ROMANIZACIÓN DE GALIZA/GALICIA (PROVINCIA DE LUGO)

ROMANIZACIÓN DA PROVINCIA DE LUGO

ANTAS DE ULLA
Castro de Amarante: No ano 2002, durante os traballos de reparación nunha finca, atopouse un pondus. O propietario informou ao párroco e director do Museo Parroquial de Monterroso (onde se atopa), don Carlos Méndez, quen logo o puxo en coñecemento de Javier Gómez Vila quen o publicou en Lucensia (2003): Un pondus romano atopado no castro de Amarante. Lese: XXV e II, que suman XXVII. O peso da peza é de 8.980 gramos o que corespondería casi exactamente coas 27 libras indicadas no epígrafe. No Museo Provincial de Lugo consérvanse dous exemplares, tamén de cuarcita, como o de Castro de Amarante. Un foi exhumado no xácigo romano de Castillón (Pantón) por Vázquez Saco, e o outro xunto a muralla de Lugo.

BALEIRA
Tramos da Vía XIX. Río de Castro (Fonteo): Un veciño, arando nunha finca, atopou un catillus
Na parroquia de A Degolada está o evocador topónimo de A Calzada; nas inmediacións érguese o castro da Degolada.  
Vilagarcía (Córneas): Explotación a ceo aberto onde se aprecia unha gran corta; a mesta matogueira impide ver a infraestrutura hidráulica para o desenvolvemento da mesma.


BARALLA
Lápidas de Aranza: Localizadas en Aranz de Sanz, localidade non identificada que Hubner sitúa en Aranza. As dúas desapareceron. A primeira dicía: "TVTELAE/L(ucius) ANTONIVS/AVITVS CVM/FILIS ET ZOZIMA L(iberta)/EX VOTO" ("A Tutela. Lucius Antonius Avitus cos seus fillos e Zozima, liberta, por unha promesa". Na segundo líase: "IQVI/OPT(imo) MAX(imo)/Q(uintus) PV(blius)/DION(i)SIVS/EX VOTO" ("A Xúpiter Optimo Máximo. Quintus Publius Dionisius, en cumprimento dun voto".  
Posible ubicación da mansio Timalinum
Restos de calzada (Vía XIX) espallados pola serra de Constantín e outras parroquias do concello.   
Agro de Pedreda (San Miguel de Neira de Rei): No ano 1932, ao facer unha estrada, saíron á luz varias columnas, cerámica e mosaicos de época romana. Segundo me contou un veciño de Todón de Abaixo, en Becerreá, no lugar había unha cidade que foi soterrada debido a unha maldición divina. No exterior da casa deste mesmo veciño hai unha base dunha columna romana, e na Ponte de Neira, en Baralla, base e fuste da mesma época sustentan unha cruz moderna; todas as pezas proveñen do Agro de Pedreda. Entereime desta posible mansión no mes de febreiro de 2012, cando andaba a procurar o castro de Todón de Abaixo, na parroquia de Cascallá, municipio de Becerreá, non moi lonxe do lugar en cuestión, información fornecida por un veciño de 88 anos e do que eu nada sabía. Cando mo estaba a contar axiña se me veu á cabeza a Talamina de Ptolomeo e o Timalino do Itinerario de Antonino sobre o que tanto se ten lucubrado, uns situándoa no Campo da Árbore ou Vilartelín (Becerreá) e outros en Constantín ou Papín (Baralla). Á vista destes achados, creo que descoñecidos ata o de agora, coido que sería interesante ter en conta este lugar á hora de ubicar Timalinus. Hai algúns anos, Javier Gómez Vila xa a situou nos arredores de Constantín, non moi lonxe do Agro de Pedreda. Rodríguez Colmenero e Vázquez Asorey (2008) tamén sitúan Timalinus nas proximidades.
Ara de Papín (Penarrubia): Ara aos Lares Viais adicada por Placidina en cumprimento dunha promesa: "LARIBV(s)/VIALIB(us)/PLACID(i)/NA EX V/OTO P(o)/SVIT". Atopada en Papín no ano 1906 polo párroco de Penarrubia don Antonio Correa. Na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. 
Ao pé do castro de Penarrubia atopouse outra ara, hoxe en día desaparecida.  
Lápida de Lexo: Vázquez Saco, no Boletín de la Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria, custodiada no Museo de Lugo, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo que logo reproduciron outros autores (Vázquez Seijas entre eles) que coinciden en presentar a súa lectura como moi problemática. Malia os atrancos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, di que pode tratarse dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos que levan nome latino. O nome do castro, Laedies, pode facer alusión ao Castro Laediense, quizais identificado co castro de Lexo.  
Via XIX-XX: Unía Braga con Astorga. Cruzaba o río Miño por Tui, subía ata Padrón para, nun traxecto próximo ao Camiño Francés a Santiago, chegar a Lugo. Logo seguiría, utilizando as vías naturais polas que discorren os Camiños Francés e Primitivo a Santiago, ata Astorga.
Vila romana de Quintela (Arroxo): Situada na aldea de Quintela. Moi achandado por un camiño que o circunda, apareceron abundantes anacos de tégulas.  
Castro da Condomiña: Apareceron restos de construcións, tégulas, cerámicas e moedas de ouro e prata de época romana. 
No ano 1179, nunha venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua". 
Máis información no meu blogue Mámoas e castros da comarca dos Ancares, na entrada adicada á Romanización.



BARREIROS
Punta do Castro: Castro romanizado. Entre outros materiais, saíron á luz restos de terra sigillata e fragmentos de ánforas.
Miliario: A este miliario faise mención en Hispania Epigraphica. Lese: "D(ominus) N(ostris)/CONSTANTI/NOBILISSIMO/CAESARI/POSUIT FLAVIN(us)/ MILIARIUM/ XXVIII".
Explotación mineira Forno dos Mouros (Monte de Coira-Celeiro de Mariñaos): No mes de marzo de 2013, MariñaPatrimonio solicitou a Patrimonio a catalogación dunha explotación mineira a ceo aberto redescuberta por membros da asociación nunha área que se extende por unhas cen hectáreas de monte en Barreiros e cincoenca en A Espiñeira, no concello de Foz. O arqueólogo Santiago Ferrer apuntou que se trata dunha importante mina romana da que se extraía ouro en po empregando, entre outros, o sistema de peite. Esta explotación deuna a coñecer Schultz a principios do século XX, e Sánchez Palencia xa a menciona nos seus traballos, mais con anterioridade, ano 1876, foi citada por Villaamil y Castro se ben confundiu a gabia da mina co foxo dun castro. No mes de febreiro de 2014 foi catalogada pola Dirección Xeral do Patrimonio.
 

 

BECERREÁ
Xacemento do Enciñal (Cadoalla): Destruído na súa totalidade cando as obras da autostrada A6 no ano 1999.  
Miliario na ponte de Pontes de Gatín: Dubidoso miliario logo utilizado en tempos de Carlos III para insculpir unha inscrición viaria. Aquí adoita situarse a mansión Ponte Neviae do Itinerario de Antonino. 
Explotacións auríferas de Vilar de Frades (Ouselle), Buisán (Quintá), Vilachá (Vilachá) e Fraián (Vilaiz).   
Baixorrelevo de Vilarín: De finais do século I, mediados do século II d.C. Relevo en granito no que se representa un touro, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. A peza foi reutilizada na construción dun forno dunha olería datada no século III d.C. Crese que formaría parte dun friso de posible carácter procesional que faría pensar nun importante edificio que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra. Publicada por Fernández Otero, custódiase no Museo de Lugo.
Ouselle: Localizouse un fragmento de relevo romano.  
Vía XIX-XX: Por boa parte do municipio transcorría a a calzada romana, internándose no concello de Cervantes polas Pontes de Gatín onde algúns investigadores sitúan a mansión Ponte Neviae do Itinerario de Antonino. 
Máis información no meu blogue: Mámoas e castros da comarca dos Ancares, na entrada adicada á Romanización.



BEGONTE
Restos calzada no lugar da Zanca e miliario na igrexa parroquial (Illán).  
Ara de San Martiño de Pacios: Atópase nun da epístola da igrexa de San Martiño. Lese: "NIGRINIAN(V)/S AN(norum) X (sexaginta)/(...) H(ic) S(itus) E(st)", "Nigrimianus morto á idade de 60 anos?". 
Inscricións: Na mesma igrexa de San Martiño hai outras dúas inscricións: unha medieval e outra de dubidosa adscrición cronolóxica, quizais romana, co epígrafe "CRAC".
Ara de Virís: Adicada aos Lares Viais, trátase dun fragmento atopado xunto o muro do cemiterio no ano 1980 polo párroco don Lino Pérez. Trasladada para a igrexa, estivo durante moito tempo xunto a pía de auga bendita que hai á entrada, na actualidade está na sancristía, gardada nun armario. Lese: "L(aribus) VIAL(ibus)".


BURELA
Vestixios dunha villae preto da Chan do Castro (Burela), hoxe en día convertida en basureiro.  
Hipocausto: Atopado no ao 2004 nas proximidades do que ía ser a estrada de acceso ao porto. Saíron á luz varios muros e estancias. Despois da súa descuberta os restos continúa sen protección. 

CARBALLEDO
Ara aos Lares Viais (Temes): Descuberta no ano 1978 polo párroco don Segundo Capón Linares ao repicar o cal que cubría as paredes interiores da igrexa. Sábese a quen está adicada, mais non o dedicante. Lese: "LARIBVS/VIALIBV/S A(?)", "Aos Lares Viais. A(?)").  
Ara: No interior da igrexa soporte de ara sobre o que se modelou un modillón en época medieval polo que se perdeu o campo epigráfico, se ben se conserva parte da tripla moldura orixinal nos laterais da parte superior e da basa. Estuda por Caamaño Gesto, vese: "(...) O (...)". 
Gravura: Nun dos muros interiores da igrexa vese gravada unha figura en forma de espiña de peixe, tamén reaproveitada.    
Inscrición de Temes: Gravada nunha prancha granítica, tabella con moldura funicular, na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Apareceu no ano 1974 ao desencalar os muros da igrexa. Delgado Gómez dátaa no século IV. Di: "FIDES SPES CARITAS", ("Fe, esperanza, caridade").  Da mesma época parece ser unha pomba esculturada noutra pedra, tamén granítica, situada no lateral da nave. 
Sártego de Temes: Tampa dun sártego atopada no ano 1974 na igrexa de Santa María. Trátase dunha praca monolítica de mármore branca, incrustada nun muro, datada entre o 315 e o 330 d.C., considerado a testemuña cristiá máis antiga de Galiza. Hai quen sostén que esta peza marmórea foi prefabricada nun taller romano, procedente das canteiras pantélicas de Atenas, e traída dende o veciño porto de Polumbario aproveitando unha vía navegable do Miño (navegable, segundo Schlunk, ata os Peares), ou quizais polo Sil dende a Meseta Norte. No centro leva unha praca  lisa ou taboíña destinada a recibir unha inscrición que hoxe non existe e quizais nunca existiu. Á dereita daquela represéntase a escea da Adoración dos Magos, xunto o grupo de Adán e Eva, e á esquerda, a historia do profeta Xonás. No primeiro rexistro a Virxe co Neno no colo e con túnica e palio, tocados co característico gorro puntiagudo frixio e seguidos dos respectivos camelos. No segundo rexistro presenta como centro un tronco de árbore flanqueado por Adán e Eva que tende a mán cara á árbore na que está a serpe. Quizais sexa unha das tampas de sártego máis completas da Península. Ofrece por primeira vez en Hispania o tema de Adán e Eva no Paraíso, e un relato do ciclo de Xonás. Atópase incrustada por riba do arco triunfal da igrexa. 
Capiteis na igrexa de Temes: Formando parte dos muros da igrexa están á vista tres capiteis para coroar dúas piastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Unha das piastras foi retocada para adaptala no muro sur do presbiterio, a outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados. Todos pertencentes ao estilo tardo imperiral.
As pezas citadas levan a pensar que en Temes houbo un monumento paleocristián importante, talvez un mausoleu ou capela funeraria dalgún cristián, poderoso e culto dos que aparecen no entorno do val medio do Sil (Crismón de Quiroga), vencellados a vilas e castros tardíos. O propio esporón na ladeira onde se atopa a igrexa debeu de ser un castro reconvertido logo en pequena vila, cunha privilexiada situación sobre a encrucillada de camiños e ríos. En Temes existe a tradición da existencia dun militar romano chamado Marcelo, xa cristián, que sería a orixe da familia dos Temes. Ver o artigo neste mesmo blog: O complexo de Temes (Carballedo).
 

 

 

CASTRO DE REI
Restos calzada xunto a ponte do Río Vello (Duarría).  
Castro romanizado de Viladonga, séculos II-V d.C. 
Castro de Duarría: Atopáronse uns áureos de época xulio-claudia (s. I d.C.).
Inscrición: Cerámica con grafito de propiedade "NANTIVS". Apareceu no castro de Viladonga. Atópase no Museo do castro. 
Moedas: No Museo do castro pódese ver un denario republicano (s. I a.C.), de época Imperial ases de bronce (s. I a.C.), denarios de prata (s. I d.C.), sestercios de bronce (s. III), antonianos de bronce (s. III), semís de bronce (s. IV), follis de bronce (s. IV), sólido áureo (s. IV).  
Museo do castro de Viladonga. 
 

 

 

CASTROVERDE
Igrexa de Tórdea: Na capela absidial, detrás do altar maior, a ambos os lados do sagrario, hai dous fragmentos correspondentes, posiblemente, a un mesmo miliario. Anepígrafes.
Miliario (Tórdea): Na aldea hai o fragmento dun miliario, depositado xunto unha árbore, no que non se aprecia ningunha inscrición, que nun principio estaba no adro da igrexa parroquial. Consérvase algún tramo da Vía XIX.
Miliario (Tórdea): Segundo me contou o párroco de Tórdea, nunha casa da aldea hai un miliario.
Explotacións auríferas mineiras de Furís, Miranda, Riomol e Fonte Nova (Tórdea).   
A Torre (A Torre-Tórdea): Nunha finca atopáronse restos de tella e cerámica romana, ademais dunha pedra cunha inscrición prerrománica depositada no Museo Provincial de Lugo. No lugar hai unha fonte coñecida como Fonte da Torre onde tamén saíron á luz fragmentos cerámicos. 
Vía XIX-XX: Por algunhas partes do municipio pasaba a Vía XIX-XX cara Astorga (Tórdea, Miranda, Mirandela, Furís de Abaixo e A Abelleira)

 
CERVANTES
Ara de San Román de Cervantes: Descuberta por don Justiniano Rodríguez no muro que pechaba a finca de don Antonio del Río, fronteiro ao camiño de Vilar de Cancelada (Becerreá) a Seixas (aldea da parroquia de San Román de Cervantes). Hoxe en día atópase en poder de don Antonio García. É de pedra de granito e mide 76 centímetros de altura. Trátase dun prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Nunha das caras mostra unha inscrición baixomedieval ("Na era de 1120 -ano de 1082- Froila presbítero fíxoo"), e na princial a inscrición romana que di: "(...)AE/(SACRV)M/C(aius) VALERIVS/CARVS/MILES L(egionis) X(decimae) G(eminae) V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)" ("Consagrado a... Caius Valerius Carus soldado da lexión X Gemina, cumpriu de bo grado o voto que fixera". O día 5 de xuño de 2014, cando a vimos por primeira vez, a ara estaba no baixo dunha casa, con caixas de mazás por riba e xunto un saleiro que estaba a deteriorar a pedra. Dende aquelas pedímoslle aos donos, infrutuosamente, que a donara ao Museo, ademais de que mentres a colocaran noutra parte, lonxe do sal e da humidade. O día 6 de febreiro de 2016 vímola de novo, a ara estaba a mellor recaudo, colocada nunha esquina do salón da casa.    
Inscrición: Citada por J.C. Olivares Pedreño no seu Los dioses de la Hispania céltica (2002) en San Román de Cervantes da que só se len as dúas últimas letras dun teónimo. Arias Vilas et Al. leron: "Naui.ae/sacru.m".  
Castro de Santa María do Castro: Séculos I a.C.-II d.C. Orientado cara a explotación mineira de Roma.  
Explotación aurífera Viña da Moura: Tito Fernández de Témez, ademais de aclararnos que a explotación se atopa a carón do asentamento castrexo de Santa María do Castro, achegounos a existencia doutra explotación aurífera no lugar coñecido coma O Corozo, en San Román de Cervantes.  
Vía XIX-XX: De seguido transcribimos a interesante información achegada por Tito Fernández de Témez sobor desta infraestrutura viaria: "A Vía romana XIX cruza enteiramente o Val de Cancelada, vindo do Portelo ata a ponte de Pontes de Gatín (Ponte Naviae). Esta vía vén despois nomeada como Camiño Real de Castilla e Camino Francés, segundo documentos do arquivo do Pazo de O Fabal (Cervantes). É o camiño real de Castela ata o século XVIII en que o rei Carlos III decide trasladar o mesmo ao inmediato val de Pedrafita, As Nogais e Becerreá, polo que aínda discorre a autostrada A6".   
Pena do Castelo (Pontes-Donís): Segundo a tradición, no promontorio que recibe este nome, situado por riba da acea das Pontes e do río do mesmo nome onde hai unha ponte medieval de posible orixe romana, houbo unha torre de época romana.
Máis información no meu blogue: Mámoas, petroglifos e castros da comarca dos Ancares, no apartado adicado á Romanización. 


 

CERVO
Ara do monte Tagarreiros (Sargadelos): Atopada no ano 1996 por don Antonio Piñón Gómez ao ensanchar un camiño coñecido co nome de A Rega. Custodiada no Museo Provincial de Lugo. Do século II d.C., lese: "L(aribus) V(ialibus) II EX V(oto) P(osuit)/AV(relius) S(ua) P(ecunia)", ("Aos Lares Viais, Aurelius puxo (este monumento) co seu diñeiro por unha promesa").

CHANTADA
Ara de Quintá de A Grade: Ara descuberta cando unha escavación de urxencia no xacemento romano do Pedregal. Lese: "L(aribus) V(ialibus) P(osuit)/C.O (...)/(...)E/X VOTO" ("Aos Lares Viais. (?) puxo (este monumento) por unha promesa"). Despositada no Museo de Lugo.   
Vila de Quintá (Quintá de A Grade): Aquae Quntina foi unha encrucillada de camiños, do que ía de Lugo cara Braga polo campamento de Aquis Querquernis, e que dende aquí partía cara Montefurado polos cóbados de Belesar. Descuberta no ano 1991 cando a construción dunhas novas canalizacións. Apareceron restos cerámicos e de vidro, terra sigillata, fragamentos de ánforas, lucernas e estruturas habitacionais. Nas escavacións do ano 2003 recuperáronse 3.431 moedas de bronce, algunhas metidas nunha cunca de barro, de Constantino I, Constancio II, Constante, Valentiniano I, Valente, Teodosio e Arcadio, datadas entre o 324 e o 402, pucheiros para facer comida e utís de cociña. Tamén apareceu a ara citada máis arriba. Tamén saíron á luz unha ola, unha xarra negra con boca trilobulada, unha doa de vidro, un fondo cilíndrico de vidro transparente, unha lucerna, restos de vivendas, unha cunha lareira, e unha canle de condución de augas. A cronoloxía da vila hai que situala nos séculos III-IV d.C.      
Ara aos Lares Viais de Belesar: Atopada no ano 1941 polo párroco José de Castro López, facía as funcións de pía de auga bendita na igrexa de Belesar (fotografada por Vázquez Seijas) ata que foi mercada por un descoñecido anticuario de Barcelona. Desaparecida. Adicada aos Lares Viais ("LARI/BUS/VIAL(ibus)"). Lambrino (1964), baseándose no tipo de dedicatoria, sitúaa cronoloxicamente nos últimos anos do s. II ou principios do s. III. 
Ara: No Museo Diocesano Catedralicio de Lugo hai unha ara anepígrafa. 
Estela de Andemil (Vilaúxe): La Voz de Galicia, na súa edición de Lemos do día 5 de decembro de 2014, informa do achado dunha peza que formaba parte do peche dunha leira. A peza de granito, incompleta, amosa o que semella unha figura humana realizada de forma tosca onde se aprecia un rostro debaixo do cal aparece insculpida unha cruz latina. Debido ao seu deterioro, non é posible saber se posuía algún tipo de inscrición. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña custódiase unha estela atopada en Tines (Vimianzo) de época tardorromana cuxos trazos son moi semellantes a esta de Andemil. A de Tines, cunha inscrición (ver Vimianzo), está considerada como unha das primeiras mostras epigráficas cristianas de Galicia, se ben quen isto defenden, segundo a miña opinión, non teñen en conta o sártego e a inscrición da igrexa de Temes, en Carballedo. O día 14, o mesmo xornal informou de que a peza vai a ser catalogada por Patrimonio. La Voz de Galicia tamén recolle a opinión do arqueólogo de Patrimonio Gonzalo Meijide quen di que os debuxos poden ser mostras da arte popular da etapa final do Imperio Romano, época na que se simplificaron as formas tradicionais da escultura clásica. E o arqueologo monfortino Iván Alvares Merayo di que a estela mesmo podería ter unha relación cos relevos castrexos. De todos os xeitos haberá que esperar a un estudo máis pormenorizado da peza para poder encadrala cronolóxica e culturalmente. 
Restos calzada en Belesar (Tarrío-San Fiz de Asma).    
Moeda: Denario de Tiberio.



O CORGO
Ara de Adai (Pedrafita): Carolina Casal Chico, museóloga, conservadora do Museo Diocesano Catedralicio deLugo, achega un interesante artigo no nº 5 de Corga (2014), A ara votiva de Adai e a promesa a Mercurio, onde presenta unha análise da peza no seu contorno que abre unha nova vía de interpretación a partir do rexistro cristianizado da zona. Di a investigadora que do achado pouco máis se sabe que o recollido no inventario do museo, cuxa procedencia, casual, foi nas proximidades da ermida das Virtudes nunha data anterior ao mes de abril de 1924, cando o cura don Generoso Barreiro a deposita na entidade. Aínda que a peza se adscribe á parroquia de Adai, a ermida atópase dentro do lugar de Pedrafita. Presenta a seguinte inscrición: "MAXV/MVS S/SECVND/I [F(ilius)] VOT(um) S(olvit) MER(curio) ME(rito)". Depositada no Museo Diocesán de Lugo. 
Restos calzada (Pedrafita): A capela das Virtudes asenta sobre a calzada romana, con restos a un lado e o outro do campo da festa. Descubertos por José Manuel Pol.  
Estela (Ponte Neira): Fragmento dunha estela coa representación dun togado. 
Miliarios de Arxemil: Trátase de tres miliarios atopados no ano 1976. Un, adicado a Adriano, é o fragmento dun miliario que se atopaba na igrexa de Arxemil, reutilizado como pía bautismal e cunha inscrición moderna na que se le "ano de 1601", rematada por unha cruz; na actualidade está no Museo Provincial de Lugo. O segundo, tamén no Museo de Lugo, pon "(ifici) MAX(imo) TRIB(unicia) POT (estate)" ("Ao emperador César Traxano Adriano, fillo do divino Traxano, neto do divino Nerva. Augusto. Pontífice Máixmo, investido na potestade tribunicia"). O terceiro, anepígrafo, está custodiado no Museo Provincial de Lugo e foi localizado cara o ano 1976 no lugar de Perliños.  
Miliarios de Castrillón: Un, anepígrafo, está situado no adro da capela de San Bernabé, sobre a croa dun castro; reutilizado como pé de altar, pintáronlle unha cruz de Santiago en cor vermella. A carón da porta da ermida hai unha pía de granito que semella a reutilización dunha ara ou dun miliario. No interior da igrexa hai unha pía bautismal que se apoia no que pode ser un miliario. 
Miliario de Franqueán: Localizado no ano 2001, fincado diante da igrexa parroquial como parte dun muro en posición invertida. Custodiado no Museo Provincial de Lugo, lese: "IMP(erator) C(aesar)/MARCO/AVRELIO/CARO/AVG(usto)/INV(icto)/M(ilia) P(assum)" ("Dedicado a César emperador Marco Aurelio Caro, augusto invicto... a? millas".  
Necrópole en Franqueán: Xunto a igrexa parroquial. Necrópole de inhumación formada por sepulcros construídos con laxas de pedra fincadas no chan, con base horizontal de tégulas.
Tramos da Vía XIX-XX en Arxemil, Adai, capela das Virtudes, Campelo, Chavín e Rubial.



 

 

FOLGOSO DO COUREL
Aguia: No Pía Paxaro apareceu unha aguia de bronce interpretada como remate dun estandarte.  
Minas auríferas de Millares, Torubio Este e Torubio Oeste (no lugar de Mostaz-Esperante). Explotación aurífera da Toca (Piñeira-Seoane).  
Túneles da Louseira e da Antiga que formaba parte da rede de canles para levar auga ás minas de Torubio e Millares (Monte da Valiña-Seoane).  
Tessera Hospitalis (Torre da Cabreira-O Carbedo): Atopada no ano 1959. Trátase dun texto epigráfico gravado sobre unha prancha enmarcada por columnas que soportan un frontón triangular no que asoma unha cabeza de guerreiro tocado cun helmo. A ambos os lados ten unhas ansae para colgar. Custodiada no Museo Provincial de Lugo. Lese: "APPIO IVNIO SILANO P(ublio) SILIO NERVA CO(n) S(ulibus)/TILLEGVS AMBATI F(ilius) SUSARRVS/) (castellum) AIOBAIGIAECO HOSPITVM FECIT CVM LVGEIS CASTELLANIS TOLETENSIBVS SIBI VXORI LIBE/RIS POSTERISQVE SVIS EVMQ/VE VXOREM LIBEROSSQVE EIVS/IN FIDEM CLIENTELANQVE SVA/M SVORVMQVE IN PERPETVO CASTELLANEI TOLETENSIS RECEPERUNT/EGIT TILLEGV AMBATI (filius) IPSE MAG(istris) LATINO AR (filio) ET ANIO/TEMARI (filio)" ("Sendo cónsules Appius Iunius Silanus e Publius Silius Nerva, Tillegus, fillo de Ambatus, do pobo dos Susarros e pertencentes ao castro Aiobaigiaeco, fixo un pauto de hospitalidade cos Lougei, habitantes do castellum de Toletum, para si mesmo, para a súa muller, para os seus fillos e para os seus descendentes. Pola súa parte, os habitantes do castellum de Toletum, recibírono para sempre como cliente, a el e aos seus. levantou acta do acordo Tilegus mesmo, fillo de Ambatus, sendo maxistrados Latinus, fillo de Arus, e Aius").  
No Carbedo tamén se atoparon unhas pesas de balanza de bronce coas indicacións das marcas de peso. Castros romanizados da Torre (Sobredo-Folgoso) e Vilar (Vilamor). 
Restos dun acueducto en Lousadela. 
Outras explotacións mineiras: Antolada, Banzados da Veiga, Bocos de Rendar, A Borraxeira, Os Buracois, A Canda, O Carozo, O Comuneiro no Monte Barreiro, Cortas de Aló de Abaixo, Cortas de Eiriz, Cortas de Ferrería Vella, Cova do Penedo, Eira dos Mouros, As Maiseriñas, Os Pitoucos, Os Pitoucos do Castro. 
Mina do Chao das Covas: Entreo Taro Branco e o Coldetaro. Trátase da terceira mina máis grande co Courel. Sen inventariar.  
Mina de Torubio Oeste: Do século II d.C., a mina de Torubio Oeste, de forma irregular, ten 900 metros de longo, unha anchura que vai dende os 200 aos 400 metros, e unha profundidade de 40 metros. Calcúlase que o volume do material removido superou 1.800.000 metros cúbicos. Unha complexa rede de canles fornecía de auga a explotación onde se aplicou a técnica de ruina montium para derrubar a ladeira e poñer ao descuberto os filóns auríferos. Para canalizar a auga construíronse os túneles da Antiaga e da Louseira para o que tiveron que perforar o monte das Valiñas.  
Castro da Torre: Situado a uns trinta metros de altura sobre o terreo circundante, foi erixido cara o século III d.C. Para a súa construción foi preciso achandar o curuto pizarroso e levantar uns muros de contención. Conserva restos dunha torre de vixiancia e vivendas feitas con laxas de lousa, unha escaleira, un alxibe de dous metros de profundidade escavado na rocha e un foxo. Proposto como Ben de Interese Cultural.  
Castro de Vilar: Colgado literalmente sobre un meandro do río Lor, conserva parte das defensas e das vivendas que, aínda que de planta irregular tendente a circular, semella ter a orixe en época romana. Tivo varias reocupacións ata ben entrada a Idade Media. Defendido por tres foxos nas partes máis vulnerables, chama a atención unha muralla, a simple vista innecesaria, construída nun lugar que non precisa defensa. O seu estado de conservación é moi deficiente. 
 

 

 

 

A FONSAGRADA
Tesouriño: No ano 1956, con motivo dos traballos de repoboación forestal no lugar coñecido como A Pena da Ola, en Monteseiro, atopouse un pequeno recipiente de cobre con 107 denarios que foron depositados no Museo Provincial de Lugo. O achádego efectuouno Oliva Díaz estando a vasilla enterrada a pouca profundidade. Sete das moedas son republicanas, o resto imperiais, comprendidas entre os reinados de Tiberio e Traxano.  
Minas auríferas do Chao de Cabeiro (Camín dos Mouros-Vilabol) e Pedras Amontoadas (Monteseiro).

FOZ
Moedas: No castro de Fazouro atopouse unha moeda pertencente á época Flavia e ceca de Clunia; en Cangas de Foz, dúas moedas, unha do século III d.C. 
Explotación mineira: No mes de marzo de 2013 MariñaPatrimonio solicitou de Patrimonio a catalogación dunha explotación mineira a ceo aberto redescuberta por membros da asociación nunha área que se extende por unhas cen hectáreas de monte en Barreiros e cincoenta en A Espiñeira, no concello de Foz. O arqueólogo Santiago Ferrer apuntou que se trata dunha imnportante mina romana da que se extraía ouro en po empregando, entre outros, o sistema de peite. Esta explotación deuna a coñecer Shultz a principios do século XX, e tamén é citada por Sánchez Palencia. 
Praia da Pampillosa: Segundo denunciou a asociación MariñaPatrimonio no mes de marzo de 2014, o asentamento romano desapareceu debido aos temporais que afectaron á costa luguesa nos primeiros meses do ano. Con anterioridade xa se tiñan denunciado escavacións non autorizadas onde os furtivos mesmo deixaron apilados fragmentos cerámicos, quizais por consideralos de pouco interese.

FRIOL
Miliario de Friol: Século III d.C. Descuberto no 1995 por Antón Rodríguez Casal no monte Lodoso; do ano 217 d.C., atopábase xunto a Vía XIX, adicado ao emperador Macrino e ao seu fillo Diadumeniano. Servía como lindeiro entre as parroquias de Friol, Guldriz e Santalla de Devesa. Traducido, lese: "Dedicado ao césar emperador Marco Opellio Severo Macrino, pío, feliz, augusto, sendo pontífice máximo, pai da patria e procónsul, ademais de desempeñar a tribunicia potestade, e ao príncipe da xuventude Marco Aurelio Opellio Antonino Diadumeniano, césar nobilísimo e príncipe da xuventude. XIª millas a Lugo". Custodiado no Museo Provincial de Lugo. 
Ara a Coventina (Miraz): Blázquez rexeita a relación desta deusa coa Conventina británica. Entende COHUE/CUHUE como variantes de Cossue con aspiración dos "ss".
Calzada: Restos en Trasmonte e Guldriz. 
Mansión: Marcie no Itinerario de Antonino, Ponte Nartiae no Anónimo de Rávena, e Ponte Nartiae na II Tábula de Astorga que algúns autores sitúan no actual Marzán, se ben non faltan quen a leven para as ourelas do río Narla, en Friol, pola aparición dun miliario. En Friol tamén adoita situarse a mansión Caranico (Itinerario de Antonino) ou Carantium (no Anónimo de Rávena), se ben Monteagulo trasládaa a Aranga por perda da súa C.   
Moedas e pezas de ouro.

 

 

GUITIRIZ 

Ara aos Lares Viais da Graña (O Buriz): Dende o ano 2001 atópase no adro da igrexa de Buriz; a estrutura colocada para protexela impide ver a inscrición. Atopada no muro da capela da igrexa de San Pedro. Di: "LARE/EVS V/EALIB/VS A(ram) S(ua) P(ecunia)/S(ulpicius) E(x) V(oto) P (osuit)" ("Aos Lares Viais. Sulpicius puxo esta ara cos seus cartos por unha promesa").   
Estela (O Buriz): Estela anepígrafa descrita por Amor Meilán que se atopaba no adro da igrexa parroquial. Tiña un baixo relevo representando unha escea militar. Desaparecida.
Lápida (Guitiriz): Estaba no muro dunha casa de Guitiriz, foi enviada para a Academia da Historia polo cura Pedro Sánchez de Ulloa, cara o ano 1759; así o conta Manuel Murguía na súa Historia de Galicia. Entre os anos 1714 e 1790 publicouna Xosé Cornide. Na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. Lese: "DI(is) MA(nibus)/A(ulus?) PARRAQ(ui filius)/AVITVS M/AECIANVS/ANNORV(m) (hedera)/LXV(sexaginta quinque) H(ic) S(itus) E(st)", ("Aos deuses Manes, Aulus? Avitius Maecianus, fillo de Parraquus, morto á idade de 65 anos, xace aquí". O xentilicio sería a forma primitiva que posteriormente daría o nome de Parga. 
Ara aos Lares Viais do Catarrá: Atopada no ano 1969 por Carlos García Martínez na parte superior do muro dunha finca situada na chamada Casa de Froilán, no barrio da torre. Hoxe en día no Pazo de Pontella (Santa Cruz). "LARIBVS/VIALIBV/S CAES(i)/ANVS", ("Aos Lares Viais, Caesianus (puxo este monumento)"). 
Ara de Santo Estevo de Parga: Formaba parte do pavimento da igrexa, debaixo do arco triunfal, consérvase na sancristía. Lese: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/VENVST/VS AN(n)O(rum)...", "Consagrado aos deuses Manes. Venustas morto á idade de...". 
Estela de Bascuas (San Salvador): Estela funeraria do século III d.C. reutilizada no lintel da capela de Nosa Señora de Bascuas, na porta que comunica a nave coa sancristía. Sobre a inscrición vese o círculo solar, a media lúa e círculos dispostos simetricamente. Segundo García y Bellido a lúa interprétase como mansión dos mortos, mais tamén era unha divindade independente, aínda que asociada á idea da morte. A inscrición di: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/SEVERI/NA AN/ NO(rum) XCI nonaginta unius)" que vén a significar: "Consagrada aos deus Manes, Severina morta á idade de 91 anos".  
Lápida en Cuíña (Mariz): Atopada no ano 1972 nunha finca do lugar de Cuíña ao arar a terra cun tractor que a partiu en dous anacos. Estudada por Nicandro Ares Vázquez. Consiste nuns baixorelevos situados por riba dunha inscrición. Na parte superior central estaba o que puido ser o disco solar ou a lúa cos cornos cara arriba. Debaixo hai uns discos constituídos por tres círuclos concéntricos cada un. Debaixo destes unha fileira transversal de tres arquiños, soportados pola cartela que contén a fórmula ritual de consagradación aos Deuses Manes. Gardada no Museo Provincial de Lugo, di: "D(iis) M(anibus) S(acrum) PLACIDIVS/PATER/NVS AN/NORVM (...?) XVII" ("Consagrado aos deuses Manes. Placidius Paternus morto á idade de 17 anos".   
Ara en Mariz: Desaparecida. Consagrada aos deuses Manes por Severus.  
Ara á deusa Coventina: Atopada no ano 1918 (Nicandro Ares di que no 1910) na Ruxida dos Corveiros, preto do balneario de Guitiriz; custodiada no Museo de Lugo, lese: "COHVE/TENE/E R(esponso?) N(umidis?)" ("A Cohvetena, agradecendo a resposta da divindade"). Hai autores que sitúan o achado na parroquia de Miraz (Friol). Monteagudo propón que puído estar dedicada por un soldado que formou parte dunha vexillatio enviada o ano 119 a Gran Bretaña, onde, xunto unha fonte de Procolitia do vallum Adriani se veneraba a unha deidade semellante, cuxo nome tiña múltiples variantes. O investigador rumano Scarlat Lambrino sostén que Convetena non é divindade importada senón galaica.
Inscrición (Guitiriz): Inscrición funeraria que estaba encastrada no muro dunha casa e que antes se atopaba xunto unha fonte próxima. Na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. Traducida, lese: "Aos deuses Manes, Aulus(?) Avitus Maecianus, fillo de Parraquus, morto á idade de 65 anos, aquí xace". Este Parraquus adoita identificarse co nome de Parga.
 

 

 

 

 

GUNTÍN DE PALLARES
Castro romanizado de Picato (Monte de Meda): Atopáronse pezas cerámicas e unha ara da que falo máis abaixo.   
Miliario de Entrambasaugas: 211-217 d.C. Descuberto no ano  1942 (ou no 1936 segundo outras fontes) polo médico Pardo Valiña, tumbado á beira dunha pontella xunto a igrexa parroquial, hoxe en día no Museo Provincial de Lugo. Descoñécese a que emperador podería corresponder, barallándose as posibilidade de a Caro, Carino ou Numeriano. Lese: "M(arco) AURELIO/CARO?/CARINO?/NUMERIAN? O". 
Miliario de San Romao da Retorta: O que vemos hoxe en día é unha réplica dun miliario atopado a finais do século XIX preto do Camiño Real e trasladado polo propietario do terreo quen o utilizou como columna para un alpendre. Na década dos anos oitenta do mesmo século, o cura de Lugo Xosé Trucharte viuno e informou ao presidente da Deputación, Victoriano Sánchez Latas, quen o mandou sacar quen o mandou sacar dalí para regalarllo ao bispo de Astorga quen o levou para Museo Diocesano de Astorga que é onde se atopa na actualidade. Data do ano 40 d.C. A inscrición reza: "C(aius) CAESAR DIVI/AVG(usti) PRONEPOS/AVGUSTVS PONT(ifex)/MAX(imus) TRIB(unicia) POT(estate) III(teria) CON(n)S(ul) III(tertium) P(ater) P(atriae)", ("Caio César Augusto, bizneto do divino Augusto. Pontífice Máximo, investido tres veces da potestade tribunicia. Cónsul por terceira vez. Pai da Patria"). 
Miliario: A Caracalla, custodiado no Museo de Lugo.  
Ara (San Martiño de Monte da Meda): Século III d.C. Atopada no ano 1930 por Ramón Castro López no muro dunha finca de Antonio Pérez, da Casa do Corgo, quen a recolleu na coroa do castro do Picato. Na parte superior do frontis ten gravado un crecente lunar cos cornos cara arriba en forma de cunca. Segundo Ares Vázquez, lese: "NAVI(a)E/L(ibens?) EX VO(to)/A(nimo?) P(ublius) FLA(vius) F(aciendum) S(sacrum) C(uravit)/IRPL/NAVI(a)E/L(unae) EX V(oto)/A(ram) P(ublius) F(estus)/F(aciendum) S(ibi) C(uravit)", ("Publius (ou Publicius) fixo (este monumento) cumprindo de bo grado o voto que fixera, por unha promesa (IRLP). Publius Festus procurou que se lle fixese a ara, por unha promesa, á nave lunar"). Custodiada no Museo Provincial de Lugo.  
Ara (San Mamede de Lousada): Atopada no ano 1930 preto do castro de San Mamede de Lousada. Século III d.C., adicada a Navia Arconunieca por Sulpicius Maximus: "NAVIAE/ARCON/VNIECA/ E SULP(icius)/EX VO/TO" (Le Roux e Tranoy). Custodiada no Museo de Lugo.   
Mansión Aqua Quintiae: Schulten sitúa a mansión entre o mosteiro de Santa María de Pallares e a Ponte Cabalar. Segundo Nicandro Ares podería relacionarse con Cruz de Quinte, paraxe hoxe en día despoboado que está a uns 500 metros da Ponte Cabalar, e a uns 50 metros do mosteiro de Ferreira de Pallares. Citada na Táboa II de Astorga e por Ptolomeo. Malia o anterior, Juan J. Moralejo (2009), di que aínda que se adoita identificar con Baños de Guntín, proposta á que non hai nada que obxectar no que respeita a Aquae/Baños que xa temos noutras mansións, cómpre lembrar que a semellanza de Quintius con Guntín é casualidade irrelevante: Guntín é o nome dun posesor de orixe xermánica (Piel e Kremer), con inicial Gunt- sen relación algunha co latino Quint-. Continúa Moralejo, que Tovar (1989) recolle unha referencia a un San Salvador de Cuntís, un erro grave, xa que ese Cuntís, ademais de que tería que ser Guntís, levaría a Sober, xa máis alá de Dactonium.

 



O INCIO
Canteira de mármore de época romana.

LÁNCARA
Campamento de Cabianca (A Chá de Santa Marta-Souto do Ferradal): Recinto de forma cuadrangular con esquinais arredondados dunhas 4,6 ha de extensión. Un terraplén constitúe o único elemento defensivo identificado. O sitio atópase moi arrasado polas roturacións do terreo. Unha estrada atravésao polo centro. Nos anos 30 do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Información extraída de patrimoniogalego.net. 
Campamento do Monte da Chá (A Chá de Santa Marta-Armea): De forma rectangular cos esquinais arredondados, foi identificado grazas ao emprego da fotografía aérea histórica que amosan que o sitio foi sometido a un constante deterioro dende mediados do século XX. Na actualidade resulta moi difícil identificar sobre o terreo os restos das defensas que estarían integradas por un foxo exterior e por un terraplén que na actualidade conserva uns 70 cm de anchura por 20 de alto. O sitio está moi afectado polas roturacións do terreo para plantacións forestais coa utilización de maquinaria pesada. Unha estrada e unha liña de alta tensión atravesan parte do xacemento, e un camiño forestal aproveitou a cara interna do parapeito como caixa. Nos anos 30 do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Información extraída de patrimoniogalego.net.   
Estela de Río: Formaba parte do muro exterior da igrexa de Río. Estivo exposta na exposión de Galicia no Tempo. Na actualidade atópase encastradada nun muro da pequena sancristía. Foi estudada por Rodríguez Colmenero. Trátase dunha estela de granito incompleta que representa no interior dun cadro moldurado a dous persoeiros, ao da esquerda fáltalle gran parte, e o da dereita, co rostro moi borroso e sen un anaco da cabeza, viste unha toga e sosteñen sobre os xeonllos unha especie de cartela onde está escrito un texto en gran parte perdido e de interpretación dubidosa: ".../FELICEM/PARENTEM/.../IVL ET/... FILIO". Semella que están sentados nunha especie de banco. Datada entre os séculos III-IV d.C. A pesares de estar incompleta e o deficiente estado de conservación, é posible poñelas en relación con outras estelas funerarias contemporáneas, como a de Vilar de Sarria ou o relevo de Adai. Os personaxes pertencerían a unha elite culta e poderosa como nolo amosan a presenza das togas e a cartela coa inscrición.   
Epígrafe de Río: Praca funeraria en mármore gris situada nun muro exterior da igrexa de Río. Lese: "D(iis) M(anibus) S(acrum)/AVRELIAE NANTIAE/ANNORVM XVIII (undeviginti) AVRELIVS FRONTO/FILIAE F(aciendum) C(uravit), ("Consagrado aos deuses Manes. Aurelina Nantia morta á idade de 19 anos. Aurelius Fronto fíxoo construír para a súa filla"). Dáse a conxunción entre un cognome de orixe indíxena e o nome romano. Para Rivas Quintas, Nantia e Nantius son nomes claramente célticos (Nantia e Nantius figuran no rexistro da Galia francesa). No Museo do castro de Viladonga consérvase un grafito co nome de Nantius.
A aparición destas dúas pezas no mesmo lugar fan pensar na existencia dun posible taller escultórico na zona en época tardorromana, aínda que non se sabe se vinculado a Lucus Augusti ou ás villae romanas documentadas na contorna. 
 


LOURENZÁ
Na igrexa parroquial de San Adrao, do século XVI e construída sobre un primitivo mosteiro, a pía de auga bendita é un miliario romano dun metro de altura. 

LUGO
Segundo algunhas hipóteses, Lugo debe o nome a unha divindade de filiación céltica, pode que asimilada ao Mercurio romano, que é Lug que encaixa co nome de Lucus que significa bosque sagrado.   
Termas: Ao pé da cidade romana de Lucus Augusti localizábase o balneario romano de Lugo. Polas súas proximidades pasaba a vía XIX que unía Lucus con Bracara e Asturica. É un dos balnearios máis representativos da Península xa que conserva varias das salas orixinarias, adicadas a tratamento e lugares de culto. No século XIX o enxeñeiro militar Pedro Giraldo fixo un plano do balneario que distingue as construcións de época romana. O moderno edificio levantouse sobre as termas. Consérvanse dúas salas abovedadas con nichos onde, posiblemente, se colocarían representacións de divindades ou exvotos relacionados coas virtudes curativas das súas augas. Están construídas con lousa e perpiaños de granito. O acceso a elas é cun chan de cemento hidráulico, opus signinum, quizais recuberto con mármore. A sala contigua é semellante ás anteriores, por no século XVI foi transformada en capela que tiña un pequeno altar e unha representación pictórica do Calvario de Cristo. Aíndas existen muros romanos para conter as augas do río Miño nas enchentas, e suponse a existencia dunha sala, quizais o sudatorium ou laconium, representada no plano de Giraldo. As escavacións do ano 1999 sacaron á luz espazos de grande interese, como a palestra, ou a piscina onde apareceron varias aras expostas, varias adicadas ás Ninfas. Os arqueólogos F. Hervés e G. Meijide estiman que as termas romanas ocuparían unha superficie de 2.500 m2 organizados de forma paralela ao río Miño e serían utilizadas entre os séculos I e IV d.C. Nos primeiros meses do ano 2014, durante unhas escavacións, descubriuse unha piscina cuxos restos foron localizados dentro e fóra do edificio, que conserva vestixios dunhas escaleiras lonxitudinais e que, segundo o arquólogo Francisco Hervés, foi reutilizada en varias ocasións. 
Aras nas Termas: Consérvanse arredor de media ducia de fragmentos de aras, algunhas adicadas ás Ninfas (Ver no apartado Apéndices: Epígrafes romanas en Lucus Augusti). 
Taboleiro de xogos: Atopado no balneario romano. 
Mercurio en bronce, no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.
Ara do século III d.C. adicada por Saturninus, un liberto imperial, a Xúpiter, aos Numina, a Xuno, a Venus, a África, a Frugifer, a Augusta Emérita e aos Laribus Gallaeciar(um) atopada na muralla no ano 1973, preto da porta de San Pedro. 
Ara de Coraelia Rufina: Descuberta no ano 1941 por Vázquez Seijas no muro que sostiña a escaleira do soto dunha casa situada na rúa Bispo Aguirre. De granito, lese: "CORAELIA/RVFINA/EX VISV/LIBENS/MERITO". No Museo de Lugo. 
Ara a Rea: Atopada no ano 1968 preto da rúa da Raíña. Lese: REAE LU(cinus) VAL(erius) OPTANUS V(otum) S (olvit) L(ibens) M(erito)", ("Lucio Valerio Optano fixo este voto a Rea"). No Museo de Lugo.     
Ara a Xúpiter, adicada por Flavio Flavus, atopada na muralla.  
Ara funeraria aos deuses Manes en memoria de Publilia Florina morta aos oito anos.  
Ara aos deuses Manes adicada por Xullo Rufino, funcionario romano nacido en Astorga, morto en Lugo aos 27 anos. 
Ara a Tutela, adicada por Silonio. Ara a Tutela, adicada por Lucio Antonio Avito.  
Ara a Poemana. 
Ara a Reo Parameco Aidi: Atopada ao construír o asilo de anciáns no barrio de San Roque. Foi estudada por Vázquez Saco, Álvaro D´Ors e Nicandro Ares. Lese: "REO/PARA/MAEC(o)/AIDI P(o)/THINVS/ET PRVD/F V S L M". A ara ara leva por riba tres focus redondos dispostos en triángulo rectángulo que, segundo Ares Vázquez, estarían en relación co triple nome da divindade ou con algunha tríade. No Museo de Lugo.  
Ara de Penarrubia, atopada a principios dos anos setenta ao pé da muralla exterior do castro de Penarrubia; descuberta por don José Darriba Varela, doouna ao Museo Provincial no ano 1983; de difícil lectura, está adicada a Navia en cumprimento dun voto: "NAVIA.../A(?) M(arcus?)/ FLA(vius ou vus) E/X VOT/O". 
Bucranio ou Taurobolio: Apareceu na Praza de Santa María no ano 1961. Foi dado a coñecer no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Lugo (1960-61) por J. Trapero Pardo; no Boletín, tomo VIII (1965-66), descríbeo Nicandro Ares Vázquez. Trátase dunha peza granítica cun baixorrelevo que representa un bucranio enmarcado por un funículo liso. Asociado a ritos denominados taurobolia, onde se degolaba ao touro e logo o iniciado bañábase no seu sangue. Vinculado a edificacións onde se realizaban cultos orientais a Cibeles, Attis ou Mitthra. A datación sería no momentos de expansión destes cultos, en torno ao séculoo III ou IV d.C. Comparado con outros similares, podería atribuírselle unha relación co culto taurobólico de Rea-Kybele, segundo sospeita García y BellidoNa arte, un bucranio, do grego bukranion, palabra composta polo sufixo bu (boi, touro) e kranion (cabeza, cranio), é un ornamento que reproduce o cranio dun boi, xeralmente adornado de grilandas e cintas. En Tomonte (Vilardevós) hai dous bucranios reaproveitados nunha fonte pública, e na finca Vilarín, en Becerreá, apareceu unha peza granítica que representa un boi, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. 
Foro romano: A mediados do ano 2014 deuse a coñecer o descubrimento fortuíto do que en tempos romanos foi o foro da cidade ao realizar unhas obras de ampliación dentro do Concello. Os restos datan do século I a.C. Javier Chao, responsable das escavacións, asegurou que o que atoparon é a basílica do foro, engadindo que o muro do actual Concello está apoiado sobre a cimentación romana. 
Calzada romana: Restos no Centro Comercial Pazo da Maza. 
Lápida da Praza de San Domingos: Atopada no ano 1936, durante as obras do mercado de abastos na Praza de San Domingos. Custódiase no Museo Provincial de Lugo. Está partida en dous anacos, carece de moldura e na parte superior remata en forma angular. Datada no século II d.C. Vázquez Seijas e Álvaro D´Ors leron: "DMS/DMS/PATER FILIS PO/SVIT TITVLVM/PIENTIS SIMIS/DVOBUS QUI/(in)TERFECTI SU((n)T III KAL APR/(p)ATERNO/ANNOR XXVI/(...)", ("Aos deuses Manes (dos dous). O pai puxo (este) título aos (seus) fieies fillos, asasinados ambos o 30 de marzo: Paterno, de 26 anos, e Materno? de... anos. Aquí xacen. Leve a terra para vos sexa").
Lápida desaparecida: Arias Vilas fala en Gallaecia da desaparición dunha lápida aparecida nas murallas romanas de Lugo e da que non se conserva ningún debuxo.  Trátase dunha ara onde se podía ler: "AVG/PATERNI/QVI ET/CONSTANTI/VV SS", "A Caelestis Augusta, os Paterni, tamén chamados Constantii cumpriron os votos". Ao parecer, o derradeiro lugar onde se viu foi nun edificio (hoxe en día en ruinas, coñecido como Castelo ou Convento de San Román) situado en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro. Ao parecer, cando veu para aquí, o texto estaba practicamente perdido 
Mosaicos de Batitales e da rúa Armanyá con temas mariños e mitolóxicos.      
Miliario de Bacurín: Nicandro Ares, ao falar do castro de Bacurín, di que no lugar de Herreal localizou un marco cilíndrico de granito fincado na terra, da que sobresae un metro, tendo na base superior un pequeno baleiro como se se tratase dun focus votivo, barallando a hipótese de que se tratase dunha pedrafita ou dun miliario.    
Miliarios de Coeo: Localizado por Eduardo Ramil a principios dos anos sesenta do pasado século XX. Estaba na cimentación dunha obra, e o propietario púxoo diante da casa, xunto a porta, utilizándoo como maceta.  Outro miliario forma parte do peche dunha finca. 
Estela bifronte de Adai: Datada entre os seculos IV-V d.C. Trátase dun bloque paralepipédico esculpido polas dúas caras. No anverso aparecen dúas figuras humanas sentadas, unha masculina e a outra feminina. No reverso dúas esceas superpostas, a superior cun oso fronte a unha figura humana que se bota cara atrás e leva na man esquerda o que semella ser un tridente. Na parte inferior unha ave rapaz parada fronte a outras dúas máis pequenas, quizais pombas. Este relevo funerario é un exemplo de peza que reúne elementos de carácter culto cunha representación formal de raíces indíxenas. 
Estrutura funeraria: No vello cárcere.     
Esperante: Miliario anepígrafe na igrexa parroquial de Esperante, fai algúns anos foi pintado de branco, o mesmo ca o resto da igrexa. En Esperante, na superficie cóncava dun catillus dun muíño, lese: "B(ene) O(pus) FECI FIN(inis)" ("Traballei ben. Acabouse").  Na mesma aldea hai outro miliario que actúa como marco da porta dunha casa en ruínas. 
Fornos cerámicos: Na Rúa Nova.    
Xacemento da Tinería, con miliario, restos de calzada, columnas e canle. 
Xacemento do Agro da Ponte (Barrio da Ponte): A investigación foi dirixida polo arqueólogo Enrique González no ano 1992, identificando seis partes de muros que delimitan outras tantas estacias, que semellan pertencer a unha mesma casa romana. Consérvanse restos do pavimento. Preto desta finda, no ano 1843, foron localizados en Pontegaos, tamén no barrio da Ponte, un enterramento de época romana; foi localizada unha estela funeraria de cuxo paradoiro non se ten noticias na actualidade. Os investigadores cren que os restos atopados no Agro da Ponte corresponden a un edificio suburbano, seguramente relacionado coa vía XIX.   
Xacemento no solar do Vicerreitorado con restos de calzada, fibelas, moedas e cerámica. 
Na rúa Clérigos localizouse unha zona relacionada coa fabricación de vidro datada na época baixoimperial. Están documentados uns oleiros de nome Rufino, Capito e Quinto, este último con produtos asinados atopados en Astorga.    
Máscaras de terracota, as únicas atopadas no Noroeste e moi raras no resto da Península, datadas na segunda metade do século I d.C.    
Estela funeraria de Crecente (San Pedro de Mera): Do século I d.C., atópase no Museo Provincial de Lugo. Foi atopada no ano 1995 por Manuel Carreira González nun camiño ao abrir unha gabia para unha condución de auga. Nun magnífico retrato dunha familia galaica, di: "APANA AMBO/LLI F(ilia) CELTICA/SVPERTAM(arica)/MIOBRI/AN(norum) XXV H (ic) S(itus) E(st)/APANVS FR(ater) F(aciendum) C(uravit)" ("Apana, filla de Ambolo, céltica supertamárica do castelo de Miobro, morta á idade de 25 anos, eiquí xace. O seu irmán, Apanus, foi o promotor desta dedicatoria").    
Piscina da Praza de Santa María, descuberta no ano 1960 pero que foi tapada para protexela; redescuberta no ano 2004, será no ano 2010 cando se inicien os traballos de restauracion.    
Acueducto: As obras que se están a levar a cabo na rúa de San Marcos, fronte á Deputación Provincial, deixaron ao descuberto parte do acueducto romano. Cando a construción do hospital de Isabel II no século XIX (edificio que hoxe en día acolle a Deputación) estragouse parte do acueducto.    
Muralla de Lugo: É o principal expoñente dos sistemas defensivos urbanos de Galiza. Ergueuse entre os anos 265 e 310 d.C. como consecuencia da crise e inestabilidade política. No seu estado actual, a muralla ten 2177 metros de perímetro, con planta de tendencia rectangular e esquinas arredondadas, dispón de 85 cubos que estiveron coroados por torres. A súa anchura rolda entre os tres e cinco metros, e as alturas van dende os seis aos dez metros.    
Santalla de Bóveda: Con piscina e frescos no interior, esculturas figurativas nos muros exteriores, foi interpretado como lugar de baños, ninfeo, templo adicado a Prisciliano e santuario da deusa Cibeles. Existen dúas fases principais, a primeira tardorromana (séculos III e IV d.C.), e outra dos séculos VIII a XI. As distintas interpretacións falan dun edificio para fins curativos, un ninfeo (lugar de culto ás ninfas), enterramento pagán, etc. Mesmo hai quen conxectura de que aquí está o corpo decapitado do heresiarca e mártir galego Prisciliano. Na parte baixa da igrexa está a cripta dividida en tres naves das que só se conservan os seus arrinques laterais. A parte central está ocupada por un estanque rectangular. O pórtico, de ladrillo, conforma o arco de ferradura máis antigo da Península Ibérica. Na portada pódense ver figuras humanas danzando e aves. Ao fondo da nave situábase unha pequena ábsida que daba acceso a unha planta superior á que se accedía a través dunha escaleira. Os murais do interior, feitos de estuco, e a bóveda de medio canón están decorados con pinturas de aves en cores vermella, verde, azul e negra. Nos arrinques dos arcos aparecen representados cráteras con ramos e flores. A principios do século XX, unhas obras de servizos na aldea de Bóveda puxeron ao descuberto os restos dunha calzada romana, aínda que escasamente conservada de apenas 70 centímetros de longo por 3,25 metros de ancho e que debeu forma parte dunha vía secundaria entre Lugo e o campamento de Ciadella, en Sobrado dos Monxes, e que logo tería continuación ata Brigantium. Segundo a tradición, Bóveda está unida por un túnel e unha canle de auga co castro de Corvazal situado a medio quilómetro de distancia. Lamentablemente, para poder visitar o conxunto só se pode facer de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, e pechado as fins de semana e festivos. 
Inscricións Santalla de Bóveda: Descuberta entre a piscina e a ábsida do monumnto tardo romano ao drenar o chan; No Museo Provincial de Lugo; en mármore, que Ares Vázquez leu: "(PV)ER SIT CVI FLEBILIS (ALIQVID NE) TRISTE mIN(ETVR.../...)/? (ir)CIPES MERSIT CVI FLEBILIS (morous?) ? (di) SSOLV(i)T TRISTE MIN(isterium)/ ? COMI(tia) LE MORE LIPPO(rum) ?" ("Que neno sería aquel a quen unha cousa deplorable non amanecese tristemente...? Un sátiro afundiu ao que unha chorosa enfermidade ao estilo dos pitarrosos disolveu o triste ministerio comicial"). No ano 1926 descubriuse unha inscrición en granito, custodiada hoxe en día no Museo de Lugo, que di: "PRO/SA(lute...)" ("Pola saúde...?").    
Miliario (Santalla de Bóveda): Anepígrafo, situado no vestíbulo que dá acceso ao refuxio do garda do monumento de Santalla de Bóveda. 
Miliario de Vilaestévez (San Xoán do Alto): Anepígrafe. Localizado casualmente por un veciño de Lugo no ano 2014 quen o puxo en coñecemento do Concello e da Xunta de Galicia. No mes de marzo de 2016, o mesmo veciño avisou ao Concello de que o fito caera, solicitándose entón permiso de Patrimonio para repoñelo na súa posición orixinal. Mais no mes de maio, cando os operarios municipais acodiron ao lugar comprobaron que o miliario, de case dous metros, desaparecera. Segundo notica aparecida na prensa o día 30 de xullo, misteriosamente, o miliario volveu aparecer no mesmo sitio.       
Castro da Agra dos Castros: Mal chamado da Piringalla. Situado na zona máis alta da ladeira delimitada polos ríos Miño e Rato. Descuberto a raíz das obras de abastecemento de auga da cidade de Lugo. Documéntanse varias etapas de ocupación, a máis antiga da fase final da Idade do Ferro, con foxos, parapeitos e elementos habitacionais. As etapas seguintes son xa de época romana coa aparición de tégulas, un denario de Tiberio, vidros, fichas de xogos, unha lucerna, muíños circulares e obxectos de bronce e ferro.       
Castro de Orbazai: Apareceu material de época romana como unha pequena cunca de cerámica bruñida negra.       
Castrillón (Adai): Trátase dun pequeno recinto circular arrodeado por un foxo e unha muralla terreira situado nunha ladeira. Algúns investigadores falan dun castro agrícola, outros dun posto militar romano vencellado ás vías de comunicación. 
Centro Arqueolóxico San Roque: Xunto a capela do San Roque, integrado polos restos dun cemiterio romano, un estanque e un forno cerámico tardío. Consérvanse tumbas pertencentes a unha gran necrópole que se mantivo activa ao longo de cinco séculos, documentando a presenza dos ritos funerarios de incineración e inhumación. Ao lado da necrópole e da vía de acceso, construíuse en torno ao se´culo I d.C. un gran estanque de auga en opus caementicium (formigón romano) que estaría en relación co propio culto funerario. A presenza dun forno dedicado á fabricación de material cerámico testemuña o uso industrial ao que se dedicou esta zona nas postrimerías do século V d.C. 
Domus e Mitreo: Descubertos no ano 2000 por mor das obras no edificio do Vicerreitorado. Este descubrimento supón un avance no coñecemento da cultura relixiosa do Imperio Romano entre os séculos I e IV d.C. Trátase do templo a Mitra máis occidental do Imperio, culto implantado en Lucus Augusti polo centurión Gaio Victorio Victorino segundo figura na ara atopada na Praza de Pío XII e cuxo texto, traducido do latín, di: "Ao nunca conquistado deus Mitra, Gaius Victorius Victorino, centurión da Lexión VII Gemina Antoniana, pío, feliz, devoto e leal, con moito gusto erixiu (esta) ara en honra do posto de control militar de Lucus (Augusti) e dos dous libertos Victorius Secundus e Victorius Victor". Tamén se atoparon restos de calzada, fibelas, moedas, cerámica, etc. 
Piúgos: Ara atopada no ano 1843 en Ponteagos, na marxe dereira do río Miño. Desaparecida, segundo Ares Vázquez dicía: "BALAESI/NA (hedera) RVFI/F(ilia) (hedera) SEVERA/CAMP(?) (hedera) AN(n)O(rum)/XXII (viginti duorum) H(ic) S(ita) E(st)", ("Balaesina Severa, filla de Rufus, campi(?) morta á idade de 22 anos, aquí xace").      
Praca funeraria de dous príncipes galegos, Vecius e Vecco, do século I d.C., atopada na muralla. 
Inscrición: Nos cimentos da porta da Rúa Nova, intramuros, formando parte do borde superior. Lese. "FUNDAM(enta)". 
A primeira fase das obras para converter o antigo cárcere de Lugo nun centro cultural, os arqueólogos localizaron restos de pavimentos de época romana. Xa a mediados dos anos oitenta do pasado século, cando as obras dun aparcamento próximo, saíu á luz unha necrópole. Segundo noticias de primeiros de xuño de 2013, apareceu unha estrutura funeraria que os arqueólogos sitúan no Alto Imperio e que está relacionada con algún tipo de enterramento ou ritual funerario. Trátase dun columbario, nome que recibe pola semellanza cos pombais. 
Moedas (Lugo): Segundo Cavada Nieto, no 1923 apareceron pequenos bronces, sobre todo de Galieno, tamén de Licinio, Claudio II, Quintilo, Tétrico pai, Diocleciano, Maximiano e Constantino Cloro. Nos anos 1928 e 1929, áureos de Marco Aurelio, Septimio Severo, Vespasiano, Faustina e Domiciano. No 1935 pequenos bronces, todos do século IV. No 1941, 24 denarios do Imperio, de Augusto, dous de Tiberio, un de Nerón, un de Vespasiano, seis de Domiciano, dous de Galba e dous de Othón. No 1972, moedas tipo caetra e tres pequenos bronces do século IV, un as de Turiano e bronce de Vespasiano. Ademais dos anteriores, apareceron áures de Traxano, Adriano, Marcos Aurelio, tremis de valentiniano II, sólido de Arcado, as de Augusto, pequeno bronce de Constantino II, mediano bronce de Adriano, bronces de Constantino. 
Moedas (Orbazai): Moedas de cobre.      
Restos por toda a cidade. 
No mes de xuño de 2013 comezaron os traballos de posta en valor do templo tardorromano (século IV d.C) localizado no ano 2005 no Círculo das Artes. 
Museo Provincial de Lugo, con aras, estelas e outras pezas. Restos por toda a cidade.
(Para máis información sobre os epígrafes atopados en Lugo, pódese ver neste mesmo blog a entrada en Apéndices: Epígrafes romanas en Lucus Augusti).






 

 

 

 



 

 

 

 


MONDOÑEDO
Campamento: A primeiros do mes de outubro de 2015, Abel Vigo, do servizo municipal de Arqueoloxía do Concello de Mondoñedo, deu a coñecer a localización dun castra aestiva, un campemento militar romano de campaña situado preto da parroquia de Estelo. Presenta ben visible unha especie de liña rectangular que se correspondería co perímetro do campamento, que arrodeaba unha especie de elevación (coma un muro pequeno), con foxo exterior.  
Fonte antiga de Mondoñedo: Hai un fragmento dunha inscrición de época romana que actúa como soporte dunha cornixa que pon "CIVI.../FECIT". Foi descuberta cando a limpeza dos liques que cubrían a pedra.  
Restos explotación mineira (Supena-Argomoso). Restos calzada (Santa María a Maior). 
Restos dunha posible calzada que ía dende a Ponte do Pasatempo a Lindín. As obras de rehabilitación da Ponte do Pasatempo no ano 2010 deixaron ao descuberto restos dunha calzada romana e dunha praza de carruaxes; a existencia desta vía xa formaba parte da tradición oral dos veciños.
 

 

 

MONFORTE DE LEMOS
Ara: ARA(m) SOL(is)/IULIA/PRAENIA/MOCION/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("Iulia Paenia cumpre o voto ao deus Sol"). Descoñezo se aínda se conserva e onde. 
Castro da Pena da Moura (Cimadevila-Vilamarín): Xacemento conformado por un único recinto de pequenas dimensións, delimitado por unha muralla e dous foxos. Ten unhas medidas de 70 por 50 metros. Romanizado.  
Tesouriño e forno de Tor: Ao pé do castro do Eivedo, entre os anos 1846 e 1850, apareceron varias moedas de ouro (Aureos pondo de Nerón). No 1861 atopáronse moedas de prata nun recipiente cerámico, a maioría, da época do emperador Galiano. No mesmo castro apareceron varias ánforas romanas e un forno cerámico constuído con ladrillos, e un depósito para a cinza. 
O populus lemavorum, localizado no ente dos Callaeci Lucensis, deixaron o xentilicio Levamus, identificado con Lemos. As fontes proporcionadas pola epigrafía fálannos  tanto de Dactonio, unha mansio, como do pobo dos Lemavos: Alae I lemavorum, Cohors I lemavorum ou a lápida funeraria de Asturica Augusta: "Fabia Eburi/f(ilia) Lemava (castello)/Eritaeco..." de finais do século I d.C. 
A inscrición "VIA LVCO AV(gus)TI AID DACTIONVM/AQUAE QUINTIA(e)/DACTONVM IX", das II das Táboas de Barro de Astorga, amosa para algúns investigadores (Abel Vilela, Arias Vilas, Tranoy...), que a vía XIX, no seu camiño de Lucus Augusti á provincia de Ourense, bifurcaríase á altura de Chantada, conducindo un ramal cara Dactonium (Monforte) a través dos Cóvados de Belesar e Castillón. Arias Bonet propón un trazado directo ao leste do Miño, por Vilarmosteiro (O Páramo) e Rubián (Bóveda). Aquae Quintiae situaríase en Bóveda.  
Dactonium: Citado nas Táboas de Astorga, por Ptolomeo (s. II d.C.) e por Hidacio (s. V d.C.). Ptolomeo di que é a única cidade existente no territorio dos Lemavos. Aínda que non existen dúbidas canto á súa ubicación na Terra de Lemos e que Dactonio foi capital da civitas Lemavorum, si as hai no tocante á localización do asentamento. Se ben é certo que non falta quen o sitúe en Castillón (Pantón), en Proendos (Sober), e incluso en Chantada, a tradición lévao para  o monte de San Vicente do Pino, en Monforte, citado en documentos medievais como castrum Actonium ou Luctonium, onde logo se ergueron o mosteiro bieito e o castelo dos Lemos, lugar estratéxico que domina o val de Lemos, cunha configuración topográfica inmellorable para construír un gran castro que logo sería romanizado. Os distintos investigadores sempre lle apuxeron o atranco para desbotar a ubicación de Dactonium neste monte á falla de vestixios castrexos ou romanos, teoría que cómpre reconsiderar pola descuberta no 2007 dun asentamento galaico-romano, traballos que, incomprensiblemente, están parados dende hai anos. 
As testemuñas da preseza de soldados Lemavos no exército romano témolas en varias inscricións atopadas fóra de Galicia e que fan referencia a unha Alae I Lemavorum e unha Cohors I Lemavorum Civium Romanorum, atopdas na Mauritania Tingitana (actual Marrocos) e en Arxona (Xaén). Na de Arxona lese: "C(aius) VENAECIUS P(ublius) F(ilius) VOCONIANOS/FLAMEN DIVORUM AVG(ustorum)/PRAEF(ectus) COH(ortis) I CHALCEDONEN(sis)/TRIB(unus) LEG(ionis) III GALLICIAE FELICIS/PRAEF(ectus)/ALAE I LEMAVROUM/FORTUNAE SIGNUM AUREM P(ondo) V ITEM/MERCURIO P(ondo) V PATERAM P(ondo) LIBR(ae)/EX VOTO/ET BASES II ARG(entas) P(ondo) V L(ibens) S(olvit)", "Caio Venecio Voconiano, fillo de Publio, flamen dos Augustos divinizados, prefecto da cohorte I Calcedonense, tribuno da Lexión III Gálica feliz, prefecto da Ala I dos Lemavos, ofrecen con agrado á Fortuna unha estatua de ouro de cinco libras de peso, outra a Mercurio de cinco libras de peso, unha pátera dunha libra de acordo co seu voto, e dúas basas de prata de cinco libras". Segundo Arias Vilas esta Alae Lemavorum estivo asentada en Sala, na Mauritania, posiblemente entre os anos 88 e 157 d.C., e posteriormente sería trasladada a Urgavo (Arxona). As Alae estaban compostas normalmente por 500 (quinquenaria) ou 1.000 (miliaria) efectivos. De Mauritania Tingitana son tamén unhas inscricións de licenciamento, en metal, que segundo Le Roux di: "VALERI V/ETONIS M(ilitis)/ C(ohortis) I LAM(avorum)/(centuria) LUCANI/H(ic) S(itus) E(st)/F(aciendum) CU(ravit) C(aius) FL/AVI(us) P(udens)", "Aos deuses Manes de Valerio Vetón, soldado da cohorte I dos Lemavos da centuria Lucano; aquí está enterrado; procurou erixilio Gaio Flavio Pudente". Estaría datada entre os anos 50-80 d.C. As cohortes romanas estaban formadas por uns 500-600 homes. Florentino López Cuevillas e Germán Vázquez cren que o numeral I, atribuído ás Alae e Cohors, é síntoma de que puído haber máis. 
Lápida funeraria de Fabia: No Museo de los Caminos de Astorga hai unha estela en mármore que tamén fala dos Lemavos. Lese: "FABIA EBURI/F LEMAVA ) (C invertido)/ERITAECO A/X L VIRIUS CAESSI F LE/MAVS ) (C invertido) EO/DEM AN/VII HIC S S/CAESSIVS", ("FAVIA, EBURI F(ilia), LEMAVA (castello) ERITAECO. A(nnorum) XL, VIRIVS, CAEESI F(ilius), LEMAVS (castello) EODEM, AN(norum) VIL, HIC S (iti) S CAESSIVS", "Fabia, filla de Eburro, lemava (dos lemavos),do castro Eritaeco, de 40 anos. Virio, fillo de Caeso, lemavo do mesmo castro, de 7 anos. Aquí están sepultados. Caesio (esposo e pai, púxoos)". Polo de agora, descoñécese en que parte da Terra de Lemos se ubicaría este Castellum Eritaeco. Pola indicación do castellum co C invertido, e pola tipoloxía do monumento, semellante á dos soldados da lexión X, dátase no último terzo do século I d.C. (Sobre a romanización en Monforte ver Apéndices neste mesmo blog: Eritaeco: un castro na Terra de Lemos e Dactonium e a Civitas Lemavroum). 
Miliario: O día 27 de agosto de 2016 localizamos xunto a igrexa de Moreda o anaco dun máis que probable miliario. Na actualidade forma parte do pé dun banco de pedra. É de sección cilíndrica duns 30 centímetros de diámetro. Polo lugar discorría unha vía secundaria que partía de Dactonium e que logo foi utilizada polos peregrinos a Santiago de Compostela (Camiño de Inverno). Para máis información ver en Apéndices: Curiosidades na igrexa de Moreda (Monforte).



 

MONTERROSO
Miliario a Caracalla (Fondevila-Satrexas): Ano 213 d.C. Formaba parte do lintel dun alpendre, no ano 1971 foi mercado por F. Acuña a un anticuario de Lugo e levado para a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Estudado por Acuña Castroviejo, Caamaño Gesto, Arias Vilas e Gómez Vila. A inscrición atópase mutilada na parte superior, o que provocou a desaparición das primeiras liñas. A súa tradución sería: "Ao Cesar Emperador Marco Aurelio Antonino, Pío, Feliz, Augusto, Pártico Máximo, Británico Máximo, Xermánico Máximo, Pontífice Máximo coa potestade tribunicia pola décima sétima vez, emperador pola terceira, cónsul pola cuarta vez, pai da patria, procónsul, fillo do divino Severo Pío, neto do divino Marco Antonio, bizneto do divino Antonino Pío, tataraneto do divino Adriano e descendente dos divinos Traxano Pártico e Nerva. A Lugo 24 millas". 
Fondevila: Documentouse a existencia dun asentamento romano bastante importante, atopáronse gran cantidade de tégulas, colos de ánforas e ladrillos utilizados para a construción da pilae dun hipocausto. 
Moedas: de Constancio I a Constancio II. 
Mansión: Marcie no Itinerario de Antonino, Ponte Nartiae no Anónimo de Rávena, e Ponte Nartiae na II Tábula de Astorga que algúns autores sitúan no actual Marzán, se ben non faltan quen a leven para as ourelas do río Narla, en Friol, pola aparición dun miliario.
 

NAVIA DE SUARNA
Vestixios explotacións mineiras na parroquias de Cabanela, Castañedo (lugar Covas), Penamil, Laxo, Pena de Murias (Rao). 
Castro de Santa Mariña (Santa Mariña-Ribón): O día 27 de marzo de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos no muro perimetral do castro escouras de mineral de ferro, un anaco cerámico decorado, un anaco de tégula e unha moeda romana, posiblemente do emperador Crispo, datada arredor do 320 d.C. Tamén atopamos dúas fouces moi oxidadas e deterioradas e unha copa de vidro sen pé de cronoloxía descoñecida. Os achados xa os comunicamos ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo e ao Concello de Navia de Suarna. As pezas depositámolas o día 29 do mesmo mes no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para o seu estudo e custodia.  
Covas de Castañedo: Explotación aurífera situada no curso medio do río Navia. Explotación mineira de Laxo (Rao).   
Murias: No mes de agosto de 2011, cando visitei a Pena de Murias, un veciño faloume de dous sitios situados na aldea, o monte Treitoiro e As Pereiras, onde atoparan restos cerámicos e muíños circulares. Guiado por este veciño, puiden ver varios anacos de muíños gardados nunha casa. O achado xa llo comuniquei ao Servizo de Patrimonio Cultural den Lugo.   
Campamento de A Recacha: No ano 2010, investigadores da Universidade de Oviedo e da Universidade Complutense de Madrid localizaron dous campamentos romanos na Serra dos Ancares. O primeiro descubriuse en A Granda das Xarras, lindeiro entre os concellos de Ibias (Asturias) e Candín (León). Trátase dun campamento cunha superficie de 5,5 hectáreas (305 por 85 metros). O segundo enclave, situado a quilómetro e medio do anterior, atópase no lugar coñecido como A Recacha, na parroquia de Rao, no concello lugués de Navia de Suarna e lindeiro cos municipios de Ibias (Asturias) e Candín (León); ten unha superficie de 0,7 hectáreas (150 por 60 metros). Estes castra aestiva eran campamentos temporais de campaña ou de marcha, construídos dun día para o outro con materiais sinxelos e perecedoiros, utilizados durante un curto período de tempo. O da Granda das Xarras, ademais da cerca de madeira (vallum), estaba protexido por un foxo (fossa) e un talude (agger). O da Recacha, a uns 1.200 metros de altitude sobre o nivel do mar e adaptado á topografía do terreo, presenta unha composición terreira, mellor defendido na parte máis vulnerable; agás un pequeño foxo, non se aprecian pegadas doutras estruturas. Crese que foron erixidos cando as coñecidas como Guerras Cántabras (29-19 a.C.). O da Recacha poderíase considerar como complementario ao da Granda das Xarras. Quizais o aspecto máis salientable destes achádegos é o comprobar un feito que xa se sospeitaba: que Galiza tamén se viu envolta nas Guerras Cántabras, localizándose na Serra dos Ancares a liña de avance máis occidental do exército romano cara a costa. O campamento da Recacha atópase a menos de tres quilómetros en liña recta de Murias de Rao onde no ano 2011 me falaron de dous lugares, O Treitoiro e As Pereiras, nos que apareceron restos cerámicos e muíños circulares de man, algúns agochados nunha casa da aldea, e a uns dous quilómetros da Pena de Murias, unha antiga explotación mineira de época romana. No mes de setembro do ano 2012, os concellos de Candín, Ibias e Navia de Suarna asinarán un convenio para determinar a data para poñer en valor o asentamento de A Recacha. Cuberto por abundante matogueira, o alcalde de Navia de Suarna xa anunciou que se vai a proceder a desbrozar o terreo, recuperar as vías de comunicación e a sinalizar o xacemento, o que permitirá achegar os visitantes a este importante enclave. Nas escavacións do mes de agosto de 2014 sasíron á luz unha piqueta de ferro e pequenos utensilios para fixar as tendas de campaña, confirmándose o asentamento militar de forma arredondada cunha estrutura defensiva dun terraplén (agger), un foxo e outra liña defensiva que estaría formada por unha empalizada de madeira (vallum). Aclarar que o xacemento de A Recacha, aínda que inventariado pola Xunta de Galicia, non estaba identificado como un campamento romano. 
Máis información sobre a romanización na comarca dos Ancares no meu blogue: Mámoas e castros da comarca dos Ancares, na entrada adicada á Romanización.

 

 

 
 

NEGUEIRA DE MUÑIZ
Mina aurífera de Pedras Apañadas.
Para máis información, pódese ver o meu blogue Patrimonio cultural do concello de Negueira de Muñiz. 
 

AS NOGAIS 

Información sobre a romanización en As Nogais no meu blogue: Mámoas e castros da comarca dos Ancares, no apartado adicado á Romanización. 

OUROL 
Ara aos Lares Viais de Casas Vellas (Miñotos): Atopada no muro dunha leira, a carón do camiño real. Atópase no Seminario de Estudos Terra de Viveiro. Di: "(L)A(ribus) (V)I(alibus) P(osuit)/(FLA)VI F(ilius)/(E)X V(oto)" ("Aos Lares Viais, o fillo de Flavius puxo (este monumento) por unha promesa".  
Estela de Ponte da Torre (Xerdiz): Do século III d.C., lese: "CALVTIAE F(ilia)/SEVERINI/SEGVIA AN(n)O/RVV(m) XXIII(viginti trium)", ("Aquí xace Seguia, filla de Calutia e esposa de Severinus, morta á idade de 23 anos"). Custodiada no Museo Provincial de Lugo. 
Restos calzada (Miñotos).

OUTEIRO DE REI
Acevedo (Aspai): Apareceron tégulas, ímbrices, cerámica común e terra sigillata 
Castro de Tourón (Guillar): Atopáronse ladrillos e fragmentos cerámicos de época romana. No ano 1933, ao arar unha finca, produciuse un afundimento do terreo, aparecendo vestixios dunha construción e canles que poderían corresponder a tuberías para saír o fume duns fornos de coccións. 
Graphum (Guillar): Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo (1948), fala dun graphum de bronce descuberto por un labrego ao arar a terra no castro de Tourón. O graphum ou estilo, dunha soa peza, mide 15,5 cm. Utilizábase para escribir en taboíñas enceradas ou de barro. Dábaselles a denominación xenérica de graphium. Atópase no Museo de Lugo.  
Tégulas en Santa María de Cela.   
Ara adicada ao deus Lucoubu (Sinoga-Santa Mariña), no Museo Histórico-Arqueolóxico da Coruña. Hai autores que sitúan o achado en Rábade. Lese: "LUCOUBU(s)/ARQQUIENI(s)/SILONIUS/SILO/EX VOTO".
Castelo de Picato (San Lourenzo de Aguiar). 
Villae (Vilela).  
Ara de Vicinte: Atopada no ano 2012 no lugar de Bustelo, utilizada como calzo nun valo que pechaba unha leira; foi descuberta polo propietario Manuel Miranda que, a través do seu fillo Bieito Miranda, estudante de Historia da Arte, entregouna para o seu estudo. Trátase dunha peza de boa factura onde se le: "DEA/NA/VE", clara alusión á deusa Navia onde non figura adicante. 
No lugar de Peneiro apareceron tégulas, ímbrices, cerámica común, cravos e dúas tumbas de inhumación con basamento de tégula datadas entre os séculos IV e VI.
  

 

 

PALAS DE REI
Ara (Curbián): No Museo de Lugo. Descuberta por Vázquez Saco no ano 1952, nunha cociña (actuaba como pedestal desta) transformada en corte na reitoral de San Martiño de Curbián. Publicouna en colaboración con Vázquez Seijas en Inscripciones romanas de Galicia II. Provincia de Lugo. Lese: "BANDVE B/OLECCO/SVLPICIVS/SINCERVS C(?)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)" ("A Bandua Baoleccus. Sulpicius Sincerus C(?) cumpriu de bo grado o voto que fixera". 
Restos calzada (Portos-Lestedo).  
Mansión de Ponte Martiae: Citada no Itinerario de Antonino, na vía Lucus-Iria. Tamén aparece citada no Itinerario de Barro. Nicando Ares cre que podería situarse na Ponte Ferreira, aldea da parroquia de Ferreira de Negral, onde está a ponte romana dun só arco. Hai autores que ubican esta mansión na ponte de Meixaboi (Guntín de Pallares). 
 

PANTÓN
Augas termais (Augas Santas).  
Restos cerámicos e tégulas na Torre do Castro (Espasantes).  
Villae de Castillón: Atopáronse columnas, cerámica, pezas metálicas, mosaicos, un complexo termal, aras, etc. Todos os datos apuntan a que foi unha mansión viaria dunha vía secundaria que unía Montefurado con Folgoso do Courel coa vía Lucus-Bracara por Ourense. Algúns investigadores relaciónanno con Dactonio, a capital dos Lemavos, citado por Hidacio e nas Táboas de Barro de Astorga. As primeias noticias datan do século XVI co achado dunha praca funeraria na igrexa de San Vicente. Escribe Castellá Ferrer no 1610: "Cerca de esta Yglesia adonde se halló este marmol estavan unos Castillos antiquísimos, algunos dizen eran tres, otros cinco, de los tres parecen las ruynas, e por esto llaman a este lugar Los Castillones". E Ceán Bermúdez (1832): "San Vicente de los Castellones (...), construida sobre las ruínas de otro edificio romano que pertenecía a la región de los lemavoros". Dado a coñecer nos anos vinte polo cura de Vilar de Ortelle Ramón Castro López quen achega importantes informacións, identificando, primeiro, o castro de Castillón, preto do asentamento romano. Foi no ano 1912 cando descubriu unha necrópole ao ampliar o cemiterio de Santiago; e cando se facía un burato para plantar unha árbore fronte a igrexa de San Vicente descubriu unha sepultura cunha cabeza de pedra granítica no interior. Foi escavado por Chamoso Lamas e Alonso del Real nos anos trinta, e por Felipe Arias nos anos oitenta. Datado entre o século I e V d.C., as necrópoles que saíron á luz son posteriores. Trátase de dúas necrópoles, unha próxima á igrexa de Santiago e outra á de San Vicente que foron reutilizadas a comezos da Alta Idade Media, séculos VI e VII. Ata o presente nunca houbo acordo canto á interpretación do xacemento, considerándoo como castro, vila ou mansión viaria, ou unha mestura de todos, se ben o máis verosímil é interpretalo como vila, que non resulta contraditorio coa opción dun pequeno aglomerado romano viario (F. Pérez Losada, 2002). A pesares de ser un dos sitios arqueolóxicos de época romana atópase nun estado total de abandono. Ver o artigo neste blog: O xacemento romano de Castillón 
Epígrafes de Castillón: Unha inscrición documéntase no século XVI na igrexa de San Vicenzo de Castillón, perdéndoselle a pista a finais do século XVIII, cando o párroco, Gabriel Antonio Lago (falecido no 1802), a saca do templo onde permanecía debido a unha desputa entre el e os propietarios da lápida que pagaban unha renda de tres ferrados anuais polo mantemento da súa sepultura situada ao pé da lápida. Perdida, dicía: "D(is) M(anibus) S(acrum)/VALERIAE FLORINAE AN(norum) XXIII/POMPEIVS/LVPVLVS/VXORI PI/ENTISSIMAE","Consagrado aos deuses manes, Valeria Florina morta á idade de 23 anos. Pompeio Lúpulo (fixo este monumento) para a súa muller piadosamente". Na casa dos propietarios do xacemento unha inscrición sobre granito di: "CIAD", ademais dun anepígrafe atopado no ano 1982 preto do primeiro hipocausto, que presenta unha cara preparada para o que ía ser o campo epigráfico. No mesmo ano apareceu outro epígrafe coa lenda: "(...) ENTA. DVROTA (...)/(...) I ET FAMILIAE (...)", que aparentemnte semella o nome dunha muller (Entia Durota?) quie tamén puidera ser unha divindade. A mediados dos anos cincoenta do pasado século XX apareceu un epígrafe, custodiado no Museo Provincial de Lugo, que di: "C. AMO", quizais identificado co nome indíxena Camo ou Camalus. Ara no Museo de Lugo onde se le: "LARIB(us)/VIA(libus)/IVLIV(s)/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)" ("Aos Lares Viais, Iulius cumpriu de bo grado o voto que fixera").  No ano 1974, preto da igrexa de San Vicenzo apareceu unha ara, que se conserva no Museo Provincial de Lugo, coa inscrición: "LAREBVS/VIALIBVS/CL(audius) GAVCE/ASCRIER/VS VERENN(i filius)" ("Aos Lares Viais, Claudius Gauce Ascrierus, fillo de Verenus"); esta ara leva na parte superior un fóculus; Ares Vázquez non desbota unha orixe xermana do adicante relacionado, no canto de Claudius, con Clotius ou Cloutius. No Museo Provincial de Lugo consérva unha inscrición que en principio leuse "DIVV"; mais Nicandro Ares di que si se xira 180 grados poderíase ler "CAMO", considerando que sería a lectura máis razoable, e forzando a hipotética existencia doutras letras podía levar a CAMALO. 
Estelas discoideas (Castillón): Chamoso Lamas e Alonso del Real atoparon unhas estelas discoideas nunhas tumbas da necrópole gravadas con cruces. A aparición destes símbolos cristiáns nunha necrópole cuxas tumbas eran de época romana abría un novo campo de coñecemento na arqueoloxía do NO peninsular xa que non se atoparon outros elementos posteriores á romanización.   
Pezas varias en Castillón: Estaban na casa do señor López Suárez quen llas amosou a Chamoso Lamas, reutilizadas para rematar o exterior dun forno (basas, fustes, muíños de man, unha cornixa decorada...). 
Miliario: No castro de Castillón, fronte a capela, atópase un miliario anepígrafo.   
Ponderais (Castillón): Consérvanse no Museo Provincial de Lugo. O peso dos dous ponderais, feitos en cuarcita, coinciden co valor da libra romana. Nun lese: "XXX/IIII(triginta quattuor librae)/S?" ("Trinta e catro libras?"); No outro: "XXXX (quadraginta librae)" ("Corenta libras"). 
Praca metálica de Castillón: No Museo de Lugo consérvase unha praca metálica que no ano 1990 formou parte da exposición Bronces Romanos de España celebrada en Madrid. Os traballos de restauración, conservación e montaxe da peza previos foron levados a cabo por Carmelo Fernández Ibáñez e Fernando Carrera. Trátase de seis fragmentos dunha lámina ou cinta ancha que semellan corresponder con algún tipo de aplique, quizais a cubrición metálica dun cinto, se ben o máis probable é que se corresponda co forro decorado dalgún tipo de arca ou cofre. Para a súa decoración empregouse a técnica do troquelado en frío. Entre os gravados destacan tres bustos, un feminino e os outros masculinos, créndose que se pode tratar de divindades. 
Estela de Severus (Atán): Aparece unha figura humana mutilada pola cabeza; debaixo das mans represéntanse dous caldeiros.  
Relevo de Atán: Datado no século I d.C., atopado no ano 1990. Trátase dunha estela bifronte (esculpida polos dous lados) con representacións de figuras humanas sentadas vestidas con toga e homes con escudos montados en cabalos; na parte inferior están labradas as figuras dun xabaril e doutro animal semellante a unha lebre. Perdeuse o corpo superior e inferior que é onde iría a inscrición.  
Estela: No ano 2001 deuse a coñecer unha estela que estaba agochada na casa dun veciño e que lle foi mercada pola Xunta de Galicia.  
Moeda de César en Castillón, acuñada en Zaragoza no ano 3 da nosa era.
Dactonium: Citado nas Táboas de Astorga, por Ptolomeo (s. II d.C.) e por Hidacio (s. V d.C.). Ptolomeo di que é a única cidade existente no territorio dos Lemavos. Aínda que non existen dúbidas canto á súa ubicación na Terra de Lemos e que Dactonio foi capital da civitas Lemavorum, si as hai no tocante á localización do asentamento. Se ben é certo que non falta quen o sitúe en Castillón, a tradición lévao para  o monte de San Vicente do Pino, en Monforte, citado en documentos medievais como castrum Actonium ou Luctonium, onde logo se ergueron o mosteiro bieito e o castelo dos Lemos, lugar estratéxico que domina o val de Lemos, cunha configuración topográfica inmellorable para construír un gran castro que logo sería romanizado. Os distintos investigadores sempre lle apuxeron o atranco para desbotar a ubicación de Dactonium neste monte á falla de vestixios castrexos ou romanos, teoría que cómpre reconsiderar pola descuberta no 2007 dun asentamento galaico-romano, traballos que, incomprensiblemente, están parados dende hai anos. (Sobre a romanización en Pantón ver os artigos neste mesmo blog: Eritaeco: un castro na Terra de Lemos e Dactonium e a Civitas Lemavroum).

 

 

 

 

PARADELA
Ara a Suleae Nantugaicae, adicada por Flavino Falus.   
Ara (Loio): A Cohvetana, atopada en Loio no ano 1929, nunha viña xunto con outros restos arqueolóxicos, entre outros unha pía de auga bendita, unha sepultura antropoide e dúas cabezas humanas de época castrexa, preto do que foi mosteiro de Rebaloxio, berce da orde de cabalería de Santiago da Espada, á que segundo Amor Meilán deu orixe os Cabaleiros Cambiadores. É do século II d.C. Na actualidade no Museo de Lugo. Di: "CVHVE(tenae)/BERRAL/OGECV/EX VOTO/FLAVIVS/VALERIA(n)/V(s)", ("A Cohovetena Berralogecus. Flavius Valerianus, por unha promesa". Brouza Brey traduciuna como: "Flavio Valeriano cumpriu este voto á deusa Convetena do pobo de Berralo". O investigador rumano Scarlat Lambrino sostén que Convetena non é divindade importada, como di Monteagudo, senón galaica.
Castro de Barán: Dúas moedas de Constantino II. 
Epígrafe de Barán: Lese "CAMAL". No Museo Provincial de Lugo.

 

O PÁRAMO
Campamento do Monte dos Trollos (Monte dos Trollos-San Mamede da Ribeira): Planta irregular dun recinto romano de carácter temporal. As estruturas máis recoñecibles son as defensas perimetrais. Sobre o terreo apréciase a existencia dun parapeito de terra así como dun foxo exterior que nalgúns puntos supera o medio metro de profundidade. Os esquinais do recinto serían de forma rectangular redondeada. O sector sur veuse afectado recentemente. A superficie total sería dunhas 7 ha. Na fotografía histórica apréciase no sector sur a existencia doutro aliñamento, actuando a modo de bracchium (brazo), que permitiría pechar o espazo existente entre o límite sur do campamento e o borde sur da meseta sobre a que asenta. A construción dunha estrada e a parcelación dos terreos destruíron as defensas no seu sector meridional, algo que lle tería acontecido ao posible anexo. Un camiño forestal aproveitou o foxo máis occidental. Descuberto por M. Gago no mes de outubro de 2014. Información extraída de patrimoniogalego.net. 

A PASTORIZA
Estela funeraria anepígrafa do castro das Coroas (Reigosa). Publicada por Arias Vilas en Unha estela antropomorfa do castro de As Coroas de Reigosa (Pastoriza, Lugo).
Bretoña: Nas escavacións de debaixo da igrexa realizadas por Chamoso Lamas, saíron á luz restos dunha primitiva igrexa que, segundo o seu escavador, foi fundada polos bretóns no século VI e logo destruída polos árabes a  principios do século VIII. Mais a presenza de materiais de época romana amosan a posibilidade de que, en principio, fora unha vila tardorromana e  que as tumbas que apareceron foran reutilizadas con posterioridade. 

PEDRAFITA DO CEBREIRO
Explotacións auríferas a ceo aberto do Lavadouro ou Banzado de Golmar (Foxos-O Cebreiro), O Couso (A Lagúa-O Cebreiro), Os Buracois (Lousada) e Tras das Torres (Riocereixa). 
Vía XIX-XX: A vía, procedente de Lucus, dirixíase cara Ruitelán (Uttaris) e Astorga (Asturica Augisti) a través do concello. 
Máis información no meu blogue: Mámoas e castros da comarca dos Ancares.

A POBRA DO BROLLÓN
Calzada na ponte da Labrada (Barxa de Lor).
Campelo (Barxa de Lor): Documéntase a utilización do ruina montium
Mina do Medo (A Lama-Barxa de Lor): Explotación mineira de ouro aberta sobre terrazas aluviais de arxila. Trátase dunha escavación alongada formada por dúas pequenas fonduras xustapostas e abertas polo sistema de ruina montium. A auga para a explotación traíase dos ríos da Barxa e do Val por canles e depósitos dos que non se ven pegadas. Tamén forman parte do complexo mineiro da Lama as minas de Liñares, O Foxaco, O Libiado, A Labrada, A Ponte e Carballeira, todos de difícil localización. Aos pés da corta érguese o castro da Lama.


POL
Restos campamento (Andión).  
Vestixios explotación mineira aurífera (Arcos de Frades).  
Calzada da que non quedan restos en Fonfría, parroquia de Silva.   
Ara de Mosteiro, hoxe no Museo do Castro de Viladonga.  
Ara (Bouzoá-Silva): Foto feita no Museo do Castro de Viladonga, di: "LARI(bus)/VIAL(ibus)/EX VO(to)" ("Aos Lares Viais por unha promesa").  
Mosaico da vila romana de Doncide (Silva): Atopado cando a ampliación dunha estrada; consérvanse dous fragmentos que terían como función servir de pavimento dun cuarto dunha vila de época tardoimperial na que se descubriron restos de canles e tubaxes pertencentes, posiblemente, a unhas termas. Ademais do mosaico atopáronse tellas e outros restos.
 

 

QUIROGA
Ao longo do municipio existen máis de medio cento de explotación mineiras, entre elas salientan as Minas auríferas de Covas e Parada (Augasmestas). 
Canle romana do Mondón: Canle que captaba a auga do río Xares ata unha explotación aurífera situada en Vilarnuide, no concello de Quiroga. Unha obra de enxeñería, en parte sobre cantín de grandes pendentes, e que leva auga que transcorre a media ladeira, pola marxe dereita do río, dende riba da presa de Santa Olaia ata á Portela de Portomourisco, en Petín, onde se interna na conca do río Sil. Desaparece nun grande treito por terreos agrícolas, e aparece de novo por debaixo do lugar de Seadur, xa no concello de Larouco. Conserva trazas da súa estrutura a través do seu percorrido, coma as grandes rochas cortadas, e muros de contención para asentar oleito. A lonxitude sería duns 14 km. (Información de Elixio Vieites).     
Túneles de Montefurado (Monte da Pena do Corvo-Montefurado).  
Túnel de Peno Furado, mina e lavadoiros (O Soldón-Montefurado).  
Minas auríferas de Albaredo, Ermidón, Montefurado, San Miguel e Veiga (Montefurado). 
Explotacións auríferas de Cereixal e Espandariz (Nocedo).   
Minas de Barxa, Castí, Conceado, Freixeiro, Margaride, San Pedro e Santa Andrea (Quintá de Lor).  
Minas de Caspedro e Quiroga (Quiroga).   
Minas da Seara e Vieiros (A Seara).   
Minas da Cabeza, Sequeiros e Vilanuide (Vilanuide). 
En Penadominga apareceron uns botóns que estarían relacionados coa indumentaria persoal, dúas fibelas, unha semicircular e bordo dentado, e outra cadrada, case trapezoidal.  
O Crismón de Quiroga: A igrexa da Ermida, asentada sobre un castro, conserva varios elementos de época romana (bases, capiteis...). Aquí atopouse un crismón que data dos anos 410-425 d.C.; trátase dun gran disco de mármore (quizais das canteiras do Incio), posiblemente utilizado como mesa de ofrendas, e despois de altar, que no centro ten gravadas as letras alfa e omega (monograma de Cristo), e no bordo a inscrición: "AVRVM VILE TIVI EST ARCENTI PONDERA CEDANT (hereda) PLVS EST QVOD PROPIA FELICITATE NITES", ("O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense, mais é o que brillas pola túa propia". Segundo Fontaine, o texto, en hexámetros, céntrase nunha exhortación ao rexeitamento das riquezas materiais, ás que se opón os valores morais da felicidade cristiana. A presenza deste crismón evidencia a existencia no lugar de cristiáns cultos. Na igrexa da Ermida apareceron e aínda se conservan outras pezas de mármore como dúas basas, unha praca e dous capiteis de orde corintia, todos datados na primeira metade do século V o que permite pensar na existencia dun importante núcleo ou igrexa paleocristián vencellados aos asentamentos tardorromanos. Consérvase no Museo Diocesán de Lugo.  
Túnel de Montefurado: É o principal elemento dun enorme complexo mineiro ideado pola enxeñaría romana consistente en desviar o curso do río que, dese xeito, quedaba libre para recoller do seu leito desecado e areoso as pebidas de ouro que arrastraba a corrente. Construído no século II d.C., tiña 120 metros de longo (o derrubamento provocado por unha crecida do río no ano 1934 reduciuno a 50 metros) e 20 metros de ancho. No mes de marzo de 2014, varios colectivos alertaron sobre o perigo para o túnel e o seu entorno polas proxectadas obras da autostrada A-76.   
Castro de Augasmestas: Sobre o castro construíuse unha igrexa. Romanizado, atópase moi estragado.  
Castro de Ermidón: Castro romanizado situado xusto por riba da boca do túnel de Montefurado.

 

 

RÁBADE
Miliario: Segundo Marcelo Macías (1912) foi atopado nunha leira de don Victoriano Sánchez Latas, preto de Rábade, quen o regalou ao bispo de Astorga, Julián de Diego y Alcolea, que o levou para o museo de Astorga. Lese: "C(aius) CAESAR DIVI/AUG(usti) PRONEPOS/AUGUSTUS PONT(ifex)/MAX(imus) TRIB(unitia) POT(estate) III/CO(n)S(ul) III P(ater) P(atriae)", ("Caio César Augusto, bisneto do divino Augusto, Pontífice máximo, investido tres veces da potestade tribunicia, cónsul por terceira vez, pai da patria"). Do ano 40 d.C.
Ara de Sinoga: Atopada no ano 1909 por Ángel del Castillo como apoio dunha fiestra. Custodiada no Museo do Castelo de San Antón da Coruña. Lese: "LVCOVBV(s)/ARQUIENI(s)/SILONIVS/SILO/EX VOTO", ("A Lucoubus Arquienis, Silonius Silo (puxo este monumento) por unha promesa"). Hai autores que sitúan o achado en Outeiro de Rei.
 

RIBADEO
Praia de Esteiro: Forno de cerámina romana que foi practicamente destruído polos temporais que afectaron á zona nos primeiros meses dos anos 2014 e 2016. Agora só quedan pequenos restos. O colectivo Mariña Patrmonio promoveu un proxecto que non foi aceptado pola Xunta de Galicia.   

RIBAS DE SIL
Basa de columna: O día 17 de setembro de 2016 localizamos a basa dunha columna romana nunha casa da aldea de Relosio.  
Explotación mineira do Barreiro (Nogueira).   
Minas da Moá e Peites (Peites).   
Minas de Figueiredo e Piñeira (Piñeira).   
Explotación mineira de Rairós (Rairós).   
Explotación mineira de San Clodio (San Clodio). 
Explotación mineira A Eira da Torre (Aldea-Soutordei).  
Inscrición: "TER(minus)". 
Inscrición: "]VI IPOA". 
Serra da Moá: Segundo noticia recollida en La Voz de Galicia o día 24 de outubro de 2011, na Serra da Moá descubriuse unha mina de época romana datada, probablemente, entre os séculos I e II d.C. A existencia do túnel só era coñecida polos veciños que en tempos aproveitaban as augas dun manancial para consumo propio e para regar. O lugar foi localizado por Carlos Rueda e José Ferreiro quen se puxeron en contacto co arqueólogo Iván Álvarez que foi quen identificou a galería como unha explotación mineira. O túnel, duns 130 metros de lonxitude, adéntrase na serra. Nas paredes pódense ver uns ocos que deberon servir para colocar a iluminación para os traballos mineiros. O tramo máis profundo da mina está cegado por un derrubamento nun momento imposible de determinar, polo que non hai forma de saber se a escavación se adentraba máis na montaña.   
O Covallón: A uns 200 metros da anterior hai unha ducia de explotacións auríferas a ceo aberto de época romana que non estaban catalogadas, aínda que si se sabía delas. Existe un proxecto por parte dunha empresa para realizar sondaxes e mirar a súa rendibilidade. A mina foi sinalizada como lugar de interese histórico e cultural coa axuda do consorcio turístico da Ribeira Sacra. No seu momento, a Dirección Xeral de Minas xa instalara unha cerca protectora coa finalidade de prever accidentes.
Das explotacións mineiras da Serra da Moá existe coñecemento dende hai tempo. Mesmo hai unha, a do Boutallón, en Peites, que ata non hai moitos anos seguía a extraerse ouro. No concello existen unhas 40 minas.

 

RIBEIRA DE PIQUÍN
Mina de Montefurado (Navallos): Tras 88 anos sen executar a súa concesión, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico decidiu, o pasado 17 de abril de 2010, someter a información pública a solicitude de rehabilitación dun proxecto hidroeléctrico que pretende captar 10.000 litros de auga por segundo do río Eo. Ademais de afectar á Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón con importantes hábitats protexidos ao desviar o caudal ao longo de doce quilómetros, hai que engadir o impacto irreversible sobre o patrimonio arqueolóxico da zona, como o da explotación mineira de época romana de Montefurado. No río Eo, os romanos practicaron unha canle para desviar o río e así recoller o mineral. 
Os Cangos (Santalla): Restos de bancos para o lavado do mineral aurífero e fornos para a cocción de tellas.  
Necrópole de Piquín (Navallos). 
 

RIOTORTO
Complexo mineiro da Muxueira: Explotación aurífera formado por tres grandes trincheiras a ceo aberto: As Grobas, O Palo Ribeiro e A Chousa do Baño. No mes de febreiro de 2015 Adega e Mariñapatrimonio denunciaron que nos traballos para unha plantación de eucaliptos afectaron á mina da Chousa do Baño, utilizando maquinaria pesada que tamén abriu unhas pistas modificando a morfoloxía da antiga explotación. 

SAMOS
Cerámica de época romana no castro de Formigueiros.  
Terra sigillata e moedas no castro de Margarita (Freixo).

SARRIA
Campamento do Monte da Modorra (A Chá de Santa Marta-Rubín): Recinto cuadrangular lixeiramente irregular e con esquinais redondeados. Identifícase a existencia dun terraplén (agger) que na actualidade se atopa case nivelado. A superficie do sitio sería dunhas 13 ha. Está practicamente arrasado pola roturación do terreo, algunhas áreas están cubertas por piñeiros. Atravesado en parte pola estrada LU-620. Nos anos 30 do pasado século construíuse na Chá un aeródromo militar. Descuberto por M. Gago en setembro de 2014. Información extraída de patrimoniogalego.net.  
Ara: "LARIBUS/VIALIBU/S CAES(i)/ANUS". 
Epígrafe: "]/FELICEM/PARENTEM/(...) IUL(io) ET/(...)FILIO". 
Xacemento de Agra de Arriba (Chorente).    
Terra sigillata e moedas nos castros de Seteventos e Vilapedre.   
Villae de Vigo (Vigo-Vilar de Sarria).  
Escultura de Vilapedre (Museo de Lugo).  
Xacemento de Cercas (As Cercas-San Antolín): Estrutura rectangular en xisto da que parte unha canle de desagüe.   
Relevo de Vilar de Sarria: Datado no século III d.C. De gran interese pola súa temática e forma de representación. Trátase dunha peza traballada nas súas dúas caras, que se interpreta como unha estela funeraria anepígrafe atendendo ás figuras humanas, un home e unha muller, vestidos que só deixan á vista as mans. O corte da pedra impede saber se se trataba de figuras enteiras.  O reverso semella compoñer unha escea unitaria que presenta un relevo bastante deteriorado coa representación central dunha nave dun mastro co seu aparello e catro figuras a bordo. Por riba, á dereita, unha aguia de as abertas como para emprender o voo que se apoia sobre un obxecto que se interpreta como unha rocha ou un peixe, mesmo unha nube. Baixo o barco, e centrado, un cetáceo identificado como un golfiñoo, a pesares da curiosa triple aleta central. Esta escea foi interpretada por Castro Nunes como unha representación do mito de Ulises, en concreto da pasaxe das sereas, atribuíndolle un carácter simbólico neoplatónico en relación co transo dos defuntos. No Museo de Pontevedra.     
Miliario (Lamarrigueira-Farbán): O miliario atópase deitado no chan, xunto o muro do peche da casa de don Luciano Tourón situada en Lamarrigueira, a carón da estrada que vai de Sarria a Monforte. Trátase dun cilindro de granito fino coa superficie sen puír. Segundo Rodríguez Colmenero et Al. (2004), é un fito importante para afirmar a existencia da vía que o Itinerario de Barro anuncia entre Lucus e Dactonium, sinalando, ao menos, a mansión Aquae Quintiae. Segundo me contou un veciño, foi atopado ao outro lado da nova vía de alta capacidade, próximo ao lugar coñecido como A Lagarteira onde hai un posible castro que dista menos dun quilómetro en liña recta dende Lamarrigueira. Aínda que non se aprecia ningún epígrafe, si se poden ver pequenas coviñas, sucos e un posible "C". Mide 1,60 metros de altura e 0,40 de diámetro.    
Calzada (Betote): Nunha antiga foto que hai no Arquivo Histórico Provincial vese unha calzada ao seu paso por Betote, hoxe en día desaparecida.   
Xacemento de Santa Eufemia (San Antolín).
 

 

  

O SAVIÑAO
Aras de Corveixe (Rosende): Trátase de dúas aras atopadas preto do castro de Corveixe ou Madredauga. Nunha lese: "IOM/VALERIUS (adicada por Valerio a Xúpiter Óptimo Máximo). Na outra, empotrada nun muro: "ARAM/DEDIC... (ara dedicada...). Tamén apareceron tégulas, muíños naviformes e escouras.  
Ara de Vilariño (Fión): A casa de turismo rural de Torre de Vilariño ten no seu xardín un fragmento de cornixa dunha obra anterior, labrada sobre unha ara romana de granito. Do epígrafe só quedan as grecas e os verdugóns da área do capitel nun dos seus lados, quedando o espazo da inscrición na cara interior da peza que non destruíu as labras da moldura da cornixa. Lese: "VALL(ius)/SEVE(rus)/VER(oni) F(...)/(e)X V(oto)", "Valio Severo adicou este altar a Berón para cumrpir un voto que fixera".
Relevo de Licín: Peza de mármore, posiblemente de O Incio, con decoración en baixorelevo de posible adscrición altoimperial. Foi atopada polo veciño Antonio Varela, catedrático de Bioloxía, cando observou a peculiaridade do relevo e a falla de sintonía coa cantería xeral da igrexa de Licín. A peza, empotrada nun esquinal da cabeceira, non se pode sacar do seu emprazamento, mais é facilmente encadrable. Os motivos insculpidos constan dun xarrón ou crátera do que xurden uns motivos vexetais que percorren a peza, interrompidos no centro por unha flor. Semella un resto dun mausoleu ou templo paleocristián.   
Estela e ara de Mourelos: Próximo á ponte romana que salvaba os Cóvados de Belesar atopáronse unha estela e unha ara. A primeira, desaparecida, coñécese grazas ás referencias literarias. A ara apareceu nos cimentos da igrexa vella de San Xulián de Mourelos cando foi levantada para o seu traslado ao lugar actual. Segundo Tranoy, Le Roux e Arias Vilas contiña a seguinte inscrición "LOCV/EN ES/ES SIH", inscrición que apenas indica nada, se ben a última liña podería conter unha fórmula funeraria.
Beleigán (A Laxe): Don Ramón Castro López, o cura de Vilar de Ortelle, menciona no ano 1929 a aparición de varios vestixios, como muíños de man e fustes de columna. Non moi lonxe apareceu un sártego antropoide escavado sobre a rocha, coñecido como o Moimento, se ben semella de cronoloxía Alto Medieval.
Calzada nos Cóvados de Belesar, dende as Ribeiras do Miño a Diomondi.  
Explotación mineira de ferro de Licín, utilizada polos romanos pero de posible orixe prerromana.
A Torre (Freán): Castro López e Florentino Cuevillas citan un foro cerámico romano que desapareceu, e xarras de barro, unha ola con ósos, pezas de ferro, etc.

 

 

 

SOBER
A Tellada (Gundivós): Recuperados fragmentos de tégula e un muíño circular.  
Ara de Quintas (Liñarán): Na actualidade forma parte da basa dunha columna, quizais tamén de orixe romana, situada no peche de bloques de cemento do adro da igrexa parroquial de Liñarán. Aparece en posición invertida. No monte de San Roque existiron, segundo as referencias, dúas capelas adicadas a Santa Catarina e a San Roque, que é de onde procedería. Lese: "LVGVBO/ARQVIENOB(o)/C(aius) IVLIVS/HISPANVS/V(otum) S(olvit) L(ibens) M(erito)", ("A Lugubus Arquienobus, Caius Iulius Hispanus cumpriu de bo grado o voto que fixera". O cognomen, Hispanus, fai referencia á súa orixe ou á súa familia ibérica, posiblemente da Meseta onde este alcume é moi común.
Igrexa de Sober: Catillus e columnas romanas. 
Pena do Castelo (Doade): Castro romanizado situado sobre o río Sil. Apareceu material de época romana.  
Xacemento de Proendos. Villae de Souto do Chanteiro.  
Vila de Proendos: Tégula e cerámica común romana, fragmentos de cubo de columna, capiteis, basas, epígrafes, restos de canles e evidencias dun hipocausto. Hai investigadores que sitúan en Proendos o castro Dactonium, capital da Civitas dos Lemavos.  
Vila Leira da Viña (O Taro-Figueiroá): Chaira agrícola e aterrazada. Atopáronse fragmentos de tégula e pedras de cantaría molduradas ao traballar unha leira.  
Vila do Agro das Medorras (A Vilerma-Santiorxo): Apareceu tégula e un fragmento de catillus. Moi alterado polo labores agrícolas.  
Calzada (Pedride-Proendos): Sáez Taboada cre que podería formar parte dunha vía que viña de Dactonium, pasando primeiramente por Canabal e proseguindo por Proendos, Liñarán, Santa Mariña, Castro de Gundivós, Sanmil, Mourentán e Doade, cruzando o Sil pola ponte de Paradela.
No Camiño Real da Abeleda a Francos (Doade) atopouse un ladrillo de época romana.
Máis información sobre a romanización en Sober na entrada Apéndices: Dactonium e a Civitas Lemavorum. 
 

TABOADA
Castro de Piñeira: Apareceron muíños circulares de man de época romana.
Pía de auga bendita da igrexa de San Martiño do Mato que ao parecer pertencía a unha columna.  
Miliario de Vilar (Vilela): Localizado por José Manuel Sobrado no ano 2001; anepígrafo, actuaba como soporte dun hórreo. Segundo información recollida en Miliarios e outras inscricións viarias romanas do Noroeste Hispánico (2004), de Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey, atopábase tumbado diante da casa dun veciño (a casa do Laxo, coñecida tamén como casa do Vitorino), sinalando que o seu mérito principal residía en que poñía de manifesto o paso da vía nun tramo no que non se coñecían monumentos deste tipo. O cilindro, de granito de gran goso, medía 1,26 metros de longo e cun diámetro nos extremos de 43 e 48 centímetros respectivamente. Que fale deste miliario en pasado non é gratuíto. O día 31 de xullo de 2014 achegámonos ata o sitio e localizamos o que crimos era o miliario citado, tumbado xunto un muro do peche dunha casa hoxe en día deshabitada (non moi lonxe da devandita casa do Laxo), un fuste de granito, sen indicio de letras pero ben executado, cunhas medidas de 90 centimetros de longo e cun diámetro nos extremos de 37 e 40 centímetros. Aínda que non coincidían as medidas, lucubramos que podía deberse a un erro ou que posteriormente á súa descuberta fora manipulado. Mais pouco despois enterámonos por un veciño de que o miliario atopado no ano 2001 desaparecera, levado por unhas persoas para non se sabe onde. O cilindro documentado por nós é, tanto pola súa tipoloxía como pola información recabada, outro miliario anepígrado que, ao parecer, foi trasladado nalgún momento non determinado dende as proximidades do castro de Vilela. 
Ara en Vilar (Vilela): Na casa de turismo rural Casa do Romualdo hai unha posible ara galaico-romana. Ver a entrada neste mesmo blog: APÉNDICES: Unha ara galaico romana en Vilar (Taboada)?
 

 

 

TRIACASTELA
Castro de San Adrián: Situado sobre un outeiro, presenta forma ovalada cun terraplén que delimita todo o recinto. No castro apareceu unha cama de freo (disco de ferro que vai colocado en cada extremo da boca do cabalo) de época romana (s. IV-V). 
Explotacións auríferas: Na parroquia de Cancelo e en O Valín (Toldaos). 
 

O VICEDO
Castro da Tarroeira: Romanizado, apareceron tégulas, ladrillos e un muíño circular.

VILALBA
Alba: Ara atopada cando se reconstruíu a igrexa. Desaparecida? A inscrición dicía: "D(iis) M(anibus)/SERANIE/VICTORI/NA ANNO/RVM LX(sexagimia)" ("Aos deuses Manes. Victorina (filla de) Serania, morta á idade de 60 anos"). 
Pazos (Alba): Muíños circulares, tegula e fragmentos de fuste e columnas de granito.   
O Marco (Boizán): Pezas de muíños circulares, fragmentos de tegula e cerámica.  
Castro (Gondaísque): Escouras metálicas, fragmentos cerámicos e tegula. 
Sa (Insua): Fragmentos de tegula, muíños circulares e obxectos metálicos. 
Ladra: Fragmentos de tegula e muros.  
Vilamartín (Rioaveso): Cerámica e un epígrafe adicado a Mercurio.   
Ara de Oleiros: Fragmento superior dunha ara atopada ao arar unha finca cun tractor. Tamén apareceron restos cerámicos. Fragmento de ara consagrada a Mercurio do século III d.C. que di: "SACRUM/MERCURIO...". Estudada por Nicandro Ares Vázquez. Custodiada no Museo de Lugo. 
Quintá (Rioaveso): Atopouse abundante material que se utilizou como firme dun camiño, só se conservan dous epígrafes no Museo de Lugo.  
Vilaragonte (San Simón da Costa): Fragmentos de tegula.  
Castro (Santabaia): Muíños circulares, fragmentos de tegula e un fuste dunha columna de granito.  
Museo Arqueolóxico de Vilalba.

VIVEIRO
Área arqueolóxica de Estebañón: Na praia de Area (Faro), ao final do ano 1951, debido aos temporais que asolaron a costa, deixaron ao descuberto restos dunha vila tardorromana e outra medieval. O daquelas alcalde, Alberto Michelena Rebellón, puxo en coñecemento das autoridades competentes a noticia do achádego. O xácigo foi visitado algún tempo despois por Vázquez Seijas que catalogou os restos de edificacións como unha factoría pesqueira de época romana, atopando tamén escouras de ferro e restos cerámicos. En novembro de 2010, un temporal desprazou parte dos restos. Os técnicos consideran que é difícil protexer a parte baixa do xacemento xa que está nunha praia e, polo tanto, aféctalle a erosión marítima e eólica. O sitio arqueolóxico atópase en estado total de abandono despois de que o millonario proxecto de Costas non fose adiante para poñelo en valor, conseguindo só deteriorar aínda máis o xácigo, ademais de facilitar o espolio. Segundo a tradición e a lenda, xunto a lagoa de Carrucedo estaba a vila de Estebañón ou Labañón que unha onda xigantesca destruíu, sepuntándoa para sempre baixo as augas; aínda hai quen cre ver no fondo da lagúa o campanario da igrexa e escoitar o son das campás. Esta lenda fixo pensar na existencia de pobos lacustres. A eles referiuse Pascual Madoz ao afirmar que na lagoa de Viveiro atopáronse vigas e que no porto se descubriron no 1841 ou 1842 anacos dunha rúa ancha e empedrada.
Restos dun asentamento no baixo dun edificio (Viveiro). 
 

XERMADE
Ara (Pepín-Cazás): Descuberta a principios do século XX. Lese: "Laribus Vialibus Placidina ex voto posuit",, ("Placidina fixo esta promesa aos Lares Viais").
Villae (Vilar da Graña-Roupar): Atopáronse tubos de canalización.


Xabier Moure
Romanización de Galiza/Galicia (Provincia de Lugo)
o noso patrimonio