha pintura do século XVI, con esceas da Anunciación, da Resurrección e do Xuízo Final.
Priorado de Paracostoira: Paracostoira é unha aldea da parroquia de Pedrafita. Aquí houbo un priorado dependente do mosteiro de Oseira. A aldea cítase como Petra Costoya no ano 1007, e como Petra Custodia no 1232, topónimo que semella facer alusión a unha Pedra de Garda, tal como sinala o etimólogo Nicandro Ares Vázquez.


O CORGO
Mosteiro de San Martiño de Perliños (Arxemil): Estaba situado preto dun castro e da ponte medieval, de orixe romana, de Galiñeiros. Risco menciona que o 20 de abril do ano 857 o rei Ordoño I doou á sé de Oviedo o cenobio xunto con dez vilas e as súas igrexas, documento confirmado no ano 900 por Afonso III: "In Flamoso Monasterium S. Martini de Perellinos cum decemm villis et seis ecclesiis pracnomiantis, id est, S. Jacobi de Ranero, ecclesiam S. Michaelis... ecclesiam S. Pelagii...". No ano 900, Afonso III confirma ao bispado de Oviedo varias posesión en Galiza, entre outras as do mosteiro de Perliños con todos os seus anexos. No Inventario artístico de Lugo y su provincia dise que no ano 1600 había unha ermida en San Martín de Perliños. O cenobio foi obxecto de litixio entre as dióceses de Lugo e de Oviedo. Mais non fallan os críticos que aseguran que os documentos citados ao principio son falsos e que foron modificados no século XII para seren utilizados como título de reivindicacións por parte da sé de Oviedo que reclamaba as rendas dalgunhas igrexas de Lugo. Mais como di Nicandro Ares Vázquez, aínda que os documentos non sexan auténticos, poden conter unha verdade histórica xa que naquela época non se preiteaba por unha quimera senón por algo moi concreto, como poidera ser un mosteiro coas súas rendas.
 

FOLGOSO DO COUREL 
Mosteiro de Visuña: A fundación atribúese a San Froitoso a mediados do século VII. Dise que Afonso II O Casto pasou a infancia no mosteiro de Samos, no castelo de Carbedo e na antiga igrexa mosteiral de Visuña.   
Mosteiro de San Xoán do Courel: Segundo Mercedes Vázquez Saavedra (2003), en Seoane houbo un antigo mosteiro dependente de Samos. O P. Maximino Arias Cuenllas, historiador e monxe de Samos, fai alusión a un cenobio chamado de San Xoán do Courel. Tempo despois, entre os cabaleiros santiaguistas de Vilar de Donas figura San Xoán de Seoane.
Mosteiro de Sobredo (Folgoso do Courel): No ano 853, no Tombo do mosteiro de Samos cítase un cenobio á beira do río Lor, "in Laure monasterium Suveretum (Sobredo)". Aquí, os monxes de Samos refuxiarían de neno ao futuro rei Afonso II O Casto cando fuxía do seu curmán Aurelio, asasino de seu pai Froila II; tamén se di que foi agochado no castelo de Carbedo. Co tempo, o pequeno mosteiro converteuse nunha granxa, situada preto da torre do Castro; os habitantes pagaron foros aos monxes bieitos ata a súa redención. 
 

A FONSAGRADA
Mosteiro de Santa María de Lamas de Moreira: Císter. A igrexa pasou a formar parte da Diócese de Lugo por decreto da Congregación Consistorial o 17 de outubro de 1954; con anterioridade pertencía á sé de Oviedo. O P. Risco, na súa España Sagrada, transcribe un documento do ano 1656 suscrito polo cleo do arciprestado de Burón ao que pertencía esta parroquia, reivindicando o bo nome do prelado de Oviedo, Bernardo Caballero i Paredes, que fora calumniado polo deán e algúns coengos da catedral. Consérvase a igrexa de orixe románica, cuxos únicos elementos desta primeira época sexan dous canzorros que sosteñen o tellaroz, na sección máis próxima á ábsida. É de planta de cruz latina construída en cachotaría de lousa. Accédese por medio dun pórtico cuberto cun tellado de lousa a tres augas. O campanario é de dous corpos, o inferior dividido en tres vans.
 

FOZ
Catedral de San Martiño de Mondoñedo: Para descubrir as orixes hai que remontarse ao ano 870, cando o bispo de San Martiño de Dumio (Portugal), Sabarico, viuse obrigado, xunto con outros relixiosos, a fuxir da invasión árabe. Unha vez instalado en Galicia, o rei Fernando III fíxolle entrega das terras, tomando o cetro da desaparecida se de Britonia por onde chegaron a pasar ata quince bispos, entre outros San Rosendo e San Gonzalo (que non debemos confundir co cego San Gonzalo, o Bispo Santo, que está enterrado no interior do templo, a quen, segundo a lenda, se supón o afundimento, orando dende o castro de Marzán, dos barcos normando que ían asolar a costa). Á morte de Gonzalo no ano 1112, a raíña Urraca, por delegación do papa Pascual II, traslada a se a Vallibria ou Vilamaior de Brea, actual Mondoñedo, vila que tamén adoptou o nome de San Martiño. Despoxado do seu episcopado, o mosteiro que había no lugar foi ocupado polos Coengos Regulares de San Agostiño, posiblemente no primeiro ou segundo ano do pontificado do bispo Pedro (1155-1167), como se deduce dunha bula do papa Adriano IV do ano 1156, ata finais do século XV. Parece ser que durante algúns anos, entre o 1540-40, houbo freires franciscáns en San Martiño, instalándose de novo os de San Agostiño nesta igrexa. No 1595 había nela un prior e cinco coengos. Dende o Concilio de Trento (1542) houbo sempre sacerdotes que ocuparon o vello cenobio. Das antigas dependenzas desapareceron o mosteiro, a se episcopal e a colexiata, quedando só a catedral e a casa do prior que despois foi utilizada como reitoral. Nas inmediacións está a coñecida como Fonte da Zapata ou de San Gonzalo (algúns dánlle o nome de San Martiño), cuxas augas teñen sona de milagreiras; por riba do cano hai unha inscrición que di: "Fuente de La Zapata, que brotó según la tradición por milagro de Gonzalo, el Obispo Santo".
 

 

GUITIRIZ
Priorado da Granxa: Na parroquia de Labrada. Dependía do mosteiro de Monfero. Estaba nos límites da parroquia do Buriz ata a reforma do bispo de Mondoñedo no ano 1920. Consérvase unha capela en cuxa fachada hai unha fornela que acolle a imaxe de San Bernardo. 

GUNTÍN DE PALLARES

Mosteiro de Santa María de Ferreira (Ferreira de Pallares): Bieitos. Fundado arredor do ano 898 por Ero Fernández e a súa muller Dona Elvira. Funcionou como mosteiro familiar ata o último terzo do século XI cando o conde Rodrigo Muñiz e a súa irmá Elvira llo cederon aos bieitos, continuando baixo a protección da familia, pois dise que a filla de don Rodrigo "pidio ao emperador que contase aquel couto aos monges que era a sua herdade". No s. XII, o rei Afonso VII dóalle o couto de Ferreira de Pallares con xurisdición civil e criminal. Santa María manterá varios preitos cos templarios de San Fiz do Ermo, uníndoselles aos cabaleiros varios nobres da bisbarra e tamén os campesiños de varias freguesías. No século XV a comunidade queda reducida a unha cuarta parte quedándose en cinco monxes, prior e abade. No ano 1517 ou 1518, por mor da reforma dos mosteiros galegos empredida polos Reis Católicos, pasa a depender de Samos como priorado. A igrexa románica con elementos góticos rematouse na segunda metade do s. XIII. É de planta rectangular construída en cadeirado de granito. Ten unha nave dividida en catro tramos, ábsida con tramo rectangular e cabeceira semicircular. Unha capela gótica acaroada no alzado sur da nave acolle o mausoleo dos Taboada. A porta principal, arquivoltada, está decorada con motivos humanos, animais e vexetais, figuracións que tamén se poden ver nas portas norte e sur. O claustro, do século XVII, é de planta cadrada con arcos escarzados. Deste mosteiro data un documento do ano 1257 escrito enteiramente en galego.
Mosteiro de San Fiz do Ermo: Documentado a mediados do século X, nada se volve a saber del ata o ano 1223 en que aparece citado como monasterium. Foi obxecto de discusión entre as ordes de Santiago e a do Temple, acusando a primeira á segunda de llo ter ocupado indebidamente. A finais desa década aparece xa como encomenda ou bailía templaria nun preito que a orde mantén co cenobio bieito de Ferreira de Pallares. Nun documento do ano 1265 figura un litixio diante do bispo de Lugo, Miguel, entre o abade do mosteiro de Ferreira de Pallares e o comendador de San Fiz do Ermo: "Domnum Lupum comendatorem Sancti Felicis de Heremo, ordinis Milicie Templi". No 1254 o bispo de Lugo recoñécelle os dereitos sobre dezanove igrexas da súa diócese. No 1310 a bailía estaba habitada polo comendador e dous freires templarios que ese ano foron citados polo tribunal de Medina do Campo para comprobar as acusacións vertidas contra a orde e que levarán á súa desaparición. Moitos dos bens templarios galegos remataron en mans dos Castro e entre eles os de San Fiz, pois no 1355 Fernando Ruiz de Castro entregaba o meu couto e erdades de San Fiiz do Ermo a Gonzalo Ozores de Orcellón. Do que foi mosteiro templario só se conserva unha casona onde, ata non hai moito, aínda se podía ver unha pedra armeira da orde do Temple 
Parroquia de Castelo: Nun documento do ano 1215 cítase "eclesiam Sancti Salvatoris de monasterio de Castello", e noutro do 1238 "Moestiro de Castelo". 
Mosteiro de Santa María de Mosteiro: Crese que houbo un mosteiro feminino polos séculos XI ao XII que pertenceu ou foi absorvido polo de Santa María de Ferreira de Pallares. Na Casa do Priorado atopouse un capitel decorado de tradición visigótica que se conserva no Museo de Lugo o que podería confirmar, segundo Amor Meilán, a existencia deste cenobio en cuxa igrexa exercían xurisdición os señores de Gaioso. A igrexa parroquial, de orixe románica, foi erixida preto dun castro, ten unha nave cuberta a dúas augas e con bóveda de canón, quedan varios canzorros xeométricos e a ábsida está reforzada con dous contrafortes. Estes mosteiros eran patrimoniais e desaparecían pola falla de monxes ou por doalos os seus donos a outros mosteiros e igrexas. Nun alpendre próximo localizamos empotrado nun dos muros un morteiro pétreo e a basa dunha columna, posiblemente romana. Esta parroquia é na actualidade anexa á de Francos. 
 

 


O INCIO
Mosteiro de San Fiz (O Hospital): Consérvase a igrexa románica de finais do século XII, levantada polos cabaleiros sanxoanistas da Orde de Malta. Foi construída con pedra calcaria e mármore azul das canteiras do Incio. A fronte está formada por unha gran portada protexida por dúas piastras decoradas, con arco abucinado de catro arquivoltas tóricas. Na parte superior do tímpano vese unha Cruz de Malta. Tamén erixiron un mosteiro-hospital e unha fortificación destinadas a amparar aos peregrinos a Compostela. O campanario está exento. No conxunto tamén salienta outro edificio de elementos góticos que sirve de panteón a persoeiros da familia Quiroga. Nun documento do 15 de maio de 1003, fala dun preito que tieron os mosteiros de Sancti Felicis de Onitio et de Destriana, pertencentes ás infantas Tareixa e Sancha, fillas de Vermudo II, contra o abade de Samos pola posesión duns servos. En tempos de Afonso IX estaba no poder de dúas familias nobres quen llo entregaron á orde do Hospital de San Xoán de Xerusalén. A doazón levaba dúas obrigas para os sanxoanistas: manter sempre a seis cregos dos que tres tiñan que ser presbíteros e cando menos un frade da orde, e que a casa fora cabeza dunha bailía da que terían que depender todos os bens que o Hospital tivese entre os ríos Miño e Lor. Esta foi unha das encomendas máis importantes do Hospital en Galicia Conxunto declarado Monumento Histórico Artístico. 
O Mosteiro de Flanello: Nicandro Ares Vázquez escribe un artigo en Lucensia (2011) no que fala da existencia deste mosteiro "in terra de Lemos". En primeiro lugar cómpre aclarar que a actual comarca comprende os concellos de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, e non o do Incio que pertence á comarca de Sarria. Mais don Nicandro xa advirte que a Terra de Lemos non era soamente a contorna da cidade de Monforte e da súa comarca, senón que incluía unha zona máis ampla. Di que no Tombo de Samos atópase un documento no que consta que un presbítero chamado Genitrigus/Genetricus construíu no ano 947 unha igrexa nas súas herdades, situadas "in terra de Lemos". Despois de afondar na toponimia e na documentación que podería alumar a situación do cenobio, Nicandro Ares cre que se ubicaría na parroquia de San Salvador do Mao, nunha vila que no ano 991 se chamaba Planeto: "monasterium Sancti Salvatoris, territorio Lemabus, prope ribulo Omano, fundatum in villa que antea vocabatur Planeto et modo dicitur sanctum Salvatorem". O que si chama a atención é que no documento do 947 se fale de Lemos e non de Lemabus, termo máis usado no Tombo. 
Mosteiro de San Salvador do Mao: Dise que se levantaba xunto a vila de Planeto (o Flanello citado anteriormente por Nicandro Ares). Fr. Gregorio de Argáiz (1600-1679), na súa obra de longo título La soledad laureada por San Benito y sus hijos en la Iglesias de España y theatro monástico de la provincia Bética, di  que corresponde á terra do castelo Slanillo, preto do río Omano (o Mao), do bispado de Lugo. Nin Planeto nin o Castelo Slanillo deixaron pegada na toponimia actual. Argáiz escribe tamén que recibía o nome de San Salvador de Lemos. A igrexa actual conserva o antigo patrón, e no pobo existe a tradición do desaparecido mosteiro. Outras escrituras falan do seu carácter dúplice e da súa anexión a Samos por Vermudo II na última década da décima centuria. A igrexa figura na concordia que no ano 1195 puxo fin ao longo preito entre os abades de Samos e o Cabido de Lugo sobre a posesión do templo e dos seus bens. Nun muro que pecha o adro-cemiterio cuberto hai empotradas cinco caliveras. (Ver en Apéndices: As caliveras de San Salvador do Mao). 
Mosteiro de Santa María do Mao (Santo Eufrasio): Tamén tivo por patróns a San Martiño, Santo Estevo e San Pedro e San Paulo. Na actualidade presenta unha nave elevada, con cuberta en lousa a dúas augas. Ao presbiterio, máis reducido ca nave, accédese por medio dun arco de medio punto. No interior, o retábulo renacentista de tres corpos ocupa toda a cabeceira. A porta do sagrario loce un relevo de Cristo resucitado de pé sobre o sepulcro. Na imaxinería salientan as tallas do Santo Eufrasio, Santa María, Santa Bárbara e o San Bieito. O templo foi restaurado hai algúns anos e apenas conserva restos da fábrica orixinal. Exteriormente comparte coas igrexas de San Salvador e San Román, tamén no Mao, a peculiaridade de ter o adro e o cemiterio cuberto por unha estrutura de madeira. Pero o elemento máis destacado é o sepulcro do Santo Eufrasio. Segundo a tradición, foi un dos sete Santos Varóns, discípulos do Apóstolo Santiago, que foran enviados por San Pedro e San Paulo para evanxelizar a Península, establecéndose en Iliturgi (Andúxar), de onde foi primeiro bispo, sufrindo martirio nos primeiros anos da era cristiá. Durante a invasión árabe, os monxes de Andúxar, despois dunha longa peregrinaxe, chegaron ao Val do Mao no 1716, depositando as reliquias na primitiva igrexa. O sepulcro atópase no centro da nave, cuberto por dúas grandes pedras superpostas. A pedra superior, primitiva, conserva unha inscrición borrosa referente ao traslado das reliquias do Santo Eufrasio a Andúxar no ano 1596. Nun dos muros do templo hai unha inscrición de irmandade entre os veciños da aldea e os de Andúxar. A romaría na súa honra celébrase o 15 de maio. Sobre este santo publicou unha monografía no ano 1955 Pedro López Rubín: Santo Eufrasio, Varón Apostólico. Segundo o bispo Antolín López Peláez, no seu El monasterio de Samos (1894), o cenobio de Santa María do Mao foi do real patrimonio dende os tempos de Ramiro I, que reinou entre os anos 842 e 850, ata que Sancho o Craso llo cedeu aos monxes de Andúxar. Fronte á igrexa está a coñecida como Casa do Priorado, con dúas pedras armeiras do mosteiro de Samos. 
Mosteiro de Valdemao: Deste incerto mosteiro fala Amor Meilán. Di que xa existía nos primeiros tempos da Reconquista. No Incio están as parroquias de San Salvador do Mao, Santa María do Mao e San Romao do Mao. Incorporouse a Samos no século X. 
 

 

 


LÁNCARA
O Mosteiro (Bande Susaos-Bande): O mosteiro dependía do de Samos. Mencionado en documentos do Tombo de Samos nos anos 982 e 990, e noutro do ano 1057, nunha doazón do mosteiro de San Paio, preto de San Salvador de Bande, entre Tordea e Neira. Era un mosteiro feminino que foi propiedade de Leodegundia. Non duraría moito tempo como cenobio xa que no ano 1091 noméase como "eclesia Sancti Pelagii et sua villa". O lugar, Mosteiro, nomeáse nun inventario entre 982 e 990 onde se rexistra unha herdade de illo vallato de Monasterio ata in Bandi. Consérvase a igrexa do século XII, cunha nave e unha ábsida semicircular unida ao corpo rectangular do presbiterio. A fachada é moderna. No interior pódese ver unha colección de seis grandes óleos, doados pola familia López Quiroga e Somoza.
Mosteiro de Neira de Rapados (Vilaleo): Segundo Nicandro Ares Vázquez, o composto do topónimo, Rapados, pode facer alusión a uns frades rasurados (ou tonsurados), porque nesta parroquia baixo o padroado de Santa María estarían antes monxes e na limítrofe de San Salvador de Toirán habería monxas, tal como adoitaban elixir os santos protectores os mosteiros dúplices. 
Mosteiro de San Salvador (A Eirexe-Toirán): Aquí puido estar o "monasterio Sancti Salvatori in villa que vocitant Bandi, in ripa Narie", fundado por Lucito Gundesindiz e Domna Eiloni, segundo se cita en documentos do Tombo de Samos en 982 e 1057. No 982 cítase o mosteiro de San Salvador e Santa María na ribeira do Neira, o cal tiña os seus límites "per termino de Sancto Pelagio". En Sampaio (Neira de Cabaleiros) estaba o mosteiro familiar de San Paio no ano 1057: "Monasterium territorio Galletie prope monasterio Sancti Salvatoris de Bandi, inter Tordena e Naria; vocitant ipsum monasterium Sancti Pelagii et sociorum eius". Consérvase unha inscrición do ano 1133. Este mosteiro fora propiedade de Ledegundia, e atendendo tamén ao seu titular, San Paio, vese que foi de mulleres (Ares Vázquez, en Lucensia 2009).
Mosteiro de San Vicente: Nicandro Ares Vázquez cre que Carracedo puido ser o lugar onde estivo o "monasterium de Sancti Vicenti de Lancara" (San Vicente é o patrón da parroquia), citado así nos anos 1119, 1122, 1123 e 1133, aínda que di que puido estar en Leirado (sobre a porta hai unha cruz de malta ou patada), parroquia de Armea, porque aquí existiu o lugar de San Vicenzo e a ecclesia S. Vicenti de Leirado, segundo documentos dos anos 1175 e 1195, se ben no ano 1091 lese Sanctum Vicentium de Armena.


 

 

 

LOURENZÁ
Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (Vilanova): Bieitos. O mosteiro fundouno no ano 969 o conde Osorio Guterres, curmán do rei Ordoño; á morte da súa muller ingresou no mosteiro. Considerado santo, foi soterrado nun sártego paleocristián de mármore que el mesmo trouxera dunha viaxe a Terra Santa. A construción actual do edificio monacal data dos séculos XVII e XVIII, da primitiva edificación só se conservan unha ara do século IX e unha lauda do XII. O cenobio incorporouse á Regra de San Bieito de Nursia no século XII, acadando un enorme poder, cun patrimonio que abranguía toda a Mariña Luguesa e parte da Terra Chá. Aínda que os monxes abandonaron o mosteiro debido aos decretos de exclaustración e desamortización de Mendizábal, quixeron ocupalo de novo no 1878, mais un incendio truncou a iniciativa. Regresaron no 1910, permanecendo nel ata o 1942 cando se estableceu no mosteiro o Seminario Menor Diocesano. Da antiga construción monacal consérvanse dous claustros rematados no ano 1786, o coñecido como Patio do Pozo do Santo e o de San Salvador. A igrexa data do s. XVIII, construída en estilo barroco galego. Ten planta de cruz latina con tres naves separadas por piastras dóricas das que parten arcos feixóns. A nave central, máis ancha, está cuberta con bóveda de canón, e as laterais con bóvedas de aresta. Unha cúpula, de media laranxa con lanterna, cobre o centro do cruceiro. No interior salienta un retábulo que representa a Transfiguración. Na capela de Valdeflores atópase o sártego cos restos do fundador Osorio Guterres, máis coñecido como O Conde Santo. Na fachada principal, abeirada por dúas torres, figuran as imaxes do Salvador, da Virxe e do Conde Santo, e, por baixo delas, representacións da orde beneditina, San Bieito e Santa Escolástica. O Arquivo Histórico Nacional de Madrid acolle o que se ten como o segundo documento máis antigo escrito enteiramente en galego, pertencente ao Tombo de Lourenzá, datado o 15 de outubro de 1232. De febreiro de 1238 é outro documento, tamén escrito en galego, que recolle o preito entre o Concello de Ribadeo e o abade de Lourenzá polas rendas do porto de Rinlo. A maior parte dos documentos máis antigos, escritos en galego, desapareceron debido a que, entre outras causas, os pergameos en que se escribiron foron reutilizados. Agás as partes do edificio ocupados por distintas instalacións  monacais (Concello, oficina de Correos...), o resto está a padecer un continuo deterioro.
Mosteiro de San Adrao: De carácter familiar, foi doado no ano 969 ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá. A pía de auga é un miliario romano dun metro de altura. A igrexa, do século XVI, está moi reformada onde salienta o campanario barroco. No interior hai un retábulo do século XVIII e unha cruz procesional do século XVI.
Mosteiro de San Fiz de Cazolga ou dos Macabeos: A capela actual foi construída no ano 1940, substituíndo a outra máis antiga que pertencía ao mosteiro de San Fiz e os Macabeos e mandada erixir, segundo a tradición, polo Bispo Santo. No Archivo Histórico Nacional consérvase un documento datado no ano 933 que fai alusiónn a este mosteiro, situado na faldra do monte denominado Cornaria: "In nomine domine nostri ihesu christi uobis dominis meis santisque martiribus sancti felicis et machabeorum quorum ecleisa fundata esse dignoscitur in ripa de riuulo uocabulo masma subtus monte cornaria".

 

 

LUGO
Convento das Doniñas: Segundo recolle Nicandro Ares Vázquez, en Santalla de Bóveda existe a tradición dun chamado Convento das Doniñas que estaba a dous quilómetros da aldea, no vilar de Valín, máis do cal non se coñece ningún documento.
Convento de San Francisco (Lugo): Franciscáns, século XIII. Do antigo convento só se conserva o claustro do século XV, gótico con influencias románicas, e a cociña e o refectorio do século XVIII. A igrexa, do gótico mendicante, é do século XIV e que asentaría sobre outra máis antiga. De planta de cruz latina, consta dunha nave no brazo maior, outra no cruceiro e unha na cabeceira onde destacan tres ábsidas cubertas con bóvedas nervadas apoiadas en columnas. No ano 1957 acometeuse a reforma do primitivo edificio. Acolle o Museo Provincial.
Convento de San Domingos (Lugo): Dominicanos. A igrexa conventual é do século XIII (comezou a construírse no ano 1303) dunha soa nave e cruceiro realizado en cachotaría de pizarra e cadeirado de granito. Ten tres ábsidas poligonais con ventás resgadas de grande altura. A fachada principal está tapada por un pórtico construído no s. XVII. No interior mestúrase o gótico e o barroco. O convento, con claustro, foi cedido no ano 1840 ás Recoletas Agustinianas de clausura. 
Convento de Santa María: A igrexa de Santiago A Nova foi templo do antigo convento de monxas dominicas, fundado en 1363 baixo a advocación de Santa María, á que se deu o apelativo de A Nova para distinguila da catedral. Coa desamortización, o convento pasou ao estado, onde instalou varias das súas oficinas, albergando na actualidade Facenda e Correos. A igrexa reconstruíuse no século XVIII e foi espoliada durante a invasión napoleónica. A primitiva fachada, que dá á rúa San Pedro, conserva dúas fermosas portas e unha inconclusa esvelta torre. A fachada actual, que dá á rúa da Raíña, é de 1918. Conserva o claustro de principios do XVIII, actualmente parte da Delegación de Facenda, mentres que o templo, datado 1757-1764, continúa desenvolvendo as súas funcións litúrxicas. No interior conserva cinco retábulos de talle neoclásico. 
Ermida do San Amaro (Conturiz-Santo André de Castro): Ata o día 19 de maio de 2015, tiña catalogada como unha "torre defensiva" os restos desta ruinosa edificación situada en Conturiz, e como tal, ademais de neste blog, tamén a colguei no facebook. Foi entón cando vin un comentario de Adrián Gómez no que contestaba que non se trataba dunha torre senón dunha capela. Para subsanar o erro púxenme en contacto con Adrián quen axiña me enviou unha información que eu descoñecía. Contoume que, segundo os veciños, trátase das ruínas do convento ou mosteiro de San Amaro. Na ligazón a unha publicación que me achegou (Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce, obra de Ana Goy Diz publicada nas Actas do simposio Juan de Herrera y su Influencia, 1992), di que se conserva a escritura do contrato de Gaspar de Arce no ano 1584 cos canteiros Gregorio do Barro e Alonso Rodríguez para que levantaran as paredes de mampostería. A obra atopábase nas inmediacións da vivenda dos condes de San Amaro que disfrutaban a capela en réxime de padroado. Comentoume Adrián que pola zona hai, ao menos, dúas pezas graníticas con cruces, unha das cales vin reaproveitada no peche dunha casa. Moitas pedras da capela, que se atopa en moi mal estado de conservación, foron espoliadas para outras construcións. Vaia dende aquí o meu agradecemento a Adrián Gómez por tan valiosa información quen tamén me dixo que na mesma parroquia hai os restos dunha vella igrexa, San Román, da que se di que son restos romanos ou tardorromanos ou quizais posteriores, mais si semella que anteriores ao século X. 
Mosteiro de Meilán: Polo ano 930, o presbítero Regito fundou o mosteiro de Santiago de Meilán. Sucedeuno o seu sobriño do mesmo nome, quen á súa vez légao á igrexa de Lugo e ao seu bispo Pelaio quen o ordena de presbítero e pon á fronte da igrexa mosteiral a Desterigo que, no seu testamento, establece o dereito sucesorio a favor dos seus sobriños Afonso e Andulfo. Despois de varias vicisitudes, o mosteiro cae nas mans de Pelaio quen, conta Vázquez Saco (1947), dispón dos bens mosteirais e déixaos en testamento á súa filla Trodili. O bispo Amor (1088-1096) rexeita o testamento e faise cargo da facenda do cenobio, aínda que, "movido máis tarde a misericordia", déixallo ao actual posesor e ao seu sucesor inmediato. A igrexa de Meilán e os seus bens non foron definitivamente adscritos á igrexa de Santa María de Lugo ata o ano 1123, cando estaba en mans do conde Munio Peláez. A fábrica románica da igrexa foi bastante alterada por reformas posteriores.     
Mosteiro de Saamasas: Hoxe é un arrabaldo da capital lucense, onde o presbítero Félix no ano 923 cedía a aquel mosteiro "villa quam dicunt iuliani", denominación que segundo Nicandro Ares pode corresponder a Xián ou Cián, en Taboada. No Museo Diocesán de Lugo consérvanse sete pracas rectangulares e planas decoradas. A importancia destes relevos vén dada tanto pola súa calidade artística, como polo interese que esperta o seu carácter e función, ademais da interpretación dun epígrafe. Ao parecer trátase das pracas dun canel de época visigótica de finais do século VI ou principios do VII, correspondentes á primitiva igrexa onde no século XX aparece citada como mosteiro de Sanctas Masas. O cancel separaba a parte sagrada do altar da adicada ao resto dos fieis.
Mosteiro de San Xoán de Mera: Citado por Ares Vázquez, tratábase dun mosteiro familiar situado no que hoxe en día é Seoane Alto, anexa do Burgo. A primeira mención é na copia do testamento do bispo Odoario no ano 747, cando se cita a ecclesia sanctii iohannis de mera. Noutro discutido documento do ano 897, o rei Afonso III confirma ao bispo Recaredo e á igrexa lucense moitos territorios, entre os cales se mencionan as igrexas de "In mera eclesiam sancte eolalie alte, ecclesiam sancte marie que dicitur alta, et sanctum ioannem de mera cun familia". O P. Yepes cita un documento do ano 985 onde fala de que o mosteiro de San Xoán, no territorio que chaman Mera, pola Era de mil e vinte e tres, estaba sito cabe a cidade de Lugo, non lonxe do río Miño, e era de monxes e de monxas. Pero Yepes non sinala con exactitude o ano da fundación de tal cenobio, pois no Archivo Histórico Nacional (Tombo de Sobrado) consérvase a copia dunha escritura datada o día 17 de xuño do ano 964, na cal unha muller chamada Ximena di que aquel mosteiro fora construído polos seus pais no val do Mera preto do río Miño, non lonxe de Lugo, na vila que chamaban quarto. 
Mosteiro de Santalla de Cuíña: Mencionado nos anos 995, 997, 999 e 1017. 
Mosteiro de Santalla de Fingoi: Nun documento do ano 995 consta que unha muller de nome Faquila doa ao rei Vermudo II o mosteiro de Santalla de Fingoi con todas as súas pertenzas. Tamén consta en documentos dos anos 1042, 1086 e 1088 onde se cita o "monasterium Sancti Antonini de Fingoi". En xullo do 1071, a infante Elvira, filla de Fernando I, doa ao bispo de Lugo varias vilas que foran do mosteiro de Fingoi. No do 1088, Afonso VI doa ao bispo de Lugo varias vilas e igrexas suxeitas aos mosteiros de Santalla e Santuíño de Fingoi e os dereitos rexios da cidade de Lugo.

 

 

 

 

MEIRA
Mosteiro de Santa María de Meira: Císter. As orixes non están claras, barallándose dúas hipóteses, unha do 997 baixo os cluniacenses, e outra do 1143 xa baixo a Regra do Císter. No aspecto arqueolóxico, os primeiros que o estudaron foron Carlos Arias (Monasterio de San Salvador, no Boletín da Real Academia Galega), Villa-Amil y Castro e Torres Balbás (Monasterios bernardos de Galicia). Sobre o aspecto histórico, hai que salientar a tese de María de Las Mercedes Domínguez Casal do ano 1952 que abrangue os primeiros cen anos da vida do cenobio, onde rexeita o ano 997 recollido polo P. Yepes, afirmando que foi fundado pola orde San Bernardo no 1143, se ben a data de 1142 é a máis suxestiva para a fundación cisterciense, apoiándose na desparecida inscrición publicada primeiramente polo P. Risco e reproducida en copia facsímile por Villa-Amil e Amor Meilán, que se atopaba no claustro baixo do mosteiro: "Anno Domini MCXLII. Inicium domus Meyre". O seu dominio medrará de xeito continuado durante o século XII e a primeira metade do século XIII, converténdose nun dos mosteiros máis ricos de Galicia. As súas posesións, ademais de na súa contorna, estenderanse por todo o bispado de Mondoñedo, cara a costa, e chegará ata as ribeiras do Miño e do Sil, sendo destacada na Terra de Lemos, e fóra de Galicia no Bierzo e Toro. Á morte do abade frei Ares de Maxide no 1515, integrouse definitivamente na Congregación de Castela. Do conxunto monacal consérvanse a cociña, o refectorio, os arcos forneiros, as ménsulas e os arrinques dos arcos do claustro das Procesións (s. XVIII) e pegadas nos edificios que acollen as dependencias do Concello. A igrexa, do 1143, ten planta de cruz latina con tres naves divididas en nove tramos, onde a central, cuberta con bóveda de canón apuntado sostida por arcos faxóns, dobra en anchura ás laterais. Cruceiro e cabeceira cunha ábsida central semicircular, precedida por un tramo recto enmarcado por capelas cadradas. A portada principal é románica, con arquivoltas sostidas por tres pares de columnas. Sobre ela ábrese un enorme rosetón. A porta conserva as ferraxes do século XIII.

MONDOÑEDO

Convento da Concepción (Mondoñedo): Ano 1639. Coñecido nun principio como convento da Encarnación Franciscá do Coto de Outeiro, fundado por Dona María Pardo de Andrade no ano 1656 e cuxa construción se iniciou no 1714 xunto unha das antigas portas (hoxe en día todas desaparecidas) de acceso á cidade murada. 
Convento de Lindín (O Caxigo-Lindín): Lugar de difícil acceso e mal conservado. Consérvanse restos de muros pertencentes a un convento medieval dependente do de Vilanova de Lourenzá.  
Convento dos Picos (Mondoñedo): Agostiños. O seu nome real é o de convento de San Martiño de Vilaourente, fundado no século XIV e con reformas no XVIII. Logo da desamortización, o bispo da Diócese, Xosé Manuel Palacios López, concedéullelo no ano 1885 á comunidade dos PP. Pensionistas que habitaron nel ata o 1964. A subida ao convento coñécese como O Calvario polo Via Crucis do que aínda se conservan algúns pasos.
 

 

MONFORTE DE LEMOS
A Casa do Priorado (As Devesas-Baamorto): Descoñezo se aquí houbo algún priorado é a que orde pertenceu. Antiga reitoral da igrexa de Baamorto, fronte da igrexa parroquial e do cemiterio. Ten planta en T. Na fachada leste vense dous escudos de pedra, un dos Quiroga e outro dos Somoza. 
Mosteiro de San Vicenzo do Pino (Monforte): Bieitos. Escribe M. Rubén García Álvarez (1952), en contra da afirmación dalgúns autores, que é totalmente falso que o mosteiro date do século VIII, creándose unha abadía xa organizada no século seguinte, poñendo en dúbida a autenticidade dalgúns diplomas pertencentes a este cenobio. As noticias coñecidas sobre as orixes deste mosteiro redúcense á non moi exacta referencia do P. Yepes, reproducida máis tarde polo P. Risco, López Peláez e algúns datos dispersos noutras publicacións. O mesmo autor tamén rexeita o escrito por Pedro Boo Pita de que o antigo mosteiro estaba na faldra do monte, no lugar que anteriormente ocupaba unha ermida. Se ben ten as orixes no século X, o edificio actual, tanto a fachada coma o claustro, é de traza neoclásica do século XVI. No ano 1199 (neste ano a vila baixa do outeiro e é levada ás beiras do Cabe), Afonso IX concede ao cenobio varias igrexas e bens, privilexio confirmado no ano 1213 polo papa Inocencio III. Afonso IX tivo que mediar entre o Concello e o mosteiro para marcar os dereitos que San Vicenzo tiña na vila. Castelo, mosteiro e vila compartirían o espazo no castro durante o século XII. Visitado por frei Juan de San Juan de San Benito de Valladolid no ano 1494, a reforma non se fará patente ano o 1499, sendo abade frei Gómez de Folgoso, antigo prior de Montederramo, que se encastelou no cenobio para impedir o paso aos de Valladolid, fuxindo despois a Montederramo, presentándose logo en Monforte para asinar a súa renuncia ao abadengo. Coñecida a renuncia do seu antecesor, frei Fernando de Castelo, que anos atrás deixara San Vicenzo por Samos, volveu ao Pino, conseguindo manterse á súa fronte ata o 1504, marchando logo a Roma para defender os seus dereitos sobre Samos e San Vicenzo e alí morreu. Xunto con Samos e Celanova, San Vicenzo do Pino é o único cenobio de Galicia que mantivo unha xurisdición eclesiástica propia e recoñecida pola diócese de Lugo. Os derradeiros monxes abandonaron o mosteiro a finais dos anos oitenta, instalándose en Samos. A igrexa mosteiral ten portada renacentista encadrada por dous pares de columnas dóricas. É de planta de cruz latina rematada por tres capelas rectangulares cubertas con bóvedas estreladas apoiadas sobre arcos agudos. No altar maior, barroco, destacan unha pintura que representa a tortura de San Vicente e unha escultura de Santa Ana co Neno. Tamén acubilla unha imaxe da Virxe de Monserrat, patroa da cidade, e outra de San Brais, de afamada romaría o día 3 de febreiro. En abril de 2011 comezaron as obras de restauración do templo. O conxunto monumental érguese no monte de San Vicente do Pino que na Idade do Ferro, segundo algunhas hipóteses, acolleu o castro Dactonio, capital dos Lemavos, e na Idade Media o monumental castelo dos poderosos condes de Lemos. Na actualidade o cenobio acolle un parador de turismo. 
Convento-Hospital do Sancti Spiritus de Monforte: No século XIII hai referencias dun "Hospital de Lemos", mais descoñécese con exactitude a data da fundación. As primeiras noticias datan do ano 1564, nun Libro de Xuntas do mosteiro de San Vicenzo do Pino do ano 1577. Sábese que no 1683 xa existía o Hospital do Sancti Spiritus, propiedade do Concello e administrado polos Irmáns Obregones, con anterioridade á entrada dos Hospitalarios. Os Obregones deben o nome a Bernardino de Obregón (Burgos, 1540-Lisboa, 1599) que serviu aos pobres enfermos, agregándose logo outros compañeiros que co tempo tomaron o nome de Hermanos Mínimos de Bernardino de Obregón, e que profesaban na orde dos Agostiños. Por Real executoria librada polo Supremo Consello e Audiencia de Cámara, Eugenio Aguado, en 19 de outubro de 1753, na cal se insire a súplica elevada por dona Rosa María de Castro e Portugal, condesa de Lemos, a fin de aprobar e sancionar a transación e concerto entre dita señora e o licenciado Francisco Gil, en nome da vila e Concello de Monforte a 9 de outubro de 1752, na vila de Madrid, con referencia a poñer ao cargo dos relixiosos de San Xoán de Deus o Convento-Hospital do Sancti Spiritus e o Hospital de San Lázaro e a cuxa cabeza debería de estar Fr. Bartolomé Márquez, cedéndolle ao efecto o edificio, bens e rendas da súa anexión, con outras agregacións e baixo determinadas condicións. As últimas noticias sobre a presenza dos Hospitalarios en Monforte, que ocupaban as dependenzas do antigo Concello, datan de principios do ano 1833. 
Convento de San Xacinto de Monforte: Sitúabase onde está a igrexa de San Domingos da Régoa, edificada na primeira metade do século XVI na faldra do monte de San Vicenzo do Pino, agás a sancristía e o edículo de Nosa Señora do Rosario. No interior conserva un espléndido órgano do ano 1888, realizado por Pedro Méndez segundo figura nunha inscrición situada na traseira. O convento foi fundado no século XVII (ano 1621) polos condes de Lemos e ocupado polos dominicos. O freire Aureliano Pardo Villar, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), fala deste convento menor (citado tamén no Boletín da Real Academia Galega do ano 1931). Di que durante a Guerra da Independencia converteuse nunha fábrica militar, onde se equipaba de armas aos paisanos da comarca, e construíanse canóns de madeira, escavando troncos de árbores que se rodeaban con aros de ferro; estes canóns podían resistir ata doce disparos. O prior do convento, Fr. Domingo Barbeito, que foi asasinado polos franceses, non contaba máis de corenta anos de idade. Tamén foi barbaramente martirizado o irmán leigo Fr. Simón Vega, de sesenta anos. Outro irmán leigo, Fr. Andrés de San Vicente "embalsamó los claustros de este convento con el aroma de sus excelsas virtudes" na segunda metade do século XVIII; morreu cumpridos os setenta anos, pouco antes do 6 de maio de 1796. Do fundador e primeiro prior deste convento, Fr. Justo de Oviedo, sábese que morreu entre os anos 1643 e 1645, como así figura nas Actas do Capítulo provincial deste último ano. Este Fr. Justo foi tamén o derradeiro prior do convento da Purificación de Pantón, do que falo na entrada correspondente a ese concello. 
Mosteiro de Cinsa (Cinsa-Baaamorto): Segundo recollo de Nicandro Ares, en Cinsa estivo ubicado o mosteiro de Sancto Ihohanne de Cinissa, do cal queda na microtoponimia a Casa Priorato con emblemas da cruz de Malta, utilizada polos hospitalarios de San Xoán. 
Convento de San Antonio: Estaba no Campo de San Antonio. Franciscáns. Citado por J. M. Pita Andrade na súa obra Monforte de Lemos (1952): "... con los barrios de Remberde en donde está el Convento de las Religiosas Descalzas y con el de los Abeledos en donde está el Convento de San Antonio de la Orden de San Francisco...". Consérvanse un baixorrelevo actuando como lintel dunha capela particular na rúa Dr. Casares, unhas columnas diante dunhas casas situadas fronte os Escolapios e no patio do vello Concello e un cruceiro que se ergue no Campo de San Antonio. 
Convento de Santa Clara (Monforte): Franciscáns descalzas. Fundado no ano 1622 por Catalina de la Cerda, muller do VII conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Cando a morte deste, no ano 1633, a fundadora ingresou no convento. A igrexa, rematada a finais do século XIX, é de tipo ecléctico. O Museo de Arte Sacra é un dos máis completos na súa categoría, con reliquias do século XVII, dúas imaxes do escultor Gregorio Fernández e outra de Xoán de Mena, reliquias, orfebrería, etc. 
Mosteiro de San Pedro de Valverde: Bieitos. Mandado construír no ano 1124 por Munio Romaniz e dona María Petriz (consérvase a inscrición). Malia o anterior, do ano 1078 é un documento que di: "Exemenus monasterio Vallis Viridi abbas", confirmando un documento de Samos. A principios do século XII estaba en poder da raíña dona Urraca, que o cedeu a Munio Romániz; á súa vez este cabaleiro, coa súa muller María Pérez, entregoullo a Cluny no 1125. Valverde foi un pequeno cenobio que non superaría nunca os tres monxes e o prior. Nos arquivos da Biblioteca Nacional de Noruega consérvase un diploma do ano 1115. Cando o visitaron os freires de Cluny no 1139 estaba deshabitado, regresando a vida monacal no ano 1342. A finais do século XIV só residía nel o prior, xunto o que se atopaban no 1392 dous cregos segrares. No 1460, cando o visitaron de novo os delegados de Cluny o prior estaba asistido por un crego, e dos edificios só a igrexa se atopaba nun estado digno. O prior, Xoán de Monforte, púxose a disposición dos reformadores, se ben isto durou pouco xa que no 1504 titúlase prior do moesteyro de Sant Pedro de Valverde con abtoridad do sennor don Fernando de Castelo, abbade del monesterio de Sant Vçenço de Monforte et administrador del dicho monesterio de Valverde. Intención que de pouco lle valeu porque Valverde foi anexionado a San Vicenzo do Pino. Do antigo cenobio consérvanse algúns restos no edificio anexo ao templo. Da igrexa quedan restos románicos na portada do muro norte e a nave. A ábsida e a sancristía son posteriores, así como a espadana de tres ocos. No muro sur, sobre un lintel, hai unha inscrición que fai alusión á fundación do cenobio; traducida do latín, di: "Na Era de 1162, día 13 ante calendas de outubro (19 de setembro de 1124), foi comezada a edificación desta igrexa por Munio Romaniz e María Petriz, polo remedio das súas almas en honra do Apóstolo San Pedro". A portada do templo foi restaurada no ano 2014, desaparecendo as pinturas en cor vermella e azul que presentaban as cinco arquivoltas. Aquí atópase a coñecida como Casa do Priorado, un efificio do século XVIII de planta irregular e dous andares; nunha ventá xunto a porta de entrada figura a data de construción: 1794. 
Nosa Señora da Antigua: Coñecido coma Os Escolapios. Xesuítas. Mandado construír polo cardenal Rodrigo de Castro, rematouse no ano 1619. 
Priorado de San Salvador de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. 
Fonte dos Frades (Montecelo-Chavaga): Recibe este nome unha fonte de pedra que hai nunha fraga. Está delimitada por uns muros de cachotería que protexen o manancian e unha cuberta de lousa.
(Ver en Apéndices: Os conventos que Monforte perdeu).




 

 

NEGUEIRA DE MUÑIZ
Igrexa de San Salvador de Negueira: Construída a finais do século XV ou principios do XVI coa intención, dise, de que fose un mosteiro se ben non se coñece documentación ao respeito. 
 

AS NOGAIS
Santo André das Nogais: Dise que xunto a igrexa existiu un antigo eremitorio convertido en mosteiro e logo desaparecido. Cando a reforma do cemiterio que arrodea á igrexa, apareceron varias tumbas formadas por laxes. O templo conserva restos de tres estilos arquitectónicos: visigótico, románico e gótico. Tanto no exterior como no interior pódense ver varios elementos decorativos reutilizados.
 


OUTEIRO DE REI
Mosteiro de Santa Euxenia de Gaioso: Citado polo P. Yepes na súa Crónica General de la Orden de San Benito (1613). Nicandro Ares Vázquez, de quen recollo a información, di que pouco máis achega o beneditino, que nin sequera indica onde se atopaba e que se inscribe entre os suxeitos a Sobrado. Nada achega a bibliografía, mesmo nas guías eclesiásticas de Lugo só se fai alusión ás parroquias de Santiago e Santo Tomé de Gaioso, mais descoñécese a de Santa Euxenia. Mais don Nicandro, que presentiu a súa existencia, atopou a referencia á freguesía e couto de Santa Euxenia de Gaioso no Catastro de Ensenada do 1752, que tamén aparece citada como Santa Euxenia de Senande (aldea hoxe en día pertencente a Donalbai, en Begonte) e que aínda é coñecido como lugar da Eirexe de Senande, onde non existen restos de igrexa algunha, mais non lonxe de onde posiblemente se erguería o desaparecido cenobio. Nunha visita de Nicandro Ares atopou un sártego antropoide cun debuxo xeométrico na súa cabeceira que facía de pía para beber o gando. O dono levouno logo ao sitio denominado do Adrio onde apareceran ladrillos, tellas e pezas labradas, unha cun debuxo que semellaba un escudo que se empregaron na cimentación dunha obra. O documento citado polo P. Yepes data do ano 1019 e custódiase no Arquivo Histórico Nacional entre os pergameos do mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Mosteiro en San Xoán de Parada: En Estudos de toponimia galega II, editado pola Real Academia Galega no ano 2013, don Nicandro Ares Vázquez sitúa en Parada o mosteiro de San Xoán de Friolfe, en vez de no concello do Páramo. (ver concello do Páramo).  (En Apéndices ver o artigo: Un mosteiro en Parada, Outeiro de Rei?)
  
PALAS DE REI
Mosteiro de Augas Santas: Nicandro Ares Vázquez sitúa aquí un mosteiro, citado nunha doazón que fixo Afonso III á igrexa de Lugo no ano 897: "In terra de Uliola monasterim S. Gregori". Nun documento do ano 1138 menciónase "In Uliola... monasterio Sancti Gregorii de Aquas Sanctas". No ano 1266 xa se fala da "igreja que he de Sanjurjo de Aguas Sanctas".
Mosteiro de Devesa: O nome quizais lle veña dun primitivo cenobio citado no ano 1291 como "eclesia de Santiago de Moesteyro de Deusa", e nun do ano 1296 como "eclesia Sancti Jacobi de Moesteiro". 
Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas: Séculos XII-XV. As "donas" ás que fai referencia parece que foron unhas mulleres dos Arias de Monterroso, familia á que pertencía o Deán Xoán Arias que doou o mosteiro á Orde de Santiago. O apelativo tamén pode facer alusión a que, nun principio, puido ser un cenobio feminino. O templo é de planta de cruz latina, con nave principal e cruceiro rectangular e tres ábsidas, a central máis alta, cun arco de medio punto rebaixado cunha parte cuberta por unha bóveda de canón e outra semicircular con bóveda de cuarto de laranxa. O frontispicio está enmarcado por dúas piastras laterais e cornixa coroada por tres pequenas figuras. Na fachada occidental consérvase parte do pórtico e do claustro exterior. No interior da igrexa pódense ver varios sártegos pertencentes a cabaleiros da Orde de Santiago e os frescos góticos que cubren a ábsida central con esceas do Antigo e do Novo Testamento realizados no ano 1434. Recentemente, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza destacou a calidade da rehabilitación da igrexa. Agora falta que se completen os traballos no conxunto coa recuperación do cenobio. Mais esas, a cacarexada recuperación é unha noticia vella. O día 1 de agosto de 2011, o xornal El Progreso de Lugo achega unha resportaxe sobre o conxunto monacal. O seu protagonista, don Jesús García, veciño da zona e dovoto do mosteiro dende cativo, di que "aquí ninguén fai nada e o estado da igrexa é penoso..., os restos do claustro están apontoados dende hai máis de sete anos..., os frescos da cúpula foron desaparecendo ano tras ano...". Ao longo dos anos, don Jesús foi recompilando a historia de Vilar de Donas, "a verdadeira, porque as pedras non menten". Así chegou á conclusión de que a igrexa foi construída polos sanxoanistas irlandeses por riba dun asentamento celta, xa que logo é do século XI e non do XIII como afirman algúns estudos. Para chegar a esta tese, baséase en que na parte frontal están esculpidos varios símbolos celtas, como os cornos dun macho cabrío e acios de uvas, e nas columnas hai unha auténtica icona celta gravada. Na zona da cabeceira aparece representado varias veces o trevo de tres follas, tan característico dos irlandeses, que reflicte a Santa Trinidade en honra de San Patricio. 
Mosteiro de Santa María de Carteire: Nunha escritura do ano 956 do conde Osorio Vistrariz e da súa muller Teodili Pepiz faise mención aos mosteiros de Santa María de Carteire e de San Fiz do Hermo. Os donantes, oprimidos polo peso dos seus pecados e aterrorizada a súa conciencia polos crimes que cometeran, desexan reconcilarse con Deus, ofrecendo os bens que posuían naquela comarca. Deste mosteiro non se coñecen restos.


PANTÓN
Convento da Purificación: O dominico convento da Purifiación de Pantón foi matriz do da mesma orde situado en Monforte (San Domingos da Régoa). O derradeiro vigario, co título de Prior, foi Fr. Xusto de Oviedo que se fixo cargo do de Monforte. Fundado a mediados do século XVII. O P. Risco di que os principios deste convento débense ao cura e licenciado Alonso Ares quen cedeu a súa casa solariega, chamada dos Ferreira, para que se fundase un convento de Predicadores con doce relixiosos, cuxo título fose de Purificación da Sagrada Virxe María. Esta cesión fíxose no 1569 e no mesmo ano presentouse ao Capítulo Provincial celebrado en San Paulo de Valladolid. As dependenzas pasaron logo a unha familia de labregos.  
Mosteiro do Diviño Salvador (Ferreira de Pantón): Posible orixe altomedieval. Denominado en escrituras antigas como Conventus dominarum de Ferraria. Monxas cistercienses, séculos X-XII. A primeira noticia documental data do ano 1108, nunha doazón na que están presentes varias abadesas da bisbarra, entre elas a de Ferreira, dona Ximena. Nos primeiros tempos foi un mosteiro dúplice. Logo dunha fase de decadencia, no que estaría desocupado, a condesa Fronilda Fernández (ou Fronille) de Lemos restaura a vida monacal no ano 1175 integrándoo na orde do Císter baixo a dependencia de Santa María de Meira. A filla de Fronilda, Guiomar, herdou o título de señora do cenobio e en 1196 renovou as disposicións feitas pola súa nai, feito que amosa o poder que tiveron os padroeiros laicos nalgún mosteiro, confirmando ademais que o goberno do cenobio se herda de nais a fillas. No 1491 o mosteiro foi visitado polo abade de Claraval. No ano 1600 é incorporado á Congregación de Castela. Ao conxunto mosteiral, pechado por unha alta muralla, accédese a través dun gran portalón. O mosteiro consta de dúas plantas con muros de cadeirado granítico. No ángulo dereito álzase un torreón de planta cadrada de dous pisos máis. O único claustro está formado por arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e bases toscanas que sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía descansar un segundo claustro que non chegou a construírse. Formando parte do edificio está a hospedaría con galería e columnata a xeito de pazo. No lado oposto atópase a "Casa das Donas", edificio utilizado polas damas da nobreza que tomaban os hábitos. A igrexa data da segunda metade do século XII, ten nave rectangular e ábsida con forma semicircular precedida dun tramo recto cuberto con bóveda de canón que acolle os sártegos de Diego e Lope de Lemos; outro tramo curvo, con bóveda de cuarto de esfera, ten tres ventás enmarcadas por arcos de medio punto.
Mosteiro de Santo Estevo de Atán: Segundo a redacción do testamento grande de Odoario do 15 de maio do 747, di que edificou o mosteiro dende os cimentos, telo poboado coa súa familia e dotado con outras igrexas fundadadas por el mesmo e polos seus familiares. Nun inventario do 871 cítase a un tal Ageredo, familiar do bispo Odoario, como poboador do Val de Atán. O P. Risco publica un diploma real en que Afonso II doa á igrexa de Lugo varias posesións deste mosteiro. O Coelicolae, atribuído a Afonso III, enumera varias posesións da Catedral lucense onde figura San Estevo de Atán. López Ferreiro fala dun documento que chama Carta de Fundación del Monasterio de San Esteban de Atán, ayuntamiento de Pantón, partido judicial de Monforte, provincia de Lugo, que é unha doazón do arcediano Damundo ao mosteiro, sinalando os términos do seu couto e que recibira dos reis Aurelio e Afonso. O 13 de decembro de 1164, Fernando II couta en favor da catedral de Lugo e do seu bispo Xoán o mosteiro de Atán cos seus términos. No 1185, o papa Lucio III confirma varias bulas anteriores entre as que enumera a "ecclesiam scti. Stephai de Atam cum cauto et voce Regali". No 1189, Afonso IX confirma varios diplomas de Fernando II, reiterando as concesións entre as que enumera na Terra de Lemos "Enuoadi, cum cauto suo de Atan". Consérvase a igrexa construída entre os séculos XII e XIII, con reformas posteriores. Consta dunha nave rectangular con muros de cantaría. A fachada ten tres pares de columnas adosadas, con capiteis decorados, un arco apuntado enmarcado por tres arquivoltas e tímpano liso cunha inscrición. A cornixa está decorada con canzorros e nos muros abundan distintos signos. A ábsida, con interesantes pinturas, é rectangular. Entre os canzorros chama a atención un que ata non hai moito críase que representaba a un home bebendo viño dunha cuba, coñecido como "O bebedor de Atán" (tampouco faltan interpretacións de tipo sexual), cando en realidade representa a un músico tocando un instrumento de vento utilizado durante a Idade Media. Segundo o historiador Anselmo López Carreira, a mención histórica máis antiga que se coñece da Ribeira Sacra non está relacionada con Amandi, senón con Pantón, tal como figura no documento fundacional do mosteiro de Atán, datado no ano 816, onde se di que o cenobio contaba con viñas e maciñeiras. Nos anos 747, 841, 897, 1164, 1178, 1179, 1185 e 1241 menciónase a "ecclesia Sancti Stephani vallis Attane, in territorio lemabus ou in territorio Licinio".  
Mosteiro de San Miguel de Eiré: Monxas bietas, século XII, consérvase a igrexa. A fundación do mosteiro atribúese a Escladia Ordóñez, foi dotado por Afonso VII no ano 1129, se ben, ao parecer, xa existía no 1108 en que era"abbatisa in Agiree Eldonça". No ano 1129, o rei Afonso VII sinala o couto para o mosteiro. A mediados do século XV as monxas pasan a San Paio de Antealtares, en Santiago, e o cenobio queda abandonado. A igrexa é típica do románico galego, da segunda metade do s. XII, construída sobre os restos dunha visigótica tal como o testemuñan os restos dunha ventá xeminada con arcos de ferradura. Construída en pedra de cantaría, ten unha planta simple dunha soa nave con ábsida semicircular precedida dun tramo recto. Sobre unha bóveda que abrangue todo o ancho do templo álzase unha torre de dous corpos con ventás xeminadas e simples. A portada da nave ten dúas arquivoltas, a exterior con rosetas e o Agnus Dei no centro, e a interior estriada e decorada con bólas. No interior ten capiteis decorados, pinturas dos séculos XV e XVI e varias esculturas. 
O Mosteiro (Eiré): O Mosteiro é unha aldea da parroquia e Eiré. Segundo Nicandro Ares houbo un pequeno mosteiro de monxas. Consérvase unha pequena capela posta baixo o padroado de San Miguel. Segundo un documento do ano 1108, era abadesa Agiree Adonça.  
Mosteiro de San Vicente de Pombeiro: Situado ao pé da Pena Pombeira de onde tomou o nome. Non se pode precisar a época da fundación, as escrituras máis antigas alcanzan ao ano 935 onde o supoñen xa existente. Os condes Sueiro Gutiérrez e a súa muller Guntroda, polo ano 935, doan ao abade Sabarico varias vilas, igrexas e terras "Por amor a Deus e ao lume do inferno". No 1108 era dorado por dona Urraca a Cluny. Coando os freires cluniacenses de San Bieito de Valladolid visitaron o cenobio no 1392, os edificios estaban semidestruídos, calificando ao prior, Diego Fernández, de apóstata, e denunciando que un dous dos monxes que o habitaban era concubinario, seguindo o exemplo do prior, quen "de una concubina non est contentus, sed plures habet". A recuperación de Pombeiro produciuse a partires de mediados do século XIV. Cando no 1460 volve a ser visitado polos enviados de Cluny critican certas deficiencias no culto divino, que o claustro non estaba ben cuberto e que o mosteiro non tiña nin refectorio nin dormitorio. Daquela, a comunidade estaba formada por catro monxes. Coa reforma dos Reis Católicos pasou a Santo Estevo de Ribas de Sil, unión definitiva promulgada polo papa no ano1526. A igrexa, construída entre os séculos XII e XIII, formou parte dun mosteiro do que só se conservan algúns restos. O templo é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas semicirculares. A entrada principal, entre dous contrafortes, ten dous pares de columnas que sosteñen, por riba dun tímpano liso, arquivoltas apuntadas. Na parte superior ten seis arcos decorados con cabezas humanas e formas xeométricas a xeito de tornachoivas. A porta norte é semellante á principal, e a sur sitúase baixo un rosetón decorado. Na fachada oeste érguese unha torre de sección semicircular. No interior consérvanse retábulos renacentistas e barrocos e pinturas murais do século XV. A vista sobre o río Sil é magnífica.
Mosteiro de San Fiz de Cangas: Foi mosteiro de monxas bieitas. No primeiro cuarto do século XVI é anexionado a San Paio de Antealtares, en Santiago. En documentos de 1199, 1206, 1289 e 1369 figura citado como "Sancto Felice de Cangas". Nun documento de 1108 era abadesa "domina Visclavara in Sancti Felicis". A condesa Ximena Sánchez doaba no 1116 aos monxes e monxas que vivían no mosteiro de Ferreira todo o que herdara dos seus pais en terras de Lemos, Sarria e Asma, asinando a escritura Xemena, abadesa de Ferreira, Aldonza, abadesa de Eiré e Elvira, abadesa de Cangas.  No testamento de Urraca Fernández do 1199 faise mención a S. Felice de Cangas. Consérvase a igrexa do século XIII, construída sobre outra visigótica. Está formada por unha nave rectangular. A fachada ten unha portada cun arco apuntado e tímpano gravado con enigmáticos símbolos. No interior pódense ver retábulos con esculturas dos séculos XVIII e XIX. Unha das ábsidas perdeuse ao remodelarse no século XVII como panteón de Rodrigo López de Quiroga co arcosolio que mostra ao cabaleiro de xeonllos. Salientan os canzorros das ábsidas que mostran unha figura fálica, un can, esferas, un xato, un acio de uvas, un antropomorfo e un cuadrúpede. 
Convento de San Domingos (Pantón): Segunda metade do século XVI. Dominicanos. Situado xunto a parroquiald e San Martiño. Acolle unha adega con bóveda de canón de maior tamaño da Ribeira Sacra. Segundo a España Sagrada, a construción custeouna o cura Alonso Ares quen no ano 1659 cedeu a súa casa solariega para poder erixilo.   
Priorado de San Román de Moreda: Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Tratábase dun priorado ou granxa dependente do mosteiro de Samos. Dende o ano 1832 exerceu como prior e cura o P. Sebastián Rueda. Nun documento do ano 1175 cítase "in terra de Lemus ecclesiam sancti Romani de Moreda".






PARADELA
Mosteiro de Santa María de Mosteirovello (Castro de Rei de Lemos): O topónimo fai alusión ao mosteiro que os beneditinos levantaron no lugar no século X, vencellado ao de Carracedo (O Bierzo). No século XII trasládase á beira do río Loio, constituíndose en abadía do Císter, doado por Afonso VII no 1144, xuntamente co couto de Santa Marta de Ribas de Miño. No 1247 o papa Inocencio IV delegaba ao deán de Astorga para xulgar o preito sobre a obediencia que Mosteirovello, que era bieito, debía a Carracedo do Bierzo, sentenza que foi favorable a este último, co dereito de nomeamento e cese de abade. Sendo abade frei Xoán de Ayán, no ano 1473, refuxiado no mosteiro de Monforte (di que "non se atreve a vivir no seu mosteiro por medo corporal dos seus inimigos, que foi desterrado por xuíz apostólico, que lle teñen tiranicamente usurpados os bens do mosteiro, que non pode vivir ninmanterse nel monxe ningún"), suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". No 1474 converteuse  en priorado cisterciense dependente do mosteiro de Montederramo ata a exclaustración de Mendizábal. Da primitiva igrexa só se conserva a ábsida románica e parte dos muros (séculos XII-XIII) que se construiría sobre outra máis antiga tal como o revela o capitel prerrománico que se conserva no interior. O resto do edificio é do século XVIII. No interior pódense ver pinturas do século XV. No ano 1697 documéntase un foro outorgado por frei Sebastián Caballero, prior do mosteiro. Para saber máis, consultar o interesante traballo de Xaime López Arias, publicado no Boletín do Museo provincial de Lugo, O mosteiro de Santa María de Castro de Rei (Paradela).
Mosteiro de Santa María de Loio, Santa María de Ribalogio ou de Argentario (Cortes): Do antigo mosteiro de orixe eremítica fundado no século VIII, vencellado ao Camiño a Santiago, só se conserva a capela románica do século X, posiblemente construída sobre outra máis antiga. A capela foi restaurada polo monxe Quintila no s. XI. No século seguinte acométense importantes reformas. Consta dunha nave á que se accede por unha porta con arco de ferradura. A espadana, dun oco, remata nun pináculo. Dise que aquí naceu a orde dos Cabaleiros Cambiadores (tamén coñecidos como os Templarios galegos) que deu orixe aos Cabaleiros de Santiago, feito que nega F. J. Pérez Rodríguez (2008). Tamén se di que foi casa nai da Orde de Santiado da Espada, fundada no 1170 en Estremadura co nome de freyles de Cáceres, sumándo a ela os coengos regulares de Loio. Un dubidoso documento do mosteiro de Celanova do día 23 de decembro do 927 dise que se restaura a vida monástica. Si se sabe que no 1102 a raíña dona Urraca fai doazóns á igrexa da Lama dicindo que lle pertencía porque fora de dous mosteiros seus: o de Santa María de Portomarín e o de Santa María de Loio. No 1175 encabeza como monasterium os bens e dereitos da orde de Santiago na confirmación dun privilexio pontifício, e noutras de anos posteriores. No 1230 aparece un comendador á súa fronte. No 1254 os cabaleiros entregábanno á Igrexa de Santiago de Compostela, pasando a forma parte da sé xacobea onde permanecerá o resto da Idade Media. Nunha crónica da orde redactada no século XV cóntase o protagonismo que no nacemento dela tivo Sant Loyo, casa agostiña que se ten identificado con Santa María de Loio cando, en realidade, ese priorado situaríase na cidade de León, tratándose do de San Clodio. 
Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño: Conxectúrase que foi fundado no ano 1120 para acoller aos peregrinos a Santiago de Compostela. Amor Meilán, na súa Geografía de la provincia de Lugo, di que eran as ruínas dunha igrexa de templarios. O P. Yepes alude a un mosteiro de San Fagundo e San Primitivo dependente do de Samos. Nun documento do mosteiro de Ferreira de Pallares do ano 1233 recolle que tiña bens "in monasterio sancti facundi de ripa minei". Di Ares Vázquez que a historia deste cenobio non se comprende sen a súa estreita vinculación ao de Santa María de Castro de Rei de Lemos, o cal foi doado á orde do Císter por Afonso VII o ano 1144, xuntamente co couto de Santa Marta de Ribas de Miño (Santa Marta é hoxe unha aldea de San Fagundo). Sendo abade de Castro de Rei frei Xoán de Ayán no ano 1473, suscribe un foro "frei Pedro da Somoça, prior do mosteiro de San Facundo". Pero no ano 1481 aparecen estes cargos invertidos, xa que "frey Pedro de Somoça, abade do moesteiro de Santa María de Castro de Rey" fai un foro ante notario "frey Xoán de Ayán, prior de San Facundo de Riba de Minno por la gracia de Deus e da Santa Iglesia de Roma" Na segunda metade do século XVI, cando a reforma monástica, San Fagundo foi incorporado ao Colexio de San Bernardo de Alcalá de Henares, pero como antes fora priorado agregado a Montederramo o priorado de San Fagundo, segundo documentos extractados por Duro Peña dos fondos de Montederramo que se custodian no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e publicados en Archivos Leoneses no 1972. Xa no ano 1753, cando se confeccionou o Catastro de Ensenada, di que é de señorío do Real Mosteiro de Montederramo. No Arquivo Histórico Nacional gárdase un pergameo deste cenobio do ano 1258.  
Priorado de Santa María de Mirallos: Foi priorado da Encomenda de Portomarín. A carón do Camiño Francés, tiña hospital para acoller aos peregrinos. A igrexa, de orixe románica, pasou a ser parroquia no século XVIII, foi trasladada, pedra a pedra, dende Ferreiros no ano 1790. Diante da porta principal hai unha pía con diferentes símbolos.

 

 

O PÁRAMO
Igrexa mosteiral de San Xoán de Friolfe: Segundo un documento de restauración da igrexa de San Xoán de Friolfe, datado no ano 910, existiu un mosteiro posto baixo o padroado de San Salvador. A orixe do templo data da segunda metade do século XII. Construída con muros de cadeirado de granito, presenta unha porta con arco de medio punto, dúas arquivoltas decoradas con perlas e inscritas en axedrezado, tímpano bilobulado adornado cunha cruz bizantina central e dúas cruces laterais. O pórtico ten cinco columnas que enmarca a outra porta con tímpano cunha cruz de Malta inscrita nun cadrado. A espadana é barroca, coroada por pináculos. Malia o anterior, segundo achega Nicandro Ares Vázquez, a cita do ano 910 está tomada de Galicia Histórica, Colección diplomática (1901), de Antonio López Ferreiro, localización que o autor lucense cre errada e que posteriormente foi aceptada por A. del Castillo, Villa-Amil y Castro, Amor Meilán e Vázquez Saco, ubicación que o sempre documentadísimo don Nicandro rexeita, ubicando o cenobio, en todo caso, en San Xoán de Parada, no concello de Outeiro de Rei, de carácter, posiblemente, dúplice. Na ampla documentación que cita, figuran varios abades, presbíteros, diáconos e outras testemuñas, entre elas varias mulleres que ben puideron ser monxas do referido mosteiro. Para máis información pódese ver o interesante artigo de Nicandro Ares, publicado en Estudos de toponimia galega II, editado pola Real Academia Galega no ano 2013. (En Apéndices, ver o artigo: Un mosteiro en Parada, Outeiro de Rei?)

 

A PASTORIZA
Igrexa de Bretoña: Templo disque situado sobre un antigo castro (nas proximidades atopouse un pendente de ouro, ao parecer prerromano) e sobre os alicerces dunha primitiva basílica monacal de orixe suevo-visigótica, sé da diócese de Britonia fundada polos bretóns que chegaron ás costas de Lugo no século V, dirixidos polo bispo Mailoc. A igrexa actual ten planta rectangular con tres naves, presbiterio e sancristía. Sobre a porta lese a data de 1733, e tamén aparece esculpida a cabeza dun anxo con sombreiro de peregrino. Na parede leste do templo hai unha lápida coa inscrición da consagración da antiga igrexa en honra de Santa María da Paz, construída sendo bispo Pelaxio, que di: "ERA C... IQ V K(a) L(enda) S: MAI(a)S P(e)LAGI(u)S P(resbi)T IN ONOREM S(an)C(t)E MARIE MATRE PACES". Daquí xurde a diócese actual de Mondoñedo-Ferrol. Realizáronse escavacións a principios dos anos setenta do pasado século, saíndo á luz gran número de tumbas paleocristiáns e cimentos da basílica episcopal. Agás a torre-campanario, os muros están encementados e pintados de branco. O P. Flórez cita unha escritura do ano 830 onde di que Britonia foi invadida e destruída polos árabes. Segundo Amor Meilán, baseándose nunha testemuña de Pomponio Mela, insinúa que nos primeiros séculos da era cristiá existía unha confederación de pobos ártabros con capital en Britonia, confederación que abranguía ata a actual comarca de Ortegal. Dentro do que foi o emprazamento da antiga Britonia, segundo as Memorias que compuxo un coengo da Catedral de Mondoñedo, utilizadas polo P. Flórez no tomo 18 da súa España Sagrada, aínda se coñecían no 1763 vestixios dunha gran fortaleza con foxo e contrafoxo. O P. García Villada, na súa Historia Eclesiástica de España, di que un dos bispos de Britonia foi priscilianista. López Ferreiro escribiu que de Britonia era o monxe galego Requiario, que a fins do século IV ou principios do V escribiu o opúsculo De Fide (por moito tempo tívose a Requiario como de orixe inglesa). Como figura máis arriba, o primeiro bispo do que se ten noticia é Mailoc, que concorre ao II Concilio Bracarense no 572, e antes asistira ao primeiro co nome latinizado de Maliosus no 561 (algún autor di que Maliosus e Mailoc eran persoas distintas). Seguiulle na sé Ermerico que suscrebe co título de Laniobrense no III Concilio de Toledo. No IV Concilio de Toledo do ano 633, toma parte e asina como Britoniense Metropio. No oitavo celebrado na mesma cidade, o presbítero Materico, a nome do Bispo Britoniense no 653. O P. Flórez dá por desbotada a hipótese de que non existiu ningunha sé titulada Laniobria, como distinta da de Britonia. Pierre David, na súa obra Etudes historiques sur la Galice et le Portugal (1947), seguindo a Louis Duchesne (L´eglise au VI siecle), fala deste bispado de xeito distinto que o P. Flórez, di que ao seren invadidas as Illas Británicas polos anglosaxóns no século V, houbo unha importante migración de bretóns da Armórica cara as Galias e a costa de Galicia xa que aquí había xente da mesma raza que deran varias cohortes de britóns galegos ás lexións romanas, como recolle Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo. Eran cristiáns ben organizados, cos seus bispos, abades e sacerdotes. Escribe o alcipreste de Catedral de Mondoñedo, Francisco Reigosa (1950), que foi a partires daquí cando se multiplicaron as igrexas, escasas ata o daquelas, non existindo tampouco ningún bispado.
 

PEDRAFITA
Santa María a Real do Cebreiro: Cluny/Císter. S.éculos IX-XI. O desaparecido mosteiro foi fundado polos monxes de Aurillac. Porta de entrada a Galiza, ergueuse un hospital no século IX para atender aos peregrinos que elexían o Camiño Francés a Santiago. A igrexa, construída en cachotaría de lousa, é de planta irregular dividida en tres tramos. No interior conserva dúas capelas, un cáliz, unha patena, a copia dun Cristo gótico crucificado e unha estatua sedente coa Virxe e o Neno do s. XII, dous sartegos antropomorfos (onde están soterrados os protagonistas da lenda do Santo Milagre) e unha pía do IX onde ata o século XII se facían os bautizos por inmersión. Aquí abrollou a lenda do Santo Milagre, acontecida nun inverno de mesta nevarada e forte zarracina do ano 1300, onde a fe dun deslido labrego venceu a fachenda dun descrido crego. Outra lenda sitúa no Cebreiro o Santo Graal, a Santa Copa utilizada por Xesús durante a Derradeira Cea. No ano 1486 os Reis Católicos entraban en Galicia polo Cebreiro, quedando consternados polo seu estaedo ruinoso, dirixíndose ao papa para que consentira reformalo e o desligase da súa dependencia de Aurillac. No ano 1487 pasou aos observantes de San Benito de Valladolid quen o rexeu directamente. No ano 1961 practicouse na igrexa e contorna unha importante restauración. Ao pé do altar repousan os restos de don Elías Valiña San Pedro, párroco que adicou a vida a poñer en valor o santuario e a súa relación co Camiño de Santiago. A principios do mes de xaneiro de 2015, o Colectivo Patrimonio dos Ancares sacamos á luz varias noticias relacionadas co Cristo gotico e a Virxe do Cebreiro, instando ao Bispado de Lugo para que aclare onde se atopa o orixinal do primeiro e se a Virxe conserva restos románicos ou só é unha mala reprodución (Véxase a nosa páxina Patrimonio da Comarca dos Ancares).

A POBRA DO BROLLÓN

Mosteiro de San Salvador de Ferreiros: Nicandro Ares Vázquez di que o carácter mosteiral da igrexa de San Salvador déixase entrever nun documento datado no ano 1001, onde a notitia dun preito presentado "in Boveta, in valle de Lemabus por Rodrigo Romariz e Ximena Ximénez" sobre a posesión do "monasterio Sancti Salvatoris de Ferrierasci". Noutro documento lucense do 1181 (Era 1249), que se conserva no Arquivo da Catedral de Lugo, Coelvira Fernandi doa unha parte do seu jure hereditario "monasterii de Ferrarius" á Orde do Hospital de San Xoán. No 1249 o soldado Martinus Petri, alcumado Mosero, ofrece á igrexa de Lugo o seu dereito de padroado "in monasterio Sancti Salvatoris de Ferreiros" en satisfacción do sacrilexio que cometera violando a igrexa de Lóuzara. Xunto a igrexa érguese un edificio totalmente arruinado, nun de cuxos muros hai unha inscrición coa data de 1788. Malia o anterior, J. Freire Camaniel no seu El monacato gallego en la alta Edad Media pon en dúbida a existencia deste cenobio.
Priorado de San Martiño de Piñeira: A única testemuña sobre a existencia deste mosteiro aparece nunha dubidosa doazón de Afonso VII ao presbítero Paio Vermúdez e aos seus fratibus no 1124 ou 1154 a petición de Fernando Pérez de Traba e que o rei lles cedía os coutos de Piñeira, O Ivedo e Trasmonte.  
Adegas de Vilachá: En Vilachá consérvase un conxunto etnográfico formado por 42 adegas familiares con orixe no século XII que foran doadas polo rei Afonso VII e que no século XIII pasou a depender do mosteiro de Montederramo que potenciou a viticultura e a construción das adegas. Tras a desamortización do ministro Mendizábal, as pedras do priorado foron reutilizadas noutras construcións. 
Santiorxo (Liñares): Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco (1747) cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa (quizais mosteiral, digo eu) pertencente aos templarios.
 

 

POL
Mosteiro de Santa María de Valonga: Segundo Nicandro Ares Vázquez, este mosteiro, absorbido polo de Meira, é citado unicamente nunha doazón feita polo rei Ordoño á sé de Oviedo o 20 de abril do ano 857: "In Galletia monasterium Sancte Marie de Valle Longa", documento publicado por Floriano na súa Diplomática española del período astur, mais crese que é unha falsificación diplomática que, de todos xeitos, non invalida a existencia de tal cenobio no século XII, cando se fixo esta escritura. No ano 900, Afonso III confirma a esta igrexa varias posesións en Galicia. No ano 969, o conde Osorio Gutiérrez, fundador do mosteiro de Lourenzá, doa a este cenobio todo canto tiña "in Balunga quantumcunque habeo", ou sexa, todo o que ten en Valonga. A súa xirisdición foi discutida entre os bispos de Lugo e Oviedo, pois o papa Uxío III, en marzo de 1145 manda ao clero e fieis de Valonga, entre outros, que obedezan ao bispo de Lugo e non ao de Oviedo.Na actualidade só se conserva a igrexa de orixe románica do século XIII. Un veciño contoume que a tradición sitúa no lugar unha desaparecida capela, e cando anchearon a pista que dá á igrexa saíron á luz varias tumbas feitas con laxes.

PORTOMARÍN
Mosteiro de Santa Mariña (Santa Mariña-San Nicolás de Portomarín): Feminino. Aqui estaba no 922, segundo un dubidoso documento, a Eclesia vocabulo Sancte Marine ripa Minee, que lle fora doada polo bispo lucense Recaredo aos condes Gutierre e Ilduara, pai e nai de San Rosendo, para que rematasen de facer un mosteiro que tiñan comezado, e continuaba no ano 927: "Iuxta baselicam Sancte Marine in locum Porto Marini". Consérvase unha capela. Aquí achego unha lenda, extraída de galiciadixital, contada por Mero quen a recolleu de D. Xesús Mato e Mato. Cóntase que non moi lonxe, río Miño arriba, había unha peneda que sobresaía da auga, e nunca desaparecía da vista dos que por alí andaban, aínda que houbera secas ou enchentas. María, San Xosé e o Neno estiveron en Galicia cando fuxiran de Herodes. Ao chegaren a aquel sitio de Portomarín, á beira do Miño, quixeron cruzar. As augas, ao pasar entre os penedos, facían moito ruído, e corrían a moita velocidade. A Virxe, que non quería que espertaran ao Neno, dixo: "Río Miño, río Miño, pasa quedo e caladiño, non espertes ao neniño que xa o levo caladiño". E o río voltouse calmo, pousado e silencioso naquel tramo. Cóntase que atravesaron o río sen problema, e o Neno non espertou. Na peneda aínda está a pegada do burro cando, para facer pé, pousou alí unha pata. Por desgraza, hoxe todo está cuberto polo encoro de Belesar.

RIBADEO
Convento de Santa Clara (Ribadeo): Século XIII, clarisas, consérvase a igrexa do século XV e un claustro do XVIII. 
Mosteiro de Santa Baia de Ermolfi (Santalla da Devesa): No Catálogo de documentos medievales, escritos en pergamino, del Archivo de la Catedral de Mondoñedo (871-1492), confeccionado polo coengo e arquiveiro da citada catedral Enrique Cal Pardo, faise alusión a un documento do ano 973 o cal fai referencia á fundación do mosteiro en Sta. Eulalia de Ermolfi que se debe identificar con Santalla da Devesa, onde a conversa Iquilo concédelle ao bispo Armentario varios lugares daquela bisbarra. Na catedral de Mondoñedo consérvase un pergameo do ano 1002 que fai referencia a este mosteiro. 
Mosteiro de San Martiño de Esperantón: Coñecido como de Sperautani ou Sperautano. No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1978), Pedro Reigosa Pedrosa di que a fundación deste mosteiro data do século VIII, en virtude dunha concesión do sitio e término do seu emprazamento, feita polo rei Silo no ano 775 aos seus fundadores Pedro, presbítero, Alante, converso, Labino, converso, Avito, presbítero, e Laurentino, presbítero. Estes monxes, segundo consta na escritura orixinal que se conserva no arquivo da Catedral de León, acodiron ao rei Silo, e bicándolle os pés suplicáronlle lles dese un lugar de oración no Cellario que pertencía ao rei, entre os ríos Eo e Masma e os regueiros Alasancia e Mera. Don Silo fíxolles esta concesión por medio do abade Sperautano ou Sperauta (de aí o nome do cenobio), e acotou na concesión os términos de terreo adxudicado, un dos cales era o monte que está por riba de Trabada, outro o chamado Pelagum nigrum (Pozo Mouro), e os sinalados ríos e regueiros. Un documento do ano 1214, pertencente á colección diplomática do mosteiro de Meira, sitúa a herdade de San Martiño de Esperantón na ourela do río Eo, nas proximidades de Ribadeo. Villa-Amil y Castro, na súa Crónica de la provincia de Lugo, supón que estivo na actual parroquia de Celeiro, inmediata ao río Masma e ao Pozo Mouro, do concello de Barreiros. Amor Meilán pregunta se non sería construído nun dos lugares de San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante, que se chaman aínda hoxe co nome de Áspera. Outros colocan o emprazamento do mosteiro en Cabarcos ou en San Martiño Pequeno, que é da Fórnea. Mesmo non faltou quen o levou para a vila de Trabada, porque alí houbo un mosteiro de Santa María ata a exclaustración do 1836, hipótese imposible xa que os cenobios de Trabada e Sperautano coexistiron no mesmo tempo e ambos foron doados ao mosteiro de Lourenzá. 
Colexiata de Santa María de Ribadeo: A vila de Ribadeo convértese en sé do bispado de Mondoñedo a finais do século XII, se ben bispo e cabido deciden volver a Vilamaior poucos anos despois. As razóns de facer de Santa María sede dunha congregación de cregos non ten relación co seu breve pasado catedralicio senón co desenvolvemento demográfico de Ribadeo, pois no 1270 o seu Concello queixábase á sé de que non provía a yglesia de Ribadeu de servidores asi como deuiamos. Nese ano constitúense os alicerces o que séculos despois sería a colexiata posto que dende Mondoñedo instálanse en Santa María un grupo de racioneiros presididos por un coengo da catedral mindoniense. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).  

RIBAS DE SIL

Mosteiro de San Clodio: Mosteiro segrar. A primeira escritura de San Clodio data do ano 1151, cando o rei Afonso VII doaba o mosteiro a Vasco Pérez e á súa nai, Elvira Núñez. No 1286 foi confirmado por Sancho IV, e máis adiante por Afonso XI e Enrique III. Que a súa comuniade son cregos e non monxes constátase en 1203, e no século XIV debía estar desprovisto dela quedando só o abade. Cando a desamortización de Mendizábalo mosteiro foi vendido en grandes blocos a Manuel Batanero. Con anterioridade xa fora arrasado polas tropas napoleónicas. Do cenobio só se manteñen en pé o portalón renacentista (restaurado no ano 1604 por Afonso de Solís), a igrexa de orixe románica do s. XII da que se conserva a ábsida semicircular realizada en cadeirado de pedra ennegrecida, a porta norte de medio punto e a torre. Cóntase que o motivo do asalto do exército francés foi debido á morte dun capitán por parte dun guerrilleiro galego; como vinganza, os franceses queimaron e destruíron a aldea de Peites, a igrexa e o cenobio. Tamén se di que nas súas celas, a Inquisición aplicaba aos reos a tortura da goteira.
Mosteiro de Santa María de Torbeo: A primeira noticia deste mosteiro data do ano 1241, cando o abbas Johannes Petri de Torveno é testemuña dunha venda a Montederramo. No século XIII a súa comunidade está formada por cregos. Consérvanse varios foros dos séculos XIV, XV e XVI. No 1328 o seu abade Pedro Leal preside unha congregación de seis racioneiros. A igrexa, de orixe románica do século XII, pertenceu a un pequeno mosteiro que se levantaba no lugar pertencente aos bieitos. Destruída por un incendio no ano 1936, só quedaron en pé os muros. No interior consérvase parte dun epígrafe gótico. A nave é de planta rectangular con ábsida de tramo recto con testeiro redondo. Acaroadas á nave érguense dúas capelas con bóveda de canón engadidas no século XVIII. A porta principal presenta tres arquivoltas, e no cimaforte ábrese un óculo con tres círculos concéntricos ornamentado con touros, escocias e billetes.


RIBEIRA DE PIQUÍN
Igrexa-priorado dos Vaos: A igrexa dos Vaos está situada na aldea do mesmo nome, nun encaixado val sobre un esporón de forma circular arrodeado, agás polo NO, polo río Rodil, tributario do Eo, sobre o que se cre foi un primitivo castro. O templo pertenceu á Orde de San Xoán de Malta, con centro en Portomarín que administrou a parroquia ata o ano 1876. Nun dos libros de Fábrica da igrexa, do ano 1652, menciónase a relación mediante a fórmula "jurisdicción hespiritual de la encomienda de Portomarín". No muro exterior sur do edificio consérvase un reloxo de sol realizado en lousa en cuxa parte inferior lese: "SIENDO PRIOR DON FRAN.co BR.do PASARIN Y QVINDOS A.o DE 1742", que pode se indicativo da condición de priorado da citada orde militar. Malia o anterior, no Catastro de Ensenada do ano 1753 alúdese a este cura como párroco dos Vaos e non como prior. O elemento máis chamativo e enigmático do templo atópase na parede oeste do pórtico, fronte á fachada da igrexa, onde se abre unha ventá cunha cruz latina gravada en baixorrelevo na parte superior, e por riba, empotradas na parede, expóñense cinco caveiras humanas que configuran unha posición vertical, a máis de 2,50 metros do chan, que lembra un triángulo. Ningún dos cinco cranios conserva a maxila inferior. As cinco caveiras miran á fachada da igrexa, "como se duns asistentes máis ás cerimonias relixiosas se tratase". En ningún momento reciben a luz directa, aumentando así a súa lúgubre apariencia. Nada se sabe do que poden representar. Non moi lonxe hai outras dúas igrexas con semellante simboloxía: a de Santa Comba de Órrea (Riotorto) e a de Santa María de Conforto (A Pontenova), cadansúa cunha caveira empotrada nun muro e sen a maxila inferior. O templo é de amplas proporcións, atópase revogado en cal, con tres naves cubertas en lousa e madeira no interior. Dentro salienta un gran retábulo maior neoclásico, así como a imaxe policromada do Santo André, do século XV, nun retábulo lateral.

 

RIOTORTO
Mosteiro de Santa Comba de Órrea: Monxas bieitas. Non se conservan restos. Situado preto da igrexa actual, pertenceu a unhas monxas bieitas, coñecido tamén como Mosteiro de Donas. No ano 1199 dona Urraca Fernández de Traba fai unha manda no seu testamento a un Orreum que se debe identificar, segundo Pérez Rodríguez (2008) con Santa Comba e non con Santo André de Órrea, en Agolada. No ano 1209 Afonso IX exime ao cenobio de todos os pagamentos debidos ao rei agás moeda foreira. Enrique Cal Pardo fala da súa escaseza documental durante os séculos XIII e XIV. No século XV conta cunha visita feita dende a catedral de Mondoñedo que mostra a situación do cenobio no 1407, onde se sinala que en Santa Comba vivían oito monxas (cinco biudas e tres leygas). Menciónase nun aforamento do ano 1431: "Rodrigo Afonso, notario público do dito mosteiro de Santa Coonba...". A derradeira noticia sobre este convento é do ano 1436. No 1454 xa estaba en poder do cabido de Mondoñedo. Na igrexa consérvase un capitel do século XII utiliado utilizado como pía de auga bendita, que se cre pertenceu ao primitivo cenobio, sobre o que hai unha caveira humana empotrada na parede.
  
SAMOS
Mosteiro de San Xián de Samos: Bieitos. Presenta estruturas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Foi fundado polo bispo Ermefredo no século VII. No século XII incorporouse á disciplina de Cluny. Logo da exclaustración, foi ocupado novamente no 1891 ata a actualidade. Consta de tres naves separadas por grandes piares e dous claustros unidos entre si arredor dos cales se organización o resto das estancias: o claustro grande, en estilo de transición do renacemento ao barroco, onde se ergue a estatua do Padre Feixóo, e o das Nereidas, chamado así pola súa fonte barroca, construído entre os anos 1562 e 1582 e que conserva unha porta románica. A igrexa, barroca do século XVIII, é de planta de cruz latina con tres naves. Na unión dos brazos ergueuse unha cúpula gallonada con casetóns sobre un tambor, todo sustentado por catro arcos de medio punto. A fachada, á que se accede por unha escalinata inspirada na do Obradoiro compostelán, dá impresión de obra inacabada pola ausencia de frontón. No interior consérvanse retábulos de Francisco de Moure e de Xosé Ferreiro. A mediados do século XVIII era a principal empresa siderúrxica de Galiza. Das 25 ferrarías que había, 6 pertencían á orde bieita (o resto estaba en mans de nobres e fidalgos). No ano 1834, pouco antes da Exclaustración, a venda de ferro proporcionáballe máis ingrexos ca rendas polo centeo. Dúas das ferrarías dos monxes estaban nas freguesías de Guldriz e Santalla (Samos), dúas en Quiroga, unha en Guntín de Pallares e outra en Vilamartín de Valdeorras. O día 22 de outubro de 2010 clausurouse o 1º Congreso sobre a orde de Cluny e o Camiño Francés en Sarria. Alumnos da Universidade de Santiago catalogaron máis de 200 pergameos dentro dun convenio da USC coa comunidade bieita para inventariar os documentoss existentes na biblioteca; o proxecto, do ano 2010, ten unha duración de catro anos prorrogables. Na biblioteca hai once incunables que datan de finais do século XV ou principios do XVI, entre eles salienta o Tusculanae Disputationes, de Cicerón, realizado en Venecia no ano 1491. Calcúlase que a biblioteca acolle arredor de 75.000 libros. A Desamortización de Mendizábal supuxo a venda de parte da biblioteca cuxos documentos se vendían en sacos a un real o pergameo, utilizado para lume das casas. O primeiro en comezar o inventario dos fondos foi o P. Maximino, falecido no ano 1992. Este monxe tamén se encargou de levar a Samos microfilmados e fotocopiados documentos relacionados co mosteiro. No ano 1152, Xoán I, abade de Samos entre o 1145 e o 1152, é nomeado bispo de Lugo no que estivo ata o ano 1181.

SARRIA
Mosteiro de Santiago de Barbadelo: Bieitos, románico. O desaparecido mosteiro dúplice foi anexionado a Samos no ano 1009. F. J. Pérez Rodríguez (2008) fala dun sospeitoso documento atribuído a un rei Afonso (VI ou VII) que Barbadelo pasaría a ser unha propiedade de Samos, se ben tal dependencia non se constata ata o ano 1166. Barbadelo mantivo a súa singularidade e autonomía aos ser os seus bens rexidos por unha soa persoa nomeada dende Samos, como o demostra a súa cesión ao capelán Paio no 1166. Un século despois está á súa fronte Petro Cipriani dictus Monacus, dictus prior de Barbadelo. A igrexa románica do século X, construída en cadeirado de granito, ten planta rectangular. A porta é de medio punto con dúas arquivoltas sobre columnas con capiteis decorados con figuras humanas e animais. O vencellamento ao Camiño de Santiago amósanola unha porta decorada con cunchas de vieira e que tamén presenta un arco de medio punto e columnas con capiteis decorados con animais. Ten unha torre de planta cadrada. No interior conserva un retábulo barroco.
Mosteiro de Barxa.
Mosteiro de Calvor: Fundado no ano 785, no lugar que ocupaba un antigo asentamento castrexo. O arciprestre Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos no ano 902. Do antigo cenobio só se conserva un capitel visigótico dentro da igrexa. 
Mosteiro de Santa María de Corvelle: Consérvase a igrexa de orixe románica. 
Mosteiro de Froián ou de "Martolanes" ou "Mortolanes" (Froián): Di Lucas M. Álvarez que no Tumbo de Samos hai un docmento onde consta que o 18 de marzo do ano 907 un presbítero de nome Sesericus fai un pauto monacal, entregando a súa persoa e os bens patrimoniais á igrexa de Santiago Apóstolo, cuxas reliquias gárdanse na vila que chama Martolanes. Nicandro Ares Vázquez sinala que no mesmo Tumbo, un matrimonio doa varias posesións a Samos, entre outras a vila que está en San Pedro, nos Campos, onde din Martolanes e que, polos nomes dos lugares que se citan, localizaríase na parroquia de San Pedro de Froián, o cal estaría no lugar da Ermida. No ano 976 menciónase en Froián as igrexas de San Vicente e de Santiago, e arredor do 1009, Sancti Iacobi... in villa... Martolanes nun documento do ano 907. Da primitiva igrexa románica quedan poucos vestixios. Nunha doazón do ano 1028 aparece citada a igrexa de Froián no lugar que "dicitur Avolin, in territorio Froliani, subtus eclesia Sancti Vicenti". 
Mosteiro de San Adrao do Monte Páramo: A ermida do San Marco atópase na serra do Páramo, parroquia de Biville, e non moi lonxe da divisoria co concello do Páramo, a 849 metros de altitude, e de onde se divisa unha espléndida panorámica. Dise que asenta sobre un castro, se ben nos non atopamos pegadas claras do mesmo. Na Alta Idade Media ergueuse un eremitorio que co tempo se converteu nun pequeno cenobio cuxa primeira mención data do ano 899 en que o rei Afonso III confirma distintas posesións da igrexa de Lugo. No testamento de Sumilano do ano 976 fai doazón ao abade de Barbadelo da igrexa de San Adrao do monte Páramo. No ano 1009, o abade de Barbadelo dóalla ao abade de Samos, citándose no Tombo deste último mosteiro como Sancto Adriani in monte Paramo. Outros documentos dos séculos XVI e XVIII fan alusión a esta capela. O Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, nomea en Biville a Fonte de San Adrao. Nada se sabe cando mudou a súa advocación do San Adrao pola de San Marco, como tampouco de cando data exactamente a romaría que se fai na honra deste santo evanxelista, coa beizón dos campos e as peticións que lle solicitan os devotos. Acaroados á capela, construída sobre unha pena granítica, vense tres sártegos medievais escavados na rocha, se ben hai que conxectura que poden ser suevos ou visigodos. Nesta mesma rocha vese unha coviña artificial de dez centímetros de diámetro. Non moi lonxe tamén localizamos unha pía de 24 cm de diámetro, e dúas coviñas illadas, tamén feitas por man humana. A poucos máis de 300 metros da ermida está a coñecida como Fonte das Virtudes. Nesta serra do Páramo están localizadas 11 mámoas, tres pertencentes ao concello de Sarria e oito ao do Páramo. Os elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos e posible castro) apuntan a que o lugar foi cristianizado por considerarse como pagano.    
Mosteiro de San Antolín: Nicandro Ares cita o mosteiro de Sancto Antonino na parroquia de San Antolín. Entre o 1020 e o 1061 o abade doa a Samos o seu mosteiro con todas as posesións, entre outras "in territorio Triacastella, in villa Ranimiri, villa que comparavimus de Baltario Randiniz et hic in ipsa villa...". 
Mosteiro de San Martiño. 
Convento da Madalena (Sarria): Mercedarios. A orixe do convento data do ano 1200 cando dous relixiosos italianos da congregación da Penitencia dos Mártires de Cristo que seguían a Regra de San Agostiño, que viaxaban en peregrinación a Compostela, fundaron unha capela que puxeron baixo o padroado de San Brais de Vilanova, advocación que despois mudou pola da Madalena. Os papas Xoán XXII e Clemente VII concederon indulxencias aos que axudasen ao mantemento do hospital. Dos restos do primitivo edificio, erixido entre sos séculos XIII e XIV, apenas quedan restos. O claustro, do século XVI, levántase ao norte. A igrexa, reconstruída no 1511, é dunha nave con ábsida poligonal. Do antigo templo consérvase a portada sur, de arquivoltas apuntadas, que amosa un relevo, entre outros, dunha barca de pesca ocupada por catro tripulantes, quizais en alusión á Translación do Apóstolo Santiago. 
Mosteiro de San Mateo (San Mateo-Vilapedre): Sábese da existencia dun cenobio familiar posto baixo o padroado do apóstolo San Mateo, fundado o 17 de maio do 960 por Egereldo e Rósula, poñéndoo baixo a xurisdición de Samos: "est ipsum monasterium territorio Gallacie, costa mans Paramo, discurrente fluvio Sarrie, villa quam nuncupant villa Petri et ecclesie Sancti Mathei apostoli et evangeliste". O lugar está ocupado por una ermida moderna. 
Priorado de San Paio de Cesar (Cesar): San Rosendo interviu no ano 960 nun preito co abade Novidio e os seus frades de Samos por causa da Casa de San Paio, na vila de Cesar, con todas as súas herdades e servos. Para resolver a cuestión compareceron ante do rei Sancho en Larín. A intervención de Rosendo tiña a súa causa en que Loci Sancti Iacobi (Santiago de Barbadelo) recibira parte desa casa. 


 

 

 

O SAVIÑAO
Mosteiro de San Martiño de A Cova: A igrexa románica do século XII pertenceu a un mosteiro de Coengos Regulares de San Agostiño. O primeiro documento data do 1241, cando o seu prior fai un cambio de bens co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Outro documento fala dunha doazón feita no ano 1260 ao bispo de Lugo Rodrigo, de bens de Santa María de Piñeira, que leva, entre as suscricións a do Mestre Fernando, prior de A Cova. No ano 1262, o papa Urbano IV outorga unha bula ao prior e convento da igrexa de S. Martín de Ripa (nidia alusión pola súa situación na ribeira do Miño) da orde de San Agostiño, na diócese de Lugo. Na Era 1415 (ano 1377), o prior Xoán Gómez, con outorgamento de Garzia Martínez, Pero Eánez e Gonzalo Pérez, coengos deste mosteiro, fixo permuta dalgúns bens co bispo de Lugo Pedro López de Aguiar, quen deu a dito prior e coengos os que tiña na freguesía, e eles cederon todo o que tiñan no castelo de Asma, no lugar de Santa María do Castelo, cuxo instrumento foi outorgado en Diomondi. No Archivo Histórico Nacional consérvanse trinta e catro pergameos datados entre o 1298 e o 1528, ademais doutros documentos. A época de desaparición do mosteiro é descoñecida; no 1728 foi erixida entre as dignidades da catedral de Lugo, a do priorado de A Cova que só había durar noventa e seis anos, pois foi suprimida no 1824. O templo conserva a fábrica orixinal case na súa totalidade, aínda que con elementos decorativos sinxelos. A Porta principal amosa un arco de medio punto con dúas arquivoltas. A ábsida está dividida en tres partes por dúas semi-columnas. Está situada nun lugar privilexiado, nunha costa arrodeada de viñedos e con vistas sobre o río Miño, fronte ao Cabo do Mundo.
Mosteiro de San Paio de Diomondi: A primeira noticia data do ano 954. Mudou a súa advocación de Santo Estevo pola de San Paio entre o 1138 e o 1164, en honra do sobriño do bispo de Tui, xove mártir galego decapitado en Córdoba. Neste ano está en mans de Fernando II quen o cede á Igrexa de Lugo, logo foille arrebatado por Afonso IX, séndolle devolto de novo no 1231 por Fernando III. No 1366 consta unha terceira doazón á catedral cando Fernando Ruiz de Castro, debido aos males que lle fixera, doa ao bispo de Lugo, frei Pedro López, o meu couto e feligresia de san Payo de Diomonde, con Belsar, que he en terra de Lemos, co dereito de poñer nel mayordomo e juices e notarios e oficiaes de justicia et tirarlos quando cumprir, prohibíndolles aos de Monforte e terra de Lemos entraren nel. Nestes documentos non constan monxes, abades, abadesas, priores, prioresas, coéngos ou racioneiros polo que debía estar a maior parte deste tempo sen comunidade, estando baleiro no 1366. Mais o seu fermoso templo románico amosa que debeu ser sé dun cenobio aínda que nada se saiba del, con independeza de que o dono ou padroeiro fose o bispo de Lugo, o adiantado maior de Galicia ou o conde de Lemos. F. J. Pérez Rodríguez di que debeu desaparecer a principios do século XIII. Hai quen sitúa aquí aos cabaleiros da Orde do Temple. A igrexa, construída con muros de cadeirado de granito, ten unha nave de planta rectangular. Fachada con portada abucinada enmarcada por catro arquivoltas apoiadas en columnas de fuste de mármore e capiteis historiados. Por baixo do tímpano, liso sobre mochetas con forma de monstros, hai unha inscrición; os arcos de descarga que a flanquean semellan portas. O aleiro está decorado con canzorros de figuras xeométricas. Espadana granítica de dous vans. No interior consérvanse unha pía bautismal do século XIII, unha cruz de prata do XVIII e tres retábulos neoclásicos do século XIX. 
Mosteiro de Santa Cecilia de Freán: Foi algún tempo mosteiro. A xurisdición civil e criminal era do conde de Lemos. O mosteiro dá a congra e os décimos a un sacerdote para que administre os Santos Sacramentos aos fregueses, e a comunidade tiña tamén o dereito de presentación por estar unida a Rosende.  
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño: Citado por primeira vez como mosteiro no ano 1238. A finais do século XIV é sé dunha abadía segrar xa que entre os anos 1377 e 1388 o seu superior é Estevoo Rodrigues, prelado do moesteyro de Santo Estevo. Na segunda metade do século XV conta aínda cun abade. No Archivo Histórico Nacional consérvase do mosteiro de Santo Estevo un pergameo tardío do século XIV e dous cartafoles de papeis. A igrexa pertenceu a un antigo mosteiro beneditino dependente de Samos, construída no último terzo do século XII en estilo románico rural galego. Consta de nave e ábsida. Na fachada aprécianse dúas partes ben diferenciadas: a inferior, con portada con arquivoltas abucinadas na que sobresaen sete figuras que representan aos sete anciáns da Apocalípse, que amosan a pegada da escola do Mestre Mateo, e capiteis con decoración xeométrica e vexetal sobre catro columnas. Na outra parte ábrese un enorme rosetón baixo o que hai un tornachoivas formado por arcos. A ábsida, máis reducida e baixa ca nave, consta dun primeiro tramo recto e outro semicircular. O tambor presenta tres absidiolas. 
Mosteiro de Nazara: Sobre este mosteiro de Nazara ou Naraza, do que non queda pegada algunha na toponimia, tense escrito (Argaiz) que pode ser o mesmo que o de Santo Estevo de Ribas de Miño. Deste mosteiro, suxeito a Samos, escribe Vázquez Seijas (1947) que só poderiamos saber se se trata do mesmo, en todo caso, polos fondos documentais do cenobio samonense. Deste mosteiro, situado in villa Nazara tamén fala o P. Yepes. Castro López, en Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca, limítase a nomealo entre as lembranzas mosteirais da ourela esquerda do Miño.   
Mosteiro de San Vitoiro de Ribas de Miño: Pertenceu a un mosteiro fundado no ano 929 polo abade Veremundus Páez. Foi filial do de Pombeiro. Supostamente, o mosteiro recibiu carta de couto de Afonso VII no 1142 grazas a Sancho Ordóñez que actúa como procurador do abade Lopo Ordóñez. No século XIV aparecen como abades algúns membros do cabido de Lugo. No século XV San Vitoiro tiña estaba en mans de padroeiros laicos. A xurisdición civil e criminal levábaa o conde de Lemos, e a presentación da igrexa o conde de Amarante. A igrexa mosteiral aparece citada nun documento do século X. O templo actual é do século XII e conserva case toda a súa fábrica románica, agás a sancristía anexada ao muro sur e a parte alta dos frontais. No exterior salienta a porta principal, con arquivoltas que desacansan sobre tres pares de columnas de mármore, outra porta no muro norte e a ventaniña do testeiro. No seu interior garda unha cruz de prata de estilo rococó.



 

 

SOBER

Canabal: No ano 1244 cítase en Canabal unha bailía da orde monástico-militar dos Templarios. Neste mesmo documento dise que estes monxes posuían "de Canabal de Spasandi, de Sancto Georgio de Canedo", etc.
Mosteiro de Santa María de Amandi: No ano 841, Afonso II doa á igrexa de Lugo "in territorio Verosimo, prope rivulo, iuxta Castrum vocitatum Francos, aliud monasterium ab antiquo dictum S. Mariae de Amandi..." No 897, Afonso III confirma á igrexa lucense "in Verosmo monasterium Sancte Marie de Amandi cun eclesia S. Tirsi et iu adiunctionibus ab integro".
Mosteiro de San Xián de Lobios: Igrexa vencellada a un mosteiro bieito desaparecido, unha rama masculina da rama masculina de Santa María de Amandi. En Lobios aínda perdura o topónimo O Mosteiro. As primeiras mencións documentais ao cenobio datan do ano 1252, se ben a súa fundación debeu ser anterior. A derradeira abadesa foi Catalina Vázquez de Somoza. No ano ano 1494 foi visitado polos observantes de Valladolid que só atoparon residindo alí a abadesa e unha monxa de nome Aldonza Rodríguez, e as que acusaron dun bo número de faltas á vida relixiosa, depoñendo á abadesa e suprimindo a vida monacal. Dona Constanza fuxiu de Antealtares e volveu para Lobios, onde, protexida pola súa familia, alí vivirá ata o 1516, feito que termina coa historia de San Xián. No 1505 dona Constanza fora unha das cinco abadesas que acordara con Diego de Muros III entregar a súa abadía ao Hospital Real de Santiago, aínda que posteriormente renunciou a seu cargo en favor da Santa Sé en 1513. No 1516 foi absorvido por San Paio de Antealtares. A Igrexa ten a orixe nun templo románico do século XIII con elementos que mostran a transición ao estilo oxival. Nave con bóveda de canón apuntado no testeiro e cabeceira con bóveda de crucería. A portada é abucinada, con arco de medio punto con catro arquivoltas decoradas con rosetas e bólas, os capiteis presentan motivos vexetais. A ábsida é rectangular, dividida en dous tramos por dúas columnas con capiteis entrenzados. No interior ten un tramo cuberto con bóveda nervada que se apoia en columnas con capiteis con símbolos, adornados con pinturas, dos catro evanxelistas: anxo, touro, león e aguia. Interesantes pinturas decoran os muros. 
Priorado de Doade: Foi fundación bieita que dependía do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte. Relacionado coa producción do viño, coa Desamortización de Mendizábal do XIX remataron os dezmos que tiñan que pagar os vecinos da zona, século que pasou a mans particulares.
Priorado de Portizó (Anllo): No Inventario Artístico e Lugo y su Provincia (1976-1983) cítase o Priorato de Portizó con restos dunha capela e unha alusión ao abade de Meira.
Priorado de San Miguel de Rosende: Bieitos. Sábese que xa existía no ano 1246, dependente de Santo Estevo de Ribas do Sil. Apenas queda algún resto románico na varias veces reconstruída igrexa.
 


TABOADA
Mosteiro de Santa María de Xián: Consérvase a igrexa, documentada no ano 786. Tamén se conserva outro documento do ano 897, nunha doazón do rei galego Afonso III. No 1199 Urraca Fernández de Traba doálle ao cenobio XXX solidos. Do 1211 é o testamento dunha abadesa de Xián, de nome Gontrode Ruderici. Do 1229 unha concordia entre o prior de Vilar de Donas e a abadesa de Xián. Un documento do ano 1245, escrito en latín, fala deste mosteiro familiar habitado por monxas. Amor Meilán cítao na súa Historia de la provincia de Lugo, tomando como noticia a España Sagrada do P. Risco. A súa desaparición debeu ser antes do século XIV. Aínda hoxe en día se conserva a tradición na xente do lugar de Xián que o sitúa xunto a igrexa parroquial, nuns terreos que levan o nome de O Mosteiro.
Mosteiro de Santa María de Taboada dos Freires: Consérvase a igrexa románica do ano 1190. O topónimo apunta a que aquí residía unha comunidade de freires cuxo cenobio, segundo a tradición oral, ocuparía o lugar onde se atopa a horta da reitoral. Existe un documento do ano 1244 que fala dunha concordia asinada polo bispo polos dereitos do Cabido sobre varias posesións que os cabaleiros do Temple tiñan no lugar. Co nome de Taboada dos Freires figura nunha escritura do cenobio outorgada no ano 1369 entre o bispo de Lugo, Fr. Pedro López e María Moñiz. A igrexa debeu continuar en poder dos templarios ata a supresión da orde. No ano 1927 a edificación románica sufriu modificacións na fachada e noutros elementos. O máis interesante que aínda conserva o templo é o tímpano da porta principal no que figura unha inscrición co nome do arquitecto e a data da súa construción, e un altorrelevo que representa a Sansón desqueixando a un león (esta representación podemos vela tamén nas igrexas de Santiago de Taboada, Santa Olaia de Beiro, San Martiño de Moldes, Santiago de Taboada, San Xoán de Palmou e San Miguel de Oleiros). Na moderna ábsida aínda se conserva unha xanela románica. Hai unha inscrición en latín que, traducida, di: "Pelagio Yáñez, o mestre que escribiu. En honor de Santa María, Eldara construíu o templo, os freires adicáronno en nome de Noso Señor Xesucristo. Na Era 1228 (ano 1190), un día antes das Nonas de Maio (o día 6)".


 

TRABADA
Mosteiro de Santa María: Na vila de Trabada houbo un mosteiro, coetáneo do cenobio de Sperautano (ver a entrada en Ribadeo) que permaneceu activo ata a exclaustración dos monxes no ano 1836. 

TRIACASTELA 
Mosteiro de Ramil: Nicandro Ares cita un documento do ano 1122 no que consta que un tal Fernando Roderiquiz dóalle ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos, varias herdades entre as cales está a "sexta monastei de Ramir". No século X menciónase un mosteiro de Triacastela. 
Mosteiro de San Pedro do Ermo (A Balsa): Ao parecer xa existía cando o conde Gatón o restaurou no ano 919. O que non se pode dicir, como apunta Nicandro Ares, é que foi Gatón quen o fundou, mais que si doou ao mosteiro a vila de Ramil. O etimólogo cita un documento do ano 1122 onde un tal Fernandus Roderiquiz doa ao bispo de Lugo, Pedro III, e aos seus coengos varias herdades, entre outras, a "sexta monasterii de Ramir". 

O VALADOURO

Convento da Veiga de Santa Cruz: Non se conservan restos. Dise que o Adán e a Eva flanqueados por Satanás que se ve no lintel da igrexa de Santa Cruz do Valadouro procede deste cenobio.
Mosteiro de Bermún: Na parroquia de Santa Cruz do Valadouro. Bieitos. Desaparecido. Na documentación antiga aparece como Vermundo. Segundo Amor Meilán foi fundado polo Conde Santo. Hai investigadores que cren que os mosteiros da Veiga de Santa Cruz e Bermún eran o mesmo.
  
O VICEDO
Mosteiro de San Miguel da Illa da Coelleira: Segundo Amor Meilán, a súa fundación remóntase ao século V polo bispo Consencio. Os primeiros documentos datan dos anos 1095 e 1099. Sábese que estivo rexentado polos Coengos Regulares de San Agostiño, mais a ausencia de documentación dende o 1099 ata o 1420 deu lugar a varias lendas que sitúan aquí aos templarios. No 1485 o seu prior cédeo a San Martiño de Mondoñedo, confirmación concedida no 1489 polo bispo de Mondoñedo e no 1490 polo bispo de Catania. Aparece citado nun documento do ano 1488, nunha relación do bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, tendo que aboar a cantidade de seis mil cincocentos marabedís, o mesmo que San Miguel das Negradas. Manuel Gago, no seu Capítulo Cero, achega un artigo titulado No ronsel das barcas de Coiro, explorando o mosteiro de San Miguel da Coelleira. Nunha visita á illa no ano 2014, Gago localizou uns posibles restos do primeiro mosteiro nunha ruinosa construción que pode corresponder a unha obra do ano 1522, cando o bispo de Mondoñedo ordenou "arreglar la compostura" do cenobio. 
Mosteiro da Insua de San Martiño: É moi complicado seguir a súa traxectoria xa que é o único mosteiro bieito do que non se conservan documentos anteriores á súa anexión a San Paio de Antealtares no ano 1504.. Sábese que era de carácter patrimonial e familiar. Só se conservan algunhas pedras esparexidas polo illote situado preto da desembocadura do río Sor. 
Mosteiro de San Miguel das Negradas: Di Pérez Rodríguez (2008) que este mosteiro é o peor documentado de toda a Idade Media galega posto que só se sabe del en 1488, cando aparecer na relación feita polo bispado de Mondoñedo para o pagamento do subsidio da guerra de Granada, correspondéndolle pagar seis mil cincocentos marabedís, o que indica que é un dos máis pequenos e pobres da Galicia medieval. Foi a última casa feminina en incorporarse á observancia de Valladolid. A súa última prioresa foi dona María Viçosa, que a pesares de que a audiencia arcebispal de Santiago a apoiou, ao final a casa pasou á Congregación de Valladolid no ano 1514; no 1543 foi absorvida por San Paio de Antealtares.

 

 

VIVEIRO
Mosteiro de Valdeflores (Viveiro): Dominicanas, século XIV. No interior da igrexa consérvase a imaxe da Virxe de Valdeflores que, segundo a lenda, deu orixe ao nacemento do cenobio. O mosteiro foi remodelado nos séculos XVI, XVIII e XX. A igrexa presenta trazas románicas e oxivais. A torre do campanario é do 1618, para a súa construción tomouse como referencia a do desaparecido convento de San Domingos. A portada é oxival con arco interior en forma de trevo e con arcos sostidos por columnas e capiteis de follas. Sobre ela hai unha escultura de San Domingos proveniente do desaparecido convento dominicano. O interior é dunha soa nave, con presbiterio e coros alto e baixo ao fondo. Detrás do retábulo aprécianse restos de pinturas murais. Entre o mobiliario destaca un órgano do século XVIII e un Lignum Crucis traído de Xerusalén pola beata Constanza de Castro. No ano 1673, Breve do papa Clemente X en que se concede indulxencia á confraría do Santísimo Sacramento, establecida neste mosteiro. 
Convento dos dominicos (Viveiro): Extramuros da vila, na actual Praza de Lugo, ergueuse un convento dominicano construído no ano 1215 e que tivo vida monástica activa ata o seu derrube a mediados do século XIX. A comezos do século XX iniciouse a construción dun convento no casco histórico da Cidade do Landro para acoller de novo unha comunidade dominica, mais o edificio non chegou a rematarse. Hai algúns anos, o edificio foi mercado para construír un hotel, proxecto que foi abandonado. En maio de 2012 desprendéronse ladrillos e vigas e a fachada está a desviarse perigosamente. Ante a gravidade de derrube, o Concello instou aos propietarios para que aseguraran o edificio, no caso de non facelo e se se ten que facer con cargo aos presupostos municipais, o inmoble pasaría ao Concello.
Convento de San Francisco (Viveiro): Franciscáns. Segundo a tradición, o convento foi fundado por San Francisco de Asís no ano 1214 cando peregrinaba a Compostela. Ten forma rectangular con claustro e patio no interior. A planta baixa do claustro, do século XVIII, acollía a portería, a sala capitular, a cociña e o refectorio, e no piso as celas. Consérvanse tres arcos románicos descubertos no 1945 e unha porta da primitiva construción. Hoxe en día acolle varias dependencias municipais. A igrexa é de estilo oxival. Á portada principal accédese por medio dunha escalinata dobre. Sobre a porta ábrese unha ventá produto dunha restauración practicada no ano 1682. A planta é de cruz latina con bóveda de medio canón e piastras e arcos de cantaría. Sobre o cruceiro álzase a cúpula do ano 1725. A ábsida é unha das máis altas de Galiza. Na nave atópanse os sepulcros da Beata Constanza de Castro e do político e escritor Nicómedes Pastor Díaz.
Convento das Concepcionistas (Viveiro): Franciscás. Convento de traza renacentista fundado no ano 1607, mercede ao testamento outorgado por Dona María de Alas Pumariño, situado na parte máis alta da antiga vila amurallada. Xunto a entrada da igrexa conventual construíuse no 1925 unha gruta a semellanza da Lurdes francesa.
Mosteiro de San Xoán de Celeiro: Finais do século VIII. Sábese da existencia deste mosteiro polo testamento asinado polo diácono Rodrigo, natural de Coímbra (Portugal).



 

XOVE
Mosteiro de San Estevo de Sumoas: Finais do século VIII. Como no caso de San Xoán de Celeiro (Viveiro), sabemos da existencia deste cenobio polo diácono Rodrigo.
Mosteiro de San Tirso de Portocelo: Fundado a finais do século VIII sobre un primitivo castro costeiro. Consérvanse restos do primitivo cenobio e unha capela, tamén en ruínas, do século XVII que foi abandonada definitivamente no ano 1929. Dise que foi fundado polo diácono Rodrigo de Coimbra, cuxa principal función consistía en cohesionar o Reino de Galicia baixo a relixión católica.


 
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE OURENSE

ALLARIZ
Basílica da Asunción (Armea): Atópase nas inmediación do castro de Armea, e sobre a cripta coñecida como Os Fornos, relacionados cos monumentos con forno e pedra formosa, onde a tradición sitúa o martirio de Santa Mariña. A igrexa comezou a construírse a mediados do século XIII con obra románica avanzada e abandonouse inconclusa, tal como podemos ver na actualidade, na primeira metade do século XIV, coincidindo coa decadencia dos templarios, promotores da súa construción. No centro da nave atópase a cheminea do forno da cripta. Hai quen cre que podería ser a igrexa dun futuro mosteiro.
Mosteiro de San Martiño de Pazó: Da orixe mozárabe da igrexa consérvanse as dúas portas de acceso e os restos dunha ventá con arcos de ferradura enmarcados con alfiz. A porta sur comunicaba co desaparecido mosteiro dúplice que se sabe foi restaurado no ano 922.
Convento de Santa Clara de Allariz: Clarisas. Fundado no ano 1268, conserva distintos estilos, dende o gótico ao barroco. Foi reconstruído no século XVIII. O pórtico é o único elemento que rompe coa sobriedade da enorme fachada. O claustro, obra do arquitecto frei Domingo Antonio de Puga, está composto por galerías formadas por setenta e dous arcos de medio punto entre piastras; dise que é o claustro barroco máis grande da Península. A igrexa, do século XIII, ten planta de cruz latina con nave de dous tramos, cruceiro e presbiterio rectangular. No lintel da portada destaca unha vieira e unha fornela coa imaxe de Santa Clara. Museo de Arte Sacra.
Mosteiro de Santa Mariña de Augas Santas (Augas Santas): Testemuñado en época altomedieval. Ao longo do século XII mantivo varios enfrontamentos coa sé de Ourense, pasando a poder da catedral ao redor de 1180 ou 1190. Foi entón cando se relanzou o culto da mártir Santa Mariña, edificándose a igrexa, ademais de encomendar a redacción dun libro de milagres para lle dar publicidade ás virtudes da santa que podía beneficiar a quen acodise á súa sepultura en peregrinaxe. Para elo instaláronse en Augas Santas varios cregos cun abade á fronte (hai quen cre que en principio serían Coengos Regulares de San Agostiño). Os cregos documéntanse a partires do século XIII, comprobándose claramente no século XV a súa condición de abadía segrar cunha comunidade de varios raçioneiros dirixidos por un prelado. No lugar onde se ergue a casa reitoral é onde se conservan os únicos restos do antigo cenobio. A igrexa, de orixe románica, presenta planta basilical de tres naves, rematada nunha cabeceira tripartita, separadas por medio de piares cruciformes que soportan arcos apuntados e un falso triforio de tres arcos sobre columnas pareadas. Sobre as ábsidas semicirculares ábrese un gran rosetón central abeirado por outros dous de menor tamaño. A portada sur, románica, está organizada con arquivoltas de ferradura, ventás e un rosetón. A fachada, moi reformada, presenta unha espadana de transición ao gótico. Unha das lendas que bulen ao redor deste templo conta que se edificou no lugar onde foi decapitada Santa Mariña, natural de Piñeira de Arcos (Sandiás); onde rebotou a súa cabeza abrollaron tres mananciais. Outra lenda fala de que Santa Mariña foi queimada no coñecido como O Forno da Santa (sauna prerromana con pedra formosa), agochado na cripta da igrexa románica inacabada que se atopa ao pé do castro de Armeá, disque obra dos templarios.

 

 

 

 

AMOEIRO
Mosteiro de San Paio de Bóveda: Moi modificado, na actualidade é propiedade particular nun deficiente estado de conservación. De posible orixe altomedieval, foi un dos primeiros mosteiros do Císter en Galiza, fundado como mosteiro feminino por Arias Fernández e Gudina Oduariz no ano 1168. No ano 1179 cítase unha "abbatissa de Boueda", no 1239 o "monasterio de Bouada", no 1267 "abadessa de Bobeda", e no 1279 "moesteyro de Boueda". A súa principal propiedade estaba na Reza Vella, preto da cidade de Ourense. Foi suprimido como mosteiro por Xoán de Grixoá, abade de San Clodio que, coas armas na mán botará ás monxas, acontecementos que comezaron á morte da abadesa dona Maior Vázquez de Ceboliño no 1446. Conserva a portada e o arco triunfal de tendencia á ferradura. Entre as pezas soltas que antes da desamortización sufriron unha reforma barroca, atópanse elementos prerrománicos. 
 

ARNOIA

Priorado de San Salvador de Arnoia: Fundado posiblemente no ano 899. No século XI era dúplice ou feminino, xa que nun traslado documental feito no 1426 dun diploma datado no 1016 dise que era do tempo das donas que foron eno moesteiro d´Arnoya. Aparece citado en privilexios pontifícios concedidos á sé auriense no 1185 e no 1203, nos que aparece como mosteiro. Despois, ata o ano 1835, e xa dependendo do Salvador de Celanova, foi rexido por monxes bieitos; nunha avinza que Celanova fai con Melón sobre unha pesqueira lese: "ut abbas et cnventus Cellenove, nomine monasterii de Arnogie, percipiant de singulis retibus". Parece que foi un dos máis rendibles do mosteiro de Celanova durante a Idade Media e a Idade Moderna, tal como testemuña frei Benito de la Cueva de que era "uno de los mexores prioratos, o el mexor, que tiene Zellanova". Conserva o edificio monacal, hoxe convertido en casa reitoral e a igrexa do século XVII construída sobre outra románica. Na pedra armeira que se conserva figuran o espello e o compás, símbolos asociados ao mosteiro de Celanova, e o báculo e a espada, referencia a San Rosendo.

BANDE
Mosteiro de San Pedro (Bande): No ano 1457, o mosteiro que había en Seoane pasou, por mandato do papa Calisto III, a San Pedro. A igrexa parroquial, dos séculos XVII e XVIII, é o resultado das reformas e ampliacións que se realizaron no antigo cenobio e de cuxos vestixios perduran na casa reitoral, un edificio de dúas plantas con corredor e patio central. Segundo conta Enrique Bande Rodríguez, no ano 1782 ordenouse ao cura que obrigara a gardar a compostura aos fregueses dentro do templo xa que se tiña o costume de falar, berrar e bailar durante a celebración da misa. Ou outra orde do ano 1835 en que pon en coñecemento do párroco de que as mulleres que portaban a imaxe da Virxe nas procesións "non deben ir entre os homes nin entre o clero, nin dando espectáculo. Nas procesións deben ir detrás con toda a decencia".
Mosteiro de Santa Comba: Bieitos. A igrexa visigótica (s. VII) formaba parte dun mosteiro que contaba con dous edificios que non se conservan. Segundo a tradición, foi fundado cando a xente que fuxía dos árabes ocultaron aquí o corpo de San Trocado, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago. No interior garda un sepulcro de mármore onde parece que estivo o corpo do santo antes do traslado ao mosteiro de Celanova. A planta do templo é de cruz grega, con capela na cabeceira rematada, ao igual que o cruceiro, por bóveda de aresta da que parten as catro estancias que forman os brazos da cruz. Na parte oriental ábrese unha ábsida de planta cadrada á que se accede a través dun arco de ferradura. Na parte dos pés hai unha porta de traza moderna, ampliación da primitiva, que se atopa debaixo dun pórtico, tamén posterior á construción visigótica. Ente os capiteis distínguese un reaproveitado e dous trapezoidais de fins dos séculos IX-X. Segundo un documento do mosteiro de Celanova, Odoario, irmán de Afonso III, encarga no ano 872 a restauración da igrexa.
 

 

BAÑOS DE MOLGAS
Mosteiro-hospital de Xerusalén da Limia: No tomo IX dos anos 1971-72 do Boletín da Comisión provincial de monumentos Históricos e Artísticos de Lugo, Marina Vázquez Dapena recolle unha transcrición de Marcelo Macías sobre un privilexio, escrito en latín, do rei Afonso IX a favor dun mosteiro-hospital de Xerusalén da Limia polo cal se fai unha doazón do couto de Foncuberta no ano 1260. A tradución, na súa primeria parte, é a seguinte: "No nome do Señor. Amen. As cousas que se fan ao presente pronto se perden de memoria polo que os escritos sempre fan desaparecer as incomodidades do esquecemento. Polo tanto eu, Afonso, pola graza de Deus Rei de León e Galicia: douvos, Xoán Sancis Prior do Mosteiro-Hospital de Xerusalén, e servos e irmáns do mesmo hospital, na Limia, xunto a Molgues (Molgas), Foncuberta, con todas os seus dereitos e pertenzas, como o teño ou debo telo por dereito hereditario, para poseela perpetuamente".    

O BARCO DE VALDEORRAS
Mosteiro de San Miguel de Xagoaza: As primeiras referencias datan do ano 1092. No 1252 pasa a ser propiedade da Encomenda de Quiroga da orde dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, máis tarde coñecidos como Orde de Malta. No 1233 a igrexa de Xaogaza figura nun acordo feito entre o bispado de Astorga e a orde do Hospital. Restaurado, o edificio monacal conta no seu interior cun pequeno claustro, porticado no piso inferior e con galerías de madeira no superior que se acondicionou para actos culturais. As instalacións acollen tamén unha adega de viños e augardentes. A igrexa románica (s. XII-XIII) presenta nave con artesoado de madeira, ábsida semicircular cuberta con bóveda de cascarón e presbiterio de dous tramos, un recto con bóveda de medio canón, e un curvo na cabeceira cuberto cun cuarto de laranxa. No interior consérvanse restos de pinturas manieristas no presbiterio datadas no ano 1586, un retábulo barroco do 1679 con columnas estriadas en ziguezague, e unha custodia do 1669. 
 

BEARIZ
Priorado de Beariz: No ano 1607, o cardenal Del Hoyo di que é anexo do mosteiro de Aciveiro. Pouco máis se sabe deste priorado, a maioría dos libros queimáronse nun incendio acontecido no ano 1748 e que asolou a reitoral. 

A BOLA
Mosteiro de San Munio ou Santomé da Veiga (Veiga): Sanxoanistas (F. J. Pérez Rodríguez, 2008, di que Santiaguistas). O desaparecido mosteiro foi fundado por San Munio no século IX, sepultado na capela maior da igrexa; segundo a lenda, aplicando as súas reliquias aos endiañados líbranse de Satanás. A primeira mención documental data do ano 1105 en que un matrimonio entregaba ao mosteiro de Celanova a porción que nel tiñan, unha terceira parte da sexta, o que demostra que desas está en poder de herdeiros laicos e que non era de recente fundación ao ter sido repartido entre eles. Nun documento de data incerta (entre o 1121 e o 1142) os herdeiros de Veiga (nobilis qui monasterii Sancti Thome de Veiga sumus heredes) entregábano á comunidade que vivía nel; á súa fronte aparece Martinus Thoncirri, venerablis presbiter, sen ostentar título de abade ou prior. A finais do século XII é cando sería entregado aos cabaleiros que foi cando mudou a advocación do mosteiro de Santomé a San Munio, baixo a que xa está no 1187. No 1376 estaba habitado, ao menor, por un prior e un frade, e a finais do século XV só está documentado o prior. O templo é de orixe románica do s. X, erixida sobre outra do século anterior tal como o amosa unha torre lateral. Ten unha soa nave e ábsida rectangular. Unha porta presenta un arco apuntado e arquivoltas decoradas con motivos vexetais. O tímpano presenta cruz grega sobre mochetas que representan as cabezas dun lobo e dun carneiro. O edificio sufriu importantes reformas no século XVIII. 
 

O CARBALLIÑO
Mosteiro de San Pedro de Lobás (Mosteiro): Habitado por monxas bieitas entre os séculos XI e XIII. A finais do século XV a súa abadesa era Isabel de Sanabria. O prior de Valladolid cando visitou o cenobio no ano 1499 observou en dona Isabel falta de castidade e de obediencia, tachándoa de destruydora e delapidadora de los bienes e rentas e de ter cometido otros crímenes y excesos dignos de gran pugnación y castigo. Os observantes de Valladolid prendéronna e encerráronna en San Paio de Antealtares para gardar estrita clausura. Mais a abadesa conseguir fuxir, volvendo a Lobás. Ao final asinou a renuncia, a cambio de vivir tranquila no que fora o seu cenobio cunha pensión anual pagada pola Congregación de Valladolid. Tras a súa morte, o mosteiro e bens pasaron a San Paio de Antealtares que edificará un dos seus priorados. As estragadas dependenzas monacais e a igrexa mosteiral levan anos pendentes de restauración, cando a corporación municipal en pleno acordou xestionar unha iniciativa, promovida pola asociación Orde dos Cabaleiros do Mosteiro, as axudas económicas para o proxecto. No mesmo acto acordouse negociar co bispado de Ourense a cesión do mosteiro e os seus terreos para disfrute público. Non moi lonxe do cenobio atópase o castro do Coto do Mosteiro. 
Priorado de Santa Baia de Banga: Pertenceu ao mosteiro cisterciense de Sobrado. Da igrexa románica só conserva o muro norte. Ten modificación e engadidos góticos, barrocos e modernos (século XIX). No interior, pinturas renacentistas na capela maior e retábulo barroco, anóminos pero atribuídos a dous mestres alcumados como O Pintor de Banga e o Mestre de Sobrado.

CARTELLE
Priorado de Vilar de Vacas: De pendía do mosteiro do Salvador de Celanova. Era o lugar onde se pagaban os foros das terras sobre as que tiña xurisdición a fortaleza de Sande: Anfeoz, Vilar de Vacas, Macendo, Sande e Madarnás. 

CASTRELO DE MIÑO
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Onde había un castro e logo unha torre medieval, sobre os que se construíu a igrexa parroquial de Santa María, houbo un mosteiro que foi desmantelado. Dise que a viúva de Sancho Ordóñez, dona Goto, recolleuse neste mosteiro, que fundara. 
Priorado de Prado (Prado de Miño): Consérvanse as ruínas dun edificio que segundo a tradición acolleu unha orde monástica.
 

 

CASTRELO DO VAL
Mosteiro de San Xoán de Servoi: Pola advocación puido estar en mans dos sanxoanistas, mais hai quen sostén que pertencía aos bieitos. No ano 1132 ou 1134, o rei galego Afonso VII doállo ao Cabido de Ourense, denominándoo Monasteriolo e referíndose aos seus termos e coutos antigos, o que fai supoñer unha orixe altomedieval. Varios dos seus abades son membros do cabido de OurenseA igrexa actual data do século XVI, con reconstrucións no XVIII.

CASTRO CALDELAS

Mosteiro de San Paio de Abeleda (A Abeleda): A primeira noticia sobre este mosteiro (de dubidosa autenticidade segundo F. J. Pérez Rodríguez, 2008) dáse no acoutamento que Afonso VII fixo aos cabaleiros Sancho e García González de vestrum monasterium Sancti Pelagii de Avellaneda no 1127. No 1154 aparece o primeiro abade de Abeleda. De seren bieito, a comunidade abandonou a regra a finais do século XII ou principios do XIII xa que no ano 1223 está constituída en abadía segrar cun capelán e un crego. No 1321 a comunidade estaba composta polo abade, un capelán e cinco cregos. Segundo Duro Peña, o mosteiro desaparecerá a mediados do século XIV, e dende entón o único habitante será o abade. Na Baixa Idade Media os padroeiros laicos aínda conservaban o dereito de presentación do abade que no século XV só é unha dignidade semellante á dun párroco. Os restos que se conservan do antigo mosteiro atópanse totalmente arruinados; en mans particulares, sofre constantes agresións: os pórticos románicos foron tapiados con blocos de cemento. Tal é o abandono e o desleixo das autoridades que no ano 2005 produciuse o roubo de seis retábulos e unha columna gótica. A igrexa, románica do século XII e reformada no XIV, non corre mellor sorte.
Mosteiro de San Xoán de Camba: Fundado no século X. Dúplice. Na Alta Idade Media pasou á sé de Astorga. No acordo que esta asinou no 1150 coa Igrexa de Ourense para delimitar os límites entre as dióceses, Camba quedaba en territorio asturicense e o resto da Terra de Caldelas en Ourense. No 1162 este mosteiro xa figura entre as propiedades de Astorga. Sábese que no 1263 era abadía segrar. No século XIV a comunidade limitábase a un abade, conservando a categoría de abadía no século XV. Acollía unha igrexa da que se conservan dous relevos dos séculos X e XI, e unha ventá mozárabe que na actualidade se atopa no Museo Arqueolóxico de Ourense. A súa decadencia comezou no século XIII. A igrexa actual, barroca, acolle unha sancristía subterránea.



CELANOVA
Mosteiro do Salvador: Despois da refundación de Caaveiro, San Rosendo acometou a fundación do mosteiro de Celanova en terras cedidas polo seu irmán Froila Gutérres por documento suscrito o 12 de setembro do 936. O cenobio foi consagrado o 25 de setembro do 942. O primeiro abade foi Franquila que, xunto cun grupo de monxes provenientes de San Estevo de Ribas de Sil, instalouse en Celanova. Á súa morte (955) sucedeulle o propio San Rosendo ata o 1 de marzo do 977, data do seu falecemento. O mosteiro uniuse á Regra de San Bieito de Nursia no ano 1506. No 1548 reconstruíuse o conxunto monástico que conserva influencias de distintos estilos arquitectónicos. A fachada principal, edificada entre o 1642 e o 1653 e que substituíu á antiga románica, ocupa todo o lado leste da praza Maior da vila, nos seus extremos sitúase a portada da igrexa e a torre con balconada e cúpula semiesférica do século XVI reconstruída no XVIII. A portada, con zócolo almofadado, consta de catro pares de columnas, tres frontóns partidos, ventanais e escudo coroado por pináculos. Por riba da porta érguese a estatua de San Bieito, e aos lados as imaxes de San Rosendo e San Trocado. O mosteiro organízase arredor de dous claustros: o Claustro Vello ou das Procesións, de mediados do s. XVI reformado no XVIII, é de planta cadrada e con bóveda de crucería que comunica coa igrexa (dende aquí tamén se accede á capela mozárabe de San Miguel), con fonte central que foi trasladada á praza Maior. O Claustro Novo ou do "Poleiro", clasicista e rematado no 1772, é de planta cadrada do que sobresae un gran balcón corrido que daba acceso ás celas dos novicios; aquí atopábase a biblioteca, o arquivo e a enfermería. Consérvase a cociña de planta cadrada cuberta con bóveda de aresta entre arcos feixóns e forneiros; do centro, delimitada por columnas, arrinca a cheminea. O conxunto contaba cunha igrexa abacial románica, da que hoxe apenas quedan restos. A actual comezouse no 1648 e remodelouse no século XVIII. Ten planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha, e unha transversal que conforma o cruceiro. No interior destaca o retábulo maior, adicado ao Salvador, do s. XVIII. Entre os moitos acontecementos históricos que arrodearon a vida do mosteiro, destacan a rebelión dos veciños de varias aldeas contra o seu poder absoluto durante a Revolución Irmandiña, e unha revolta a finais do século XVII. Consérvase a maquinaria do reloxo constuído polo famoso reloxeiro Andrés Antelo Lamas no ano 1830, autor dos reloxos das catedrais de Lugo e Santiago de Compostela. Durante a desamortización puxéronse á venda todos os seus bens. O mosteiro destinouse a distintos usos: administrativo, concello, cuartel, escola, vivenda particular e, durante o golpe de Estado que provocou a Guerra Civil, foi utilizado polos fascistas como cárcere e centro de tortura. Na actualidade acolle o concello e un centro de ensino. No ano 2010, a pretención do alcalde de Celanova de converter o mosteiro nun hotel e o traslado do Instituto de ensino está a recibir un elevado rexeitamento social, o que xa se ten traducido en varias mobilizacións.
Mosteiro de Vilanova dos Infantes: Fundado no ano 940 por Santa Ilduara, nai de San Rosendo, arrdor dos anos 930-940, o cal, a xulgar polos restos e polas noticias de autores que viron partes do edificio antes da súa destrución, presenta grandes semellanzas co de Santiago de Peñalba, no Bierzo. Os poucos vestixios que quedan atópanse no Museo Arqueolóxico de Ourense e apoiados na igrexa románica. No interior conserrva un Cristo de madeira do século XII que debeu pertencer ao antigo mosteiro. 
 

 

 

CHANDREXA DE QUEIXA
Priorado de Vilar: Mencionado nunha bula do papa Alexandre III do ano 1163. Pertenceu ao mosteiro de Montederramo ata o ano 1580 en que o rei Filipe II llo quitou cando nomeou a dous alcaldes para controlar a zona, feito que non impideu que os veciños tiveran que seguir pagando a Montederramo 393 fanegas de pan xa que o centeo era o seu principal cultivo.

COLES

Priorado de Santa María da Barra (A Barra): A Barra foi encomenda dos Sanxoanistas, couto doado a Fernando Oduáriz por Afonso VIII como recompensa a súa axuda contra os sarracenos. A igrexa é gótica con modificacións posteriores.
Mosteiro de Paradela: Citado nunha doazón do ano 986 das vilas de Vascones et Sancta Eulalia in Bubalo, en Carballedo (Andrade Cernadas, 1995).
 

CORTEGADA
Priorado de San Breixo (Refoxos): Orixe románica, dependente do Salvador de Celanova. O cenobio forma un só corpo coa igrexa de orixe románica. No ano 1673 os veciños de Refoxos levantáronse contra os monxes pola abusiva renovación dos foros. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745.
 

CUALEDRO
Mosteiro de Atás: Dependeu de Celanova. Dona Urraca, viúva de Afonso III, quitou a Celanova a xurisdición de Atás que logo lle foi restituída por Afonso VII. Afonso IX, nun privilexio expedido a favor do mosteiro de Celanova, mandou que ninguén sacase pedido algún de Atás; privilexio confirmado por Fernando III estando en Ourense o 10 de abril de 1232, por Afonso X no 1255, e por Afonso XI no 1316. 

ESGOS
Mosteiro de San Pedro de Rocas: Bieitos. Segundo denuncia unha lápida do ano 573, o cenobio, que xa existía, foi reocupado por sete homes que se refuxiaran no lugar para consagrar a súa vida á Deus. Abandonado no ano 716, non volveu a ter vida cenobítica, que se saiba, ata finais do s. IX en que, segundo a lenda, un cabaleiro de nome Xemondo, xunto con outros irmáns, se instalan aquí cando descobre a cova-igrexa. Favorecido con enormes doazóns por Afonso III, estas foron confirmadas polos sucesivos monarcas. O primeiro documento referido a Rocas é de tempos de Afonso V (1007) que aparece unido a Celanova. A Afonso VII atribúenselle varias doazós que son posiblemente falsas. No 1180 é prior Pedro Páez. Que o seu abade superior é o de Celanova non se confirma ata o 1199, cando este lles prohibira aos priores de San Pedro e Santa Comba de Naves asistir ao sínodo convocado polo bispo de Ourense. No 1251 Gonzalo Martínez aparece como subprior de Rocas, o que amosa, segundo Pérez Rodríguez (2008) unha indefinición no superior da casa, aínda non consagrado como prior dela o que evidencia de que nesa época algo pasaba no cenobio posto que á súa fronte non volve aparecer un prior ata o 1285. A finais do século XV frei Gonzalo de Penalba, o último prior, parece que fuxiu cando o seu mosteiro foi visitado polos priores de San Benito de Valladolid, frei Juan de San Juan e frei Rodrigo de Valencia. No ano 1511 deuse por rematado o priorado medieval de San Pedro, sendo anexionado a Celanova. Nun documento do ano 1445 despréndese que na comunidade había algún monxe que vivía illadamente dos do resto do convento, citándose un tal Xoán Lourenzo, hermitano de Santa Catalina. A igrexa mosteiral, da que só se conservan os muros, construíuse utilizando como paramento as tres capelas escavadas na rocha; a central, de planta rectangular é ábsida semicircular, vai cuberta con bóveda de medio canón que recibe a luz por medio dun lucernario escavado na rocha; aquí atópase o pé dun altar mozárabe con arquiños de ferradura do s. IX. Na capela da esquerda consérvase un mapamundi de finais do s. XII que, malia o seu deterioro, trátase dun exemplar excepcional que amosa a dispersión dos apóstolos. Tamén se poden ver os sepulcros antropoides labrados na pedra, destinados a cemiterio dos monxes. A espadana, do século XV, érguese sobre unha enorme peneda. A casa prioral é do s. XVIII. Logo da desamortización convértese en parroquia ata que un incendio acaído no 1928 case o fai desaparecer.


 

GOMESENDE
Mosteiro de Santa María do Pao: Citado nun privilexio do ano 1185 no que se confirman os bens e dereitos da sé de Ourense onde aparecen como propios desta as hereditas Sancte Marie de Palo e o monasterium Sancte Marie de Palo. Da súa comunidade sábese dun presbítero no 1225, un prelado no 1365 e un abade no 1424, escasos datos que fan supoñer un antigo mosteiro altomedieval que despois pasou á sé de Ourense, quedando reducido a parroquia. 

LEIRO
Mosteiro de San Clodio: Parece ser que se construíu sobre un edificio que había no lugar no século VI, fundado por uns monxes fuxidos de San Clodio de León perseguidos polos arrianos. Mosteiro dúplice ao principio, pasou á Regra de San Bieito no s. X, incorporándose ao Císter no ano 1225. O máximo esplendor acadouno nos séculos XII e XIII. No século XV, a comunidade foi vítima dos enfrontamentos entre os Sarmiento e os Soutomaior e Benavente que obrigou a intervir aos Reis Católicos. Abandonado trala desamortización do ministro Mendizábal, foi habitado novamente a finais do s. XIX por monxes provenientes de Samos; polo mal estado das instalacións, foi abandonado definitivamente a finais do s. XX. Na actualidade foi restaurado e funciona como hotel. Os claustros teñen planta cadrada de dous corpos. O regular ou da Portería, do s. XVIII, ten en cada lado sete vans con arcos de medio punto. O claustro Procesional, do s. XVI, mostra no seu corpo inferior unha grande arcada con arcos de medio punto; o superior, pechado en época barroca, estaba aberto con columnas exentas. A igrexa, de finais do s. XII e comezos do XIII, ten planta basilical con tres naves de catro tramos separadas por piares cadrados con dúas columnas na fronte que sustentan arcos forneiros de trazo oxival. A cabeceira está formada por tres ábsidas semicirculares. Á fachada primitiva, unha das poucas fachadas cistercienses (xunto coas de Armenteira e Meira) que se conservan en Galiza, engadíuselle o campanario o que afectou ao gran rosetón que se alza sobre a porta.
Priorado de Gomariz: Císter, século IX, consérvase a igrexa. Por privilexio outorgado por Afonso VII pasou ao mosteiro de Toxosoutos no 1138. Clemente V, por bula de 1 de novembro de 1267, confirma ao abade e monxes de Toxosoutos as concesións de diferentes bens e territorios, entre outras a igrexa de Gomariz, cos seus décimos e viñas. A paz do priorado viuse truncada polo señor de Ribadavia Pedro Ruiz Sarmiento quen, sendo Adiantado Maior de Galicia, apoderouse, a título de encomenda, da granxa e facenda no 1369; estivo unido aos Sarmiento ata o 1504, pois os sucesores do Adiantado e de seu fillo, que pola morte destes estaban obrigados a devolver dito señorío ao mosteiro non o fixeron, sendo preciso que a Real Chancillería de Valladolid os despoxase del e o mandara restituír aos relixiosos, segundo sentencia ditada aquel ano. Logo pasou ao cabido de Ourense. A igrexa é un claro exemplo do románico rural galego. Salientan a fachada con portada sobre a que se abre unha ventá con arcos apoiados sobre columnas de capiteis decorados con motivos florais e zoomórficos, e unha ábsida rectangular enmarcada por dúas pequenas columnas. Dise que a igrexa orixinal, moi antiga, puido ser feita polos templarios.
 

 

 

LOBEIRA
Mosteiro de San Martiño de Grou: Agostiños. Orixe altomedieval está pobremente documentado. Consta como priordo no 1185. No Tombo de Beneficios da catedral de Ourense (1489) dise que é de presentación episcopal, engadíndose que non ay canonigos nin memoria de os aver; resyde e syrve el dito prior e un capelan con el. Dende o 1461 o prior era frei Lopo Pérez Salgado, debedor e criado de Álvaro de Oca, abade de Celanova. Frei Lopo será perseguido polos observantes de San Benito de Valladolid a partir do 1494 en función de ter varios bens de Celanova. Morto ao ano seguinte, aparece á fronte de Grou Gonzalo Álvarez que se intutula abade e non prior. San Martiño salvarase da Observancia e pasará como casa independente na que só queda o seu reitor, que no século XVI volve a titularse prior. 

LOBIOS
Mosteiro de Escusallas: Bieitos, ruínas. Hai quen atribúe a fundación a San Rosendo que, segundo algunhas conxecturas, nacería na parroquia de A Cela.

MACEDA
Mosteiro de Santa María de Asadur: Feminino. Bieitas. Un documento conservado no Tombo do mosteiro de Celanova di que nel estivo dona Ximena, filla de Ordoño II e dona Elvira, no ano 935. Sábese que no ano 1375 xa estaba sen comunidade e os seus bens anexionados ao cabido da catedral de Ourense. Do cenobio consérvase un baixorrelevo prerrománico cun Cristo crucificado no centro que pertencía ao antigo edificio prerrománico e que á dereita ten unha inscrición, moi esvaída, interpretada por Rodríguez Colmenero: "Paixón e resurrección coa cruz" ou "Xesús, salvador dos homes na cruz", que representaría a escea do Calvario. Sábese que o mosteiro aínda estaba habitado a mediados do século XIV.
 

MANZANEDA
Santa María de Cesuris (Cesuris): Destaca, solitaria, sobre a contorna. Aínda que a meirande parte da igrexa é barroca (s. XVIII), conserva na súa fachada a portada románica do século XI. Segundo a tradición foi un mosteiro templario. Nas inmediacións está o castro da Madroa.
Priorado de San Vicenzo (San Vicenzo-San Miguel de Bidueira): Pertenceu ao mosteiro de Carracedo do Bierzo. A construción distribúese ao redor du patio central, a modo de claustro, e nun ángulo do edificio está a capela. Propiedade particular, o ser estado de conservación é máis que deficiente; a parte dianteira foi utilizada como vivenda. Recentemente acometéronse obras para repoñer o tellado. En San Vicenzo hai un famoso aciñeiral coñecido como Monte do Reloxeiro. 

 

MASIDE
Mosteiro de San Salvador de Armeses: Documentado a principios do século XII, aínda que pode ser herdeiro doutro altomedieval. No 1106 xa vivía nel unha pequena comunidade, co abade Munia á cabeza. No 1222 aparece citado nunha avinza entre as ordes militares de Alcántara e Calatrava no que acordan outorgarlo á condesa Sancha coa condición de que o teña sempre poboado pro noso freyre e pro nosa freyra que í morar, e morta a dona pasará ao poder de Calatrava. No 1250 estaba en poder dos cabaleiros de Alcántara que disputaba co párroco de San Miguel polos décimos. A principios do século XIV Armeses é se dunha encomenda vencellada á Batundeira. 

MELÓN
Santa María de Melón: Císter. Ano 1158. Tanto o mosteiro como a igrexa pertencen ao románico de transición, de finais do XII e principios do XIII. O claustro é do XVI, e posteriores o resto das dependencias monacais. No ano 1749 o abade contratou co mestre de obras Manuel Muñiz a modificación do claustro e da portería e aumentar a botica. No 1755 sufriu os efectos do terremoto de Lisboa, e no 1855 caeu un lóstrego sobre a torre da igrexa ocasionando graves desperfectos xa que a bóveda da nave central desplomouse sobre o coro. Ao parecer, coa pedra orixinaria da abadía construíuse a igrexa parroquial da Cañiza. O edificio atópase en proceso de restauración. A igrexa presenta planta de cruz latina con tres naves, deambulatorio sobre columnas exentas e tres ábsidas abertas a ela e outras dúas análogas. O seu primeiro abada chamábase Xiraldo. O 25 de agosto de 1231, Pedro Salvadores, propietario galego, vende a súa herdade de Sequeiros de Borbén ao abade de Melón, Don Gomes, coa condición de que o acollesen no mosteiro e o tratasen coma un frade. Este documento tense, polo de agora, como o máis antigo escrito enteiramente en galego. Convén precisar que a maior parte da documentación máis antiga en galego desapareceu, entre outras causas, porque os pergameos foron reutilizados. En novembro de 2010, o alcade de Melón, Alberto Pardellas, foi inhabilitado pola Audiencia Provincial de Ourense por construír sen autorización un polideportivo a poucos metros do mosteiro. En fase de restauración, o proxecto iniciouse coa consolidación dos claustros e a recuperación de catro salas, ademais da estrutura da bóveda e a canalización das augas. A principios do 2011, a Deputación de Ourense cedeu ao Concello a propiedade do cenobio.
Mosteiro de Santa María de Barcia (Quins): Posible orixe altomedieval. Casa independente nos primeiros anos, no 1160 pasou a depender do mosteiro de Melón. Crese que mentres se construía o mosteiro de Melón, os cistercienses residiron aquí. Segundo Freire Camaniel a existencia de Barcia como mosteiro baséase só nuns poucos documentos de Melón. Debeu desaparecer antes do século XV. Posuía, entre outros, o coto de Rubillón e a granxa de Monterrei (Senín).


MONTEDERRAMO
Mosteiro de Santa María de Montederramo: Císter. No momento da desamortización, no ano 1836, o mosteiro era dono do 9% dos bens totais da provincia de Ourense, bens que foron vendidos en poxa pública. Mais foi un comerciante de Ourense, Manuel Palao, quen mercou o edificio monástico, a igrexa e demais dependencias por 510.000 reás. O abando propiciou o seu saqueo, perdéndose retábulos, documentación, libros, imaxes e mesmo as pedras do propio edificio. As campás da igrexa tanxen dende aquelas na igrexa de San Domingos de Ourense. A orixe data do ano 1144, cando Tareixa, muller de Afonso VII, fai unha doazón ao abade Arnaldo para a creación dun mosteiro na Roboyra Sacrata. Nun primeiro momento os monxes instálanse en Seoane Vello, pasando anos máis tarde á capital municipal. Nos primeiros anos dependen de Cluny e, a partir do 1163, ao Císter. No 1518 únese á Congregación do Císter de Castela o que conleva a reconstrución do edificio e da igrexa, obras que se prolongan ata comezos do século XVIII. De comezos do s. XVI consérvase o Claustro das Procesións, unido ao templo, de planta cadrada que mestura elementos góticos e renacentistas, con arcadas de medio punto decoradas con combinacións góticas no parte inferior, e xambas de dúas faixas no superior. O Claustro da Hospedaría, posterior, é renacentista. A igrexa é de planta de cruz latina, de tres naves en cinco tramos, cruceiro de dous tramos e presbiterio rectangular que respectaría a estrutura da vella igrexa medieval. A tipoloxía ten unha raíz postherreriana con supresión de ornamento na fachada, cun único corpo con piastras que soportan un frontón triangular de inspiración escurialense. No ano 2010 a familia "propietaria" dunha das ás dun claustro púxoo á venda.
Priorado de Seoane Vello: Aínda que non existen datos documentais, crese que a orixe do mosteiro de Montederramo estaría en Seoane Vello no século X. Mais do século XII consérvase algún documento que citan o cenobio de Montederramo como de Seoane de San Xoán Vello ou San Xoán Vello, pertencente á orde dos bieitos. Segundo consta nun docmento asinado en Allariz no ano 1124, o mosteiro de Montederramo foi refundado por Tareixa de Portugal, rexistrándose por primeira vez a denominación Rivoira Sacrata. No interior da igrexa hai un miliario adicado a Caracalla que actúa como soporte do altar maior.


 

MONTERREI
Convento franciscán: Do cenobio, fundado no ano 1302, consérvanse algúns restos xunto o antigo cemiterio do castelo, aínda utilizado polos veciños da Pousa. No século XVI foi trasladado a Verín. Na actualidade pertence aos Mercedarios. 
Convento dos xesuítas: Atopábase onde se ergue o parador de turismo. Desapareceu na súa totalidade cando a Desamortización.  
Mosteiro de Santa María de Mixós: Nas súas orixes aparece como un cenobio feminino doado ao mosteiro de Celanova e confirmado por bula do papa Honorio. No século XVI pasou aos condes de Monterrei. A igrexa, de orixe románica, conserva elementos visigóticos e mozárabes. Foi reconstruída nos séculos XV e XVI. Presenta planta basilical, orixinariamente de tres naves, e con tres ábsidas, rectangulares as laterais e cadrada a central. Nos muros laterais obsérvanse modillóns que deberon soportar a tribuna. No interior conserva pinturas murais dos séculos XIII e XIV e dúas aras de época romana.
Mosteiro de Vilaza: O documento fundacional, recollido no Tumbo de Celanova, data do ano 985, grazas a doazón de dona Goda e a súa filla Eloina Goda. Posto baixo a advocación da Santa Cruz, estaba habitado por monxes e monxas (dúplice). A mediados do século XI desaparecen as referencias a Santa Cruz, pasando a denominarse de San Salvador e xa ocupado polos Coengos Regulares de San Agostiño, dependentes do bispado de Ourense. A portada sur presenta unha fornela onde se localiza un reloxo de sol. A igrexa actual é barroca, do primitivo edificio só se conserva a gran torre coñecida como Torre dos Templarios. Un miliario de época romana foi trasladado xunto a igrexa. Que o mosteiro estivera baixo a tutela dos Agostiños pode ser a peza que certifique que a estadía dos Pobres Soldados de Cristo en Vilaza é algo máis ca unha lenda xa que esta orde atopámola tamén, entre outros enclaves templarios en Galiza, na Illa da Coelleira (O Vicedo) e Breamo (Pontedeume). Teorías, no tocante a Vilaza que xa veñen dos séculos XVI e XVII e ás que non son alleos o Licenciado Plasencia, que asegura que era do Temple, nin o prior de Xunqueira de Espadanedo que fala dun mosteiro de Coengos Regulares ou templarios. O día 3 de maio de 2013, Bruno Rúa e José Ramón Feijoo deron a coñecer varios símbolos (cruces) esparexidos por casas de Vilaza que cren poden pertencer ao Temple e que a capela da Santa Cruz puído pertecenter a esta orde monástico-militar.
 

 


 

NOGUEIRA DE RAMUÍN 
Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil: Bieitos. A orixe remóntase ao século VI. Malia que o primeiro documento data do ano 921, a fundación atribúese a Martiño de Dumio. Sen dúbida foi o cenobio principal na coñecida como Ribeira Sacra. O problema que supuxo para Santo Estevo que o seu abade lle enviara un salmón ao seu irmán, que estaba na corte de Allariz, nun momento indeterminado do reinado de Afonso VII (1126-1158) demostra, en palabras de Pérez Rodríguez (2008) que os mosteiros non só tiveron problemas coa nobreza laica durante a Baixa Idade Media (a historia recóllea Emilio Duro). No ano 1295 abade e convento preséntanse a Sancho IV. As dependencias actuais foron construídas entre os séculos XII e XVIII. Incorporouse á orde de Valladolid no ano 1499 o que lle supuxo un enorme relanzamenot, uníndoselles os patrimonios de Santa Cristina e Pombeiro que producirán unhas rendas que permitirán sufragar as grandes obras feitas nos edificios. A congregación destinará ao mosteiro o colexio de Artes a partir do 1528, o que explica a amplitude do claustro maior destinado a albergar aos estudantes. Está organizado ao redor de tres claustros. O Claustro dos Bispos recibe o nome en honra dos nove bispos santos que, segundo a lenda, se retiraron a San Estevo para ser soterrados nel. O Claustro Grande ou da Portería ten tres corpos. O Claustro Pequeno ten dous corpos, ningún abovedado, formado por arcos de medio punto sobre columnas dóricas. A Escaleira de Honra comunica os tres pisos do Claustro da Portería, onde se pode admirar unha de crucería con nove rosetóns decorados, presentando o central as nove mitras dos bispos da lenda. A igrexa é do século XII, románica de transición, con planta basilical de tres naves de catro tramos que remata nunha cabeceira de tres ábsidas que presentan a particularidade de que as laterais son máis altas ca central. As trazas románicas mestúranse con elementos posteriores debido á remodelación do século XVIII. No interior destaca un retábulo pétreo románico de forma pentagonal con Cristo flanqueado polos doce Apóstolos. Na actualidade funciona como parador de turismo.

OURENSE
Igrexa-Abadía da Trinidade (Ourense): A primeira mención da Trinidade en Ourense aparece no 1191, cando recibe un legado testamentario. A institución foi fundada pola catedral que a dotou e de quen dependían os cregos que atendían tanto o hospital como a igrexa. A finais do século XII, preto do camiño que se dirixía a Portugal e Castela, ergueuse un hospital de peregrinos que ían a Santiago de Compostela e que perdurou ata o século XVIII. Ao seu carón levantouse unha igrexa que se puxo baixo a advocación de Santísima Trinidade e que co tempo se converteu en Real Abadía da Santísima Trinidade. Tanto o hospital como a abadía sufriron diversas reformas, as máis importantes durante os séculos XV e XVI. Presenta fachada con tripla arquivolta de arcos apuntados. O templo está coroado por unha crestería gótico-flamíxena. Os contrafortes e torreóns cilíndricos reforzan o seu aspecto de fortaleza. O interior é de planta basilical e a capela maior cúbrese con bóveda de cruzaría con chave moi decorada. A porta da entrada ao adro pertencía ao primitivo hospital de San Roque.
Priorado de Santa Comba de Naves (Canedo): Bieitos. A súa fundación remóntase ao ano 888. Dise que pasou ao cenobio de Celanova no 1155, cando estaba rexido polo prior Martiño. Entre o 1182 e o 1194 figura á súa fronte un tal don Paio que se intitula abade, o que semella indicar, contradicindo o anterior, que ata o daquelas era independente. O primeiro documento que certifica a súa pertenza a Celanova data ao 1199, onde o abade de San Salvador prohibe aos priores de Rocas e Naves a asistir a un sínodo. Escribe Pérez Rodríguez (2008) que a súa situación na beira dereita do Miño fixo que o protagonista dos enfrontamentos co priorado non fora a veciña cidade de Ourense senón o castelo de Alba de Búbal, fortaleza que non debía estar lonxe do cenobio; os ataques dos cabaleiros de Alba ao patrimonio e aos monxes de Naves serán recorrentes durante a Baixa Idade media. A reforma observante de Valladolid chegará a Santa Comba na figura de frei Juan de San Juan no 1494, se ben a visita non tivo consecuencias, seguindo gobernando frei Ares de Santa María, quen no 1499 pecharase no mosteiro impedindo entrar a frei Rodrigo de Valencia e a frei Diego de la Plaza, presidente de Celanova. Mentres os bieitos de Valladolid marchaban a Ourense a buscar xente armada para reducilo, frei Ares saíu correndo para evitar a cadea. O priorado foi extinguido polo pap León X no 1513, anexionádoo a Celanova. Polos apeos dos anos 1562 e 1564, sábese que tiña xurisdición civil e criminal sobre os coutos de Palmés, Untes e Vilar das Tres. Reconstruído no 1760, funcionou ata a desamortización do ano 1836. O seu estado actual é, lamentablemente, de total ruína. 
Convento de San Francisco (Ourense): Franciscáns. Aínda que os discípulos de San Francisco de Asís chegaron a Ourense no ano 1237, non quedan vestixios do convento onde se instalaran, destruído nos anos 1294 e 1295 polo bispo Pedro Yáñez. O novo convento edificouse na parte alta da Cidade das Burgas, no hoxe en día coñecido como barrio de San Francisco, xunto o cemiterio municipal. Consérvase o magnífico claustro rectangular, gótico de tradición románica, con 63 arcos apuntados e 76 columnas dobres, agás as catro primeiras e as catro últimas de fuste cuadrifolio; os capiteis presentan decoracións vexetais, antropomorfas e zoomorfas. Dende o 1843 ao 1984 foi cuartel de infantería. No ano 1929, a igrexa foi trasladada pedra a pedra ao Parque de San Lázaro, no centro da cidade. A fachada, con dous contrafortes e portada de tripla arquivolta, con capiteis fitomorfos, outro con harpías, e outro máis coa orixinal figura dun gaiteiro.
Convento de San Domingos (Ourense): Século XVII, dominicanos. Do antigo convento consérvase a igrexa renacentista situada na parte vella da cidade. A planta é de cruz latina dunha nave cuberta con bóveda de crucería. A fachada, coroada por unha espadana, é sinxela, con portada enmarcada por piastras acanaladas con frontón con escudo real. O altar maior e o cruceiro son de factura barroca. 
Convento das Siervas de María: José Antonio Gavilanes envioume unha acta do IX congreso nacional e VI internacional de historia de la enfermería, onde fala desta congregación fundada en Madrid no ano 1851. A súa primeira superiora Xeral foi Soledad Torres Acosta. Chegaron a Ourense o 15 de maio de 1897, pero a comunidade non se estableceu ata o 30 de setembro do mesmo ano, dedicándose á atención dos enfermos máis necesitados. O primeiro sitio onde se estableceron as monxas foi na rúa Cisneros, e nos anos seguintes mudaron varias veces de domicilio (rúa Luis Espada e San Domingos). O 20 de setembro de 1910, adquiriron en propiedade unha casa con horta no Xardín do Posío, onde permaneceron ata o último terzo do século XX en que se trasladron, obrigadas pola demolición do convento para facer unha urbanización, ao moderno edificio actual.    
San Mamede (Palmés): Bieitos, consérvase a igrexa. 
Priorado de Arrabaldo ou da Granxa (Santa Cruz de Arrabaldo): Foi un dos máis importantes que posuía o mosteiro de Oseira. En Os camiños da vida, Otero Pedrayo introduce a un monxe exclaustrado como personaxe, que se dirixe ao priorado da Granxa. 
Serra Mosteirón (Velle): Dise que tomou o nome dun antigo mosteiro. (Información de Elena Blanco Torres).


 

 


PADERNE DE ALLARIZ
Mosteiro de San Lourenzo de Siabal: Posible orixe altomedieval. Foi cedido á Igrexa de Ourense pola monarquía dúas veces, a primeira no 1160 por Fernando II, e a segunda e no 1204 Afonso IX. No século XII perdeu o seu título de mosteiro para converterse en igrexa parroquial.   
José Antonio Gavilanes informoume da existencia, en tempos, dun posible convento non moi lonxe da igrexa de San Vicenzo de Coucieiro, na zona coñecida como A Costa. Un avó de Gavilanes tiña unha viña que é onde estaba un antigo cemiterio; a viña era coñecida co evocador nome de Os Conventos. Unha fonte que está ao seu carón recibe o nome de Fonte do Convento. Teñen aparecido varias pezas.

PARADA DO SIL
Mosteiro de Santa Cristina: Bieitos. Aínda que anterior, a primeira noticia sobre o mosteiro é do século IX. Da primitiva construción, disposta en torno ao pequeno claustro do século XVI con arcos de medio punto sobre columnas de fustes prismáticos con esquinas achafranadas, só se conservan dúas ás. No claustro pódense ver os armarium claustri, uns pequenos espazos onde se deixaban os libros lidos polos monxes durante os seus paseos. Os problemas para Santa Cristina a partires do século XII virán do Burgo de Caldelas, fundado por Fernando II. No 1380 os monxes de Santa Cristina denuncian ao conde de Trastamara, Pedro Enriquez, e a principios do século XV enfrontarase a Pedro Díaz de Cadórniga quen estaba a construír unha fortaleza en terras propiedade do cenobio no veciño couto de Chandrexa. No 1457 o mosteiro foi visitado por un coengo ourensán quen o atopou nun estado lamentable: "Os sobrados da torre desollados, chove enos coros e dentro eno corpo eno dito mosteiro, e chove en un altar...". Pouco despois desta visita cae en mans dos comendatarios o que non axudaría na súa restauración. Por bula do 1517, Santa Cristina deixa de eixistir como casa independente ao ser unida canonicamente a Santo Estevo de Ribas de Sil. A igrexa é románica do s. XII con elementos góticos do s. XIII. Ten planta de cruz latina, con nave de cinco tramos e cruceiro. A cabeceira ten unha ábsida, prolongación da nave, e dúas absidiolas. A torre tamén é románica, ameada con troneiras de arcos semicirculares. No interior consérvanse pinturas, un altar maior con motivos xeométricos, retábulos barrocos e unha imaxe de San Pedro, obra de Xoán de Ánges, de finais do XVI, século en que foi anexionado a San Estevo de Ribas de Sil. Despois da desamortización, foi utilizado como vivenda, cuadras e palleiro.
Mosteiro de San Adrao: Documentos do mosteiro de Celanova e da catedral de Lugo falan da súa importancia no século X, sinalando que xa existía no século VIII. No século XII pasou a dependender do mosteiro de Montederramo. Consérvanse algúns posibles restos no cruce que leva a Barxacoba reconvertidos en adega, e quizais no muro dunha casa restaurada que hai en fronte. 
Mosteiro de San Cibrao: Documentado no século X. O mosteiro de Montederramo logrou no 1171 que llo cedera Fernando II quen suprimiu a vida monacal segundo consta na protesta que o bispo de Ourense fixo a Roma.  
Mosteiro de San Lourenzo de Ribas de Sil ou de Caldelas: Posible orixe altomedieval. Por documento outorgado polo futiro rei de León e Galicia Fernando II no 1155, concede ao capelán Rodrigo Menéndez, fillo de don Mendo, o mosteiro de San Lourenzo de Caldelas, preto do río Sil, que se ubicaría, posiblemente, xunto a igrexa de San Lourenzo de Barxacova que no século XII pasou a ser bailía da encomenda de Quiroga, dependente da orde de San Xoán de Xerusalén. Nun dos muros da igrexa pódese ver unha cruz de Malta e un escudo, e nun muro do cemiterio unha pedra cunha inscrición do revés que foron reaproveitadas dunha construción anterior e que ben puideron pertencer ao desaparecido cenobio. En San Lourezo atópanse as ruínas da capela e a necrópole medievais de san Vítor formada por tumbas escavadas na rocha dependentes, primeiro de San Lourenzo e despois de Santa Cristina de Ribas do Sil.
Mosteiro de San Miguel: En Sacardebois. Cenobio feminino. Existen referencias documentais do século XII, cando Fernando II o doa ao mosteiro de Montederramo.  A imposición das normas gregorianas en Galiia supuxo o fin da vida monacal en San Miguel.
 

 

 

 

O PEREIRO DE AGUIAR
Granxa-Priorado de Tibiás: Fundado pola abade de Sobrado Exidio a mediados do século XII. 

A PEROXA
Celaguantes: Dise que o topónimo vén do sintagma latino cella qua orantes (cela na que están os orantes), se ben hai estudosos que rexeitan a explicación. 
Granxa-priorado da Recheda (Carracedo): Estableceuse en virtude da doazón que Fernando II, estando en Vilafranca do Bierzo, no mes de outubro do ano 1179, coa súa muller Urraca e o seu fillo Afonso, fixo ao abade Exidio de Sobrado. Comprendía as herdades Os Chaos e o monte de Pasarín cos seus prados, pastos, montes, fontes, árbores, terras cultas e incultas, etc.   

A POBRA DE TRIVES
Mosteiro de San Breixo de Trives: Citado nun documento do ano 1085 en que Afonso VI o devolve á catedral de Astorga. Case nada se sabe sobre este pequeno cenobio, agás o nome dalgúns dos seus abades no século XIV. Sábese que aínda era dona do seu couto no século XVIII.
Mosteiro de San Salvador (Sobrado): Monxas bieitas. Orixe altomedieval. Entre o 1087 e o 1175, trala reforma gregoriana, estivo sen comunidade. Un do mosteiro de Sobrado dos Monxes do ano 1287, escrito enteiramente en galego e datado o 22 de xaneiro de 1255, recolle o foro feito por dona Marina Rodríguez, abadesa de Trives, a Xoán Cerdeira do casal que o mosteiro ten xunto a igrexa de Cerdeira. A maior parte das súas abadesas pertencían a familias nobres da bisbarra. A finais da Idade Media estaba rexido por Inés de Quiroga que se encastelou no cenobio no ano 1499 para impedir a visita dos observantes de Valladolid a cuxa cabeza ía frei Rodrigo de Valencia que "non pudo acabar de hazer la visitacion por no le ser tuta ni segura la estada de su persona en el dicho monesterio ni de los que con el venían... a causa de mucha gente armada que en dicho monesterio estaba en favor de la abadesa". Foi absorvido por San Paio de Antealtares no 1500, mais a diferenza dooutras abadesas, dona Inés conseguiu manterse á súa fronte e nunca entrou en Antealtares. No 1526, dona Inés "en descargo de su conciencia e porque, so color de su derecho, el dicho monasterio de San Pelayo no rescibiese mas vaxaciones" asina a avinza na que renuncia ao seu abadengo e admite a anexión a Antealtares a cambio de quedar en Sobrado cunha renda vitalicia ata a súa morte. Consérvase unha torre militar exenta adaptada como campanario que se ergue xunto a igrexa. Na súa orixe tivo un claustro ao que se abrían o resto das dependencias monacais. No século XV pasa a depender de San Paio de Antealtares, en Santiago. O templo do século XII, típico exemplar do románico galego, é de planta rectangular dunha nave que remata nunha ábsida semicircular cuberta con bóveda de canón. A fachada románica presenta unha portada enmarcada por un tornachoivas apoiado en columnas e un modillón, salientando o conxunto de capiteis e o lintel sostido por dúas figuras humanas.

PORQUEIRA
Mosteiro da Forxa ou de Santa María de Porqueira: A súa orixe remóntase ao século X, fundado como mosteiro familiar, pasando logo a mans dos Coengos Regulares de San Agostiño. Nos anos 1157, 1181 e 1228 os distintos reis doan parte das posesións ao bispado de Ourense que instala nel aos xerónimos que é cando acada o máximo esplendor. Os seus abades tiñan a facultade de nomear xuíz ordinario e escribán. A primeira proba de que se trata dun cenobio é do ano 1199 cando Urraca Fernández de Traba lle fai unha doazón no seu testamento. Non se confirma a súa pertenza aos agostiños ata o 1221 cando o seu prior asina as actas do sínodo en Ourense.
Mosteiro de Sabucedo: Posto baixo a advocación de San Salvador e Santa María. Hai investigadores que manteñen que se trataba de dous cenobios, o do Salvador e o de Santa María, fundados por dona Goda. Morta esta e a súa filla dona Lupa, pasa á súa parente dona Trudilla que vivía en terras de Monterrei. Cando se presenta en Sabucedo para facerse cargo da herencia, os monxes aconséllanlle que anexione Santa María ao Salvador. Dona Tudilla accede e traslada ás monxas ao mosteiro de Santa Cruz de Vilaza que no ano 985 era dúplice. No ano 1043 decide doalo ao mosteiro de Celanova.

PUNXÍN

En Punxín atopouse un sártego altomedieval que se atribúe a San Wintila, eremita que buscou nestas terras o seu retiro, e cuxa ermida, construída xunto a igrexa actual, pertencía a un pequeno mosteiro que posteriormente pasou a depender do mosteiro de Santa María da Barra, no concello de Coles. O sarcófago está formado por unha caixa trapezoidal e cuberta en estola, decorado na súa fronte con arcos de tamaño irregular; o arco repítese ao pé da caixa. Na tampa aparece o motivo de estola, con triple baquetón central. Nunha das partes presenta unha inscrición: "Hic requiesc(i)t famulus De(i)". Na parte oposta hai outra inscrición posterior que a excepción do salmo final consideráse como a transcrición libre dun texto primitivo: "Hic requiiescit servus Dei Wintila qui obit die XXIII decembrs anno 890. Pretiosa in conspectu Domini mors Sanctorum".

RAMIRÁS

Mosteiro de San Pedro (O Mosteiro): Monxas bieitas, séculos X-XII. Fundado por Onmega, abadesa do cenobio de Santa Comba de Bande, quizais como mosteiro familiar que posteriormente se uniría á Regra de San Bieito, absorvido no século XV por San Paio de Antealtares. Sen entrar se nalgún momento tivo carácter mixto, a documentación recolle nomes de homes que desenvolvían funcións administrativas, de vixiancia, mordomos e sacerdotais. Na Idade Media é un dos mosteiros femininos máis ricos. O primeiro docuemnto onde se cita data do ano 1021. Constitúese en comunidade bieita no 1185. As súas abadesas non levarán este título senón que se designarán como ona. No século XIII o mosteiro contaba con preto de trinta monxas, reducíndose considerablemente nos século seguintes: no 1368 só albergaba a dúas monxas, estaba rexido por María de Limia. As monxas de San Pedro enfrontáronse en varias ocasións cos señores de Milmanda (Celanova) e tamén co mosteiro de Celanova; a principios do século XV a ona de Ramirás quéixase das exaccións que ao seu mosteiro fan tanto o duque de Arxona, señor de Milmanda, como o mosteiro de Celanova. No ano 1511 pasa a depender de San Paio de Antealtares, converténdose en priorado. Coa desamortización prodúcese o abondono e a ruína definitiva do xa decadente cenobio. Será entrado o século XX cando Xosefa da Resurreción Vázquez, monxa do convento de Santa Clara de Allariz, ten unha visión na que se lle encomenda a fundación dun convento. Enterado do prodixio, o bispo de Ourense, Francisco Blanco Nájera, arbitra os medios necesarios para que a finais de 1949 a visionaria Xosefa, a cabeza dun grupo de monxas, se instalen de novo en Ramirás. No ano 1959 as clarisas de Ramirás abren un colexio para nenas ata que deciden acollerse á clausura. No ano 1993 abandonan definitivamente as instalacións que na actualidade acollen unha residencia de anciáns. A igrexa, románica de transición ao gótico, ten planta basilical de tres naves separadas por piares compostos, con arcos forneiros e feixóns, e tres ábsidas semicirculares, a central máis alta ca as laterais. A fachada consta de tres portadas con arquivoltas, circular a central e apuntadas as outras dúas. A portada principal é románica, flanqueada por dous contrafortes cunha porta de acceso de catro arcos superpostos onde o superior destaca pola súa decoración axedrezada. No frontón ábrese un rosetón.
Priorado de San Salvador de Paizás: Coñecido tamén como de Eiras, nome que se lle daba tamén ao río Tuño. Dependía de Celanova. Citado por Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia do ano 1745.

RIBADAVIA
Mosteiro de San Xes de Francelos: Sábese que xa existía a finais do século IX, rexentado por monxes bieitos que logo pasaron a depender do mosteiro de Celanova. Pouco queda da primitiva capela prerrománica, só unha ventá con celosía e un relevo na porta principal.
Convento de San Francisco (Ribadavia): A presenza franciscán en Ribadavia remóntase ao século XIV. Do convento do século XVII apenas quedan restos; cando a construción do ferrocarril desapareceu a metade do edificio. Coa desamortización pasou ao concello e logo a mans particulares, fraccionándose en cinco partes, incluídos os claustros. No 1915, os franciscáns mercaron unha parte e alí se estableceron. No interior da igrexa, rematada no ano 1610 e con bóveda de crucería, salienta o altar churrigueresco e o retábulo maior, barroco do s. XVIII.
Convento de San Domingos (Ribadavia): Dominicanos. Fundado no ano 1254 por frei Pedro González. Segundo a lenda edificouse sobre o solar que ocupaba o pazo do rei García de Galicia. Dende o 1299 ata o século XIX (cun paréntese de case douscentos anos) impartíronse as cátedras de Teoloxía Moral e Gramática. Do antigo edificio consérvase unha portada arquivoltada sostida por capiteis adornados con motivos vexetais e dúas ás con arquería neoclásica. Sufriu un incendio no 1433, acometéndose a súa construción que rematou no s. XVII. A principios do s. XIX agregouse ao convento de San Domingos de Tui. Coa desamortización pasou a mans particulares. Dende o ano 1849 pertence ao concello. Na actualidade funciona como residencia de anciáns. A igrexa, dos séculos XIV e XV, ten planta basilical, con tres naves que rematan en tres ábsidas poligonais. A fachada divídese en tres tramos con portada oxival con arquivoltas sostidas sobre dous pares de columnas de capiteis decorados con motivos vexetais. No tímpano destaca a figura de San Domingos cun libro aberto nas mans.


SAN CRISTOVO DE CEA
Mosteiro de Santa María a Real de Oseira: Císter. Se ben non hai dúbida de que os bieitos xa ocupaban o mosteiro no ano 1137, non existe consenso canto á ocupación polos monxes do Císter; as datas máis baralladas sitúanna entre os anos 1140 e 1141. Logo da decadencia iniciada no s. XIV, cobra un novo pulo coa entrada na Congregación Cisterciense de Castela. No 1551 sufriu un incendio que case o reduciu a cinzas. Coa desamortización do ano 1935, os monxes abandonan o cenobio e as ruínas apodéranse dos edificios. No ano 1930 regresan os monxes que acometen a súa recuperación. O mosteiro ten tres claustros: o da Portería, o Procesional e o dos Pináculos. No Procesional, reformado no s. XVII, salientan as efixies situadas nas arquerías que representan rostros de personaxes históricos. A sala capitular é dos s. XV e XVI, construída con elementos tardogóticos, con bóvedas estreladas con nervios que arrincan de columnas estriadas. A fachada, con cadeirado almofadado e frontispicio, data do ano 1708 e o Patio dos Cabaleiros é do século XVIII. A igrexa abacial, románica oxival, é un dos edificios máis salientables non só de Galiza, senón da Península. Ten planta de cruz latina, con tres naves de sete tramos e cruceiro separado por piares e columnas. A nave central é de canón apuntado con faxóns. Os ventanais de medio punto ábrense no arrinque da bóveda. No século XIII construíuse o ciborio, con cúpula sobre pechinas no cruceiro. Na cabeceira, composta de sala semicircular e deambulatorio, ábrense cinco capelas absidiais. O mosteiro acolle o Lapidarium, un museo que garda os obxectos de pedra que se recuperaron durante as obras de restauración e as excavacións arqueolóxicas. Tamén se recuperou a Botica, con botes de artesáns de Talavera que reproducen os orixinais do s. XVIII, 30 orixinais de Sargadelos do s. XIX, fórmulas, libros e restos de herbas medicinais de hai 200 anos. Ver en Apéndices: Mártires de Oseira, unha tráxica historia pouco coñecida e que, a pesares de transcorrer máis de 100 anos, aínda hai quen a quere acalar.

 

SARREAUS

Mosteiro de Santa María de Codosedo: Ao redor do 1200 foi cedido polos seus herdeiros á orde de Santiago, cuxa comuniadade foi suprimida a finais da Idade Media ou na Moderna, pasando os seus bens á encomenda da Barra. O monasterium de Codosedo cum suis pertinentiis cítase nunha confirmación pontificia dos bens e privilexios no ano 1223. A igrexa é de orixe románica.

TRASMIRAS

Priorado de Lobaces: Pertenceu aos agostiños. Primeiro dependeu de San Martiño de Grou, pasando logo ambos os dous ao mosteiro do Salvador de Celanova. Nas inmediacións atopáronse sepulcros antropomorfos altomedievais.

VERÍN
Convento dos Mercedarios (Verín): Mercedarios. Por iniciativa do conde Sancho Fernández de Ulloa, a orde instalouse en Monterrei no ano 1484. No 1557 trasladouse a Verín. Logo do abandono obrigado pola exclaustración e desamortización, os mercedarios mercaron parte da súa antiga propiedade no ano 1933, converténdoa en colexio de aspirantes a ingresar na orde. O edificio consta de dúas partes, unha destinada á comunidade e outra ao culto. A maior parte da construción actual é do século XVIII para o que se aproveitaron pedras traídas de Monterrei (pedras labradas, arcos, columnas...). No interior salienta o claustro, e no exterior a fachada e a barroca torre do campanario.

VIANA DO BOLO
Mosteiro de San Cibrán (Viana do Bolo): Ano 1119. A tradición asegura que a igrexa actuou como convento do Temple. 
Mosteiro de San Pedro de Grixoá: Posible orixe altomedieval. Perdeu o seu título de mosteiro para converterse en igrexa parroquial.
 

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Mosteiro de Correxais: Documentado no ano 922. A partir do século XVII colleu aos Trinitarios. Impartíanse ensinanzas de Filosofía, Teoloxía moral e Gramática. Consérvase a igrexa e os muros dun convento totalmente arruinados e cubertos pola matogueira, algúns en grave risco de derrubamento.
 

VILARDEVÓS

San Pedro (Hospital-Osoño): Orde de Malta, a igrexa é de estilo barroco con espadana de dous corpos. Na parroquia está o lugar de O Hospital, onde se atopa a parroquial de San Pedro, seguramente relacionado coa antiga encomenda que atendería aos peregrinos a Santiago que viñan de Portugal. 
 

XINZO DE LIMIA

Mosteiro do Bon Xesús (Trandeiras): Franciscáns. Fundado no ano 1520 por Alonso de Piña, prior de Xunqueira de Ambía. Segundo a lenda, as orixes romóntanse á aparición dunha imaxe do Neno Xesús a uns cabaleiros portugueses que construíron unha capela na súa honra. Tamén está a lenda dos mosquitos, uns soldados encantados da corte do rei Artur. Os franciscáns establecéronse no 1523. No ano 1668 padeceu un incendio. En tempos da Revolución Francesa foi refuxio de curas e bispos galos. No 1809, durante a invasión napoleónica, as tropas francesas destruíron a igrexa e mataron a veciños de Trandeiras, freires e curas. Coa desamortización vendeuse a particulares quen utilizaron as pedras para outras construcións. Consérvase a igrexa e parte dun claustro renacentista con elementos do gótico flamíxero. Na actualidade pertence ao concello de Xinzo de Limia.
Mosteiro de Santa María de Ribeira (Mosteiro de Ribeira): Ripario Limie. Bieitos. Fundado no século X por Afonso Romariz e dona Gutina, pasou supostamente a priorado do mosteiro de Celanova no 1043. No tombo de Celanova cóntase que no ano 1005 unha tal Zacaria, posuidora do convento, marchou de viaxe a outro seu mosteiro, no territorio de Lemos, que chamaban San Paio (débese referir ao de San Paio de Mosteiro, parroquia de Bóveda), e alí morreu. Noutro documento do mesmo tombo conta que no 1043 o abade Aloito e seus irmáns doan a Celanova o mosteiro de Ribeira. No 1118 un tal Munio presentouse ante o rei Afonso VII para pedir xustiza por terlle arrebatado o seu mosteiro de Ribeira, que lle fora confiscado polo conde da Limia. No 1214 Afonso IX entrégalle ao seu mestre Lourenzo, futuro bispo de Ourense, illam eclesiam Sancte Marie de Ribeyra. No 1124 xa estaba en poder de Celanova. No século XIV a comuniade quedaría reducida ao prior. No ano 1499 o prior frei Aonso do Este xuraba obediencia ao reformador de Valladolid frei Rodrigo de Valencia. Hoxe en día descoñécese o seu emprazamento exacto, se ben se cre que puido estar onde se atopa a igrexa e a casa reitoral, onde se conservan algúns achádegos soltos: unha estatua exenta dun Agnus Dei sen cabeza, unha ventaíña de arco apuntado, un alfiz con medallón, unha lauda sepulcral, catro inscricións relixiosas e dúas inscricións funerarias. No lugar de A Manga de Abaixo, en Lamas, na casa de don José Salgado atópase empotrada nun dos muros unha inscrición funeraria que foi atopada por Frei Martín Sarmiento no século XVIII e que foi estudada por Rodríguez Colmenero no ano 1987.
 

XUNQUEIRA DE AMBÍA

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Ambía: Fundado, quizais, sobre un mosteiro altomedieval. Conta a lenda que no lugar onde se levanta o mosteiro hai unha lagoa chamada Xunqueira onde apareceu unha imaxe do século IV; na súa honra ergueuse unha ermida, orixe do cenobio. Foi fundado como mosteiro familiar no ano 955 por Gonzalo Froila e a súa muller Ilduara. No ano 1150, Afonso VII confirma a cesión aos Coengos Regulares de San Agostiño. Entre os priores salienta Alonso de Piña, considerado o fundador da vila de Xunqueira de Ambía no s. XV. Despois da desamortización de Mendizábal, converteuse en parroquia.  Conta Pérez Rodríguez (2008) que o mosteiro estaba interdito e a súa comunidade excomungada polo bispo de Ourense debido, ao parecer, de teren albergado ou encuberto un dos seus padroeiros, por corregemento das malfeytorias que Roy Mendez D´Anbia fez ao bispo et a Iglesia d´Ourens. Na segunda metade do século XV, Xunqueira denuncia ante os Reis Católicos, en Santiago, aos condes de Lemos e de Ribadavia e aos cabaleiros Álvaro Mosqueira e Gregorio Méndez de usurparlle coutos e bens. A reforma baixomedieval non afectos a este cenobio, que será renovado a principios do XVI por Alonso de Piña, chantre de Ourense, que recibiu o título de prior no 1513. No 1928 ocupáronno os mercedarios. Consérvase o clausto coas súas dependencias, o pazo prioral e a igrexa. O claustro, do s. XVI con restos románicos (entre outros, un sepulcro), consta dun corpo con arcos de medio punto. A casa monástica, ampliada no 1853, conserva uns canzorros de feitura sinxela no aleiro. A igrexa, románica de transición do s. XII, ten planta basilical con tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares. Na fachada destaca unha porta con arquivoltas funiculares sobre columnas estriadas, un tornachoivas de arcada sobre canzorros e un rosetón que se abre no centro. A ábsida central, dividida por columnas, mostra unha interesante colección de canzorros. A torre é románica no arranque, o resto barroca. No interior da igrexa pódese ver o retábulo maior, renacentista con influencias flamengas, e o coro de madeira de nogueira do s. XVI ornamentado cunha rica iconografía. Impresiona a orixinalidade do órgano, un dos mellores de Europa. Na súa porta occidental figura a data de 2 de xuño de 1164, tal vez a da súa consagración.

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo: Císter. Construído sobre outro anterior, o mosteiro fundouse no ano 1150. Posto baixo a Regra de San Agostiño, pasou ao Císter no 1170. No 1546 uníuse á Congregación do Císter de Castela. Coa desamortización pasou a propiedade do concello. A fachada é neoclásica, formada por tres corpos, o central coroado por un frontón clásico sobre o que se eleva o campanario. O restaurado claustro, que conserva varios tramos do s. XVI, contruíuse cando a unión á Congregación de Castela. Na parte superior pódense ver as ventás da nave románica e varios reloxos de sol, un do ano 1663. Na actualidade, as dependencias monacais acollen o concello e a biblioteca. A igrexa, de planta basilical, ten tres naves de cinco tramos, a do medio de dobre ancho ca as laterais. A cabeceira ten tres ábsidas semicirculares. No interior, entre o mobiliaro litúrxico, salienta o altar de pedra de estilo románico cun retábulo realizado polo ourensán Xoán de Ánges a finais do 1594, cun óculo polo que entra luz ao templo. Na entrada da igrexa hai dous retábulos que representan a Visitación e a Transfiguración, esta do s. XVII, con bustos de San Marcos e San Brais. Tamén é de destacar o sepulcro de Paio Yáñez de Abeleda, do s. XVI, situado na capela maior, tombado e cun puñal na man dereita; dise que foi soterrado coa súa espada de prata. 

 
MOSTEIROS E CONVENTOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

AGOLADA
Mosteiro de Baíña: Segundo Álvarez Lameses, na súa Geografía General del Reino de Galicia (1936), e Freire Camaniel en El monacato gallego en la Alta Edad Media (1998), no século XV existía en Baíña un mosteiro, por cuxas encomendas percibía cuantiosas rendas e a casa de Moscoso. Agregado ao de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela. 
Mosteiro de Basadre: No ano 1119, os esposos Joahnnes Didaci e Maria Luci ofrecen ao bispo de Lugo, Pedro III, "...portionem nostram monasterii de Vasadria cun aeclesiis et villis subdites et familia". Se houbo un mosteiro, tal como se deduce da doazón, non quedan restos.  
Mosteiro de Santo André de Órrea: Monxas bieitas. O primeiro documento da existencia dun mosteiro en Órrea data do ano 747, no testamento outorgado por Odoario. No 1171 a abadesa e o mosteiro venden unhas herdades á abadía cisterciense de Sobrado. No 1368, nunha venda, cítase como Mosteyro de Santandre D´Orrea. No ano 1486 a súa abadesa é Aldara López de Figueoroa. É suprimido no ano 1498. A pesares de pasar á observancia bieita dependente de Valladolid, a congregación tivo problemas con el debido a frei Pedro de Roade que se titulaba abade de Órrea e que no 1509 aparece como presidente de Aciveiro. O preito co cisterciense Roade prolongarase no século XVI, e os bens de Santo André non pasarán a San Paio de Antealtares ata ben entrado este século. Consérvase a igrexa románica con fachada barroca dunha nave, dividida en cinco tramos, rematada nunha ábsida semicircular. A portada principal ten dobre arquivolta con capiteis de figuras xeométricas e tímpano liso sobre mochetas de aresta. A porta lateral comunicaba o templo co mosteiro. Os canzorros adornan o tellaroz. Sobre o frontis érguese unha espadana de dous vans rematados por pináculos. As pedras das dependencias monacais utilizáronse na construción das casas próximas.

ARBO
Convento de San Cristovo de Mourentán (Mourentán): Citado no 1156 como monasterium no reparto das mesas episcopal e capiturlar da catedral de Tui. Non volve a citarse ata principios do século XV, cando aparece a casa de Morantán como propiedade da orde de San Xoán. No 1457 está asociado á encomenda de Ribadavia, pero mantendo a súa autonomía. Do antigo conxunto conventual só se conserva a igrexa de época barroca con torre de tendencia neoclásica. Na fachada salienta unha portada con arco de medio punto coroada por unha fornela con frontón semicircular que acolle a imaxe dun santo. No interior destaca a bóveda de cachotaría do presbiterio.

BAIONA
Mosteiro dos santos Cosme e Damián: Nas estribacións da serra da Groba, na aldea medieval de San Cosme (Baíña), vense as ruínas dunha capela que, ao parecer, formaba parte dun pequeno cenobio (posiblemente un eremitorio) que se conservou ata o ano 1785 en que as súas imaxes foron trasladadas ao mosteiro de Santa María de Oia, de quen dependía. Narciso Peinado (1949), citando a obra Antigüedades de Tuy de Saldóval, fala, ao narrar a invasión de Galicia por Almanzor, que os árabes atravesaron o Miño, preto de Salvaterra, chegando ata Dayr-Kurtan (mosteiro de San Cosme e San Damián), máis tarde nomeado San Colmado. Na igrexa de Santa Liberata consérvanse dúas tallas de madeira de San Cosme e San Damián con traxes de moita galanura, portando uns instrumentos de menciñeiro. Este pequeno cenobio estaba no camiño que dende Chan da lagoa vai a Belesar. 
Convento da Anunciada: Dominicas. Fundado por dona Mayor Fernández Acuña e confirmado polo papa Paulo IV no ano 1547, sendo bispo de Tui Xoán de San Millán, e abade da colexiata de Baiona Sebastián Varela.  Construído sobre un edificio anterior. 
Colexiata de Santa María de Baiona: No 1482 o bispo Diego de Muros II reforma a súa clerecía, pero aínda sen darlle o título de colexiata, reformando os costumes da igrexa debido ás queixas que lle chegan por parte dos racioneiros de Santa María que protestan pola arbitrariedade dos abades que lles pagan o que queren. Baiona estaba dividida entón en dous núcleos (a mesma Baiona e o Monte do Boi) e por isto hai dous abades. Don Diego manterá a dualidade e ordena que as dúas igrexas teñan cadanseu abade quen, á súa vez, presidirá sete racioneiros, o que demostra a vitalidade da vila, capaz de manter tal número de cregos. A categoría de colexiata chegou no 1492, e foi dada polo bispo Pedro Beltrán. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008).
 

BUEU

Mosteiro de Santiago de Ermelo: Bieitos. Segundo unha lápida que se conserva na igrexa, o templo foi reedificado no ano 1104 por mandato do bispo Xelmírez (consérvase a inscrición), destruído posiblemente por unha incursión normanda. En 1485 era abade de Ermelo frei Xoán de Mandaio que no 1487 pasa a ser abade de San Pedro de Fóra, en Santiago, mentre que o abade deste, Afonso de Mosqueira pasa a selo de Ermelo. Morto Mandaio no 1488, o arcebispo Fonseca fíxose cos bens de Ermelo; no 1491 consta que estes xa estaban anexionados a San Xoán de Poio. Hai tradición de que no lugar morreu un arcebispo que estaba de visita e que foi enterrado alí mesmo; na tampa do sepulcro (a mesma que debeu ver Fr. Martín Sarmiento no ano 1745) hai unha inscrición coa Era de 1140 (ano 1102) que despois serviu de sepultura a unha vella. 
A Illa de Ons: Conta Hipólito de Saa Bravo que á illa retirábanse os monxes de Poio. No século XVIII uns monxes recoletos solicitaron á Congregación de Valladolid fundar unha Casa independente do mosteiro de Poio, solicitude que lle foi rexeitada; entre os asinantes había un monxe que con outros vivía na illa: "Petrus monacus qui in Ionis insula cum fratibus degentibus...". Di De Saa Bravo que os monxes, xunto cos habitantes da illa, tiñan un pequeno comercio de polbo como así o testemuñan varios documentos que falan de intercambios comerciais entre os monxes de Tambo, Ons e o Priorado de Marín. Nun pequeno illo fronte á praia dos Cans, coñecido como Laxe do Abade ou Laxe doCrego, hai unha tumba antropomorfa que puído pertencer a un membro da comunidade monacal que se instalaría na illa no século XV. A tampa do sártego foi levantada polo mar a mediados do pasado século XX e que un home trasladou para a súa casa.

 

CALDAS DE REIS
Mosteiro en Arcos da Condesa: Parece ser que os Traba reconstruíron un antigo mosteiro fundado polos condes Froila Vermúdez e Elvira de Faro. A metade do mosteiro quedaría enmans de Munia ou Munina Froilaz quen llo entregou á súa sobriña Ilduara, filla do conde de Traba. Segundo a Historia Compostelana, a metade de Ilduara, o seu esposo Arias Pérez doábao no 1128 á Mitra compostelá: "Medietatem cuiusdam monasterii, nomine Archos in Salinensi". Aparece citado no 1154 nunha bula do papa Anastasio IV, e no 1178 nunha bula de Alexandre III. No 1371, o rei Henrique II doaba os bens ordinis templi de Arquos de Condesa et Moraña ete de Caldas de Reys in Salnes, ao deán e Cabido de Santiago, doazón que foi confirmada despois polo seu fillo Xoán I no ano 1379. 

CAMBADOS
Convento de San Francisco: Franciscáns. Unha inscrición sitúa a fundación no ano 1588. A igrexa é de finais do século XVI, con rasgos renacentistas e neoclásicos. 
Priorado de Serantellos (Castrelo): Dependía de Armenteira.
 

CANGAS 
Colexiata de Santiago de Cangas: Durante a maior parte do Medievo, Cangas fora só un lugar máis da freguesía de Santa María de Darbo que na Baixa Idade Media vai aproveitarse do crecemento da costa galega ao redor do seu porto. López Carreira di que no 1472 hai xa un crego no dito porto que estaría para servir espiritualmente aos veciños, posiblemente nunha pequena capela non documentada. No 1479 a vila sepárase da súa matriz Darbo. A reforma do seu clero e o ascenso á categoría de colexiata foi no ano 1542, cando Santiago de Cangas foi dotada cunha comunidade de seis racioneiros e un prior á frotne, absorvendo á antiga de Darbo. (F. Javier Pérez Rodríguez, 2008). 

A CAÑIZA
Mosteiro-Santuario de Santa María da Franqueira: Císter. O primeiro documento (pouco fiable segundo F. J. Pérez Rodríguez, 2008) que fai mención ao cenobio data do ano 1063, nunha doazón outorgada por Fernando I. No 1144 recibe de Afonso VII as posesións que tiña nesa freguesía e na de Lueda. No 1293 uníuse á Regra do Císter, comezando a construción dun novo templo sufragado por Xoán Fernández de Soutomaior, bispo de Tui quen ordenou poñer o seu brasón na portada. A entrada dos cistercienses salvará á Franqueira de seren suprimido. No 1496 viven no cenobio o abade, o prior e ao menos un monxe. Pasou á Congregación de Castela no 1521, despois de chegar a un acordo co abade que recibiría unha renda vitalicia. Consérvase a igrexa de fachada gótica con pegadas románicas. A planta, rectangular con catro tramos separados por arcos apuntados, está unida a unha capela de ábsida rectangular cuberta con bóveda de media laranxa. No tímpano figura a Adoración dos Reis Magos coa Virxe sentada co Neno sobre os xeonllos. Detrás do altar maior atópase a imaxe pétrea de Nosa Señora da Franqueira datada no século VII ou VIII, imaxe que se pon en relación coa fundación do cenobio. A afamada romaría que se celebra no lugar ten a orixe na reaparición da escultura da Virxe logo de estaren catrocentos anos agochada, no lugar coñecido como o Coto da Vella, para preservala dos árabes.

COTOBADE
Mosteiro de San Pedro de Tenorio: Bieitos, séculos X-XVI. Dise que é un dos peor documentados da Galicia medieval. Aínda que non hai constancia da súa fundación, parece que a súa orixe remóntase ao século X. A primeira noticia data do ano 1073, cando o seu abade aparece como testemuña nun documento do veciño de San Salvador de Lérez. Do cenobio consérvase un claustro de século XVI de planta cuadrangular acaroado á igrexa, as adegas e un lagar. No século XV foi conquistado por Pedro Madruga, conde de Soutomaior. No 1535 ingresa na Congregación de Valladolid, feito non aceptado polo daquelas abade Francisco de Ourense quen, xunto cos monxes, decide ir para Portugal con toda a documentación. Máis tarde pasa a depender do mosteiro de Lérez, en Pontevedra. Durante a Guerra da Independencia foi fortaleza dos guerrilleiros de Cotobade e contorna, feito que levou ao exército napoleónico a asaltar o cenobio e logo queimalo. Coa desamortización chegou o abandono. A igrexa ten unha soa nave de planta rectangular e ábsida. No ano 1745 estivo nel Fr. Martín Sarmiento lendo os seus pergameos. 
 

O COVELO

Mosteiro de Barcia de Mera: Os únicos vestixios que perduran do mosteiro achegánolos a tradición e unha pequena capela construída pola Inquisición no lugar de San Xoán de Mosteiro.
Mosteiro de San Estevo de Casteláns: Século XII. Monxas bieitas. O único documento que se coñece é transmitido por Francisco Ávila y Lacueva onde di que o bispo Diego de Muros o incorporou no ano 1481 a Santa María da Franqueira, estando entón o cenobio "despoboad de relixiosas". A principios do século XX outros restos foron trasladados ao concello de Mondariz-Balneario, expostos no lugar coñecido como O Bosque. Ata nós só chegaron os restos dos muros da ábsida de cuarto de esfera da igrexa románica que ocupa o lugar dunha antiga ermida posta baixo a advocación de Santa Clara. O mosteiro dependía de Santa María de Melón.


CRECENTE
Convento de San Paio de Albeos (Albeos): Séculos X-XII. Monxas bieitas. Cóntase que en Albeos naceu San Paio, martirizado en Córdoba no ano 925 cando contaba con trece anos de idade. O seu corpo foi trasladado a León e logo a Oviedo, onde repousa no mosteiro de monxas bieitas. O cenobio mandouno construír Hermoixio, bispo de Tui, en honra de Paio, seu sobriño. O primeiro documento data do ano 1071, cando a metade de Albeos figura entre os bens que doou a infanta dona Urraca Fernández á sé de Tui, bens que aínda estaban en mans da catedral no ano 1231, cando unha das súas monxas fai unha doazón, co permiso da abadesa e do convento. Ata o século XV foi rexentado por monxas beneditinas, logo trasladadas a San Paio de Antealtares. Coa desamortización, o mosteiro converteuse en vivenda particular. Do primitivo edificio só quedan algúns restos nun estado de conservación lamentable, utilizado como alpendre, o que amosa, outra volta, o desinterese das autoridades polo noso patrimonio. Os propietarios actuais, residentes en Valencia, puséronno á venda nun portelo da Internet por 300.000 euros. O Concello solcitou da Xunta que lles esixa aos donos a limpeza e conservación. A asociación O Sorriso de Daniel xa reclamou en varias ocasións a súa posta en valor.
Mosteiro de San Pedro de Crecente: Desaparecido, sobre as súas ruínas levantouse a igrexa románico-gótica. Hai quen conxectura que pertenceu á orde do Temple. De posible orixe altomedieval, converteuse en sé dun grupo de cregos. O primeiro documento data do 1217 onde se fala dos clericis Sancti Petri de Crecente. No 1223 diríxeo un capelán. A categoría abacial non se documenta ata o século XIV, cando era controlada polos Soutomaior. A mediados do século XV o mosteiro a comunidade é reformada polo bispo de Tui. No 1466 a comunidade estaba formada polo abade e cinco racioneiros que darán orixe ás parroquias actuais de Ribeira, Quintela, Freixo, Sendelle e Arrabal, quedando a de Angudes para o abade.
 

CUNTIS

Mosteiro de Santa María de Termis: Por unha inscrición que se conserva na igrexa parroquial de Santa María de Cuntis, construída sobre os alicerces deste cenobio, sábese que o abade Adaulfo desenvolveu o control da vida regular do mosteiro ata a súa morte no ano 1078. O epitafio di: "Era milessima centessima decima sexta, et tertio idus Martii memoriam celebris abbatis Adaulfi, fecimous", ("No ano 1078 tres días antes dos idus de marzo fixemos memoria ao célebre abade Adaulfo"). Por outro documento sábese que a raíña dona Urraca entrégalle ao bispo Xelmírez o templo de San Xiao de Caldas de Cuntis, pero non a igrexa de Santa María coa súa casa de monxes. Disto último conclúese que o mosteiro era de propiedade laica, non suxeito á realeza. O declive constátase trala doazón de Fernando II ao arcebispo compostelán Martiño Martínez (aquí a igrexa é denominada como Sancta Mariam de Caldas de Contenes) das terras e demais posesións. O mesmo rei asina no 1168 un documento polo cal permuta varias igrexas de Cuntis pola cidade de Coria que era do arcebispo de Santiago e que lle quería entregar aos templarios; as freguesías a cambiar eran a de Santa María de Caldas de Cuntis, San Breixo de Arcos de Furcos, San Miguel de Couselo, San Mamede de Piñeiro, San Fins de Estacas e Santa María de Troáns. 
Mosteiro de San Martiño e San Breixo de Arcos de Furcos: López Ferreiro situouno, erradamente, en Arcos da Condesa. Só perviven unha pía bautismal e o altar maior, na actualidade na igrexa de San Breixo de Arcos de Furcos construída cos perpiaños do antigo mosteiro dúplice, logo anexionado ao de Antealtares, que se levantaba no lugar da Manguela e que, segundo un documento, xa existía no ano 898, onde as familias pusuidoras renovan un pacto monástico co abade Adaulfo. A vida monástica neste mosteiro debeu de manterse durante o século XII xa que é mencionado nos privilexios pontifícios confirmatorios da sé, recibindo manda no testamento de dona Urraca Fernández de Traba no 1199. Aquí conviviron dúas comunidades distintas, unha de homes e outra de mulleres. Durante a segunda metade do século XV a maior parte dos bens serán controlados por dúas monxas do convento compostelán de Santa María de Belvís. Significativo disto foi a denominación polo que se coñece o lugar de Furco: Furco de Vilar Donega (este último termo provén do latín Dominica ou Dominicata) que fai alusión ás súas posuidoras, as mulleres ou donas. 
Mosteiro de San Miguel de Couselo: Bieitos. Dependente de San Martiño Pinario. Descoñécese a data da fundación. O primeiro documento é do ano 1064 no que Ansilano, abade do mosteiro, adquire varias propiedades preto da Ría de Arousa (San Miguel de Deiro e Santa María de Caleiro). Unha lápida sepulcral, que ata a segunda metade do século XIX estivo na fachada da igrexa de San Miguel, lembraba o falecemento do abade Ordoño, morto o 16 de abril do 1095; no ano 1909 foi levada a Santiago de Compostela para formar parte da Exposición Regional Gallega. Líase: "(Mi)serere Famulo: Dei/Ordonus abbas. E qui obbiit/XVI K. Mas. Era. ICXXX.III", ("Apiadádevos do servo de Deus Ordoño, abade, que faleceu o 16 de abril do ano 1095"). Non se volveu saber do seu paradoiro. No 1206 Afonso IX concédelle carta de couto. No 1303 o seu superior é un prior que dependía de San Martiño Pinario. A finais do século XIV está sen comunidade, aparecendo o abade de Pinario aforando os bens de Couselo. 
Mosteiro de San Xiao de Caldas de Cuntis: Citado nunha doazón de dona Urraca ao bispo Xelmírez no ano 1116, onde di que era de propiedade real. Non se volven ter noticias del ata o século XVIII, onde nun documento estudado por Filgueira Valverde dise  que do antigo templo só se conservaban os nichos dalgunhas sepulturas e que pasou a formar parte da orde do Temple. Na actualidade só se conservan algunhas pedras que serven de entrada dun carreiro que hai no centro urbano de Cuntis e que levan o nome de Portelo e Camiño de San Xoán, forma deturpada do seu antigo nome San Xiao ou San Xulián.
(A información sobre a existencia dos mosteiros de Santa María de Termis e de San Xiao de Caldas de Cuntis, ademais das fotos, débollas a Isaac González García). 
 

 

 

DOZÓN
San Pedro de Vilanova: Monxas bieitas. Séculos XII-XIII. Consérvase a igrexa románica que pertenceu a un mosteiro de monxas bieitas, fundado por dona Guntrode Suárez, viúva de Paio Martínez, no ano 1154, tal como figura tanto no pergameo como na inscrición en pedra que se conserva no templo. Ata o 1499, en que a comunidade ingresou en San Paio de Antealtares, dependía de Oseira. Abadesas e monxas pertenceron ás máis importantes familias da bisbarra, coma os Rodeiro e os Ulloa. Durante a Baixa Idade Media mantivo preitos co Concello pola posesión do seu señorío. A finais do século XV a súa abadesa, Isabel de Ulloa, tamén o era de Ansemil. No ano 1498, a abadesa foi convocada por frei Rodrigo de Valencia, enviado dende San Bieito de Valladolid, para comunicarlle a absorción do cenobio, non comparecendo a abadesa polo que foi declarada rebelde. Á súa morte, na primeira metade do 1499, a Observancia fíxose co mosteiro que foi entregado a frei Rodrigo pola prioresa de Vilanova, Eldara López. De todos os xeitos, a súas rendas foron a parar a don Suero de Oca, arcebispo de Tarso e abade de Oseira para que renunciase aos seus dereitos para acceder ao abadengo de Santo Estevo de Ribas do Sil. Á morte deste, o patrimonio do mosteiro pasou ás bieitas de Antealtares. O fermoso templo, construído no primeiro terzo do século XIII, ten nave rectangular, dividida en tres tramos, que remata nunha ábsida semicircular. Na fachada occidental, con espadana de dous vans, salienta a porta con arco apuntado e arquivoltas que se apoian en capiteis decorados con motivos vexetais e dúas columnas de fuste monolítico. No tímpano pódese ver unha cruz patada sobre un disco. A setentrional consta de dous panos e un corpo resaltado no que se abre unha porta. A cornixa está decorada por arquiños de medio punto sobre canzorros.

A ESTRADA 
Mosteiro de San Miguel de Barcala: Antonio López Ferreiro, na súa Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela (1899), relata as andanzas de Sisnando Galiárez, un bandoleiro de orixe nobre que xunto cos seus irmáns atemorizou o Val do Ulla, cometendo gran número de tropelías. Nun documento do 23 de agosto do 1032, Vermudo III fai doazón á igrexa de Santiago e ao seu bispo Vistruario de todos os bens confiscados a Sisnando. Neste documento menciónanse os monasterium saqueados polo bandoleiro, entre outros do de Sanctus Michaelis de Barcala.   
Mosteiro de San Xurxo de Codeseda: Tamén chamado de Augas Santas. Foi fundación altomedieval, quedando baleiro nalgún momento xa que no 1124 foi cedido por Afonso VII a Munio Pérez. Este e a súa muller Maior Eáns doáronno ás monxas bieitas dependentes da igrexa compostelá; sería unha das súas fillas, Urraca a primeira abadesa segundo consta no ano 1170. Foi un dos cenobios que recibiu a reforma do arcebispo Lope de Mendoza na diócese de Santiago. Foi suprimido no ano 1410 e os seu bens pasaron á catedral compostelá. Do templo só se conservá unha ábsida pentagonal dividida en cinco tramos con columnas, seteiras e tímpano axedrezado.
Ermida de Castrotión (Oca): En Castrotión, no entorno dun primitivo círculo lítico, había unha capela (permaneceu en pé ata principios do século XX) que, segundo o cardenal del Hoyo, no ano 1607, chamaban de Nosa Señora de Quiñons ou de Castro. Hai autores que cren que no lugar ou nas proximidades puido existir un mosteiro fundado no século VII por Theodiselo, un discípulo de San Froitoso de Braga, nun lugar chamado Castrumm Leonis. Hipólito de Sá Bravo identifica o lugar con Castrove, ao sur do val do Salnés, a partires de transcricións antigas como Castropheon ou Castroveon. A capela, cuxas ruínas vemos na actualidade, foi mandada erixir no mes de novembro do 1589 por Bertomeu Reimóndez Figueroa e Castro, veciño de Santiago, quen a dotou cos lugares de Outeiro e Moimenta de Arriba, ademais doutros bens. O solar foi escavado nos anos oitenta do pasado século XX, accedendo os arqueólogos á lauda sepulcral do fundador e quizais da súa muller.


FORCAREI
Mosteiro de Santa María de Aciveiro: Císter. Século XII. O mosteiro foi fundado no ano 1135 por monxes bieitos tal como sinala unha inscrición que se conserva nun dos muros, hoxe mutilada e que foi copiada en época moderna onde se dicía tamén que nese ano chegaran alí doce monxes, reunindo máis adiante ata cento seis que vivían baixo a regra do San Bieito. Noutra inscrición que tamén hai no templo aparece o ano 117o que se ten interpretado como o da súa consagración e como a entrada no Císter. A primeira mención documental data do 1154. No ano 1519, por decreto promulgado polo papa Xulio II no 1505, queda integrado na Congregación de Castela, perdendo a condición de abadía e converténdose en priorado. Malia o anterior, F. J. Pérez Rodríguez (2008) recolle que no ano 1375, nun pagamento que se fai no bispado de Ourense, Aciveiro figura xunto ás casas bieitas e non entre as cistercienses, e no 1403, no rótulo dado por Benedito XIII para favorecer os estudantes da Universidade de Salamanca, concédese a Vasco Lourenzo, presbítero da arquidiocese compostelá, a espectativa dun beneficio que debe ser colación do mosteiro de Santa María de Aciveiro, ordini Sancti Benedicti. Aciveiro entraría no Císter no século XV. Tiña os seus dominios na Terra de Montes, Tabeirós, Deza e Ribeiro de Avia, ademais de catro granxas afastadas, unha en Petín e tres fóra de Galicia, en Mayorga, Urrones e Gordoncillo.  Santa María de Aciveiro foi visitada polos membros da Congregación de Castela no ano 1493, estando á súa fronte frei Álvaro de Colmeiro. O cenobio foi suprimido no 1505, as rendas producidas polo seu patrimonio foron destinadas a sufragar os gastos do colexio que a congregación estaba a facer en Salamanca, o que non supuxo a desaparición da comunidade xa que consta que no 1534 vivían alí catro monxes e o prior. As perdas documentais sobre este mosteiro foron enormes debido a un grande incendio no ano 1649. Despois da exclaustración dos monxes no 1835, o edificio románico sufriu de novo varios incendios e reconstrucións polo que só queda unha parte dos edificios conventuais erixidios a partir do s. XVI. O cenobio, acaroado á igrexa, é irregular. Ao redor dos claustros abríanse as dependencias dos monxes. Restaurado parcialmente, na actualidade está destinado a hotel. A igrexa é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas, poligonal a central e semicirculares as laterais. A bóvéda da capela maior é gótica do s. XVI. Na fachada norte, modificada no século XVIII, salienta a portada románica do s. XII cunha arquivolta con rosetas. A porta sur é oxival pola que se accede á sancristía do s. XIII. Na fachada occidental destaca a portada neoclásica cun frontón coroado por unha imaxe da Virxe. No interior consérvase un retábulo barroco, atribuído a Miguel de Romai, con dous corpos superpostos divididos en treitos por columnas.

FORNELOS DE MONTES
San Paio (Castro): Templarios, século XII.

GONDOMAR

Santa Olaia de Donas (Donas): Monxas bieitas. Fundado no 1149 por Aurea Bellide mediante unha doazón de Afonso VII. Pouco se sabe sobre este cenobio, agás que as monxas habitáronno durante os séculos XIII e XIV. A mediados do século XV xa debía de estar baleiro. No 1474 estaba en poder do cabido de Tui e no 1482 tíñao o bispo Diego de Muros que o entregaba aos seus coengos. A igrexa conserva a portada románica. 
 

A GUARDA
Convento de San Bieito: Monxas bieitas. Convertido en hotel, as monxas trasladáronse a Trasmañó, en Redondela. 

LALÍN
Mosteiro de San Martiño de Lalín: O investigador e párroco de Lalín entre o 1905 e o 1914 redescubriu este cenobio dúplice sometido á regra bieita, esquecido dende a segunda metade do século XVIII. No ano 1763, o P. Rodríguez dá noticia nuns pergameos do Arquivo da Catedral de Lugo da fundación e dotación feita por Adosinda Gudesteiz, descendente dos condes de Deza e de Lugo. Sábese que aínda existía no ano 1239, mais no século XV xa desaparecera, pasando as terras a mans do mosteiro de Oseira. Na actualidade non quedan restos, e a igrexa non é a primitiva senón outra que se construíu no mesmo lugar, reaproveitando os materiais da antiga. Debaixo dunha ventá ten unha inscrición que, traducida por Ramón Aller, di: "Era de 1485. Cara o 980 fundou o mosteiro de San Martín de Lalín o bispo don Arias Peláez, segundo testamento da súa sobriña dona Adosinda, datado no 1019". A igrexa mantívose como parroquial ata o ano 1893 en que foi substituída pola actual de Nosa Señora das Dores. 
Mosteiro de Moneixas: Santo Adrao de Moneixas é unha parroquia de Lalín. Don Elías Valiña, no Catálogo de los Archivos parroquiales de Lugo (1972) di que segundo a tradición foi un mosteiro de monxas, de aí a denominación de Moneixas, e que noutro lugar estaban as aspirantes ou novicias, Moneixiñas. Segundo esta hipótese, sinala Ares Vázquez, o nome de Moneixas sería unha acomodación do greco-latino tardío monachicas que se pode traducir por monacais. No Libro de Confirmados, que se formou por mandato do bispo Juan Sáenz de Buruaga (1707-1777), e sendo cura Pablo de Verea y Aguiar, no ano 1763, dise: "No ano 1773 fabricouse na igrexa de Moneixas a capela de Santa Lucía... de cuxo sitio no ano 1737 atopei un colateral de pedra, e a adega, e no sitio que fora un antigo sepulcro, atopouse unha lápida pequena, cuns caracteres romanos, que indican ser da Era de cento trinta e nove...". O devandito cura tamén amosa interese por demostrar a antigüidade de Moneixas no Libro de Fábrica. O escrito tamén cita unha "cripta" que non se sabe onde está. A igrexa, de orixe románica, conserva elementos da época no arco de acceso á capela maior coas súas columnas e capiteis. No século XVIII foi reformada nas súas capelas retábulo e sancristía. E no 1960 foi desfigurada completamente coa construción da capela adicada á Terceira Orde Carmelitana. Luis López Barredo, párroco de Moneixas, di que a casa reitoral foi mosteiro no século XV, habitado por monxas Clarisas. O couto de dito cenobio chegou a contar cunha extensión de 250 ferrados. En Xaneiro de 2015, o sancristán díxome que o mosteiro tiña un pasadizo por onde accedían as monxas á igrexa. Cando a Revolta Irmandiña as monxas abandonaron o mosteiro e viñeron a ocupalo uns relixiosos.


A LAMA
Priorado de Santa Ana da Barcia do Seixo: Dependía de Armenteira. 

MARÍN
Mosteiro de Santo Tomé de Piñeiro: Pouco se sabe sobre o seu emprazamento, crese que a igrexa, románica do século XIII, foi levantada sobre os seus restos. Unha bula do papa Atanasio IV certifica a súa existencia no ano 1154.

MEIS
Mosteiro de Santa María de Armenteira: Monxas cistercienses. A fundación atribúese a Don Ero (de soada lenda do paxariño), un cabaleiro da corte do rei galego Afonso VII, tal como nos relata a lenda transcrita no ano 1654 por frei Basilio Duarte. Aínda que o primeiro documento data do ano 1151, parece ser que o cenobio xa existía na Alta Idade Media. No 1162 pasa ao Císter, se ben a primeira noticia segura é do 1190, cando o Cabido Xeral condenaba ao abade de Armenteira por non ter acodido a el, confirmando que o cenobio tiña que levar varios anos pertencendo aos bernardos. No 1171 o mosteiro pasa, coa terra do Salnés, a formar parte da Terra de Santiago ao serlle concedido o castelo de Lobeira por Fernando II á Igrexa compostelá. No 1380, o mosteiro denunciou ante o tribunal de Medina do Campo aos irmáns Alvar Páez e Diego Álvarez de Soutomaior, familia que continuará protagonizando os conflitos na bisbarra tamén no século seguinte. A entrada na Observancia de Armenteira non se produce ata ben entrado o século XVI pola reticencida do seu abade frei Gonzalo de Saavedra. A Congregación de Castela asinou con ela avinza no 1523, e a confirmación papal é do 1536. No ano 1523 incorpórase á Congregación de Castela. Logo da exclaustración e desamortización veu a decadencia. No ano 1961, Carlos Valle-Inclán, fillo do famoso escritor galego, funda a asociación Amigos de Armenteira, iniciándose o labor de reconstrución. No ano 1989, un grupo de monxas chegadas de Alloz, en Navarra, restauran a vida cenobítica. O edificio monacal é de estilo renacentista e barroco. O claustro, con elementos renacentistas e neoclásicos é de planta cadrada con seis arcos de cada lado. A igrexa é da segunda metade do século XII. Ten planta basilical con tres naves de catro tramos rematada en tres ábsidas semicirculares. A central cóbrese con bóveda de canón apuntada, sostida por arcos feixóns, e as laterais con bóveda de aresta. A fachada principal conserva a face románica, con contrafortes dobres. A portada, abucinada, con arquivoltas semicirculares apoiadas en seis pares de columnas e coroada por un gran rosetón calado. As monxas manteñen unha hospedaría.
Mosteiro de Santa María de Nogueira: Coñecida hoxe en día como a Capela de Mosteiro, século XII. Existen varias teorías canto a súa pertenza. Uns din que foi propiedade dos bieitos, pasando aos Hospitalarios de San Xoán no século XVI. Para outros pertencería ao mosteiro de Carboeiro e logo aos sanxoanistas. Unha terceira conxectura apunta a que puideron existir dous mosteiros, o de San Lourenzo de Nogueira, de Carboeiro, e o de Santa María, primeiro templario e despois hospitalario. Para F. Javier Pérez Rodríguez foi da Orde do Santo Sepulcro. Para este autor aparece por primeira vez no 1128, estando xa nese ano en mans do Santo Sepulcro de Xerusalén. No 1131 o patriarca de Xerusalén e o seu cabido escribíanlle ao arcebispo Xelmírez para lle recomendaren ao seu coengo Aimerico e para que lle dese a posesión da igrexa de Nogueira con todas as súas dependenzas e as esmolas que nos dan no voso territorio. A súa vida como mosteiro está testemuñada ao longo do séculoXII, amplamente citado nos privilexios confirmatorios pontificios concedidos a esta sé. Nogueira estaba baleiro no 1391, ano no que os coengos do Santo Sepulcro do convento de Toro -a súa casa principal no occidente da Península- aforaba a Álvaro Páez de Soutomaior e á súa muller dona Maior, o couto de Nogueira.
 

NIGRÁN
Priorado de San Xoán de Panxón: Dependía de Oia. 

OIA
Mosteiro de Santa María de Oia: Císter, século XII. Disque a fundación veu da man de Martiño de Dumio no ano 569, aínda que o primeiro documento coñecido data do 1137 cando o rei de Galiza, Afonso VII, dona a ermida de San Cosme aos beneditinos. No 1187 pasa á orde do Císter que levantan a igrexa e o cenobio á beira do mar. Acada o máximo esplendor nos séculos XII e XIII. No s. XV, a outrora poderosa comunidade ten que enfrontar unha imparable decadencia que non se detería ata a súa incorporación á Congregación de Castela en que o arruinado cenobio é reconstruído e ampliado, obras que se estenderán ata o s. XVIII. Do 1624 é unha historia que narra a odisea dunhas naves cristiás, perseguidas por piratas turcos, que conseguen fuxir grazas á intervención dun canón accionado polos monxes. Durante a invasión francesa tampouco se librou da rapina dos soldados napoleónicos. Coa desamortización de Mendizábal, a comunidade abandona o cenobio que pasa a mans particulares. No 1910 o propietario alúgallo aos xesuítas portugueses que o ocupan ata o 1932 en que a Compañía de Xesús é expulsada de España. Durante a Guerra Civil utilizáronno os fascistas como campo de concentración e tortura, chegando a acoller a máis de 3.000 prisioeiros. Ao remate da guerra é devolto ao propietario anterior que o pon en venda. No devir dos anos ten pasado por distintos propietarios o que non ten evitado o estado ruinoso no que se atopa. A Xunta de Galicia e o Banco Pastor teñen un proxecto para construír nel un hotel de luxo, un xeito de desposuír ao gran público do acceso ao noso patrimonio, proxecto, por certo, que leva anos parado. A igrexa, de fins do século XII, é de planta de cruz latina con tres naves separadas por piares. A primitiva fachada foi substituída pola actual, barroca do 1720. No interior ábrense cinco capelas rectangulares. Bóvedas de canón no cruceiro e nas ábsidas da cabeceira, o coro está cuberto con bóveda de estrela. No interior conserva un retábulo no altar maior vencellado á aparición, no 1581, de Nosa Señora do Mar, unha venerada imaxe atopada atada a unha cadea á beira do mar, cuxo orixinal se atopa no convento cisterciense do Xesús de Salamanca; a de Oia é unha reprodución. No último terzo do século XVI construíuse o claustro, o refectorio e a sala capitular. A principios do mes de abril do ano 2013, Lorena González descubriu a primeira lápida sepulcral dun abade que funciona como lintel dun galpón próximo ao mosteiro. Francisco Javier Goberna, da Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, constatou que a identificación do báculo abacial non deixa lugar a dúbidas.

 

POIO
Mosteiro de San Xoán de Poio: Bieitos-mercedarios, séculos VII-X. A fundación do mosteiro atribúese a Froitoso de Braga no século VII, se ben hai quen cre que en realidade foi un dos seus discípulos que atendía polo nome de Teodosio. O primeiro documento que se conserva data do 942. Os privilexios e doazóns realizados ao longo dos séculos XII e XIII dótanno dun enorme poder e riqueza. No ano 1548 o emperador Carlos V autorizou aos monxes a inauguración dun Colexio Maior de Teoloxía, contando como mestre a unha das mentes máis espelidas de Galiza, a do Padre Feixóo. Coa desamortización os bieitos abandonan o cenobio. A finais do século XIX instálanse no edificio os mercedarios que emprenden a reconstrución e restauracción das dependencias. Dende a súa chegada, os monxes da orde da Mercé conseguiron manter a actividade cultural coa organización de xornadas e congresos, e a creación da afamada Escola de Canteiros, sen esquecer a conservación e ampliación da Biblioteca que acolle máis de 100.000 exemplares. O mosteiro ten dous claustros, o do Cruceiro, barroco, e o das Procesións, renacentista, cunha fonte barroca cuxa auga vén dende o monte Castrove (a uns 2 km de distancia) a través dunha tubería de pedra. A carón do mosteiro érguese un hórreo, que compite co de Carnota canto a súa grandiosidade, con dezasete fileiras de tres patas cada unha. A fachada da igrexa é barroca, dividida por columnas dobres, con esculturas de San Xoán, Santo André e Santiago. Dúas torres barrocas álzanse sobre o frontón. Conta con museo e cunha hospedaría situada nun edificio anexo.
Illa de Tambo: No século VI Martiño de Dumio funda unha ermida que San Froitoso de Braga transformaría en mosteiro vencellado a San Xoán de Poio. Logo pasaría a priorado posto baixo o padroado de Santa María de Graza cuxa imaxe foi guindada ao mar polo pirata Drake despois de asolar o cenobio no ano 1589. A imaxe foi rescatada por mariñeiros de Combarro quen a agocharon entre as redes, construíndo un santuario no lugar da Renda onde se lle segue a render culto. Cando no ano Cando no ano 1745 o visitou Fr. Martín Samiento, subsistían as paredes da igrexa, do claustro e de habitacións, hortas, viñas, prados, etc. 
Priorado de San Gregorio de Raxó: Dependía de Armenteira.


PONTEAREAS
Mosteiro de San Pedro de Angoares: Bieitos. Os primeiros datos sobre este mosteiro datan dunha doazón do ano 1299. No 1435, o papa Uxío IV autoriza á Igrexa de Tui a súa anexión, manténdose aínda independente ata o 1482, documentándose o seu derradeiro abade no 1490. Consérvase a igrexa de finais do século XII. Ten planta de cruz latina coa particularidade de que remata nunha cabeceira con ábsida cuadrangular o que fai pensar nunha influencia visigótica. Tamén resultan curiosos os canzorros que adornan a cornixa, con figuras de homes e monos en actitude pensativa e cabezas de animais. No interior salienta un capitel con sete personaxes realizados toscamente.
Convento de San Diego de Canedo: Franciscáns. É no século XVIII cando os franciscáns acondicionan o pazo de Canedo, do s. XV, doado polos condes de Salvaterra, para utilizalo como convento. Do primitivo edificio aproveitaron, ademais das pedras e dalgunha parede, a porta principal, do século XVI, pola que se accede aos apousentos dos frades, e os escudos que adornan os muros pertencentes aos antigos propietarios. A igrexa conventual, do 1777, é de planta de cruz latina con lanterna montada sobre pechinas. Expulsados os freires no 1835, o edificio véndese en poxa pública. No ano 1895, os franciscáns mércanllo ao seu propietario, don Severo Pesqueiras, iniciando a súa reconstrución que rematan no 1897.
Mosteiro de Santa Locaia (A Encostada-Guillade): Mosteiro documentado no ano 963. Logo pasou a depender de Melón do que foi priorado ata a exclaustración.


PONTEVEDRA
Mosteiro de San Salvador de Lérez: Bieitos, séculos IX-XVI. Será o abade Guntado quen, supostamente, reciba do rei de Galiza, Ordoño II (910-914), o couto para fundar un mosteiro. No 1169 a Igrexa de Santiago recibía de Fernando II o castelo de Cedofeita e a súa terra, na que ía a iurisdictione et reverentia monasteri Sancti Ihoannis de Podio et monasterii Sancti Salvatoris de Lerze, o que marca o paso de Lérez á propiedade da Mitra compostelá. O mosteiro posuirá intereses na vila de Pontevedra. Os observantes de Valladolid renunciaron á abadíano 1540 a cambio dunha renda vitalicia, mais á morte do derradeiro abade, frei Xácome de Lérez, a congregación de San Benito de Valladolid volve á carga, facéndose co derradeiro mosteiro bieito de Galicia. A igrexa mosteiral que podemos ver na actualidade é neoclásica con fachada barroca do século XVIII, coa imaxe pétrea de San Bieito inserida nunha fornela. Apegado ao muro do templo consérvase unha á do claustro do s. XVI con signos lapidarios e inscricións pertencentes á antiga construción románica. É tradición pasar de xeonllos por debaixo do altar de San Bieito. No s. XVI créase un Colexio de Humanidades e Filosofía onde destacaron como mestres o Padre Feixoo e Frei Martiño Sarmiento. No Arquivo Histórico Nacional de Madrid consérvase un documento, escrito enteiramente en galego, datado o 17 de abril de 1237.
Convento de San Francisco (Pontevedra): Franciscáns, séculos XIII-XV. A tradición apón a fundación ao propio San Francisco de Asís cando peregrinou á tumba do Apóstolo Santiago no ano 1274. O convento, que forma un ángulo recto coa igrexa, acolle as dependencias da Delegación de Facenda. O claustro gótico foi substituído cando a ampliación do convento no século XVIII. A igrexa, construída entre finais do s. XII e principios do XIII, presenta planta de cruz latina cunha nave rematada por tres ábsidas poligonais, a central máis grande ca as laterais e cubertas con bóveda de crucería. A parte máis antiga é a portada con arco apuntado e arquivoltas (outrora cuberta cun pórtico) sobre a que destaca un enorme rosetón. No interior salientan os sepulcros medievais, entre outros o do trobador Paio Gómez Charino, pinturas murais dos séculos XVI e XVIII e unha talla do Nazareno do s. XIX.
Convento de San Domingos (Pontevedra): Predicadores, século XIII, ruínas. Os predicadores chegaron a Pontevedra a finais do século XII. A principios do s. XIII encomezaron a construción do templo gótico. No XVIII tentaron reconstruílo pero a obra ficou inacabada, como tamén quedou sen concluír a derrubada ábsida gótica da primeira igrexa. Na actualidade só se conserva a cabeceira, con cinco ábsidas poligonais con bóvedas nervadas sobre columnas, e un muro lateral cunha pequena porta sobre a que se abre un gran rosetón. Dende o 1927 acolle a Sección de Arqueoloxía do Museo de Pontevedra.
Convento de Santa Clara (Pontevedra): Clarisas. A data de fundación do convento foi no ano 1271, sendo a súa primeira abadesa sor Leonor Rodríguez. A igrexa dunha soa nave é de estilo gótico, s. XIV, con reformas posteriores. Salienta a ábsida poligonal, máis alta ca a nave. No muro norte ábrense dúas portas con arquivoltas apuntadas, e no muro sur unhas fiestras oxivais. No ano 1730 fíxose o retábulo do altar maior, de estilo churrigueresco, coa sepultura xacente e as reliquias de San Vicenzo debaixo do altar. Por mor da invasión da cidade polos ingleses, as monxas tiveron que fuxir para Santiago no ano 1730. O mesmo aconteceu no 1804 cando as tropas napoleónicas arrasaron o convento. Sufriron outro traslado para Tui no ano 1868, regresando sete anos despois, permanecendo alí ata a actualidade pechadas na clausura.



O PORRIÑO
Mosteiro de San Salvador de Budiño ou Budanense (O Mosteiro-Budiño): En terras de Coronato ou Cornado. Nuno Budanense, co seu irmán Froilán, o seu tío materno Diego Dulcitii, e outros parentes fixo cesión deste mosteiro altomedieval á Igrexa de Santiago, coa condición que se algún da descendencia dos doantes chegase a recibir Ordes sagradas, puidese posuír o mosteiro en dita forma. Diego Xelmírez recolleu todos os documentos referentes ao mosteiro e á súa facenda, e depositounos no Tesouro da Igrexa de Santiago (Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, de López Ferreiro). A orixe estivo nun mosteiro familiar con trazos herdados dos cenobios visigóticos. No século XII pertencía a Gómez Núñez, conde de Toroño, que co seu irmán Fernando llo cedeu a Cluny no ano 1126. Ferrando II ponno baixo a súa protección fronte aos usurpadores dos seus bens. O bispo de Tui pretendeuse facer co cenobio no 1292, o que conseguiu no 1314 coa condición de que mantivera nel o prior e dous monxes. Dúas décadas máis tarde liberáronse da tutela de Tui pero vivindo en medo constante polas accións que puideran chegar dende a catedral, como manifestan os visitadores da congregación no ano 1335 ao contar ao Cabido Xeral que "predicta domus est posita in terra ubi non habitnt homines sed demones" ("A dita casa é en terra onde non viven homes, senón demos"). A casa foi asaltada polos arcediagos de Tui de Alabruxa e Miñor. O asedio e logo a peste deixaron baleiro Budiño no ano 1348. No 1392, os visitadores atoparon un prior do que din "simplex est et idiota". Logo da supresión do mosteiro cluniacense no ano 1436 (as súas contas agregáronse á Mesa Capitular de Tui), foi derruído. Da antiga igrexa románica só se conserva, case intacta, a sancristía; o resto sufriu varias reconstrucións ao longo do tempo debido, entre outras causas, a un raio que no 1752 destruíu gran parte do edificio, ou ao debastador incendio acontecido no século XX.
Mosteiro de San Miguel de Cans: Císter, ano 1151. Consérvanse documentos que fan mención as doazóns realizadas por Afonso VII ao mosteiro de San Miguel que se erguería na coñecida como "Casa dos Curas". No 1156 o abade asinou unha avinza co de Melón que supoñía a extinción do seu cenobio e o paso ao Císter á súa morte. Mais cando morreu, aos monxes de Cans non lles agradou o decidido polo seu abade e Melón tivo que asinar con eles un novo acordo no 1165 que establecía a conversión de Cans nunha graxa de Melón, condición que aínda tiña no século XV. No 1516 Melón cambiouno ao bispo de Tui. A igrexa é do século XVIII.

PORTAS
Mosteiro de San Cristovo de Briallos: Nun principio dependeu de San Paio de Antealtares, anexionado logo como priorado a San Martiño Pinario, en Santiago. Foi reconstruído no século XVIII. Frei Martín Sarmiento, na súa viaxe a Galiza no ano 1745, cita o priorado de Barosa, na mesma parroquia de Briallos.
Mosteiro de Lantaño: Bieitos. A fundación débese, probablemente, á familia do conde don Gonzalo. Está documentado un preito do ano 960 no que intervén o bispo Sisnando que remata coa repartición dunhas salinas nuns terreos usurpados a Dona Aragonta e ao conde Don Paio. Pasou a depender de Armenteira a mediados do século XII. Os documentos falan dos viños que cultivaban os monxes. Ao parecer emprazábase no lugar do Rial. 
 

REDONDELA
Convento de San Antonio de Agrelo: Franciscáns. Desruído polas tropas napoleónicas o día 14 de abril de 1809.
Convento de Vilavella: Ano 1551. No ano 1574 estableceuse nel a orde de clausura de San Lourenzo Xustiniano tomando o nome de Nosa Señora da Purificación. Na actualidade funciona como restaurante.
Illa de San Simón: Ao parecer, no ano 1517 existía un mosteiro pertencente á orde dos Pascualinos. 
Priorado de San Amaro de Rande: Dependía de Armenteira.
 

RIBADUMIA
Mosteiro de Santo André de Barrantes: A igrexa, con ábsida semicilíndrica por dentro e rectangular por fóra, pertencen a un desaparecido mosteiro bieito fundado no ano 1138 polo bispado de Tui. 

RODEIRO
Mosteiro de Pedroso (Negrelos): Romaní Martínez, na súa obra Colección diplomática del monasterio cisterciense de Santa María de Oseira (1989-2003), cita un documento do ano 1235 en que Rodericus Fernandi de Camba manda no seu testamento: "monasterium Ursarie habeat medictatem unius casali in Petroso".  

O ROSAL
Convento das Carmelitas Descalzas: En uso. 
Priorado de Santa Mariña do Rosal: Dependía de Oia. 

SALCEDA DE CASELAS
Mosteiro de Santa María de Salceda: Despois de ser repudiada polo rei Ordoño II, Aragonta construíu no ano 922 un mosteiro no lugar de Saliceta (Salceda), a unhas dúas leguas de Tui. Reuniu monxas, fixo consagrar a igrexa e dotou a casa. Despois da morte de Aragonta, a súa nai Teresa Eriz puxo o cenobio, que pertencía á orde bieita e era dúplice, baixo a custodia de Ramiro II e retirouse a vivir nel. A Historia Compostelana recolle que grazas á intermediación do bispo Sisnando, Aragonta e o seu irmán Pelaio conseguen parte do proveito das salinas na comarca do Salnés para que o seu beneficio se destinase ao mosteiro. Perdeu o título de mosteiro no 1215, cando Afonso IX o entregou ao bispado de Tui. A igrexa actual foi reedificada no ano 1768 sobre a fábrica dun antigo templo e o mosteiro. Salienta a porta norte, coñecida como a Porta da Raíña. No interior hai unha inscrición funeraria do ano 943 co seguinte texto: "in hoc tvmvlo requiescit famvlvs dei Hermenegildus qui obiit die quinta feira nonas novembris era DCCCCLXXXI fratres et sorores ortate pro nos", ("Neste sártego xace o servo de Deus Hermenexildo que faleceu o día 2 de novembro do 943. Irmáns e irmás pregade por nós").
 

SALVATERRA DE MIÑO
Convento dos Franciscanos: Os franciscáns fundan un convento na praza forte de Salvaterra no ano 1603 por doazón realizada por Diego Sarmiento de Soutomaior. Por causa da guerra con Portugal, é destruído no ano 1642, as súas pedras foron utilizadas para levantar as murallas. 
 

SANXENXO
Priorado de San Amaro de Arra: Dependía de Armenteira. 

SILLEDA
Mosteiro de San Pedro de Ansemil: O cenobio dúplice xa existía no ano 1087. Entre os séculos XIII e XVI estivo habitado por monxas bieitas. A finais do século XV estaba en total decadencia, sendo a súa abadesa Isabel de Ulloa, que tamén o era de San Pedro de Vilanova de Dozón. Á morte de Isabel foi incorporado a San Paio de Antealtares. Consérvase a igrexa, edificada entre os séculos IX e X. Ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas separadas por arcos forneiros semicirculares dispostos sobre dúas columnas. A nave principal ten un arco triunfal peraltado sobre columnas e cuberta con bóveda de canón semicircular. A portada principal é de dobre arquivola tórica sobre columnas, con lintel con catro raias horizontais e perpiaños no tímpano. Os capiteis están profusamente decorados, e no aleiro destacan os canzorros. Acaroada á igrexa atópase a capela dos Deza do s. XIV, chamada así polo sepulcro que se conserva do cabaleiro Diego Gómez de Deza, do ano 1341. Sobre a porta principal está a imaxe da Virxe do Leite, nome que lle vén polo xeito de dar o peito ao Neno.
Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro: Bieitos, ano 936, se ben algúns investigadores sitúan a fundación no 968, data que se opón a unha escritura de dotación referida polo P. Yepes, e tamén nun documento do que se conserva o orixinal e que figura nos Fondos do antigo mosteiro de San Martiño Pinario, que di que un Buguto doa a Félix, abade de Carboeiro, unhas viñas en Xuvencos; este Félix é o mesmo na carta de fundación de citado Yepes. No lugar onde se levantou o mosteiro existía unha ermida, adicada a San Lourenzo, onde moraba o ermitán Egica, dono dunhas terras destinadas á cría do gando. Mercadas polos condes de Deza, Gonzalo e Tareixa, fundan un mosteiro que acolle aos ermitáns e monxes da bisbarra. Destruído por Almanzor no 996, é consagrado por San Pedro Mezonzo trala reconstrución do ano 999. No século XII o arcebispo de Santiago reclamou ao papa o padroado de San Lourenzo, petición que lle foi recoñecida como figura nun documento do ano 1199 da Igrexa compostelá dado por Inocencio III. O seu derradeiro abade foi frei Manuel Sánchez que figura á fronte del no 1496. A súa influencia rematou cando foi suprimido e anexionado como priorado a San Martiño Pinario no 1500. Coa desamortización tamén chegou a ruína. Os escasos restos do cenobio que se conservan sitúanse no lado norte da igrexa. O templo, do románico galego, foi proxectada polo abade Fernando no 1171, tal como reza unha inscrición que se conserva no interior. É de planta de cruz latina con tres naves de tres tramos no brazo maior e outra nave que forma o cruceiro, cara o que se abren dúas capelas semicirculares. A cabeceira dá acceso, mediante arcos de ferradura, ás entradas das capelas. Na fachada salienta unha portada formada por catro arquivoltas sobre columnas circulares. Nunha das arquivoltas sobresaen os vinte e catro anciáns da Apocalípse cos seus instrumentos musicais, e no tímpano a figura do Salvador, obra dun discípulo do Mestre Mateo coñecido como o Mestre de Carboeiro. Na súa Guía de Galicia, Otero Pedrayo dálle tamén o nome de Gargueiro; nun diploma polo que Vermudo II restaura o mosteiro no ano 999 chámalle Algalí ao lugar onde se edificara; un documento do 1075, e noutros do século XII dise Retorta, posible alusión ao semicírculo e península que forma alí o río Deza. Nos documentos latinos do cenobio noméase como Carbonario, que foi o que prevaleceu. Nos documentos en Galego figura como Carboeiro e Carbueiro. Escribe García Conde (1957): "Los pedantes de Galicia y los ignorantes de fuera de Galicia le llamaron Carbero y Carbuero".


TOMIÑO
Mosteiro de San Vicenzo de Barrantes (Barrantes): Bieitos. Desaparecido. Consérvase a igrexa que, segundo unha inscrición existente nun muro, estaría rematada no ano 1139. Foi fundación de varios herdeiros, entre ouotros Paio Méndez, bispo de Tui, e o seu irmán Suero. Foi suprimido no 1435 por bula do papa a petición do cabido catedralicio de Tui, se ben hai constancia de que a comunidade de Barrantes aínda existía anos despois, desaparecendo definitivamente no ano 1482, sendo bispo de Tui Diego de Muros. Da antiga construción románica do templo só pervive a ábsida e os muros laterais. A ábsida é semicircular no interior e de dous corpos escalonados no exterior. Na fachada pódense ver varios motivos románicos no aleiro con esculturas de canzorros decoradas con motivos vexetais, zoomorfos e antropomorfos. O arco triunfal é de medio punto disposto sobre columnas con capiteis con motivos vexetais. Unha gravura na fachada principal co "José Antonio Primo de Rivera" e unha cruz con "Caidos por la Patria, presentes" lembra ao réxime fascista que asolou Galicia e España durante corenta anos. O día 12 de setembro de 2014 envieille un correo ao Concello para que inicie o procedemento para reparar semellante tropelía. 
Mosteiro do Hospital ou de Santa María de Tomiño (O Hospital-Tomiño): Consérvase a igrexa mosteiral de monxas bieitas, posiblemente familiar, cuxas primeiras noticias documentais data do ano 1149. No ano 1199 Urraca Fernández de Traba faille unha doazón. A mediados do século XV vivían nel dúas monxas, abadesa e prioresa, sendo a primeira a un tempo abadesa de Santa Baia das Donas. Deixou de ser mosteiro entre os anos 1453 e 1474 en que os seus bens pasaron á diócese de Tui, suprimíndose o cenobio por orde do bispo Diego de Muros II. Como no caso anterior, na fachada principal da igrexa fachendea aínda a simboloxía fascista. 
Priorado de San Lourenzo de Goián: Dependía de Oia.
 

 

TUI

Mosteiro de San Miguel de Pexegueiro (Pexegueiro): Bieitos. Nada queda das antigas dependencias monacais. Consérvase a igrexa románica do s. XII. A portada occidental presenta tres arquivoltas semicirculares con xambas e columnas de fustes monolíticas con capiteis decorados. O tímpano está ornamentado con dous leóns enfrontados e dúas aves que se interpoñen na loita. A portada norte presenta capiteis decorados con motivos vexetais. A portada sur ten arquivoltas con botóns e tímpano sobre mochetas que reproducen cabezas de bóvidos. No interior conserva cinco interesantes retábulos, tres barrocos do século XVIII: o da Virxe das Dores, o da Virxe do Carme e o do Santo Cristo. Foi nesta igrexa cando San Telmo anunciou, durante un sermón pronunciado no 1249, a súa morte.
Mosteiro de San Miguel de Rebordáns: Algúns autores levan a súa fundación a época tardorromana, coa chegada do cristianismo a Tude, ou visigoda, mais o primeiro documento que se coñece data do ano 965. No ano 1071 o rei galego García trasladou aquí a sé espiscopal de Tui, período no que se celebraron dous concilios. No século XII estaba habitado por monxes bieitos, logo pasou aos Coengos Regulares de San Agostiño. No 1435 pasou a depender da catedral de Tui, suprimíndose o mosteiro mediante bula do papa Uxío IV. A igrexa, erixida sobre unha necrópole romano-sueva, conserva pegadas prerrománicas e románicas, agás na portada que é do século XVIII. Chaman a atención os capiteis historiados onde podemos observar a decapitación de San Xoán Bautista e a cea de Herodes. Salientan tamén as pinturas murais da ábsida, do século XVI, que representan diversas esceas da Pasión de Cristo e que corresponden ao obradoiro de pintores tudenses da familia Serveira. 
Convento de San Domingos: Século XIV, dominicanos. A igrexa conventual é gótica do s. XIV. Ten planta de cruz latina e nave central de tres tramos que rematan en tres ábsidas poligonais cubertas con bóvedas nervadas iluminadas por vans xeminados. No interior salienta o retábulo da Virxe do Rosario, do 1741, coñecida como da "Batalla de Lepanto" pola curiosa presenza da famosa batalla ocupando todo o ático. O cruceiro é gótico, con sepulcros dos Soutomaior do mesmo estilo.
Convento das Clarisas: Coñecido como o das "Encerradas", nidia alusión á clausura. O convento data dos séculos XVII e XVIII, edificado sobre un lugar que acollía a desaparecida igrexa románica de Santa María da Oliveira. Durante as guerras con Portugal sufriu importantes desperfectos polo que tivo que ser reconstruído en varias ocasións. A igrexa, do s. XVII, é dunha nave. No interior hai un retábulo do s. XVII, obra do escultor Domingo de Fornelos.
Convento de San San Francisco: Século XVI. Na orixe formou parte do convento franciscán de San Antonio, reconstruído entre o 1682 e o 1728. Ten dous claustros. A igrexa, de tres naves, é neoclásica. Conserva no interior un retábulo barroco do 1741, obra de artistas portugueses, os retábulos laterais, unha cúpula de media laranxa e un amplo coro. No lado súr ábrese a capela da "Venerable Orde Terceira" contruída en 1777. Na actualidade acolle o Seminario Menor diocesán dende o ano 1850, con dous claustros, un barroco e aberto.
 

 

VALGA
Mosteiro de Santa Comba de Cordeiro ou de Louro: Orixe altomedieval, con diversas fases de ocupación. Primeiro de monxas bieitas e priorado dos coengos regulares de San Agostiño a partires do s. XIII. No século XIV este priorado secularizouse. A finais do século XV dicíase que en Santa Comba houbera un mosteiro de monxas que pola súa vida deshonesta fora suprimido polo arcebispo de Santiago. No 1479 foi suprimido polo arcebispo Alonso de Fonseca, anexionándoo á colexiata de Iria. Nos últimos tempos estanse a realizar escavacións destinadas a atopar vestixios sobre a súa ubicación exacta. Na primeira fase dos traballos saíron á luz a planta dun edificio eclesiástico e sepulturas correspondentes a varias épocas. A actual igrexa barroca, do ano 1773, ten unha nave e carece de cruceiro, con campanario acaroado á fachada e fornela decorada con volutas sobre a porta alintelada, para a súa construción utilizáronse as pedras do antigo cenobio. Debaixo da primeira igrexa apareceron restos tardorromanos, coma tumbas de tella, un forno, tégulas, unha inscrición reutilizada nun muro da igrexa, terra sigillata, etc. Do século V serían os restos dunha pequena igrexa de planta rectangular, asociada ás primeiras exhumacións escavadas no pavimento tardorromano. Tamén se documentou unha etapa xermánica e altomedieval.

VIGO
Convento de San Francisco: Un faraónico proxecto inmobiliario rematará coa andaina deste convento fundado no século XVII.
Mosteiro de Santa María de Castrelos: Sanxoanistas. Consérvase a igrexa románica do ano 1216. Ten unha nave e unha ábsida semicircular na que se abren pequenos rosetóns e canzorros na cornixa. Conta con tres portadas axedrezadas. Tímpanos con cruces e columnas con motivos vexetais, decoración que tamén se observa nas ventás.
Mosteiro de San Salvador de Coruxo: Bieitos. Xa existía no século XI. Acoutado por Afonso VII, foi entregado ao Salvador de Celanova no 1152, onde tamén se incluía na doazón e privilexio a illa de Santo Estevo das Cíes. No 1218 aparece á súa fronte o prior Pedro Mídiz. No ano 1230 o bispo de Tui fai unha avinza entre o mosteiro de Celanova e o bispado en que queda en mans do abade do primeiro a capacidade de nomear ou depor ao prior de Coruxo. Logo Celanova doálle ao bispo os décimos sobre os bens de Coruxo, parte dunha igrexa e os dereitos sobre outras da diócese de Tui. A súa decadencia e extinción da vida monacal corre vencellada ao apoxeo de Santa María de Oia. Do templo románico consérvase a cabeceira, o resto é posterior. Ten planta basilical de tres naves e tres ábsidas semicirculares, a central máis ancha e alta ca as laterais.
Mosteiro de San Estevo (Illas Cíes): No ano 1745, Fr. Martín Sarmiento fala dun ruinoso mosteiro na illa da Area de Roda (Illa de Faro) posto baixo o padroado de Santo Estevo. No ano 1152, por doazón de Afonso VII, pasou a depender de Celanova, que logo foi confirmada no 1228 por Afonso VIII, e no 1213 por Fernando III. No 1378 pasa á Igrexa de Tui que no século XV o cedeu a dez relixiosos franciscáns para que viviran na antiga ermida posta baixo o padroado de Santo Estevo. Pouco duraron os freires xa que no ano 1505 o papa Xulio II dispuxo que o oratorio fora entregado ao arcediago de Trastámara, Pedro de Ben, tomando este posesión dous anos despois do "oratorio llamado monasterio de Sant Stevan de Sías de las Ysllas de Bayona". O edificio actual, que chaman O Convento nada ten que ver co medieval, foi construído coas pedras do primitivo onde se poden ver algunhas inscricións.
Mosteiro de San Martín (Illas Cíes): Na illa do mesmo nome. Fala del Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. Nun documento de Afonso VIII do ano 1228 fálase dunha granxa dependente do mosteiro de Oia.


VILA DE CRUCES
Mosteiro de San Bieito de Brandariz: Dúplice. Fundado nos séculos X-XI. A primeira referencia documental data do ano 1087, cando a infanta Elvira fai unha doazón á igrexa de Santiago. Puído depender do veciño de Piloño, e logo ao de Camanzo. Consérvase a igrexa, un edificio de traza sinxela cun adro cuberto apoiado en catro columnas. No interior conserva un retábulo barroco. 
Mosteiro de Santa María de Piloño: Orixe altomedieval. A Historia Compostelana indica que en tempos de Diego Xelmírez a catedral de Santiago recibiu de reis e nobres diversas partes ou a totalidade de varios cenobios, entre eles o de Piloño que foi doado pola infante Elvira. O couto deste cenobio abranguía dende a terra de Carrio ata o río Ulla. A igrexa actual é do século XV, erixida sobre outra máis antiga. 
Mosteiro de San Salvador de Camanzo: Primeiro de monxes e logo de monxas bieitas. O mosteiro fundouse sobre unha antiga igrexa prerrománica no século X polos condes de Deza, Gonzalo e Tareixa. No 1115, Dona Urraca doouno á igrexa compostelá. No ano 1516 as monxas pasaron a San Paio de Antealtares, en Santiago. A finais do século XV será un dos mosteiros que o arcebispo compostelán Alonso de Fonseca pretenderá salvar da reforma observante de Valladolid, outorgándollo como préstamo a Diego de Saldaña, bispo de Beirut. O derradeiro abade foi Vasco Escochado, documentado no ano 1491. No 1495 os bens deste mosteiro xa estaban en poder de San Martiño Pinario, quen o cederon vitalicamente a Lopo Gómez de Marzoa para que puidera manterse coas súas rendas. Do estado no que se atopan os restos monacais fala o derruído clausto, con restos da arcada gótica utilizado como alpendre; un sártego antropoide úsado como bebedoiro do gando; unha lápida, arrincada do seu emprazamento, está tirada xunto un muro; pedras labradas esparexidas por aquí e por acolá; restos dun retábulo amontoados como se de leña se tratara, imaxes... A igrexa é de planta basilical con tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares. A porta principal ten arquivoltas semicirculares, con semicolumnas de perfil tórico con anxos cos brazos abertos e unha figura impartindo a beizón. No tímpano vai esculpida a figura do Salvador en acción de bendicir. As ábsidas son semicirculares por fóra e de ferradura polo interior, cubertas con bóvedas de cascarón. 
Mosteiro de San Salvador de Toiriz: Só consta como mosteiro nas doazóns das partes que varias persoas fan a Sobrado entre o 1164 e o 1258.



VILAGARCÍA DE AROUSA
Convento de Vista Alegre: Forma conxunto xunto co pazo do mesmo nome polo que se comunicaba por medio dun pasadizo. Fundado a mediados do século XVII por Fernando de Andrade, arcebispo de Compostela. Unha das torres laterais do pazo trasladouse ao convento no XVII, século cando se construíu a igrexa de estilo neoclásico. Habitado por monxas agustinianas. Conserva unha escultura de Santa Librada, obra de Mateo de Prado, do ano 1642, encargada polo bispo Fernando de Andrade y Sotomayor que rexía a diócese de Sigüenza, en cuxa catedral era venerada.  O culto a esta santa no chegou a callar en Galiza. 

VILANOVA DE AROUSA

Mosteiro de Cálago (Cálago): Ruínas. A fundación do desaparecido cenobio atribúese a San Froitoso de Braga no s. VII. Foi destruído polos normandos no século IX ou X. Aínda que ten pasado por priorado de San Martiño Pinario, Rubén García Álvarez afirma que boa parte da súa historia discorreu como mosteiro independente, estimando que a unión ao mosteiro compostelán faríase despois do 1150 (Manuel Lucas di que a anexión tería lugar a mediados do século XIV, cando desapareceu). Tiña abades propios, e non priores. Os seus restos, dos que só se conserva o campanario, forman parte dos alicerces da antiga igrexa conventual.
Priorado de Vilanova: Fala del Fr. Martín Sarmiento na súa Viaxe a Galicia no ano 1745. A casa do prior estaba na Illa de Arousa.
Xabier Moure
Mosteiros de Galiza/Galicia
o noso patrimonio