* Megalitos de Vimianzo

 

Encabezo esta entrada cunha foto que me fixeron diante do dolmen da Pedra Cuberta hai unha pía de anos. Daquelas, poucas persoas coñecían a riqueza megalítica do concello de Vimianzo, a información da que dispoñiamos era, máis ben, escasa. Por iso, no 2001, celebramos o anuncio da creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte que ía estar rematado no ano 2006. Lamentablemente niso quedou, nun anuncio, dezaseis anos despois continuamos á espera.

A Costa da Morte é unha das zonas coa maior densidade de mámoas de Galicia, con varios centos de enterramentos. A meirande parte concéntrase na Terra de Soneira, co concello de Vimianzo á cabeza, con máis de 100 distribuídas por unhas 30 necrópoles repartidas polas parroquias de Baíñas, Berdoias, Calo, Cambeda, Carantoña, Castrelo, Cereixo, Salto, Serramo, Treos... Se ben é certo que aínda queda moito por facer, é neste municipio onde se están a dar pasos importantes para dalas a coñecer.  

A continuación deixo unha pequena mostra. 

ARQUIÑA DE VILASECO 

Mámoa de 37 por 32 metros e 3 de altura. Atravesada por un valado de pedra. Semella que conserva catro esteos da cámara e a tampa e un corredor desenvolvido cara o leste. Unha plantación de eucaliptos afectou ao túmulo, á coiraza e ao corredor.

 

ARCA DA PIOSA 

A gran curiosidade desta anta reside baixo a tampa do corredor. Sobre dous esteos sobrepóñense dúas tampas: a exterior e unha interior, partida en tres anacos. Parece que ao romper esta laxe, os constructores do dolmen colocaron outra por riba sen retirar a que rompeu. Esta tampa inferior presenta unha decoración con rugosidades na pedra que semellan serpentiformes.

 
 
 

Aínda que este dolmen se construíu hai máis de 5.000 anos, no 1888 o bardo Eduardo Pondal fixo da Arca da Piosa a tumba do guerreiro Brandomil, morto na loita contra os romanos. "Arca antiga da Piosa, o vento q´he triste oir... debaixo das túas antes, está o guerreiro Brandomil, non no olvido, mais nos brazos do eterno e doce dormir". 

CASOTA DE BERDOIAS 

Coñecida tamén como Casota de Freáns. Trátase dunha cista. Ten unha cámara rectangular formada por tres esteos e tampa. Vense varias cazoletas e gravuras cruciformes. 

 

A PEDRA CUBERTA 

Cando a principios dos anos trinta do pasado século XX os arqueólogos Georg e Vera Leisner estaban a visitar a Pedra Cuberta e a Arca da Piosa, enteráronse da existencia dun dolmen na parroquia de Treos: o da Pedra Cuberta. Pediron permiso para escavalo e atopáronse cunha sorpresa no corredor. O interior dos esteos estaba cuberto de pinturas negras e vermellas sobre fondo branco con representacións de serpentiformes, ondulados, idiliformes e círculos. Foron as primeiras pinturas do Neolítico descubertas en Galicia, e durante un tempo foron das poucas coñecidas en Europa. Cando o visitaron os Leisner o enterramento xa estaba moi estragado xa que fora dinamitado nos anos vinte. Aínda se aprecia a cámara funeraria e o corredor cara o leste que conserva a tampa cobertoira.

 

A PEDRA DA ARCA 

Atópase en bo estado de conservación, apreciándose a estrutura orixinal do dolmen, con cámara poligonal e corredor de entrada desenvolvido cara o leste para que os primeiros raios do sol iluminen o interior. A cámara está cuberta por unha enorme lousa, cun peso aproximado de 15 toneladas. Nun dos esteos verticais aínda se ven restos de pintura con liñas onduladas e manchas vermellas e gravados abstractos. O gran corredor, de dous tramos, está cuberto por dúas tampas. A mámoa ten uns 30 metros de diámetro.

  
  
 

PEDRA DA LEBRE 

Atópase moi estragada. Fáltanlle varios esteos e outros están desprazados do lugar orixinal. Aínda se ven cinco chantos verticais e as tampas que cubrían a cámara poligonal, tamén desprazadas.
 

PEDRA MOURA 

A cámara está bastante desprazada do lugar orixinal debido ao movemento de terras. Apréciase un corredor curto de entrada con tres ortostatos verticais. A mámoa tiña uns 15 metros de diámetro pero hoxendía atópase moi achandada. Segundo a lenda, aquí vivía unha moura que custodiaba un tesouro. Tamén achego unha foto con pezas atopadas no enterramento.

 

 

MÁMOA NO ENCORO DA FERVENZA   

Debido á prolongada escaseza de choivas, no outono de 2017 saíu á luz unha mámoa asulagada polo encoro da Fervenza, situado entre os concellos de Dumbría, Mazaricos e Vimianzo. Fronte ao Orbellido, na parroquia de Baíñas, poden verse restos da coiraza pétrea e parte da cámara. Na Gándara, tamén na parroquia de Baíñas, hai outra mámoa baixo o encoro que conserva parte da coiraza e un esteo da cámara.

    

 AS CAXADAS 

Necrópole formada por catro túmulos, un coa anta visible. No mes de agosto de 2016, nunha finca próxima ao vello camiño entre As Caxadas e Sanfins localizaron unha nova mámoa coa anta no interior; do cono de violación asoman media ducia de esteos.  O túmulo número un, situado a carón do camiño da Brea, foi profanado, levantándose moitas das súas pedras; presenta cámara poligonal e corredor, con seis pezas visibles, tres da cámara e outras tres do corredor. 

 

MINA DE RECESINDES 

Forma parte dunha necrópole composta por tres túmulos. A mámoa agocha unha anta con seis esteos dos nove que podería ter orixinalmente. Adivínase un posible corredor cara o leste. Foi escavada furtivamente no ano 1936, na procura dun suposto tesouro.

* Pedrafita de Pedrafitelas (A Fonsagrada)

A Pedrafita de Pedrafitelas coñécese tamén como O Marco de Pena Labrada. Na actualidade érguese a carón do Camiño Primitivo, entre Pedrafitelas e o Hospital de Montouto, parroquia do Padrón. Hai anos foi arrincada do seu emprazamento orixinal, derrubada e parcialmente mutilada. Pouco podo achegar sobre a súa cronoloxía. Hai anos tamén me contaron que actuaba como marco divisorio pero que tamén indicaba a proximidade do Hospital de peregrinos fundado por Pedro I o Cruel no ano 1357 e logo trasladado máis abaixo a finais do século XVII. Malia o anterior é probable que, ao estar nas proximidades dun campo de mámoas, sexa prehistórica e anunciaría a necrópole megalítica. Ten unha altura á vista duns 2 metros e 0,50 enterrados.