PETROGLIFOS DE GALIZA/GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)

ACLARACIÓN: Ademais das gravuras prehistóricas, tamén fago mención a algunhas de época romana, medieval e moderna. E por estaren adscritos ao mesmo período que a meirande parte dos petroglifos, inclúo outros achádegos pertencentes ao Calcolítico/Idade do Bronce.

PETROGLIFOS DA PROVINCIA DE LUGO

ABADÍN
Petroglifos do Chao da Fonce (O Barral-Labrada): Dúas rochas con gravuras de época indeterminada.
Castelo de Castromaior (Romariz): Promontorio rochoso onde se observan algúns restos dunha fortaleza. Gravado sobre unha rocha hai un taboleiro de xogos de "alquerque de tres".
Penas do Castro (Labrada): A mediados do mes de novembro de 2013, Manuel Rivas Cortiñas informoume da existencia de varias penas con coviñas e pías esparexidas polo lugar, realizadas sobre soportes verticais e horizontais.

ALFOZ
Idade do Bronce: En O Vilar, parroquia de Bacoi, apareceron dous machados de tope. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey.
Pena Abaladoira da Serra do Xistral (A Maladoira-Pereiro): Trátase dun penedo granítico de forma tirando a ovoidal que pousa sobre unha laxe, temén granítica. Cóntase que tivo gravada unha gran serpe da que non quedan restos. Sobre a pena hai dúas grandes pías que, segundo a lenda, eran utilizadas para botar o sangue dos animais que se sacrificaban para logo purificarse con ela. As parellas que non podían procrear deitábanse sobre a pena, mais tamén era eficaz para as mozas procurar noivo ou as que desexaban ter un bo parto. Dise tamén que aquí se practicaban os coñecidos como "Xuízos de Deus" (Iudicium Dei) para determinar a fidelidade das esposas, a virxinidade das doncelas e a culpa ou inocencia en distintos delictos, dependendo de se a pena abanease ou non.
 

ANTAS DE ULLA
A Pena da Moura (Mancegar-Alvidrón); Brañas do Gurgullo, Campo da Uz, Cruz do Seixo, Laxe Ferrada e Pena das Pías (A Somoza-Areas); O Trevo (Castro de Amarante); Lebesende (Queixeiro); Pena dos Chaos (San Fiz de Amarante); Pena Moura (Bellós-San Fiz de Amarante); Penas Solteira e Rega do Coello (San Martiño de Amarante); Pena da Liñaza.
Petroglifos do Campo da Uz: Nesta estación, con varias penas con gravuras, atopamos antropomorfos, zoomorfos, cruciformes, ferraduras e motivos xeométricos varios.
Petroglifos da Braña do Gurgullo: Na estación do Campo da Uz. Dúas rochas graníticas con combinacións circulares, unha con seis círculos concéntricos, e unha espiral.
Petroglifos da Cruz do Seixo: Combinacións circulares e unha espiral.
Petroglifos da Laxe Ferrada: Na estación do Campo da Uz. Sobre soporte granítico temos 35 combinacións circulares onde destaca unha con sete círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice, acadando un diámetro de dous metros. Tamén aparecen ferraduras, cruces, antropomorfos, zoomorfos e coviñas.
Petroglifos da Pena da Liñaza: Repartidos por varias penas podemos ver combinacións circulares e cazoletas.
Petroglifo da Pena dos Chaos: Presenta combinacións circulares con coviña central e sucos de entrada ou saída.
Petroglifos da Pena da Moura: Pena con gravuras. Segundo a lenda, na parte de arriba da pena estaba a cama da moura. (Información achegada por Xermán Souto).
Depósito de Antas de Ulla: Aro e pulseiras datadas na Idade do Bronce. Custodiados no Museo de Pontevedra.
Altar dos Corgos: Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), fala do Altar dos Corgos, altar das pozas ou dos charcos, chamado así polas cavidades que ten a rocha na parte superior. 
No ano 2012, asociacións e veciños denunciaron a autorización dada polo Concello a unha empresa para construír un cebadoiro de porcos na área de protección das mámoas e dos petroglifos do Campo da Uz e as Brañas do Gurgullo, feito reprobado polo Valedor do Pobo que, como sabemos, non é vinculante. Agora só cabe esperar a sentenza do xulgado.
As gravuras do concello, onde podemos ver motivos verdadeiramente espectaculares, atópanse nun estado de abandono lamentable, totalmente desprotexidas, os accesos comidos pola matogueira e sen sinalizar.  
 

 

 

BALEIRA 
Pinturas rupestres nunha cova da Fontaneira: A principios do mes de xullo de 2017, David Outeiro Fernández e un amigo garda civil, alertados por uns veciños, localizaron unha cova con pinturas rupestres, achádego que puxeron en coñecemento do Seprona e de Patrimonio da Xunta de Galicia que se achegaron ata o sitio. Trátase dun conxunto de trece debuxos esquemáticos pintados con ocre. Ata que se completen os estudos só se poden barallar hipóteses sobre a súa cronoloxía, se ben podería adxudicarse a un período comprendido entre o Neolítico e o Calcolítico. Ata o momento, en Galicia só están documentadas pinturas rupestres en acubillos rochosos na Cova de Eirós (Triacastela) e a cova de Praducelos (Pol), aínda que tamén hai outros sitios documentados en que apareceon frarmentos de ocre. Pinturas atopámolas en varios enterramentos megalíticos: dolme de Dombate (Cabana de Bergantiños), Pedra da Arca (Dumbría), mámoa de Espiñaredo (Negreira), Forno dos Mouros (Toques), Pedra Cuberta (Vimianzo), dolme da Mouruxosa (Friol), Mollafariña (Xermade), Codesás (Melón), a Mota Grande (Quintela de Leirado), Os Muíños (Agolada) e Coto dos Mouros (Rodeiro). Nunha visita que fixen o pasado mes de outubro ao abrigo rupestre de Val de Junco (Portugal) vin unhas pinturas con motivos que nalgún casos se asemellan a estas de Baleira. Aínda que existen controversias entre os investigadores canto a súa cronoloxía, acéptase marioritariamente que estarían datadas entre o Neolítico e o Calcolítico. 
 

BARALLA
Petroglifos da Pena do Oso: Traigo aquí este petroglifo por estar entre as parroquias de Covas (Baralla) e Armea (Láncara), se ben, despois de facer as comprobacións correspondentes, coido que está en terreos da aldea de Leirado (Armea-Láncara). Nun afloramento rochoso lixeiramente inclinado pódense ver unhas 60 coviñas, algunhas con suco, e as letras L e S de factura claramente posterior. No PXOM do Concello de Baralla, onde se inclúe, identifican o S, coido que erradamente, cun serpentiforme.
Para máis información, ver o meu blogue: Mámoas e castros da comarca dos Ancares.

BARREIROS
A Roda (Reinante): O sitio estaba mal localizado, descubríndose cando as escavadoras que traballaban na autostrada do Cantábrico no ano 2008 deron cuns muros. O lugar era coñecido de vello pero críase que se trataba dun castro. Trátase dunha estrutura circular con forma de túmulo duns cincoenta metros de diámetro limitada por un foxo de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade. O círculo está formado por dous mouros, entre os que se depositou a terra do foxo, formando así o parapeito que no seu punto máis alto acada os tres metros. Consérvase a zona de entrada, de entre metro e medio e dous metros orientada cada o NO; xunto dela hai unha pedra que podería ser unha das pedrafitas que delimitaban o acceso. Cando os arqueólogos supervisaron o achado axiña se decataron  de que non se trataba dun castro, demasiado pequeno, senón dunha edificación moi anterior. No mes de xullo de 2015 un equipo de arqueólogos da Dirección Xeral do Patrimonio comezaron os traballos no xácigo, identificándoo coma un henge, estrutura abundante nas Illas Británicas. Como resultado das análises radiocarbónicas fixouse o momento da construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a.C.). O xacemento pódese considerar como excepcional se consideramos que fóra das Illas Británicas non se tiñan localizadas este tipo de estruturas nin en Galicia nin no resto de Europa, o que leva a preguntarnos que relación había entre as Illas Británicas e Galicia na Idade do Bronce.  A falla dun estudo máis pormenorizado, os arqueólogos que traballan no xácigo conclúen que o interior non foi un lugar para amorear obxectos e que tampouco se construíron vivendas, de modo que ninguén o habitou. Crese que podería ser un lugar onde se xuntaba a sociedade prehistórica para facer xuntanzas de tipo político, sociais ou relixiosas. A súa ubicacón pode que non fose casual, senón relacionada coa astronomía antiga, para marcar os ciclos de cultivos ou outros fins. No ano 2013 denunciei o arrasamento do sitio arqueolóxico de Coeses, en Lugo, onde apareceu unha estrutura semellante. No mes de xaneiro de 2016, a Dirección Xeral do Patrimonio asegurou que ten previsto elaborar un proxecto integral de conservación do xácigo. Para máis información sobre o túmulo de Coeses pódese ver no apartado Arquivo Apéndices deste blogue o artigo A desfeita de Coeses (Lugo). 
 

BEGONTE
Petroglifos de Donalbai: Atopados a principios do ano 2011. Trátase dunha laxe duns 20 metros de longo por 10 de ancho, con círculos concéntricos. O arquitecto Carlos Sánchez-Montaña constatou que estes petroglifos serviron para ordenar co tempo o territorio. 
Machado: No ano 1958, don  Darío Arias atopou un machado de talón de dobre anel que doou ao Museo de Lugo.

BURELA
Petroglifo no castro de Burela (Cabo de Burela): Coviñas.
 

CARBALLEDO
Petroglifos da Ermeda (Vilaquinte).  
Petroglifos do Monte do Fabeiro: La Voz de Galicia, na súa edición de Lemos do día 21 de agosto de 2013, recolle a descuberta de dúas penas con petroglifos no monte do Fabeiro, entre Veascós e Vilaquinte, os primeiros atopados no concello, e que segundo Gonzalo Meijide, arqueólogo de Patrimonio en Lugo, puideron ser reutilizados como marcos divisorios entre as dúas parroquias. O seu descubridor foi Miguel Suárez que conta que había máis penas con petroglifos non moi lonxe, mais que foron destruídas hai tempo cando fixeron un cortalumes; e que preto do Fabeiro hai un gravado en forma de L invertido cun burato no medio. Ambas as dúas penas presentan unha serie de motivos circulares. 
Petroglifo do Monte da Serra: No mes de outubro de 2015, Roi Fernández, fotógrafo de La Voz de Galicia, localizou un penedo con coviñas nos lindes das parroquias de Pereira e Vilaúxe (Chantada) e Milleirós (Carballedo). A pena puído ser utilizada como marco. 
Petroglifos de Pasarín (Temes): Espiral rematada nunha cruz coroada por tres coviñas.    
Petroglifos do Penedo do Mouro (Castro): Segundo asegura o propio Miguel Suárez, neste lugar hai unha pena con cazoletas.

 


CASTRO DE REI 
Estatua-menhir de Orizón (Quintela-Orizón): Datada na Idade do Bronce, atopada nunha pista no ano 2012, preto da necrópole tumular Cinza da Moura. Foi estudada polo arqueólogo Francisco Hervés. Trátase dunha estatua-menhir realizada en lousa con cubetas decorativas que se colocaría preto dun túmulo ou dun espazo funerario adicado a unha figura de relevancia social, posible representación dun heroe. Ten 60 cm de alto, 57 cm de ancho na parte superior e 38 cm na inferior que pode indicar a reprodución dun torso humano. Exposta no Museo do Castro de Viladonga. 
Machado (Castro de Viladonga): Machado de tipo único, residual da Idade do Bronce. Puído ser unha ferramenta ou usarse como peza de cambio, ou mesmo ter un valor votivo ou simbólico. 
 

 

CASTROVERDE
Petroglifos do Alto de Paraños (A Meda): Inéditos. Localizámolos o día 1 de xuño de 2014 no Alto de Paraños, non moi lonxe do coñecido como Marco da Rodeira dos Soles, lindeiro entre os concellos de Castroverde e Lugo. Varias penas con coviñas de distintos tamaños realizadas en soporte granítico.  
Petroglifos do Castro de Soutomerille: Hai unha rocha con cazoletas. 
 

CERVANTES
Petroglifos da Campa do Barreiro ou Montes de Robledo: O día 25 de agosto de 2013, a documentalista Pilar Carpente máis eu demos a coñecer os primeiros petroglifos situados na comarca galega dos Ancares. Foi preto dun sendeiro que sobe ata a Campa do Barreiro, cara a Fonte dos Namorados, a uns 1.100 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase de 26 coviñas insculpidas nunha rocha lixeiramente inclinada cara a posta do sol, cara o oeste. As medidas das cazoletas, bastante erosionadas e de pouca profundidade, van dende os tres aos sete centímetros de diámetro. Sete cazoletas, situadas no centro do panel, forman un círculo. Na parte inferior da pena hai unha pequena pía de forma ovalada que mide 14 centímetros na parte máis longa e 10 centímetros na menor, e cunha profundidade de 5 centímetros. Tamén hai gravado un suco de 14 centímetros de longo. A localización foi comunicada ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo e ao Concello de Cervantes.
Petroglifos da Campa de Campo Redondo: Unha semada despois da descuberta da Campa do Barreiro, o día 31 de agosto, localizamos unha pena, a xeito de "altar", situada no medio da campa do Campo Redondo, entre a aldea de O Piornedo e o Pico do Mustallar, composta por coviñas redondas e ovaladas.
Petroglifos de O Piornedo: Tamén o día 31 de agosto, localizamos en O Piornedo, preto da capela do San Lourenzo, dúas rochas con coviñas, unha delas cunha cruz latina, que na actualidade forman parte dun muro. 
Petroglifos da Boca do Campo: Nas proximidades do Pico do Corno ou do Corno Maldito, a uns 1.500 metros de altitude sobre o nivel do mar, na parroquia de Donís. Segundo me informou Iago López Fuenteseca trátase de tres penas con coviñas de distinto tamaño situadas nunha campa onde, ademais das ruínas das cabanas dos pegureiros que levaban alí o gando, tamén se pode ver unha estrutura pétrea circular (corro), a xeito de círculo lítico. Nas inmediacións hai máis penas con coviñas. 
Petroglifos da Golada da Boca do Campo: Iago López tamén me informou da existencia de máis penas con coviñas na Golada da Boca do Campo, preto da campa da Boca do Campo. 
Petroglifos da Braña dos Estremeños: Aos pés do pico Mustallar. Rocha granítica con, ao menos, media ducia de cazoletas. 
Petroglifos da Mallada do Mustallar: O día 22 de novembro de 2015, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos, a uns 1.700 metros de altitude, unha pena granítica con coviñas. Non moi lonxe, noutra pena, hai unha cruz moderna. 
Petroglifo do Mustallar: O día 22 de novembro de 2015, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos unha pena de xisto con nove coviñas gravadas que oscilan entre os dous e seis centímetros de diámetro. Este petroglifo, situado nunha ladeira do Pico do Mustallar, ten a singularidade de ser, ata o presente, o máis alto de Galicia. Ata o momento obstentaba esta "distinción" o petroglifo das Arcas, no concello de Manzaneda. O achado xa foi comunicado ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia en Lugo.
Petroglifos de Poso: O día 8 de marzo de 2014 Pilar Carpente máis eu localizamos unha nova pena con gravuras inéditas na aba do Pico da Legua, na aldea de Poso, parroquia do Pando. Nun panel granítico contabilizamos nove cazoletas bastante erosionadas cun diámetro de entre nove e once centímetros.   
Petroglifos do Teso do Acevedo (Poso-O Pando): Localiceino o día 5 de xuño de 2014 grazas ao amigo José de Vilarín, de Murias de Rao, en Navia de Suarna. Cinco rochas graníticas onde se distribúen máis de cen cazoletas. Na máis grande, horizontal, duns 15 x 15 metros, podemos ver máis de medio cento. As medias van dende os 3 aos 7 centrímetros de diámetro, e unha profundidade que oscila entre os 0,5 e os 2 centímetos. 
Petroglifos do Carrilón (Poso-O Pando): O día 30 de abril de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos 19 penas con gravuras no monte do Carrilón, a 1.300 metros de altitude, entre o Teso de Acevedo e o Pico da Legua. Trátase de coviñas que oscilan entre os cinco e dez centímetros de diámetro e dous pequenos círculos simples. 
Petroglifos da Pena do Oso (O Piornedo-Donís): Localizados polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 6 de agosto de 2016. Trátase de tres penas graníticas con coviñas. Unha con catro e dúas máis cunha coviña cada unha, cunhas medidas que oscilan entre os tres e sete centímetros de diámetro e unha profundidade que vai de 0,5 a 2 centímetros. Situados preto dunha campa. 
Para máis información, pódese consultar o meu blogue Mámoas, petroglifos e castros da comarca dos Ancares.



 

 


CERVO
A Langoira (A Langoira-Castelo); Pena da Arca (Cervo); A Atalaia (San Cibrán-Cervo); Castro da Rueta (A Rueta-Cervo); Castro do Coído (xunto o polígono industrial de San Cibrao).
Petroglifos da Atalaia: Situado nas inmediacións do castro da Atalaia. Trátase de tres penedas graníticas gravadas con cazoletas. Un dos petroglifos atópase moi danado debido a que a pedra se utilizou para facer lume.
Petroglifo de A Langoira: Gravura dada a coñecer no mes de maio de 2012 pola Asociación Mariña Patrimonio co motivo dun reticulado. 
Petroglifos da Pena da Arca: Localizados a principios do mes de maio de 2017 por unha veciña de Cervo. A asociación Mariña Patrimonio solicitou a súa catalogación. Coviñas, sucos e círculos concéntricos. 
Integrantes de Mariña Patrimonio descubriron un petroglifo no concello formado por catro círculos concéntricos unidos por un trazo, motivo semellante aos atopados no sur de Galiza. 
 

 

 

CHANTADA
Abeleda e Vila de A Grade (A Grade); Airoá e Pena Aveado (Pesqueiras); Requeixo (Requeixo); Pedra Escrita (A Sariña); Monte da Serra e Pena das Mentiras (Vilaúxe). Serra do Faro.  
Petroglifo do Monte da Serra: No mes de outubro de 2015, Roi Fernández, fotógrafo de La Voz de Galicia, localizou un penedo con coviñas nos lindes das parroquias de Pereira e Vilaúxe (Chantada) e Milleirós (Carballedo). A pena puído ser utilizada como marco. 
Petroglifos da Pena Aveado: Somerxido polo encoro de Belesar.  
Petroglifo da Pena das Mentiras: Foi o primeiro petroglifo que se catalogou na zona.  
Petroglifos da Serra do Faro: Entre os concellos de Chantada e Rodeiro, e as provincias de Lugo e Pontevedra. Nas inmediacións da ermida de Nosa Señora do Faro, de afamada romaría, había varias penas con petroglifos que foron destruídas. Aínda se poden ver algunhas penas con gravuras.   
Maza de Centulle: Maza triangular de cuarcita atopada nos anos setenta do pasado século, datada na Idade do Cobre. Custodiada no Museo Provincial de Lugo. 
Requeixo: Nos montes de Requeixo hai un penedo coa marca dunha ferradura. Contan que é o sinal que deixou alí a pata da mula en que os frades de Oseira levaban roubada á Virxe do Faro; a mula engarrou unha pata na pena e os ladróns fuxiron deixando o tesouro.   
Segundo información da Voz de Galicia, na súa edición de Lemos (29-06-2011), os petroglifos de Chantada están a ser estudados por Begoña González que realiza unha investigación sobre as gravuras do sur da provincia de Lugo, uns gravados descoñecidos non só polo grande público, tamén polos estudosos da arte rupestre galega. 
 

FOLGOSO DO COUREL
Petroglifos da Pena da Escrita (Meiraos): Localizados por Carlos Rueda a principios do mes de xullo de 2016, a unha altitude de 1.445 metros. Trátase de 2 e 4 coviñas gravadas sobre soporte pizarroso. Son os primeiros documentados no concello.
 

A FONSAGRADA
Machados de Bronce de Mazaeda (Mazaeda-San Pedro de Neiro); Penas de Redollán (Crecencia-San Pedro de Río); Alto de Cerredo (Vieiro). 
Petroglifos do Alto de Cerredo: A 930 metros de altitude. Localiceinos o día 12 de novembro de 2016. Nun gran afloramento pizarroso hai catro penas con coviñas, tres con unha cada unha. A máis interesante é unha con tres coviñas unidas por sucos. Así pódese ver dúas cazoletas situadas na parte máis alta das que parten unhas canles que van desembocar na situaba na parte baixa. Nas proximidades hai gravada unha pequena cruz pouco marcada polo que creo que puído facerse para cristianizar un lugar considerado como pagano. Os achados foron comunicados ao Concello e ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo. Trátase dos primeiros petroglifos descubertos na comarca da Fonsagrada. 
Machados: Aínda que non existen referencias concretas a algún tipo de asentamento da Idade do Bronce, preto do castro da Coroa (Moreira) atopáronse seis machados dispersos pola zona. A mediados dos anos cincoenta do pasado século, o señor Manuel Fernández Ríos, da casa de Salvador, de Mazaeda (parroquia de San Pedro de Neiro), ao facer unha gabia para unha canle do rego dun prado, tamén atopou varios machados de talón de dobre anel e outros incompletos, ademais dun anaco de chumbo en Mazaeda.
 


 

FOZ
Vaso funerario (Cangas de Foz): No Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1945), J. Trapero deu a coñecer un vaso funerario atopado como consecuencia dun derrube ao facer as obras para a construción dos nichos do cemiterio de Cangas. Quedaron á vista varias cistas con restos cerámicos e unha vasilla fusiforme constituída por un poliedro octogonal, cuxa parte máis estreita se implanta nun cono truncado de ampla curvatura, case hemisférica. A característica máis chamativa deste vaso son as asas ou "aletas" a ambos lados, perforadas en sentido lonxitudinal e cuxos ocos, ao atoparse a vasilla pechada se corresponden perfectamente, de sorte que, facendo pasar unha corda polos ocos, este queda hermeticamente pechado. Ten adornos incisos que se entrenzan, característicos da Idade do Bronce. 
 

FRIOL 
Paseo Fluvial (Friol); Monte de Lamas, Monte das Tenzas (Guimarei); As Penelas (Os Pedrouzos-Guldriz); Campo da Feira e Costa de Mera (Guldriz); Pena da Uz (A Pontella-Miraz); Pena Castrela (Montecelos-Narla); Quintá (Ousá); Pena da Auga (Cordal de Ousá-Ousá); Pena Cabaleira, Pena Porreira, Pena do Zapato (O Burgo do Negral-O Pacio); A Pena do Freire (As Pardellas-San Martiño de Condes); Bouzaboa ou Pena Bicuda, Pedra do Couto (Trasmonte). 
Petroglifos de Bouzaboa ou Pena Bicuda: Sobre unha grande pena vense varias coviñas, algunhas agrupadas ao carón dunha gran pía. (Ver Apéndice: Dúas enigmáticas penas en Friol).    
Petroglifos do Campo da Feira: Afloramento de xisto con coviñas, algunhas unidas por sucos curvos e rectilíneos. 
Petroglifos da Costa de Mera: Cazoletas sobre granito. 
Petroglifos do Paseo Fluvial: Tres círculos concéntricos de catro, tres e dous círculos con coviña central. Preto hai outra pena granítica con coviñas. Brais Rodríguez Romero máis eu, o día 25 de xullo de 2016 acompañamos a José Antonio Paz Ben que nolo amosou. Xa o puxen en coñecemento de Patrimonio e do Concello. Ver en Apéndices II: Petroglifo do Paseo Fluvial (Friol). 
Petroglifos da Pedra do Couto: Coviñas sobre un afloramento duns dous metros de altura. 
Petroglifos da Pena da Auga: Trátase de máis dun cento de pequenas coviñas realizadas sobre unha prancha de xisto situada nun pequeno acubillo. Na parte superior do afloramento vese unha cruz moderna e varias pías, algunhas unidas por canles. Dende o lugar domínase unha ampla panorámica. Cremos que podería tratarse dun lugar destinado para practicar algún tipo de ritual. Non moi lonxe, monte abaixo, está o petroglifo de Quintá. Ver en Apéndices II: A Pena da Auga (Friol), un espazo ritual? 
Petroglifos da Pena Cabaleira: Coviñas sobre xisto. 
Petroglifos da Pena Castrela: Coviñas illadas e cinco entalladuras, catro delas aliñadas, de trinta por vinte centímetros. Ver Apéndice: Dúas enigmáticas penas en Friol.    
Petroglifos da Pena Porreira: Coviñas con trazos que as unen. Salienta un motivo oval de grandes dimensións con abundantes coviñas ao redor. Están gravados sobre xisto.     
Petroglifos de Quintá: catro rochas de xisto con coviñas, algunhas unidas por canles; nunha das rochas hai un gravado que consiste nun trazo oval unido nun dos seus extremos a unha coviña por medio dunha canle. Estas penas atópanse próximos a dúas mámoas. 
Petroglifos do Monte de Lamas, As Tenzas: Oito rochas con coviñas, algunhas unidas por sucos.         
Petroglifos no Monte da Medorra (Cotá): O Monte da Medorra, onde ao menos hai tres mámoas, situado no límite entre os concellos de Friol e de Outeiro de Rei, o día 14 de marzo de 2015, Brais Rodríguez Romero máis eu localizamos algunhas penas con pequenas coviñas. 
Petroglifos da Pena do Zapato: Catro rochas con gravuras de coviñas. 
Petroglifos das Penelas: varias rochas de granito con cazoletas. 
A Pena do Freire: O día 29 de outubro de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu achegámonos ata a Pena do Freire que se atopa no monte coñecido como A Zarra. Conta a lenda que había unha moura moi rica pero que non tiña onde agochar o ouro. Entón pensou para que ninguén llo roubase o mellor era enterralo na pena. Como era nugallá e non gostaba de traballar, secuestrou a dous homes para que cavasen na pena. Era moi esixente por iso lles ordenou que o burato fose redondo. Cando remataron o traballo, a moura meteu o ouro no burato, mandándolles que o tapasen ben. Mais a cousa non quedou aí. Desconfiando de que lle contaran aos demais onde estaba o tesouro, matounos, enterrándoos lonxe da pena. Pero do que non se decatara é que outras persoas viran onde agochara o ouro. Como non podía matar a tanta xente, pois co nugallá que era non lle ía quedar tempo para descansar, gravou dúas cabezas na rocha, como dicindo que alí tamén estaban enterrados os homes, e de achegarse alguén correría a mesma sorte. En efecto, ninguén ousou achegarse, pero como no inverno os buratos en forma de cabeza se enchían de auga e ela quería que estiveran ben á vista, fíxolles unha canle para que desaugaran e tamén unhas coviñas de adorno. Na parte alta vense varias pías naturais. O que me chama a atención é unha coviña e uns sucos que non me atrevo a dicir se son naturais ou artificiais, se ben inclínome polo último. A parte inferior da pena forma un abrigo que, ao parecer, foi utilizado despois da Guerra Civil. Descoñezo o porqué do nome de Pena do Freire, as persoas consultadas non souberon dicírnolo, mais podería tratarse dun antigo eremitorio. Unha parella contounos que non moi lonxe está a evocadora Pena Pedideira e a Pena da Revolta, disque con coviñas. 
Cotá: Apareceron uns moldes bivalvos da Idade do Bronce, utilizados na elaboración de machados de tope de dúas arnelas.
 

 

 



 

 

GUITIRIZ
Chousa das Calzadas ou Agro das Calzadas (Buriz); Pena Bicuda (As Mezoiras-Buriz); Monte Pilreo (A Pedreira-Buriz).
Petroglifos da Chousa ou do Agro das Calzadas: Pódese dicir que se trata dun exemplar único na área galaico-portuguesa. Din González Reboredo e Luaces G. Rosón que consta, en liñas xerais, dun cuadriculado central irregular, moi desdibuxado nalgunnhas das súas partes pola erosión e enmarcado a ambos os lados por dúas figuras formadas por tres ferraduras concéntricas cada unha. É de destacar que a figura de ferraduras concéntricas situada á dereita aparece seccionada pola prolongación dos ragos horizontais da cuadriculación en número de seis, constituíndo a sexta representación a base da gravura. Este conxunto inscultórico non ten claros paralelos e escapa polo momento a todas as tipoloxías dos petroglifos galegos. Somente o reticulado é relativamente de frecuente aparición. Os oicomorfos correntes representados na arte rupestre europea semellan unhas construcións totalmente distintas, xeralmente elevadas e de teito apuntado. Na parte superior o Agro das Calzadas vense dous círculos, un con cazoleta central, acompañados dalgunha cazoleta illada. Tal conxunto pode ser interpretado como a representación do disco solar, acompañado de estrelas ou soles menores. As gravuras foron realizadas por medio da técnica de abrasión, de moi coidada elaboración. Na cara norte da pena hai unha figura en forma de cruz, posible cristianización do lugar. Nalgúns aspectos ten semellanza co ídolo de Peña Tu. 
Petroglifos de Pena Bicuda: Dúas penedas, unha con coviñas e a outra con círculos concéntricos con cazoleta central e suco de entrada ou saída. Esta segunda pena foi partida para aproveitar como material da construción.
No Museo de Lugo custódiase un anaco dun petroglifo atopado na parroquia de Buriz.
Castro Quenllas do Forno: Bouza Brey e López Cuevillas din que no ano 1897 apareceu un machado da Idade do Bronce, doado no 1926 á Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago por Santiago de la Iglesia.
Vaso: No lugar da Igrexa, no Buriz, atopouse un vaso da Idade do Bronce. Atópase no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
 

 

 

 

GUNTÍN DE PALLARES
Pena Lousada (Xoaine-Entrambasaugas); Pena do Castelo, Pena da Ermida e Pena da Escrita (Monte de Meda); Monte Barreiros (Alto da Goia-Pradeda).
Petroglifos da Pena do Castelo: A finais do mes de outubro de 2013 localicei unha pena con dúas coviñas feitas pola man do home e con pías naturais, situada na Pena do Castelo, un lugar elevado que divide dúas parroquias do mesmo nome: Monte de Meda, unha pertencente ao concello de Guntín de Pallares e a outra ao de Lugo. Unhas veciñas do Picato e outra de Monte de Meda contáronme que non moi lonxe hai outra pena coñecida como Pena da Escrita, con coviñas e pías que, segundo a lenda, foron feitas polos mouros. 
Petroglifos de Pena Lousada: Con coviñas e unha aspa como únicos motivos. Rodeada por oito mámoas.
Mougán: Apareceu un machado de tope de dous aneis da Idade do Bronce. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey. 
Amuleto: Pouco antes de mediados do pasado século XX, o director do Museo provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, enviou a Florentino López Cuevillas unhas fotos e a descrición dunha pequena peza de arxila decorada e cunha perforación. Toda a superficie do arco da peza atopábase decorada cunha serie de incisións lonxitudinais e transversais. Apareceu na ourela esquerda do río Foxoiro, no lugar coñecido como San Roque, preto de Xoaine, na parroquia de Entrambasaugas. Atopouno un neno de 12 anos de nome Manuel Gandoy Rodríguez quen asegurou ver no mesmo sitio outra pedra igual pero que non chegou a recoller. Escribe López Cuevillas que hai que colocar esta peza dentro do marco das esculturas pre ou protohistóricas, xa que por ningún dos seus caracteres se pode encaixar en data posterior á conquista romana. Malia o anterior, non lle foi posible clasificala con seguridade nunha época determinada por non atoparlle un paralelo exacto, ademais de descoñecer o contexto onde se recolleu. Si se sabe que nas proximidades hai uns campos de mámoas (campo da Goia e monte Barreiro), non localizándose ningún castro nas proximidades. A probable procedencia tumular ou da Idade do Bronce da peza semella afirmarse ao considerar que o raiado que a decora trazouse cunha técnica igual á empregada en moitos exemplares de cerámica campaniforme, ademais de que a perforación bicónica aparece en armas da época do Bronce, podendo engadirse que a decoración de raias cruzadas utilizouse tamén nos ídolos-pracas do Megalitismo. Desbotado o uso como arma, Cuevillas di que se debeu utilizar como adorno, como un pequeno ídolo ou amuleto, quizais vencellado cun culto lulnar, ou que pola súa traza astiforme semellarían os cornos dun touro ou dunha vaca, animais representativos de divindades en moitas relixións que actuarían como protectores antes distintos males. 
 

 

 

O INCIO
A Penela (Fruxil-A Cervela); Monte das Seixas (Seixas-A Cervela); Pena Escrita (Goo); Novelín (O Incio); Monte de Rendar e Pena da Escrita (Rendar); Pena (Pena-San Pedro de Incio); Pena da Ferradura (Viloira-Santalla de Bardaos); Pena Escrita (Treimonte-Sirgueiros); Pedra de San Mamede e Pena da Escrita (Trascastro); Agro do Pepe, Monte do Serrón, Pena do Castrillón e Serra da Cereixiña (Vilasouto); Pena da Ferradura (Agro de Trasmonte-Vilasouto); Xunto a necrópole megalítica de Santa Mariña (O Viso).
Petroglifos do Agro do Pepe: Os actos vandálicos (gravuras sobre a rocha) e a acción das augas do encoro de Vilasouto, que cubren a maior parte do soporte pizarroso cando chega ao nivel máis alto, están a danar gravemente o conxunto. As gravuras foron realizadas pola técnica da percusión con catorce cruciformes, coviñas, once ferraduras e un antropomorfo como figura central con indicación das extremidades, ollos, boca e probablemente os órganos xenitais de ambos os dous sexos que, para algúns autores, sería a representación dunha divindade feminina de carácter funerario; baixo os brazos extendidos obsérvanse dous cruciformes simples que semellan unha certa escea de proteccionismo semellante á que se observa na Pena do Polvorín (A Coruña). Da coviña superior parten varias canles que rematan en senllas cazoletas de pequeno tamaño, ofrecendo o conxunto a imaxe dun tocado. No remate das supostas extremidades superiores pódense ver o que semellan dedos. O día 4 de xullo de 2015 achegueime de novo ata o lugar, comprobando que o seu deterioro continúa en aumento, así como a profusión dos actos vandálicos. O día 16 de xullo de 2016, comprobei que a pedra do Agro do Pepe é utilizada como trampolín para os bañistas, ademais de seren usada tamén como embarcadoiro de piraguas, "posturas" de pescadores, etc. (Ver Apéndices). 
Petroglifos da Medorriña: Preto dun campo de mámoas moi alteradas polos labores agrícolas, na parte máis elevada, hai unha rocha con coviñas moi erosionadas. 
Petroglifos do Monte de Rendar: Descubertos no ano 2015 por Álvaro Pereiro Rodríguez. Coviñas e unha cruz. 
Petroglifos do Monte das Seixas: Nunha zona cuberta pola matogueira. Rochas con coviñas próximas a unha aonza con mámoas.  
Petroglifos da Pena do Chao: Próximo ao monte de Santa Bárbara, dende onde se divisa o Val do Incio. Coviñas. 
Petroglifos da Pena Escrita de Treimonte: Nun outeiro que domina o val do regueiro da Ribeira. Sobre unha laxa de xisto seis coviñas, tres enlazadas por unha canle pouco profunda.  
Petroglifos da Pedra de San Mamede: Sobre unha laxe de lousa, presenta dez cazoletas e dúas gravuras con forma de ferradura. A tradición di que as gravuras son as ferraduras do cabalo de San Mamede, que dun salto foi ata a pena do Coruxo, en Trascastro. 
Petroglifos da Pena das Ferraduras (Agro de Trasmonte): Nove pedras con gravuras. Unha presenta unha figura antropomórfica feita con coviñas unidas por canles. Nas outras podemos ver dúas ferraduras con cazoletas; oito ferraduras, cinco con coviñas e unha ferradura con remate de coviña; dúas ferraduras e catorce coviñas; ferraduras unidas; coviña con apéndice; ferradura e cinco coviñas; dúas ferraduras e un motivo de dificil interpretación; e a última con trece ferraduras. Estas gravuras están practicamente todo o ano baixo das augas do encoro. No Agro de Trasmonte sábese da existencia doutro petroglifo. 
Petroglifos de A Penela: Nas inmediacións da capela de San Roque, erixida sobre un outeiro. A erosión apenas permite distinguir as gravuras. 
Petroglifos de Santa Mariña: Dúas rochas con gravuras, a maioría con coviñas. 
Petroglifos da Serra da Cereixiña: Coviñas.
 

 

 

 

LÁNCARA
Pena do Oso (Leirado-Armea); Armea de Abaixo (Lama); Castelo Vello (no castro do Castelo Vello-Ronfe).
Petroglifos de Armea de Abaixo: Localizado no ano 2000. Foi reutilizado como marco divisorio entre os concellos de Láncara e Samos.
Petroglifos da Pena do Oso: Trátase dun afloramento rochoso lixeiramente inclinado cunhas dimensións aproximadas de 3x4 metros. Na pena insculpíronse unhas sesenta coviñas, algunha con suco, e as letras L e S de factura claramente posterior. O S, no PXOM do Concello de Baralla (incluíronno por estar no límite entre os dous municipios), interprétase, coido que erradamente, como un serpentiforme. Pode que as letras fagan alusión a dous lugares en que a pena actuaría como marco divisorio, mais ignoro a cales se poden referir. Pode que o L se refira á aldea de Leirado, canto ao S non atopei ningún sitio, nin na macrotoponimia nin na microtoponimia que achegue algo de luz. As persoas consultadas tampouco alumaron a resposta.
 

LOURENZÁ 
Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos. 

LUGO
Pena Fita e Pena do Castrillón (Adai); A Pena Escrita (Vigo-Bacurín); Daquelcabo ou da Estrada (Bascuas); Monte de Camoira (Camoira); Fompedriña (Labio); Pena do Castelo (O Picato-Monte de Meda); Nas inmediacións do castro de Penarrubia (Orbazai); Monte Pena do Rei (Outeiro das Camoiras); Castro de Pedreda (Pedreda). 
Castro de Pedreda: Primeiro Murguía na súa Historia de Galicia, e despois Luis Carré Alvarellos no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949), cita unha rocha calcaria con gravuras neste castro. 
Petroglifos Daquelcabo ou da Estrada: Localiceino a mediados do mes de xullo de 2016, nunha finca a carón da pista asfaltada que vai a Daquelcabo. Trátase dunha gran pena granítica con 21 coviñas insculpidas na parte superior e lisa da rocha, entre dúas grandes pías naturais. O achado foi comunicado ao Concello de Lugo e ao Servizo do Patrimonio Cultural. O día 13 de outubro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronme que, despois da visita dos técnicos de Patrimonio, o petroglifo xa foi catalogado.   
Petroglifos do Monte de Camoira: Inventariados a finas do mes de outubro de 2014. Trátase de tres penas, unha con circulos concéntricos, coviñas pías e cruces de factura posterior, outra con círculos concéntricos, e unha terceira con coviñas, algunhas unidas por un suco.   
Petroglifos da Pena do Castelo: A finais do mes de outubro de 2013 localicei unha pena con dúas coviñas artificiais e varias pías naturais. Atópase na coñecida como Pena do Castelo, entre dúas parroquias que levan o mesmo nome, Monte de Meda, unha pertencente ao concello de Guntín de Pallares e a outra ao de Lugo. (Ver Guntín de Pallares). 
Petroglifos da Pena do Castrillón: Dous grupos de gravuras sobre rocha granítica. O primeiro con vinte e catro motivos circulares con cruz central, combinados con coviñas e un motivo de difícil interpretación. O segundo panel presenta varios círculos con cruz central. 
Petroglifos da Pena do Rei: Coviñas, cruces e "compases". (Ver en Apéndices: O Monte da Pena do Rei: redescubrindo o seu pasado). 
Petroglifos de Fompedriña: Localiceinos o día 4 de setembro de 2016. Foi no monte de Fompedriña, na parroquia de Labio. Trátase de dúas penas con coviñas e unha combinación de dous círculos concéntricos de cuxo centro parte un apéndice cara o exterior. O achado comuniqueino ao Concello de Lugo e ao Servizo do Patrimonio Cultural.  
Petroglifos da Pena Fita: Dados a coñecer por Vázquez Seijas no ano 1957. Vinte coviñas distribuídas por unha rocha granítica. 
Xacemento en Coeses: Xacemento funerario de finais da Idade do Bronce ou comezos da Idade do Ferro que o Ministerio de Fomento destruíu case na súa totalidade pola construción dunha autrostrada. No ano 2013 denunciei a situación do xácigo. Para máis información sobre o túmulo de Coeses pódese ver no apartado Arquivo Apéndices deste blogue o artigo A desfeita de Coeses (Lugo).       
Xacemento de Pena Fita: Da Idade do Bronce. Apareceu abundante material cerámico. Moi preto localizouse unha estrutura de "fondo de cabana", escavada sobre a rocha, con dezaoito buratos para postes. Na parte central hai unha dobre pía circular e rectangular. 
 

 

 



 

MONDOÑEDO
Os Castelos (Viloalle); Sasdónigas (Sasdónigas).
Petroglifos dos Castelos: Cazoletas. Hai que sitúa neste monte un asentamento neolítico, un castro e unha fortaleza medieval.
Sasdónigas: Curiosas gravuras nunha rocha que forman unha especie de escada.
Altar da Recadieira: Tamén coñecida como Pedra do Unto. Citado por Villa-Amil y Castro no ano 1873. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) di que este altar se atopa no coto da Recadieira e que é un dos máis caracterizados, pois non só está situado nun lugar notable polos restos prehistóricos que agocha, senón que a rocha que o constitúe ofrece o burato e a canle que deberon servir para cerimonias relixiosas e expiatorias, e a poucos pasos atópase un muro de pedras en fileiras regulares que sen dúbida foron sepulturas, atopándose ademais un torque de ouro.
Idade do Bronce: En Estelo, parroquia dos Remedios, apareceu un machado de tope. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey.

 

 

MONFORTE
Petroglifos do Monte da Medorra (Susao-Sindrán): Son os primeiros petroglifos documentados no concello de Monforte. Localizámolos o días 19 de novembro de 2016 a 665 metros de altitude. Trátase de tres penas de xisto con cadansúa coviña duns cinco centímetros de diámetro. Nas inmediacións atopamos unha pedra exenta cunha gravura naviforme de 10 centímetros de longo por tres de ancho moi suave ao tacto. O mesmo día documentamos unha coviña nunha pedra granítica con pías naturais utilizada para facer a fonte que está no Parque dos Condes, descoñecendo a súa procedencia. (Ver Apéndice: Mámoa, petroglifos e castro inéditos en Monforte).   
Xacemento da Idade do Bronce: Nun desprendemento de terras nun monte de A Vide saíron á luz 7 machados de tope. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey. Os mesmos autores citan outro machado de tope atopado nalgunha parte do concello. 
 

 
 

MONTERROSO
Fincas da Escrita (Fufín); Rocha Tumba (Lardeiros-Ligonde); Satrexas (Satrexas); Sirgal (Sirgal); Buxergos e Tarrío (Tarrío de Buxergos).

MURAS
Petroglifo de Pedra Chantada.

NAVIA DE SUARNA
Pena dos Cubelos (O Penedo-Vallo): Dúas penas con catro coviñas que integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos o día 5 de setembro de 2016.
Un veciño de Savane contoume que no antigo camiño que comunicaba Savane con Vilarpandín, no lugar coñecido como A Canceliña, había tres penas que tiñan esculpidas unhas figuras con forma de ferradura e cazoletas. Foron destruídas por unha escavadora no ano 1969 ao ampliar o camiño.
(Para máis información, ver: Mámoas, petroglifos e castros da comarca dos Ancares).
 

AS NOGAIS
A Pedra das Marcas (Santo André das Nogais): O día 6 de marzo de 2015, Abel Iván Arias levounos ata o monte coñecido como Chao da Canda, a 954 metros de altitude, situado por riba das aldeas de Vilavexe e da Lama da Vila, na parroquia de Santo André das Nogais. Ata finais dos anos setenta ou principios dos oitenta do pasado século XX, a pena onde había varias gravuras foi destruída con dinamita cando se acondicionou o terreo para pradarías. Na actualidade os anacos da desfeita están amoreados nunha beira do prado, a carón dun camiño. Como xa caída a tarde só puidemos distinguir dúas pías nunha das esquinas e o que semellaba a representación da pegada dun animal. Ao día seguinte pola mañá, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos de novo ata a Pedra das Marcas. Despois de limpar a pedra observamos que a pegada non era tal, senón a inscultura dunha ferradura. A pedra, en total, ten catro ferraduras gravadas, dúas pías de forma tirando a ovalada e tres pequenas cazoletas. Destas últimas non é doado distinguir se son naturais ou feitas pola man do home. Só neste anaco de rocha de cuarcita, duns 90x50 cm, atopamos restos de gravuras, os efectos da dinamita foron letais para o resto. Os sucos dos gravados non están moi desgastados o que, unido á tipoloxía dos mesmos, fainos pensar nunha cronoloxía medieval. Malia isto si nos chaman a atención as dúas pías de forma ovalada, claramente artificiais, asociadas ás ferraduras. Ao parecer esta rocha non actuaba como marco divisorio, nin de aldeas nin de herdades. Segundo a lenda, aquí había agochado un tesouro. Estes son os primeiros petroglifos documentados no concello de As Nogais, e os décimos da comarca galega dos Ancares que durante os anos 2013 e 2014 foron localizados polo noso colectivo.
Unha veciña de Doncos contoume que de nena a súa nai xogaba nunhas penas con figuras gravadas preto do antigo camiño real que comunicaba Doncos con Castelo.
A Mediados do mes de febreiro de 2015, integrantes do noso Colectivo Patrimonio dos Ancares e da Asociación de Veciños de Torés peiteamos as inmediacións da Cova da Moura onde existe unha pena coñecida como Pedra das Ferraduras e que, polo de agora, non atopamos. 
 

OUROL
Petroglifos do Chao de Sinás e Coto do Xesto (Besteburiz/O Xesto-Miñotos): Nas dúas estacións hai, ao menos, unha ducia de penas con gravuras.
Parque Eólico Álabe-Mareiro: Nos traballos de Estudo do Impacto Arqueolóxico documentouse a existencia dun grupo de mámoas e trece rochas con petroglifos. Dous dos túmulos e catro petroglifos sufriron severos impactos.

OUTEIRO DE REI 
A Pena Serrada (Province-Aspai); Santa Comba (Santa Comba-Aspai); Pena Marela (entre as parroquias de Aspai e Vicinte); Reitoral de Martul (Martul); O Castro (San Fiz de Paz); Monte de Bravos (Bravos-Vicinte); Pena do Ouro (no Monte Peizás, entre os concellos de Lugo e de Outeiro de Rei). 
Gravura de Martul: A principios do mes de novembro de 2013 achegueime ata Martul xa que tiña coñecemento dunha gravura reaproveitada na reitoral. A primeira e única referencia a esta singular peza débese a Guerra Mosquera no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1976). Trátase da imaxe dunha figura humana insculpida nunha pedra do muro da casa con trazos ben definidos e profundos que debuxan o corpo, brazos, pernas e cabeza onde se aprecian a boca e os ollos. Quizais represente a unha divindade feminina espida, unha deusa da fecundidade, unha Matres Gallaiciae céltica. Segundo me contou un veciño a pedra foi reutilizada para tapar unha antiga ventá. A tradición oral di que foi atopada nunha mámoa, se ben é certo que se descoñece en que lugar se ubicaba o enterramento. Eu amoso as miñas dúbidas canto á súa adscrición ao Neolítico, situándoa, en todo caso, na Idade do Ferro. A principios de abril de 2017, para a nosa sorpresa, comprobamos que non estaba catalogada polo que me dirixín por escrito ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan a inventariala e trasladala para un museo. (Ver Apéndice: A Figura de Martul). 
Petroglifos do Monte de Bravos: O día 14 de maio de 2014 localicei dúas penas graníticas con petroglifos, non moi lonxe da anta megalítica de Bravos. Nunha presenta coviñas artificiais e pías naturais, e outra un podomorfo.
Petroglifos de Santa Comba:   
Petroglifos dos Montes de Peizás: No límite entre os concellos de Outeiro de Rei e Lugo. Varias penas con gravuras. Unha das rochas, coñecida como Pena do Ouro ten gravados círculos concéntricos, labirintos, coviñas, cruces, etc. No ano 2012 apareceu outra pena con cazoletas. 
Petroglifos da Pena Serrada: Nun gran afloramento granítico, o día 29 de outubro de 2016, Brais Rodríguez Romero máis eu localizamos un grupo de 15 coviñas cunhas medidas que oscilan entre os tres e dez centímetros de diámetro, unha combinación de tres círculos concéntricos e varias ferraduras. Estas últimas dise que son as pegadas do cabalo de Santiago. O afloramento sitúase nas proximidades dun campo de mámoas. Os achados xa llos comunicamos ao Concello e ao Servizo do Patrimonio Cultural. O día 17 de marzo de 2017, despois da visita dos técnicos de Patrimono, comunicáronme que estes petroglifos xa foron catalogados. No DOG do día 3 de agosto de 2017 saíu publicada unha resolución da Dirección Xeral do Patrimonio para incluír estes petroglifos no Rexistro de Bens de Interese Cultural.    
Petroglifos da Pena Marela: Pena próxima a un campo de mámoas que actuaba como divisoria entre as parroquias de Aspai e Vicinte. Ten gravadas unha pequena cruz e, ao menos, tres coviñas que Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos o día 14 de marzo de 2015.  
Petroglifo de Santa Comba: O día 14 de marzo de 2015, Brais Rodríguez Romero máis eu documentamos sobre unha pena granítica de 2,75 x 0,70 metros a gravura dunha figura antropomorfa formada por un círculo superior de 17,5 cm de diámetro da que parte unha liña vertical de 0,18 cm cunhas liñas en forma de brazos de 10 e 9,5 cm respectivamente. Xunto o círculo, na parte esquerda, hai tres pequenas coviñas de 2,5 cm de diámetro e unha profundidade de 0,5 cm. A figura "mira" cara un campo de mámoas situado nas proximidades. No monte de San Xoán de Parada e en Candai apareceron dúas pedras (pedrafitas) con motivos semellantes. Nunha pedra próxima localizamos unha pena con tres coviñas. (Ver o apartado neste mesmo blog adicado aos Círculos Líticos e Pedrafitas de Galicia e Apéndices).      
Vaso de Martul: Vaso de borde revirado pertencente á Idade do Bronce.


 

 

 
 

PALAS DE REI
Monte Cogorzo (Cabana); Pedra do "Reloj" (Monte Cabana-Cabana); O Marco (Merlán); Casa dos Mouros (Chorexe-Pidre).
Pedra do "Reloj": O día 18 de xaneiro de 2015, Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez, do Museo da Terra de Melide, informáronme que sobre dúas penas graníticas, que forman parte do mesmo afloramento, vense tres círculos concéntricos, o máis nidio nunha pena e os outros dous, moi erosionados, na outra. Neste monte hai moitas mámoas e outras penas con petroglifos, bastante dispersos, con combinacións de coviñas, círculos simples e unha gran pena con coviñas e un cruciforme de gran tamaño.

PANTÓN
San Romao (forma parte dunha casa de San Romao, na parroquia de Acedre); Pesqueiras (Atán); Monte San Paio (Eiré); Pedra de Espasantes, Sitio das Saíñas (Espasantes); As Canizas e Vilaxilde (Vilaxilde-Espasantes); A Cariza e Cancelada (Espasantes); Torre do Castro (preto do castro da Torre do Castro-Espasantes); Augas Santas (As Augas Santas-Pantón); A Escrita (Toldaos); Pena da Cima da Costa e San Romao (Vilar de Ortelle); No camiño que une as aldeas da Míllara e Valboa hai unha pena con cazoletas.
Petroglfios de Augas Santas: Coviñas insculpidas en dúas penas que actúan como basamento dun cruceiro moderno, que substituíu a outro de madeira, situado nas inmediacións do santuario de Augas Santas, asociado, posiblemente, a algún tipo de ritual relacionado coas augas con propiedades salutíferas que manaban en varios puntos do lugar; tamén se ve unha especie de cruz ou "T" de factura moderna. Hoxe en día só se conserva a coñecida como A Fonte da Virxe. Segundo me comentaron uns veciños, en tempos había outro manancial e dous pozos, un situado detras do santuario de orixe románica, coñecido como Pozo de Santa Lucía. Nunha pedra, que actúa como muro dun galiñeiro, vese unha curiosa figura humana, a todas luces de época moderna, que podería representar a algunha divindade. Segundo o arqueólogo Iván Álvarez, en información recollida de La Voz de Galicia, as liñas que arrodean á figura poderían simular unha aura, nun intento de esculpir un motivo de carácter relixioso.
Petroglifos de Cancelada: Brais González, de Vilaxilde, atopou catro rochas con gravuras de cazoletas. Con anterioridade xa descubrira os petroglifos da Torre do Castro. Nos terreos do pazo de Espasante hai outra peneda con insculturas.
Petroglifo de As Carizas: Rocha con cazoletas descuberta no ano 2007. 
Petroglifo da Pedra de Espasantes: Luis Carré Alvarellos publica un artigo no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1949) onde dá conta dunha pena con 32 coviñas descuberta polo seu irmán Leandro.  
Petroglifos do Monte San Paio: Un veciño descubriu varias rochas con cazoletas cando examinaba un terreo para facer o deslinde de varias parroquias. Nas inmediacións hai unha mámoa parcialmente danada hai anos pola construción dunha pista. 
Petroglifo de San Romao: Exento, forma parte dunha casa.  
Petroglifos da Torre do Castro (Espasante): Dado a coñecer por Luis Carré Alvarellos no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo no ano 1949. Foi descuberto polo seu irmán Leandro a carón do camiño enlousado que conduce ao castro próximo. Consta de 32 coviñas. 
Na Oficina de Turismo de Ferreira de Pantón custódiase unha pedra granítica con gravuras de círculos concéntricos e coviña central de procedencia descoñecida. Decatáronse dos debuxos cando ía ser utilizada para un muro de contención en Pesqueiras, na parroquia de Atán. Ao seren trasladada por unha pa, perdeu un anaco.

 

 

 

 

PARADELA
Lousa decorada de Barán (Barán): No castro da Croa de Barán apareceu unha lousa exenta con incisións que foi estudada por J. Carballo e publicada no Boletín da Comisión de Monumento de Lugo (1943). Di que as liñas que se ven pertencen ao grupo de representacións ultra-esquemáticas que representan unha danza funeraria pertencente á Idade do Bronce. Non se debe incluír nos gravados rupestres clásicos, senón entre os motivos decorativos por veces moi arcaizantes, bastante corrente na época dos castros.
 

PEDRAFITA DO CEBREIRO
No mesón de San Xiraldo de Aurillac, antigo hospital de peregrinos, pechado na actualidade, está o orixinal dun relevo orixinario de Salcedo, concello de A Pobra de Brollón, que ata hai pouco se tiña como un petroglifo da Idade do Bronce. Pódense observar dúas figuras humanas montadas en senllos cabalos con espadas sobre o ventre, un cabalo detrás e outras figuras. Toda a información en Apéndices: O misterio do relevo de Salcedo
A POBRA DO BROLLÓN
Petroglifo de Salcedo: Ver en Apéndices: O misterio do relevo de Salcedo. 
Petroglifos de Óutara: Nesta parroquia, lindeira co concello de O Incio, consérvase unha pena con coviñas e cruciformes. 

A PONTENOVA
Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos. 

PORTOMARÍN
Petroglifos de Pena Maior (Vilaxuste): Aínda que nos mapas figura como Monte Outeiro Grande, en realidade atópase no Monte Reborido, a 564 metros de altitude. Trátase dun gran afloramento rochoso onde localizamos dous grupos de gravuras. No primeiro dúas coviñas duns seis centímetros de diámetro, unha delas con canle, unha pía de forma tirando a ovalada de 0,25 x 0,13 metros e unha posible ferradura. No segundo grupo vese unha coviña de trece centímetros con canle, dúas coviñas duns sete centímetros de diámetro e dúas pías circulares duns dezaseis centímetros de diámetro. Segundo os veciños de Vilaxuste, actuaba como linde entre as parroquias de Recelle e Vilaxuste. 
Petroglifos de Pena Corveira: Entre as parroquias de Vilaxute e Recelle, non moi lonxe do anterior. Coviñas. Consérvase un burato cadrado que acolleu unha cruz, hoxe en día desaparecida. Asociada a unha lenda de bruxas. Segundo os veciños de Recelle é esta pena a que actuaba como linde con Vilaxuste.
Había outra pena con gravuras que foi destruída hai anos. 
Pilar Carpente máis eu localizamos estes petroglifos inéditos o día 13 de decembro de 2015, grazas á información facilitada por Xermán Souto.


QUIROGA
Petroglifos de Feais (Feais-Cereixido): No ano 2011 faláronme dunhas rochas con gravuras no concello, mais descoñecía todos os demais datos. Deles fala Begoña González Aguiar quen os estudou no ano 2012. Trátase de dous soportes de lousa con coviñas.  
Machados de Hospital: Da Idade do Bronce. Catorce machados que apareceron non lugar do Agro Vial, no lugar de Carballo. Catro teñenn un só anel, dez dobre anel. No Museo Provincial de Lugo.   
Penadominga (Bendilló):  Atopouse un "alquerque de IX" de datación tardorromana gravado nunha laxa de lousa. No Museo Provincial de Lugo.
 

 

 

RIBADEO
Petroglifos de As Fádegas ou As Pisadas do Encanto: No mes de xullo de 2011 MariñaPatrimonio localizou uns petroglifos nunha finca de As Anzas con forma de pegadas de pés humanos e dúas cazoletas. Avisada a Dirección Xeral do Patrimonio, as gravuras xa foron catalogadas. Son os primeiros petroglifos que se atopan no concello. En principio creuse que eran once pegadas humanas e catro coviñas, mais logo de ser estudadas as pegadas, din os investigadores, son de osos o que as vincularía a un rito ao sol e ao solsticio de verán, paralelismo que se dá nos países nórdicos.
 

RIOTORTO 
Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos. 

SAMOS
Os Chaos e Pena das Cazolas (Lóuzara); Os Negredos (entre Renche e San Cristovo do Real); Pena das Cuncas (Vilar de Robledo-Santalla); Pena dos Buracos; Na Serra do Édramo, entre os castros de Formigueiros e Margarida.
Petroglifos Pena das Cazolas: Laxe con coviñas. (A descriptiva foto enviouma Benxamín Balboa).
Petroglifos Pena dos Buracos: Delimitan a necrópole megalítica da Chan do Nandelo.
As insculturas do concello que puidemos comprobar presentan cazoletas de distinto diámetro.
Petroglifos Pena das Cuncas: No límite dos concellos do Incio e Samos. Laxe de pizarra con cazoletas, algunhas unidas por sucos.
Castro de Formigueiros: Acháronse varias lousas insculpidas, pertencentes ao pavimentado dunha praciña arrodeada por bancos de pedra, con representacións de peixes, cabalos e un labirinto. Nun dos soportes aparecen uns caracteres que segundo o director da escavación, Gonzalo Meijide, lembran os alfabetos ibéricos. Estaremos diante da primeira escritura prerromana aparecida en Galiza?


 

 

SARRIA
Pena da Rebouza ou Pena da Moura (Rebouza-Barbadelo); Rente (Rente-Barbadelo); Igrexa e Penedo dos Ramos (Barbadelo); San Cibrán e Monte de Santa Cristina (Betote); Capela do San Marco (Biville); Penas de Vigo (Vigo-Fafián); Pena de San Estevo (As Pedreiras-Ferreiros); Lousadela e Tosal (Lousadela); A Fonte (A Fonte-Maside); Pena de San Vicenzo(Maside); Pena dos Barrenos e Pedra da Moura (Vilerma-Maside); Santo Estevo (Maside); Zanfoga (Zanfoga-Maside); A Pena (A Pena); Santo Estevo (Requeixo); Monte de Santa Cristina (Treilán-Requeixo); Pena Escrita (Pacio-Vilamaior); Tremeado (Tremeado-San Fiz de Vilapedre); Pena do Corrial e Penelas (As Penelas-Santalla de Arxemil); Almeira (A Fonte-San Salvador de Pena); Campo da Feira e Santo Estevo (Sarria); Monte Porqueiro.
Petroglifos de Almeira: Presenta cazoletas, algunhas unidas entre si por uns sucos.
Betote: Nun xacemento calcolítico que apareceu durante as obras da autostrada A6, no tramo de Nadela a Sarria, atopouse un bolo granítico con cazoletas adscrito a este período.
Petroglifos da Igrexa: Preto da igrexa románica pódense ver coviñas, cruciformes e serpentiformes. 
Petroglifos da Capela do San Marco: Na Serra do Páramo está a capela do San Marco, de afamada romaría. No lugar houbo na Idade Media un pequeno mosteiro posto baixo o padroado do San Adrao. Acaroados á ermida hai tres sártegos escavados na rocha. Xunto un deles vese unha coviña de 10 cm de diámetro, e nas inmediación dúas coviñas illadas e unha pía de 24 cm de diámetro, todos de factura humana. Localiceinos o día 6 de xuño de 2015. Sen catalogar.   
Petroglifos do Monte de Santa Cristina: Sobre unha pena granítica, 31 cazoletas, varias delas aliñadas, coviña con círculo e tres podomorfos.
Petroglifos de Tosal: Penedas con coviñas.
Petroglifos de Zanfoga: Algunhas penas insculturadas desapareceron cando a concentración parcelaria. Consérvanse algúns soportes graníticos con cazoletas, círculos, serpentiformes, motivos que semellan pegadas de animais e ferraduras. 
Luis J. Solla Fontán, no se traballo publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo, Petroglifos en Sarria (1984), achega os seguintes: Pena de Barbadelo, xunto a igrexa, con coviñas, cruciformes e serpentiformes; Pena das Granxas, entre o quilómetro 2 e 3 da estrada Sarria a Portomarín, circoformes, serpentiformes e zoomorfos; A Pena do Camiño, entre os quilómetros 1 e 2 da estrada Sarria a Portomarín, cova grande e circoforme, algúns dos circoformes achéganse un pouco a uns labirintos; A Pena do Dolmen, entre Zanfoga e San Vicenzo, cova, serpentiforme e un en forma de machadiña; A Pena da Flor, entre Zanfoga e San Vicenzo, cruciforme e forma de flor; Penas de Zanfoga e de San Vicenzo, en Zanfoga, coviñas; Pena do Pombal, entre Fonte e Maside, cazoletas e "cambeiriformes"; A Pena da Constelación, entre Fonte e Maside, cazoletas; Pena das Ferraduras, por riba da igrexa de San Pedro de Maside, "cambeiriformes", ferraduras e pegadas de animais; Pena de Vilerma, coviñas, canles e "cambeiriformes"; A Pena do Mencer, xunto o castro de Santo Estevo, cazoletas e algún "cambeiriforme"; Pena Citania, entre Fonte e Santo Estevo, coviñas, "cambeiriformes" e liñas; Pena de Santo Estevo, no antecastro de Santo Estevo, combinacións con coviñas; Pena da Canteira, entre os quilómetros 1 e 2 de Sarria a Goián, coviñas, radios e cruces; Pena da Vía Láctea, entre os quilómetros 1 e 2 da estrada de Sarria a Goián, coviñas e un cico con centro en coviña; Pena de Santa Cristina, en Betote, coviñas e dous círculos concéntricos; Pena dos Sacrificios, no Monte de San Cibrao, cazoletas e canles; Pena do Romeo, coviñas e "cambeiriformes". 
Pena dos Sacrificios: Como cito no apartado anterior, Solla Fontán fala no seu traballo desta pena ubica no Monte de San Cibrán, cando en realidade está no coñecido como Monte das Lamas. O día 13 de novembro de 2015, José Antonio Quiroga Sobrado acercoume ata o lugar para ver esta pedra que el visitara co seu pai hai uns cincoenta anos. Estaba formada por unha gran pía superior da que partían varios sucos ou canles que remataban noutras pías. Segundo a lenda, na pía superior botábase o caldo, e este discorría polas canles para encher as pías inferiores onde se comía. Cando chegamos ao sitio a rocha fora tapada con cascallos de pedra e terra procedente dunhas pozas que escavaran nas inmediacións, ademais de que o afloramento granítico fora usado para extraer pedra. Despois de limpar a zona demos coa rocha mais, lamentablemente, atopámola practicamente destruída, conservándose só parte de dúas pías inferiores duns 12 cm de diámetro e 10 cm de profundidade e outras dúas nas que apenas se adiviñaban. Cremos que podería tratarse dun espazo ritual. Nas rochas cortadas situadas nas inmediacións constatamos a presenza de varias coviñas. Ver Apéndices: Altar de Sacrificios (Sarria).
Bolo de Betote: Durante as obras da autostrada entre Nadela e Sarria, escavouse o entorno dunha enorme rocha granítica (bolo) que contiña varias cazoletas gravadas na súa superficie. Ademais, outras estruturas arqueolóxicas aparecían vencelladas a este Bolo, encadradas, segundo os seus escavadores, no Calcolítico, destacando un anel peristalítico arrodeando a rocha. Unha vez escavada esta rara estrutura de tipo simbólico e ritual, procedeuse ao seu traslado, optándose por cortar o bolo, de 112 toneladas, en varios anacos. A reinstalación fíxose tendo en conta a recuperación de toda a morfoloxía da pedra, así como a súa orientación orixinal. A escavación foi dirixida por Juan A. Cano Pan, e as súas conclusións aparecen reflectidas na revista de informes arqueolóxicos da Xunta de Galicia do ano 2006.

 

 



O SAVIÑAO
Pena do Aveado (Pesqueiras-Santo Estevo de Ribas de Miño); Leira da Rapada (Vilatán).
Castro de Abuíme: No antecastro do castro de Abuíme hai unha rocha cunha pía coñecida como A Pía dos Mouros. Nos laterais tamén se poden ver unhas coviñas. Dise que os mouros que habitaban no castro utilizaban a pía para dar de beber aos cabalos, e os buratos eran as marcas das ferraduras.
Petroglifo de Leira Rapada: Preto do castro de Leira Rapada. Na parte superior da pedra cobertoira dun, para min, dubidoso dolme localizado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no mes de febreiro de 2014, aparecen gravados dúas combinación de círculos concéntricos de cuxo centro parte unha liña ou suco. 
Igrexa de San Paio de Diomondi: "Alquerque de IX" reutilizado na construción da igrexa, situado na parte alta da ábsida, xunto un canzorro. Moi erosionado. A súa reutiliación no templo dános unha cronoloxía, evidentemente, máis antiga. O "alquerque de IX" coñécese tamén como "o triple recinto", interpretado como un desexo de transmitir un determinado coñecemento.

 


SOBER
Nogueira, Regueiro ou Tapada do Monte (Nogueira-Anllo); Laxa da Carreira e A Paxota (Bolmente); Armenteiro (Bulso); Monte dos Cótaros (Figueiroá); Prados (Prados-Figueiroá); Camiño da Ribeira, Casardecima (Lobios); Monte do Cura (Millán); Pena do Lagarto, O Agro e O Barcal (Sampil-Pinol); Cadeiras, Campo da Chá, Castro das Medorras, Monte de Valderraña, Pedra da Virxe e O Toutileiro (Pinol); Agro dos Llanos, Coviñas de Foxaes, Os Lagos, Monte do Coto, O Pombar, Pedride, Pena do Galo, Pena do Cabalo, As Portelas, As Tapias, As Tercias e O Xestal (Proendos); Froxán (Froxán-Proendos); Coviñas dos Toxos e Prados (Mer-Proendos); Campo da Chá, A Cerreda, Monte de Veliños, O Val (Santiorxo); Preguiceiro (A Lama-Santiorxo). Na parroquia de Proendos había outras moitas gravuras, hoxe en día desaparecidas: Centeás, Pena da Portela, As Tapias ou As Terzas. 
Petroglifos do Agro: Dous afloramentos graníticos con cazoletas, sucos e pías naturais. 
Petroglifos de Anllo: Presenta motivos circulares, sucos, coviñas, cruciformes inscritos nun cadrado e o que semella un ídolo e unha paleta. Sufriu unha agresión dando as obras dunha traída de auga. 
Petroglifos do Barcal: Coviñas, algunhas unidas por sucos. 
Petroglifos de Cadeiras: Nas proximidades do santuario de Cadeiras, rocha granítica cunha combinación circular. Sen catalogar, demos con el en maio de 2013. 
Petroglifos do Camiño da Ribeira: Pena con coviñas e sucos localizada por Óscar Alonso, da asociación O Colado do Vento. 
Petroglifos de Casardecima: Localizados por Óscar Alondo, da asociación O Colado do Vento. Pena con máis de cincoenta insculturas.    
Petroglifos do Castro das Medorras: Rocha na croa do castro cunha ducia de cazoletas. 
Petroglifos de Froxán: Círculos concéntricos que forman parte das pedras do muro dunha casa. 
Petroglifos de Os Lagos: Dúas rochas con coviñas e sucos. 
Petroglifos da Laxe do Campo da Chá: Coviñas e sucos. Segundo a lenda se se abre sae unha campá, e cando un carro pasa por riba estremece. 
Petroglifos do Monte dos Cótaros: Círculos concéntricos, sucos e coviñas. Enrique Fernández Llano recolle unha lenda no seu Descripción del término municipal de Sober (1977) que fala da Pedra dos Cótaros que posúe un petroglifo. A peneda foi levada alí por unha moura xa que lle estorbaba para coller auga na fonte de Rolindes. 
Petroglifos do Monte Valderraña: Unha rocha granítica con 11 cazoletas. 
Petroglifos do Monte do Cura: Coviñas, Citado por Vázquez Seijas. 
Petroglifos de Nogueira, do Regueiro ou da Tapada do Monte: Xunto o regueiro Baldeiros. Gravuras en xisto con orientación principal N-S. Vense sete combinacións circulares, varias coviñas e unha figura reticulada unida á maior parte das combinacións circulares mediante un suco que parte desta. Taménse aprecian motivos cruciformes. 
Petroglifos da Paxota: Descuberto no mes de novembro de 2017 polo integrante da asociación Colado do Vento. Unha ducia de círculos concéntricos e máis de cen coviñas. 
Petroglifos de Pedride: Coviñas e un motivo a xeito de phi. Cruciforme de época medieval. 
Petroglifos da Pena do Cabalo: Coviñas, sucos e un posible cabalo dun trazo. 
Petroglifos da Pena do Lagarto: Entre Vilariño e Paradela (Pinol). Dados a coñecer o día 18 de novembro de 2015. Foron descubertos pro Óscar Alondo, de O Colado do Vento. Trátase dunha pena duns dez metros de lonxitude ateigada de coviñas e sucos. Podemos estar diante do conxunto máis grande do sur da provincia de Lugo.     
Petroglifos do Pombal: Círculos concéntricos e coviñas. 
Petroglifos dos Prados ou Toxaes: Coviñas. 
Petroglifos de Preguiceiro: 33 coviñas, algunhas unidas por sucos. 
Petroglifos do Xestal: Divididos en dous grupos. O primeiro consta dunha combinación de sete círculos concéntricos con coviñas asociadas. O segundo grupo atópase a uns 50 m do anterior, está formado por catro combinacións circulares asociadas a cazoletas e trazos rectos e en ziguezague. 
Pedra da Virxe: Nun afloramento granítico había gravadas varias cazoletas e pías. Segundo a tradición, nesas pías lavábase e peiteábase a Virxe. A parte gravada da pedra foi cortada e non seu lugar, aproveitando unha oquedade, colocouse unha imaxe da Virxe protexida por unha porta. Esta lenda é a orixe do santuario de Cadeiras. 

 

 

TABOADA
Castro de Moreda (Moreda). 
Castro de Moreda: Penedo marcado cunha ferradura que disque é a pegada da burriña da Virxe. 

TRABADA 
Serra da Cadeira: Entre a Pontenova, Riotorto, Trabada e Lourenzá. No estudo de impacto arqueolóxico do parque eólico Cadeira-Cerrochao localizáronse oito xacementos calcolíticos. 

O VALADOURO
Pena nas abas do Penido: Non moi lonxe do círculo lítico do Prado das Chantas hai unha pena con coviñas e pías que, nun primeiro momento, semellan naturais. Mais como di Mónica Montero Borrazás, se as pequenas son artificiais, as grandes poderían ser o resultado da erosión por existir previamente coviñas ou traballos sobre a pedra.
Brosas de Recaré: Brosas desmangadas pertencentes á Idade do Bronce. Custodiadas polo Museo de Lugo.

VILALBA
Ladra (Castro de Ladra-Ladra); Vilagondriz, na actualidade no Museo Arqueolóxico de Vilalba (Lanzós); Pena do Sombreiro (Samarugo); Penedos de Monseiván (San Simón da Costa). 
Petroglifos de Ladra: Laxe no castro de Ladra coa gravura dun ofidio. 
Petroglifos da Pena de Samarugo: Hoxe en día desaparecida. A primeira referencia deste petroglifo é de Manuel Murguía. Segundo a reprodución feita por Vázquez Seijas representaba o Sol e a Lúa. Cuevillas e Bouza Brey póñenna en relación coas barcas solares dos petroglifos escandinavos. García Martínez apunta unha posible relación dos deseños con cultos á fertilidade. Xosé M. González Reboredo como símbolo de conxunción luar-solar que representaría unha coincidencia dos opostos masculino/feminino. 
Penedos de Monseiván: Penas con pías e coviñas asociadas, segundo algunhas fontes, a cultos ao sol, á lúa e a sacrificios de animais. 
Petroglifo de Vilagondriz: Petroglifo exento realizado nunha laxe de metarenisca con varios motivos circulares. Custodiado no Museo de Arqueoloxía e Prehistoria de Vilalba. 
Xacemento do Cabrón (Rodas-Lanzós): Da Idade do Bronce, apareceron obxectos cerámicos e líticos. Francisco González Peteira achegoume a ficha deste xácigo. Di que se trata dunha zanxa, en forma de V moi aberta, que mide de ancho na boca 3 metros, o ancho da base é de 1,30 metros, e a profundidade de un metro aproximadamente. 
Machado (Sancovade): Apareceu un machado de tope da Idade do Bronce. Citado por López Cuevillas e Bouza Brey. 
Machados: Dous foron atopados por Ángel Pérez Carballeira a principios dos anos sesenta do pasado século XX no lugar de Cornas, parroquia de San Simón da Costa. Outro atopouno a señora Carmen Freire Fraga no sitio do Chao de Laxoso, no monte das Abruñeiras.  
Outras penas: Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1950) cita varias penas no concello de Vilalba: A do Pico de Vilariño, con varias coviñas na parte superior; Pico do Bolo (no Monseivane), con coviñas e canles. Nos Pedrouzos de Corvelle, dúas penas con coviñas e pías. En Pedrouzos de Córneas (Smarugo), rocha con pías e coviñas. A Pena Acabalada, situado no monte das Pandas (San Simón da Costa), asociada a varias lendas. E a Pena Abaladoira de Samarugo (unha foto antiga desta pedra débolla a Francisco González Peteira).



 

 

 

XOVE
Petroglifos dos Illós de Pedras Altas (O San Salvador-Monte): Dúas penas con gravuras de época histórica.
Petroglifos da Casa do Cura (Penas Agudas-O Monte): Pena con dezaoito cazoletas e serpentiformes descuberto por MariñaPatrimonio. Trátase do primeiro petroglifo atopado no concello e que xa foi incluído polo Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura no inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación de "petroglifo do Monte".


Xabier Moure
Petroglifos de Galiza/Galicia (Provincia de Lugo)
o noso patrimonio